xoves, 29 de novembro de 2012

Cincenta, paxara moura, rabirrubio...


Vaian arrolando hoxe algunhas palabras e imaxes da fermosa cincenta; unha desas paxariñas ás que servidor tenlles unha querencia infantil garimosa, dende o día aquel en que unha delas entrou na miña habitación pola ventá e pasou algún tempo alí adentro, escapando morta de medo, das miñas pequerrechicas maos de ansioso depredador intuitivo, que debecían por atrapala, por collela entre os dedos, por sentirme o seu posuidor, desculpándome coa vaga coartada de poder mirala mellor. Non fun quen.

Así, hase de comprender mellor que cada vez que se me aparece algunha lle dea coa cámara uns bós tentos, por ver se agora son quen de pillala en imaxes e podela desfrutar amodo.  

Tampouco fun quen ate que na folganza de Fieis Defuntos unha parelliña de cincentas andou ás miñas beiras, entre as mesas do parque das merendas da Punta da Illa Pancha, en Ribadeo. Daquela, media ducia de imaxes  e un videomínimo que trouxen na tarxeta, encheron ate rebordar, o vello anceio infantil de regalar o ollo coa demorada observación da fermosura de cinza e tizón deste anaquiño alado da miña patria infantil, agora si, alí quedo, inmóbil, mansiño, pura luz de borralla escura atrapada nunha manchea de bits.


Phoenicurus ochruros, é o nome científico co que corre este lindo paxariño que por Ortigueira chaman páxara moura, por outrures rabirrubio, e por Cedeira, cincenta. Pode que sexa tamén o que Aníbal Otero Álvarez ((1967), Contribución al diccionario gallego, Vigo) dá en chamar mira, definindoio así: "Especie de pájaro de color negro, cuyo canto se oye como míu"


A cincenta é  xente das penedías e das rochas, presentando na nosa bisbarra unha clara preferencia pola beiramar. Raro será o cantil ou peirao onde non  a miremos. Afortunadamente abondosa e común, adoita achegarse bastante aos humanos pro sendo como é inqueda e fuxidía de camiño se escorrenta e de contado manda marcharse. 

É unha das especies que mellor se adaptou a invasión humana e dende as súas previsibles montesías rochosas primitivas veu baixando ate os tellados e os muros das aldeas, vilas e cidades, e ocupa arestora un importante lugar entre as especies que souberon adoptar un intelixente patrón de adaptabilidade á condición humana. Non me estrañaría nada que ande a desfrutar dun claro incremento de poboación.       




As cincentas teñen un evidente dimorfismo sexual que fai claramente distinguible ao macho das femias. Son estas pardo griseiras cunha tonalidade bastante uniforme que só se rompe coa presenza, no rabo e no outodocú, dun remarcable ton arroibado. Borrós roxos que asimesmo presenta o macho, pro este é dun  intenso cor  cincento, tizón,  máis escuro cara o vrao, que negrea na cara e esbrancuxa no ventre; alumbrándolle na ala, unha atractiva sombra  branca que aleda e refresca  a profunda escuridade de cinza que acompaña sempre a súa presenza rebuldeira, de xente axada, a que lle ten que arrequecer o traballo ou vaille mal.



E así mirámolas sempre inquedas, parando pouco, brincando sen parar,  á percura de bichería por calquer buguío, campeira ou regaña de paredes e penas. Besbellos, miñocas, arañas, vermes, bechecos, caronchos, lamias, bichardecos, legumias, sarimbogas... nengún becho debería de andar tranquilo, sabendo que non moi lonxe está traballando o ollo atento, fino, certeiro dunha cincenta, que se inmobiliza un intre, enfoca a ollada, brinca, peteira e pilla bicada, e non para, brinca de novo, olla, peteira e petisca. Unha máquina de áxil inquedanza, de fermosa precisión depredadora.



Ocupa un anchísimo espazo territorial na xeografía mundial criando na totalidade de Europa e practicamente en toda Asia e aínda en toda a metade norte de África, o que nos sitúa diante dunha especie que amosa unha grande capacidade de adaptación a latitudes moi diversas. Certamente nesta extensa xeografía consideránse un bo número de subespecies diferenciadas cuios nomes precisos non  tería moito interese reproducir agora escribindo unha longa e incomprensible enfiada de latinazos.

Si parece oportuno deixar anotada a existencia  doutra especie diferenciada dentro do xénero Phoenicurus, a Cincenta raiña ou real, Phoenicurus phoenicurus, que non estando presente na bisbarra  tan só podemos aspirar a poder botarlle un ollo ilusionado, se algunha delas dese en desvariar das súas zonas habituais de crianza en Iberia: faixa subcantábrica e pequenos núcleos nas serras  do Maestrazgo e Aracena, ou desviarse nas derrotas migratorias cara á África subsahariana, onde inverna.

Ata o día de hoxe, esa fortuna non entrou a formar parte do meu capital. Seguiremos atentos a toda forma escura: na percura de que o noso ollo perciba o santo e seña da súa identificación: que a mancha branca da ala lle apareza na caluga, tal unha coroa de felepa. Esa sería a Raíña das cincentas.



Vivimos de espranzas e de soños, de ilusiós e desexos, de anceios e sospiros, de arelas e degoiros, máis ca de realidades cumpridas. Agardemos que nalgún intre dalgunha hora dun día calquera se nos revele a visión voladeira dunha Raíña das cincentas divagando dende as xeografías das ilusiós imaxinadas  ate o  territorio común das olladas de a diario. 

Non me importaría que entrase na miña habitación.

Que así sexa e as vosas mercedes o saiban, e mentres non, adestremos a ollada desfrutando coa borrallenta maxencia da farda elegante da paisana nosa de cada hora, a cincenta da casa, esa sombra alada de brasa.

Moi boas horas miñas e meus.

Contra a friaxe, apertiñas.

Obrigado.

A mandare.



Achegos:
a) A ficha, moi completa, do Laboratorio Virtual de  Ibercaja. Entrar.
b) A pequena ficha da web "Pajaricos" Premer.
c) A sinxeleza da entrada correspondente na Wikipedia. Abrir.
d) Completísimo estudo sobre a poboación vasca da Raíña das cincentas, Phoenicurus phoenicurus. Ollar.

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video
Cincenta na Punta do Faro da Illa Pancha, Ribadeo


xoves, 22 de novembro de 2012

Falando de cascudos

Da grandísima capacidade lúdica da cativería galega dalgún tempo,  maormente campesiña e mariñeira, ha de dar conta cumprida o Catálogo do Briquedo Tradicional e uso lúdico da Natureza, que co cedeirés nome de Tastarabás, ten xa elaborado, e non debería de tardar en saír do prelo, o benquerido amigo Antón Cortizas, arruallo noso. Xa me tarda. Nel, seino ben, Antón vai presentar a máis grande colleita de enredos e xoguetes da historia da etnografía galega. Non deixará, por iso, de incluír case que todos os xogos e diversiós naturais que os cativos facíamos con follas, froitos, pedras ou bichería. A Natureza o mellor espazo lúdico e formativo. Non han de fallar xa que logo os enredos cos cascudos.


Os cascudos, é o nome tradicional que "En Galicia, especialmente en el campo, reciben este nombre los insectos coleópteros que tienen los élitros crustáceos, como la vaquita de San Antón, los cárabos y otros". Así definía a Academia Galega en 1913 esta voz definindo cascuda, deste outro xeito: "Cucaracha, corredera. Insecto bien conocido, de la familia de los blátidos. Encuéntrase dentro de las casas, oculto durante el día, en los desvanes, en las rendijas de las paredes, debajo de los muebles, etc. Sale de noche, recorriendo con extraordinaria rapidez las habitaciones y especialmente las cocinas, en busca de alimento". De cascudos e non de cascudas iranse  ensarillando hoxe as palabras desta entrada.




Vaquita de San Antón, é nome tradicional por España e Iberoamérica adiante pra chamare a xoaniña ou rei-rei, Cocinella sp., e os escarabellos  dos que pretendo dicir algo son os que por noutrures chaman escarabajos sanjuaneros, Melolontha sp., os cascudos por antonomasia da nosa infancia. 



Chegaban as tardiñas prácidas de  xuño, cos seus santos Antón e Xoán, e os choupos e marouzós da Plaia da Madalena eran un rebulir zoante de ducias e ducias de cascudos que andaban de acó pra aló revoando de árbore en árbore: a paceren, a buscar parella e a tentar fuxir do falcón cativo, Falco subbuteo, que por veces en número apreciable aparecían por riba do mundo pra reclamaren a parte correspondente daqueles saborosos petiscos grosos que o areal de Cedeira criaba abondosamente. Algúns destes cascudos aparecían polas areas da praia ou polas lousas da vila, (daquela Cedeira tiña as rúas empedradas!!!) e os rapaces, moito máis que as rapazas, pillábamolos pra darlles un uso moi diferente do gastronómico.


Apreixado o cascudo entre os dedos  matapiollos e furabolos agachábamolo no fondo da mao, que se pechaba sobre si nunha puñada folosa, ampla e escura na que se remexía o cascudo, raspando coas suas patas a faciana da mao, cun pouco agradable rebulir desesperado que paraba en canto lle pechábamos o espazo e sentía sobre os seus élitros, encoirados e pardos, a ameaza tanxible dun posible, máis sempre impropable, esmagamento.

Daquela só había que buscar á vítima: propiamente unha cativa.

Elexida ela, achegábamonos ao seu lado treidoramente sorrintes e amables, moitas veces covardemente ventaxistas  polas costas, e cun movemento rápido, metíamos a mao que apreixaba ao cascudo entre os seus cabelos, abríamola nun intre mínimo, e alá  deixábamos ao cascudo, enlorado entre os pelos da cabeza da nena,  e en moito menos tempo do que se conta o becho xa se agarrara, coa vontade cega da liberdade, o tremor do medo e as moitas posibilidades das súas patas artelladas, aos pelos das cativas, que  mudaran nun basilisco de maldiceres e acenos entolecidos, anoxadas de ter entre a súa fermosa e coidada melena, a un bichudo  noxento, que sabían difícil de desenlorar, pro aínda máis adoecidas e alporizadas, por ter sido vítimas, doutra volta un ano máis, dun acto de abuso prepotente do bicho masculino infantil, que canto máis elas toleaban, máis daba el en rir a gargalladas. 

E ao mellor daqueles aires viñeron outros temporais.



Melolontha é xénero que pertence á familia scarabeidae  e o exemplar que anda ilustrando esta entrada, ao meu parecer, debe ser da especie hipocastanei, unha femia por demais. As imaxes van rexistradas non moi lonxe da miña casa, no Camiño da Ribeira, a mediados do mes de xullo deste ano que se vai indo. Deume ledicia tropezar con el: había tempo que non falaba con  nengún e ambos pasamos uns minutiños gratos nunha conversa de vellos coñecidos lembrando  o enredar rebuldeiro da cativería de hai máis de medio século, por un inmenso areal de marouzós enxebres que fervían de vida salvaxe e  que aplastaron con cemento, ladrillo e prazas-roxas.

Os humanos chámanlle progreso: sendo así, a min atoparédesme no regreso.


Cos fíos saudosos da memoria, que se enmadeixaron nesas falas vagariñas dunha tarde do vrao cun  vello amigo cascudo, tentei urdir hoxe as liñas desta entrada coa ilusión de facer chegar, dende o tempo que se me foi, un sospiro de espranza na sobrevivencia desta especie, que, coma tantas, váisenos pra non volver.

Deámoslles unha oportunidade: máis habitat e menos flufenoxurón.

Saúde e sorte pra todos, miñas e meus.

Mil gracias mil por me dares soporte: por me soportar.

A mandare.



Despós de data: Tiven o atrevemento de lanzarme a clasificar este exemplar como Melolontha hipocastanei, conscente das dificultades de precisar con exactitude xénero e especie en tribu tan difícil. Se alguén da en pensar que estamos diante de calquera outra especie (Anoxia villosa por exemplo tería tantas ou máis posibilidades), agradecería un mundo que me corrixise. Só sei que nada sei, e de coleópteros menos que nada. Obrigado.

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video
Voutre e niño de corvos, nalgures da Faladoira



luns, 19 de novembro de 2012

Entre marzo e abril, aberiotas no cantil.


Os visitantes persistentes do noroeste do Noroeste, apreciarán coma un costume habitual deste bló a presenza de entradas referidas á primaveira ou ao vrao que se editan no medio do outono ou do inverno. Non merece moita aclaración este feito repetido, pro as ocupaciós, ou folganzas, das horas, obríganme a ir deixando atrás algunhas teimas, coas súas correspondentes ceifas de imaxes, que sería didacticamente máis prudente publicar  cunha certa sincronía coa realidade. En compensación (agora que o mundo vaise botando a durmir e toda cor de floración vaise esvaíndo no sono do inverno) a posibilidade de mornear a ollada coa quentura dunha luz tépeda de primaveira, non deixa de ser un galano que aleda  as lembranzas e as fai sorrir.

Escúsenme, logo, por traer ao outono do agora estas flores de aberiota dende a doce primaveira que pasou.


Aberiota, velaí o único nome galego pra o xénero Romulea que na Galicia comprende tres especies, Romulea clussiana, R. bulbocodium e R. columnae;  as dúas primeiras alumbran entre as herbas da nosas penedías e veñen hoxe a adozar este o voso bló. A  outra terceira, ao mellor tamén se dá, pro servidor non tivo a fortuna de mirala, nen por acó nen por aló. Entre marzo e abril, aberiotas no cantil, poderíamos refranear, lembrando ao cuco que cada ano vén menos, ou xa non vén.




As aberiotas son unha fermosa flor da familia das iridáceas, parente de crocos, (Crocus sp.) e  espadanas, (Iris sp.) que non pasan sen ser percibidas por quen visite as ribeiras entre marzo e abril. Areas dos marouzós, seidós do cantil, ribeiras de ríos e campeiras do ouzal adubíanse coas fermosas cores azuliñas e marelos das aberiotas. Florea pouco despois dos amarelles, Narcissus sp, e deles toma o relevo pra anunciar ao universo que as campas da Galicia, chegando a primavera, han competir en beleza coa fermosura emocionante das noites estreladas.


Romulea clussiana, planta que se dá con preferencia nas proximidades das ribeiras mariñas (a aberiota do mar, por sinalar), é, ao mellor, máis abondosa polo sul do país  pro na nosa bisbarra posúe excelentes colonias en cada recuncho da ribeira. Xa sexan entre os marouzós fósiles e ben consolidados de calquera dos nosos areeiros, ou os beiriles do descantil -tal estes da Punta do Sarridal en Cedeira- no mes de marzo, entre as herbas aínda frías, despunta a gloria de luz e cor  do florear das lindas aberiotas. A caloriña da primeira  primaveira. A ledicia do final da invernía expresada nun aturuxo de flores: unha campa callada de aberiotas.


Velaí vén a descrición botánica que fai do xénero Romulea Xosé Ramón García, na Guía de Plantas de Galicia: "Tuberobulbo algo asimétrico con túnica coriácea acastañada. As follas basais (normalmente 2) son envaiñadoras, filiformes e aparecen antes da floración, as caulinas semellantes pero máis curtas. As flores nacen no remate, con 2 brácteas. O perianto consta de 6 tépalos iguais que se unen en tubo corto. Estames, 3, e estilete filiforme con 3 estigmas bífidos. Froito en cápsula oblonga ou globosa, con sementes numerosas. É xénero que precisa de estudo máis polo miúdo".





Moi semellante a Romulea clusiana, a aberiota da beiramar, é Romulea bulbocodium, a aberiota da serra, e aínda que por veces poden aparecer non moi lonxe unha da outra,  aberiota da serra ten por preferencia alumbrar nas zonas do interior e presenta claramente tendencias máis montesías. Virán  logo agora algunhas imaxes da aberiota da serra e unhas poucas de palabras adicadas.



Algo máis pequerrecha ca aberiota da beiramar, a serrana pode diferenciarse claramente se observamos a liña amarela verdosa que divide os seus tépalos en dous. As súas brácteas son asimesmo máis agulladas cas da abeirota da beiramar e a zona dos tépalos que porta a cor amarela, na serrana, non é tan clara e oscurece con presenza de tons lilas e acastañados.


Na nosa bisbarra a aberiota da serra é por iso tamén moito menos frecuente. Dei con ela polo outo do Río da Braxe, no cimo da Punta do Sarridal, un par de pés, pola Chaira do Limo e nas peadas e súpetas ribeiras das Alcaias da Ribeira Chá, nas beiras mesmo do estreito camiño de cabuxas que travesa de parte a parte tan esgrevio coma vertixinoso cantil. Pro nunca ao nivel de mar nen nos areeiros e marouzós da nosa costá. Sempre no montoxo e no montuz capelado. 



Falla por atopar na bisbarra  Romulea columnae, que disque se ten trabucado en casos coa aberiota da serra. Non sei se aparecerá, pro esa ilusión move sempre as miñas andainas polos ouzais capelado e faladoiro. Por se se dese o caso de tropezar con ela, adestro á ollada coa contemplación das numerosas referencias gráficas que ofrece Google. Se queredes facer vós o mesmo premer acó.


Mil gracias mil, miñas e meus por permitirme que entre no voso ollo estas linduras nosas. Sei que son floriñas de a diario, cousa corrente, nada extraordinarias e felizmente abondosas, pro ao mellor por iso, con máis razós ca os raros endemismos, proclaman a quen queira sabelo que un mundo de fermosura vai sempre engranzado  entre  as herbas de primaveira, nas que, díxeno noutra, hai máis beleza nun metro cadrado de campeira brava en flor ca en toda a Historia da Historia da Arte.

Apertiñas, miñas e meus.

A mandare.



Nota marxinal: seidón, que se usa no artigo é unha palabra capelada pra chamar a unha herba, gramínea, de folla  longa, delgada e de talo circular, verdazulada, suave e esbarante que se dá polo cantil. Ten un tacto agradable e ofrece un chan molido e esponxoso no que dá gosto apousarse. Descoñezo o nome científico, así é que queda tan só co nome que aprendín andando pola ribeira: seidón.

Achegos:
a) A voz aberiota no Dicionario de Dicionarios. Entrade.
b) A páxina de BIGA (Biodiversidade Galega) cumha boa colleita de imaxes das Rías Baixas. (Premer)




VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV
video
Euplagia quadripunctaria nas Ribeiras do Río Lambre


martes, 13 de novembro de 2012

Pildoriñas.


O traballo de adecuación de nomes comúns pra as diferentes especies naturais, é un labor imprescindible na modernización  de calquer idioma. As linguas con poder político xa teñen feito ese labor hai tempo e mesmo as súas decisiós, acaban influindo nas eleciós que a posteriori realizarán outras linguas: mesmo  nunha tradución literal.


Cómpre así dar os parabéns máis agradecidos a todos cantos  andan a facer a elección de nome común en idioma galego  pra cadansúa especie natural. Dixen elección e así debe de ser: nengunha lingua ten voces de seu precisas pra cada unha das especies existentes.
Enténdese ben: a cultura tradicional da que se fornece a lingua  non puido determinar con precisión as diferentes especies existentes, traballo este rigoroso, e adecuado en casos só pra verdadeiros especialistas, que mesmamente non se poñen de acordo ou ditaminan especies novas onde antes non había, e mesmo entretéñense en mudar o nome dos xéneros de pouco en pouco, e ú dixen parus, digo agora periparus.



Nas linguas modernas ese traballo está xa feito pra numerosos grupos biolóxicos. Na lingua galega estase a facer camiño. Está xa completa unha lista de Aves,  de Odonatos e  de Hérpetos, penso, e existe unha ampla cobertura da Botánica. Arestora hai grupos de traballo  de naturalistas novos e talentosos, que ao tempo que polo estudo e pola conservación das especies, andan preocupados por gardar o fabuloso tesouro de vernáculos galegos que as acompañan: nunha sorte de Ecoloxismo Cultural que ten xa aportado traballos de rebusca notables e vén a recrear un ritual literario de esconxuro asegún o que librar ao nome do esquezo protexerá á especie da extinción. A maxia das palabras galegas. Habelas hainas. 



Secomasí a uniformización duns modelos de catálogo de especies, imprescindible pra asentar espazos de dominio, non nos debería  obrigar a pensar que esta ceifa é eterna, única e inamovible. Confeccionado este primeiro ordeamento de nomes, cumprirá unha revisión cíclica que o mellore, o espurgue de erros e inclúa novos étimos que as pescudas de campo poidan suxerirnos ou facer aparecer. (A elección actual do termo garzota, un aumentativo con valores despectivos, pra chamar a máis lizgaira e pequenica das garzas, non parece a decisión máis feliz e pide unha revisión urxente).



Aínda máis: nun futuro os listados de étimos deberán incluír a maior parte de vernáculos e apelaciós locais coñecidas, pra que quen quixera darlles uso o poidera facer: con arrimar ao lado, entre comas ou parénteses, o nome científico en letra bastardiña todo problema de entendemento estaría amañado.



 O traballo de utilización de étimos vernáculos non debe  quedar proscrito e convertido  nun labor furtivo. Ao contrario, acadada unha uniformización, nada mellor pra a vizosía da lingua que facela florear co relocir escintilante da anterga e abondosa verba galega. Sempre en galego vello. Nunca mellor. Mesmo parece obriga.


Os cada vez máis frecuentes achegos e escollas de material lingüístico recollido en entusiastas traballos de campo está facendo aflorar á superficie dos días un inmenso tesouro léxico dunhas dimensiós simplemente asombrosas que  poden situar ao galego coma o idioma europeo de maior diversidade significante. Nen máis nen menos. 

Velaí onde, agora, á galeguidade  gromoulle un tesouro. Un outro.



O isolamento histórico no que durante séculos sobreviviu a Lingua Galega, floreando con particularidade propia en cada val, vila ou bisbarra, sen saber da existencia dunha única norma que a uniformase, criou a maxia marabillosa de, sen deixar de termos unha lingua común, fornecer un universo riquísimo de denominaciós particulares pra todas e  cadansúas parceiras da linguaxe. Nesas voces primeiras, que cada un de nós aprendeu na infancia, sente que leva enfiañada a matria que o pariu e na súa pronuncia ecoan siñificados lonxanos, arcanos da nosa historia.


Dende o noroeste do Noroeste, non con máis coñecementos que ousadía, estimando poder colabourar con ese empeño rexenerador e criador, tentamos sempre arrimar o noso grao de coñecementos a esta tarefa. Pouco será, pro será  a idea expresada co galego de nós os outros: os que dicimos nosoutros.



De seguro, a pouca importancia que á nosa escondida costá se lle deu sempre nos estudos semánticos e de vocabulario do Idioma Galego en  paralelo á pouca preocupación que nós mesmos sentimos polo seu estudo  así como a ausencia de figuras literarias históricas no ámbeto da Literatura Galega,  non puido axudar ao coñecemento fóra de portas da riqueza léxica que  gardan na artesa das súas lembranzas as xentes do noroeste do Noroeste. Estamos a tempo de endereitar a derrota.



Ha de ser por razós de orde semellante, polas que á hora de elixir os nomes con que se deberían de cristianar as diversas especies de paxaros e aves en lingua galega, pra os xéneros charadrius e calidris prefiriuse, respectivamente, os nomes de píllaras e pilros e non escolleron píldora ou pildoriña. (E non deixa de ser reseñable a presenza dun mesmo prefixo pil pra todas elas).



Píllara ten  presenza exclusiva, polo que aos dicionarios se refire, nos artigos e textos do Padre Sarmiento, onde, sen especificar, se fala de píllara menor e píllara real e no Luis Aguirre del Río (1858) que a define : "Abe (sic) marina blanca y del tamaño de una tórtola".  (D.de D.)



 Pilro ten en troques maior presenza nos autores modernos (que non recollen píllara) e aparece así nos traballos de Aníbal Otero Pérez (1967), Leandro Carré Alvarellos (1979) e Mª do Carme Ríos Panisse (1983) facéndoia equivalente ambos os tres autores ao xénero Pluvialis. No Franco Grande (1972) e  no Constantino García (1985) esta voz, pilro, figura só como sinónimo da folla do piñeiro.(D. de D.)



Pola súa banda píldora, ou pildoriña, non aparecen de ningún modo no Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega: claro está que píldora e pildoriña son os étimos manexados en  Cedeira (e non sei  doutrures non sendo en Miño) pra chamar ás especies máis pequeneiras de entre as limícolas: arenaria, calidris, charadrius. Pro esta ausencia faise máis sensible se pensamos que píldora é o único étimo, de que eu saiba, que, referido as pequenas limícolas, ten presenza e cabida no folklore tradicional.



Miña mai ten píldoras/ ten píldoras, ten píldoras/ Miña mai ten píldoras/ ten píldoras, ten mil/ e meu pai compráballas/ compráballas, compráballas/ e meu pai compráballas a dous reás, así se cantaba, e os que a sabemos aínda a cantamos, na Cedeira dalgún tempo.



Certo que esta cantiguiña ten un sentido críptico que a min sempre se me escapou, non chegando a entender nunca que demos quería vir dicindo ou que sutileza das relaciós interpersonais, pra interpretación das que nunca fun moi espabilado, agachaba esta misteriosa, por rara, cantarela na que si parece resoar a memoria dun tempo no que as píldoras cazábanse, vendíanse e, claro está, comíanse.



Sírvanme xa que logo, pra facer unha nova defensa da fala cedeiresa; vostedes me perdoaran. Cumpro deste xeito co respeito debido á miña xente. Á xente coa que collín patacas no tarreo; coa que fun á rapeta; coa que xoguei ao curne agachado na barrela; a que me regalaba boliños na sartén e pirulís de caramelo feito na tixola; a que afumaba as longanizas no canizo da lareira; aquela coa que roubaba melós e mazarocas de leite; a que me mandaba a buscar un boliche de viño e dous arenques do tabal pra merenda; a que no recendo dun coscorrón adiviñaba o que comeras; a que alaba o calamento coa forza muscular de vellos berros rítmicos; aquela coa que poñía a cruz de loureiro nas sementeiras; a que temía as trabadas das gafosas sacabeiras; a que se laiaba polo baixo, coa voz rompida en saloucos, da traxedia do Manchester; aquela que con rumorosa primeza anterga entoaba a letanía oratoria dun rosario de palabras preñadas de sentido: encrucelada, curne, refusía, encharte, arrota, azoso, tastarabás, ambute, anácara, alentía,  liberna, corrincorrenos, lapote, mascada... e tantas, tantas... tantas e tantas outras, das que nacimos nosoutros sendo quen somos: ás xentes criadas nunha mesma patria: unha infancia galega de  palabras cedeiresas.

Esquecelas, sería esquecerme de min: viviría en ausencia de si.

E non quero.



Vivamos a nosa voz, quen de Cedeira cedeiresa, agasallemos á Lingua Galega co doce rumor enxebre da nosa fala afastada: que o abuso no uso da uniformización lingüística non as leve ao esquecemento, ou aínda pior, non as leve a ser alcumadas de furtivas: tal fixeron xa cos percebelleiros.



Díxeno doutra volta e digoio agora: non parezamos estúpidos, non abusemos do consumo do estupefaciente normativizador: corremos o risco de morrer estupefactos por sobredose de pránghana.




Polo respeito debido á miña xente, á nosa xente, permítase vivir á pildoriña,  linda verba: ao que tal pra reclamar na memoria  a ese fermoso fol de froixel rebuliceiro que na lembranza vai tecido coa  tenra inxenuidade das ilusiós infantís dun cativo criado ao pé da marea entre plaias de barbouzón e arrotas de xebras coas que en cada maretada, con toda a greada de cativos do rueiro,  xogaba na rampla a librárese delas tal como aprenderan na area que facían as pildoriñas: bule bule que aí vén!.

Mil gracias mil, miñas donas, meus señores.

Ate outra mellorada.

A mandare.


Nota marxinal: agradecería as alumnas e alumnos, profesores e orgaizadoras do IV Curso de Ornitoloxía de Ortigueira, me honrasen coa aceptación da dedicatoria desta entrada, na lembranza grata dunhas horas amistosas e proveitosas  introducíndonos ao estudo dos mecanismos científicos da Ornitoloxía e  pra máis no encadre sempre familiar e querido das paisaxes  do noroeste do Noroeste. Un verdadeiro pracer. Unha aperta a todos. Ate máis ver. Moito obrigado quedo con vós, miñas e meus.


VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE  TV

video
Pildoriña dos marouzós en Vilarrube.


¡¡¡¡¡¡ NUNCA MAIS !!!!!!

domingo, 11 de novembro de 2012

O verme da folla verde.

O verde verme estaba na acera.
Subino a unha parra que había ao pé,
tireille clicliclís por aquí e por aló,
recortei as fotos cun fotoxó, 
axusteinas senmodo cun retocador,
diminuinas ao xusto co fotopen, 
mandeillas a bloguer co insertar,
 premín sen medo en publicar... 
...e velaí van e velaí van. 

(Fandango bló do verme da folla verde)












Sinto non ter pista segura sobre quen poida ser o verme verde da folla verde. Agradécese por diante calisquer endereito que me leve a certo: pro máis se agradece saber que a  vosa amistosa ollada de seguro saberá disculpar a saída de tono deste deslaimado chiste verde.

E se non, como me habería de atrevere?

Mil gracias mil, miñas e meus; apertiñas.

A mandare.