xoves, 16 de xuño de 2016

Gaiteiras e libeliños



Dándose de conta que se non o galego, si os galegos, somos dados a chamar a cada quen polo seu xénero e por exemplo non dubidaríamos en decir a paporroiba, se souberamos que é unha femia, que ese é outro cantar, ou se ás vacas sen medo lles chamamos touras, eu,  tan destemidamente coma calquera outro compatriota, dou en trastocar o xénero habitual de libeliñas e gaiteiros, e arríscome ao sorriso conmisarable dos sabios, poñéndome a discurrir hoxe sobre gaiteiras e libeliños. Que habelas, hainas e hainos.


Estes días de aí atrás, aproveitando ventos calmos e días solleiros, poiden ir documentar a  biodiversidade emerxente que está a facer revivir a paisaxe desoladora e descarnada  das pozas residuais  que dende hai anos se formaron na canteira abandoada da Serra de Paredes. 

Visito de cada pouco este espazo da desfeita. 



Aí, na máis cumprida exemplaridade da virulencia humana, nesa dor de pedra esnaquizada, nesas barreduras de entullo de obra, ao mellor tamén pública, a vida rebrota entre o pedregullo e enceta a trasmudar un territorio da soidade nun espazo vital único e extraordinario: unhas pequenas lagoicas de augas, por veces fondas, situadas nunha xeografía sen par de rochas ultrabásicas, non moi lonxe do mar e si moi cerca do cume de Herbeira, esa paisaxe de ningún mundo.





Entremedias dunha flora extensa,  endemismos botánicos tal Sagina merinoi ou Linaria aguillonensis, réptiles, Iberolacerta montícola,  anfibios, Discoglossus galganoi,  as tres especies de pintafontes presentes en Galicia, ou paxaros extraordinarios tal a laberca dos corniños e a pica do outomonte, Anthus spinoletta,  teñen xa colonizado  estas augas, que a desidia humana e a fortaleza de Natura están a converter nun laboratorio biolóxico a ceo aberto que debería ser protexido de modo inmediato se a sociedade tivera a sensibilidade natural necesaria pra empurrar  das vontades dos políticos furnocráticos. 



Sementemos natura na infancia: non temos outro futuro.


Ata cinco especies de odonatos teño documentado nesas augas. Imos botarlles una olladiña a tan lizgairos e lindos depredadores con alas.

Cecais o máis abondoso sexa Enallagma ciathigerum. Nestas data omnipresente. As imaxes de gaiteiriñas que veñen acompañando ate acó este discorrer correspóndense todos con esta especie. Mirádea saída do fondo das augas nas que viviu toda a súa existencia de larva, aganchando por calquer herba, as dos carrizos lisas e resistentes son favoritas, e alí por primeira vez na súa vida coñece os espazos aéreos nos que desenvolverá a súa corta existencia de ser voador.




Pero antes deberá transformarse en gaiteiriña, rachar a coraza quitinosa da exuvia na que transmudou e agardar acomodada a que o hemolinfa circule con soltura polo seu corpo, as azas collan consistencia e o corpo pouco a pouco vaia cambiando das pálidas tonalidade hialinas, tan elegantes e discretas, ate as impactantes  cores  que tanto nos gustan a tantos.



Fortalecido e conformado o seu corpo, antes ainda de fardárese do fermoso azul celestial propio de tantas especies de odonatos, ha de mandarse voar patrullando sen folganza o seu territorio, rebuscando algún pequeno insecto do que manterse e, fundamentalmente, unha parella reproductiva. Os odonatos no sexo non son delicados. Os machos, agresivos, andan a captura dunha femia a quen podan prender coas súas pinzas anais. Unha vez capturada, non han de soltala ate obligala a xirar o seu corpo e a contactar os seus aparatos reproductores, que na femia está ao final do abdome e nos machos ao principio: velaí as razós da extraña formas de acoplamento que sempre nos ten sorprendido.



Pra logo, en moitas especies de odonatos os machos non lle arrean á femia, e presa polo pescozo, oblígana a ir poñendo os ovos fecundados co seu esperma polas pozas adiante. Voando en tandem, ela prisioneira, van dun lado ao outro poñendo un ovo acó e outro aló, e pra daquela son doadas de ver, achegándose as herbas da beira onde prefiren ovopositar antes ca en augas profundas.



Sympetrum fonscolombei, outro dos libeliños documentados nas pozas da Serra de Paredes, ten o mesmo comportamento reproductivo, sendo, polo que poiden observar moito máis inquedo e imparable no seu traballo ovopositor, non deixando de revoar nunca e achegándose a flor da auga só un intre pra que a femia poña o ovo entre a molida mouga de xebras.



Sympetrum fonscolombii presenta un clarísimo diformismo sexual no que os machos presumen dun rechamante colorido encarnado que practicamente ocupa toda a superficie do seu corpo, ollos e faciana incluída. 



As femias, menos  rechamantes, son máis difíciles de localizar e nas poucas ocasiós en que se me presentaron non fun quen de facerlles unha fotica medio decente. Documentei pola contra abondosamente aos machos, dos que hai que dicir que teño imaxes deles polos areeiros do noroeste do Noroeste  mesmo en xaneiro. Unha ledicia velos pousados nas areas no corazón do inverno. Non é o caso destas imaxes que son todos exemplares das pozas da Serra de Paredes, onde é doado  botarlles un ollo ou facerlles unha foto da que non vaias a ter  moita queixa.



Comportamento reproductivo similar as dúas especies anteriores teño observado en Pyrrhosoma nymphula, unha gaiteiriña linda e atractiva coa que o ano pasado no Forgoselo disfrutei de lo lindo ollando como un numeroso grupo de parellas en tandem ovopositaba, ao tempo, entre a vexetación dos regos calmos dese particular e extraordinario espazo endorreico que é a Serra do Forgoselo. 



Na Serra de Paredes só observei un exemplar, suficiente en todo caso pra documentar que tamén el, habita entre as herbas, as augas e os ceos deste singular espazo húmido. Velaí  vai el.


As femias de Anax imperator, aésnido de gran tamaño, polo contrario ovopositan en solitario entre as herbas prósimas á ribeira. Velaí van algunhas imaxes dunha femia poñendo os ovos entre as follas do Potamogeton natans, planta doceacuícola  que xa ten colonizado algunhas das pozas da Serra de Paredes. Unha verdadeira delicia poder rexistrar e fotografar a femia deste aésnido. A ver se noutra ocasión se nos deixa ver o macho, presumindo da súa brilante e fermoso farda azul e negra.





Debo dicir que todas as especies que van documentadas neste discorrer foron gravadas o mesmo día. Voaba tamén ese día polas augas un libeliño grande, incansable, poderoso coma todos os aésnidos que non sabíamos recoñecer en voo. Unha grande mancha azul no principio do abdome era un sinal que supoñíamos podería ser característico e definitorio pra intentar unha identificación a posteriori. Afortunadamente, durante uns intres pousou  nun ribazico, entre os restos dos entullos desaprensivos de restos de cordaxes mariñeiros. 


Alí estaba: era un Anax parthénope. Un libeliño realmente atractivo e que levabamos tempo coa ilusión de observar e rexistrar. Anax parthénope fora documentado en Galicia por primeira vez no ano 2011 en documento que publican Emilio Martínez, Genaro da Silva  e Cosme Damián Romay dando as primeiras citas para a nosa terra deste poderoso aésnido sureño que parece estar en claro progreso de ascensión cara o norde.

Primeiras citas que inchuían a tres exemplares observados en San Andrés de Teixido. Esta nova cita, non moi lonxe das anteriores vén a confirmar a pervivencia, se non o asentamento, da especie ao noroeste do Noroeste e a importancia que estas augas latas da Serra de Paredes deben ter pra a consolidación dunha poboación estable de Anax parthenope na nosa bisbarra.

Velai quedan as imaxes documentais da presenza de cando menos cinco especies de gaiteiras e libeliños nun espazo puntual novedoso: as pozas da Serra de Paredes. Engadirlle a variadísima flora que aí se está a consolidar, mesmo as leñosas salix e ulex,  a presencia de tres especies de pintafontes,  a abundancia de cazos de Discoglossus galganoi,  a numerosa presenza de Iberolacerta montícola e a de numerosas aves e páxaros que visitan regularmente as súas augas, amén dunha rica variedade de artrópodos, pra empezar a considerar a serio a necesidade dalgunha forma de protección destas augas que evite o aporte de entullos contaminantes (alcatrán, cordaxes, plásticos...etc) e permita a consolidación dunha micro zona natural de grande e orixinal valor ecolóxico, pois como todos sabemos estes espazos acuáticos son o núcleo de creación da maior riqueza en biodiversidade.

Nas nosas maos está.

Mil gracias mil, miñas donas, meus señores.

A mandare.




Achegos:

1) O PDF de Chioglossa no que se describen as primeiras citas para Galicia de Anax parthenope. Ler.



PAZ E PALABRAS

2 comentarios:

  1. Boas. A parthenope atopeina o ano pasado nas Forcadas, aínda que non puiden afotala tan ben.
    Ao grano, esas pozas non son as que pensaba eu; son moito mellores!!! Se non hai novidades o domingo de mañá achégome ata alí. Falamos por whatssap o sábado pola tarde.
    Apertas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Tomo nota. A ver o tempo como vén. A. parthenope tamén no Forcadas, daquela parece que xa ten colonizado a bisbarra. Falamos. Unha aperta.

      Eliminar