xoves, 29 de novembro de 2012

Cincenta, paxara moura, rabirrubio...


Vaian arrolando hoxe algunhas palabras e imaxes da fermosa cincenta; unha desas paxariñas ás que servidor tenlles unha querencia infantil garimosa, dende o día aquel en que unha delas entrou na miña habitación pola ventá e pasou algún tempo alí adentro, escapando morta de medo, das miñas pequerrechicas maos de ansioso depredador intuitivo, que debecían por atrapala, por collela entre os dedos, por sentirme o seu posuidor, desculpándome coa vaga coartada de poder mirala mellor. Non fun quen.

Así, hase de comprender mellor que cada vez que se me aparece algunha lle dea coa cámara uns bós tentos, por ver se agora son quen de pillala en imaxes e podela desfrutar amodo.  

Tampouco fun quen ate que na folganza de Fieis Defuntos unha parelliña de cincentas andou ás miñas beiras, entre as mesas do parque das merendas da Punta da Illa Pancha, en Ribadeo. Daquela, media ducia de imaxes  e un videomínimo que trouxen na tarxeta, encheron ate rebordar, o vello anceio infantil de regalar o ollo coa demorada observación da fermosura de cinza e tizón deste anaquiño alado da miña patria infantil, agora si, alí quedo, inmóbil, mansiño, pura luz de borralla escura atrapada nunha manchea de bits.


Phoenicurus ochruros, é o nome científico co que corre este lindo paxariño que por Ortigueira chaman páxara moura, por outrures rabirrubio, e por Cedeira, cincenta. Pode que sexa tamén o que Aníbal Otero Álvarez ((1967), Contribución al diccionario gallego, Vigo) dá en chamar mira, definindoio así: "Especie de pájaro de color negro, cuyo canto se oye como míu"


A cincenta é  xente das penedías e das rochas, presentando na nosa bisbarra unha clara preferencia pola beiramar. Raro será o cantil ou peirao onde non  a miremos. Afortunadamente abondosa e común, adoita achegarse bastante aos humanos pro sendo como é inqueda e fuxidía de camiño se escorrenta e de contado manda marcharse. 

É unha das especies que mellor se adaptou a invasión humana e dende as súas previsibles montesías rochosas primitivas veu baixando ate os tellados e os muros das aldeas, vilas e cidades, e ocupa arestora un importante lugar entre as especies que souberon adoptar un intelixente patrón de adaptabilidade á condición humana. Non me estrañaría nada que ande a desfrutar dun claro incremento de poboación.       




As cincentas teñen un evidente dimorfismo sexual que fai claramente distinguible ao macho das femias. Son estas pardo griseiras cunha tonalidade bastante uniforme que só se rompe coa presenza, no rabo e no outodocú, dun remarcable ton arroibado. Borrós roxos que asimesmo presenta o macho, pro este é dun  intenso cor  cincento, tizón,  máis escuro cara o vrao, que negrea na cara e esbrancuxa no ventre; alumbrándolle na ala, unha atractiva sombra  branca que aleda e refresca  a profunda escuridade de cinza que acompaña sempre a súa presenza rebuldeira, de xente axada, a que lle ten que arrequecer o traballo ou vaille mal.



E así mirámolas sempre inquedas, parando pouco, brincando sen parar,  á percura de bichería por calquer buguío, campeira ou regaña de paredes e penas. Besbellos, miñocas, arañas, vermes, bechecos, caronchos, lamias, bichardecos, legumias, sarimbogas... nengún becho debería de andar tranquilo, sabendo que non moi lonxe está traballando o ollo atento, fino, certeiro dunha cincenta, que se inmobiliza un intre, enfoca a ollada, brinca, peteira e pilla bicada, e non para, brinca de novo, olla, peteira e petisca. Unha máquina de áxil inquedanza, de fermosa precisión depredadora.



Ocupa un anchísimo espazo territorial na xeografía mundial criando na totalidade de Europa e practicamente en toda Asia e aínda en toda a metade norte de África, o que nos sitúa diante dunha especie que amosa unha grande capacidade de adaptación a latitudes moi diversas. Certamente nesta extensa xeografía consideránse un bo número de subespecies diferenciadas cuios nomes precisos non  tería moito interese reproducir agora escribindo unha longa e incomprensible enfiada de latinazos.

Si parece oportuno deixar anotada a existencia  doutra especie diferenciada dentro do xénero Phoenicurus, a Cincenta raiña ou real, Phoenicurus phoenicurus, que non estando presente na bisbarra  tan só podemos aspirar a poder botarlle un ollo ilusionado, se algunha delas dese en desvariar das súas zonas habituais de crianza en Iberia: faixa subcantábrica e pequenos núcleos nas serras  do Maestrazgo e Aracena, ou desviarse nas derrotas migratorias cara á África subsahariana, onde inverna.

Ata o día de hoxe, esa fortuna non entrou a formar parte do meu capital. Seguiremos atentos a toda forma escura: na percura de que o noso ollo perciba o santo e seña da súa identificación: que a mancha branca da ala lle apareza na caluga, tal unha coroa de felepa. Esa sería a Raíña das cincentas.



Vivimos de espranzas e de soños, de ilusiós e desexos, de anceios e sospiros, de arelas e degoiros, máis ca de realidades cumpridas. Agardemos que nalgún intre dalgunha hora dun día calquera se nos revele a visión voladeira dunha Raíña das cincentas divagando dende as xeografías das ilusiós imaxinadas  ate o  territorio común das olladas de a diario. 

Non me importaría que entrase na miña habitación.

Que así sexa e as vosas mercedes o saiban, e mentres non, adestremos a ollada desfrutando coa borrallenta maxencia da farda elegante da paisana nosa de cada hora, a cincenta da casa, esa sombra alada de brasa.

Moi boas horas miñas e meus.

Contra a friaxe, apertiñas.

Obrigado.

A mandare.



Achegos:
a) A ficha, moi completa, do Laboratorio Virtual de  Ibercaja. Entrar.
b) A pequena ficha da web "Pajaricos" Premer.
c) A sinxeleza da entrada correspondente na Wikipedia. Abrir.
d) Completísimo estudo sobre a poboación vasca da Raíña das cincentas, Phoenicurus phoenicurus. Ollar.

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video
Cincenta na Punta do Faro da Illa Pancha, Ribadeo


2 comentarios:

  1. Boa Nova entrada, interesente y enriquecedora (coma outras tantas que fas). Tamén boas as verbas adicadas ao tan ansiado:
    ..."Vivimos de espranzas e de soños, de ilusiós e desexos, de anceios e sospiros, de arelas e degoiros, máis ca de realidades cumpridas"
    Interesante paralelismo co Conto da Cenicienta y Cincenta páxara Moura da tua infancia.
    Unha aperta Rafa.
    Mariví

    ResponderEliminar
  2. Boas...quedo en obriga con vós. Alédame que che gustara. Non é un tema especialmente divertido, así que tiña moitas dúbidas sobre a comenencia de editar algo sobre a cincenta. As túas palabras dan azos.
    Outra aperta pra ti.
    Cuídate, moita saúde e sorte.

    ResponderEliminar