XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 21 de decembro de 2012

Memoria das testeiras.

Agradaríame cumprir con esta entrada o anceio dun seguidor recente do bló que me suxiriu a posibilidade de meter nun caixón do alzadeiro a memoria visual das láminas que foron servindo de decoración á testeira do bló, para poder darlles un ollo cando se quixer.

Ao mellor ten razón e non é tempo ocioso o que se invirta en rexuntalas todas.


Procederei a lembralas na mesma orde temporal na que foron editadas e cando sexa o caso da publicación dunha nova imaxe, engadirase ao remate desta mesma entrada para ir metendo así nun único caixón todas as láminas que fun editando; que non son todas as que vou facendo.




Luz defusa na Candieira é o nome co que dei en cristianar a esta ilustración. Pretende tanto describir directamente á mesma imaxe, canto xogar coas verbas nunha lembranza garimosa da estimada amiga que vive no faro da Punta Candieira, que está fotografada ensamblando dúas imaxes tomadas dende as abas toxeiras que nos van levando ate as Alcaiás da Ribeira Chá.  Inverno do 2009






Xentiña no Puntal. Arrexunta no esteiro do Río das Mestas, da Ría de Cedeira, a unha ampla representación da fauna e flora do noroeste do Noroeste. Estando dabondo comentada na entrada titulada Aí ven a primaveira de Marzal do 2009 escusaráseme que diga nengunha palabra máis. Obrigado. Primaveira do 2009.





Mapoulas e volainiñas é o tiduo que imaxinei para denominar a este delirio de vrao, do 2009,  aproveitando unha inusual e fervente floración de mapoulas no Areal de Morouzos rexistrada días antes de seren abatidas pola treba dos celtorros  aligados á maquinaria municipal de sega e desbroce. A verba volainiña é unha outra das moitas  que o galego manexa pra chamar as bolboretas. Haberá que darlles entrada. Vrao do 2009.




Na fraga dos Casás así alcumo a esta sinxela e ao mellor por iso máis fermosa ilustración. Efectivamente a paisaxe boscosa é a da fraga dos Casás en Cerdido, unha fraga preciosísima e esquecida que se gardou nas ribeiras do Río Mera ao seu paso polo concello de Cerdido. As fragas do Río Mera, eses eidos da bremanza, merecen a encarecida defensa de todos nós. Seguen tumbando nelas: sen misericordia. Outono do 2009.



Neves na Capelada, titularemos sen máis aquel esta ilustración na que coma en todas as outras o diacronismo é un recurso evidente e discutible. Efectivamente os froitos peruchos, Crataegus monogina, son do puro vrao a cando a floración das uces. Os crocos, a flor que enmarca ao merlo, son do outono. Os acivros e demáis xente poden verse no inverno sen maior problema. Os golpes están fotografados na mesma nevarada, no mirador dos Carrís. Cada un no seu sitio naturalmente: axuntar axunteinos eu; pra mellor miraren pra nós.  Inverno do 2010.




Plaias de Loiba, é o título, e son as paisaxes, da ilustración que serviu de cabeceira durante a primaveira do 2010. Como sexa o caso que vai tamén detallada polo miúdo na entrada Retallos dun santo, de marzal dese mesmo ano, aproveito para calar e non dicir nada máis. Primaveira do 2010.




Xestas e abelurias dei en chamar a este santo que mete algunhas xentes máis. Hipéricos e gradiolos e entre elas  un feixe de bolboretiñas dentre as que as lindas meniñas azuis, Polyonmatus icarus, sobrancean chufonas. No curruncho inferior esquerdo, loce a súa farda un rechamante escarabello, unha Leptura rubra. A foto primeira vai feita en San Xiao dos Osos, parroquia de Labacengos, ao pé da estrada que vai As Somozas. Na Galizia, xa se dixo, cada ribazo un xardín, cada sebe un edén. Vrao do 2010.



Oferenda: así chamei   a esta imaxe na que unha hostia de gota de auga, sostida nos estames dun cáliz de croco da Capelada, ofrécese como redención da vida. A auga en espello dun cadoiro do Rego do Forte encadra o fondo coma un  chafaríz que se zoupa ao mundo. Un merlo rieiro, unha cincenta, un peixeiro e un liñaceiro, andan por aí. Na marxe esquerda gabea, facendo helicoides, unha orquídea: unha  Spirantes spiralis. Outono 2010.




Felepas da Faladoira. Velaí o fondo de neve azul da Serra da Faladoira. No centro, enseñoreando, unha seixebra, Teucrium scorodonium, ergue con fachenda a sús apostura barroca. Algunha orquídea, algunha ca outra boca de can, Anthyrrinum m. Linkianum, pólas de acivro cos seus xardós, corzos, un gaio e un pimpín, bolboretas a feito, bandadas de chorlito por ceo e terra e Corvux corax cantos queiras. Inverno do 2010.



Arredor do Rodo. O poderoso arnao e o rechamante azul do lagarto das silveiras, compiten coa beleza floral  dos lirios, os pancracios e os nartecios. Algunha ca outra bichería anda tamén a redonda do Rodo, sinaladamente a barbantesa, e unhas cantas libeliñas, amén dos paxariños e das pampurriñas, sempre delicadas e lizgairas. Primaveira do 2010.





Estralotes do Mandeo. A imaxe de fondo -o bosque de ribeira do Mandeo e os varais das abelurias- acolle a variedade biolóxica habitual  que soe acudir as sesiós fotográficas que convocamos, coa presenza novedosa da enorme flor da herba xiganta. Os froitos do estripeiro, perucheiro decímoslle en Cederia,  son, claro está postizos, coma todo o que non sexa fraga e varal de estralote, que son a foto orixinal. Vrao do 2010.




Outono na Ribeira, a carballeira nova que medra polas abas dos montes que pechan as ribeiras do encoro do Eume vai  ser a protagonista desta lámina, cun acompañamento de cogumelos, algunha bolboreta, un croco, o froito vermellón dunha garnicela, Lonicera peryclimenum, e algunha ca outra xente de pluma e froixel, entre as que sobrancea o ollo atento dunha perdiz. Outono do 2010.



Felepada capelada. No encadre nevarado da paisaxe ollada dende o Penedo Escuro mirando a suroeste, señorea unha bolboreta pedresa, adubiada por unha decoración floral de perucheiros (crataegus) froitados e pólas de Woodwardia radicans, cunha raiolada de luces made in Corel. Abondosa floración primaveiral de hipéricos, pancracios, lirios azuis e a presenza principal do Gladiolus iliricus dando calor de rosas. As perdices mandan entre a paxarada. Inverno do 2011.



Xentiña no Cadro. A paisaxe é a que se mira dende a parte dabaixo do cantil da Herbeira se camiñamos entre os arrumbos do petoural que nos vai levando ate a Punta do Cadro, esa patria na que tantas veces deixamos xear o paso do tempo. Deilles unha presenza especial aos bichiños nosos de cada día: barbantesas, carricanta e rinochoris, entre unha abundancia de escarabellos e besouros. De todos eles o Platicerus spinifer do curruncho inferior esquerdo é a xoia entomolóxica desta lámina. Como pasei unha tempada  adicada con paixón ao doce fare niente esta imaxe aproveitouse  na  Primaveira e Vrao do 2011.




Agallopando capeladas. Velaí a manda de cabalos recollida pra a rapa do ano 2009 na Serra da Capelada. Un castiñeiro ben froitado e os clásicos peruchos do crataegus son o marco fundamental desta imaxe que se acompaña da xentiña habitual que visita o noroeste do Noroeste: raposos, gaios, crocos, bolboretas, paxariños, algún ca outro hipérico e un reborde de uces da Capelada. Outono do 2011.




Arredor do Penedo Escuro.  Unha pequena representación da fabulosa variedade de cogumelos da Serra da Capelada axuntáronse nesta imaxe a canda as pálidas campaíñas, os vermellós varais dun Litrum salicarium, algún croco ca outro, un corzo, un garañón, dúas raposas e unha bandada de pimpíns. Un licénido azul é a única presenza de bolboretas. Unha alfaia da braña déixase ver paseando o capelo aberto da lepiota. Quedou discreta de máis unha Orobanche foetida. Inverno do 2013.




E así vai indo a cousa. Se chegamos a novas testeiras, iranse engadindo nesta mesma entrada. Polo de agora fiquen estas  láminas que dende o primeiro inverno do 2008 ata o de agora,  e case ao ritmo dun por trimestre dan a benvida aos lectores deste bló, aos que nunca saberei agradecer como merecen a fidelidade na lectura ou no simple ollar  ao noroeste do Noroeste.

A mandare.





Nota marxinal: 

Este bló cumpre hoxe, 20 de decembro do 2012, catro anos.

Mil gracias mil, miñas donas, meus señores por soportar esta andaina bitalNon dubide ninguén que sen o voso estar, este bló non podería ser. 

Na hora 17 láminas, 75 videomímimos, 178 artigos, 828 comentarios e 3260 fotos  e algo máis de 60000 visitas van conformando a substancia que pode dar sentido ao obxetivo de dar a coñecer  a  extraordinaria riqueza en biodiversidade que atesoura o noroeste do Noroeste. Só se pode querer aquilo que se coñece. Só se defende o que se quere.

Pra un bló que non fala de fútbol, nen de política, nen de sexo, nen de  rexoubeos,  que se edita nun perdido curruncho do mundo   e  pra máis, vai  escrito con  amor radical nunha lingua minoritaria, maltratada polos poderosos e abandoada dos seus, 15000 lecturas anuais son pra este servidor de todos vostedes un motivo de arruallo e unha sospeita de espranza.

Apertiñas, totus meus.

Moita saúde e sorte.


Nota submarxinal: efectivamente os lectores deste bló xa se decatarían de que esta entrada, (en rigor re-entrada) é unha ampliación da que se publicou en xullo do 2010, a que se lle engadiron as novas láminas que dende aquela se publicaron. Dalas de novo á luz o día do carto cabodano pareceume unha  sinxela idea,  e ao mellor non inoportuna, pra celebrare tan humilde fausto.  Obrigado.

16 comentarios:

  1. Realmente preciossas as montagens, Rafa!
    De todos os jeitos nota-se muito a "tendência entomológica" do autor (especialmente a preferência polas bolboretas). Boto a faltar a presença dos meus amados herpetos. De seguro que o hás corrigir no futuro...
    Umha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Obrigado, Xabi, moito obrigado...certamente teño querencia polas bolboretas...e ti algo de bruxo, pois ando traballando en recortar reptis e bichería afín,aínda que non son tan doados coma as volainiñas, pero xa se facerá o que se poida. Moi lindo galegués o seu, señor,( ou é portulego?) de certo que me agrada... e aínda me da ideas.
    Apertiñas e a mandare.

    ResponderEliminar
  3. Ai!, si....o do "galeguês" saíu-me assi..Fum reintegracionista durante 14 anos (como a pessoa que desenhou o teu bloge, que imagino quém foi). Às vezes, dá-me por aí e "volto às origens" (é para nom o o esquecer, que me levou moito tempo aprendê-lo..)

    Saúdos.

    ResponderEliminar
  4. Gosto do galegués, máis que prefira o galego e o deseñador do bló foi ..¡blogger!...resulta que cando o principiei decateime de que o programa de confección non tiña os tíduos en galego e diante de ter que poñelos en castelá preferin o portugués por "pura pureza"
    Apertiñas meu, dá gosto con xente así.
    A mandare

    ResponderEliminar
  5. PÑreciosas fotos. Coma sempre. Bicos. María.

    ResponderEliminar
  6. Agradecido por esta breve, sentida e garimosa mensaxe. Da azos, que nunca sobran. A mandare.

    ResponderEliminar
  7. a los ingleses tambien nos gustan....

    ResponderEliminar
  8. ¿ Ingleses que escriben en castelán e leen en galego? Extraordinaria avis, abofé.
    Moi agradecido, pois.
    Apertiñas. english people.

    ResponderEliminar
  9. Olá Rafa, aquí Miguel.

    O certo é que é un deleite para a vista poder observar todas estas creacións visuais túas todas xuntas na mesma entrada. Agradézoche que fixeras esta entrada só para os siareiros e siareiras do teu bló, algo que sen dúbida fai louvanza da túa persoa como blogueiro e como naturalista.

    Unha gran aperta.

    PD: xa me tarda dar unha volta contigo por aí calquera destes días. A fraga dos Casás non sería mal destino.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas Miguel...alédame que che gustasen. Os ceareiros do meu bló non merecen menos, senon moito máis.

      Sabes que prefiro ceareiro a siareiro, por ser na miña opinión a palabra verdadeira e matriz. Ceareiro é a persoa aquela que acostuma a ir cear habitualmente á mesma casa. Andando o tempo debeuse facer equivalente ao castelá "parroquiano". E modernamente, adoptando a grafía da fala "seseante" e o cambio de e polo i, tan propia da costá, os locutores da TVG ampliaron o seu siñificado aos "seguidores" dunha equipa de fútbol: Os siareiros do Racing, un supoñer.

      Por iso eu aos habituais do bló, aos que blogger chama "seguidores", dei en chamarlles ceareiros, por soerguer do esquecemento unha vella e fermosa verba que poidese definir aos habituais concurrintes a calquera lugar, sen necesidade de sentirse acompañados polo balbordo furioso das moitedumes de futboleros fanatizados. Eis os siareiros.

      A Fraga dos Casás non é mala idea, non.

      Saúdame á xente.

      UNha aperta.

      Eliminar
  10. Hola Rafa, bonita recopilación.
    Ya ves a que horas estoy visitandote.
    Es que la chinita no me deja dormir..... si hombre la ..siatica esa.
    Un abrazo
    Luismi

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas Luismi...sinto o da doenza, cuídate...espero que non che impide achegarte a Cedeira estes días...hai que botar unhas risas contra siáticas.

      Apertiñas, reparte con MAría José.

      Eliminar
  11. Parabéns, Rafa, por estes quatro anos de contributo para não perdermos o conhecimento do que nos rodeia.

    A respeito da língua:

    A nossa língua é minoritária aqui, onde nasceu, mira por onde, mas só nuns âmbitos mui determinados. Pode parecer uma cousa sem importância, um processo mais da mudança contínua do nosso mundo. Contudo, sabemos que não é assim e que o processo destrutivo tem uma progressão geométrica.

    Cada dia perdem-se as formas e as palavras da fala de alguns lugares. Com cada palavra morta, afogada no esquecimento, tremem os alicerces de uma língua com mais de douscentos milhões de falantes.

    Sem baixar a guarda, cumpre sermos optimistas, porque temos ainda uma grande maioria de falantes monolíngues. Temos gente a trabalhar, remexendo na história, para recuperar o perdido. Temos também companheiros e companheiras com ânimo de retificar e fazer uso do galego. Temos falantes e acadêmicos do galego-português dando o seu apoio à nossa causa. Temos falantes doutras línguas que se interessam polo galego e o tratam com um imenso respeito. Temos pessoas como tu, que dão vida à palavra para transmitir as cousas que amam.

    Não somos minoria, não. Quem lhes dera...

    ResponderEliminar
  12. Obrigado Galdo polos parabéns e máis aínda polo optimismo.

    Hai días confésocho que eu tamén penso que hai futuro, máis baixo ao super, ás rúas, as escolas, escoito e... vaiseme a confianza coma o fume se desfai co vento. Maioría de monolingues? Ogsllá houbera tan só maioría de empregantes.

    A última estatística que coñecín, do 2006, fala de que só o 5% da cativería de menos de 6 anos falan galego. Ogallá sexa un dato falso. Ogallá. Pro eu que ando por Galicia adiante, escoitando por aprender, sei que cadra moito coas miñas observaciós: cada día é máis difícil dar con nenos, sexa onde sexa, que xoguen entre si en galego. Tristemente.

    MIra ti por onde dei cunha excepción: os Pobos da Fala, en Cáceres. Se nos os galegos gardásemos a nosa lingua coma fan eles, estremeños da Estremadura, coa súa fala galega, daquela eu tamén sería optimista.

    Compre seguir batallando, dende logo, pra ver de rematar coa doenza que enchoupa a alma da galeguidade, que non é outra, na miña opinión, ca a ausencia de si.

    Certo que a comunidade de falantes de portugués é moito grande polo mundo adiante e non parece que poda desaparecer facilmente, pro na Galicia a cousa é moito diferente. Pra empezar Galica e Portugal son dúas irmás viradas de costas e que nen se coñecen nen se recoñecen. Ando sempre que teño ocasión por Portugal adiante, teño consultado os seus textos escolares e Galicia non existe pra Portugal. A práctica totalidade dos portugueses, descontados os raianos, non saben nada de Galicia, mesmo que exista. E o que os galegos saben de Portugal menos aínda, cando non certo cheiro a desprezo, tristemente.

    Verdade é tamén que no norde de Portugal xermola o sentimento gallaecico e pouco á pouco, e á contra do centralismo luso-lisboeta,que despreza a súa fala galega, vai medrando o coñecemento de ser Portugal unha consecuencia da "xenialidade galega" e pouco a pouco, moi pouco a pouco, se vai criando o coñecemento de non ser o portugués unha consecuencia do latín, se non do galego. Pro moi pouco a pouco.

    Bourar seguiremos bourando, e dende logo unha manchea de xente con optimismo e confianza sodes máis necesarios ca o exército de deprimidos tristeirós nos que eu ando militando.

    De novo obrigado, por tanto.

    Saúdame a xente e que pasedea ests datas e todas cantas veñan que desexo sexan moitas e por moitos anos, con moita saúde e sorte, pois xa sei que confianza, o optimismo e a ledicia, van con vós.

    Apertiñas.

    ResponderEliminar
  13. Os meus nenos sempre usaram o galego para comunicar-se, criando-se na Terra Chã, ao pé das Lagoas de Rio Caldo, entre as paróquias begontinas de Pácios e Bóveda.

    Em Moeche não tiveram problemas para seguir usando a sua língua com naturalidade.

    Ao chegarmos a Cedeira, o conto empezou a mudar: o mais velho resiste e não dá importância ao que lhe digam por falar em galego. O mediano já fala em castelhano com alguns companheiros e escutei conversas entre eles, questionando o feito de que um companheiro fale galego, entre uma massa case uniforme de falantes de castelhano. O mais novinho vai aprender a falar e comunicar-se aqui, em Cedeira, há-se de ver o que passa. O nosso pode ser uma experiência sócio-linguística bem esclarecedora.

    Um dia depois do entreinamento de futebol, diziam: "Hablas gallego, pero todos hablamos español. ¿De dónde eres? ¿Quiénes hablan en gallego? Los de Vigo, los de Vigo hablan gallego."

    Pequenos de seis e sete anos completamente desnorteados na questão da língua. Pequenos que não percebem e ainda não se questionam o porquê dos seus avôs falarem galego e eles não. Uma anomalia como esta é difícil de compreender para umas mentes tão novinhas. Isso se chegam a considerá-lo uma anomalia. Muitos dos seus pais não o vem assim.

    Eu ainda observo zonas monolíngues, mesmo em Trasancos, onde os pequenos se comunicam em galego. Contudo, em qualquer destes lugares podemos encontrar fenômenos diglóssicos, em maior ou menor grau. O problema está aí e temos que atalhá-lo, com todo o otimismo do mundo e com determinação, cada um achegando o que poida.

    Casos como o de Cedeira, onde a frenética velocidade da destruição do idioma é evidente, onde a transição do galego para o castelhano nas últimas três gerações é quase completa, são o final do caminho, onde a volta atrás é praticamente impossível. Eu a Cedeira não saberia por onde colhê-la. Aí não sou otimista.

    Teremos que conformar-nos com as excepções, com a subsistência do idioma e alguns conhecimentos ao abeiro de umas poucas famílias privilegiadas e alguns mestres perseverantes como tu.

    Saúde e terra, meu. Boas festas e a ver como chega o novo ano.

    ResponderEliminar
  14. Certo amigo, Cedeira é un caso desnortado, onde a influenza da cidade de Ferrol se deixou sentir especialmente, pro me parece que non é o único caso: en Cariño e Ortigueira está a pasar o mesmo, e en tantas outras.

    Perseverancia, arruallo e intelixencia pra abordar unha cuestión moi complexa fannos falla en doses extraordinarias. Os neofalantes son a espranza exemplar e a punxente emerxencia do Brasil coma unha potencia económica deberíanos de servir pra estimular a recuperación de espazos e falantes. Algún familiar teño que no seu curriculum laboral xa escribe "Portugués práctico" e dende logo se na hora tivésemos unha grafía ortográfica compàrtida, sería unha grande vantaxe económica.

    Certo que cando hai un mestre que traballa a prol do galego, sen desprezar outras naturalmente, os alunos acollen con ilusión e confianza á súa lingua e fan uso dela con naturalidade e por experiencia sei que ademais con chufa e ledicia.

    Comparto que facemos falla todos, cada un dende a súa óptica e saber, e que hai que andar a facer camiño xuntos desbrozando montes de iñorancia e descoñecemento, o primeiro e fundamental a Historia de Galicia, pra sabermos quen somos e sentir o arruallo de sermos, que se non fora pola vella Gallaecia, nen España nen Portugal terían sido!.

    Nalgún senso pódese argumentar e defender con razós sobradas nas que non faltará o humor que España e Portugal son dous produtos galegos coma o lacón con grelos ou o polpo á feira.

    A mandare meus amigos. Saúde e terra, e sorte tamén.

    Apertiñas.



    ResponderEliminar