sábado, 23 de febreiro de 2013

IV Ollar de Seoane




Pois mira ti por onde retorna do máis afundido esquecemento o Ollar de Seoane, exactamente o IV Ollar de Seoane, un inocente xogo alcumado así, sen ánimo de ofensa nen apropiación indebida,  na honra do egrexio ferrolán Víctor López de Seoane, devanceiro da actual escola naturalista ferrolana que dende os espazos abertos da sé da Sociedade Galega de Historia Natural nos alustra, cada alborada,  coa luz de ouro do seu saber e nos fornece co aceiro rigoroso da disciplina científica do  seu labor diario.

Este destemido enredo concursal que hoxe retorna do pasado non quere ser outra cousa ca un entretemento risoño, lixeiro e distendido, onde o ollo certeiro, sabio e coñecedor dos amigos do noroeste do Noroeste poderá adiviñar que se esconde detrás da ilustración que se acompaña.



Se esta primeira imaxe non fose dabondo, en días sucesivos irei ampliando o recorte ate chegar a un tamaño suficientemente aclaratorio: pro moito me temo que non haiba ocasión; o máis probable é que  en menos tempo do que canta un galo ha de aparecer o diagnóstico exacto e preciso.

Só ofrecerei un honrado advertimento: a imaxe non está obtida ao noroeste do Noroeste, se non nalgún punto da raia invisible entre Ourense e A Cabreira.


Coma nas outras veces á primeira persoa que adiviñe, (e mande o correspondente comentario ben asinado) que se agacha detrás do santo que vai, será agasallada, se ten a amabilidade de aceptar o humilde galano, cun exemplar, numerado, adicado e asinado da Unidade Didáctica artesanal "Colores Cooperativos" de cuio deseño, idea e elaboración  é responsable un servidor de todos vostedes, con perdón.

Unha oportunidade de facerse cunha rara curiosidade bibliográfica, só comentando acertadamente que é o que acó se ve...


Expresándovos, miñas e meus, o meu agradecemento pola vosa intelixencia cómplice neste sinxelo enredo naturalista, tanto coma no seguemento habitual dos indovindos do noroeste do Noroeste, despídome no punto desexándovos a mellor das venturanzas fronte os incertos desvaríos das horas. Apertiñas.

A mandare.




1ª Realidade aumentada. Domingo día 24 as 10:30 horas. Imos axudar un pouco ampliando o recorte da imaxe, pra ofrecer unha visión máis comprida do asunto. Aclaro que o gañador será quen ofreza unha solución explicativa, que defina "vítima" e "verdugo". E máis claro non podo nen debo ser.


2ª Realidade aumentada. Segunda feira as 00:30. A cousa, sexa o que sexa, vaise aclarando. Recibiuse  xa unha opinión, de Toñito,  que se vai achegando a definir quen é quen. Pro aínda lle falta acertar "vítima" e "verdugo". Imos facer outro alonxamento da ollada pra poder ter unha idea, paradoxicamente, máis aproximada. (Ánimo, Toñito que parece ser que te vas achegando. Agradezo que sigas xogando. Esta primeira opinión de momento queda gardada ate que finalice o enredo, que xa non pode tardar).


3º Realidade aumentada, terceira feira as 8:30, xa innecesaria, pois como supoñíamos no anterior parágrafo, Antonio Martínez Pernas, coñecedor naturalista natural do Barqueiro e mantedor do bló amigo "Cousas do Norte" afinou a súa percepción e acertou de pleno no confuso obxeto de desexo: non unha mazá de maciñeira, senon a chamada "mazá do carballo" na súa fase nova. Un bugallo criado polo Quercus pyrenaica, o carballo rebolo, pra se defender da postura de ovos do himenóptero Biorhiza pallida.





Hoxe,  27 de febreiro, cuarta feira,  e mergullados na paisaxe propia dos marouzós de Esteiro no Barqueiro, tiven a honra de entregarlle o modesto agasallo de recoñecemento da súa certeira ollada ao amigo Toñito, alias Antonio Martínez Pernas que o recibiú con moita ledicia e suceso, que agradecemos,  e tivo, amais, a amabilidade de deixarse facer un par de fotos pra que quedase constancia de tan natural momento.

Velaí elas.



Sen me cansar de agradecer a todos a vosa disposición a participar neste concursiño e excusándome particularmente con aquelas persoas as que o seu comentario non pasou o filtro de blogger, despídome de vez reiterándolle a Toñito os meus agradecementos pola súa participación neste IV Ollar de Seoane que ve así engrandecida a ceifa honorable dos seus premiados.

Obrigado con todas e todos.




Achegos: faise un lazo a unhas poucas fichas biográficas atopadas pola rede adiante, pra quen queira ter unha idea máis cabal, se caibe, de quen foi Víctor López Seoane.

a) Do instituto de Estudios Coruñeses José Cornide.  Premer.
b) Da Galipedia. Entrar.
c) Da páxina Biólogos Españoles.  Ollar

E estoutros pra lembrar os pasados Ollar de Seoane:
1º Ollar de Seoane. Lembrar.
2º Ollar de Seoane. Relembrar
3º Ollar de Seoane. Recordar.




VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video
Charadrius alexandrinus en Vilarrube.





¡¡¡ Quen non está indignado, está corrupto !!!
Por hixiene democrática: a corrupción á ducha da prisión. 
Por unha Constitución, federal, social, laica, republicana e dixital:
¡¡¡ CORTES  CONSTITUINTES !!!


domingo, 17 de febreiro de 2013

Larus cachinnas, en Cariño.

De paso que me chegaba a Mera pra fotografar a Polygonum capitatum nepalí recén comentada, dei en mandarme por Cariño, coa lixeira e vaga espranza de poder botarlle un ollo a algunha gaivota branca que se deixase caer pola súa praia. 

A Concha cariñesa, sáibase, pasa por ser un paraíso pra os afeccionados ás gaivotas. Houbo anos de caeren tres e catro groenlandesas xuntas; e  de non ser brancas polares, seguro que algunha ca outra cousa podería encher a cunca da ollada. 

Cariño ten días onde o extraordinario parece ser cotián. 

 
A miña iñorancia extrema non foi quen de ollar nada extraordinario. Na marea as gaivotas de sempre andaban a repousar ao pé do rego e á súa beira a media ducia de garavitas que están de garda invernal permanente na area acompañábanas cun aire aburrido e o seu aquel  esgarecido.

Cariño, parecíamo a min, non tiña nada digno de ver, non sendo a figura sen par do Mestre Ricardo Hevia que se acomodaba entre as ammophilas pra mellor ollar sen ser ollado as posibles novidades da marea. Hoxe parece que non hai nada, Ricardo, digo. Pouca cousa, dime, unha Larus canus, unha Rissa tridactila que anda lonxe pola marea e a Larus cachinnas que leva unha tempada repousando pola zona e cando non anda por Pantín ou a Frouseira anda por Cedeira ou por Cariño. Palabra de Ricardo, palabra de deus verdadeira.



Larus cachinnas, a gaivota do Caspio, é unha particular especie gaivoteira que pra  servidor é unha simple cuestión de fe admitir e recoñecer que posúe alguha diferenza coas noviñas de Larus michaellis, as gaivotas claras nosas de cada día. 

Gaivota non moi  frecuente, a poucos coñezo eu que sexan capaces de emitir un dictame preciso e diferenciador con Larus michaellis, tan prósimas entre si en tantas cousas, que hibridan con extrema facilidade.  Un deles, o mestre ferrolán Antonio Gutiérrez que dá clases diarias gratuitas de discernimento dende o seu bló Gaviotas y Anillas.(Visitar).


Pra máis non tiña nengún rexistro consciente desta especie e de repente a posibilidade de poder apreixarlle imaxes e aprender a diferenciala das outras gaivotas (e pra maior gloria na voz sabia, amable e tranquila do mestre paxareiro, arruallo do noroeste do Noroeste, Don Ricardo Hevia) transmudou aquela griseira e apagada tarde de nada, nunha interesantísima lección maxistral ditada por un cadeirádego amigo.


Ricardo pídeme que poña atención na cabeza branca, no seu peteiro  recto e bicolor, na "bufanda" de prumas escurecidas coa que se engola, no porte elevado, sobresaínte, que a fai destacar entre o grupo...e algunha ca outra explicación coñecedora sobre coberteiras ou infracoberteiras que adubaba con precisas aclaraciós técnicas sobre este ou aquel outro detalle, que na súa opinión podían dar a entender que aquel individuo ao mellor non era un exemplar puro, e que podería ser que tivese algo de mestizaxe con michaellis. Eu prestaba moita atención á lección coa espranza de que finalmente, na miña cabeciña de testán, algo se fora apousando. E ao mellor si.


Ricardo cóntame que esta cáspica leva unha tempada pola bisbarra, e que gusta de facer desprazamentos continuos dun lado pra outro; e que mire a ver se son quen de pillarlle a anela, pois está anelada en amarelo con PKLC na pata dereita e cun pequeno anel metálico na esquerda.


O Mestre Antonio Gutiérrez, naturalmente, tiña dado xa conta dela informándonos no seu bló, que se anelou sendo poliño en Kozielno (Paczków) no lonxano sur da Polonia eslava, o 25 de maio do 2012, onde se atopan as colonias de cría desta especie máis prósimas a nosoutros: 2000 km. de nada.

(Mapa prestado de Gaviotas y anillas de Antonio Gutiérrez. Obrigado, por tanto, mestre.)

Polo seu extraordinairo bló gaivoteiro sabemos que este exemplar fai a súa primeira aparición coñecida por terras ibéricas na Isla Cristina, en Huelva, o día 13 de agosto (e queda polo menos ata o día 26), onde a fotografa José Manuel Méndez. Antonio Gutiérrez dá con ela meses despois, na Frouseira o Día de Reis deste ano 2013, dando noticia de terse atopado o Día de Nadal, e tamén na Frouseira, con outra cáspica (PLNT), que casualmente fora anelada na mesma colonia polaca de Kozielno e no mesmo día que esta cáspica PKLC, que hoxe protagoniza esta entrada.


Eu só podo deixar constancia gráfica de que o 7 de febreiro do ano 2013, quinta feira, aínda andaba por Cariño. (O que agora se confirma acó, pra dar fe, e corrixir o estúpido erro deste despistado servidor de todos vostedes que no videomínimo escribiu xaneiro do 2013 coma a data de gravado da peliculiña. En fin. Desculpas, prego.)



Cóntame Antonio que Larus cachinnas parece estar en expansión e que cada vez e menos raro dar con exemplares divagantes desta especie fóra das súas áreas habituais. Mesmamente, dime, este ano apareceron  40 exemplares por unha zona de Holanda o que ilusiona aos paxareiros gaivoteiros holandeses con poder observar a constitución dunha colonia de cría nas costás dos Paises Baixos. Se así fose, eu non dubido de que o  extraordinario traballo científico, con amplos contactos internacionais, de seguimento rigoroso de toda bichería anelada que cae dentro do ollo do seu telescopio permitiranos a todos nós, miñas e meus, desfrutar dos coñecementos destilados por tan seria coma valiosa actividade de seguemento científico, da que tiro tanto proveito e  que nunca saberei agradecer como se merece.

A sociedade si debería de saber valorarllo, con algún recoñecemento diferente ao de espantarlle as gaivotas da praia co incesante trafego diario, por certo prohibido, de perrumanos polas areas.


Rabeo por volver a botarlle un ollo a unha gaivota cáspica, pro agora xa sendo eu quen de diferenciala por min mesmo. Terei que andar con maior frecuencia repasando o gaivotal da marea, tema ao que nunca fun moi afeccionado. Agora cando menos, aínda que polos caracteres físicos siga sentíndome incapaz de diagnosticar unha Larus cachinnas, se dentro do ollo da cámara, ou do ollo do prisma, aparece unha anela amarela con catro letras maiúsculas das que a primeira é unha P, hei dar un brinco de ledicia e anagarame unha maretada de agradables endorfinas: e se fose o caso de poder ler PKLC temo que os ollos se mollen coa brétema de bágoas que acompaña á ledicia emocionada do encontro coas vellas amistades diloidas no tempo, ese ronsel esvaido das faragullas das horas.

Non sei, debo andar infectado xa polo sentimento vírico das aneliñas de cores, que ao parecer, o mestre Antonio advertíramo, non ten cura coñecida.

Hai maladías da alma ben peores; ben o sei.



Vai agora a despedida, miñas e meus, con todo o agradecemento e a obrigación debida á vosa permanente fidelidade nese outro lado do  vidro de silicio, que sen a vosa presenza, quencedora e  garimosa, sería fríxido painel de nada conxelada, este o voso seguro servidor mándase calar pra que o rezo creativo do silenzo encha o baleiro do retiro voluntario.

Apertiñas totus meus.

A mandare.



Despós de data : O mestre gaivoteiro Antonio Gutiérrez ten a amabilidade de enviarme uns comentarios e imaxes, con permiso de edición, que por parecerme moi interesantes e completar axeitadamente esta entrada, e con todo o rigor científico do que eu son incapaz,  paso a engadilos a continuación, agradecendo a Antonio a súa amabilidade e confianza. Velaí van:


"Imagen del ave en cuestión durante su estancia en Huelva. En esta imagen vemos cosas que nos indican que el ave presenta características poco esperables en una Larus cachinnans:

  
  • Cabeza poco redondeada, no “huesuda”.
  • Pico muy bicolor (tipo “herring”, no con el difuminado típico de cachinnans). El gonix no se aprecia en esta foto, pero es algo más marcado de lo esperable.
  • Bastante “ojera” oscura.
  • Escapulares muy marcadas, aceptable para cachinnans, pero no “de libro”.
  • Grandes cobertoras no típicas, si encaja con argéntea. 
La cola, es típica de cachinnans, así como el diseño de las alas. La estructura también es buena para la especie que indica su anilla; fuerte, pecho prominente y patas alargadas".

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE  TV

video
Gaivota do Caspio, na Plaia da Concha, Cariño.
Fe de erros: xa se advirtiu no texto que no videomínimo, erro imperdoable, datei o gravado en xaneiro do 2013, cando realmente se grava en febreiro do 2013, concretamente o día 7, quinta feira, precisamente, ás 6 horas do serán. (A todo isto se o arquivo exif da cámara vai mellor que a miña memoria. Que debería).


¡¡¡ Quen non está indignado, está corrupto !!!
Por hixiene democrática: a corrupción á ducha da prisión. 
Por unha Constitución, federal, social, laica, republicana e dixital:
¡¡¡ CORTES  CONSTITUINTES !!!

xoves, 7 de febreiro de 2013

Do Nepal a Mera.

Unha das teimas medioambientais modernas máis graves, por estensa e irresoluble, e tan sobradamente coñecida coma desleixadamente iñorada, é o problema das numerosas especies alóctonas, quere dicirse de fóra de portas, que por un lado e outro do planeta andan a espalearse provocando un incontable número de situaciós conflitivas coas especies autóctonas, quere dicirse de intra portas, chegando en casos a provocar a desaparición destas e  creando danos importantes, quer ecolóxicos, quer económicos, quer sanitarios.


Non pretendo esmigallar nestes comentarios as razós da destemida tolemia invasionista que dun lado ao outro do planeta anda a producirse. As facilidades de comunicación internacional, unha economía da xardineiría cada día máis estendida, un abandono dos cultivos tradicionais e a irrupción de monocultivos intensivos, (aí están os eucalitos), a moda nefasta do coleccionismo e mascotismo exótico, as restauraciós de obras públicas, as medianas das autopistas... e tantas, tantas outras,  ensambladas todas elas por unha mala e escasísima, senón  nula, educación medioambiental provocaron que nas últimas décadas un rebumbio mesturador de especies diversas, de flora e fauna, por terra, mar e aire, invadisen e colonizasen espazos nunca antes imaxinados pola súa xenética primixenia.


Mimentas, tartarugas, cangrexos americanos, visóns, mapaches, peixes lúa, carpobrotus, loritas arxentinas, fungos de Oceanía,...e centos máis chegaron xa pra se quedar entre nós sen que se advirtan as posibilidades de poder parar esta destemida mesturanza.


Certo tamén que algunhas especies nosas, pénsese no toxo (lembrar) ou a Angelica pachicarpa (releer) andan a provocar situaciós económicas e ecolóxicas novedosas nas antípodas da nosa xeografía. Un mundo remexido e remesturado que se nos eidos culturais ofrece moitas posibilidades de diversidade (se non practicamos o papanatismo asolagador), no eido natural e medioambiental, anda a provocar  unha apreciable e tráxica diminución da biodiversidade a nivel local e mundial.



Calcúlanse en cerca de 1500 as especies alóctonas, chegadas de calquera parte do mundo e dos seus cinco continentes, que engrosan, ben falado, o exército invasor. Certo que non todas posúen o mesmo grao de perigosidade mediambiental, nen presentan as mesmas dificultades e custos de erradicación ou no mellor dos casos de minimización de danos. Non esixe a mesma valoración a presenza puntual do inocente parrulo mandarino ca a proliferación praguicida do cangrexo americano. Nen a exótica aparición ocasional da seta fedorenta presenta a mesma perigosidade ca a asoballante e afogante invasión de carpobrotus e mimentas.

Problemática que, lonxe de diminuir, ano a ano medra exponencialmente diante da aparición de novas especies invasivas que andan a naturalizarse con total tranquilidade ao abeiro dunha inexistente conciencia social deste complexo tema.


Quixera hoxe exemplificar o que ate o de acó vai referido co caso curioso dunha planta a que lle sigo os pasos dende hai catro anos.

Imos con ela.

Corría o decembro do ano 2009 e servidor andaba a recoñecer as freixas escumantes do Río Umia ao seu paso polo Concello de Caldas, na fouce de Segade. O serán era escuro, frío e húmido. O río, logo dunha estensa tempada de choivas e agaceiros, fervía a cachón, ruxía como un trono rouco, alongado, incesante e do seu seo saía unha neboeriña callada e mesta, que cal mera mesta mollaba as roupas e anagaba as terras. Unha fermosura natural  desafalazada, posuída da desacougante e atractiva beleza da violencia da Natureza desatada.

Non era polo ruído do cadoiro polo que ollábamos o río calados, era pola súa poderosa presenza de loucura espantosa.



Emocionados, enxordecidos, anagados e refriados fumos rubindo os camiños ate a estrada onde deixáramos apartado o coche. Un pouco antes de chegarmos, entre o pedregullo abandoado dalgunha obra pública, unha linda e pequeniña flor de agradables tons rosados,  floreando abondosamente nun mato rastreiro de follas avermelladas, chamou da nosa atención e obrigounos a deter a nosa andaina por mellor saber dela. 



Nun primeiro ollar éranos completamente descoñecida. Estábamos confusos. Parecía dende logo atoparse moi a gustiño nese hábitat degradado e pensamos nunha planta oportunista que tivera aproveitado con habelencia a ausenza doutras competidoras para prosperare con fartura e forza entre aquel deixado pedregullo de obra.

Dei en pensar, uns intres, que debería ser algunha planta propia do sur da Galicia que non tiña memorizado, pro parecéndome rara de máis (dende cando as plantas galegas florean en decembro?) matinei tamén se non sería algunha especie escapada dalgún xardín dalgún chalé,  ao mellor  de non moi lonxe.

Fíxenlle algunha ca outra foto e gardei nas memorias, na dixital e na neuronal, o seu  aspecto e detalles por se se dera o caso de ser quen, algún día, de ampliar coñecementos sobre esa planta de  tan folosiñas e lindas flores.



Unha moi querida amiga, con quen teño moitas débedas, regaloume nese mesmo Nadal a "Guía de Plantas de Galicia" de X.R. García, aumentando así os agradecementos debidos a súa xenerosidade  sen tasa. Ilusionado coma un cativo co galano dun xoguete estimado e desexado, fun ollando durante días e días, e coa lentitude do neno lambón que teme se lle acabe o chiculate, as follas do libro unha por unha: demorándome nas imaxes, estudando a estrutura do libro, lendo de vez en cando algunha ca outra descrición, deleitándome coa amplitude do catálogo, examinando ao libro con algunha especie coñecida... e tropezando na páxina 105, ilustración 220, dentro do xénero Polygonum da familia  Polygonaceae con Polygonum capitatum...a planta das ribeiras do Umia!! Albaricias!!



Un polygonum...curmán xa que logo do noso P. maritimum, tan abondoso en todos os areeiros do noroeste do Noroeste, do P. hydropiper que inza os camiños da fraga dos Casás en Cerdido ou do P. amphibium que fermoseaba a rexenerada lagoa de San Martiño de Mororuzos ate que desapareceu afogado polo potamogeton que  recubríu a face das augas...e parente asimesmo de toda canta labaza hai e haberá.

Transcribo de X. R. García: "Florece en marzo-setembro (vaia, ninguén é perfecto), en bases de muros (ás veces recubrindo todo o muro) e lugares secos. Procede do Nepal e emprégase en xardíns. Hai tempo que apareceu naturalizada no norte de Portugal e desde alí estase a espallar lentamente polo sur de Galicia"

Xosé Ramón García, debeu de escribir este texto no 2007, xa que a edición que eu manexaba era de novembro do 2008. Consecuentemente en decembro do 2009 cando a fotografei nas beiras do Umia, P. capitatum andaba xa rondando Caldas: bastante máis ao centro de Galicia có Sur. Víñase vindo ao norde.

Prometinme que o día que tropezase con ela polo noroeste do Noroeste daríalle entrada no bló, pra deixar constancia documentada de que acadara as latitudes máis nortadas da Galicia,  pra así acabar lindando, mar por medio, con Inglaterra.

 Nesas andamos.


Volvendo estoutro día de Cariño de fotografar a pildoriña moura, Calidris maritima, xa chegando a Mera, pareceume distinguir, ollando de esguello pola ventaiña do coche e entre a vexetación do ribazo, as cores e as maneiras, puntillosas e abondosas, da P. capitatum, a migradora nepalí que coñecera en Caldas e que algún día pensaba que podería aparecer pola bisbarra.



Por seascaso, chegueime a Mera, dei volta e aparcando nun librado da casa de enfrente poiden ir certificar a presenza de Polygonum capitatum naquela rebordela da estrada. Alí estaba, feliz entre carpobrotus, hedras, mentas e algún ca outro pé de Geranium robertianum  e asoballando aos careixós, Fragaria vesca, que parecen querer alumbrar.





Era o 20 de xaneiro do 2013 e pola firmeza e abundancia aseguraría que cando menos un par de anos levaba asentada nese mesmo ribazo. Ou se disemina nun alustre ou trouxérona pra adubiar o desmonte que pretendían consolidar co carpobrotus. Dúas invasoras e inzadoras no mesmo lote.





Nese mesmo ribazón, un pouco apartado do grupo principal, outros dous matos máis pequenos en extensión de  P. capitatum floreaban poderosos, callados, mestos e afogadores de calquer outra presenza botánica e ameazaban con aplastar a todas as herbas veciñas, declarando así a súa condición de especie asoballadora.


Velaí nas beiras do Río Mera, no arredado noroeste do Noroeste, a presenza delicada e silandeira dunha nova ameaza botánica que sen facer ruído e parecendo non molestar chegou ate nós dende as lonxanas e exóticas terras dos Himalaias do Nepal, esa Asia marabillosa, imaxinada na literatura das viaxes nunca realizadas, da que ela si soubo sair pra chegar ate acó.


Lamentablemente arestora a magnitude e extensión do invasionismo alóctono acada unhas proporciós tales  que o realismo impide considerar a posibilidade de desfacer o entorto. Debe de saberse que xa non nos queda máis opción que minimizar danos, procurar non multiplicar os efectos perversos de tanta diseminación xenética e na medida do posible frear a chegada de novas especies.



Non só por achegarse o problema a un tamaño e complexidade imposible de manexar sen un compromiso de inversión económico simplemente fabuloso, senón por non existir unha comprensión social de estarmos ante un grave problema medioambiental. 

Ao contrario, a presenza de moitas especies inzadoras e invasoras é considerada pola  iñorancia coma unha fartura de linda beleza: velaí os cartaces turísticos publicitarios da Mariña Luguesa nos que poñen a asoballadora e afogadora carpobrotus nun primeiro plano simbólico representativo das belezas naturais da Mariña. 



Desvarío que só se comprende sabendo que caste política nos desgoberna e imaxinando que ante a desfeita urbanística case total da primeira liña da costá,  o rechamante colorido invasor da flor do carpobrotus parece un reclamo máis conveniente que os cementerios de cemento de Barreiros.



Descontada de todo punto a posibilidade de retornar a un punto cero de enxebreza (se tal existise) e diante da expansiva aparición anual de novas especies invasivas, necesitamos unha conciencia social que impulse políticas medioambientais e lexislativas capaces de reducir danos e frear este desvarío louco de mesturanza destemida que inunda o mundo e pon en grave risco de sobrevivencia a numerosas especies e, particularmente, a valiosa  e fráxil riqueza botánica da Costa Ártabra, a única considerada "de importancia excepcional para la conservación de la biodiversidade" de entre todas as bisbarras galegas analisadas polo Ministerio do Medio Ambiente.

Que non se nos esqueza.

En obriga con todos vós, miñas e meus.

A mandare.




Achegos:

a) "Plantas Invasoras de Galicia. Bioloxía, distribución e métodos de control." Por Jaime Fagúndez e Manuel Barrada e editado pola Xunta de Galicia no 2007. Un  PDF de 200 pax. que convén ler e gardar no que se fichan algunhas (poucas) plantas invasoras na Galicia. Achegar.

b) "Atlas de las Plantas Alóctonas e Invasoras en España" Estudo amplo e moi documentado editado polo Ministerio do Medio Ambiente. Estudos, catálogos, atlas, fichas...Do mellor que eu coñezo. Imprescindible pra facerse unha idea cabal.  Entrar.


VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video
Falcón vixiando o petoural da Herbeira

¡¡¡ O que non está indignado está corrupto!!!

Arestora 1.112.130 persoas levan asinada a campaña de petición de dimisión da cúpula do PP, iniciada polo cidadán Pablo Gallego García, que buscaba un millón de firmes.

Acadado nunha semán o seu obxectivo, a Marea da Dignidade segue a encher o mar.

Por se queres asinar e aínda nos sabes onde facelo,  faino acó.


Por hixiene democrática: a corrupción á ducha da prisión.