domingo, 19 de xuño de 2016

Pasan os días, quedan as luces.

As horas, coma os días, vanse e non volven. Deixaias ir. 

As luces quedan; prendidas da memoria, enfiañadas as lembranzas, sustanciando o tempo. 

Fágase a luz. 

Encete o tempo  seu percorrido pola memoria das horas fuxidas.


A pica do outomonte, Anthus spinoletta, cría polas abas de Herbeira e, nas pozas da Serra de Paredes, déixase ver sen problema. Non sempre cerquiña, claro, pero por alí anda, unhas veces no alto dos desmontes, outras polas beiras das augas. A abundancia de bichería ofrécelle moitas oportunidades de mantenza. Unha colega. Os dous andamos aos bechos. Ela pra se manter, eu por saber do que ela se mantén.




A mosca peneireira, Epysirphus balteatus, é un dos posibles petiscos da pica do outomonte. Velaí a ela sorbendo o zucrezume dunha Sagina merinoi, esa linda floriña endémica que abonda na nosa contorna e leva con maxencia arruallada o apelido do ilustre Pai Merino, xesuíta nado en Lerma, Burgos, coétaneo de López Seoane e o primeiro grande estudoso científico da botánica galega.




Centranthus calcitrapa, é planta que se deixa ver abondosamente polos nosos areeiros. A do santo é de Esmelle, e pareceume unha hipocrómica, quero dicir un exemplar rebaixado de cor, incapacitado pra acadar as lindas tonalidades rosáceas e avermelladas propias da especie, pero lucindo un blancor atractivo que prendeu de lonxe a miña ollada. A abundancia de Rumex bucephalophorus, a labaza vermella das areas, visteu o fondo da imaxe de agradables tonalidades cálidas. 




Un anaco mínimo do areeiro de Esmelle. Azoutado por unha luz cenital, este Sympetrum sanguineum, lizgaira libeliña, repousa acollida a unha polica florida da labaza vermella das areas, Rumex bucephalophorus precisamente. Refrescan tanta luz e ardor as follas carnosas e crasas da vexetación do areeiro, entre as que distingo as amplas e vizosas de da Calistegia soldanella e paréceme apreciar as máis curtas e agudas do Crithmum maritimun.



Velaí a casa xardín da pildoriña dos marouzós. Pouco traballo lle leva ao Charadrius alexandrinus a fabricación do niño. Un mínimo esforzo pra formar un pequeno cabedelo nas areas. Á vista dos depredadores o niño pasa desapercibido. Tres ovos, tres pedricas. Ao seu redor un xardín: Eringium maritimun, Leontodon taraxacoides, Calistegia soldanella, Ammophilla arenaria, Limonium sp. A eleción da zona exacta  requirelle, en troques, requintados coñecementos de socioloxía veraniega humana: non saber elexir os espazos lonxe da invasión de toallas e as súas mascotas pode condenalos a morte.




Aí o equipo de homes callados, duros, afeitos a soportar  horas de observación e vixianza, chova ou ferva, a lidiar coa soberbia perrumana e a desidia social. Liderados por Maria Vidal entregan as súas horas de lecer en protexer, vixiar e estudar, pra mellor saber facer, á coreña colonia de pildoriñas dos marouzós que aínda dá en aniñar nas nosas praias. Zoólogos, naturalistas, funcionarios, pozos de tenrura amorosa que acollen, na cunca quentiña das súas maos inmensas de corazón, aos cativos de Charadrius alexandrinus pra ceibalos sen eiva nos arredores da súa casa xardín, nalgún marouzón da praia de Esmelle. Hai homes así. Os homes.






Andaba servidor rexistrando a vida das pozas da Serra de Paredes. Algo se movía pola flor da auga. Xiraba e daba voltas. Dende a miña outura e mala vista, non precisaba que cousa era aquela rareza xiradora de cores brancas. Asentei a galla e enfoquei como poiden aquela danza. Na casa poiden estudar tranquilamente as imaxes. Sorpresa: catro notonectas sp. estaban depredando un cazo de Discoglossus galganoi. Apresado nas catro direccións do espazo non tiña moitas posibilidades de fuga. A cor branca non era máis que a cara oculta, e por min nunca vista nen fotografada, dos notonecta, eses heterópteros acuáticos que sempre nadan de costas. Podía apreciar agora a forma acuodinámica do seu corpo. Aprendendo sempre. Feliz aprendiz.




Días atrás figurou neste bló un macho ben fermoso de Iberolacerta monticola. Vén agora unha femia a asomar o seu corpo escamoso as fiestras do noroeste do Noroeste. Ollaba pra nós, eu non andaba só, dende unha distancia prudencial. Os toelos descarnados do pedregullo debían devolverlle unha agradable caloriña, naquel serán soleado. Francamente estaba moi interesado en estudar humanos. Teño pra min que era a primeira lección da asignatura. Atentiña si que estaba. Non sei que poido aprender.





Engádame esta imaxe. Un diminuto exemplar, non máis dun centímetro, de noviño de Rana temporaria, digo tal sen moito argumento, apousaba na mouga molida de xebras e burbullas da beira dunha poza das varias da Serra de Paredes. Dende a outura da galla, digamos a dous metros, non percibía a súa presenza. Das burbullas xa non digamos. Un bo amigo sinalábame coa punta dunha herba a súa posición. Alí encadrei e enfoquei. No visor xa se me deixaban ver. Na pantalla de silicio gocei moito da revelación da textura de xebra e aire esferificado na que repousaba esta crianza batracia.


A luz pode ser ben fermosa se se conforma coa materia verdosiña das azas dunha Pontia diaplidice, a noiva da mostarda, brincando de flor en flor polas pólas dun cirsium. Era unha mañá de xuño nas beiras do Río Miño ao seu paso por Ombreiro, parroquia do Concello de Friol, por onde me deixei conducir por quen me quixo levar. Son guiadiño.



Sobor das espadanas que se inclinaban sobre as augas do Miño, un grupo de Calopterix virgo entretiña o paso da vida nos seus quefaceres vitais: tomar o sol, mirar  de algo pra petiscar, axocar asegún a quen, mirar de facerse querer por asegún quen. As femias, ollai o santo, parecéronme particularmente verdes e procurei rexistrar tanta verdura. Non sei eu se dei.



Nalgún pasteiro dalgún lugar da Terra Chá de Outeiro de Rei volvín a encontrarme coa extraña beleza das Serapias cordigera, a orquídea da cor do sangue callado. Sempre me gusta volver a vela e botarnos un ollo. Elas eran cerca dunha ducia e acompañábanse dunha D. maculata. Eu tampouco estaba só. Estaban elas e ela. 



Bruco, brugo, burgo, pollo das verzas, mourillón, croco, pedreiro e tamén, influenzado polo castelá, pulgón. Non é moito este bló de presentar brucos. Algunha ca outra imaxe si teño rexistrado, e a verdade é que me gustan as ilustraciós que ofrecen de xente amoreada, confusa, en diversos estadíos de desenvolvemento, atarefados no seu quefacer cotián, ausentes do ollo de calisquer mirón. Cousa diferente é que poda discernir a que especie, xénero ou familia pertencen. Por vir ao conto dicir que a planta nutricia era Vicia benghalenssis
Se nada sei de nada, de brucos, menos ca de nada. En aprender algo ando. De momento o vello nome de seu. Bruco, do latin brucus.





A parruliña lavanca leva a súa rolada á escola das augas do Río Miño, no seu pasar polas ínsuas das terras de Rábade. Gardabaia nas beiras do río, ao abeiro da vexetación, vizosa, abondosa, e ensináballes a sair escopetadas ate as espadanas do medio do río ao achegárense a eles dous inmensos sanbernardos e as súas inmensas donas, catro sacas de colesterol ao sol. Navegaban entre as sinuantes herbas dos ranunculus e o fermosísimo veo de flores co que o Miño celebra a entrada do sol no seu esplendor.


E por alí andaba tamén esta Aglais urticae, que por uns intres forneceume da ilusión de sere unha Nymphalis polycloros, ate que os amigos de Lepidópteros de Galicia me fixeron caer da burrada. Sempre se agradece sentir o duro cemento da realidade na cueira das miñas orgullosas neuronas. Obrigado. Vaia polas ánimas dos vosos defuntos este discorrer de hoxe, meus mestres garimosos. Amén.

E deixemos a cousa por hoxe acó.

Mil gracias mil, miña xente.

A mandare.

4 comentarios:

  1. Preciosa Rafael. Graciñas
    apertas
    Paco

    ResponderEliminar
  2. A vós Paco, por tanto. A ver se me deslío de boreos. Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Magnífica entrada Rafael. Foi un pracer coñecerte en Esmelle. Agardo que noutra ocasión, de píllaras ou orquídeas (quen sabe!) poidamos coincidir. Unha aperta.
    Jesús

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Obrigado Jesús. O pracer foi común. Agardo que en rematando as xornadas de traballo e control das píllaras podamos celebrar o "fin de curso" cunha visita pola Capelada. UNha aperta.

      Eliminar