xoves, 12 de maio de 2016

1ªs Xornadas Botánicas de Cedeira, xa están acó.

Centaurea borjae, endemismo capelado catalogado "en perigo"

Inaugurada con suceso a exposición "Unha ollada natural" do ilustrador Calros Silvar, (que está a ser moi visitada e permanecerá aberta ate o día 21 deste mes),  este vindeiro sábado día 14 encetaremos os relatorios que cunha periodicidade semanal, cada sábado deste mes de maio, nos ofrecerá a oportunidade de nos achegar a coñecer un pouco mellor o tesouro botánico da nosa bisbarra e asemade aos científicos que a estudan e a estudaron, xa dende o punto de vista lingüístico, estrictamente botánico ou divulgativo. Remataranse estas cunha sentida homenaxe poética e de recoñecemento a Xabier Sóñora, insigne botánico ferrolán falecido prematuramente hai vinte anos e a quen lle debemos o coñecemento da presencia  dalgunhas das especies do excepcional tesouro botánico da nosa bisbarra.

Gymnadenia conopsea, fermosa orquídea de distribución moi restrinxida

Pra lembrar a todos a secuencia semanal de palestras e relatorios, copio-pego o programa artellado con ocasión destas 1ªs Xornadas Botánicas de Cedeira que co padroado do Concello de Cedeira este o voso bló, destemidamente, deu en orgaizar. Sei que moitos ceareiros do blogue non deixarán de asisitir e anticipo gracias, tanto pola asitencia canto pola liberalidade e comprensión diante dos erros que poideran producirse, que serán única e exclusivamente responsabilidade deste o voso seguro servidor. 

Velaí o programa:

Fritillaria pyrenaica, fermosura da outa montaña na nosa bisbarra.

Día 14 de maio, sábado, ás 12.00 horas, na Sala Áncora relatorio de Rafael López Loureiro, autor do blogue Ao noroeste do Noroeste: “Andaina visual fotográfica pola flora endémica e particular da Costá Ártabra”


Flor de Pinguicula lusitánica, planta insectívora que pode verse florear na nosa serra.

Día 21 de maio, sábado, ás 12:00 horas, na Sala Áncora, o eminente Juan Fernández Oubiña, Profesor Titular do Departamento de Botánica da USC, disertará sobre “Flora ameazada de Cedeira e a Serra da Capelada”

Campanula rotundifolia, asombro floral capelado de poboacións escasísismas

Día 21 de maio, sábado, ás 13: 00, na Sala Áncora e a seguir da palestra anterior, Miguel Serrano e Roi Carballal, investigadores do Departamento de Botánica da USC, presentarannos “Biodiversidade.eu, unha ferramenta dixital pra conservación do Medio Natural de Galicia e o Norte de Portugal”

Cytinus hipocistus, a poutega, unha cada día máis infrecuente especie.

Día 28 de maio, sábado, ás 12:00, na Sala Áncora, Álvaro Porto Dapena, Catedrático Emérito da Universidade de A Coruña, disertará sobre “A flora cedeiresa a través dos nomes de lugar”, unha entreteida disertación sobre a orixe e o siñificado de numerosos topónimos da nosa bisbarra.

Huperzia selago, extraño felgo que, en Galicia, só se dá na Capelada e nos Ancares


Día 28 de maio, sábado, ás 13:00 horas, na Sala Áncora a seguir do relatorio anterior, pecharemos as xornadas  cunha homenaxe literaria a Xabier Sóñora, (eminente botánico da bisbarra), baixo a forma dun recitado poético na voz do escritor e investigador etnográfico Antón Cortizas.

Asombrosa Culcita macrocarpa e humano insinificante.

Mil gracias mil a todos os relatores, científicos, académicos, literatos e artistas, que xenerosa e desinteresadamente regalánnos  o seu labor tempo e saber pra facer chegar a todos nosoutros a concencia de poseermos un legado botánico sen par que compre defender, protexer e transmitir as xeracións vindeiras. 

Miñas e meus, obrigado, moito obrigado polo voso apoio e presencia que dará realce e sentido as actividades que imos desenvolver. 

A mandare.

Crepis novoana, a súa distribución mundial redúcese exclusivamente á Ría de Cedeira.

4 comentarios:

  1. A ver se "bichos" pode facer acto de presenza por aí. Gostaríame moito coñecer en persoa ao Miguel Serrano, por certo. Se podes botar unha mao neste desexo persoal agradeceríase.
    Unha aperta Rafa.

    ResponderEliminar
  2. Achégate por acó o prósimo sábado que estará o Miguel e non haberá problema: é o día que han de vir ofrecer a súa palestra. Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Non sei como serán o resto dos relatorios, pero, para que conste en acta, direi que este primeiro resultou moi instructivo, sempre ameno e divertido cando cadraba, deslumbrante no aspecto visual e, como non podía ser doutro xeito, reivindicativo dun patrimonio natural que temos aí ao lado sen que a administración pareza decatarse do seu inmenso valor e da necesidade da súa efectiva protección.
    Moitas grazas, Rafael, por ese magnífico par de horas que nos fixeches pasar.

    ResponderEliminar
  4. Gracias a ti Álvaro por tan xenerosas e cariñosas palabras, que emocionan, canto pola túa presencia. E si disfrutaches co aprendiz imaxina cos mestres botánicos que veñen o prósimo sábado!!!

    Obrigado


    Unha aperta.

    ResponderEliminar