XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Ortigueira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ortigueira. Amosar todas as publicacións

martes, 25 de decembro de 2012

Nomes de aves e paxaros por Ortigueira

Recollidos por testemuña de Vicente Orjales de 78 anos, veciño do lugar do Miñaño, parroquia de Luama, o 14 de novembro do 2012 na casa familiar do informante.

(Van expresados na mesma orde en que se recolleron, seguindo as páxinas da guía de Rob Hume, Complete Birds of Britain and Europe. Escollimos esta guía por dúas razós de orde metodolóxico. A primeira por ser de gran tamaño e consecuentemente de ilustraciós amplas e detalladas, e a segunda por que o feito de iren os nomes en inglés aseguraba unha non perturbación semántica do informante. Por consello de Damián Romai Cousido, prestamos especial atención ás descripciós particulares de hábitos ou comportamentos das aves que facía o noso informante. Unha idea moi oportuna).



Zarcetes: nome aplicado pra os mergullós pequenos, do xénero podiceps, sen especificar  "...si, estes amargullaban e andaban polo fondo buscando herbas."

Gaivotas.

Mascato: pra designar a Morus bassanus, coma en tantas outras localidades "...estes antes cazábanse”

Corva: así dixo que se chamaba por Ortigueira aos Phalacrocorax; coñecía as dúas especies, pero o nome era o mesmo pra ambas as dúas.

Estorninos.

Espátula: coñéceas dende neno e sempre lles chamaron así.

Cisnes: Cygnus sp., Informa que houbo anos, que chegaron a aparecer 6,7 e 8 ciños; di que era un reto ilos cazar e que cando cazaban un era unha festa.

(Entre medias conta que ás “nutrias” chamábanlles londras e que antes había moitas máis, que había cazadores especializados. Con cás ben adestrados que eran quen de nadar polo río e seguir o rastro nas ribeiras. Conta que cada pelexo tasábase nunhas 700 pts,  que eran moitos cartos e que se ían vender á Feira de San Claudio, onde había compradores especializados)



Pato real: Anas plathirrynchos, conta que antes había miles deles entre Cuiña e San Adrián e que ao voar mesmo facían nubes que case tapaban os ceos, que era unha verdadeira marabilla… “había 10.000 ou máis.” 

(No medio da conversa, Vicente conta que no fondo da ría había moitísimos cornechos, -moluscos gasterópodos dos xéneros nassarius e nucellas, probablemente- que andaban entre as xebras. En Cedeira chamámoslles corniños)

Galiña negra: nome para Fulica atra"...si,si, esta da mancha branca na frente”

Pega do mar e tamén  ostreiras:  Ostralegus ostralegus "...ah, si estas son as pegas do mar, si, si, había moitas, tamén lle chamábamos ostreiras por que comían nas ostras"

Chorlito: nome xenérico co que coñece as limícolas pequenas; non era capaz de diferenciar entre especies, todas eran… chorlitos.



Avefría: Vanellus vanellus.

Bailón: Actitis hypoleucos.

Mazarico de maio: ...chamábamos así a este tipo de mazarico  que aparecía por maio, explica diante das imaxes das limosas.

Becada e becacina, para as scolopax. Conta que según os cazadores, el no pode confirmar, as becadas non teñen estómago nen intestinos, que é todo un tubo continuo do peteiro ao ano.

Calandria: nome que lle aplicaban á laberca, Alauda arvensiscoñece e describe perfectamente o ritual de canto do macho e o seu costume de zouparse en caída vertical…”antes había moitas por Morouzos

Buxato: é o único nome de rapina que coñece, e di que sempre ande vixiando dende o alto dalgún poste ou árbol…parece o Buteo buteo.



Perdiz: Alectoris rufa, describe unha trampa para atrapar perdices chamada trapela que consiste nunha caixa que se enterraba no chan, cubriase lixeiramente de terra e encima poñíase grao de trigo ou maínzo. Estaba provista cun sistema de abre-pecha por bisagras e muelles que funcionaba ao pisalo a perdiz. A súa dona que está presente, natural de Bares, é quen describe este sistema de caza, coma propio da súa localidade natal e conta este dito que se dicía por Bares: “Tres páxaros hai que cruzan o mar: o cuco, a rula e o paspallás”

Lavandeira: aplicado a todas as motacillas, xa grises,  xa marelas.

Araos: Uria aalgae…di que pola ría non se vén que aparecen petroleados polas praias.

Pombo: describe perfectamente ao Columbus e recoñéceo nada máis velo; di que os machos e as parellas formadas son moi territorias e que rifan moito polo espazo.

Pomba de parque: chámalle así a rula turca, Streptopelia decaocto, dicindo que só a mira polos parques e que antigamente non a había.

Rula: nome que lle aplica á rula do país, Streptopelia turtur.

Cuco: Cuculus canorus…din que hai catro ou cinco anos que non o escoitan, cando antes era un visitante puntual.



Mouchos e curuxas…coñece ben á curuxa, da que conta que cando neno unha fixo o niño nunha arribada (o que en Cedeira chamamos rebordela: bordo  dun camino case vertical) que estaba recuberta de hedras e colleulle un ovo e a un membro da parella. Non distingue entre tipos de mouchos.


Bubilla: así chama á bubela, Upupa epops, e di que se ven moi poucas.

Martin Pescador: Alcedo attis.

Pega das fragas: Garrulus glandarius, a dona conta esta cantiga de Bares: “Unha pega reboldá, puxo un ovo e reboldou, puxo dous e reboldou puxo tres e reboldou, puxo catro e reboldou…” e así seguía sen saber ela se tiña un final diferente. A señora chámalle pega reboldá, Vicente tamén, pro di que o nome máis usado era pega das fragas.

Pega: Pica pica. Manifestan animadversión indisimulada por ela, da que din é moi desavogosa, e arroubona, arroubando os paxariños doutros paxaros "...pro antes de teren pluma, para poder  comelos mellor”. A dona conta que en Bares era ave agoireira e que se se poñía no altesor da igrexa (pináculo co que rematan os cumes dos tellados) asegún onde apuntase o rabo anunciaba unha prósima morte: se o rabo apuntaba ao Porto, no Porto, se apuntaba á Vila, na Vila. Vicente dí que tamén en Ortigueira había esta crenza e que medio en serio medio de coña sempre se preguntaba: Para onde ten a pega o rabo? A dona tamén contou que en Bares crían que "...se a pega canta, trae boa sorte, pro que si berra parecendo chorar trae moi mala sorte".


Corvo pequeno e Corvo grande…describe perfectamente a cada unha das especies máis comúns de Corvus.

Peto:  Chama así ao peto verdeal, Picus viridis, e di que ten un ovo moi bonito, describe a perfección o seu costume de manterse de formigas. “Eralle moi fácil, antes había formigueiros enormes, de formigas roxas e moi grandes” Non coñece aos branco e negro.

Golondrina: non diferencia entre especies…conta que  "...decíase por Ortigueira que se marchaban a canda os barcos pineiros (transportaban  puntais de madeira de piñeiro) porque se guiaban por eles para atopar as rutas que os levasen de volta ás súas terras".

Vencellos, recoñece nas láminas ao Apus apus.

Picas: a todas as especies do xénero anthus. Tampouco diferencia entre elas.



Carrizo: Troglodites troglodites.

Paporrubo, por Bares e paporroibo por Ortigueira, ao Erithacus rubecola.

Páxara moura: chama así á cincenta ou raborrubio, Phoenicurus ochorus.

Merlo blanco: chama así ao tordo común, Turdus philomelos, do que describe con admiración pola súa beleza, o seu canto dende a puga máis outa das árbores.

Páxaro rato: chama así ao xénero certhia, os gabeadores, pois di que subían polas árbores como se fosen ratos. Que para pillar o niño dun houbo de caer ao chan, pois tiñaio feito na estrema dunha  póla moi delgada.



Chaschás, Saxicola torquata, tenlle certa admiración e aleda a faciana falando del. Conta que nunca lle soubo onde gardaba o niño.

Pichinchel: é o nome que lle dá ao Parus major.

Gorriós.

Chincharra: así chama ao pimpín, Fringilla coelebs, dando un aceno de entonación leda e entusiasta na voz, correspondente á admiración que lle produce o particular e fermoso colorido do macho en traxe de voda.

Pardillo. Carduelis cannabina.

Jilguero. Carduelis carduelis.

Verderolo. Carduelis chloris.

Sirí. Serinus serinus.

Escribano, Emberiza sp., non diferencia entre especies, pro coñece moi ben os ovos do xénero que sempre lle chamaron a atención pola fermosura do seu particular esgrafiado, que parece feito á mao.




Agradezo de todo corazón á familia Orjales, máis aínda cá súa valiosa testemuña, a súa liberalidade xenerosa ao me acoller na súa casa e  poñer á miña disposición o seu tempo sen tasa.

E aínda da súa conversa grata e hospitalaria, ao tempo que algunha tradición vencellada co tema que xa vai rexistrada na entrada, tirei  as seguintes expresiós das que quero deixar constancia: Non me tripes, vella fórmula galega cada día máis en desuso, pro aínda viva en Bares, pra o feito de alguén che poñer o seu pé cima do teu, equivalente, xa que logo a non me pises. Chaman tamén por Bares patumeiro, a aquel tarreo moi enlamado e ao mellor con moita mougada. E finalmente faio, sería o equivalente ortegano ao faiado doutrures. 

Vai rexistrada ao principiar o texto e falando dos zarcetes, a voz amargullar, pra se referir a acción de nadar por baixo da flor das augas. A Academia Galega propón coma voz correcta mergullar, sen ofrecer outras posibilidades, pro saibase que popularmente amargullar ten unha amplísima distribución polo territorio galego falante, dende a fala de A Somoza no Bierzo ate o Miñaño en Ortigueira.

E fica a cousa no punto. 



Ogallá, a exemplo do señor Vicente Orjales, haiba quen queira achegarnos máis nomes tradicionais empregados na bisbarra pra denominar a calquera especie natural, botánica ou faunística, de terra, de mar ou de aire. Se alguén coñece a alguén que na súa infancia lonxana fose afeccionado á paxarería e sabe da súa boa disposición pra rexistrar en negro sobre branco as pisadas das súas lembranzas, que saiba asemesmo da miña disposición agradecida pra tomar nota polo miúdo da súa memoria no lugar e hora que se me ordene.

Moita obriga me queda con vós, miñas e meus, por seguirdes aínda aí. 

Non perder as mañas.

A mandare.





VIDEOSMINIMOSDONOROESTE  TV

Avetardo cativo na Veiga de Pumar.


Nota marxinal: ao lado dos inevitables castelanismos que teñen mechada a lingua de formas alleas, hai algús termos que a min estimúlanme unha particular ledicia por non os ter escoitado ate o de agora: zarcetes, páxara moura, pichinchel, mazarico de maiochincharra, pega do mar ou ostreiras e o simpático páxaro rato aplicado ao xénero certhia, os gabeadores ou agancheadores

Servidor suliñaría que o topónimo Miñaño, precisamente onde vive Vicente e a súa familia, con moitas probabilidades proveña do nome dalgunha rapina, con máis posibilidades do xénero Milvus, dígase un miñato. Esta opinión é partillada por Alvaro Porto Dapena, lingüista, cadeirádego da Unversidade da Coruña, especialista en toponimia da bisbarra, o que me foi comunicado en amable e xentil conversación, coma todas as que afortunada e abondosamente mantemos.


domingo, 23 de outubro de 2011

Bicos de biluricos.

Anda xa arestora a Ría de Ortigueira, Cariño e Ladrido a ferver de xentes de augaire, fermosuras da pruma e o froixel, que escollen as inmensas limeiras dos esteiros dos ríos Mera e Baleo como área de repouso e folganza invernal.
Certo que este ano parece que a baixada anda un pouco retrasada:  coñécese que tamén polo norde andan as estrañas calores desta outonada vraocenta deixándose sentir. Mais pouco á pouco o grande espazo intermareal do noroeste do Noroeste vaise enchendo un ano máis das rebuliceiras xentes do limo, que atopan nesta infinda chaira mariña unha farturenta mesa con mantelo de xebra cuberta. 
Andamos días atrás repousando os cóbados, os prismas e a cámara no petril do malecó do porto de Ortigueira. Enfronte, mazaricos, gavitas, garcetas, gaivotas e gaivotos, parrulada varia, pildoriñas e biluricos, andaban rebulindo, con máis gracia que fame, polas areas escuras e lamacentas.
No malecó, algúns pescantíns, con diversa fortuna e parecida pacencia e intrés, andaban á pesca da xiba. Os admirados fotógrafos do grupo ortegano Calidris, andaban á captura da instántanea naturalista perfecta, facendo un admirable exercicio de pulso e tino sen o apoio da  muleta do trípode. Xa teñen mérito, con eses inmensos obxetivos que transportan.
Anda xa un bilurico arrimado ás pedras, informáronme os do Calidris este domingo de hoxe no que coincidimos de novo no malecó. É o primeiro do ano que se achega, seguiron a me informar. E logo non andaban xa por acó  un par de domingos atrás? inquerín eu dende a  miña iñorancia. Si, pro aínda non se abeiraran ás pedras, seguíu a me ilustrar Alvaro Polo, ese talento artístico ortegano.
Ata que se arriman ao malecó, pasan unha tempadiña esfuracando na area, sen se atrever a  vir folgarse ao peirao, aprendeume. Teñen que vir os primeiros vendabais pra que se garden debaixo do muro do muelle, ilustroume finalmente.
O grupiño que fotografara días atrás e que anda ilustrando este texto, aínda non se arrimara ás pedras, mais que aos poucos se fose aghegando e collendo confianza co ruidoso trafegar da humanidade.
Teñen  sido xa estes confiados biluricos protagonistas dunha entradiña neste mesmo bló. Son pra min unha ledicia anual constante e famosísimos entre os naturalistas e paxareiros da bisbarra. Sorprende aos desprevenidos paseantes que raramente ollan pra debaixo  do muro a súa tranquila estadía e repousada confianza.
Tés unha boa ocasión pra lle facer unha foto ao primeiro do ano que se acerca, díxome Alvaro, aí ao pé o tés. E por que non? pensei, mais que teña ducias de fotos deles nas mesmas pedras, outras poucas non me han de estorbar. Meu dito, meu feito. Aí van elas.



E polo de hoxe quédese a cousa acó.

Xa anda a bisbarra a rebulir da xente de augaire. Xa que logo, é hora de lustrar os vidros dos prismas e percorrer os intermareais co tento, o respeuto e a distancia necesaria pra non axocar nen molestar as xentes invernantes.

Animádevos, fornecédevos dos artellos precisos e da educación medioambiental necesaria e  disfrutade pois dun dos territorios máis requintados, fermosos e  entretidos da xeografía ibérica: o noroeste do Noroeste. De seguro non vos vai fallar.

Mil gracias mil, miñas e meus

A mandare.



VídeosMínimosdoNoroeste TV
Biluricos en Ortigueira

Nota marxinal: Efectivamente este video é da tempada pasada, ben que deste mesmo ano, pra xaneiro fará un. Nel apréciase un grupo de sesenta biluricos repousando no seu sitio de sempre. Semellan cogumelos, díxome entusiasmada, unha amistade a primeira vez que as mirou. Semellarán. Que os semellen por moitos anos. Bicos dun bilurico, miña.

Fe de erros: os trasnos das teclas, seguramente da treba dos mesmos que nunca me deixaron aprender latines con xeito e proveito, deron en facerme escribir Tringa tottanus, no canto de Tringa totanus. Sendo o caso que no vídeo ten mal amaño, serva esta fe de erros pra remendar o imposible. Escusádeme, prego.

domingo, 11 de setembro de 2011

De paso...

 Imos con moita frecuencia  visitar as veciñas e moi queridas localidades de Cariño e Ortigueira. O agarimo con que nos acollen os moitos amigos que por alá temos, dános sempre a inxirada suficiente para vencer a preguiza que o nordeste nos impón. Alá transcorren, apousados ao agarimo dunha baranda, no abeiro dunha conversa de risas formentada por escumas de birra,  lediciosos intres de amizade e folganza.

 E de paso...botámoslle un ollo á Plaia da Concha e as augas do porto, ou aos fondos lamaceiros do esteiro do Río Mera ou aos da Ría de Ladrido que sempre, sempre, teñen algo que amosar: xenerosidades pixís e vilanchas pra  con este discalzo. Que así sexa por moitos anos.
E de paso, de paso postnupcial, andan arestora pola ría as aves e os paxariños nosos de cada outono, de volta das súas matrias de aniñamento no alto Norde e na percura das súas patrias de invernada no fondo Sur.
Todos os paxareiros  din, e eu non o dubido, que a plaia de Cariño e a Ría de Ortigueira son  das mellores zonas ibéricas para a observación do paso, pre e post nupcial, das xentes de pruma e froixel.
Demostrousenos unha vez máis estes días, cando á caída da tarde, poidemos ollar con total tranquilidade e con toda a calma e a proximidade que sempre se desexan, a unhas cantas especies de  aves do limo: pildoriñas variadas trafegando con ansia polas xebras da plaia da Concha, unha parella de serruchiños repousando na beira e a centos de mazaricos e gavitas, acompañados dunha ducia de gueivotos, algúns chorlitos, dúas garciñas e un culleireiro, no Cabalar, repousando calmos mentres a marea, que se viña pra riba, non anagou a lingoa areosa na que tanto gostan folgar.
Olládeas, se queredes.




Estas pildoriñas, píllaras polo libro, Charadrius hiaticula polo científico, andaban nun grupo dunhas trece ou catorce, case todas elas noviñas, non sendo dúas adultas recoñecibles  polas patas e o peteiro marelo laranxado. Andaban moi tranquiliñas e acomodadas.

Máis numerosas e rebuliceiras, indo e vindo, sen dárense folganza, esfuracando con ansia as areas da plaia -seconoce que había fame-, andaban as pildoriñas craras, Calidris alba, a ambos os dous lados do inútil espigón que rompe, coa mesma frialdade coa que se disecciona un corazón, en dous areeiros divorciados á linda plaia cariñesa das areas vermellas. Moita xente  non quixera morrer sen ver á súa querida plaia volver a ser o que sempre foi: un fermoso e único areal trazado coa finura dunha líña de berberechiña por unha Natureza sabedora, benfeitora das mellores plaias. Así mo expresaron e así se publica. Que sexa o que eles queiran.
Había tamén catro ou cinco pildoriñas douradas, Calidris ferruginea, que se tomaban a vida con máis calma e repouso, afundindo os seus recurvadiños peteiros de mazariquiño por entre os feixes de xebras arrumbados polas vivas mareas lagarteiras. A luz non valía un peso, o fotógrafo nen un patacón.
E andaba tamén por alí un bo número, ao mellor cerca dunha ducia, de revirapedras, Arenaria interpres, revirando as xebras mor das impulsivas turradas de testa que lle daban ás pilas de arrumbo, con empurrós impetuosos de frente e peteiro, que afundían na xebra para soerguela aos poucos e en círculo, por veren se por debaixo dela había algo que acomodar no papo. Cada unha delas remataba a faena cando xa revirara todas as xebras do seu redor. Marchaba da furada que fixera... e a empezar un pouco máis alá. E así todas elas. A xebrada da plaia parecía un campo de minas estouradas. Ao mellor no video compréndese mellor. ¿Vin revirapedras? Vin reviraxebras. Abofé.

E algo máis ao lonxe, confundidos xa co luscofusco, fixéronme reparar en "dúas linduras de cabeciña negra". Dous xuvenís, parécenme, de Sterna albifrons, dous serruchiños de toda a vida para os de Cedeira, carranpinciños para os de Cariño, e andoriñas do mar en tantos outros. María do Carme Panisse, recolleu unha interesante xeira de nomes para denominar ao xénero sterna todo ao longo da costa galega. Disfrutádeos: anduriña do mar, cachizo, carrán, carrapín, carrau, carricoche, carrín, casildita, curricurrán, currí, pirrí, quilí-quilí, quirlán, quirrán, quirrín, raquín, carrizo, carriza, carlitos, carrula, carrulo, currito, chirlante, chirlero, chirlo, churlí, churrique, churrito, churrete, gholosa, mascateira, picapeixe, serrucho, mallón e aínda lavandeira maruñeira. Un poema, un recitado de onomatopeias sonoras inspirado no ruxe-ruxe agre da gorxa do  curricurrán. 
Gracias, Galizia, polo galego.

E pola Punta do Cabalar andaban, nun outro serán seguinte, un grande lote, cerca de catro centos, de mazaricos, N. Phaeops e N. Arquata,  unha boa bandada, cento e medio e algo máis, de gavitas, Haematopus ostralegus,  dúas ou tres ducias de gueivotas entre craras e escuras, doce ou trece gueivotos, Larus Marinus, algunhas pildoriñas, dúas garciñas, chorlitos, algún bilurico e un culleireiro Platalea leucorodia: un espectáculo nas meniñas dos ollos.

Intres lediciosos e de aprendizaxe: o da dureza e perigosidade que para estas valentes xentes de pruma e froixel, cidadáns dun mundo sen fronteiras nen pasaportes, comporta o tránsito dende os  territorios de cría ás terras de repouso: esmorrendo, coas tripas de fóra por que algo o esmagara, unha noviña de pildoriña, non sei se de Calidris alpina, daba as últimas boqueadas agoniando entre as pedras grisas e as  areas vermellas da  plaia da Concha.

A vida, ese tránsito, ese paso, que  as veces pasa tan decamiño.


Agradecendo coma sempre a fidelidade demostrada a esta ventá naturalista, quixera alixeirar, se fose posible, o grolo amargo e duro desta imaxe última co galano dunha sesión continúa de dúas sinxelas peliculiñas, que non poden ser máis ca un pequeno petisco,  do paso  da xente de augaire polos eidos do noroeste do Noroeste, alonxados de todo, non sendo da compasiva beleza.

Mil gracias mil, miñas e meus, que unha brisa de vida vos quente a cariña.

A mandare.

VideosMínimosdoNoroeste
Repousando no Cabalar, Ría de Ortigueira.
De paso... pola Praia da Concha, de Cariño.

(Non sendo case nunca posible, e ao mellor tampouco desexable, a felicidade completa, a ausencia de claridade dun luscofusco nubeirado, impideunos, como xa arestora sabedes, poder facer algunha foto decente. Por fortuna o video, automaticamente, traballa moito mellor que servidor o fai manualmente e poiden daquela gravar unha boa minutada de peliculiñas, non indecentes, das que estas montaxes videomínimos non dan boa  fe. Desculpas, prego).