luns, 30 de xaneiro de 2012

No noso pequeno xardín.


No invernoso decembro de 1996, onde el vai, as campas do norte da Galizia miraron asombradas coma unha moitedude fabulosa de pitos da neve recalaban nas súas amilagradas herbeiras. Meu fillo e un servidor, non deixarán que se borre da súa memoria a imaxe danzante de miles e miles de vanellus e estorniños revoando rítmica e harmoniosamente, conformando nubes que pechaban os ceos, por riba das abas vizosas dos montes das Enchousas, no concello das Somozas. É pra nós os dous unha patria mínima, na que só poidemos estar uns poucos minutos dun solpor de inverno. Pro aínda vivimos nela.


A revista cedeiresa Litoral Norte publicara en xuño do ano 1997 o cativo texto que a seguir irá. As razós do porqué un texto escrito na primaveira, se dera á impresa en xaneiro e se publicara en xuño, só han ser   comprendidas polos que teñan  gastado moita vida na edición, case underground, de prensa local. Escusareille ao resto un rosario de laios e saloucos.


Hoxe, cabodano do pasamento de Gandhi, Día Internacional da Paz, retomo ese texto practicamente sen engadidos nen rectificados. As razós pra súa publicación en 1997 serían as mesmas que hoxendía, seascaso na hora podería servir, ogallá, pra un chamado á concordia na propia parroquia naturalista. Fornecede esa ilusión, hei quedar con vós moito obrigado.

 
Este é o texto publicado no Litoral Norte:

"No pasado Nadal, fuxindo do temporal de folerpa e frío que azoutou ao territorio europeo, enormes bandadas, antes nunca vistas, de emigrantes pitos da neve, Vanellus vanellus,  arribaron ás regas e campeiras do país galego. Chegados de terras habitadas por xentes civilizadas, respetuosas e coidadosas da Mai Natureza, viñan mansas e desprevenidas a repousar e coller folgos nas verdescentes chaeiras galegas, confiando en que estas fosen un solidario solar, un  abeiro hospitalario de acobillo e  descanso.


Pero se o Nadal é tempo de ledicia, de  xesusiños e de nacementos, tamén o é de tristura, de herodes e  de xenocidas. Desgraciadamente os abundantes escopeteiros que campean sen control e sen lei polos montes do país, aproveitándose da confiada crianza civilizada dos pitos –e da permisividade da Lei de Caza- fusilaron, acribillaron e finalmente devoraron a centos, seguro que a miles, deses cosmopolitas espíritus divagantes que disfrazados coas hermosas plumas das avesfrías, traspasan libremente as burocráticas fronteiras dos estados e, burla burlando aos gobernos burgueses, dan en ser dos poucos europeos consecuentes, dos escasos e verdadeiros cidadáns dun mundo ceive.

As palabras que seguen, escritas para a miña intimidade na agarimosa primaveira pasada, dounas a impresa hoxe- cabodano do pasamento de Ghandi- en homenaxe sentida ás víctimas inocentes desa cruel mataghanza de paxariños, a máis ruín, covarde e xigantesca que viron os últimos anos da historia de Galizia. Velaí van:


“No noso pequeno xardín vivimos moitos. Agora cando xa vai o maio mediado, ándalle a todo o mundo arrequecendo o traballo. Dunha medrada tulla que hai no tarreo de Carmiña, o carrizo vai e vén todo o día carretando bicadas sen parar para a súa miúda rolada, que se sente rechouchíar lenemente no fondo verdescuro da árbore. Os ferreiros achegánse ao comedeiro, que dispuxen nunca esquina abrigada, dende tres niños diferentes: un da finca dos Usero, outro da horta de Agustín e outro máis das silveiras  de detrás de Tras das Cercas. Co que máis disfrutan  é con levar nas patiñas un bon faragullo de pan para as polas da maciñeira e alí regalarse peteirando no pedaciño antes de levarllo á compañeira, que agora debe de andar chocando os ovos. A papuxa -¡quen o diría!- co que máis se relambe e coa galleta fontaneda e o pimpín e un adicto aos graos de arrós. Os merlos andan aos saltós e as miñocas e, de postre, pápanme os careixós. Os paporroibos son moi confianzudos e co seu aquel no ollar, tímido e insolente á vez. Os pardais veñen sempre en greada e, rifando entre eles, van deixando de cotío a caixa medio baleira. Antes caíase un tordo, pero hai xa tempo que non vén: ao mellor porque deixei de poñer caricolas pequerrechiñas no comedeiro. Hai uns días apareceu o paporroibo rei, a petiscar nas sementes da herba de San Antón que medra entre as pedras do muro que linda coa leira do cura. E, de vez en cando, a cincenta, os xílgaros, os  míos, os  tuís, as subeliñas, as mariquiñas, as lavercas ou as pegas carrachentas visitan o noso pequeno xardín, onde saben que hai un curruncho amable para folgar e manterse, unha zona liberada de escopeteiros matarifes, sen outros perigos que a aparición súbita do gavilán, o andar silandeiro dun gato ou a alta sombra do falcón, que ontes abateuse, cun ruido opaco e unha desfeita de plumas, contra o peito dunha pomba das do Fanxé e marchou con ela na tarde, remontando os tellados, repinicando nas ás rumbo os esgrevios cantís da Punta Falcoeira, onde ten armado o niño e agárdano os noviños, que hai días xa  romperon a cáscara.
         No noso pequeno xardín, chamado mundo, vivimos moitos. Que sexa en paz”



Moi boas horas, miñas e meus; quedade coas miñas obrigas pra con vós por seguir aí.

Moitas mercedes.

A mandare.




VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video

Picanzo na Plaia dos Morouzos.

luns, 23 de xaneiro de 2012

Aro enlorado en redes furtivas

Na miña particular relación co colesterol, uns días a favor outros en contra, dei en coller o costume de camiñar a diario ate a Punta do Espigón do porto. Así, a parte de librarme de quedar a levedar, sonecando, diante do ordenador, vou tomando rexistros das xentes que veñen de recalada na invernía, uns días unha mobella, outros unha hiperbórea, outros as bandadas de chíscalas pescando en orgaizadas corporaciós de mareantes, e aínda de paso, algúns días disfruto da sabia compaña de Alvaro Porto Dapena con quen aprendo tanto dos indovindos misteriosos das palabras. Privilexios cedeireses.

A declaración de Reserva Mariña da Ría de Cedeira, no seu momento acollida con moitas dúbidas e reticencias, cando non aberta oposición e encuberto entorpecemento, dá arestora, na opinión de todo o mundo, excelentes resultados: o peixe, é un dicir mariñeiro, anda facendo ferver as augas. Sábeno ben as aves mariñas que entraron coma nunca este ano e sábeno ben os furtivos, que serán poucos, pro son e non deixan de tecer e tender redes.

Ía servidor sen pensar nestas cuitas, se non noutras, dando o seu paseo case diario ate a Punta do Espigón. Ao chegar a vella Punta do Muelle, a altura da rampla, repasei a marea por se alguén, buscaba unha mobella, quixera virme a aledar a andaina.

Pro non agardaba mirar o que no videomínimo miraredes:


video

Efectivamente un malpocado aro estaba mallado entre as redes dalgo parecido a unha volantilla. Non tiña moi boa cara. Parecía esgotado. As tanzas do nailon estaban enloradísimas ao seu redor e non tiña nengunha posibilidade de sobrevivir se non se libraba delas. Pro por el mesmo non podería nunca. Pra máis apreciábase claramente que por debaixo das augas unha boa cantidade de redes e cordas tiraba del pra o fondo. Era urxente poder botarlle unha mao.

Mirei ao redor por se había alguén que tivese unha chalana e nese mesmo momento, José Luis Martín, pasa no seu coche e faime un aceno amistoso. Eu chamo por el a berros. Da media volta e achégase. Xa sabe que me pasa algo raro.
Inquírolle: Tés chalana?. Teño, contéstame. Faime falla unha. Aí abaixo hai un aro  mallado nunhas redes e se non o sacamos afoga. Monta, dime, imos buscala. Sen baixar do coche bota unha ollada profesional pra o animaliño e dime: Ai si, home, está ben mal.


José Luis, natural de Vilarrube, fora alumno meu no colexio de Atios,  e dende aquela mantemos unha amistade continuada que agora se confirma por lle poñer escola  aos seus fillos. Home intelixente e cabal, traballador e magnífico debuxante, arestora, logo de anos de andar de mariñeiro pra outros, fíxose cunha pequena motora e na hora vése armador, patrón e mariñeiro na mesma peza. Un galego dos que deberían entrar  cen nun cento.



Poñemos proa a Punta do Muelle e en pouco menos de cinco minutos estamos xa a altura do edificio da Cruz Vermella. Esculcamos a flor da auga pra apreciar por onde aboia o animaliño. Eu, temeroso, sempre un agonías, ao non o ver na primeira ollada penso se non se afundiría xa definitivamente e se non chegaríamos tarde. Ao mellor molesteite pra nada, José, dígolle, Tranquilo Rafael, que seguro que anda por aí. Ten que andar, dime calmoso, sereno como é.

Efectivamente tiña razón. Vémolo arrimado ao muelle, medio revirado, impedido, sufrindo. Parece completamente esgotado.


 

José Luis maniobra coa precisión e a autoridade do coñecemento, el é o mestre, arrima a chalana con delicadeza, apaga o motor, deixa o goberno da mesma á marea e   pilla ao aro con tino e atención, unha mao na ave, outra nas redes, coidando  que non se eive co peso do enmallado que tira del pra abaixo, querendo aínda agora arrastralo ao fondo, senon afogalo.

Eu, testemuña muda, só gravo e rexistro. Onde hai patrón non manda mariñeiro. E moito menos muchacho ocasional.


video

O aro parece estar en moi bo estado, máis alá do esgotamento natural e do terror pánico que inunda cada unha das súas prumas e neuronas. Móvese ben, e nunha análese á ollo non nos parece que teña nada particular, non apreciamos negunha ferida, nen lesión visible.

Sen outra reflexión, por puro instinto, decidimos liberalo decamiño, pra que así canto antes recupere a liberdade e atope as posibilidades de recuperarse por si mesmo. Que máis podemos facer?

video

Ficamos un tempo seguindo a certa distancia os seus indovindos. Pouco a pouco imos vendo como se move con máis soltura. Os movementos dunha ala, que parecían torpes, e deunos a pensar se non estaría eivado, van collendo lixeireza e naturalidade. Ao mellor só estaba acalambrado pola postura forzada da presión das tanzas. Mergúllase con soltura e aínda que non pasa moito tempo baixo das augas, imos vendo como se vai distendendo, esponxando de vez en cando a plumaxe. Danos a impresión de estar contentísimo.




Seguímolo un pouco máis, (pra non molestar sempre a unha distancia prudencial), no seu navegar  por entre os barcos do porto. Agora mergúllase menos. Déixase ir coa marea, aboiando na flor das augas, sen dúbida descansando e folgando, recuperándose. Un alivo.





Haberá que irse e deixar que o aro siga a súa vida. Saúde e sorte pra todos. Ollamos unha última vez pra el e daquela xira un pouco a cabeza cara a  nós e refola toda a prumaxe. Fórmase unha chuvieira de gotiñas de augamariña. José Luis e un servidor aprendemos como se dan as gracias no idioma dos aros: cun xeitoso rebulir de plumas e  un ledo chafarís de escumas. 



Imos indo cara o muelle. A bordo da limpa e coidada chalana, vai a rede que tiña atrapado ao aro. Unha volantilla furtiva, feita dunha maneira artesanal, torpe e elemental, que sería calificada con toda a sorna cedeiresa de artistada por  un mariñeiro co que parolamos ao desembarcar.


O tamaño e o peso da furtiva volantilla de ocasión, desplegada en terra, facíanos comprender mellor os problemas e os sufrimentos do malpocado do aro, que tivo a desgracia de mallar entre os fíos, verdinvisibles, desa delictiva rede tendida, contra toda lei e norma, nunha ría declarada Reserva Mariña Integral; sabia decisión esta que está conseguindo recuperar pra biodiversidade, e riqueza futura, unha ría esquilmada pola depredación irracional. Quedan mariñeiros de lei.


Levar a rede asesiña ao contenedor azul ultramar do lixo, era unha tarefa que sen agobios, podía facer este muchacho con total soltura, así que agradecéndolle a José Luis tanto, e en chocándonos as cinco, collín a rede, leveina ao contenedor, tireina alí, e seguín a dar a miña andaina casediaria, ate a Punta do Espigón.

Esculquei cos prismáticos por onde andaba o ariño e con satisfacción mireino aboiar calmado por entre os barcos, non lonxe da vella Punta do Muelle, un pouco pra fóra.

De volta pra Cedeira, alí me parei pra mirar del por última vez. Dei en ollalo lonxe. Xa ía navegando cara a boca da ría.


Non era máis ca un puntiño escuro, case inapreciable, entre o Nuevo Madre Dolores e as boias relaranxas dunha galga. Un diminuto trazo escuro diloíndose entre os indovindos das ondiñas do mar. Unha casenada perdida. Como somos todos: casenadas sen importancia universal, nada máis que sospiros dunha vontade de vivir aboiando nun inmenso espazo de silencio. Aros no mar resistindo. Iso somos.


Mil gracias mil, miñas e meus, coidarvos das treidoras redes que tantos, e tantas, tenden. 
Apertiñas.
A mandare

mércores, 18 de xaneiro de 2012

Branca hiperbórea en Cedeira


Seguimos de recalada invernal. Habería de editar unha entrada sobor dunha mobella, Gavia inmer, que leva uns días pescando entre as barcas do porto de Cedeira. Pro hoxe ao saír do traballo xirei, coma sempre, os ollos ás areas da praia por ver se había algo. Un borrón albarizo, grande, entre as gaivotas e gaivotos de a diario enchoume o corazón de ledicia: ¡O demo me leve! ¡Unha branca!¡Por fin!

Subín a todo meter polas  rúas encostadas de Cedeira. Cheguei á casa. Pillei a cámara e baixei con présa e medo de que se tivese botado a voar: sempre hai un perrumano que no ten nada mellor que facer que andar axocando gaivotas, pra vana satisfacción orgullosa do seu esclavo, que, necio, se pensa seu dono.


Murphy, por unha vez, estaba xantando, ou nas verzas,  e os perrumanos con el. Que lles aproveite. A praia andaba abondosa en gaivotas e, non sendo unha neboeiriña mesta, baleira de estorbos. Aínda parecía que algunha outra gaivota máis fora chegando. O albo borrón ledicioso estaba alí e algúns gaivotos, catro, completaban as marabillas do día ofrecendo un contrapunto de lousa emprumada á brancura de saraiba do froixel da gaivota.


Entre todos eles destacaba este, todo un home, que cando se erguía parecía que todos se facían máis pequenos ao seu lado. Non direi medo, pro respeto si que impoñía.


Todas e todos estaban na praia pra repousar e amañar a prumaxe. Quen máis quen menos, andaba a despacharse amodo, movéndose mansamente, refolando, estirándose, alisando as prumas, recompoñéndose dun xeito ou doutro. O mundo, coa gris discreción do día e o arrourrou quedo da marea, parecía un lugar pacífico e a Praia da Madalena, ulindo a xebra e a néboa, unha  parcería  do paraíso prometido. Un Ceo na Terra. Hai intres así. En Cedeira, si.


Servidor non tiña ollos máis que pra gaivota branca. Levaba todo o inverno desexando encher os ollos coa metáfora  de felepa alada dunha gaivota do xeo, unha desas  que chegan ate as nosas plaias dende as extremas latitudes polares. Pro este ano, e ate o de agora, non se me deixaran ver. O inverno pasado e o anterior, tampouco.


Uns anos máis ca outros, un número indeterminado de brancas gaivotas polares achéganse a recalar ás nosas praias, dende as súas lonxanas zonas de cría e pervivencia nas terras e mares que arrodean o Círculo Polar Ártico. O ano 2009 marcou ao parecer un fito importante no número  de gaivotas brancas que  chegaron. O eximio paxareiro e excelente fotógrafo, Pablo Gutiérrez, Travelling birds, chegou a falar da "autopista Galicia-Groenlandia".

O mestre Antonio Gutiérrez, Gaviotas y anillas, leva conta e razón de todas elas e de seguro en acabando a tempada ofreceranos polo miúdo os recontos de todas elas. Anticipamos gracias. A el me endereitei, abusando da súa amabilidade e extrema educación, pra inquerirlle a confirmación exacta da especie que esta entrada vai protagonizando, xa que servidor dubidaba entre Larus Glaucoides, gaivota polar ou branca de Groenlandia, e Larus hyperboreus, o gaivoto hiperbóreo. Un sabe o que sabe: que sabe nada.


Larus hyperboreus de 1º inverno, sen xénero de dúbidas foi o diagnóstico certero do mestre. En poucas verbas aprendín que se hai que fixar no peteiro e no seu extremo ganchudo, na súa cor rosada a canda o das patas,  no ollo pequeno, no aspecto repoludo e fortachón, nesa curvatura do ventre e peito: todo o diferencia claramente dunha glaucoides, máis lixeira, máis elegante, máis pequena. Pra máis, aprendín que se o iris do ollo é escuro, e non claro e case transparente, indica con certeza que estamos ante un individuo no primeiro inverno da súa existencia.
Os que saben, saben e deles aprendemos; e por iso chamámoslles mestres. Obrigado, por tanto.


Un gaivoto hiperbóreo pois, anda arestora pola Ría de Cedeira. Aproveitar, meus queridos lectores pra poder botarlle un ollo. Anda a canda as outras gaivotas, moi ao pé da praia e  do malecó, moi doado de distinguir pola súa farda de albura rechamante. Ao que tal por se lle queredes facer unhas fotiñas sen lle dar a lata, acodados simplemente as barandas do paseo; e perfecto pra observalo con todo detalle e proximidade cuns largavistas calquera. Unha rara ocasión. Aproveitádea. Disfrutaredes.



Especie ártica e circumpolar,  considerada unha rareza en toda España, a única zona ibérica onde se lle pode botar un ollo, sempre e exclusivamente nos meses de inverno, son as   costás cantábricas e galegas. Somos, para isto,  uns privilexiados. Claro que ao cambio temos que poñerlle o peito aos temporais de noroeste que nolos tran arrastro.


Por se fose o caso de non terdes ganas de saír da casa, que vai o tempo refriando, ou en saíndo, non ter a coincidencia de dar co gaivoto branco, vou deixar no que a seguir vén unha pequena xeira de fotos, das moitas e moitas que lle fixen, pra que cando menos poidades desfrutar da súa infrecuente presencia pola nosa praia. E ao remate un sinxelo videomínimo que, ao mellor, non trema máis ca outras veces. Agardo que por iso non guste menos. Quedar en paz coa brancura invernal do gaivoto. Ogallá vos guste.













E polo de agora nada máis, miñas e meus. Agradecervos sinceiramente o andardes mantendo fidelmente este bló dende ese outro lado do telón de teclas. Sen vós sería tan só unha inmaterial ilusión dixital fallida.

A mandare.




Un achego pra saber diferenciar glaucoides de hyperboreus: premer.



VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV
video
Gaivota branca hiperbórea en Cedeira.

domingo, 15 de xaneiro de 2012

Aro, ou araxo, no Barqueiro.



Así mesmo é. Os portos andan a ferver de xente invernante. Se na entrada anterior poidemos amosar unha pequena mostra das carociñas e mascatos que andan a pasar o corazón do inverno entre nós, hoxe, unha ave emblemática, un aro, Uria aalge, quere vir a entoar unha miúda cantiga de espranza, dende as recollidas augas do Porto do Barqueiro.



Ata alí nos endereitaron estoutro día os ventos garimosos dunha entrañable xuntanza familiar. Ao  chegarmos, recíbennos, como non, a xeada, enxoita e clara brisa de nordés e aboiando entre as mainas augas azuis a figura inconfundible dun álcido. Servidor, obsesionado por tanta carociña que veu estes días, imaxina que aí entre os barcos, anda navegando unha outra.

Desculpándome coa familia, que aproveita pra facer mil coñas á conta do meu vicio, "o teu xa é tricio, pá", dou en achegarme ao malecó, pra mirar de rexistrar algunha imaxe da presunta caroza que aumentase  e mellorase, non ha ser difícil, o arquivo persoal da carpeta  Alca torda.

Nen pensar un intre na posibilidade de poder ver en porto a un Uria aalge, un aro, un araxo, un arao dos cons. Esa idea simplemente non entraba no cálculo de probabilidades.  Moito menos poder dar con un, manso, tranquilo, acomodado, mergullándose amodo, pescando co seu aquel de folgazán preguiceiro, indiferente do mundo, displicente con todo. E moito menos debaixo mesmo do muelle. Ao pé do peirao. Alí mismiño. Na vida.

Pro alí estaba, de vagariño, deixándose arrolar polas arrotiñas, entre os ardentes refreixos das cores barqueiras, coa súa farda invernal relocente e con ese aire certo de pingüín que xa advertiran os redactores dos dicionarios "Aro: Pingüino, pájaro bobo. Ave de paso parecida a un pato pero más pequeña. Los días de mucho temporal se aproxima a la costa, donde se le puede coger a mano   (Real Academia Galega, 1913-1928; Diccionario gallego-castellano)"

Un regalo das horas. Mirara hai moitos anos, setembro do 1988, un par deles, na parte dabaixo dos cantís de Herbeira, alá pola Pescadoira. Pro fora velos, verme, e fuxir voando. Un visto e non visto. Unha conta pendente. Na ocasión presente deixóuseme ver (¡ao meu lado!¡a menos de dous metros!¡con toda a pachorra do mundo!) ata que cansei, é un dicir, de mirar pra el.

Os aros foron xente de a diario ao nororeste do Noroeste, onde criaban nas penas dos esgrevios cantís da Capelada. A  degradación marítima, os sentinazos continuos, os malditos  Casón, Andros Patria, Mar Exeo, Prestige... que ogallá Nunca Máis volvan, a sobreexplotación pesqueira, o enmalle nas redes, a vella costume de irlle coller os ovos, a caza cobarde, o cambio climático.... desfixeron as súas poboaciós e deixaron na nosa costá  galega tan só media ducia  de parellas aniñadoras, seica nos farallós do Cabo Vilán e nos cantís das Illas Sisargas. Tristes horas, estas nosas.



Na nosa infancia non era cousa rara, pro si pouco frecuente, que de vez en cando algún mariñeiro viñese da Punta do Muelle traendo a canda á chona un aro que mallara nas redes ou se confundira cos peixes dos engados do palangrillo. Naqueles anos 60, e finais dos 50, os aros eran e estaban entre nós. Pro a partir dos anos 70, e finais dos 60, empezou a diminuir o seu número dun xeito acelerado.



Sáibase que polos anos 60 estimábanse en cerca de 1500 parellas as que aniñaban nas costás da Galizia. A Estaca, Os Aguillós, O Limo, As Sisargas, A Illa de Ons e as Cíes eran patria familiar de numerosas colonias de aros. As  das costás Capeladas calculáronse en cerca de 1000 individuos. Máis ou menos.

Cara o ano 1980 a poboación galega de aros aniñadores tiña xa practicamente desaparacido. Un declive rapidísimo e tráxico. Nese ano na  Capelada xa non se observa nengún, non sendo dous pousados nos Aguillós. Na gaveira de Veigue, Ría de Ares, cénsase por última vez no 1975. Nas Sisargas, en 1948 cénsanse 660 individuos, que son só 30 en 1975, 11 en 1985, e só unha  parella nidificante no 2004. En Cabo Vilano cítanse 300 aves en 1960, no 1982 recóntanse 63 individuos, na actualidade 5 ou 6. Na Illa de Ons a primeiros dos anos 60 calcúlanse 36 parellas, en 1968 xa desaparecera. Nas Illas Cíes en 1960 aniñaban uns 800 individuos, unha década máis tarde só quedan 12. No 1982, só se localizan dúas parellas nidificantes e en 1986 nengunha.
A elocuencia dos números, aforra comentarios.


O aro ten alas curtas e patas moi retrasadas estando a súa morfoloxía máis adaptada pra natación submariña, (dise que realmente "voa" por debaixo das augas), ca pra ao voo aéreo que neles é  moi pouco versátil e moi en liña recta. Ao pousaren en terra, sempre ergueitos e con esas patiñas tan curtas e retrasadas, semellan realmente pingüíns. E aínda haberá que lembrar que o nome de pingüín provén dos álcidos, da extinguida caroza xigante, Pinguinus impennis,  ao chamaren  así os primeiros navegantes europeos dos mares antárticos as especies máis ou menos parecidas que se ían atopando.



Especie moi gregaria e social, aniña en cantís en grupos de miles de individuos, aproveitando calquer peitoril das pedras pra chocar o ovo, sen facer niño, resaltando a circunstancia adaptativa de que este ovo é piriforme, máis ancho é pesado pola base co fin de asentar mellor e non poder arrolare facilmente ao xirar sobre si. Os seus costumes grupais danse mesmo na pesca, sinalando coa súa presencia reunida na flor das augas a existencia dun banco de peixes, o que deu en aproveitarse polos mariñeiros pra "pescar ás aradas".



Arestora son numerosos os aros que veñen pasar a invernía na altamar galega. Escasísimos, xa o vimos, os que dan en aniñar nas nosas costás. As estratexias para conquerir evitar a desaparición do aro dos nosos mares, inminente se non, pasan en primeiro lugar por reanimar unha poboación nidificante e seguidamente acabar coas causas que motivaron o seu eclipsamento. Algunhas (caza, captura de ovos, sobrepesca) non parecen difíciles de conquerir. Outras (sentinazos, mareas negras, cambio climático) esixen medidas de forza maior.
Pro primeiro habería que convencer aos aros de volveren a aniñar nas costás galegas. As estratexias de atracción social (colocar iconos de imitación, reproducir reclamos con megáfonos...) téñense prantexado coma unha posibilidade que noutros mares xa deu resultado. Téñense prantexado, non sei de que se levaran adiante.



Xente de mar aberto, faise raro, moi raro, miralos ao pé do malecó, petiscando, saberán eles que, polas paredes do muelle ou subíndose aos pelouros do peirao. Así   mirei a este exemplar estoutro día no Barqueiro.  Un regalo das horas, xa dixen. Ao parecer asegún me contan amigos do Barqueiro, segue a andar tan tranquilo pola ría. Que sexa por moitos días. Que sexa por moitos anos. A ver  se quere quedar a criar.
Esa cantiga de espranza é a que  canta. Eu sentinlla entoar no Barqueiro. Fagámoslle os coros.

Moi agradecido e obrigado por andardes aí, miñas e meus. Ate outra mellorada.

A mandare.


Estes achegos van :
a) Un magnífico estudo monográfico, publicado na web da Fundación Arao e coordinado por Xan Rodríguez Silvar, do que van tirados moitos, case todos, os datos, e coñecementos, que se manexan nesta entrada. Imprescindible.
b) Un sinxelo resumo, Wikipedia.
c) Unha nova do 2009, na Voz.
d) Un pormenorizado estudo do ano 2011, na revista Chioglossa.


VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video
Aro no Porto do Barqueiro


Na hora, quen non está indignado está corrupto, paréceme.