XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 3 de xuño de 2016

A laberca dos corniños


O ollo certeiro, sempre atento e vixiante do mestre paxareiro Ricardo Hevia, de Cariño do mellor, deu en percibir entre as herbas e as pedras das pozas da canteira abandoada riba de Teixidelo a presenza dunha Eremophila alpestris, a laberca dos corniños: por primeira vez en Galicia uns ollos coñecedores se pousaban nela. O suceso, multiplicado en audiencia polas redes sociais coa velocidade dun lóstrego, moveu a toda a comunidade ornitolóxica galega, e aínda de fóra de bordes, pra tentar botarlle un ollo e se se poidera, que ese é outro conto, levar algún rexistro na memoria dixital: as xentes descreídas de hoxe so acreditamos o que existe virtualmente. 


Servidor, acudíu tamén puntualmente á cita e deixouse caer entre a cumprida comunidade de fotógrafos e paxareiros, (non faltou un, era a ponte de semanasanta) por ver de coñecer en persoa a tan rara paxariña e se ocasión houbera facerlle algunha fotiña que amplara no agarimo do fogar as posibilidades de observación en detalle da célebre laberca.


O primeiro día nen a primeira pluma lle vin. A conversa afable e coñecedora dos amigos calidris de Ortigueira, Álvaro e Euloxio, a quen me arrimei e na que me quedei, (deixandolle vía espida aos moitos foteros que andaban a súa rebusca), e algunha ca outra imaxe das picas alpinas, Anthus spinolettta,  (estas crían polas abas de Herbeira),  permitíume non botar de menos á Eremophila alpestris


Volvín, claro que volvín, uns días despois. Un día de diario e co monte moi baleirado de xente. As indicacións a dedo estirado do único paxareiro que había ese día no pastizal permitíume albiscar, ao lonxe, o perfil buscado da laberca dos corniños, e largar o zum do aparello fotográfico todo o seu longo posible, por tentar apañar a proba gráfica da arribada de tan singular paxariña á nosa terra. Algo quedou rexistrado.


Perante un tempiño andei as abas de Herbeira con tento: por non a axocar, pola lama e polas moitas bostas. Se coñece que andaba un aquel escorrentada de tanta xente como a enfocara días atrás e daba en mandarse marchar en canto me vía chantar a galla na lameira e dirixir a cámara na súa direción. Non lle boto a culpa. 


A laberca dos corniños leva este nome por tradución persoal directa do castelá, alondra cornuda, pois a tradución máis socorrida, laberca cornuda, a min non me enche o ollo, nen pouco nen moito: será cousa da miña vella educación sexista ou do meu extraño padal literario. Dos corniños, por que ao chegar a época reproductiva no píleo da cabeza do macho levántanselle unhas plumicas escuras que semellan unha encornadura dun hermes grego. 


No monte pouco á poiden mirar. De lonxe, nada percibía. De cerca, non tan cerca, atendíalle a cámara e a galla e pouco ollo me quedaba desocupado. A laberca ía e viña por entre os turrós de herba cun trafego incesante buscando algo pra petiscar. Agora aparecía no alto da herba, agora desaparecía nalgún seo da toneira. Sendo como é habitante natural das tundras parecía feliz no territorio capelado onde realmente se encriptaba perfectamente coas herbas resecas e a terra levantada.


Eremophila alpestris ocupa unha ampla franxa de territorio mundial que comprende Eurasia e Norteaméica,  sendo o alaudido cunha maior xeografía habitacional. Curiosamente existen dúas poboaciós estables moi lonxe do seu territorio natural: en Bereberia, nas zonas altas do Atlas marroquí, e no planalto Cundiboyacense, nos Andes colombianos. Tan ampla distribución mundial recauda cerca de 40 subespecies diferenciadas, opinando os que saben opinar, que esta que se deixou caer pola Capelada e pertencente a subespecie que habita en Laponia.


Non poiden observar que petiscaba. Supoño que sementes de gramíneas e bichería miuda, que poideran andar nese tempo polo turboso territorio capelado. Mantenza pra xente da tundra polas abas de Herbeira ha de haber, pensemos que outros habitantes das tundras e as outuras alpinas chegan e adáptanse ben a pasar o inverno entre nós. Lembremos as azulentas papudas ou os escribidores das neves, esas fermosuras exóticas que cada tempada nos veñen visitar.



A nosa protagonista cría nas tundras eurosiberianas ou nas outuras alpinas e ao chegar o inverno descende ate coutas máis baixas ou asuradas. O Caucaso, as terras que circundan o Mar Negro, ou Turquía, serían as áreas habituais de invernada das poboaciós máis prósimas e so de modo marxinal aparecen ao sur de Inglaterra ou o norde de Francia. Algunhas delas, moi poucas e raramente, caen ate as costás cantábricas, onde se poideron localizar tan só en cinco ocasiós. Así esta laberca nosa que nos entretén, sería a sexta observación para toda España e a primeira pra Galicia. 


Así se entende mellor o extraordinario interés que este exemplar de laberca alpestris soergueu entre ornitólogos, paxareiros e afeccionados en xeral de todo o estado. As outras observacións anteriores da especie en territorio ibérico, correspondíanse cunha cita dubidosa dun exemplar anelado en Suecia no ano 1950, xa choveu; outra en outubro do 1990 en Xixón; en Villaviciosa, no xaneiro do 2005; en outubro do 2007 ollouse un exemplar na praia de Bañugues, en Gozón; en xaneiro do 2010 un exemplar no Batzan, nos Pirineos navarros e en maio do 2013 en Girona na Cala Montjoi do Cap de Creus. 



Moi posiblemente esta laberca capelada vai ser o exemplar máis fotografado da historia natural da especie. Lembremos que cerca de setenta ornitólogos armados cos pacíficos e magníficos ferragachos ópticos e fotográficos se achegaron á Herbeira pra facerlle o seu correspondente documentario gráfico. Hai fotos dela por case todos os blogues naturalistas.


Se observamos a secuencia de citas apreciaremos unha concentración das mesmas na última década. Seguramente se deba a existencia dunha maior cantidade de olladores polo campo e a unha mellor formación dos mesmos na identificación de especies, unida a unha cada vez mellor calidade das ferramentas de observación, fundamentalmente prismas e teles. Non penso que sexa cousa dun cambio de hábitos na especie.



Imos ver se se deixa caer nalgunha outra ocasión. Ogallá. Desta volta andou varios meses, dende que Ricardo a guipou, polos arredores da Herbeira. Eu non volvín buscala. Aínda que si me gustaría ter mellores imaxes, conformeime coas que me regalou e sentinme un ser afortunado por poder ver a tan rara paxariña, máis que fose ao lonxe naquela mañá de decembro, na que se levantou das herbas, liscou voando baixo, ascendeu e desapareceu. 

Eu funme indo e ao botar un ollo de despedida  ao cume da vixía, onde se perfilaba un paxariño, alí estaba ela. 

Enseñoreando a garita, seu castelo.

Ata outra mellorada, dona.




Queda a cousa por hoxe acó parada. Se diolo quer haberá ocasión de nos volver a ver en calquer outro discorrer  dos nosos pasos polo noroeste do Noroeste. Malo será.

Moita saúde e sorte, é o que este o voso seguro servidor vos desexa pra vida, hoxe, mañá e sempre; só así se pode traspasar a existencia co sorriso necesario.

En obriga con vós.

A mandare.






Nota marxinal: As xentes de Cedeira, xa o teño comentado, chamamos laberca á lavandeira, Motacilla alba, e laberca dos canos á Motacilla cinérea. As labercas, Alauda arvensis, alondra en castelá, hai moito tempo que son rarísimas de ver. O seu canto outo e claro, o seu voo territorial en círculos ascendentes ou o vertixinoso descenso en picado dende as outuras, pasaron a ser cousa da memoria. Non lle botedes a culpa aos eucalitos, á arborización tola do territorio, botarlle a culpa a miña miopía. Equivocarédesvos.

Achegos:

1) A ficha sempre interesante de SEO bird Life Ler.

2) NatureGate, unha páxina finlandesa. En castelá. Ten un audio coa voz da laberca. Ver, ler e escoitar.

3) Só pra ornitólogos: "Modelo de hábitat y distribución de la alondra (Eremophila alpestris peregrina) en el altiplano cundiboyacense, Colombia" Entrar

4) Ficha moi completa de Naturalista: Ir e ler.


PAZ  E PALABRAS

2 comentarios:

  1. Grande Calel! É sempre un pracer ler os teus textos. Apertas, Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grataia plena Damían. Tómalle algo que via da miña conta!!! Por acó andamos.Ti xa sabes.
      Apertas.

      Eliminar