mércores, 12 de decembro de 2012

Xente nos xardós.




Mirando dende a fiestra da túa casa, podes chegar ás máis lonxanas estrelas. Este versos, de tradución libérrima,  conformadores da sustancia do décimo poema do Libro do Tao e reveladores coa velocidade da lús da verdade do poder  da quietude, viñeron o meu maxín dende as lonxanas illas da xuventude estoutro día de escuro inverno, pra suxerirme me acodase a ventá da casa, argallase un buguío con coxíns, cortinas e almofadas, e dende a mentireira sombra do interior da chambra, aproveitando un único e adecuado oco que pra os meus fins fixera entre tanto aparataxe defensivo, espreitase os acivros do meu pequeno tarreo, coa firme seguridade de que entre as súas pólas ben froitadas atoparíame  cun mundo de salvaxes exotismos cotiáns. 

O mal tempo, auga, vento, frío e escuridades  do inverno inspiraron outro tanto, ou máis, ca os versos do Libro do Tao a miña firme resolución de facer observación naturalista salvaxe dende o cuberto, ao quentiño, amolecidamente repousado entre almadraques e almofadas e  sen ter que moverme do marco da fiestra da miña casa: un ollo nos acivros, o outro nun cafeíño.


O rosario de santos que vai xa, quere dar a entender a importancia que pra a mantenza invernal da xente de pluma e froixel teñen os xardós dos acivros.

Agora que os xardíns das segundas residencias andan a conformar unha das implantacións de multidiversidade de especies botánicas exóticas máis aceleradas e importantes da Historia Natural de Galicia, de cuias consecuencias  temos que andar xa precavidos pra poder empezar a definir, os propietarios destes novos espazos botánicos poden axudar grandemente á sobrevivencia de especies habituais tan só prantando nos seus xardinciños da fin de semá, dous ou tres pés, se media ducia mellor, de froitadores acibros, de saborosos capudres ou de farturentos estripeiros. 

Será cuestión de gustos, pro eu non vexo máis fermosa unha buganvilla ben floreada ca un xardón rebentando, un capudre callado ou unha xesta chovendo agaceiros de ouro.

Será cuestión de gustos.

Aí quedamos.

































E desexando de todo corazón que as datas de festa que están a caernos, ía escribir esmagarnos, resulten o máis livianas posibles pra vós e toda a vosa xente, e sen saber de   mellores palabras pra poder expresarvos o meu agradecemento, que pedir que desfrutedes  da vida longamente con moita saúde e sorte, mándome calar.

Apertiñas, xente.


A mandare.




VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video
Tordo e papuxa nun acibro.


...así é que, ben se entende, en sete días quedaran as pólas dos xardós case baleiras; velaí...


4 comentarios:

  1. moi boas tiveches paciencia , para esperar os paxaros , gustanos a toda a familia

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola familia...metín un par de fin de semás que viñeron un pouco desavogosos en botar un ollo aos acibros; co mal tempo que anda a caer o corpo non me pedía molleiras e certo é que lles fixen uns centos de fotos, pro non sei eu se con tanta pacencia coma disfrute.

      Alédame que vos gustara, de veras que si.

      A mandare.

      Eliminar
  2. Preciosas fotos Rafa e bon consello-sugerencia para adornar os nosos "xardins"...Coas marabillas que temos por aquí e sempre buscamos as de Aló, alí ou Acolá
    Hoxe vou reconocer que a maioria das veces teño que leerte co diccionario na man, e incluso atoparlle o significado a unha frase enteira; de certo que é así, teño que reconocelo . Outras veces sorpréndesme con verbas que xa tiña olvidadas e nalgunha ocasion aparecen aquelas as que eu lles dába outro significado; "Eres la leche Amigo"
    Por iso cada día que te leo penso o mismo - ¡Mimádriña, canto teño que aprender¡
    Moitas gracias por compartir tanto de xeito desenteresado.
    Apertas e moi boas festas. Mariví

    ResponderEliminar
  3. Olá Mariví...imos ver se esa idea se estende e cada día se plantan máis acibros e a vida salvaxe que anda por acó no inverno ten unha fonte de mantenza: de seguro que lles virá de marabilla.

    Vouche dicir algo: eu tamén escribo co dicionario na mao.

    E dende logo escribo, intento escribir, á maneira da fala nosa, coas nosas espresiós, xiros e verbas propias.

    Paréceme que todos temos que aprender de todos, pro, se ascaso, antes de aprender de min buscade mellor mestre.

    E non me dés as gracias, teño que dalas eu por andardes dándome sostén e acobillo, polas palabras tan xenerosas que me regalades e polo seguimento tan garimoso deste bló.

    Que teñas moi boas festas e todas cantas en anos vindeiros, que desexo sexan moitos e moitos, andes a desfrutar ao pé da túa xente querida.

    Apertiñas.



    ResponderEliminar