XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 6 de decembro de 2012

Cadoiros a cachón.

Mira ti que cousas, agora que veu o inverno pra se quedar, teño eu o corpo pra darmos un paseíño polos cadoiros da bisbarra e algún  ca outro de fóra de portas. Aínda haberá quen os mire por vez primeira. Cadoiros escribín e alguén haberá que non saiba por onde é que imos  camiñar. Fornézanse de roupas de auga, zocos lixeiros e ánimo aventureiro: ímonos  adentrar nos máis húmidos territorios do noroeste do Noroeste; aí onde o aire é vafo de orballo escachoado, o brúo das augas un urro arrolante e a luz un veo verde que  a todo o encobre e o embelece.

Cadoiro no Rego do Forte, Serra da Capelada.

Cadoiro é o termo galego pra definir  aos saltos bruscos que dan as augas dun río ou regato pra salvar un desnivel do terreo. Nen catarata nen cascada. Voz esta última que en galego é sinónimo de  mintira e igoalmente os seus parentes: cascar-mintir e cascante-mintireiro. Pro dende logo nen catarata nen cascada, son voces galegas adecuadas pra definir os brincos das augas. Son sinxelamente castelanismos castrapantes. Nen tan sequera son válidas pra denominar á nube ou teíña  branca que se pon diante do cristalino do ollo e que en arumeiro galego vello corre cos nomes de: velida mellor ca belida, nalgures tamén avelaíña, e noutrures calixen.

Cadoiro do Río Xallas na embocadura co mar en Ézaro.

Cadoiro, por antonomasia era o cadoiro do Río Xallas na súa embocadura co mar en Ézaro. Xa Sarmiento advirtira deste termo aplicado ao Xallas: "Este río corre por lo alto de las montañas, y como no se puede meter en el mar horizontalmente hace una prodigiosa catarata al despeñarse en el mar por las faldas del monte Pindo y en frente del cabo de Finisterre. A esa catarata llaman los del país cadoyro, de cado, is. Estuve cerca de ese cadoyro  pero no me atreví a arrimarme a verle. Acaso no habrá catarata semejante en toda Europa". "Mete un ruido terrible y levanta una nube que parece humo. He oído el ruido y estuve muy cerca del cadoiro, pero no me atreví a acercarme a verle, porque no tenía quien me guiase. Y por lo mismo, tampoco me atreví a entrar en el Monte Pindo, y registrarle, habiendo oído contar de él muchas maravillas"A voz cadoiro vai ser recollida pola totalidade dos dicionarios da Lingua Galega que seguirían aos estudos do sabio bieito e na hora debe ser considerada un tesouro a salvagardar dándolle de  novo, uso e presenza cotián nos nosos escritos, falares e conversas.


Cadoiro do Belelle, fermosura natural da bisbarra.

A mesma  presenza que tiña nos excelentes versos, de música clásica, do poeta galego Manuel Nuñez González (Salayos, Madrid 1895) que cantan así: "O loco barullar d'ese cadoiro/ que s'enfeita co-as pedras d'o recío/ e fai montes d'escuma coma a neve,/ e de limpo cristal, tece con fíos/ feiticeiros encaixes, que s'afondan/ co-as premuras d'o vértigo no abismo,..." Unha das máis fermosas descriciós naturalistas que coñezo.

Fervenza no Rego do Forte, Serra da Capelada.

Fervenza é o termo de máis éxito nos últimos anos pra denominar a estes brincos da auga polos que hoxe andámonos entremetendo. Aínda máis: diría que é o termo único e uniformador que se impón a cotío nas escritas máis populares. Pensemos que fervenza só fai alusión a acción de escumar e ullar das augas coma resultado final da caída do cadoiro dende a correspondente outura. Velaí un dobre recurso literario, unha comparación analóxica coa acción da ferveduría, e unha metonimia, a parte definindo ao todo, que veu pouco á pouco substituíndo ao termo enxebre da caída das augas: cadoiro

Cachoeira no Río Asma, Chantada, Ribeira Sacra do Miño.


Cachoeira, é termo moi difundido e empregado no Brasil pra chamar a estas caídas das augas. Pro este termo, de indubidable matriz galega aínda que criado no Brasil, está derivado da palabra cachón (máis usada como locución, a cachón) que o Dicionario da Academia de 1913 define: "A borbotones. Se dice de los líquidos cuando se hallan en su mayor grado de ebullición" e que tamén   "alude a los borbollones de espuma que hace el río al dar el golpe; y por esa razón se llama un lugar junto a San Esteban de Ribas del Sil, San Juan del Cachòn, porque allí hace cachones el río Sil" deixou escrito Sarmiento. E daí saiu a voz galega cachón pra definir a eses tramos escumantes dos ríos  que baixan a brincos sucesivos; tamén, e igoalmente por metonimia, cachón pasará a ser considerado sinónimo de cadoiro e ao emigrar a palabra ao Brasil, criará o termo cachoeira, perfectamente utilizable no galego actual, pra chamar á caída das augas. Lembraremos que as palabras galegas cachoar, escachoar e escachar, todas dun mesmo dominio semántico, emparentan directamente con cachón. E aínda ferver a cachón é expresión de uso corrente, o mesmo que andar chovendo a cachón. Hai pra máis unha Fonte do Cachón no Barqueiro, nunha apretada ruela; e non morren aqueles versos de Rosalía: "Pasiño a paso traballada xente/ dós campos as aldeas se volvía/ mentres no lar o pote sarpullente/ c'as ricas berzas a cachón fervía"; nen aqueles outros de Curros: "Mais xa de Bras n´a cocina/ roxe o rixón n´a sartén,/ ferben a cachón os potes/ e cheir´aurego e prixel". Outras acepciós desta voz (arrota que rompe contra o barco ou praia; escuma dos ríos...) serán tiradas do seu siñificado orixinal, e asimesmo chámaselle  cachón a aquel porco bravo que anda quente: "Verraco en celo, por la espuma que le sale por la boca". O Eladio dixit.

Freixa do Río Barosa, no concello de Barro, Pontevedra.

Freixa é voz que veu denominando asimesmo ás  augas caídas. Na opinión de Sarmiento é en orixe un adxectivo aplicable ás penas ou rochas dende as que se precipitan os ríos. "El lunes 20 por la tarde fui a ver las feixas da roca que están casi media legua de la casa del cura en el río Caldelas. Primero se ve el " Castillo da Roca " y es un peñasco como mitra o tiara altísimo y escarpadisímo y como tajado a navaja, el cual hace margen al dicho río. No es castillo artificial sino natural. A vista de Pontevedra se oye la feixa o freixa del río de Marcón y del de Borela . La voz feixa o freixa se aplica no al río, ni al agua ni a la caída del agua, sino al peñasco o roca, que sirve al despeñadero. Es la razón porque a las puntas o ganchos de los montes altos llaman indiferentemente rocas, pinizas, feixas". "Es adjetivo de roca o peña. Acaso de fissa o de fixa. Por similitud se aplica a la catarata o cascata que hace un río precipitado de unas rocas, v. g.: las freixas del río Caldelas, que vi, o de frango, is". 


 Freixas de Segade, Río Umia, Concello de  Caldas. Pontevedra.


Xa que logo, freixa ou feixa, tamén por metonimia, pasa a denominar á mesma caída das augas e con este senso vai ser recollida pola totalidade dos dicionarios posteriores, dende o de Francisco Javier Rodríguez (1863) ata o Constantino García de 1985. 

Compréndese que co étimo freixa en galego (lingua que  fai o que quere co xénero gramatical) póidase chamar as árbores do xénero Fraginus, os freixos de toda a vida. Así o recolleron E. Losada, J. Castro e E. Niño na  "Nomenclatura vernácula da flora vascular galega" de 1992.

Podíamos pensar, finalmente, que arrimado a este étimo se atope fencha, denominación que se aplica á moi coñecida Fencha da Corga do Xurés en Lobios, longo cadoiro de augas bravísimas que acompaña a quen  achegue á Portela do Home, na máis parva das parvas raias fronteirizas: a que separou á Galicia do Portugal do Norde.


Breixa do Río Toxa, Concello de Bandeira, Pontevedra.


Breixa, outra das palabras pra chamarmos ás augas caídas. Esta palabra entra por primeira vez nos dicionarios en 1863 da mao de Francisco Javier Rodríguez que nos regala esta ampla descrición: "En la provincia de Pontevedra hay una parroquia con este nombre, que creo venga del francés priser ó del lat. breiare, que significa romper con furia, quebrar, etc. ó de frangere, mudando la f en b, como suele, como lo hace la cascada del rio da Toxa, que pasa rozándose con dicha parroquia. Esta cascada, freixa ó breixa es de las más grandes de Galicia, se llama tambien golpe d'agua, y está casi en la reunion con el rio Deza". No dicionario Cuveiro Piñol (1876) aparece esta sinxela definición:"Sitio donde rompen con fuerza las aguas" e advirte de sere un sinónimo de freixa. No dicionario de Porto Rey (1900) escríbese: "El lugar de la costa en que las aguas rompen con fuerza, o el sitio en que hay una cascada". E os dicionarios que seguirán ofrecen sinonimia con todas as acepciós que levamos recollidas nesta entrada e tamén con abanqueiro.


   Abanqueiro do Camiño Novo,  Río Casón, Serra da Capelada.


Abanqueiro, nome de seu dunha pequena vila veciñeira de Cabo de Cruz, aparece nos dicionarios históricos da Lingua Galega coma sinónimo de todas as outras voces que reollamos nesta entradiña. Sobranceiramente no da Real Academia Galega (1913-1928) que explicita: "Cascada. Despeñadero de agua. Lo mismo que breixa, cadoiro, fervenza e freixa". Velaí un resumo conciso. A vila de Abanqueiro, apousada nunha chaira costeira das Rías Baixas, malamente debeu de ter a súa orixe toponímica nun "despeñadero de agua" e seascaso poderíamos pensar nel coma un lugar onde o mar batese e escumase moito.

 A tradición popular local asegura que o nome deriva da existencia dun grande banco de ostras en tempos perdidos. O profesor Juan José Moralejo argumenta a posibilidade de ser abanqueiro un antigo termo pre-latino, un fitotopónimo equivalente ao lugar en onde hai moitos vimbios. Un vimbieiral, en galego latino; un abanqueiro en galego céltico. O profesor Moralejo lembra a existencia na Crónica Albeldense do topónimo costeiro Mancario: "Debo a R. Baltar la sugerencia de que Abanqueiro pudiera ser el Mancario de que habla la Crónica Albeldense VII al citar las ostrea de Mancario entre las causas celebres ex Spania" Velaí onde a tradición ten un fundamento documental posible. Si Mancario é Abanqueiro, é normal que na bisbarra non podan esquecer que xa no século IX o seu marisco chufábase entre as  "causa celebres ex Spania".



Velaí van ficando, pois, unha boa xeira de termos: cadoiro, cachoeira, freixa, breixa, fervenza, abanqueiro e... seimeira (aportación posterior, linda e xenerosa, de Martiño Cabana que se amplía nos comentarios) ás que lle poderíamos arrimar estas outras: augas caídas, augas levadas, golpe d´agua e todas cantas outras as vosas mercedes coñezan, pro á catarata e á cascada déixennas tranquilas na paz do páramo.

Seimeiras a cachón, Rego do Forte, Serra da Capelada.

De seguro, miñas e meus, a mercede xenerosa da súa vontade, saberá disculpar este delirio de dicionario que afectou profundamente a sustancia da materia do discurso previsto, modificando gravemente as promesas do autor de ofrecer aos seus lectores un paseíño ventureiro e grato por un mundo de verdes humidades atlánticas e trasladándoios, erradamente, a un monótono e árido país de aburridas citas librescas e desagradables poeiras de sirocos de biblioteca. Escusas, prego.


Mil gracias mil, por tanto, miñas e meus.

Vostedes sigan ben.

A mandare.

  Cadoiro de Calabanda, Cedeira, Serra da Capelada.

Despós de data: Aportou Martiño Cabana, en comentario que se agradece, a voz seimeira coma outro sinónimo de auga caída.  Cita de moito interese que se amplía nos comentarios. Gratia plena, meu.

Fe de débedas: Se habitualmente este bló fornécese dos coñecementos do Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega, esa extraordinaria ferramenta gratuita ao noso alcance na rede, nesta ocasión o fornecemento é total, extraendo os coñecementos e citas que se inclúen, exclusivamente das súas pantallas dixitais. A visita aos achegos que se adxuntan, nunca obrigatoria, confirmará con precisión esta declaración xurada de recoñecemento por parte dun debedor agradecido. En obriga.

Achegos:

a) Da palabra "catarata" no Dicionario de Dicionarios. Abrir.
b) Da voz "freixa" no Dicionario de Dicionarios.Entrar.
c) Do termo "cadoiro" no Dicionairo de Diconarios. Premer.
d) Da denominación "breixa" no Dicionario de Dicionarios.Acó.

e) O artigo do cadeirádego Juan José Moralejo  "Topónimos célticos en Galicia"  nos que se estuda entre outros moitos,  abanqueiro. Recomendable.

21 comentarios:

  1. Boas,
    Interesante entrada. Pola zona do Cádabo e Fonsagrada (quizáis tamén nos arredores), ás fervenzas chámanlle seimeiras. Unha moi fermosa é a Seimeira de Vilagocende, situada na parroquia do mesmo nome, no concello da Fonsagrada.
    Unha aperta,
    Martiño

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas Martiño...obrigado polas túas palabras e por esa aportación, que eu descoñecía absolutamente, do étimo seimeira. Rebuscando polo D.de D. dei atopado a voz seimeira que Aníbal Otero Álvarez fai equivalente a saimeira e deixa constancia de atopar a palabra en "San Jorge de Piquín" parroquia do Concello de Ribeiras de Piquín, xa que logo da mesma zona da que ti falas.

      Aníbal Otero define así a saimeira, voz que el considera principal:"Caída de agua desde cierta altura, especialmente por una roca abajo" e e nsegunda acepción:"Espesura, en Pena de Cabras: Había unha tal seimeira de torróis, cocas, o de otra planta en tierra de labor, en medio de un fruto; con este mismo significado se utiliza también seimeirada en el mismo lugar. Saimeira, bosque espeso, en Seoane".(Pena de Cabras é lugar de Ribeiras de Piquín, preciso.)

      Tamén dei coa voz no Constantino García, neste exactamente seimeira por cascada.

      Seimeira tamén aparece coma un topónimo dun lugar da Parroquia de Ribeira (Cervantes) e no bló Toponimia de Ancares: http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com.es/2011/01/toponimia-do-concello-de-cervantes_23.html) dáselle ese mesmo siñicado de fervenza, facendo a precisión de que ten quie esbarar por algunha pena: un matiz ben interesante.

      Parece abundarse nesa palabra a presenza dunha raíz, opinión de Xabier Moure Salgado, preindoeuropea: mer, auga parada. A mesma presencia do termo acuoso está na acepción de mera coma unha brétema espesa que molla.

      E pra máis unha voz ben linda, esa seimeira ou saimeira.

      En débeda quedo.

      A ver se hai sorte e alguén máis achega algún outro nome: sempre será un argumento pra non escribir nen cascada nen catarata.

      Unha aperta Martiño; non perdas as mañas.

      A mandare.

      Eliminar
    2. Pois Eu coñezo os termos Firveda (toponimia do concello de Mazaricos, asi como a variante ferveda. Tamen e habitual o uso de corga no sur de Ourense, un exemplo e a Corga da Fecha, en Lobios.

      Eliminar
    3. Gracias Borja polo termo firveda ou ferveda, que non coñecía; o de corga, si, e tes razón, esqueceuseme no artigo pesia a ser o meu cadoiro favorito. Saúdos.

      Eliminar
  2. Tomo nota. A min o de "fervenza" sempre me parecera un termo algo castrado, polos motivos que explicaches moi ben. Hai anos, fixera un curso de galego reintegracionista que nos impartía un filólogo e, se non lembro mal, argumentara iso mesmo sobre a relación entre fervenza e escuma.

    A partires de agora tentarei, xa que logo, o emprego dunha palabra máis axeitada para me referir a ese fenómeno fluvial. Coma por exemplo...."cadoiro".

    Grazas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Perdoa Xabi, pro a resposta ao teu comentario vai ao final por un erro meu ao non premer no espazo pra a túa resposta concreta.

      Sintoio.

      Eliminar
  3. Maxistral clase. Graciñas por ensinarnos algo mais da nosa querida língua. Saudos desde a diáspora.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Enrique... súbeseme o roibor.

      Eu pouco poido ensinar, máis ben vou divulgando o que vou averigüando.

      Disfruta de Castilla. Que ten tanto e tanto donde.

      Saúdos garimosos dende a Matria.

      Eliminar
  4. Meu benqueridiño kaleliño,dende o meu modestísimo coñecemento, o termo "abanqueiro" da parroquia boiresa fai referencia, segundo a hipótese máis aceptada, a "banco de ostras", debido á abundancia deste marisco no litoral abanqueirés. Desgraciadamente agora é case imposible atopalas en estado salvaxe, debido á apañadura masiva.Se queres catalas non queda máis remedio que recorrer ás cordas.
    Se te achegas a esta fermosa bisbarra," malo será" que con podamos compartillar un par de ducias delas e botar unha partida de "tarteirabol".
    Un que exerceu certo tempo de abanqueirés.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Querido Picasso...pois eu que queres que che diga, ben poidera ser esa a orixe do topónimo...dende logo o de brinco da auga non ten sentido.

      Na miña vida probei as ostras e de momento haberemos de seguir así, pro a un polpiño e unhas cuncas non lles diría eu que non.

      De cando andabades por Abanqueiro ben me lembro. Aínda fóramos ver "as fochas" á lagoiña.

      Apertiñas a feito, meu. Reparte as rapazas.

      Non perdas as mañas!!

      Eliminar
  5. Olá Xabi...obrigado.

    Certo que hai un monopolio de uso por parte da fervenza. E non é unha palabra fea, ao contrario, pro atopando a riqueza de posibilidades, algunhas non menos fermosas, parecía comenente dar a coñecer os resultados da miña pescuda pra que quen queira usalas o faga.

    A posibilidade de que aparezan algúns ca outros étimos, esa seimeira do Martiño é moi ilusionante, é unha arela que leva prendida a entrada.

    Cadoiro, claro, só quere expresar un caedeiro: o sitio por onde cae algo.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  6. Precioso ese rio lleno de agua!!bellas imagenes!

    ResponderEliminar
  7. Moitas gracias Antonio...benvido polo noroeste do Noroeste.

    Saúdos.

    ResponderEliminar
  8. Olá maestro, aquí Miguel.

    Dende logo, é ben certo que os que andan moito tempo xuntos (ou pouco, segundo se mire), acaban pensando igoal ou parecido. Isto debe ser o que nos debe estar acontecendo a nós os dous, xa que eu tamén andei estes días axado á procura deses saltos de auga que ti tan ben retrataches, buscando a foto definitiva, esa que nunca chega, esa que parece estar perdida nalgúna penedía ou nalgunha fenda dos nosos montes. Como cousa de telepatía, dígoche: foi unha mágoa. Pero como din na miña terra, "hay más días que ollas", así que dende xa quedamos adiados para ir na percura deses lugares máxicos das deidades celtas. Como mostra direiche que hoxe fun buscar nese invento das fragas do Eume a fervenza do Murixoso, a cal, para a nosa vergoña e desgraza, non conta en internet (se buscas en Imaxes) cunha sola mostra que lle faga algo de favor. Dalí veño cunhas poucas imaxes na tarxeta, a ver que se fai. Terás unha no teu correo-e en breve.

    Unha aperta, maestro, e parabéns novamente polas imaxes e polo texto.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Miguel...vaia, sen negar a telepatía as fotos son todas extraidas dos meus arquivos.

      A visita ao Rego do Forte e a Calabanda aínda están pendentes. Imos ver se desta primaveira non pasan.

      Xa me tarda botarlle un ollo as fotos dese cadoiro do Murixoso.

      UNha aperta.

      Eliminar
    2. Xa as tes no teu email.

      Unha aperta

      Eliminar
  9. Grazas por compartir o seu traballo. Noraboa polo post: ¡extraordinario!
    Saúdos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moi agradecido por tan xenerosas palabras. Alédame que lle gostase: imos ver se pouco á pouco van entrando estes termos na escrita habitual.

      Saúdos.

      PD: Ollei con interese e proveito o seu blogue. Moi interesante e informativo. Non o coñecía. Queda no cartafol de favoritos.

      Eliminar
  10. Deixácheme parbo.
    Breves saúdos e bo decembro, sempre
    Deica logo d:D´

    ResponderEliminar
  11. Boas meu, benvido polo bló...non era a miña intención, naturalmente, deixarte parvo...agardo que non me pidas responsabilidades, máis alá do compromiso de, mentres poida, seguir a facer este bló.

    Que todos os teus días sexan días de mel e rosquiñas.

    Saúdos.

    ResponderEliminar