XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 29 de xaneiro de 2016

O almorzo da londra

A petición de quen comigo estaba aquel día, aí van quince imaxes  de dúas  series, escaqueadas, dunha londra almorzando anguías nas augas calmas do Lago de Lanzós.

Escusas por meter unha teima case persoal nun descorrer do noroeste do Nororeste, pero quen comigo estaba, logo de ver o recorte que anda por aí ao lado, non daba creto a que as fotos fosen tan malas como eu lle decía. Agora verá que son aínda peores.

Realmente son a crónica dun fracaso.

Pasa moito, pásame moito.

Éche o que hai.

















Finito o invento.

Supoñédeme  alivado de non ter ás canillas das neuronas adoecidas de relear coa confección da miña prosa ortopédica. Acertaredes.

A vosoutros presíntovos alixeirados de mente e aboiando no repouso mol da flor dunhas augas mainas. Né verdá?

Biquiños a feixes.

A mandare.


Nota marxinal. Efectivamente miña querida, fixen un lotazo de fotos pra fartar unha tarxeta lambona e estas son só unhas poucas moi poucas, pero pra amosar o nivel de fracaso son suficientemente elocuentes. Non me pidas sufrir máis. Gratia plena.

PAZ  E  PALABRAS

mércores, 20 de xaneiro de 2016

Un viacrucis e un cruzabicos

Teño certa inclinación natural polas rarezas creativas. Gústame descubrir creaciós impensadas nas que a argallada humana, en festa de liberdade, se exprese con toda exhuberancia. Algunhas delas, infortunadamente para os seus alcumadores que non as poden percibir en plenitude, dan en ser chamadas chapuzadas. Alá cada quen. Eu disfruto un mundo na súa percura. Por sorte pra min Galicia é terra farturenta na creación de historias de artistas de silveira excluídos do circuito urbano intelectual. Artistas fóra de serie. Pepe Álvarez e o seu mundo de cor, pedra e alegría, por exemplo, expresados con pintura ecolóxica e permiso municipal na área recreativa da Pontenova, en Cartelle. 



No concello da Veiga, Ourense, viviron dous destes artistas sen catalogación posible: Daniel Mancebo, autor-escultor da Casa das Pedriñas e o labrador de carballo e graíños  José Escuredo, Pepe do Barrio. Dous fóra de serie. Afortunadamente a obra, inmensa, de Pepe do Barrio é respetada e apreciada, gardada e protexida por familia e veciños e mesmo posúe dúas casas-museo pensadas e levantadas en vida polo autor. Pola contra, a Casa das Pedriñas, un recoñecido homenaxe a Gaudí, anda a desfacerse día a día, mor do abandoo, a pillaxe,  o desapego familiar  e a desidia municipal. 



Xosé Escuredo Vega, un galego miúdo, labrego, carpinteiro, ferreiro, mineiro, gandeiro, obrero da construción, emigrante en Bilbao, París e Madrid, quen ha ser coñecido artisticamente coma Pepe do Barrio, tal vez non fora un ser humano se non unha erupción volcánica da austera santidade rural que se manifestase nun labor xigantesco, asombroso, extraordinario e nuncavisto no tallado escultórico da pedra e a madeira: no que se inicia en 1983 na súa aldea natal de Lamalonga, A Veiga, Ourense, a idade de 66 anos e que non rematará ata o ano do seu pasamento no 2004, con 87 anos de idade. 



Vinte e un anos de traballo artístico incansable e apaixonado en xornadas de trece e catorce horas diarias para construir unha obra persoal que reborda todo o imaxinado ou previsto. Encetada a crear, pra máis, na altura da idade na que a humanidade normal folga por fin  no xúbilo da xubilación.



A obra de Pepe do Barrio está á vista de todos. Detrás de calquera reviravolta das mal alcatranadas pistas que unen as parroquias do concello da Veiga, á entrada dun vilar, no alto dun penedo, nas ruelas da súa aldea, impensadamente,  pode aparecer algún dos centos de traballos en pedra que Pepe do Barrio apousou na paisaxe da súa parroquia e que encetara  a crear ao se ver obrigado  a abandoar, por prescrición facultativa, o traballo de labrador e gandeiro. Con 66 anos atopouse xubilado e con toda unha vida por diante. Xosé Escuredo Vega encontrou dentro de si ao labrador de penedos Pepe do Barrio.


Subín a Lamalonga pra sentir coas miñas maos as pedras que el labrou coas súas. Subín a Lamalonga dende o Barco de Valdeorras, do que tanto gosto, pola reviradísima, súpeta e fermosa carretera que sube á serra rapona do Alto da Portela dende as vizosas ribeiras do Sil, calladas de uveiras de garnacha, godello e mencía. Ao norde Ancares e Asturias locían en branco de luz coa puntilla de felepa dos seus cimbros nevarados.



De vez en cando, moitos de vez en cando, detiña o tránsito e parábame a ollar o val do Sil, farturento e laborioso, ou entretíñame en ollar aquel paxaro ou aquela outra herba ou uliscaba o aire de finais de marzo, que alá na estrema diagonal galega co noroeste do Noroeste anunciaba calores gostosos e limpos soliños de primaveira.  Xa se escoitaba cantar aos paxariños. Era unha mañá lediciosa. Daba gloria.



No Alto da Portela parei o meu mundo. Deixei ir o tempo e alentei sen présa. Unha chasca, parada nun ferragacho enferruxado que algunha vez termara dun cartel que anunciara algo, ollaba o día. As azulentas ían e viñan, desconfiadas, dunha xesta a un piñeiro e dun piñeiro a un carballo. O encoro da Veiga e a Veiga mesma ollábanse lonxe, abaixo, cara a suroeste, fermoseando de lago e azul á paisaxe parda das Terras de Trives en invernía.



Non moi lonxe déixase estar a encrucelada que colle pra o vilar de Lamalonga, a onde eu quero chegar, e alí mesmo, presidindo a porta de entrada as terras de Pepe do Barrio aséntase arruallado o primeiro fito, a primeira estación, Xesus sentenciado a morte, do nunca imaxinado viacrucis que coutará os catorce kilómetros da malpocada pista da serra con outras tantas catorce cruces e os seus correspondentes grupos escultóricos que sinalarán cada un dos pasos obrigados dun canónico viacrucis católico clásico. 



(Mágoa que as elaboradas composiciós  labradas con inocente e expresiva sinxeleza  no gris graíño  da bisbarra por Pepe do Barrio, José Escuredo Vega as asentara con cemento á vista sobre megalitos de pedra do país disgustados por placas de sabor funerario de gusto coreño e as croase, pra máis inri, cunhas agres cruces de cemento espido:   nada do que sirve pra nada diferente ca diminuir o pracer de abraiarse co traballo artístico indubidable da emocionada laboura de Pepe do Barrio).



Deixeime ir indo polo arredor da encrucelada, derivando cos ollos pola paisaxe de urce e piñeiro e guipando todo coa escrupulosa atención que poñemos sempre ao sabérmonos entrando en terra incógnita. Pouca flor, pouca bolboreta, pouca bichería, pouco de todo, unha azulenta, unha chasca e un aire de brisa no que voa un paxaro que se pousa na póla máis outa dun piñeiro repoboado, un deses que en poucos anos será lume. Bótolle un ollo o paxaro aquel... a ver... a ver... opa!!... un cruzabicos!!... O meu primeiro cruzabicos!!.. Opa!!...Viva Lamalonga con razón ou sen ela!!


O meu primeiro cruzabicos rexistrado. Un Loxia curvirostra, por fin, non sen tempo. Ben que mirara deles polo piñeiral do Forgoselo e agora alí, no Alto da Portela, mentres me demoraba pra ir indo pola pista do viacrucis de Pepe do Barrio,  ofrecíaseme tranquilo e calado, na máis outa póla pun piñeiro replantado nas Terras do Bolo. Ao galano dos graíños labrados na austeridade pelada da serra e a visión sorprendente das cruces oratorias ao pé da pista, a miña lembranza enriquecíase coas luminosas imaxes do cruzabicos que non deixaría de ollar en todo o día, amilagrado da extraña fermosura desa rareza  funcional do seu bico desconforme.



Segunda estación, Xesús coa cruz nas costas. O cruzabicos, alonxado, ollaba pra min sen medo. Aquel extraño humano inmóbil, que se movía moi lentamente até el, non parecía un perigo coñecido. Eu disfrutaba coma un cativo con xoguete novo na mañá de Reis. Os prismáticos non se apartaban do ollo se non era pra deixarlle o  sitio ao visor da cámara que asentada na galla procuraba non vibrar coa emoción do meu peito que brincaba de gozo. Olla meu home que se me facía lindo o inesperado animaliño.



Terceira estación, Xesús caído por primeira vezÍa indo amodo pista adiante, atento ao que a serra quixera regalarme, que non era moito. No tempo do ano e na desprotexida panda da serra, pouca cousa se deixaba ver ou sentir, ou eu  tiña perdida a habilidade de ver e sentir. En cada parada, digo estación, demoraba o tempo pra degustar as labras de Pepe do Barrio; sentaba á sombra e, alí no lombo da serra, case feliz, reollaba doutra volta as imaxes que gravara do cruzabicos. Pra daquela xa eu estaba encantado: por un cruzabicos e un viacrucis. Maxia cruzada.



Cuarta estación, Xesús encóntrase con súa maiO sol, limpo e marabilloso, dábame a pensar en canto de brava habería de ser a serra se lle dese ao día por vir con orballo, friaxe, escuridade, neve ou saraiba. Outro mundo. Dei en pensar na fe relixiosa que cada ano move na data do Mércores Santo, faga frío ou calor, chova, vente ou solee a unhas cuantas ducias de persoas, xa non moi novas, en rezar a pé, as catorce estaciós do víacrucis de Pepe do Barrio kilómetro a kilómetro dende o Alto da Portela ao vilar de Lamalonga. Un rito novísimo. Provocado pola fe contaxiosa de Pepe do Barrio, católico integral. 



A marusía de sensaciós e reflexiós que estimulaban a servidor, racionalista integral, imaxinando a esas xentes molladas pola néboa, encollidas polo frío, gardadas por paraugas e gabás, tronzando contra o vento, parándose xeadas a entoar as oraciós fúnebres da Paixón nun serán de tebras, a esas miñas ensoñacións vanas, só  lle atopaba seu contrapunto balsámico de luz e color   ao volver a ollar nos pousadoiros, á sombra, ao lindo cruzabicos  que levaba prendido nos circuitos das miñas memorias  e que podía revelalo ao meu pracer en imaxe nítida  na pantalla fotográfica da cámara.



Quinta estación, Xesús axudado polo CirineoA memoria do cruzabicos íame bailando na cabeza e eu non facía máis ca ollar pra todas as puntas das árbores, por si quería volver a deixarse ver. Pero que va. Piñeiros de repoboación había moitos, cruzabicos ningún outro. Os cruzabicos teñen ese peteiro cruzado pra mellor poderen extraer as sementes das pinabetas e dependen moito pra súa sobrevivencia da abundancia de piñós no ano. Velaí unha xente a quen as masivas repoboaciós de piñeiro lle dan a vida. O constatable incremento de poboación que se está a rexistrar debe estar en relación co aumento exponencial do número de ferrados adicado a silvicultura do piñeiro.



Sexta estación, A Verónica enxoita a faz de XesúsPepe do Barrio viviu sempre dacordo coas permanentes crenzas galegas do campesinado laborioso que acredita nas virtudes curativas e infinitas do  traballo de sol a sol, da convicción firme e vital no Dios e na Igrexa Católica, na vida austera e sen vicios, no amor á familia e a súa parroquia e na concencia plena doutra vida alá nos Ceos onde se han de volver a ver pais e fillos, parentes e veciños. José Escuredo Vega practicou orgulloso unha vida de católico pleno. A súa arte é unha arte militante. Concebida e realizada non ociosa e banalmente pra gusto dos sentidos, se non pra maior honra e gloria de Nuestro Señor Xesucristo e  da súa  Santa Mai Igrexa Católica Apostólica e Romana. A práctica totalidade da súa obra en pedra é de temática relixiosa, só algunhas poucas pezas illadas poderían escapar do fluído da presenza do Além.  




Séptima estación, Xesús cae por segunda vez. Loxia curvirostra está maridada coas sementes das coníferas. A orixinalidade anatómica do seu bico -especializado pra o acceso as duras profundidades onde a caroza garda as súas sementes, os sabedores piñós- regula a súa vida arredor da existencia de piñeirais. Verdade é que pode ampliar a dieta con algo de froita madurecida e petiscos de artrópodos, pero no esencial as sementes dos piñeiros dispoñibles  todo o ano, ou case, permítenlle asentarse e facerse residente alí ú haiba bos piñeirais, se con algo de carballeira ao pé, mellor. Non é casualidade, pois, que se viñera pousar na outa alcándara das pugas das carumas cimeiras dun piñeiro.



Oitava estación, Xesús consola as mulleres de XerusalemPepe do Barrio deixou  unha pequena obra escrita, en prosa e en verso, fundamentalmente en lingua castelá mechada de galego traducido, onde as súas crenzas relixiosas e sociais expresan con total claridade o seu mundo conservador e tradicional, onde as referencias nostálxicas e bucólicas ás bondades do boreo incesante do mundo antigo, son continuas. Remexer na súa curta "Las faenas de Lamalonga" unha memoria dos labores e da vida de cada mes do ano na Lamalonga dos anos cuarenta e cincuenta do século pasado, déixanos esta exacta perspectiva do mundo natural campesiño actual: " ...hoy a excepción del ronquido de un jabalí o de un corzo no se oye nada, apenas hay pájaros, no hay caza menor, no hay sembrados, no tienen que comer, no pueden subsistir. Los corzos, los jabalís y alguna zorra subsisten, pues aunque se siembra algo alrededor del pueblo esas razas viven de ese poco que se siembra, pero a nosotros nos hacen la vida imposible pues lo poco que se siembra aun nos lo estropean". Polo que se ve, na estrema ourensán igual que  ao noroeste do Noroeste.





Novena estación, Xesús cae por terceira vezO cruzabicos estende as súas poboaciós por toda a taiga europea siberiana, onde se crían importantes continxentes poboacionais, e por todos os bosques de coníferas europeos. Ocupa asimesmo os piñeirais de Norteamérica e mesmo descende ata Centroamérica. Na Península Ibérica vive fundamentalmente no centro e leste da mesma, sendo máis escasa canto máis nos imos achegando a noroeste. Na Galicia, ocupa con preferencia os piñeirais da Baixa Limia, con citas espaleadas e moi localizadas noutros lugares, arredores de Monforte ou O Forgoselo, por exemplo. Non é un paxaro corrente. Que vai ser.




Décima estación. Ispen a Xesús das vestidurasPepe do Barrio, amáis, é o autor en lingua galega das por el chamadas Rimas cortas: unha ampla coleción de cuartetas, non necesariamente rimadas, nas que ao lado de versos tradicionais que el resgataba da súa memoria seica hai unha grande maioría da súa autoría; de tan perfecta formulación tradicional que se fai imposible saber cales son súas e cales son de todos. Aí Pepe do Barrio, acada a súa máis outa categoría literaria. No galego do vilar de Lamalonga, regalía dos labramios. Dios che me deia pacencia/ con esta a miña muller/ nin ela fai o que eu digo/ nin eu fago o que ela quer. Que ao mellor é tradicional. Agora que vén a noite/ vén a miña regalía/ pra ir ver os meus amores / que non os vin polo día. Outro exemplo. Eu pedinlle leite a vaca/ a vaca pideume herba / a herba pideume o prado/ o prado pideume rega



Undécima estación, Xesús cravado na cruzOs cruzabicos, xa que moitos piñerais ofrécenlles mantenza todo o ano, son sedentarios e, sen que se saiba moi ben cando vai suceder, dende as súas áreas principais de habitación, (as extensas taigas siberiano europeas) prodúcense importantísimos desplazamentos de poboación, auténticas invasiós, cara o sur de Europa. Pra daquela os cerca de 200.000 cruzabicos ibéricos ven incrementados os seus efectivos de modo notable, con aportes pra máis de subespecies foráneas que sempre dará gusto botarlles un ollo comparativo. A ver se se deixan.



Duodécima estación, Xesús morre na cruzPepe do Barrio traballou arreo, sen folgos, seguro de que o día que deixara de traballar, el así decía, habería de morrer. Dende o ano 2000, veciños e amigos deron en facer o Viacrucis da serra cada ano no serán do Mércores Santo. No ano do seu pasamento, no 2004 Pepe do Barrio non parou de traballar na confección dun pequeno libro, Recuerdos del Vía Crucis de la Sierra, cunha tirada de 800 exemplares que quería distribuir gratuitamente entre os veciños e xentes do Concello da Veiga, antes de se facer o percorrido, pois xa intuía que o seu pasamento estaba prósimo. Ocurreu o 29 de marzo, Pepe do Barrio contaba por atrás 87 anos.



Décimo terceira estación, O descendemento de XesúsNon sei ate que punto nos montes de A Veiga son comús os cruzabicos ou fanse raros de ver. Eu non volvín mirar outro en todo o día. Nen nunca máis por outra banda, pero non desespero: calquera  día no Forgoselo. Quero pensar que o infinito número de piñeiros que andan plantando por Ourense vailles dar unha oportunidade de expandir efectivos. Sei seguro que cando así sexa, tristemente, a xigantesca queima que ateará os montes da provincia, ha os escorrentar espavoridos. Plantar piñeiro hoxe en Ourense, é plantar lumes de futuro. Era visto, diremos.



Décimo cuarta estación, A sepultura de XesúsQuen queira ir botar un ollo ás paisaxes de Pepe do Barrio e aos cruzabicos ascenda ao Alto da Portela, sexa dende Prada, sexa dende o Barco, coa seguridade de que a beleza do territorio non o ha desencantar. O monte de seu anda mesturado co piñeiral de repoboación (onde se non nesta Galicia nosa da arborización plus ultra liberal!). 

Estamos nos mil douscentos metros de altitude, máis menos, a vista chega lonxe, as neves de Trevinca enfrían a punta do fuciño. As pistas de alcatrán van roídas de xeadas e neves, de calores e queimas, pero levan e tran sen problema. E sempre, a sorpresa á volta de cada recurva dunha  labra de Pepe do Barrio, santificando unha encrucelada,  bendecindo a entrada nunha aldea, vixiando o mundo dende o alto dun rebolo de graiño xigantesco ou dinificando o patio da Casa Cuartel da Garda Civil de A Veiga.


O entrar en Lamalonga, entendes que entras na gloria celestial particular dun persoaxe único, Pepe do Barrio,  un fóra de serie.



O obelisco asombra e espanta. Da medo pensar que o levantou case octoxenario, sen outra axuda ca súa muller e o seu cuñado. Os andamios, a talla concorde das pedras, máis que fosen aproveitos abandoados da vella igrexa de Lamalonga,  a matemática da súa ordenación, a perigosidade da súa construción, a xenerosidade social  extrema da arte pola arte ("A min xa, me paga o estado" decía)... e tanto, tanto máis sobrecolle o ánimo e ananiza as vaidades coas que arribaras. 



Logo de ir indo polo viacrucis da serra, enamorado xa pra daquela da loucura extraordinaria de Pepe do Barrio, a contemplación dese inmenso chafariz de pedra, paixón e fe deume a entender que estaba diante da obra dun home cunha vontade indomable e unha capacidade de traballo e esforzo ciclópeo que tiña que estar inspirada polo cerne dun espíritu xigante que habitara no corpo miúdo dun galego das Terras do Bolo.



Xa estaba ao fin en Lamalonga. Pasaría o día percorrendo calellas,   pistas e até a "5ªAvenida", tropezando por acó e por aló coas obras de Pepe do Barrio. Un santo patrón a entrada de cada parroquia do concello obligaríame á disciplina de percorrelas todas.  Moitas outras tallas espaleadas o seu entender polo alto dos penedos xurdirían no meu discorrer diante dos meus ollos abraiados, se non aluarados, que non se cansaban de mirar e coñecer.


Unha xornada no alborexar da primaveira na estrema ourensán, de búsqueda, deriva, instrución e pracer pola montaña oriental. Pouca flor, pouca bichería, moito monte e moitos soños labrados en pedra, que haberían de ocupar a cunca fascinada dos meus ollos -de onde se fornecen os meus recordos- rendidos e encantados, cautivos pra sempre nunha alonxada aldea  ourensán de nome inequívoco, Lamalonga, a parroquia que soubo enguedellar en min, con lazos de pluma e pedra labrada,  un viacrucis  cun cruzabicos. Xa non me poiden desenguedellar. 

Estaba aquel día Galicia acordando do soño da invernía.

Quedei en volver. En podendo.






 
 







Ata acó, a estrema suroriental da montaña galega, cheguei hoxe. Un pouco lonxe de máis. Non deixa de espantarme que exista quen me acompañara ate acó.  Apertiñas sen tasa. Ogallá o espíritu de saber e averiguar non vos abandoe xamáis: daquela o delicado  pracer de aprender aledará con gratas sorpresas o voso discorrer tras de cada recurva da carretera por onde a vida vos leve. Boa viaxe.

Prometo estar agradecido.

A mandare.



Achegos:

1) Para saber todo, ou case, sobre José Escuredo,  Pepe do Barrio.  Entrar.

2) A Ficha do Magrama sobre Loxia curvirostra.Ollar.

3) A páxina de SEO Bird Life. Adentro.

PAZ E PALABRAS