XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Láminas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Láminas. Amosar todas as publicacións

venres, 21 de decembro de 2012

Memoria das testeiras.

Agradaríame cumprir con esta entrada o anceio dun seguidor recente do bló que me suxiriu a posibilidade de meter nun caixón do alzadeiro a memoria visual das láminas que foron servindo de decoración á testeira do bló, para poder darlles un ollo cando se quixer.

Ao mellor ten razón e non é tempo ocioso o que se invirta en rexuntalas todas.


Procederei a lembralas na mesma orde temporal na que foron editadas e cando sexa o caso da publicación dunha nova imaxe, engadirase ao remate desta mesma entrada para ir metendo así nun único caixón todas as láminas que fun editando; que non son todas as que vou facendo.




Luz defusa na Candieira é o nome co que dei en cristianar a esta ilustración. Pretende tanto describir directamente á mesma imaxe, canto xogar coas verbas nunha lembranza garimosa da estimada amiga que vive no faro da Punta Candieira, que está fotografada ensamblando dúas imaxes tomadas dende as abas toxeiras que nos van levando ate as Alcaiás da Ribeira Chá.  Inverno do 2009






Xentiña no Puntal. Arrexunta no esteiro do Río das Mestas, da Ría de Cedeira, a unha ampla representación da fauna e flora do noroeste do Noroeste. Estando dabondo comentada na entrada titulada Aí ven a primaveira de Marzal do 2009 escusaráseme que diga nengunha palabra máis. Obrigado. Primaveira do 2009.





Mapoulas e volainiñas é o tiduo que imaxinei para denominar a este delirio de vrao, do 2009,  aproveitando unha inusual e fervente floración de mapoulas no Areal de Morouzos rexistrada días antes de seren abatidas pola treba dos celtorros  aligados á maquinaria municipal de sega e desbroce. A verba volainiña é unha outra das moitas  que o galego manexa pra chamar as bolboretas. Haberá que darlles entrada. Vrao do 2009.




Na fraga dos Casás así alcumo a esta sinxela e ao mellor por iso máis fermosa ilustración. Efectivamente a paisaxe boscosa é a da fraga dos Casás en Cerdido, unha fraga preciosísima e esquecida que se gardou nas ribeiras do Río Mera ao seu paso polo concello de Cerdido. As fragas do Río Mera, eses eidos da bremanza, merecen a encarecida defensa de todos nós. Seguen tumbando nelas: sen misericordia. Outono do 2009.



Neves na Capelada, titularemos sen máis aquel esta ilustración na que coma en todas as outras o diacronismo é un recurso evidente e discutible. Efectivamente os froitos peruchos, Crataegus monogina, son do puro vrao a cando a floración das uces. Os crocos, a flor que enmarca ao merlo, son do outono. Os acivros e demáis xente poden verse no inverno sen maior problema. Os golpes están fotografados na mesma nevarada, no mirador dos Carrís. Cada un no seu sitio naturalmente: axuntar axunteinos eu; pra mellor miraren pra nós.  Inverno do 2010.




Plaias de Loiba, é o título, e son as paisaxes, da ilustración que serviu de cabeceira durante a primaveira do 2010. Como sexa o caso que vai tamén detallada polo miúdo na entrada Retallos dun santo, de marzal dese mesmo ano, aproveito para calar e non dicir nada máis. Primaveira do 2010.




Xestas e abelurias dei en chamar a este santo que mete algunhas xentes máis. Hipéricos e gradiolos e entre elas  un feixe de bolboretiñas dentre as que as lindas meniñas azuis, Polyonmatus icarus, sobrancean chufonas. No curruncho inferior esquerdo, loce a súa farda un rechamante escarabello, unha Leptura rubra. A foto primeira vai feita en San Xiao dos Osos, parroquia de Labacengos, ao pé da estrada que vai As Somozas. Na Galizia, xa se dixo, cada ribazo un xardín, cada sebe un edén. Vrao do 2010.



Oferenda: así chamei   a esta imaxe na que unha hostia de gota de auga, sostida nos estames dun cáliz de croco da Capelada, ofrécese como redención da vida. A auga en espello dun cadoiro do Rego do Forte encadra o fondo coma un  chafaríz que se zoupa ao mundo. Un merlo rieiro, unha cincenta, un peixeiro e un liñaceiro, andan por aí. Na marxe esquerda gabea, facendo helicoides, unha orquídea: unha  Spirantes spiralis. Outono 2010.




Felepas da Faladoira. Velaí o fondo de neve azul da Serra da Faladoira. No centro, enseñoreando, unha seixebra, Teucrium scorodonium, ergue con fachenda a sús apostura barroca. Algunha orquídea, algunha ca outra boca de can, Anthyrrinum m. Linkianum, pólas de acivro cos seus xardós, corzos, un gaio e un pimpín, bolboretas a feito, bandadas de chorlito por ceo e terra e Corvux corax cantos queiras. Inverno do 2010.



Arredor do Rodo. O poderoso arnao e o rechamante azul do lagarto das silveiras, compiten coa beleza floral  dos lirios, os pancracios e os nartecios. Algunha ca outra bichería anda tamén a redonda do Rodo, sinaladamente a barbantesa, e unhas cantas libeliñas, amén dos paxariños e das pampurriñas, sempre delicadas e lizgairas. Primaveira do 2010.





Estralotes do Mandeo. A imaxe de fondo -o bosque de ribeira do Mandeo e os varais das abelurias- acolle a variedade biolóxica habitual  que soe acudir as sesiós fotográficas que convocamos, coa presenza novedosa da enorme flor da herba xiganta. Os froitos do estripeiro, perucheiro decímoslle en Cederia,  son, claro está postizos, coma todo o que non sexa fraga e varal de estralote, que son a foto orixinal. Vrao do 2010.




Outono na Ribeira, a carballeira nova que medra polas abas dos montes que pechan as ribeiras do encoro do Eume vai  ser a protagonista desta lámina, cun acompañamento de cogumelos, algunha bolboreta, un croco, o froito vermellón dunha garnicela, Lonicera peryclimenum, e algunha ca outra xente de pluma e froixel, entre as que sobrancea o ollo atento dunha perdiz. Outono do 2010.



Felepada capelada. No encadre nevarado da paisaxe ollada dende o Penedo Escuro mirando a suroeste, señorea unha bolboreta pedresa, adubiada por unha decoración floral de perucheiros (crataegus) froitados e pólas de Woodwardia radicans, cunha raiolada de luces made in Corel. Abondosa floración primaveiral de hipéricos, pancracios, lirios azuis e a presenza principal do Gladiolus iliricus dando calor de rosas. As perdices mandan entre a paxarada. Inverno do 2011.



Xentiña no Cadro. A paisaxe é a que se mira dende a parte dabaixo do cantil da Herbeira se camiñamos entre os arrumbos do petoural que nos vai levando ate a Punta do Cadro, esa patria na que tantas veces deixamos xear o paso do tempo. Deilles unha presenza especial aos bichiños nosos de cada día: barbantesas, carricanta e rinochoris, entre unha abundancia de escarabellos e besouros. De todos eles o Platicerus spinifer do curruncho inferior esquerdo é a xoia entomolóxica desta lámina. Como pasei unha tempada  adicada con paixón ao doce fare niente esta imaxe aproveitouse  na  Primaveira e Vrao do 2011.




Agallopando capeladas. Velaí a manda de cabalos recollida pra a rapa do ano 2009 na Serra da Capelada. Un castiñeiro ben froitado e os clásicos peruchos do crataegus son o marco fundamental desta imaxe que se acompaña da xentiña habitual que visita o noroeste do Noroeste: raposos, gaios, crocos, bolboretas, paxariños, algún ca outro hipérico e un reborde de uces da Capelada. Outono do 2011.




Arredor do Penedo Escuro.  Unha pequena representación da fabulosa variedade de cogumelos da Serra da Capelada axuntáronse nesta imaxe a canda as pálidas campaíñas, os vermellós varais dun Litrum salicarium, algún croco ca outro, un corzo, un garañón, dúas raposas e unha bandada de pimpíns. Un licénido azul é a única presenza de bolboretas. Unha alfaia da braña déixase ver paseando o capelo aberto da lepiota. Quedou discreta de máis unha Orobanche foetida. Inverno do 2013.




E así vai indo a cousa. Se chegamos a novas testeiras, iranse engadindo nesta mesma entrada. Polo de agora fiquen estas  láminas que dende o primeiro inverno do 2008 ata o de agora,  e case ao ritmo dun por trimestre dan a benvida aos lectores deste bló, aos que nunca saberei agradecer como merecen a fidelidade na lectura ou no simple ollar  ao noroeste do Noroeste.

A mandare.





Nota marxinal: 

Este bló cumpre hoxe, 20 de decembro do 2012, catro anos.

Mil gracias mil, miñas donas, meus señores por soportar esta andaina bitalNon dubide ninguén que sen o voso estar, este bló non podería ser. 

Na hora 17 láminas, 75 videomímimos, 178 artigos, 828 comentarios e 3260 fotos  e algo máis de 60000 visitas van conformando a substancia que pode dar sentido ao obxetivo de dar a coñecer  a  extraordinaria riqueza en biodiversidade que atesoura o noroeste do Noroeste. Só se pode querer aquilo que se coñece. Só se defende o que se quere.

Pra un bló que non fala de fútbol, nen de política, nen de sexo, nen de  rexoubeos,  que se edita nun perdido curruncho do mundo   e  pra máis, vai  escrito con  amor radical nunha lingua minoritaria, maltratada polos poderosos e abandoada dos seus, 15000 lecturas anuais son pra este servidor de todos vostedes un motivo de arruallo e unha sospeita de espranza.

Apertiñas, totus meus.

Moita saúde e sorte.


Nota submarxinal: efectivamente os lectores deste bló xa se decatarían de que esta entrada, (en rigor re-entrada) é unha ampliación da que se publicou en xullo do 2010, a que se lle engadiron as novas láminas que dende aquela se publicaron. Dalas de novo á luz o día do carto cabodano pareceume unha  sinxela idea,  e ao mellor non inoportuna, pra celebrare tan humilde fausto.  Obrigado.

luns, 22 de marzo de 2010

Retallos dun santo

Permitídeme que atenda a pedicha dunha cativa, esculcadora habitual do bló, e amose uns recortes da iluminación da testeira, coa intención de darlle, e darvos, conta ao detalle das xentiñas que andan remexidas nela, coma sempre ao pilón que grande é bon, sen outro criterio que amosar en compaña a algúns dos habitantes do noroeste do Noroeste, encartados nalgunha paisaxe da nosa bisbarra.



Desta volta a paisaxe elexida é a da Plaia do Castro, na ortegana parroquia de Loiba, unha outra das sucesivas areas nortadas (a Ribeira Grande, a Plaia do Carro, a Favega, a do Castro, o Gavioteiral) que andando cara a leste chegan ata o Picón, xa no Barqueiro, e coas que, non teño dúbidas, debeu de soñar Stevenson antes de encetar a escribir algunha das súas historias de piratas e naufraxios.


Nesta ilustración unha papoia (Larus ridibundus) acompaña no seu voar a uns serruchos ( Sterna sp.) por encima das areas da plaia. Unha bandada de gaivotas, tan impostas coma calquera outro icono, repousa no fondo. As manchas do ceo non son lixos, son voutres.



Nesta outra, co fondo da dobremente furada Pedra do Carro e a liña do ceo da Serra Capelada, dúas chíscalas (unha aristotelix noviña e unha carbo) toman folgos, mentres unha bandada de chorlitos griseiros anda a pousarse, algúns xa o están, nas beiras da marea. Unhas gaivotas completan a escea: ridibundus, michaelis e delawarensis.




Os gallados aguillós do trileucum de Cabo Ortegal enmarcan no horizonte o voar de serruchos e papoias. Aboiando nas augas, unhas cantas gaivotas escuras (Larus fuscus) e en primeiro plano dúas costureiras (Motacilla flava) alancorean nas pólas do toxo. Na esquiniña da dereita abaixo, as cores dunha merendiña e a irisación dunha alfaia da braña (Trypocopris pirenaeus var. coruscans).



A personaxe central é Cecilia, a gaivota de Delaware (Larus delawarensis), bautizada polo mestre paxareiro, e fotógrafo, Pablo Gutiérrez, que invernaba no esteiro do Condomiñas dende hai anos e este deixou de vir. Botámola en falta. Entre as gaivotas do fondo unha branca de Groenlandia (Larus glaucoides) e un serrucho cativo (Sterna albifrons). Na pedra dous paxariños: unha cincenta e un pedreiro. Enmarcando a toxos e uces unha merendiña e un cuarto de orquídea lixugada. Unha besbella (Locusta migratoria) sobre o pé do boi (Oenanthe crocata) e un escudo (Coreus marginatus) sobre a flor dunha labaza (Rumex scutatus) fan compaña co voar dunha linda meniña azul.




Na brancura inmaculada do pancracio pasea un escarabello (Tiimarchia gougeletti), á sinistra a orquídea lixugada (Dactylorrhiza maculata) e diante do xofre das chorimas, as lindas flores das merendiñas (Romulea clussiana) polas que ruben e aganchan dúas xoias. A volainiña azul que o enche todo é unha Polyonmatus icarus.



Preside o santo a fermosura plena dunha gaivota clara (Larus michaellis) e alumbraio a brancura de escuma mariña da prumaxe da branca de Groenlandia, (Larus glaucoides). Anda de visita un golpe (Vulpes vulpes), soléase unha lagarta endémica (Iberolacerta monticola) e fitando entre a area anda unha escribenta millarenga (Emberiza cia), tamén hai unha cincenta. Toxos, uces, pancracios, merendiñas e unha orquídea (Ophrys sphegodes) serven de acomodo ao escarabello vermello (Melosoma populii), a oferente barbantesa (Mantis religiosa), a bolboreta do alivio (Melanargia lachessis), a unha meniña (Polyonmatus icarus) e a unha grande e fermosa avelaíña (Lasiocampa quercus).
E penso que non fun esquecendo a ninguén.
No nome de todos, agradecido.
Ata outra mellorada.




Nota marxinal: Laióuseme, e con razón, algún esculcador culto do bló de que faga ilustraciós diacrónicas, quere dicir que moitas das especies que rexunto non se dan na mesma tempada, o que, supón, réstalles valor científico. Ten razón, xa dixen. O caso é que nunca pensei nelas coma láminas directamente didácticas ou científicas, senón coma un xogo, un divertimento estético que ofrecese unha instantánea imposible no mundo real e poidese representar un berro colectivo, unha manifestación, a favor da supervivencia de todos. Unhas imaxes que para máis recenderan exotismo a base de axuntar personaxes nosos de cada día.

Unha idea traspasa por iso a todas elas: o noroeste do Noroeste pode ser o sitio máis exótico do mundo se ti es un indíxena hawaiano...ou un indíxena de acolá especializado en diferenciar ronaldos de messis, pero incapaz de distinguir entre unha agabanza e unha orquídea.