XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

sábado, 19 de novembro de 2022

Frei Martiño, ese noso padriño.

   


O texto que ha de vir é tan só un brevísimo extracto dun máis extenso traballo ao redor dos aspectos naturalistas da obra de Martín Sarmiento: e moi en concreto do  descoñecido rol primordial que desenvolveu como introdutor do cultivo do amorodo en España que se entrefebra cunha biografía tal vez sorprendente do careixón, Fragaria vesca chamado.Texto que efectivamente está inédito e sen editor á vista. As miúdas xentes do meu pequeno mundo que tanto conviven a diario con Frei Martiño poucas veces coma nesta ocasión se sentiron tan felices de acompañalo. De veras)


    

    Se de certo o labor lingüístico, literario, bibliófilo e pedagóxico  de Sarmiento están estudados e editados, sen agotalos nen moito menos, non pasa o mesmo coa análise e difusión dos seus traballos estrictos de Historia Natural. Territorios estes cuasi virxinais nos que o estudo das aportacións e informacións que nos legou Martín Sarmiento conservan abondosos territorios abertos por explorar, ofrecendo, a quen quixera penetralos, amplos espazos de averiguación e investigación. Abofé.(1)


    Miguel Colmeiro y Penido, compostelán, director do Real Xardín Botánico dende 1857 a 1900,  apuntou a importancia primordial de Sarmiento como o grande valedor dos estudos de Historia Natural: “Sarmiento fue  seguramente en su tiempo el español que manifestó mayor entusiasmo por la Historia natural y deseaba que se estableciesen enseñanzas de una ciencia sobre cuya importancia tenía la más alta estima. Para él era la Historia Natural fundamento de todas las ciencias humanas… La mayor parte de los escritos de Sarmiento permanecen inéditos y entre ellos los relativos a las plantas”. (2)


    E a día de hoxe os escritos naturalistas seguen a permanecer inéditos ou case inéditos. Das moitas monografías disertativas que Martín Sarmiento adicou a mixtos naturais concretos, sorprendentemente hai moi poucas editadas. O profesor berciano canario José Santos Puerto editou a Disertación sobre el animal Zebra nacido, criado, conocido y cazado antiguamente en España en donde ya no se encuentra; José Luis Pensado, De los atunes y sus transmigraciones y sobre el modo de aliviar la miseria de los pueblos; e o pequeno texto, que ademais é fundamentalmente lexicográfico de “Mostajo en castellano, en León Asturias y Bierzo mostayo, en Liébana mostazo” (3) e Antolín López Peláez, en 1892, e precedido “de un ligero estudio” publica Discurso sobre la singularísima Piedra Negra de la Ara de Lugo. (4) En 1860, Antonio de la Iglesia publicará por fascículos, dentro de Galicia revista universal de este reino, a Historia Natural de Galicia ou Sobre los vegetales kali, sosa y barrilla.


    Pero non hai moito máis. (5)



Podería verse neste abeirar da análise e edición crítica da obra naturalista de Martín Sarmiento a persistencia da miopía tradicional pra todos os asuntos das ciencias naturais; e aínda poderíamos desconfiar de que hoxendía como en vida do sabio, seus afáns naturalistas sigan a sospeitarse coma a divagancia ociosa dun frade estrafalario. O feito incuestionable que a magna digresión De Historia Natural y todo tipo de erudición, obra sen par en toda a literatura europea, siga arestora pendente de edición completa, non parece desdecir o meu xuízo, por máis que nesa Obra de 660 pliegos haiba máis páxinas de todo tipo de erudición ca de Historia Natural


    Próbase tamén esta marxinalidade (6) e ao tempo ofrece unha explicación da mesma o feito de seren relixiosos, lingüistas, e pedagogos, xente de letras case exclusivamente,  os editores  e analistas críticos da súa obra. Pódese entender que a mesta códea de etimoloxía e cultura bibliográfica que enchoupa todas as disertacións de Martín Sarmiento, agrade máis a un ser letrado ca un físico natural, se non o espanta; pero inxertada tras da erudición libresca hai sempre unha arca de noticias naturalistas que esixen, pra un entendemento cabal, a súa lectura por ollos doctorados, si en ornitoloxía, si en botánica, si en zooloxía mariña; quer dicirse en ser xente de ciencias.(7)



  A disertación sobre o Páxaro Flamenco, onde se expresan ambute de reflexións sobor das migracións das especies; os amplos comentarios sobre o varamento de 213 candorcas en Zumaia, que de ser lidos en hora teríannos aforrado ese divagar por paranoias otánicas de sónares electrónicos; os esclarecementos arredor do rinoceronte e o unicornio; do mono papión e o timo do home sátiro; as interesantes noticias do loberno, lubicán, lobo rabaz ou cerval que permiten conxeturar sobre a existencia de Lynx lynx na Galicia do Século XVIII; a longuísima sobre a seixebra, a trunfante sobre a carqueixa, ou a listaxe de especies foráneas introducidas en España, primordial en estudos de aloctonía vexetal….e tantas outras, son un territorio inexplorado, pleno de sabedoría e coñecementos de vangarda no seu tempo (si, tamén de inxenuas ideas, de utopías imposibles, de imaxinacións divagantes, de comprensibles erros…) que está agardando polas achegas analíticas e críticas dunha nova anada de xentes de ciencias que sitúen o labor naturalista, divulgador e conservador de Martín Sarmiento no xusto aprezo que merece este devanceiro de modernidades. (8)

 


    “Falta carbón y leña porque se corta y no se planta. Faltan carnes, porque por ser más regaladas las crías, se comen y se apuran. Falta el pasto, porque faltando la leña en tantas cosas se arrancan para la lumbre hasta las mismas raíces de todo combustible. Faltan los pescados en el mar porque se desprecian las leyes de la veda, que se pusieron justamente en favor de la cría. Faltan en los ríos porque con la cal, coca, torvisco y con otros inicuos medios de pescar, se pesca todo de un golpe. Faltan en los ríos los pescados que a ellos debían transmigrar desde el mar, transitando por alguna ría, porque a la avaricia humana se le tolera impunemente que pueda usar de todos los medios que impiden a ese género de pescados transmigrar según su instinto” (9)


Quen no seu tempo?


    En Galicia existe hoxendía unha magnífica xeración de científicos naturalistas que está a realizar un traballo xeneroso -máis altruista que cobrado-  silandeiro e rigoroso, á prol do coñecemento, da conservación e da supervivencia da biodiversidade de Galicia. Estas anadas novas de  sabios naturais están a facer realidade o petitorio histórico de Martín Sarmiento, trescentos anos van, de algún día existire no país unha man chea de aletófilos que camiñasen seus carreiros, congostras, ruelas e montes pra estudar en profundo e en extenso a historia natural de Galicia. Naturalistas que ademais de preparados científicamente están fornecidos de amor a Galicia e preocupados polo seu futuro natural. Seino ben. Trato con algúns, admiro a moitos e aprendo de todos.



Todos eles teñen en Martín Sarmiento un magnífico precursor, un labrador de serventías polas que hoxe camiñan senón azosamente, si con moitas menos rabuñadas das que os caritarían se Martín Sarmiento non desbrozara o espiñento silveirón da ideoloxía tradicional española, negacionista recurrente da validez e utilidade dos estudos de Historia Natural. Que inventen ellos! prolongou D. Miguel de Unamuno.



“En la inmensa Obra de Juan Bauhlno, no hay noticia de Galicia, si no por razón de un Colchico Gallego, que un Cónsul Inglés llevó a su País. He notado que muchos Mixtos, que en los libros se notan como raros, y producidos en paises remotos, son comunes en Galicia; y aun muchos de los vegetables Americanos nacen en caminos públicos al ayre descubierto, sin hypocaustos, ni hibernáculos. De los 30 vegetables curiosos, que se cultivan en Londres, y se estamparon en Norimberga, iluminados con sus nativos colores, que dió a luz M.Trew, y que poseo: el Martagon nace en los montes, el Pancracio en los arenales marítimos: la Blataria en los prados: el Lilio Narciso en las viñas de Galicia, en donde llaman Azucena de San Miguel; la Colocasia además de lo dicho, la Perslcaria, que Tournefort trajo de Tijflis; las Fresas que M. Frescier trajo de Chile; la Phytolaca; las Papas Americanas, las Camarinheiras de Amato Lusitano; el Cannacoro son muy comunes en Galicia y muy raras en otras partes”.(10)


    O naturalismo tén diante si a oportunidade, ía escribir a obligación, callada de orgullo propio, xustiza histórica e sentimento natural, de poder recoñecer en Martín Sarmiento un compañeiro adiantado, un devanceiro defensor dos estudos de campo de Historia Natural (el, que vivía nunha cela), un xenial espíritu fóra de serie no que encarnaría, mellor ca en ninguén, a honra de ser o padriño do naturalismo galego.

 

    

“…la falta de libros patrios, la falta de maestros, la falta de algunas cátedras, la falta de protección, la falta de caudales, y la sobra de los que censuran y se mofan de los que se dedican gratis á la Historia natural teniéndolos por poco menos que nuberos y nigrománticos, y con el menor desprecio por arbolarios, herbolarios, y alquimistas ó embusteros.” (11)


    

Padriño que non sería un santo celestial de mérito difuso, senón un freire vivo do Reino de Galicia, da boa vila, Pontevedra, un home laborioso a todas horas, infinito lector curioso, avogador de naturalismos, un sabio precursor de futuros silandeiro e humilde, que aprendía dos iletrados, da infancia, da ancianidá, que no seu tempo e sendo primeiro,  foi quen máis e mellor defendeu, que en España se instaurasen os estudos de ciencias naturais que hoxendía existen e nos que se formaron eses excelentes científicos naturalistas que traballan arreo a prol do coñecemento da historia natural, da defensa do seu medio físico e da conservación da súa viva diversidade. 


Frei Martiño, ese noso padriño.


 

    (Miña ben querida e moi escasa xente: rematou no punto esta oración gramatical prolongada que ao tempo que un laudo amoroso á figura sin par de Frei Martiño, tan descoñecida, quixera servir pra convidarvos ao faladoiro que o venres 25 de novembro, ás 7 da tardiña e nos espazos da Sociedade Galega de Historia  en Canido hei  dar, se todo vai ben, baixo o rótulo de Martín Sarmiento...o primeiro naturalista? Os breves asuntos que se anuncian nesta entrada han ser ampliados na medida das posibilidades que a minutaxe do parladoiro me conceda. Gratia plena. Sede bos que guapas xa sodes. A mandare.)




(1) Antolín López Peláez, “Los escritos de Sarmiento y el siglo de Feijoo” (1901)  (Páx 71-110)  adica o segundo capítulo do libro ao comentario das aportacións de Sarmiento á Historia Natural escribe: “Si quisiéramos ahora dar una idea detallada de la labor de Sarmiento como naturalista, tendríamos que alargar demasiado este capítulo: baste decir que además de los trabajos suyos que en él quedan citados, y de los que se refieren á física y matemáticas - la electricidad, huracanes y terremotos, la cuadratura del círculo, el problema sobre la longitud- escribió mucho sobre botánica é Historia natural en general y especialmente de Galicia y española, y dedicó sendos manuscritos a tratar singularmente del amianto, la malaquita, la fosforita , las pizarras dendrites, las pizarras con dibujos de arbolillos, plantas de Asturias, plantas de Toledo, vegetales exóticos, el azederach, el bangué, las agallas del roble, la corcova, la bardana, el carlo santo, el beleño, el laurel real, yerba del cabrón, árbol texa, el hiposcito, la grama olorosa, los hongos mucerones, la planta pata de buey, el mostajo, la manecilla, el árbol de la sangre de drago, el palo santo, orugas, pescados, cetáceos, atunes, ave del paraiso, palomas, pájaros picos, el burla pastores, el flamenco, el picatuerto, el palitoque, la cebra, el cíbolo, el cuervo, el rinoceronte, el miscornio, el lobo cerval, el papión y el perico ligero”. 


(2) Martín Sarmiento, considerado como naturalista y particularmente botánico. Miguel Colmeiro. Galicia Revista Universal de este Reino. Año III. Nº 10. 1862. Esta referencia é tan só un breve artigo de apenas dúas columnas, onde só se apunta moi pobremente a importancia de Sarmiento como naturalista. Só cita  o texto Discurso sobre la carqueija (sic) e refire vagamente ás outras produccións naturalistas de Sarmiento que Colmeiro coñecía polo listado editado polo Correo Literario de Europa pero das que parece descoñecer o seu contido. Ese brevísimo artigo, tan citado coma intrascendente, é só unha versión moi reducida da ficha correspondiente que o mesmo Colmeiro lle adicara a Sarmiento, catro anos antes, na súa obra La Botánica y los botánicos de la Península Hispano Lusitana. Madrid 1858. de cuia páxina 165 entresacamos a cita. Obra onde, amáis da biografía correspondente da páx 165, na súa páxina 590 refire puntualmente a grande maioría as obras escritas por Sarmiento referidas ao mundo natural.


(3) Escritos menores de Fr. Martín Sarmiento. José Luis Pensado. Cadernos de Estudos Galegos. XXXIII. 1982. 449-478. Dentro deste mesmo artigo vai incluída a lista de todos os libros de Historia Natural que posuía Sarmiento. A abrumadora presencia de obras de Carlos Linneo, o autor de lonxe con máis títulos, non casa nen medio ben coa tan publicitada adscrición de Martín Sarmiento, en exclusiva, ao método de Tournefort. Neste tema compre facer nova reflexión.


(5) Dentro das 193 referencias bibliográficas sobre a obra de Sarmiento, presentes na tese de Santos Puerto,(2002) só sete refiren, ben que algunas lateralmente, ao mundo da Historia Natural. O botánico Jesús Izco razoou sobre El proyecto de flora gallega; Francisco J. Fernández de Ana Magán e Mª Cristina Verde Figueiras trataron sobre A influencia do Padre Sarmiento na renovación da flora en Pontevedra; López Capont estudou Las ideas pesqueras del Padre Sarmiento; Xosé A. Fraga Vázquez analizou os Efectos en Galicia da renovación científica promovida por Sarmiento; a tese de Uxío Pérez Rodriguez Astronomía, matemática e o seu ensino na obra de Frei Martín Sarmiento,; a comunicación  El informe de Martín Sarmiento sobre las migraciones de los atunes en el estrecho de José Regueria Ramos ou os traballos das profesoras Rocío Ameneiros e Concepción Ourol, centradas no estudo da biblioteca científica do Padre Sarmiento. Estudos e investigacións todos eles que centran a ollada, máis nos seus aspectos matemáticos, ou astronómincos ca nos estrictamente da análese naturalista. E asimesmo, El P. Sarmiento, precursor de la Misión Biológica de Galicia, de Xosé Filgueira Valverde, La manzana camoesa y la pera urraca según el P. Sarmiento de Pablo Pérez Constanti e Feijoo e Sarmiento encol da baleia, de Henrique Chao Espina. E que se me dispense se queda, que quedará, algún traballo por referenciar, e ogallá sexa este, que non o  será, o menor dos defectos destas entrada.


(6) E tampouco parece desdicir esa marxinalidade o feito claramente comprobable de que no encomiable Proxecto Sarmiento patrocinado polo Consello da Cultura Galega dende o ano 2002, existindo seccións particularizadas de Patrimono Histórico, Antropoloxía, e Lingua, non exista nengunha adicada a Historia Natural, nen tan siquiera citada dentro da sección múltiple adicada a Ciencia, Técnica e Sociedade.


(7) Excepcional e exemplar  é o labor de María Álvarez Lires, Doctora en Química e profesora na Universidade de Vigo, quen nas últimas décadas publicou numerosos e esclarecedores traballos encol da relación de Sarmiento coas ciencias físicas, e moi particularmente coas Matemáticas, a Historia Natural e particularmente a Botánica. Alén do atrás referenciado da doctora Álvarez Lires coñecemos, aínda que non poidemos manexar todos: “A ciencia newtoniana na obra de frei Martín Sarmiento: unha interpretación orixinal” en Catálogo da exposición conmemorativa do Día das Letras Galegas. Diputación e Museo de Pontevedra. “Una figura preclara de la ciencia en España en el siglo XVIII: Fray Martín Sarmiento” en Collection de Travaux. International Academy os Science. A ciencia no século XVIII: Fr. Martín Sarmiento unha figura paradigmática, Universidade de Vigo (2002) e O papel das matemáticas na obra de Fr. Martín Sarmiento, Fray Martín Sarmiento y la Educación científica con Uxío Pérez e J. Lillo Bevía; e asimesmo, Las reflexiones de Fray Martín Sarmiento sobre la cuadratura del círculo; ”Unha excepción no discurso ilustrado da filosofía da ciencia sobre o xénero: Sarmiento(1695-1772)”, en Estudios de Historia das Ciencias e das Técnicas. Pontevedra (2001) “Sarmiento un científico da Segunda Ilustración” Universidade de Santiago de Compostela e asimesmo “As novas ciencias na obra de Frei Martín Sarmiento” dentro de Actas do Congreso sobre Frei Martín Sarmiento, Xunta de Galicia. Pontevedra 2002. Artigo este onde a doctora Álvarez Lires adica unhas páxinas a comentar os contidos botánicos da longuísima monografía (65 pregos aproximadamente 650 folios!!) Sobre a Seixebra.


(8 Que se é considerado referencia en Etnobotánica, con parecidos vimbios debe ser considerado un referente en Etnozooloxía, ou, xeneralizando, en Etnonaturalismo.


(9) Disertación sobre la decadencia de las almadrabas y la migración de los atunes. Fr. Martín Sarmiento. Lectura persoal do manuscrito          da Biblioteca Nacional de España accesible en rede na Biblioteca Digital Hispánica.


(10 “Carta sobre la Historia Natural escrita a un caballero rsidente en Londres” Martín Sarmiento en el Correo Literario de Europa. Henrique Monteagudo. Páx. 215. Compostela 2002.


(11) Los escritos de Sarmiento y el siglo de Feijoo. Antolín López Peláez . A Coruña. 1902. Texto extraído do Onomástico etimolóxico e Citado na Páx 97. Palabras de Frei Martiño que non son moi diferentes a estas outras que Bernardo ce Cienfuegos, o eximio botánico inédito deixou escritas no século XVII: “Está el conocimiento délas yervas tan desestimado, y abatido  que cierto que me corro muchas veces de decir que conozco alguna; porque me ha sucedido saber que en conversación como por burla, mofa, y escarnio algunos cultos, politicos, mirlados, filósofos de clausulas decoradas, bedijudos, pedantes, gramaticones meros, poetizantes; todos guedejas y petos, censores de libros, que no entienden, aunque los tienen en los estantes, como el librero, compuestos por ostentación y adorno, ó para venderlos y cambiarlos; quando se ofrece tratar de mí , ó nombrarme, aunque saben el nombre propio, por fisga, burla, y escarnio como tengo dicho, dicen, el herbolario”. Bernardo de Cienfuegos. Synopsis stirpium indigenarum Aragoniae. Ignacio Jordán de Asso y del Río. Massilia 1779.




PAZ  E  PALABRAS

FE DE SANTOS: As ilustracións antigas que acompañan este discorrer que ao mellor xa lestes non son, ben se entende, da miña autoría e van rebuscadas por entre  a arañeira dixital. A da cebra aparece na portada do estudo da familia Santos Puerto sobre a disertación de Frei Martiño que se comentou no texto. A fermosa ilustración do phenicóptero ou páxaro flamenco é da autoría de Ramón de la Sagra, coruñés eximio, e figura entre as varias da súa obra Aves de Cuba. A paisaxe na que se representan as almadrabas e as operacións industriais da captura do atún, non teño exacta lembranza de onde foi rebuscada, ao igual que o fermoso debuxo da adaba ou se queredes rinoceronte, do que sospeito poidera ser obra de Alberto Durero, pero constancia non teño nengunha. Sáibase e escúseseme, prego.




2 comentarios: