luns, 15 de outubro de 2012

Apetece parrulo chinés?


Soubera polo bló de Xabi Prieto que unha parella de Aix galericulata, o Mandarin duck dos ingleses, o parrulo mandarino meu, andaba de recalada polas augas cumpridas do Lago de Lanzós. Apercibírase Xabi da súa presenza a primeiros do mes de agosto pasado e dera noticia certa da súa estadía en entrada editada no 9 de ese mesmo mes.(Pra reollar).

Andaban daquela recén arribados e, como se pode apreciar nas fotos de Xabi, o macho presentaba a farda da pluma  ecrisada, con toda a discreción e o disimulo que é propio de tantas anátidas en determinadas épocas do ano en que andan lonxe do celo.

Moi diferente do que luce estes días, rechamante, bigarrado, toda unha festa de deseños, un prodixio de fermosura natural indisimulada, un canto ao maximalismo de luz e cor, sen vergoña, sen medo, coa valentía  dun artista fauve posuído da loucura da cor e o desexo.


En claro contraste coa lindísima e elegante discreción da femia, lizgaira, miúda, delicada coma unha sinfonía en pianísimos, definitivamente fermosa e lírica coma un acorde en tonalidade menor. Non só a min me parece a máis linda das parruliñas. Somos moitos, e moitas, os que, na primeira ollada, ficamos  prendidos desa cadenciosa harmonía de cores escondidas, dese aire inxenuo e bondadoso que navega pola flor das augas do lago ao compás rítmico das arrotiñas, namorando brisas, levantando un maino rumor de suspiros de admiración e  engado. Unha miragre na faz da auga. A parruliña mandarina que pasa e namora.



De onde  é que ven esta parella de parrulos mandarinos? Pode ser dalgunha colección particular? Poidera ser; pro habitualmente os posuidores dalgún exemplar en xardíns privados adoitan facerlles unha mutilación das dúas últimas falanxes das alas (en veterinaria díselle pinioning) pra impedirlles voar e asegurarse así a súa fidelidade e o aproveitamento da inversión gastada na súa adquisición. (Gasto  modesto dabondo: nas moitísimas ofertas de venda destes parruliños pola internete o precio máis corrente por exemplar vai entre 35 e 40 euros).


Proceden dalgún Parque Municipal? Dalgún criadeiro ou mini-zoo privado, que ultimamente parecen estar tan de moda? Algúns hai non moi lonxe e deles poideran terse escapado. Certamente o seu comportamento na lagoa litoral da Frouseira non é moi temeroso cos humanos e achéganse prudencialmente aos pescadores da ribeira, na rebusca das faragullas que arrastran as brisas pois xa aprenderon que aqueles engadan as augas con pan.


Poideran chegar dende as colonias naturalizadas en Inglaterra? Poidera ser, cousas máis raras se miraron.  O seu comportamento, non arredío coa especie humana, non desbota a súa crianza inglesa: ao contrario. A todos nos deixa abraiados a confianza asombrosa de especies salvaxes en Hide Park. E o certo é que en Inglaterra calcúlase en cerca de mil parellas as que arestora viven salvaxes e naturalizadas nas augas británicas. 


Aix galericulata é unha especie propia da faixa chino-siberiana e do Xapón, onde tiña historicamente as súas máis abondosas poboaciós salvaxes. Mor dunha caza abusiva e estensiva (que quería ofrecer unha satisfacción comercial á desmedida demanda mundial de tan rechamante e fermosa especie por parte de zoolóxicos, xardíns e criadeiros privados), na hora poucos exemplares quedan ceibes en estado salvaxe.


Pra máis a progresiva destrución do seu habitat preferido (bosques húmidos con presenza de pozas de augalama) vai  contribuír a desaparición lenta pro irremediable da especie en estado natural, estimándose que as poboaciós bravas sofren unha amoda diminución anual.


Calcúlase en tan só mil parellas, (precisamente as mesmas que naturalizadas en Gran Bretaña), o número total de especímenes de China e Siberia; estimándose en 5000 o conxunto de parellas da poboación xaponesa. Pola contra a poboación mundial de Aix galericulata pénsase que poida chegar ás 65.000 parellas, o que nos ofrece unha idea cabal do despropósito natural provocado pola especie humana e o seu irreflexivo "amor aos animais" . Esbandalleinos porque eran meus.



No Oriente estes fermosos parruliños, ao parecer monógamos, están considerados un símbolo da fidelidade e amistade, e disque son portadores de boa sorte e fortuna, razón pola que nas vodas chinesas dun certo aquel unha parella de Aix galericulata eran un galano obrigado aos noivos. 


Cada ano máis, aparecen pequenos núcleos de parruliños mandarinos que se van naturalizando en augas e lagoas do mundo enteiro e cada vez son máis numerosas as citas de exemplares nestas ou naquelas outras   augas; as máis das veces de  escapados, pro tamén nalgunha ca outra de parrulos introducidos.



Arestora non só na Gran Bretaña existen núcleos consolidados de parruliño mandarino. En numerosos lugares de Centro Europa (Suiza, Bélxica, Francia, Alemaña, Austria, Dinamarca) viven e reprodúcense  colonias de Aix galericulata.


Se esta parella de residentes ocasionais no Lago de Lanzós proviñesen das colonias naturalizadas no Sur de Inglaterra, poidera darse o caso de estar facendo unha migración temporal, digo, pois en estado salvaxe adoitan baixar a Sur logo da época de cría, pra retornaren aos seus lugares de crianza ao finalizar o  inverno. Veremos que pasa con estes da Frouseira.


O Lago de Valdoviño poidera ser un hábitat axeitado pra a crianza dalgunhas parellas de Aix galericulata, pois gostan de augas tranquilas rodeadas de árbores, así é que a ribeira de vendabal da lagoa podería cumprir as expectativas requeridas. 


Difícil sería en troques que poidera ofrecer residencia a un número amplo de individuos, pois o parrulo mandarino aniña en ocos do outo dalgunha árbore vella e tan só moi raramente faino no chan.


E cousa moi diferente sería  que a consolidación dunha colonia de Aix galericulata nas augas da lagoa litoral do areal da  Frouseira fose aconsellable dende un punto de vista naturalista ou ecoloxista .

Apetece parrulo chinés?


E quédese acó o falar desta exótica parella. Agradecendo a vosa fidelidade, a pesares  da longa e inxustificada renovación deste bló (que a militancia integrista dun servidor na agradable relixión do dolce fare niente non conquire facer entender) dou en irme mandando calar pra ver de deixarvos acomodados na merecida  paz do silencio acougador.
Mil gracias mil, miñas e meus.
A mandare.



Fe de verbas: Escribín arriba a farda da pluma ecrisada, e ao mellor compre aclarar a expresión. Non por farda que quen máis quen menos sabe que cousa é fardar: vestir, lucir; se non por ecrisada, verba máis rara que adoitase escribir, mesmo por naturalistas de probada fe galeguista, coma eclipsada, aportando á linguaxe naturalista galega un outro castelanismo máis. Sáibase: cris é a acepción máis manexada polos dicionarios históricos pra definir o ocultamento dun astro por outro. Dende o dicionario de Francisco Javier Rodriguez (1854) esta voz será presentada polos autores que virán e recollerana Cuveiro Piñol (1876), Marcial Valladares (1884), Filgueira Valverde (1926), Carré Alvarellos (1928), Bernardo Acevedo e Marcelino Fernández (1932; pra o vocabulario do occidente asturiano), José Ibañez Fernández (1950), Eladio Rodríguez (1958) e Franco Grande (1972). Serán os dicionarios de Leandro Carré Alvarellos (1979) e Eligio Rivas Quintas (2001) os que aportaron as voces ecrís e acrís respectivamente pra se referiren ao ocultamento dun astro por outro. Delas un servidor tirou a expresión ecrisada; e aínda pensa non andare tan trabucado coma noutras. Obrigado.


VIDEOSMINIMOSDONOROESTE  TV

º
Aix galericulata na Frouseira


Vaia esta entrada (re-entrada, propiamente) adicada as miñas alumnas e alumnos de 5ºC do CEIP de Cedeira, que tanto turraron pra que anovase o bló. Agardo non defraudalos.

10 comentarios:

  1. Sumome os teus alumnos Rafa, eu tamén botaba de menos as tuas entradas. Un abrazo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moito obrigado...pois afortunadamente non publicaba por que como conto na entrada o que máis me gosta, do que máis, e non facer nada...a pura vida contemplativa... e adiquei uns meses a ese luxo e a armar arquivo, (non deixei de facer fotos) no canto de armar entradas...en fin Pepe vémonos polo Forgoselo (a ver se cadra)
      Apertas.

      Eliminar
  2. Pois acó outro que se alegra de atopar o blog en marcha, xenial Rafa. os parrulos...unha fermosura exótica que parece estarlle collendo o qusto a Frouxeira. pois nada Rafa, xa nos irás amosando o resultado destes meses de "descanso blogueiro"
    unha aperta.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moito obrigado...imos ver se somos quen de facer entradas regularmente, material hai. Mesmamente o rumex que fotografamos a dúo no mes de xuño.
      Apertas.

      Eliminar
  3. Ola Rafael!

    De cando son as fotos? eu vin un macho na praia de Sada o venres 12. Pensei que sería o da Frouxeira, pero a ver se imos ter dous por aquí...

    Saudiños
    Sergio París

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Sergio...as fotos son de dous días diferentes, iso si da mesma semán en que ti miraches ao Alix por Sada...e o video asimesmo vai feito con esceas gravadas en días diferentes...as máis luminosas son do domingo 14 e as outras do lusconfús do mércores día 10. Non penso que sexan os mesmos, estes da Frouseira parecen moi querenciados a unha zona moi concreta da lagoa.
      Apertiñas, meu.

      Eliminar
  4. Colléchelo ben, Rafa. E vaia cambio! (ben "ghuapo" que está agora que retomou a súa plumaxe nupcial.

    E unha cousa, iso de amputar parte das ás parece ser que hai algúns criadores que non lles gosta moito e, digamos...intentan evitalo (aínda que é ilegal). Que non te estrane, xa que logo, que puidese ter esa procedencia. Seino de boa tinta.

    E a todo isto, o Pato mandarín xa apareceu hai anos na lagoa. Unha vez máis como mínimo (falo de memoria).

    Unha aperta e parabéns pola entrada, estupenda coma sempre.

    ResponderEliminar
  5. Obrigado Xabi...aínda penso que o poiden fotografar mellor, pro un día pola luz e outro pola lonxanía houbo de quedarse a cousa así... e non me queixo...

    ...non me queda claro que cousa é ilegal: amputar as falanxes das ás ou non o facer?...as dúas lles percibo argumentos, á amputación por caridade e á non amputación por equilibrio ecolóxico...

    ...eu tamén penso que o máis normal e que sexan fugados dalgunha granxa, colección particular ou xardín público...cada día anda todo máis misturado e andamos xa a padecer un rebumbio de especies imparable...

    ...unha aperta Xabi (segue a andar pendente o tema das birras e o seu petisco, non te esquezas que eu non o fago)

    A mandare.




    ResponderEliminar
  6. Tes razón que non deixei a cousa clara. Quería dicir que, se non me equivoco, a amputación é obrigatoria para os propietarios, alomenos con certas especies. Penso que este tema se tratara no foro de Galiciaves un día.

    PD: Non esquezo o das birras. Estou esperando a que comece a invernada para ir pola túa terra (ou pola túa auga, máis ben)a afotar as mobellas e os pentumeiros....

    ResponderEliminar
  7. De novo en obriga, Xabi...tema interesante que eu descoñecía de todo punto...dende logo dende unha perspectiva ecolóxica absolutamente razonable, pro moito me temo que aborbore a pel dos animalistas...esa moda, absolutamente psicoanalizable, do mascotismo exótico anda a xerar importantísimos problemas medioambientais...pois nada faite co meu teléfono e antes de vir por acó manda un chamado.

    A mandare.

    ResponderEliminar