sábado, 27 de outubro de 2012

Azedeiras da Capelada


No mes de xuño do ano que se vai indo, Toñito do Barqueiro (Cousas do Norte) e servidor, déramos en ir polos cantís da Capelada por ver de ollar o estado das colonias de Iris latifolia, ou Flor de San Xoan, esa fermosa liliácea propia da outa montaña que posúe na  nosa serra poboaciós estables a menos de 200 m. de outitude. (Lembrade)



A Costa Ártabra está considera polo Ministerio de Medio Ambiente (Lembrar),  coma unha bisbarra de "importancia excepcional" pra a conservación da biodiversidade. A abundancia de endemismos e o seu precario estado de conservación, obrigaron ao Ministerio a considerar á Costa Ártabra e á Serra da Capelada, que a conforma e lle confire  personalidade, coma a 1ª zona de Galicia e a 5ª do Estado "de importancia excepcional" en orde a urxente protección e conservación dos seus requintados valores botánicos. Un tesouro de alfaias ártabras, díxose.


A particularidade botánica da nosa serra e os seus extraordinarios cantís, non só se fornece da riqueza en endemismos, se non, secomasí, da existencia dun bó número de especies propias da outa montaña que por unha serie de casualidades, condiciós e circunstancias (climatoloxía, relictos, xeoloxía, orografía...) teñen acubillo nos ouzais capelados e aínda por veces son de presencia única, ou case, en toda Galicia. Repasemos algunhas: Campanula rotundifolia, Gentiana vernaVeratrum albumFritillaria pyrenaica ou  o Iris latifolia que Toñito e un servidor andábamos a recoñecer, son meridianos exemplos da flora de outa montaña que ten un vivir de seu na Serra da Capelada.


Direi xa que a colonia de lirio azul que queríamos controlar, sen dúbida a mellor de todo o cantil, presentaba unha situación tranquilizadora con numerosos pés perfectamente sanos e conformados, ben que nunha moi pequena superficie relativa, con todos os riscos que tal escaseza de territorio poida representar cara a súa supervivencia. 

Así ledos e acougados polo que respectaba a situación do iris, poidemos subir o cantil entre conversas gratas e proveitosas, que non excluían a observación e fotografía dalgunha ca outra especie, ou cousiña xeitosa, que o cantil, na hora rebentando de vida, nos ofrecía. Sirvan os dous seguintes santos de botón de mostra.


O que arriba vai é o documento dun Lathyrus clymenum. Fermosa e pouco frecuente leguminosa que xa tivo acubillo neste bló e que parece ter unha poboación firme neste mesmo cantil. Vén abaixo a maimiña enxoita dalgún saltón, podedes chamarlle besbello, a paternidade de quen non sabería eu precisar. Maimiña, por se interesara, é un fermoso termo natural galego que define aquelas membranas moi finas e delicadas que se atopan na natureza. Velaí vai a maimiña deste saltón. Delicada delicadeza.


Nesas andábamos cando o ollo escrutador e certeiro de Toñito faime reparar nunha planta que medra entre o pedregullo esborrallado do ribazón... Pero esa planta que hai aí... non é... empeza a preguntar cando a miña ollada, que seguira á súa dende a primeira sílaba, da en falar... Un Rumex gallaecicus case berro... Estás seguro? inquíreme... Seguro non. Pro apoñería que sí... debín de dicir... se agora lle poideramos botar un ollo a Guía de Xosé Ramón!...laieime por puro vicio cultural. 

Daquela, Toñito fai algo extraordinario.


Desalbarda o fardel dos ombros, (cantil arriba, cantil abaixo cargado  co pesado obxectivo de 500mm, varias garrafiñas de auga conxelada, petiscos...) e do seu adentro, dalgún misterioso oco imposible, con arte de birlibirloque, fai aparecer diante dos meus ollos bobos... a Guía das Plantas de Galicia de Xosé Ramón García!!...  berrei.

Creédemo: pensei que a canda a min viña un naturalista prestidixitador,  habelenciado en ampliar a ilusión das  marabillas do cantil. 


A biblia manual do herbeiro naturalista galego actúal, a familiar  "Guía de Xosé Ramón", coa que tantos desfrutamos e aprendemos tanto, confirmou que a carón, entrallado nun mundo de croios, acompañado, entre outros, de trebos, Anthyllis vulneraria, estralotes, Digitalis purpurea, algún toxo, Ulex europaea e os tres soles marelos das flores dun posible Sonchus oleraceus, estaba un exemplar de Rumex scutatus spp. gallaecicus, taxon que fora descrito por primeira vez no ano 1989 por Lago Canzobre na revista "Anales  del Jardín Botánico" e que restrinxe a súa área de distribución mundial exclusivamente aos Cantís da Capelada, entre Cariño e Cedeira. Un elo natural entre pixís e discalzos. Un arruallo capelado. Outro máis.


"Planta perenne, glabra, con raiceira leñosa, glauca, moi ramificada xa na base... follas algo crasas... na mesma planta aparecen flores masculinas e femininas e hermafroditas... florece en abril-setembro en pedregais e chans removidos... parece moi semellante ao Rumex scutatus máis habitual en Europa, polo que é posible que só se trate dunha introdución reciente... considerada "vulnerable" en el Atlas y Libro Rojo de la Flora vascular Amenazada de España"... íamos lendo na Guía de Xosé Ramón.



Degoiraba realmente por poder botar un ollo consciente á azedeira da Capelada. Agora, de vello,  aprendín que tras dese aire de falsa berza azul que tantas veces ollara polo cantil, agachábase unha interesante especie única. Un endemismo  capelado que, pra máis, servía como especie directriz da asociación vexetal Loto glareosi-Rumicetum gallaecici, "una comunidad especializada que habita en las gleras de los promontorios de esta sierra" precisaban Oubiña, Soñora e Ortiz en 1996 cando na revista Botánica Complutensis -abaixo vai o achego- deron a coñecer  a existencia -entre as escorrentadas de croios e a cascarruaxe do cantil- dunha nova asociación  botánica que ten como véctor guía ao Rumex gallaecicus.

E por riba  fallábame no cartafol  de endemismos  capelados. Como non ía estar ledo! 



Observámola entre voces  gratificadas e gastamos unhas olladas en ver de dar polos arredores coa presencia dalgún ca outro pé. Varios exemplares, non sabería lembrar cantos, foron aparecendo nun pequeno radio de dez ou doce metros. A ecoloxía era a que se precisaba pra sere colonizada: cascarruaxe de pedras "de unos 20cm y bajo ellas con frecuencia está presente un horizonte orgánico-mineral de espesor variable, pero siempre existe contacto lítico próximo, lo que ocasiona un déficit hídrico y de nutrientes importante" (Oubiña, Soñora e Ortiz). E máis ou menos iso era o que tiñamos diante. 

Velaí van tres olladas doutros tantos pés  de  Rumex gallaecicus:




Pertencente á familia das polygonaceae, o xénero Rumex  comprende á nosa azedeira e a un grupo amplo de especies botánicas. Discútese, e algúns autores xa o asumiron, se poidera ser prudente gallalo nos catro subxéneros recoñecidos Acetosella, Acetosa, Rumex e Bucephalophora e facer de cada un deles un novo xénero. Plantas polo xeral ruíns e inzadoras,  corren en galego, asegún a zona e a especie, cos nomes ben coñecidos de aceda, acedeira ou labaza; e outros non tan famosos: ceda, aceda real, herba salgada, lampaza, herba alabarza(D.de D.) Levaran o nome que levaran, nunca se me deu a coñecer paisano que falara ben delas. 

Sendo caso que nos picaran as estrugas,  cóllanse decamiño unhas follas de labaza; as que,  estruchadas e refregadas contra da pel ate conquerir que un verdallento zume de seiva remolle á zona, provocarán un rápido efecto balsámico que adormecerá notablemente a picazón e fará nacer un sorriso de alivo. 

Nin daquela os paisanos falaremos ben da labaza: aproveitamos pra maldizer a quen nos picou.


Aceda, é tamén voz usada por Galicia adiante, en Ancares non hai tanto,  pra chamar ao xénero Oxalys, que de cativos triscábamos pra apreciar a súa frescura aceda na lingoa  e chamábamos herbas da fame. En Piornedo os avós aconsellan aos netos que se teñen sede no monte petisquen nas follas das oxalys, das acedas digo, pra que o acedo da folla lles refresque a boca. Acedeira aparece en moitos dicionarios pra denominar a bó número de especies deste mesmo xénero. Azedeira é a grafía que escolleron M. Serrano Pérez e R. Carbajal Villaverde pra denominar  no "Libro Rojo de la Flora vascular de España" ao raro Rumex gallaecicus. E azedeira foi o termo que elexín pra este artigo, por respeto aos padriños que a cristianaron, por ser grafía que me agrada e  por que esa voz  non deixa de vir arrastrada por un rumor que leva á matria: a Cedeira.


Mentres se discute cientificamente a validez taxonómica desta sub-especie, e por tanto a comenencia ou non de invertir esforzos na súa conservación, deberíamos artellar, in dubita pro reoun sistema de protección legal e efectiva que garantice a súa pervivencia, que non debe de ser outro ca unha xestión e regulación, con criterios naturalistas e conservacionistas, de toda a Serra da Capelada no seu conxunto e,  dun xeito prioritario, inexcusable e inmediato, de toda a línea de cantís e  dos cimais que os coroan. 

Se tal fixésemos, non só aseguraríamos a azedeira, senón que a fecunda sementeira da enxebrísima biodiversidade  da Serra Da Capelada, arca das alfaias ártabras, coas sementes do seu tesouro ben gardadas en terra virxe, acreditaría futuras anadas de culturas farturentas pra poder seguir gozando da bravura da costá destemida, deste xardín de ventos e flores no que canta o merlo azul e onde a corza brinca entre cons de anfibolita e penedías de calcedonia, pedras vellas, coñecedoras, escraquenadas, sobre  as que levantamos todos, día a día, o soño da Historia do noso mundo:  en condomiña entre os que pasaron, os que estamos e os que virán. 

A  parroquia de vivos e a parroquia de mortos.

Historia  natural galega ao noroeste do Noroeste.

Vaia polas ánimas.



Isto parece que se vén acabando. Quédanse moitas cousas por comentar e escribir: a facilidade do xénero para hibridare, os perigos concretos que asexan á azedeira, o debate mononuclear sobre a conveniencia  ou non de declarala  sub-especie propia... e tantos outros. Xa dixemos que Rumex é un xénero amplo e complexo. Quen quixer ampliar coñecementos ten máis abaixo os achegos. Por hoxe abonda. Non convén abusar da benevolencia de ninguén. Da dos meus estimados leitores tampouco.

Así é que, agradecéndovos de mil amores a oportunidade que me concededes de facervos chegar ao adentro dos vosos sentidos estes arumes da luz do cantil, estes murmurios da xente do ouzal, voume, polo de hoxe,  despedindo. 

Moita saúde e sorte, miñas e meus.

A mandare.


























Achegos:
a) A Ficha correspondente ao "Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España" editada polo Ministerio de Medio Ambiente. O pouco se é bó, vale moito. Un imprescindible. Entrade.
b) Un pequeno artigo, pro moi substancioso, de  María Inmaculada Romero Buján "La Flora vascular amenazada de Galicia. Catalogación y protección de las especies" Premer.
c) Completo estudo do xénero Rumex en Flora Ibérica, cos debuxos científicos precisos e fermosos. De categoría. Para entrar.
d) "Loto glareosi-Rumicetum gallaecici, una nueva asociación de los acantilados de Cabo Ortegal y A Capelada (Galicia, NO de la Península Ibérica)" por Juan Rodríguez-Oubiña, Xabier Soñora & Santiago Ortíz. Para saber.

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE  TV

video
Flor de San Xoán e azedeira da Capelada

domingo, 21 de outubro de 2012

Merla roiba no Cuiña.

Algúns habituais do bló téñenme chamado a atención por adicar tanto ou máis tempo a comentar temas  de fóra de portas ca a asuntos propios do noroeste do Noroeste. Non lles fallan as razós. Ao mellor debería cambearlle o cabezallo e chamarlle "Dende o noroeste do Nororeste" Pro certo é que nas saídas que podo facer por Galicia e arredores xorden observaciós que ben sexa por imposibles na nosa bisbarra ou por posuiren algún interese naturalista xeral, ou parecéremo a min, non sei negarme ao retento de facerlles entrada. E ao mellor tampouco debo.

Así é que a risco de levar algún escaldo de certo querido amigo, que estando moi lonxe da bisbarra prefire sempre os contidos locais aos exotismos prósimos, darei hoxe a coñecer unha pequena observación, non foron máis aló de quince minutos, de dous exemplares de Monticola saxatilis, o merlo roibo, nas penedías rochosas que cinguen o estreito e fermoso carreiro que leva dende o outo de Porto Ancares ate o cimal dondo do Cuiña, cabezo da Serra de Ancares.

Consólame e alívame o sabere que cando menos outro amigo, este residente intramuros do noroeste do Noroeste, felicitarase de ver cumprida unha petición moi teimuda. Aí che vén, meu.


Corrían os últimos días de agosto. Era a última das xornadas  que adicaba a subir  aos Tres Bispos, ao Mostallar e ao Cuiña. O día aquel tocáballe o Cuiña. No día vindeiro a Vuelta subiría polas congostras de Rao, pasaría pola Balouta e en subindo o Pan do Zarco, remataría no cruzamento da Cespedosa. Así é que mellor rematar as andainas previstas e fuxir de tal balbordo remuiñante. Quen o queira, pra el.

Coma sempre, encetei a camiñar sen présa, amodo, sabedor de que se o tempo se prestaba tiña todo o día pra ir e volver. O carreiro que leva ate o Cuiña, logo de facere o día anterior o afogador chanzo do Mostallar, que me pedíu o carnet de camiñante, semella azoso e levadeiro, indo cara arriba sen apuro, afundido entre uces, arandeiras e...cimbros...



...cimbros...Ía eu pensando en nada, ollando, ulindo, sentindo, cando a miña ollada tropezou cunha arborica rastreira, leñosa, que me acordou aos piñeiros e tróuxome de súpeto, dende o informe fondo da arca das evocaciós, o nome de xenebro á cabeza. Un Juniperus communis spp. alpina estaba diante de min.

 Ben sabía que por estas outuras andaba, pro non pensaba en tropezar con el. Observeino atentamente, procurei deixar algún rexistro fotográfico claro e rebusquei a presenza dalgún froito entre as súas follas apertadas. Servidor confésase un afeccionado entusiasta, ben que moderado,  ao gin tonic e poder atopar por primeira vez ao natural o froito que lle confire a gracia particular a unha das súas bebidas favoritas, a auga fresca outra, facíalle unha particular ilusión que non puido ver cumprida. Ou non froitou ou xa froitara. 



O xenebro, ou xenebreiro, anda tamén co nome de cimbro, con certeza por metonimia, ao darse nos cumes mais outos do país e asumir así a planta o nome que en tantas bisbarras se lles aplica aos cabezos, cimais ou cumes dos montes: cimbros. E aínda cimbrón aplícaselle a aqueles montes de lomba alongada,  que noutrures chaman penalonga; e aínda tamén cimbrón é sinónimo de serra, conxunto de montes. Véxase o (Dicionario de dicionarios).


O camiño falábame e, aprendendo eu del, facíase mestre meu. Ollando cara atrás, recén principiado a camiñar, o día parecía abrirse á luz e ao coñecemento. Os montes astures desfacían coa agulla dos seus cumes o algodón das nubes pra teceren no máis outo dos ceos limpos lenzos turquesas. Daba gloria.



Aos lados do camiño  recreábase  o mundo e todo parecía nacer naquel intre. O Val de Ancares fervía de vizoso verdor callado mentras baixaba súpeto as chairas bercianas.



A incontable sucesión de cotos e lombas que chaman Galicia espaleábase na lonxanía e divertíame en  adiviñar a presenza de Suárbol, Moreda, Piornedo, a lonxana Fonsagrada ou o perdido Pico Sagro, aló ao lonxe, moito ao lonxe, ao mellor é aquel, que Sarmiento recoñecera dende os cimais de Ancares.


Levaba cosida ao fardel das ilusiós a espranza de poder botar un ollo a algunha manda de Capra pyrenaica, se fose de perto mellor, pois seica polas abas do Cuiña dan en andar a cotío. Os rebezos, que dous días atrás entretivéranme as horas polas faldras dos Tres Bispos, non eran xa un obxectivo degoirado, pro por alí andaban, ao lonxe, pacendo e repousando acomodados. Como tiña menos présa ca cartos, que xa é dicir, pousei a impedimenta, saquei a cámara e os prismas e folguei demodo botándolles de nova conta un ollo.




Foron as miñas costas as que xa cansas e  dooridas de aguantar  a mesma postura, ou parecida, deron en mandarme camiñar pra estimular o organismo que amolecidamente deitado entre as herbas  pedía xa botar unha sonequiña de nada, alí, ao abeiro da brisa e o reforno do sol. Quen comigo vaia saberá que podo durmir dun intre pra outro, entre palabra e palabra e sen deixar acabar a frase. Cousas da miña escasa educación na desperta lucidez.

Afortunadamente acordábame a paisaxe.


Quería chegar desta volta á pequena poza de auga limpa que hai baixo o Cuiña. Alí tiña pensado percorrer amodo as ribeiras e as abas do monte, disfrutando do día soleado, morno naquela outura, que ao mellor iluminábame coa visión das cabuxas montesas. Quen sabe. E mentres non quixeren aparecer ocuparía o meu tempo dándolle gosto a paixón de ir deixando xear, de sentir como arrola o tempo, ocupadísimo na descansada actividade de facer ren de ren. A arte da folganza. Pracer de praceres, gozo de gozos, marabilla de marabillas  que nestes alonxados eidos está aberto a todos e pechado a moitos. 



Mesmo petiscaría con preguiza a mantenza que levaba, daríalle ás garrafas de auga lentos grolos longos e deixaría ao meu corpo, despreocupado de todo, que repasase as beiras e os arredores ao seu mellor entender. Por todo oficio, un vago distraer fotográfico. A ver que se daba.

Unha silene, aínda hoxe por min sen cristianar...



...unhas familiares Gentiana pneumonanthe...



...unha vella coñecida ancaresa, Campanula herminii...



...unha pica alpina, Anthus spinoleta, (no saber certeiro de Cosme Damián Romay Cousido que me corrixe nun amable comentario o meu  parecer de sere unha A. campestris) andaba rebuscando pola ribeira, á percura de cágados de saberá deus qué...



...e a substanciosa conversa coa Cryptogamma crispa, un felgo exclusivo da outa montaña, que na Galicia disque só aparece en Ancares e Trevinca, sempre forrando as regañas, fendas ou a parte baixa das pedras, e que nestes  arrabaldos é particular e felizmente abondoso.




Daba en andar de acó pra aló, sempre non moi lonxe das augas, sen outra preocupación máis ca unha desatenta atención por todo, agora mirando esa cincenta que chega, agora tentando rexistrar esa libeliña; unha fotiña disto, outra daqueloutro, outra máis da paisaxe que me acolle, que alonxa de min a pantasma da anguria e que fornece o meu ánimo de acougos naturais....



...paseo... vou e veño... séntome... collo os prismas, levoios amodo aos ollos... deixo que a ollada esbare lenemente repasando o mundo, achegándome a el cun langor preguiceiro...e así, sen querer, no fondo da escuridade  dos prismas, dentro do círculo de luz polícroma que está repasando a silueta recortada do Cuiña e os seus esgrevios farallós, xurde a imaxe gozosa e inesperada das cabuxas montesas... alá están!... no perfil do Cuiña contra o ceo!...aleluuia!... albaricias!...






...a unha distancia imposible pra unha foto decente, pro moi fermosas pra gozar do seu perfil recortado contra do limpo ceo azul do día. 

Alí me deran as horas. Case gasto o vidro dos ollos de tanto usar o dos prismas. Vida simple a do malpocado aprendiz de naturalista que con tan pouco se conforma e é feliz. Quen coma el.

Véuse a hora de regresar. O que se quería mirar, e dabondo de máis, mirouse. Imola indo amodo que outro é o camiño de volta. Nel todo pode ser de novo ollado e entendido. As paisaxes recréanse con outra perspectiva, cambean, son as mesmas e tamén son outras. Olladas agora ao envés do camiño a luz que alaga os ollos dálles conformaciós novas. Todo cambia, só a fermosura de Ancares permanece.





Seascaso agora o camiñar é aínda máis lene e demorado, os ollos non seguen o carreiro se non a lonxana liña dos ceos acariñando os cotos. Preguiceiro, sabedor que deixo tras de min unha patria, non teño présa en mover os pés; ausente de min, eu outro vulto máis na toneira, ensoño os meus ollos na  lonxanía verdazul do horizonte.

E aboio.

Algo, non sei moi ben que, reméxese entre os pelouros, voa ou brinca ente as ouricelas que adornan as pedras e agáchase tras dalgunha delas.

Os sentidos, adestrados, baixan das nubes líricas e ordean aos ollos escrutaren polo miúdo o mundo que me encarta: uces montesas, Calluna vulgaris digo, arandos, cimbros e pelouros ouricelados. Unha cousiña tímida e curiosa ergue a súa cabeciña detrás dunha pedra e óllame. Ollámonos.



Non sei moi ben o que é. De feito hai outro paxaro, similar, que vai e vén e foxe pra o alto, cobregando con sabencia de escaqueador entre as pedras do monte. Os prismas, que levo colgados ao colo, danme unha referencia: poidera ser unha Monticola saxatilis, o merlo roibo dos penedos que aparece de preferencia nas grandes montañas  orientais e que se fai difícil de ollar en cotas baixas. O corazón dáme un brinco ilusionado. Velaí con que pouco un afeccionado ao naturalismo vive emociós intensas.



O merlo vai e vén. Agora déixase ver, agora se tapa. Desaparece por un tempo: minutos que semellaban unha eternidade; servidor fica inmóvil, un tancredo nos Ancares, agardando que de novo se queira deixar mirar. Parece que non haberá mellor ocasión; pro de repente aparece non moi lonxe, recortando a figura contra a vexetación da montaña. Xa non teño dúbidas: é unha merla, ou merlo noviño, de Monticola saxatilis. Nunca tal mirara. A acomodada pracidez do día tornouse de repente nunha marusía fervente de nervos e ledicias embriagadoras. Malpocadiño aprendiz de naturalista.


Brinca dunha pedra a outra e olla con interese o meu estar quedo. Aos poucos confíase e dá en traballar polas regañas das pedras na rebusca dalgunha bicada coa que encher o papo. Eu disfruto con el, ou ela. Non teño outra preocupación máis que elexir entre a cámara que me conservará a memoria ou os prismas que me achegarán o paxariño ao corazón. Sempre indeciso, unhas veces miro, outros fotografo. Faise o que se pode: pouco.



Un ollo na pedra o outro no monte buscan ao macho. Tería que amosarse un borrón índigo e vermello de rechamantes cores por algures. Se estivese. Pro ou non andaba, ou non se deixou ver, ou non souben miralo. Só ollei, fotografei e disfrutei, por poucos minutos que alcumei de  coreños, a este exemplar de Monticola saxatilis.  O outro que mirara a canda este, revoara entre as penas e marchara lonxe pra nunca máis volver. Non me queixo.



O merlo roibo pasa o verán criando nas máis outas serras septentrionais da Península Ibérica e en numerosas zonas de Europa, marchando cara os seus territorios de invernada na África tropical a mediados de setembro e outubro, logo de chegare ás nosas terras mediando maio.


Pola Galicia distribúese preferentemente polas serras orientais e sudorientais, (Ancares, Courel, Eixe, Manzaneda, Suído...) aínda que parece ser que hai algunhas referencias á súa presencia pola Faladoira. Servidor hai moitos anos creu ollar  un polas pedreiras do cantil das Cortes, na Serra da Capelada, pro foi un ollar e non ollar, unha instantánea e fugaz observación dun borrón avermellado  que semellaba un tordo. Un segundo de avisión. Suficiente pra engaiolarme durante anos. Pro nunca máis se me deu.



Ata o día este da fin de agosto en que andaba de volta das abas do Cuiña, e alí entre verdores e ensoñacións deu en amosárseme, razoablemente confiado e prósimo un Monticola saxatilis non teño claro, xa dixen, se  xuvenil ou  femia adulta. (Se tivese que xulgar polo seu comportamento curioso, destemido e indagador apoñería por un xuvenil descubrindo o mundo).



Aí fica pra que vós, que sabedes máis, me poidades dar unha solución. Eu pouco máis hei de dicir. Que ameazo con volver por Ancares en canto teña a menor oportunidade. Sempre terei alá unha patria que me aliva dos afogos das horas e das securas do camiño con gratos petiscos breves de acedos e saborosos bagos de arandos, mentres unha ollada lonxana se perde entre os cotos azuis da paisaxe encontrando entre as brétemas do día  os  bálsamos  da ialma.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.


Vai esta entrada adicada, co permiso de todos vostedes, a Alberto de Piornedo, home novo, cabal, xeneroso e coa ollada chantada no porvir da súa benquerida serra, por me ensinar a marabilla botánica de dous incribles carballos milenarios, perdidos nun acibeiral de ensoño e, pra máis, darme a confianza de saber que hai unha mocidade galega que pensa en tempos de futuro perfecto pra Terra. Obrigado, Alberto; vai por ti. 


Achegos.
a) Unha cita de Amadeo Pombo na Serra da Meda, Cualedro, no sur de Ourense, penso sere unha estribación do benquerido Larouco. Entrare.
b) Unha outra  cita  pola Serra do Suido de Oscar Martínez Roza. Con fotos do macho.Entrar
c) Moi bon mapa de distribución peninsular da Monticola saxatilisOllar.



VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video
Choias no cantil das cetáreas da Praia das Solreiras, Cedeira.