XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

mércores, 3 de xuño de 2009

Voutres por Noroeste



Dende o ano das vacas tolas, no que apareceu por estas terras do Noroeste un amplo bando de cerca de 30 exemplares que amilagrou a todo o mundo, a presencia do voutre ( graciñas, Tojeiro) ven sendo recurrente cada primavera-verán. Nos últimos anos non falla nunca.



Ao mellor sorprende a presencia deste paxarón ao noroeste do Noroeste, acolá considerado especie exótica, pro o incremento de poboación disfrutado por esta especie nas derradeiras décadas na Península Ibérica, coa instalación por toda a súa xeografía de numerosos muladares (espazos establecidos onde se lles deixan sobras dos matadeiros e a res morta), posibilitou a expansión das zonas colonizadas. A peste das vacas tolas trouxo a prohibición destes comedeiros e en consecuencia a dispersión dos voitres buscando qué xantar. Ao tempo a incidencia nas colonias da novísima praga das andarabillas eólicas está a seguirse con atención, por terse documentado xa numerosos casos de mortes de voutres.



Arestora uhna numerosa colonia de Gyps fulvus, o voutre claro, e uns poucos Aegypius monachus, o voutre negro, repousa todas as primaveiras nas cimeiras das montañas do Macizo Galaico ourensá. Non se ten documentado até o de agora, de que eu saiba, a críanza de polos. Dende alí saen grupos de voitres que percorren a xeografía galega na búsqueda de mantenza. Algúns deles chequean habitualmente as serras da Capelada, da Faladoira e do Forgoselo. O vrao é o tempo de andar atentos nas nosas saídas ao monte: a grande silueta do voutre pode aledarnos o día en calquera momento.

Na Capelada a mellor zona para poder dar con eles son os picachos apelourados de Coudepenido e do Penido do Medio. Nestes cotos descansan e folgan, podendo velos asentarse entre as pedras ou revoando calmos por riba dos cumes. Pero calquera sitio serve para poder velos, mesmamente por riba da Herbeira non son moi raros.Téñome atopado con eles, sempre voando ao lonxe e nunca quedos, por toda a bisbarra adiante, dende a Faladoira e o Monte Caxado, pasando pola Serra da Capelada ou o Monte do Forgoselo ate mesmamente as campeiras do val de Santa Cruz, en Moeche. Hai tres anos, a fin do vrao e nos altos que ruben dende Mera, un deles, solitario, pasou a rentes de min sorpresivamente apampándome co seu tamaño, aspecto e detalle: vin na súa ollada tanta sorpresa como el descubría na miña.



Non sei o que terá de verdade a historia que me contaron según a que, cando en San Andrés de Teixido, alá polos anos 68 ou 69 do século pasado, levaron a televisión e crearon o Teleclub ( unha idea fraguista, non das peores), os máis vellos, ao velos voutres nos programas de Félix Rodriguez de la Fuente, comentaron que daqueles bichos feos tamén os houbera pola Serra da Capelada e qué como fose o caso de os consideraren desavogosos e noxentos daban de paos con eles en canto andaban cheos e costáballes traballo remontar a voar. Xa digo, non sei o que haberá de verdade no conto.


Nestas horas, logo de máis dunha ducia de anos de andaren puntualmente a nos visitar, os voutres deben ser considerados parte integrante da fauna local. Naturalmente coa consideración de divagantes turistas veraniegos. Pero saibase, veñen cada anada. E non para comer marraxo. Outro mérito.

A mandare.
( Excusadame a malísima calidade gráfica das fotos, malamente teñen nen sequera valor documental. Ben que o sinto).




Deixo estes achegos, que mellor ca miña prosa coñaza e as miñas fotos forrorosas, informaranvos do estado actual da cuestión voitreira. A miña admiración aquí escrita, polo magnífico traballo de campo dos naturalistas galegos, rigurosos na pasión profesional científica e remunerados tan só coa satisfacción da afección cumprida; moi especialmente a Juan Carlos Epifanio, a quen non coñezo, responsable do bló Las Rapaces de Galicia, no que tanto aprendo, e investigador de campo eximio da presencia do voitre nos ceos galegos. Meus respetos, señor.
Un saúdo para José Miguel Pumar e Ricardo Hevia, de Cariño, orgullo da ornitoloxía do Noroeste, que saben do voitre na comarca máis ca ninguén. Visitade o enlace ao seu bló . Sempre merece a pena. Apertiñas, mestres.

http://rapacesdegalicia.blogspot.com/2008/08/observando-los-buitres-y-otras-cosas.html

http://www.lavozdegalicia.es/sociedad/2008/07/15/0003_6985871.htm

http://www.lavozdegalicia.es/sociedad/2008/07/15/0003_6985872.htm


http://www.lavozdegalicia.com/sociedad/2007/10/07/0003_6206541.htm


http://www.bbc.co.uk/mundo/ciencia_tecnologia/2009/04/090421_video_buitres_spain_vh.shtml

2 comentarios:

  1. Eu confírmoche o comentario sobre o tele clube de San Andrés. A presencia de voitres (aqui todos din voutres) na Capelada non é nada novo, se ben vai por rachas, e coas prohibicións a partir das vacas tolas tuveron que desplazarse máis do que o facían antes para atopar alimento.
    Cóntoche unha anécdota que oín contar a miña avoa e a outros veciños:
    Aló polos anos 40 sendo miña avoa (Maruja, de Meizoso) unha rapaza andaba polo curral da casa vella e deu de frente cun voutre que polo estreito do lugar non era quen de despegar, andaba dando bandazos e veu petar contra ela, berrou pedindo axuda e veu valerlle un veciño que espantou o "paxaro" e o apartou deles.
    Así que podes dar eses comentarios por certos, e mesmo poder pedir máis detalles porque pode qu ese veciño aínda sexa algún dos poucos que quedan por alí.
    Pois mira, agora que falamos disto é una boa anécdota para poñer no meu blog. Pero xa tes a primicia, jejeje
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. Agradecido polo comentario...pareceme moi importante confirmar con testimonios vividos, e tan ben contados, a presencia histórica do voutre: nen tolo voltarei a escribir voitre.Agradecido.

    A primicia pode ser, pero os testimonios telos tí e sería realmente interesante que fixeses uhna entrada contando cantos relatos se poideran achegar...de que eu saiba non hai moito escrito sobre o tema ( da Capelada, nada, non sendo o que neste bló levamos aportado...

    ...teño atopado un artigo no que se falaba da presencia do voutre na Galizia durante os vraos dos primeiros anos do século XX, onde se decía que chegaban esfameados dende o sur...pero agora non dou co enderezo.

    ...cámbeo voitres por voutres...mil mercedes...sempre, as verbas nosas.

    ResponderEliminar