XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Cedeira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cedeira. Amosar todas as publicacións

sábado, 2 de xaneiro de 2016

Arceucha nos marmulos.


Silverio Cerradelo,  lingüista, veterinario, investigador, profesor universitario, (por certo, era compañeiro de labor na Universidade de Barcelona da recén acompañada filóloga cedeiresa Belín Labraña), está a desenvolver e crear un traballo formidable na axuda da estandarización e codificación precisa dunha lexicografía naturalista no idioma galego. Abaixo vai o achego ao seu traballo "Os nomes das aves en galego" trescentas páxinas, escríbese axiña escríbense non tan axiña, calladas dun coñecemento erudito da bibliografía referida aos étimos de aves. Impulsor definitivo e redactor asimesmo de "Nomes  galegos das bolboretas recomendados pola Chave", no que servidor tivo a honra de dar a lata, vai ofrecendo cemento e ladrillo,  mao de albanel e saber de arquitecto ao imprescindible traballo, se quixermos ter unha lingua moderna, de poder nomear en idioma galego as diversas especies dos máis importantes grupos biolóxicos. 

Tarefa nada fácil, inxente, en periódica revisión, na que todos os pasos e esforzos son sempre benvidos.

Estou convencido que o día que morran as palabras desaparecerán as especies.



Precisamente de Silverio Cerradelo aprendín que becada e becacina son dous castelanismos que non debían  incorporarse a lingua galega (1). Vaites, e eu que os escoitei toda a vida. Máis logo de rematar de ler as súas argumentaciós quedei convencido que becada e becacina, debedoras do catalá becacell e do francés bécassine, entran moi serodiamente na lingua galega por boca de cazadores, en pleno século XX. Becacina, eu teño memoria de escoitala xa nos anos 70, naturalmente a cazadores.


Lémbranos Silverio, que arcea, foi sempre o étimo máis extendido en galego pra denominar a Scolopax rusticola, detallando cea, galiñola, pitarola, pita das poulas e torda, coma outros étimos máis locais, e que pra chamar a Gallinago gallinago, Gallinago media e Lemnocryptes minimus, na cultura popular difíciles de diferenciar, manexáronse estoutros: narcexa, arceucha, arceolo, arciocho, agacho, agacha, aguaneta, agoneta, brañenta, cabra do aire, cabra louca, paxaro cabra e paxaro berrón


Arcea, sen modificación dende o galego medieval, confirmado polas escritas do inmenso Frei Martín Sarmiento e os dicionarios posteriores, é o étimo común galego de sempre aplicado a Scolopax rusticola, a mal falada becada, que a parte dos étimos xa devantes citados houbo de ser alcumada tamén, asegún onde e cando, de pita cega e galiña cega: debemos de pensar que por poseer o sangue frío e valeroso, ou a fría intelixencia, de non descubrirse botándose a voar se non a has de pisar. 



Pra as  outras especies, G. gallinago, G. media e L. minimus, a cuestión da estandarización dun étimo non é tema pechado. A lexicografía histórica como apreciamos arriba ofrece unha ampla variedade de posibilidades. Silverio Cerradelo logo dun razoamento imaxinativo propón elexir narcexa, por ir preñado, argumenta, do termo arcea, coa que se amita; do diminuinte exa, xa que gallinago parece unha scolopax cativa; e  da posibilidade de levar incrustado o prerromano nara, auga, en concordancia coa preferencia que amosan estas aves polos hábitats húmidos. Acredita por máis que o étimo presenta o valor engadido de asimilárese co portugués narceja.


Aguaneta é termo que goza de aceptación e posibilidades e ten defensores da súa idoneidade. Hai que dicir  que este nome  ten unha importante presencia nos dicionarios de lingua galega. Pero curiosamente nos dicionarios do século XIX aparece sempre como apelativo, ao tempo que aguadana e aguaneira... da rata dos canos!, Arvicola sp., e vai ser só a partir do dicionario de Leandro Carré Alvarellos (1931) que esa voz será equivalente a Gallinago gallinago. Equivalencia que será seguida polos redactores da maioría dos dicionarios siguientes.



Aguaneta, que (eu escoito  pronunciala  agua-neta cunha franca sonoridade castelá) é, na miña opinión, unha transcripción fonética literal moderna do medieval agoaneta, que tal parece debería de ser a escrita apropiada; do mesmo xeito que tantas outras voces da lingua galega, lembremos Régoa que todos dicimos Réghua. F.R. Tato Plaza na súa memoria de licenciatura do ano 1986 ("Léxico do libro das actas do Concello de Santiago 1416-1422) transcribe: "Iten petos et pegas et agoanetas a quatro coroados" (4). Velaí a petos, pegas e agoanetas a prezados na Galicia da Idade Renacentista e xa daquela co mesmo nome. Lingua clásica, o galego.  Doutra banda o prefixo agoa, non repugna á lingua galega, e, non sendo frecuente, secomasí alaga asimesmo o topónimo Agolada.



Existe aínda, comenta Silverio Cerradelo, o termo auganeta, empregado polo grande Alvaro Cunqueiro na súa obra "La cocina gallega", pra denominar á becacina. Ao parecer esta palabra non se recolleu nen empregou en ningún outro lado. Evidentemente non teño probas, pero todo me fai sospeitar que auganeta foi un exercicio de galeguización do termo aguaneta. Pero en tratando co infinito imaxinativo do xenio mindoniense, todo pode ser, mesmo que crease a palabra da nada ou que só na súa memoria sobrevivise a palabra perdida. Toda cunca é posible no alfar dun mestre cunqueiro.



Dende logo arceucha, arciúchaarciolo e arciocho parecen referir a unha arcea pequeneira e son perfectamente intelixibles e válidos. De ter que elexir quedaríame con arceucha. A parella léxica arcea, arceucha compitiría facilmente coa impostora becada, becacina. E así arceucha común, arceucha media e arceucha pequena poderían sen agobios denominar as tres especies de aves que andamos a comentar. Amais non parecería imprudencia establecer un grupo léxico entre os diversos nomes destas  aves que a parte seren da mesma familia teñen un parecido físico evidente.



Agacho e agacha fálannos ás claras dos seus costumes discretos e apousados, sempre apretadas contra a terra, encriptadas á perfección no tarreo, imperceptibles as que máis; como brañenta nos lembra o seu hábitat preferido, as brañas, onde se agacha encantada de poder disolverse entre as cores e as formas do ambiente. Agachadiza é, por iso mesmo,  o nome común de seu en castelá, por certo máis enfebrado en meseta que o provenzal becacina.



Cabra louca, cabra do aire, paxaro cabra... andan a falarnos da extraordinaria peculiaridade do seu "canto" que é producido mecanicamente por fricción co aire de dúas plumas especializadas, ao momento de deixarse caer en ángulo de 45º cara a terra, dende o alto do seu voo territorial. Ese son, de pouca duración, ten un evidente parecido co beo ou o tusir emitido polas cabuxas. Daquela, penso eu, podemos sospeitalas como "voces testemuña": a presencia destes étimos podería indicar que nesa bisbarra, nalgún momento histórico, aniñaron as agoanetas. 



Actualmente só se cita como aniñadora nalgunhas localidades de Ourense, na Baixa Limia arrimada ao Couto Mixto e certamente nun escaso número de parellas. Ao meu parecer o mapa de dispersión dos étimos anteriores podería ofrecernos unha ferramenta para coñecer antiguas áreas históricas de crianza. Seguramente como "étimos testemuña" poderíamos incluir, e por parecidas razós, o de paxaro berrón e a cucada léxica de zanfoneta recollida en "Vertebrados da Limia. Dende a lagoa de Antela aos nosos días" de Villarino, González e Bárcena (2002).


Na Península Ibérica só hai outras dúas pequenas colonias nidificantes, unha no Sistema Central, na Serra da Paramera, nos avesedos da provincia de Ávila, e outra en Portugal que das cen parellas censadas en 1976 pode que non teña hoxendía máis de dez parellas.(5) Escasísima e en perigo como ave nidificante en Iberia, pra ter unha oportunidade de ollar unha arceucha, ao noroeste do Noroeste, hai que agardar ao tempo da invernía, onde un apreciable continxente de individuos euroasiáticos se desplazan cara a o sur e aparecen polos humidais da bisbarra.


Pra daquela. ao mellor podemos ter algunha oportunidade de miralas. Traballa contra os nosos ollos o seu carácter tremendamente esquivo e reservado, e a nunca elevada cantidade de efectivos que recalan por estes arredados mundos, así como a súa asombrosa capacidade de encriptación co ambiente que lle permite ser invisible, mesmo que estea  pousada diante dos nosos ollos. Este ano case pisamos unha nas abas da Herbeira. 


Hase comprender a miña sorpresa ao percibir o dia 8 martes deste setembro que pasou unha arceucha no esteiro do río Condomiñas, entre a Ponte Vella e a Xunqueira, entre edificios e coches, encriptada nas sombras da orela esquerda. Poiden dar con ela o xoves e o venres desa mesma semá. O xoves graveina peteirando e refolgando o froixel, medio gardada entre as herbas enxoitas e o sol e sombra da ribeira, na zona do Pozo Redondo. Ao outro máis confiadísima, mirándome aos ollos de frente e deixándome facer, poiden compartir agradecido unha hora da súa vida mentres ela rebuscaba miñocas ou repoñia alentos ao abeiro dos acolledores e hospitalarios marmulos.



Marmulo é voz que a unha cedeiresa, ou cedeirés, debería serlle tan familiar coma chalana. Expresou sempre esas xebras escuras, verdapardadas, que, unhas con vexigas ou bochos e outras sen elas, practicamente recubren a totalidade das pelouros, que andan tapizando as areas do fondo do río. As coñecidas xebras do fucus. Fucus vesiculosus os que portan as características vexigas que todo cativo cedeirés se entretivo en estourar, propio de augas máis salgadas e mareiras  ca Fucus serratus, con follas moi dentadas e menos aboboradas, daí serratus,  e tamén Fucus spiralis, que tal me parecen as que se crían coas augas doces do río Condomiñas  así e todo, de moi difícil descernimento pra este lego que sempre deu en chamalas a todas coa palabra marmulos. Por entre elas andaba a arceucha que adorna este discorrer.



Xabier Rodriguez Vergara, cedeirés da anada do 1935, define así a voz marmulo no seu extraordinario traballo "Léxico mariñeiro de Cedeira": "Alga mariña que se cría nas pedras nas desembocaduras dos ríos, alí onde chega e se queda a preamar da marea morta ou nas partes onde lle custa montar esas pedras para riba da media marea viva". Extrañamente esta voz X.R. Vergara non a acompaña do correspondente termo científico, o que si fai noutras moitas. 


Marmulo, é palabra que recolle Mº do Carme Ríos Panisse na súa "Nomenclatura de la fauna y flora marítimas de Galicia.II. Mamíferos, aves y algas" , obra xa clásica a quen o paso do tempo revaloriza, na que o define: "Fucus serratus (L): Malpica, Sada, Miño, Mugardos (en esta localidad distinguen dos clases de marmulos. macho y femia), Cedeira, Pontedeume, Ares. Etim. Var. marullo"  Interesante esa dicotomía sexual mugardesa, que parece nomear a dúas especies de fucus diferentes. Ríos Panisse lembranos que Sarmiento recollera esta voz en Xubia: "Aquel bocho del mar sobre las piedras como el de La Barca, que creo es arneirón" Observarase que este étimo, coruñés enxebre, domina o arco ártabro e a costá lapatianca: de Malpica á Ortegal.(6)



Pra o xénero fucus Ríos Panisse recolleu unha farturenta ceifa de étimos e os seus correspondentes lugares, que teño o gusto de copiar: barmulo por Caión; barreduiro por Camariñas; bichoso por Vilanova da Arousa; bioche en Portonovo; bocheca en Muros e Lira; bocho, por Cangas, Cambados, Espasante, Bares, Sardiñerio, Carril, Portosín, Aguiño, Mogor, Laxe, Ribeira e Escarabote. borocho e bocho de mar por Portonovo; botella por A Guardia, Caminha, Panxón e Bouzas; brocha por Corme; brocho en Rianxo; buche en Cesantes; bucheco polo Ézaro; bucho en Muxía; carballa en O Grove; carrasca en Laxe; carromeiro por Bueu; carroucha en Escarabote; malboredo en Foz; malmoredo en Burela; marfollo rateiro por Rinlo, Ribadeo e As figueiras; marmilo por Mera; marrugho e rabo de golpe por Viveiro; mochecas por Abelleira; mochelo por San Cibrao e aínda trapo pola banda de Laxe.(6)

Marabillas da lingua galega, na que o máis lene sospiro  pronuncia palabras e voces coma no mar o vento arrotas e alentías.



Un amigo, fuxido en Catalunya de si mesmo, houbo de poñerse a chorar emocionado estoutro día cando logo dunha ausencia de anos, ollando o río, véuselle a cabeza a memoria dos marmulos que de neno rebentaba entre os dedos, e unha marusía de evocaciós patrióticas, entendede infantís, alagou o seu sentir de arriba abaixo como se lle caera encima de repente un chovasco de endorfinas enchoupadas de  saudades. Os marmulos, Rafael... os marmulos.. alá ninguén sabe o que son... marmuriaba, se non era un laio que rezara polo baixiño ...acórdaste que os poñíamos na cabeza como se fora unha peluxada? 

As palabras: o que somos, o que fumos, o que haberemos de ser. 

Nosoutros ou outros.


Mil gracias mil, miñas e meus. 

Que máis quixera eu que este desmesurado discorrer de voces que chaman pola xente da lama non adormecera o atento e desperto espíritu que a vosa mercede puxo a miña disposición ao principiar este faladoiro, mais teño medo que arestora sexa eu só a escribir e vós os outros andedes acomodados nunha prudente e intelixente soneca de soños gratos aboiada no nirvana das sabas brancas do Mundo Feliz:  folgada actividade que sempre será máis proveitosa e divertida que andar a debagar con impacencia os indovindos das dúbidas deste aprendiz de todo. 

Esa soneca xa me está levando a vida. Vou ver se dou con ela.

Ata outra mellorada.

A mandare.




Notas marxinais:

Agradecería de todo corazón calquera precisión oportuna que poidese confirmarme a especie de fucus concreta que vai acompañando a arceucha en case que todos os santos.

Gratia plena a Damián Romay Cousido por poñerme en camiño da zanfoneta. Obrigado meu.

Achegos:

1) "Becada e becacina, dous castelanismos que non deberían incorporarse a lingua galega" Un artigo clarificador de Silverio Cerradelo. Entrar

2) "Os nomes galegos das aves" Excelente traballo de Silverio Cerradelo profusamente documentado e razoado do por que de cada nome proposto. Ler

3) A voz aguaneta no DdD. Ollar

4) A voz agoaneta no DdD Medieval. Ir

5) Ficha do Ministerio para Gallinago gallinago. Premer

6) A voz fucus no DdD. Ollar


PAZ E PALABRAS

sábado, 21 de novembro de 2015

Esprendor da neve nas xebras.

Un outro ano máis arribaron xa ás nosas terras algúns poucos escribidores das neves, Plectrophenax nivalisConsiderados  en tempos pasados  ​​unha rareza visual, hoxendía catalóganse de invernantes regulares, ben que cun numéro certamente escaso de individuos: disque non  han ser máis de dous centos os que veñen invernar ao norde ibérico cantábrico dende as súas lonxanías criadoras nos espazos árticos de Groenlandia, Islandia ou Laponia. 

Un veciño invernante circumpolar, velaí. 



Nesta arribada anual  dende as súas terras de nacemento ata as nosas ribeiras, os escribidores das neves escollen con preferencia os marouzós dos areeiros, non sendo raro dar con eles  polas abas da Herbeira. No ano 1996 José Miguel Alonso Pumar detectou unha bandada de 53!! exemplares revoando polos turbos chaos capelados. Cifra certamente extraordinaria e que couta un fito difícil de superar.



Informado polos xenerosos amigos paxareiros, gracias Toñito e Ricardo, de que un pequeno grupo aparecera pola Herbeira subín ao monte pra tentar facerlles unhas chiscadelas e volver disfrutar coa beleza nórdica destes lindos escribidores da neve, que, doutra volta, retornaban a pasar o inverno con nosoutros.



Gracias a Ricardo, sempre de garda na garita, que tiña localizado un exemplar nas pozas de auga da canteira abandoada de cima Teixidelo, poiden contemplar os indovindos alimentarios dun lindo macho: sexado polo mestre Hebia, sexo seguro. Ese nivalis  é o mesmo que vai iluminando este  escribir.



O mestre e o aprendiz de naturalista camiñaron amodo o reborde do cantil buscando ao pequeno grupo de escribidores que días atrás andara petiscando entre o punto xeodésico e a mámoa. Nen  a primeira pluma lles miramos. En troques, esta pica das campas, Anthus pratensis, si se nos deixou ver.



Mais o percurso deu pra falar de becacinas, unha levantóusenos ao pé; tordos de papo branco, que hai días pasaran xa; picas alpinas, hai un grupo de seis ou sete parellas que cría pola Herbeira adiante, azulentas da neve, que andarían próximas a arribar; pimpíns, choias, buxatos, miñatos, nos días seguintes documentaría un miñato rei, Milvus milvus, pola mesma Herbeira, e, se tempo houbese, repasaríamos o catálogo completo da máis comprida guía paxareira, sen que tivesemos a sensación de que non hai ave que voe mellor có tempo: era xa  a hora  das doce e daquela habería que ir xantar.



Entre verba e conversa, aínda lle botei un ollo a esta pedreira: Oenanthe oenanthe, pra os amigos paxareiros do mundo enteiro. 



Ao día seguinte baixei á Praia da Madalena por ver de mirar e rexistrar algunha lavandeira escura entre o verdello de xebras que apousara a extraordinaria marea viva desa noite. 



Nada mais chegar, xa o vin: pola praia andaba un lindo exemplar de Plectophenax nivalis!!. Albaricias!! A escribenta das neves petiscando entre xebras. Opa!.



Xa non tería que subir  a Herbeira pra miralo. Alí estaba, no medio e medio da vila, resplandecendo co seu albor de neve entre a frescura  da ensalada de verzas de mar, vizosas e  húmidas, do areal da Praia da Madalena.



Unha gozada. Disfrutei coma un cativiño cunha lambada na mao. Certo que non sempre andou moi perto de min, pero por veces achegábase ao muro da Praza Roxa e daquela prefería miralo de fronte e por dereito, sen o intermedio do visor da cámara.



Parar non paraba nunca. Arrequecíalle o peteirar. Dalle que dalle buscando entre carroufeiras e verzas as sementes que arrombara a marea, as que, eu non o dubido, haberían de ter o salgado sabor dun apetecible aperitivo .



Os nivalis cóntase que gustan de andar en greada, teñen sentido gregario, sendo o máis normal velos en grupos compactos, non rexeitando mesmamente a compaña doutras xentes: verderolos, gorriós, liñaceiros... Curiosamente das catro oportunidades conscientes que tiven de ser observador da especie, tres delas foron de individuos solitarios. Casualidades.



Non sei se máis alá dun amigo da infancia, criador de paxaros en gaiolas xigantes, quen se parou a falar comigo e inquirir que paxaro era ese ao que eu andaba a apuntar, haberá algùn outro cedeirés que chegara a saber que un fermoso e exótico escribidor das neves recalara na Madalena, a descansar e repoñer forzas logo dunha viaxe épica dende as tundras árticas. 



Por amplar a nómina dos ceareiros desta fermosura e esperando que exista, alén da parroquia habitual dos lectores fideis deste blo, unha sensibilidade natural solidaria e acolledora, espaleo polos abismos bitales o testemuño gráfico da presencia na plaia da Madalena, entre xebras e luces verdes, do esprendor branco dun pequeno príncipe da tundra ártica, o paxariño das plumas con felepas de armiño: o molido escribidor das neves dando fe de querencia. 



Velaí diante de nosoutros mesmos un anaco íntimo da historia natural do noroeste do Noroeste: o paxaro que máis ao norde cría de todo o mundo, un outro inverno mais, petiscando en Cedeira sementes salgadas á xebra.

Cousa linda, abofé.


Pasei toda a maña entretido ollando pra el, e estaría un fisco máis sosegado se non fose andar eu ocupadísimo en seguir o seu deambular, dun lado pra outro do areal, sempre axocado por algunha bicefalia perrumana coa educación medioambiental tan confusa como desenfocado está o seu presumido, direiche de que careces, amor aos animais: a extensión perruna da miña personalidade, ten dereito a asoballar, maltratando con sobredose de terror persecutorio, a canto animal silvestre, débil, pequeno, lixeiro e ceibe ande repousando ou alimentándose en calquera dos areais aos que levo ao meu can a defecar con indisimulado disimulo. Porcomanos.

Miñas donas, meus señores, se o sentimento ecolóxico non lles alcanza, ogallá lembren a cristiana obrigación misericordiosa  de sermos hospitalarios coas almas peregrinas, e se tampouco, tal vez comprendan que co elemental exercicio cidadán do respeto, da educación e da hixiene, abondaría.

Digo eu.



Quédase acó por hoxe o conto. 

Agardando que os vosos pés non esbaren en calquera das cen mil deposiciós caninas que andan a causar unha perversión  hixiénica e ecolóxica de dimensiós aínda non avaliadas, e  ata o de agora nunca vistas nen ulidas, este aprendiz de naturalista vai polo de agora deixando xear. Agradece de todo corazón a vosa presencia e complicidade nesa outra parte do espello de silicio e prega aos ceos pra que as feces do disgusto, non vos avolten a ledicia que regala o pracer  de contemplar a vida salvaxe ao natural, capaz de arrexuntar nunha mañá de outubro o esprendor da neve polar coa verdura mariñeira das xebras cedeiresas. 

Ao noroeste do Noroeste, iso si é posible.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.



Notas marxinais:

Admítense varias subespecies de escribentas que asegún a zona de cría presentan pequenas diferencias taxonómicas: nivalis, propiamente falado, por Norteamérica e Escandinavia; insulae, por Islandia, Illas Feroe e Higlands escocesas; vlasowae, por Manchuria e Xapón;  finalmente townsendi, por Alaska, Illas Aleutiana e costás de Sibeira, enfronte do Estreito de Bering. A espera de calquera corrección dos especialistas, os protagonistas desta entrada son, ao meu parecer, da subespecie insulae. Saberase.

Efectivamente, meus amigos, o alcume galego do Plectophenax  nivalis é escribenta das neves  e non escribidor das neves, nome este co que si se corre en lingua portuguesa. Eu no texto uso un ou outro, asegún lle vai parecendo ao meu  diletante sentido estético. Puro capricho. Mais que por preferir elexiría escribidor por puro rigor histórico: o oficio de  escribidor foi esencial no sostén burocrático do Antigo Rexime Feudal durante séculos, os mesmos nos que nunca houbo noticia de ningunha escribenta. Un tour de force non sei se feminista progresista ou progresista feminista.

Se alguén tirou a conclusión de que considero a todo posuidor de mascota cánida, un porcomano, vai moi confundido. Os porcomanos son unha particular subtribu perrumana, perfectamente diferenciada dese subxugado cidadán, responsable, bolsa en peto, correa na mao, can ao meu lado, do que non deixa de sorprenderme tanto a súa civilizada categoría cidadán, tan rara de ver, canto a súa lealtade fiel ao can, que pra calquer ollo atento pode ser dificil de diferenciar dunha escravitude sacrificada. Non os confundo, non.

Abismos bitales non é erro ortográfico nen lapsus de teclado, pois esta verba, da miña colleita, non vai referida á vida, se non aos bits, unidades mínimas de información coas que se constrúe todo o universo, abismal e insondable, da internete, a rede de redes na que tantos enmallamos.




Achegos:

1) A breve nota da Wiki.  (Ler sí querer)

2) Ficha de SEO Bird Life.   (Premer)

3) "El escribano nival en la Península Ibérica". Documentado PDF de José A. de Souza na revista Ardeola do ano 1991. O que se sabía da especie ata o daquela. Pura historia naturalista. (Adentro). Imperdible.

4) Dous vencellos a anteriores entradas neste mesmo bló sobre a escribenta das neves. Con perdón.((*) e  (**))
    
PAZ   E  PALABRAS 

sábado, 5 de xaneiro de 2013

Mes de mobellas

As mobellas, Gavia sp., son un xénero de aves mariñas de latitudes outas que nos invernos adoitan baixar ate as nosas costás pra mellor pasar a tempada das friaxes e os anguieiros. Cada inverno, polas costás galegas temos a oportunidade de  poder botarlle un ollo a calquera destas xentes que, se un non anda moi atento e vai pensando noutras cousas, pode dar en matinar que o que acaba de ver navegando pola flor da auga pra se mergullar decamiño non é nada diferente dunha chíscala, Phalacrocorax sp.. Mesmo mariñeiros curtidos e retallados polas  cousas do mar dan en confundirse.



Non son moitos os exemplares de mobella, disque non chegarán a douscentos por todo o Cantábrico, os que baixan a pasar o inverno nas augas dos nosos mares, os  menos fríos  da súa zona de expansión. 

Nacidas e recriadas nas latitudes árticas de Norteamérica, Groenlandia e Islandia, onde pasan medio ano, desprázanse cara o  Báltico e o Mar do Norde. Ao chegare o cerne da invernía algunhas poucas déixanse caer polas ribeiras da costá  cantábrica. 



Excelentes mergulladoras (disque poden pasar tres minutos amargulladas) e rápidas nadadoras de profundidade, teñen un talento especial pra a pesca submariña, o que tamén axuda a confundilas coas chíscalas, Phalacrococrax sp., máis aínda porque ás nosas costás veñen coa súa  farda de invernía (moura, apardada, coa gorxa esbrancuzada, dándose un parecido  cunha chíscala noviña) tan diferente da fermosa e elegante maxencia da súa plumaxe de cría que só poderíamos disfrutar de poder ollalas durante o estío, alá nas lonxanas e brancas augas árticas dos días interminables.


Catro son as especies (G. stellata, G.immer, G. arctica e G. adamsaii) do xénero gavia,  gaivota en latín, que poideran verse polas augas galegas ao chegar o cerne das friaxes. Todas elas raras e escasas, e frecuentemente olladas lonxe de terra, non sendo G. immer, que parece ser  máis destemida e pode ollarse, un ano con outro, pescando entre os barcos ou as chalanas dos portos.

G. adamsii, a mobella do peteiro branco, é unha desas rarísimas observaciós que só moi de tarde e en tarde se poideran deixar ver. Unha lamberetada pra os afeccionados. En toda España (preciso, oportuno e documentado comentario de Toñito do Barqueiro, obrigado, meu señor) aínda non houbo quen gostase de tan saborosa lambada. 




As ilusiós fundadas no realismo confórmanse con poder botar un ollo, habitualmente de lonxe, a calquera das outras especies, ou con ter a fortuna de poder ollar ao pé do malecó algún exemplar de G. immer, a mobella grande, e así observar en directo o seu tranquilo navegar entre as galgas e o seu mergullar por baixo do casco das embarcaciós amarradas.



Os santos que van ilustrando estas verbas correspóndense cun exemplar de mobella grande observado en xaneiro do 2012 no Porto de Cedeira que adoitaba achegarse extraordinariamente ao cais e que andou pola ría unha boa tempada. Tiña algo averiado o ollo dereito. Ben se ve nas imaxes.

Servidor era a primeira vez que tiña tan diante de si unha mobella e aproveitou a ocasión pra contemplala amodo. Penso, non sei o que dirán os expertos en estatística, que o inverno do  2012 foi un moi bon ano pra poder disfrutar das mobellas.




Acredito  que certa mañá babuzallenta e húmida dun sábado do xaneiro que se foi, observei a unha delas pescando a canda unhas chíscalas, entrepontes do Río Condomiñas. No medio e medio de Cedeira.


Subín as rúas súpetas que levan a miña casa e pillei a cámara.  Baixeinas a brincos, empurrado pola présa e armado cun paraugas de sete parroquias. Busqueina con ansia pola marea  recelando  que  marchara. Alí seguía, a pescar, arrimada as paredes, na altura das escalerillas da Marina.  Opa Arena!

Achegueime con ansia e sixilo, a cámara preparada, o paraugas aberto loitando co aire e coa choiva, e alí, diante dos meus ollos, a menos de dous metros de nada, apareceu de repente cunha anácara no peteiro.

As miñas ansias de deghoado, o negro tremor do enorme paraugas e  aquela cámara escura apuntándoa, entráronlle nun alustre pola meniña do ollo, e instantáneamente, vista e non vista, a mobella amargullouse co cangrexo ben pillado en firme. 

Nen un clic.

Apareceu aló ao lonxe, no medio da ría, non direi que ríndose, pro si con cara de despreocupada satisfacción, petiscando -feliz- fresquísimo marisco cedeirés. 

Aboiando con displicencia, adicouse a compoñer tranquilamente a plumaxe e a refolgarse da dura xornada do día e dos arrepíos, sen dúbida terribles, provocados por un abrelado naturalista afeccionado posuído por unha empanada de paraugas e ao que, en xusto castigo por tanta pránghana, só lle permitiu facer un lonxano videomínimo da súa impudorosa hixiene corporal. 

Abaixo vai editado.


É a hora anual das mobellas. Se andades polos peiraos dos portos dando unha voltiña e ollades algo parecido a unha chíscala, que ao mellor amargulla coas azas un aquel despegadas, pensar se non andaredes a ollar unha Gavia immer, ou calquera outro dos seus parentes. 


Prestádelle a vosa atención: ao mellor tedes a sorte de encher o ollo cos indovindos mariñeiros dunha ave especial, unha turista invernante nacida nas xeadas augas árticas, nun coreño niño que seus pais fixeron non lonxe da marea pra poderen chegar a el decamiño e sen agobios, pois toda a celeridade e habelencia que teñen no mar tórnase en terra andares de zoupallón. 

Pensade que estades a ollar un dos reclamos de turismo de natureza que pode ofrecer o noso mar aos cada día máis numerosos afeccionados á contemplación das marabillas naturais, ergo a exótica familia ártica das gavias.

Nós, que podemos, fagamos turismo interior: viaxemos a Punta do Muelle.


Vaise indo hoxe abaixo esta entrada  a canda a marea que no punto enceta o seu devalar. 

Ogallá teñades sorte e en calquera dos portos do noroeste do Noroeste desfrutedes do tranquilo navegar de tan interesante ave mariña. En Ortigueira andaban esta mañá unha parella, un pouco lonxe de máis pra unhas fotos decentes; pro Alvaro Polo, ese prestixio, contounos que na súa pesqueira adoitan facer un percorrido habitual  entre o cais de recreo e o cortamar do pequeno porto ortegano. Por seascaso alguén quixer.

Aproveitade que anda encima o Anticiclón das Azores e ao mellor aínda nos regala unhas xornadas de luz e sol. Servidor non cre xa nos reis, nen sequera nos que foron Magos, pro aínda lle queda fe no Anticiclón Invernal das Azores, sáibase.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.




Nota non tan marxinal: 

Vai nos achegos un preciso comentario lingüístico de Silverio Cerradelo a propósito da denominación galega pra o xénero gavia. Preciso, coñecedor, axeitado e nunca aburrido, non deixa curruncho por esculcar: nen as entradas do Dicionario de Dicionarios, nen a revisión do Dicionário da Lingua Galega de Isaac Estravís nen  tan siquera o barrufantemente chamado Grande Dicionario Xerais da Lingua Galega

Sendo o caso que coincido plenamente co que el pensa e ampliando pra máis o que eu dei averiguado sobre a cuestión,  recoñezo que sería pra min imposible de mellorar en nengún dos seus puntos, encarecéndovos daquela a lectura de tan interesante artigo, e xa de paso tamén a das outras seis Precisións ornitolóxicas que se inclúen entre os 156 artigos do apartado Un idioma preciso, do espazo dixital do  Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Nen que dicir ten que un deambular lector por os outros 150 artigos non ha  ser tampouco tempo perdido.

Fé de verbas: coméntanme en privado que diaños siñifica esa expresión de Opa Arena! Naturalmente un non cedeirés. Opa Arena! é o berro de ánimo e apoio ca os siareiros do Clube Arena de Fútbol, berrábamos entre os anos 50 e  60 do século pasado pra apupar a nosa querida e groriosa equipa cedeiresa. Aínda hoxe, ese mesmo berro o usamos coma interxección exclamativa de ledicia ou ánimo diante dunha variada ceifa de circunstancias. Velaí.

Da galega fala cedeiresa van sacadas as expresiós abrelado (a mellor tradución ao dialecto moderno sería estresado), pranghana  (empanada mental) e deghoado (ansioso devorador de comida). Esta última poidera ser excrita sen a gheada: degoado, pro pranghana non me cadra de nengún xeito se escribo prangana. Ate parece unha verba moi diferente.

VIDEOSMINIMOSDONOROESTE TV


Mobella na Ría de Cedeira.

Achegos:
a) Un esudo da  precisión terminolóxica  en galego do xénero Gavia, por Silverio CerradeloEntrar.
b) Un interesante achego ás Precisións ornitolóxicas de Silverio Cerradelo, na páxina do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de SantiagoLer.
c)  Festival de fotos, Gavia inmer en Google Imaxes: Ollar
d) Festival de vídeos: Gavia immer e Youtube.Ver.
e) Achego ao Boletín da SGHN Paspallás Nº 34 do 2002. Hai un documentado traballo, firmado asimesmo por  Silverio Cerradelo, que desmigalla polo miúdo o tema da nomenclatura galega das familias Gaviidae e Podicipadidae. Consultar.