domingo, 21 de outubro de 2012

Merla roiba no Cuiña.

Algúns habituais do bló téñenme chamado a atención por adicar tanto ou máis tempo a comentar temas  de fóra de portas ca a asuntos propios do noroeste do Noroeste. Non lles fallan as razós. Ao mellor debería cambearlle o cabezallo e chamarlle "Dende o noroeste do Nororeste" Pro certo é que nas saídas que podo facer por Galicia e arredores xorden observaciós que ben sexa por imposibles na nosa bisbarra ou por posuiren algún interese naturalista xeral, ou parecéremo a min, non sei negarme ao retento de facerlles entrada. E ao mellor tampouco debo.

Así é que a risco de levar algún escaldo de certo querido amigo, que estando moi lonxe da bisbarra prefire sempre os contidos locais aos exotismos prósimos, darei hoxe a coñecer unha pequena observación, non foron máis aló de quince minutos, de dous exemplares de Monticola saxatilis, o merlo roibo, nas penedías rochosas que cinguen o estreito e fermoso carreiro que leva dende o outo de Porto Ancares ate o cimal dondo do Cuiña, cabezo da Serra de Ancares.

Consólame e alívame o sabere que cando menos outro amigo, este residente intramuros do noroeste do Noroeste, felicitarase de ver cumprida unha petición moi teimuda. Aí che vén, meu.


Corrían os últimos días de agosto. Era a última das xornadas  que adicaba a subir  aos Tres Bispos, ao Mostallar e ao Cuiña. O día aquel tocáballe o Cuiña. No día vindeiro a Vuelta subiría polas congostras de Rao, pasaría pola Balouta e en subindo o Pan do Zarco, remataría no cruzamento da Cespedosa. Así é que mellor rematar as andainas previstas e fuxir de tal balbordo remuiñante. Quen o queira, pra el.

Coma sempre, encetei a camiñar sen présa, amodo, sabedor de que se o tempo se prestaba tiña todo o día pra ir e volver. O carreiro que leva ate o Cuiña, logo de facere o día anterior o afogador chanzo do Mostallar, que me pedíu o carnet de camiñante, semella azoso e levadeiro, indo cara arriba sen apuro, afundido entre uces, arandeiras e...cimbros...



...cimbros...Ía eu pensando en nada, ollando, ulindo, sentindo, cando a miña ollada tropezou cunha arborica rastreira, leñosa, que me acordou aos piñeiros e tróuxome de súpeto, dende o informe fondo da arca das evocaciós, o nome de xenebro á cabeza. Un Juniperus communis spp. alpina estaba diante de min.

 Ben sabía que por estas outuras andaba, pro non pensaba en tropezar con el. Observeino atentamente, procurei deixar algún rexistro fotográfico claro e rebusquei a presenza dalgún froito entre as súas follas apertadas. Servidor confésase un afeccionado entusiasta, ben que moderado,  ao gin tonic e poder atopar por primeira vez ao natural o froito que lle confire a gracia particular a unha das súas bebidas favoritas, a auga fresca outra, facíalle unha particular ilusión que non puido ver cumprida. Ou non froitou ou xa froitara. 



O xenebro, ou xenebreiro, anda tamén co nome de cimbro, con certeza por metonimia, ao darse nos cumes mais outos do país e asumir así a planta o nome que en tantas bisbarras se lles aplica aos cabezos, cimais ou cumes dos montes: cimbros. E aínda cimbrón aplícaselle a aqueles montes de lomba alongada,  que noutrures chaman penalonga; e aínda tamén cimbrón é sinónimo de serra, conxunto de montes. Véxase o (Dicionario de dicionarios).


O camiño falábame e, aprendendo eu del, facíase mestre meu. Ollando cara atrás, recén principiado a camiñar, o día parecía abrirse á luz e ao coñecemento. Os montes astures desfacían coa agulla dos seus cumes o algodón das nubes pra teceren no máis outo dos ceos limpos lenzos turquesas. Daba gloria.



Aos lados do camiño  recreábase  o mundo e todo parecía nacer naquel intre. O Val de Ancares fervía de vizoso verdor callado mentras baixaba súpeto as chairas bercianas.



A incontable sucesión de cotos e lombas que chaman Galicia espaleábase na lonxanía e divertíame en  adiviñar a presenza de Suárbol, Moreda, Piornedo, a lonxana Fonsagrada ou o perdido Pico Sagro, aló ao lonxe, moito ao lonxe, ao mellor é aquel, que Sarmiento recoñecera dende os cimais de Ancares.


Levaba cosida ao fardel das ilusiós a espranza de poder botar un ollo a algunha manda de Capra pyrenaica, se fose de perto mellor, pois seica polas abas do Cuiña dan en andar a cotío. Os rebezos, que dous días atrás entretivéranme as horas polas faldras dos Tres Bispos, non eran xa un obxectivo degoirado, pro por alí andaban, ao lonxe, pacendo e repousando acomodados. Como tiña menos présa ca cartos, que xa é dicir, pousei a impedimenta, saquei a cámara e os prismas e folguei demodo botándolles de nova conta un ollo.




Foron as miñas costas as que xa cansas e  dooridas de aguantar  a mesma postura, ou parecida, deron en mandarme camiñar pra estimular o organismo que amolecidamente deitado entre as herbas  pedía xa botar unha sonequiña de nada, alí, ao abeiro da brisa e o reforno do sol. Quen comigo vaia saberá que podo durmir dun intre pra outro, entre palabra e palabra e sen deixar acabar a frase. Cousas da miña escasa educación na desperta lucidez.

Afortunadamente acordábame a paisaxe.


Quería chegar desta volta á pequena poza de auga limpa que hai baixo o Cuiña. Alí tiña pensado percorrer amodo as ribeiras e as abas do monte, disfrutando do día soleado, morno naquela outura, que ao mellor iluminábame coa visión das cabuxas montesas. Quen sabe. E mentres non quixeren aparecer ocuparía o meu tempo dándolle gosto a paixón de ir deixando xear, de sentir como arrola o tempo, ocupadísimo na descansada actividade de facer ren de ren. A arte da folganza. Pracer de praceres, gozo de gozos, marabilla de marabillas  que nestes alonxados eidos está aberto a todos e pechado a moitos. 



Mesmo petiscaría con preguiza a mantenza que levaba, daríalle ás garrafas de auga lentos grolos longos e deixaría ao meu corpo, despreocupado de todo, que repasase as beiras e os arredores ao seu mellor entender. Por todo oficio, un vago distraer fotográfico. A ver que se daba.

Unha silene, aínda hoxe por min sen cristianar...



...unhas familiares Gentiana pneumonanthe...



...unha vella coñecida ancaresa, Campanula herminii...



...unha pica alpina, Anthus spinoleta, (no saber certeiro de Cosme Damián Romay Cousido que me corrixe nun amable comentario o meu  parecer de sere unha A. campestris) andaba rebuscando pola ribeira, á percura de cágados de saberá deus qué...



...e a substanciosa conversa coa Cryptogamma crispa, un felgo exclusivo da outa montaña, que na Galicia disque só aparece en Ancares e Trevinca, sempre forrando as regañas, fendas ou a parte baixa das pedras, e que nestes  arrabaldos é particular e felizmente abondoso.




Daba en andar de acó pra aló, sempre non moi lonxe das augas, sen outra preocupación máis ca unha desatenta atención por todo, agora mirando esa cincenta que chega, agora tentando rexistrar esa libeliña; unha fotiña disto, outra daqueloutro, outra máis da paisaxe que me acolle, que alonxa de min a pantasma da anguria e que fornece o meu ánimo de acougos naturais....



...paseo... vou e veño... séntome... collo os prismas, levoios amodo aos ollos... deixo que a ollada esbare lenemente repasando o mundo, achegándome a el cun langor preguiceiro...e así, sen querer, no fondo da escuridade  dos prismas, dentro do círculo de luz polícroma que está repasando a silueta recortada do Cuiña e os seus esgrevios farallós, xurde a imaxe gozosa e inesperada das cabuxas montesas... alá están!... no perfil do Cuiña contra o ceo!...aleluuia!... albaricias!...






...a unha distancia imposible pra unha foto decente, pro moi fermosas pra gozar do seu perfil recortado contra do limpo ceo azul do día. 

Alí me deran as horas. Case gasto o vidro dos ollos de tanto usar o dos prismas. Vida simple a do malpocado aprendiz de naturalista que con tan pouco se conforma e é feliz. Quen coma el.

Véuse a hora de regresar. O que se quería mirar, e dabondo de máis, mirouse. Imola indo amodo que outro é o camiño de volta. Nel todo pode ser de novo ollado e entendido. As paisaxes recréanse con outra perspectiva, cambean, son as mesmas e tamén son outras. Olladas agora ao envés do camiño a luz que alaga os ollos dálles conformaciós novas. Todo cambia, só a fermosura de Ancares permanece.





Seascaso agora o camiñar é aínda máis lene e demorado, os ollos non seguen o carreiro se non a lonxana liña dos ceos acariñando os cotos. Preguiceiro, sabedor que deixo tras de min unha patria, non teño présa en mover os pés; ausente de min, eu outro vulto máis na toneira, ensoño os meus ollos na  lonxanía verdazul do horizonte.

E aboio.

Algo, non sei moi ben que, reméxese entre os pelouros, voa ou brinca ente as ouricelas que adornan as pedras e agáchase tras dalgunha delas.

Os sentidos, adestrados, baixan das nubes líricas e ordean aos ollos escrutaren polo miúdo o mundo que me encarta: uces montesas, Calluna vulgaris digo, arandos, cimbros e pelouros ouricelados. Unha cousiña tímida e curiosa ergue a súa cabeciña detrás dunha pedra e óllame. Ollámonos.



Non sei moi ben o que é. De feito hai outro paxaro, similar, que vai e vén e foxe pra o alto, cobregando con sabencia de escaqueador entre as pedras do monte. Os prismas, que levo colgados ao colo, danme unha referencia: poidera ser unha Monticola saxatilis, o merlo roibo dos penedos que aparece de preferencia nas grandes montañas  orientais e que se fai difícil de ollar en cotas baixas. O corazón dáme un brinco ilusionado. Velaí con que pouco un afeccionado ao naturalismo vive emociós intensas.



O merlo vai e vén. Agora déixase ver, agora se tapa. Desaparece por un tempo: minutos que semellaban unha eternidade; servidor fica inmóvil, un tancredo nos Ancares, agardando que de novo se queira deixar mirar. Parece que non haberá mellor ocasión; pro de repente aparece non moi lonxe, recortando a figura contra a vexetación da montaña. Xa non teño dúbidas: é unha merla, ou merlo noviño, de Monticola saxatilis. Nunca tal mirara. A acomodada pracidez do día tornouse de repente nunha marusía fervente de nervos e ledicias embriagadoras. Malpocadiño aprendiz de naturalista.


Brinca dunha pedra a outra e olla con interese o meu estar quedo. Aos poucos confíase e dá en traballar polas regañas das pedras na rebusca dalgunha bicada coa que encher o papo. Eu disfruto con el, ou ela. Non teño outra preocupación máis que elexir entre a cámara que me conservará a memoria ou os prismas que me achegarán o paxariño ao corazón. Sempre indeciso, unhas veces miro, outros fotografo. Faise o que se pode: pouco.



Un ollo na pedra o outro no monte buscan ao macho. Tería que amosarse un borrón índigo e vermello de rechamantes cores por algures. Se estivese. Pro ou non andaba, ou non se deixou ver, ou non souben miralo. Só ollei, fotografei e disfrutei, por poucos minutos que alcumei de  coreños, a este exemplar de Monticola saxatilis.  O outro que mirara a canda este, revoara entre as penas e marchara lonxe pra nunca máis volver. Non me queixo.



O merlo roibo pasa o verán criando nas máis outas serras septentrionais da Península Ibérica e en numerosas zonas de Europa, marchando cara os seus territorios de invernada na África tropical a mediados de setembro e outubro, logo de chegare ás nosas terras mediando maio.


Pola Galicia distribúese preferentemente polas serras orientais e sudorientais, (Ancares, Courel, Eixe, Manzaneda, Suído...) aínda que parece ser que hai algunhas referencias á súa presencia pola Faladoira. Servidor hai moitos anos creu ollar  un polas pedreiras do cantil das Cortes, na Serra da Capelada, pro foi un ollar e non ollar, unha instantánea e fugaz observación dun borrón avermellado  que semellaba un tordo. Un segundo de avisión. Suficiente pra engaiolarme durante anos. Pro nunca máis se me deu.



Ata o día este da fin de agosto en que andaba de volta das abas do Cuiña, e alí entre verdores e ensoñacións deu en amosárseme, razoablemente confiado e prósimo un Monticola saxatilis non teño claro, xa dixen, se  xuvenil ou  femia adulta. (Se tivese que xulgar polo seu comportamento curioso, destemido e indagador apoñería por un xuvenil descubrindo o mundo).



Aí fica pra que vós, que sabedes máis, me poidades dar unha solución. Eu pouco máis hei de dicir. Que ameazo con volver por Ancares en canto teña a menor oportunidade. Sempre terei alá unha patria que me aliva dos afogos das horas e das securas do camiño con gratos petiscos breves de acedos e saborosos bagos de arandos, mentres unha ollada lonxana se perde entre os cotos azuis da paisaxe encontrando entre as brétemas do día  os  bálsamos  da ialma.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.


Vai esta entrada adicada, co permiso de todos vostedes, a Alberto de Piornedo, home novo, cabal, xeneroso e coa ollada chantada no porvir da súa benquerida serra, por me ensinar a marabilla botánica de dous incribles carballos milenarios, perdidos nun acibeiral de ensoño e, pra máis, darme a confianza de saber que hai unha mocidade galega que pensa en tempos de futuro perfecto pra Terra. Obrigado, Alberto; vai por ti. 


Achegos.
a) Unha cita de Amadeo Pombo na Serra da Meda, Cualedro, no sur de Ourense, penso sere unha estribación do benquerido Larouco. Entrare.
b) Unha outra  cita  pola Serra do Suido de Oscar Martínez Roza. Con fotos do macho.Entrar
c) Moi bon mapa de distribución peninsular da Monticola saxatilisOllar.



VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video
Choias no cantil das cetáreas da Praia das Solreiras, Cedeira.

10 comentarios:

  1. Benquerido amigo.

    Parabéns por esta fresca e ben documentada entrada do teu blogue. E dunha terra que fala galego e arrecende a galego. Mágoa que fique fóra das artificiosas fronteiras da comunidade autónoma galega, cada día menos autónoma e menos galega. Mágoa.

    Achego unha corrección a unha pica que aparece ilustrada nesta entrada: eu penso, e podo xustificalo, que se trata dunha pica alpina (Anthus spinoletta). Ben fermoso paxaro.

    Apertas meu,
    Damián

    ResponderEliminar
  2. MOito obrigado por tan amables palabras e moito máis pola conocedora corrección da especie de pica. De paxariños, coma de calquera cousa sei máis ben pouco, ou nada, pro do xénero Anthus ren de ren. As picas fánseme especialmente complexas de determiñar e así é que designei a esta coma unha "campestris" con máis ousadía que coñecementos.

    Erro que se amaña agora mesmo.

    Obrigado meu.

    A mandare.

    ResponderEliminar
  3. Que tal Rafa, Fermosa entrada, a merla quedou guapísima, de seguro que algún día aparece algunha pola Capelada, por aquelo de disfrutala tamén preto da casa, por pedir que non sexa...
    Nin se che ocorra cerrar "fora de portas" está xenial.
    Unha cousiña, nos achegos do final, o primeiro e o segundo enlazan o blog de aves de Baldaio, coido que puxeches o mesmo enlace os dous.
    Pois nada, unha aperta Rafa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moi boas Toñito...agradecido polos azos que me das pra manter o "Fóra de portas" e por tan xenerosas palabras e aínda tamén por entrarlle ao bló polo miúdo e así rectificarme os erros que leva...en rematando poñerei o achego correctamente pra enlazar co bló de Oscar "Aves no Sur da Dorsal Galega"

      Vaia se me gustaría atopar algún merlo roibo pola Capelada!! E non descarto a posibilidade. Nos mapas de distribución que se enlazan nos achegos, aparecen unhas manchas que se corresponderían con algún punto da Serra Faladoira, que parecería ter máis posibilidades...aínda que como conto na entrada as pedreiras inmensas dos cantís da Capelada, o das Cortes por exemplo, poideran ter sido xa usados, mesmo como divagantes ocasionais, pola Monticola saxatilis. Ogallá teñamos esa oportunidade. A ver se o ano que vén.

      UNha aperta meu.

      Eliminar
  4. Vaia, vaia, Rafa e Damián. Xúntanse o saber de vello e a "sapiencia" científica do futuro. Fermosa conxunción, abofé...

    E fermosísima entrada deses nosos Ancares, unha sombra do que fóron, certo, pero é o que nos queda. E case cómpre dar as grazas a non sei quen. Ao Feijóo, supoño eu, que acabe de ser elexido o correveidile para os próximos catro anos "a los pies de su señora" (refírome ao negro, o mandamás, por suposto)

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  5. Moi boas Xabi...moito obrigado quedo...se seguimos así non vou ter aforrado pra as cañas que che deberei...

    Alédame que che gustara Xabi...cando menos pra alivar da resaca eleitoral.

    Certo: Ancares é do pouco que nos queda e esa ruta ao Cuiña xa se está convertendo nunha romería de "yeyés". Ao pé da poza había os restos de varios matos de Calluna vulgaris que foran arrincados por algunha excursión de "turistas de la naturaleza" pra lles servir de cama amolecida onde asentar a súa tenda de campaña: aínda conservaban a forma rectangular necesaria. E diante miñapasaron tres humanos, acelerados, como se andasen a competir contra o reloxio, falando a berros e espantando a todo ser vivo canto había á redonda. Eu entre eles. E tamén andaron por alí un cazador e dous guías de la Junta de CAstilla y León de facer un "rececho", afortunadamente infortunado, ao corzo.

    UNha aperta Xabi,(lembra que xa veñen aí as mobellas)

    A mandare.



    ResponderEliminar
  6. ¡Este foi o descubrimento do día de Onte; "A o Noroeste do Noroeste".
    Afortunada fun de escoitar falar a un bon amigo de este blog y quedei marabillada cando comprovei por min mesma o contido de algunhas entradas¡Cánto me queda ainda por leer¡... Parabens Rafa

    ResponderEliminar
  7. Benvida/o ao bló...sempre é unha ledicia saber que contamos con leitoras/es novos e moito máis se dan en facer comentarios...non perdas as mañas!

    Moito obrigado polas túas palabras tan garimosas e os teus parabéns e fai extensivo o meu agradecemento ao teu amigo por te endereitar ao noroeste do Noroeste. Fai ti o mesmo con outras/os e de seguro eles, elas e moito máis eu quedaremos pra sempre agradecidos.

    Doutra volta a miña benvida.

    Apertiñas.

    A mandare

    ResponderEliminar
  8. Boas Calel, son Alberto de Piornedo, estivenche mirando o bloq, e é digno de ver ,
    moitas grazas por me nombrar na túa despedida, non tiñas por que, nestes días seguro que é o celo na cabra montes, haber se intento ir.... bueno meu espero que se volves por alí te poñas en contacto comigo, para voltar a disfrutar desta terra como o fixemos aquel día... unha aperte

    ResponderEliminar
  9. Ola Alberto...unha ledicia moi grande saberte polo noroeste do Nororeste e moito me presta que che gustara o bló...ben sabes que non deixarei de ir por Piornedo e Ancares a pouco que as cousas se poñan doadas. E dende logo estaremos en contacto. Quero volver a ver eses carballos.
    Non perdas as mañas.
    UNha aperta Alberto, cuídate.

    ResponderEliminar