XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 28 de febreiro de 2016

O lixeiro canto do tuí



Hai días de ceo azul e vento encalmado nos que o aire trae unha bris de rosa e limón e pensas que nada pode mellorar ese instante... mais sen máis, chégache  un tremor suave do aire, unha caricia no pelo coma o pouso do soplo dun anxo e sintes ao pé da orella o lixeiro canto dun tuí, quen acaba de asentarse na túa cabeza e coa suavidade da amistade peteira gratamente na cimeira da túa caluga un momentiño,  liscando en nada pra as polas do limoeiro onde se deixa ver durante tres intres, e ti miralo, e ves que leva no bico algo de ti, un fío branco, unha caña túa, un pelo teu  que unha vez foi preto e escuro e sabes, por primeira vez, que o tempo, esa lexivia das cousas,  branqueouno ata volvelo unha clara testemuña  de que as illas da xuventude íanse voando no bico mínimo dun rebuliceiro tuí, que brinca do limoeiro ás roseiras pra desaparecer nunha sebe de biouteiros e silveiras coa certeza do pasar do meu tempo explicada na súa bicada.

Os mestres alquimistas advirtíranme, fa molto tempo, que a lingua dos paxaros é a metáfora perfecta da sabiduría hermética, aberta a todos, pechada a moitos.



Velaí a un fermosísimo e malencarado paxariño a quen o deseño da faciana dalle, a ollo de humanos, un aspecto de ser enfurruñado, de paxariño avinagrado, que vive en permanente conflicto cos sete ceos, consigo mesmo,  e con todo canto o rodea: un deses descontentos permanentes co universo a quen  nada, nunca, o poderá satisfacer o máis mínimo. Un tuí. 


Un tuí, que así lle chamamos en Cedeira a esta linda paxariña que noutrures corre por folosiña, carriza branca, picafollas, furafollas, papuxa, chichí e aínda chischís e  pra estandarización da lingua escolleuse, concordando co portugués, o cariñoso termo de estreliña riscada, e a quen científicamente chaman Regulus ignicapilla, non moi diferente pero facilmente diferenciable de Regulus regulus, estreliña do norde, quen só nos visita nos invernos e de quen non teño imaxe nengunha, nen boa, nen mala, nen sen queixa.



Tuí, por certo, non se recolle en nengunha das ceifas de nomes de aves e paxaros da lingua galega que se manexan a diario. No Dicionario de Dicionarios, si aparece esta voz, recollida por Eligio Rivas Quintas en Cerreda de Nogueira de Ramuin, Ourense, con esta explicación: "Pájaro, su nombre, tuí, imita el canto". Dende Cedeira a Nogueira de Ramuín, hai espazo suficiente pra supoñer que esta voz, nalgún tempo, debeu ter máis ampla difusión .



Confundido coas sombras dunha das casetas de observación das lamas de Cospeito, mentres descansaba os ollos deixándoios ir indo pola faz tranquila das augas, unha parella de tuís revoaba de vez en cando por entre  as  pólas das salgueiras e a  ramallada de silveira que contorna o observatorio. Tal cal eles son: sen parar, indo e vindo; pousar, ollar e largar. Non tendo nada mellor que facer, tentei atrapar en imaxes dixitais algunha mostra de tan inquedos persoeiros. Houbo sorte, e con aquela fortuna se iluminan estas verbas.


Por veces aparecía o macho, e abofé que a cor de lume novo que alcende a plumaxe da súa cabeza, daí ignicapilla, daba vida e calor a toda a ramallada; outras era a femia, un punto máis discreta de cor, a que se deixaba ver;  os dous xuntos raramente aparecían na escea e nas poucas quendas en que andaron á vez, non souben facerlles unha foto en parella. A ver si hai mellor ocasión.



Amigo do hábitat forestal, é un habitual dos bosques de ribeira, non sendo difícil observalo no seu trafegar continuo de póla en póla na rebusca de calisquer diminuto artrópodo que lle sirva pra ir enchendo o papo. Residente durante todo o ano, sempre será mellor de mirar nos meses en que as árbores anden espidas de follas. No resto do ano a mestura da vexetación ha facer difícil distinguilo; e poder facerlle unha foto vai ser cousa de saber rezar  un rosario con moita pacencia.



Ao parecer as poboaciós de tuí andan a medrar ao compás da rearborización do territorio. Paxariño de ampla distribución europea, gusta dos climas húmidos e temperados, e acredítase  a súa expansión cara o norde acompañando á suavización das temperaturas que pouco á pouco van certificando indubitablemente o Cambio Climático do que andamos a ser testemuñas.



No inverno pódense recibir poboaciós migrantes  que baixan a latitudes máis temperadas e conviven nas nosas arboredas á canda os residentes habituais e os continxentes da outra especie do xénero, Regulus regulus, que baixan ate nós dende súas áreas de crianza no norde europeo. No mes de abril do ano 2013 un ignicapilla anelado en Madrid no mes de febreiro do ano anterior, foi recuperado na República de Chequia, a 1683 km. de onde fora anelado. Diminuto gran viaxeiro, o noso benquerido tuí.



Diminuto, moi diminuto; tanto que os tuís, pasan por ser os paxariños máis pequerrechos de entre todas as aves europeas, con só entre 5 e 6 gramos de peso, raramente 7. Regulus regulus, o tuí do norde, pasa por ser un chisquirrichín máis pequeno ca Regulus ignicapilla, o noso protagonista, e por iso leva con honra o calificativo da máis pequena ave europea.



Tamaño tan raquítico, non lle houbo de impedir conquerir o tíduo de o Rei das Aves e os Paxaros, daí regulus, reisiño, e o seu nome castelán de reyezuelo. De como a máis cativa das aves conseguíu o outo honor de se asentar na cadeira real aviar haberá que falar nun prósimo discorrer que nos fará pasear de vagariño por lendas, contos e sucedidos, dende as  tradiciós célticas e indoeuropeas ata a súa pervivencia na Galicia de non hai tantos anos.

Ata daquela, miña querida xente, quedar con todo o meu agradecemento, pola vosa fiel querencia a dar unha volta polo noroeste do Noroeste. 

Apertiñas.

A mandare.



Notas marxinais: a excepción da imaxe do tuí entre a follaxe verde dos salgueiros que está tomada no areal da Frouseira, todas as outras son  das lamas de Cospeito e do mesmo día.

Achegos:

1) Ficha de Vertebrados Ibéricos. Premer.

2) Ficha de SEO Bird Life. Entrar.


PAZ   E   PALABRAS



domingo, 21 de febreiro de 2016

Ancares, documental dunha emoción.


Como a tantas outras cousas felices da miña vida, cheguei tarde a coñecer a Serra de Ancares  Un amor da idade serodia.  Un amor familiar a primeira vista. 


Ancares pareceume a vocación cumprida da Serra da Capelada de posuír amplitudes de cordillera.  Moitas trazas da terra e da paisaxe facíanseme propias, eran coma da miña xente, cousa sabida e querida, mais que en Ancares todo fose maior, diverso, outo, extraordinario, grandioso.


Asimesmo foi: un sentimento de terra  en mao común cementouse no máis adentro do meu sentir   ao alentar  a fondo por primeira vez os aires de Ancares. 


Sáibase, gusto de respirar lento e ulir  profundamente os aires do mundo pra entender mellor calquer xeografía que ocupe. Abofé, aínda hoxe sinto o acre olor da tabaiba tropical canaria en cada vendabal que arriba ao muelle de Cedeira.

Daquela primeira volta nos Ancares, un profundo recendo a clavel saboreaba o aire. 


Alagáronseme  os ollos entrepechados coa evocación inmediata daquel odor infantil dos caraveis mariños da Punta do Tiro, a tarde na que arrolei pola rebordela abaixo e parei, saberá quen como, coas maos apretando nas herbas e a cara deitada nun mato non coreño de caraveliñas que  me anunciaron, cun arume intenso a flor de alivo,  que eu seguía vivo.

Inspirei profundamente como se quixera meter todo o aire de Ancares no peito. Entreabrín os ollos. Aos meus pés un mato ben floreado  de dianthus eisalaba dende as  súas cores rebaixadas, a potencia evocadora dun  recendo familiar a caravel mareiro, dándome a entender que alí, frente aos cimbros de Ancares eu seguía sendo o neno aquel que riba da Punta do Tiro ía indo  polo Camiño da Arealonga, a buscar cobriñas de colar baixo ás ferventes pedras da plaia,  a Plaia da Arealonga de Cedeira, aproada ao sur, abrigada a nordés, da que nen podo, nen sei, nen quero sair.


Subíramos por Doiras amodo despreguizándonos coa beleza calma das ribeiras do río Cervantes, cliente do Navia, que atrás, nas Pontes de Gatin disfrutáramos sereamente, sen présa, acomodados nos pretís da vella e firme ponte romana que lle presta maxencia arquitéctónica clásica ao maino fluir do río, deixando alí que os nosos ollos gozasen coas ducias de  pequenos peixes, serían escalos, que se xuntaban en madas rebuliceiras, nas ribeiras de pouca auga douradas do sol e da area, quen sabe se áurea. Tería que achegarme algún día aos ríos enxebres das Hurdes pra ver tanto peixe  en augas que non foran mares.


Adosada xa ás nosas costas Doiras e o seu Castelo, tomamos a encrucelada aganchando a norde, rumbo ao ceo. Subíramos tranquilos, amodiño, adiante sempre pola estrada arriba por onde non baixaba ninguén. Fóramos rubindo pola Cela entre sombras de cerdeiras e rosmores de brisas. A pista, ampla, non mal alcatranada, revirávase decote e, a cada revolta, descubríanos o mundo de novo.


Plantas nunca vistas, ou só entrevistas nos libros, figurábanse  na ollada. Bolboretas de ouro e esplendor brincaban de chucho en chucho. Do aire á herba, da herba á flor, da flor ao ceo. As abas dos montes lucían o cobertor do verde durmido das queirugas e o deslaimado rosa das primeiras uces.  Os outos picachos, Penarrubia ao fronte, Tres Bispos, Penedois, Corno Maldito amosaban seu perfil de espiña sauria e perdíanse entre os ceos que nunca mirara. 


Além da vista,  Mostallar, Penalonga, Cuiña, Miravalles estaban agardando polos nosos ollos bicadores. Tempo habería de me enamoraren. 


Nas nevaradas silandeiras, nos vafos moscosos das calores do estío, nos neboeiros callados e nas tronadas doentes, nos camíns trillados, nos montes súpetos onde só falan as aigas e os voutres, Ancares sempre me fixo sentir na casa: nese pequeno tarreo, chamado Fernán do Lago, onde nas tardiñas de primaveira me apouso na herba e durmo: soñándome  nas noites limpas do Campo da Braña, fecundas de estrelas e escuridade, onde arrola a voz do hurro  entre acibros e capudres, do cume ao val, dos penedois aos vedramios, ourizando na noite un arrepío de misterio e devoción que se imprime na maimiña da memoria e se garda no cartafol das enxebrezas para nos acordar do soño durmido cada vez que o resentimos.


O vello hurro falou e eu acordei coa luz dun codeso.


Viñera o día.  


Empezaban a later as almas do mundo...



  
...e a eisalar os  piornedos luces de xofre fervido.


  






























 


































































































Só pido días de luz e saúde  pra volver a deixarme ir polas cimeiras da serra, lonxe da burocracia dos horarios, camiñando no corazón da emoción libérrima da ausencia de celas;  días e luces pra volver a parecerme ser libre sentíndome lonxe das restrictivas normas da opresiva civilización humanoide, que alá, cerca do ceo, teñen máis difícil cercarme e enchousarme entre as súas grellas de normas, dictames, obrigaciós, deberes, regulamentos e leis, ese entrefino labirinto legal urdido con sabencia universitaria pra gloria beneficiosa de poucos e pena dolosa de tantos moitos. Eu un deles.

Ancares a  emoción  natural da liberdade.

Esa matria de apátridas.

Bicos ceibes totus meus.

A mandare.




PAZ  E  PALABRAS