domingo, 24 de marzo de 2013

Omphalodes gallaecica, a embiguiña

Non me importará que me chamen chumbo. Insistirei en lembrar a "importancia excepcional" (en catalogación do Ministerio do Medio Ambiente) que prá conservación da biodiversidade ten a flora vascular das costás que van dende Cabo Prior ate Cabo Ortegal, Serra da Capelada incluída, ás que modernamente se deu en chamar Costa Artabra, que non abrangue totalmente, nen moito menos, o territorio histórico da treba dos ártabros.
Non me importará  me chamedes chumbo. Insistirei en lembrar algunhas das especies botánicas, que tanto por endémicas da nosa bisbarra ou raras e escasas noutrures, canto polo difícil equilibrio de sobrevivencia no que hoxendía resisten, forneceron o argumentario científico pra avaliar á Costa Artabra coa adxectivación de "excepcional": de entre toda a flora galega a primeira e de todo o ámbito peninsular español a quinta mellor puntuada.

Linaria aguillonensis, sulfatada sen piedade e sen cultura, por orde municipal nos muros do Castelo da Concepción, Crepis novoana, de presenza única a nivel mundial na Ría de Cedeira, os exemplares da que, existentes entre as pedras dos muros do Castelo, sufriron o mesmo tratamento biocida, Antirrhinum m. linkianum, fermosura sen par dos areeiros ártabros, Centaurea borjae, endemismo capelado de afortunada presencia mediática, Culcita macrocarpa, Vandenboschia speciosa, Hymenophillum wilsonnii e tunbrigense, e Woodwardia radicans, entre algún ca outra felga macaronésica máis, exemplifican, entre outros taxons, o valioso tesouro botánico do que Omphalodes littoralis sp. gallaecica, a especie que hoxe comentaremos non é a menos valiosa das súas alfaias.


Omphalodes gallaecica, permitídeme chamarlle embiguiña por derivare seu nome de ciencia do antigo grego, omphalos/embigo), é taxon  presente exclusivamente na provincia da Coruña. As súas mellores poboaciós atópanse nalgús areeiros ártabros do Concello de Ferrol, (Ponzos, Santa Comba, San Xurxo, Esmelle..) de onde desapareceron algunhas colonias; en certas zonas moi areentas da súa costá (Lobadiz);  nalgún ca outro punto da Costa da Morte  e Baldaio; en focos concretos de modarrós ben conservados da Península do Barbanza; e citáronse en Reinante (Lugo) e O Vao (Ogrove), e de que eu saiba, en ningures mais. Ben que se ten buscado por Corrubedo!


A embiguiña, é pranta da familia Boraginaceae, de discreta e humilde presenza e así, deitada entre nas areas dos marouzós, media tapada polas outras herbas, pasa desapercibida do mundo. Mesmo a lixeireza de cores da súa flor, branquiña con deslaimadas tonalidades azuis, non axuda a facer notar a súa presenza. Non reparan nela, por iso, os moitos visitantes habituais das praias: turistas, surfeiros, perrumanos, bicicleteiros...  pra todos parecera non existir. Ten un parente prósimo que en troques é  moi coñecido e abondoso, Omphalodes nítida, que aparece por todas as ribeiras dos ríos da bisbarra lucindo o seu puntual azul anil en cada primaveira. Velaí baixo a herba do sollo, esa curmá da embiguiña.

Omphalodes gallaecica, a embiguiña digo, é pranta anual, glauca, de follas espatuladas e lanceoladas, que anda a florear nesta hora entre marzo e abril,  pra rematar a finais de maio a súa vida vexetativa. As novas plántulas xerminarán  entre novembro e decembro, no seu hábitat preferencial: os marouzós grises, sendo capaz de colonizar rapidamente espazos alterados.

Irmá da embiguiña ártabra é a embiguiña francesa Omphalodes littoralis sp. littoralis, que se diferencia da nosa por ter un maior tamaño, ofrecer un porte máis poderoso e sobor de todo por ter a corola un intenso azul escuro e poder presumir dun maior tamaño. A discreción galega, ese matiz de distinción e elegancia.



Habitante dos marouzós fósiles e ben consolidados, pode atoparse tamén en zonas de cantil ribeirás aos que da en chegar unha boa cantidade de area. Polos modarrós andan en comunidade a canda a ela e entre outras Silene littorea, Viola kitabeiliana, Erodium cicutarium, Cerastium diffussum...e polos cantís areentos  poden andar perto dela Cloclearia dánica, Scilla merinoi, Thymus longicaulis ou, como se ve na foto de baixo Rumex bucephalophorus, a labaciña vermella da area.


Os seus talos adoitan andaren tumbados, estendéndose pola superficie do areeiro, sendo raro poder dar con algún que se manteña dereito. A flor aguanta moi poucos días, disque non máis de catro ou cinco, aparecendo de camiño o peculiar froito da embiguiña, unha clusa con azas dentadas.

Van ser estes dentes espiñentos das núculas os que permitan unha dispersión das sementes, e xa que logo a colonización de novas zonas de xerminación, gracias a se poder enganchar con eles aos pelos dos animais que pasasen ao seu pé: coellos ou raposos, por exemplo. Dise por iso que  teñen unha diseminación zoócora e tense comprobado de sere este o sistema de dispersión principal.
Falta lle fará dar con novos territorios de enraizamento. Considerada legalmente coa categoría de "en perigo de extinción" debido  a escasísima superficie total  na que aparece: non máis de 10 Ha pra a totalidade das poboacións galegas que é o mesmo que dicir que do mundo. Sumemos a este perigo que a embiguiña se desenvolve en traxectos turísticos frecuentadísimos e desprotexidos, en territorios nos que Tragsa-Costas adoitan facer obras de acondicionamento sen maior miramento e de vez en cando poideran sepultar algunha poboación: non é blogue-ficción, tal fixeron xa non hai tanto na Praia de Esmelle. 
Sabémolo todos e eles tamén.
Vai embora por acó rematando esta entrada. Ogallá fose do voso gosto e vos animase a dar un paseo coidadoso, respetuoso e atento, sei que non ha  ser doutra maneira, polos nosos "excepcionais" areeiros ártabros. 

Se xa sabedes por onde alumbran, pra manter un ano máis a amistade do recoñecemento, se ate o de agora non tivérades a fortuna de coñecela, pra ver de botar unha conversa de olladas,  que irá preñada con toda a emoción das primeiras veces. 

Agora empeza a florear, non  deixedes pasar a ocasión. Imaxino poucas cousas mellores pra pasar unha tarde de folgarío primaveral, que xogar o entretemento natural de ver de dar con esta pequerrecha, delicada e fermosa pinga de salseiro mariño callado en flor.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.




Achegos:
a) Documento en PDF do Ministerio "Áreas importantes para la flora amenazada española". Imprescindible.
b) "Las plantas endémicas y subendémicas de Galicia". Un estudio de F.J.Silva-Pando do ano 2008, publicado no BIGA Nº3. Entrar.


VIDEOSMINIMOSDONOROESTE  TV

video
Pildoriñas por Vilarrube.






¡¡¡ Quen non está indignado, está corrupto !!!
Por hixiene democrática: a corrupción á ducha da prisión. 
Por unha Constitución, federal, social, laica, republicana e dixital:
¡¡¡ CORTES  CONSTITUINTES !!!

16 comentarios:

  1. Caralludamente bo, e as daguerres sonche decentemente docentes, farían as ledicias das mais femias que cando nenas iban cos pes descalzos xuntando feixinhos delas. Agora con estas expricaciós xa terán coidado de non faer aquelas cándidas rabias.
    Algúns chamarannos chungos cando os figos-picos petan nos dedos os lixeiros nenos confondíndolos entre ser chumbo ou chungo, é ahí a cuestión.
    Saúde e Ceibedade. :]

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Obrigado meu por tan requintado interés neste bló e mil escusas por non falar denantes, pro andei uns días desconectado do mundo, entretido entre a Peneda,O Xurés e o Couto Mixto. Imos ver se as verbas desta entrada poden axudar a respetar o noso patrimonio natural, tan valioso non sendo máis ca outros con adubíos de cultura e historia.

      Unha aperta agradecida.

      Eliminar
    2. Sempre houbo sentimentos e contrariedades tantas nas que de meninhas as nenas e as súas naicinhas iban xuntas xuntando frores pra logo por nun cacharrinho con auga, sen darse conta de que tanta parvada faía un danho tremendo...
      Qué ven, canta sorte poder andar polas terras raianas onde os autos pasan de cando en vede, ainda que nestas seiras poden andar motos máis.
      Nesa Peneda onde escadaba eu de cativo, preto do seu ídolo ficado mirando cas corvas recollidas os solpores; no Xurés onde andiven sen atoparme moitas veces perdido, e calado de auga tamén. Perdidinho ata os ósos. Polo Couto Mixto perguntando a xente seica souperan algo do meu tío, o enlace morto nos sucesos do Cambedo, torturado e colgado primeiro, logo rematado a golpe de fusil...
      Unha desgraza.
      Deica logo meu

      Eliminar
    3. Amigo...leo Cambedo, os sucesos de Cambedo, e a emoción fai tremar os dedos ao escribir...non hai tanto percorrimos amodo os Povos Promiscuos, falando detidamente coas súas xentes, acolledoras e falangueiras, pro moi especialmente en Cambedo, a señora Gloria, 90 anos e seis meses, coa voz inda escintilando sentimentos ao lembrar os tristes, aínda máis tristes por iñorados,sucesos de Cambedo, conseguíu emocionarnos a ialma, ao nos relatar polo miúdo aquelas tráxicas horas de Cambedo, das que sabíamos pola letra impresa, pro non pola voz directa da Historia que se baleiraba tremente dende o corazón da Señora Gloria. Unha mañá inesquencible en Cambedo...e agora as túas letras, branco sobre negro, verquen as lembranzas desas horas outra vez cun protagosnista familiar directo.

      Unha aperta dende a raia infinita, a do mar que linda coas Illas do Além.

      Eliminar
  2. De chumbo nada Rafa, un luxo poder disfrutar das nosas alfaias botánicas con só premer no teu bog, da gusto...e gañas de tirar para o monte.
    Parabéns e unha aperta.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olá Toñito, obrigado...non esquezas as lingoas do loberno que eu tampouco o fago. Unha aperta...por certo que hai das orquídeas de Esteiro...agroman?...papounas o porco?

      Outra aperta.

      Eliminar
  3. Unha delicia de artigo, tódalas embiguiñas de nosa terra estaránche eternamente agradecidas. Graciñas por estes exquisitos coñecementos da terriña.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas...tamén vos han de andar agradecidas a vós se estendedes a idea. Mil gracias mil por esas verbas... da moito gusto ver que este bló gusta... a algúns.

      A mandare.

      Unha aperta.

      Eliminar
  4. Como sempre, Rafael,um prazer ler o teu blogue.

    Com o teu permisso, vou-che enviar um e-mail com alguma pergunta sobre a nossa embiguinha das praias.

    Obrigado!

    ResponderEliminar
  5. Gracias; Rafael, sempre un pracer o teu blogue
    Unha aperta.
    Xisbe

    ResponderEliminar
  6. Pois a min tamén me gustou, Rafa, sobre todo a linaria aguillonensis, que logo acaban con ela.
    X. Antón Suárez Aneiros

    ResponderEliminar
  7. Respostas
    1. Gracias Félix...si todo vai ben...é so que ando noutros asuntos que non me deixan folgos...este bló seguirá. Obrigado.

      Eliminar
  8. Olá Rafa, aquí Miguel.

    Fantásticas fotos, o único que podo dicir é que sinto unha insana envexa.

    Parabéns

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Obrigado meu, pero non ha ser pra tanto, as fotos van saíndo como cadran. Unha aperta.

      Eliminar