XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

sábado, 24 de febreiro de 2024

O Consello da Cultura Galega e o CSIC honran o Día do Naturalismo.

Que o Consello da Cultura Galega, celebre este ano o Día do Naturalismo Galego e que en palabras da súa presidenta dona Rosario Álvarez, esta data "está  xa firme no noso calendario" non pode menos que encher de orgullo aos naturalistas. 

Que o máximo órgano institucional, sen partidismo político, da Cultura Galega asuma o naturalismo  como un elemento cultural de primeiro orde que convén estimular, apoiar e defender non pode menos que encher de orgullo aos naturalistas e aínda aos aprendices de naturalista coma un servidor.

Que para máis o CCG, Consello da Cultura Galega, e o CSIC, Consello Superior de Investigacións Científicas,  colaboren xuntos na exaltación do natalicio do padriño Martín Sarmiento e da efemérede do Día do Naturalismo Galego en constatación irrefutable de que o naturalismo é ciencia e é cultura, non pode senon aledar os ánimos dos moitos investigadores que traballan arreo no campo, con sol, choiva, xeada, vento ou friaxes, percurando coñecer, por saber pra poder defender, a rica biodiversidade do país que   proxectos industriais de escrúpulos mínimos,  que se pretenden de progreso,  ameazan de continuo.

Ambas institucións  veñen de orgaizar e convocar un Obradoiro de ilustración da natureza actividade  propia de naturalistas clásicos, que dirixida pola artista e bióloga Clara Cerviño, vai ser levado adiante o mesmo día 9 de marzo nas instalacións que a Misión Biolóxica de Galicia posúe no Pazo de Salcedo, Pontevedra.

Clara Cerviño, copiamos da páxina do CCG, "...é bióloga, ilustradora científica e docente da Academia Ilustraciencia. Tras licenciarse en Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela e realizar dous másters en bioloxía mariña na Universitat de Barcelona, formouse en ilustración científica na Universidade de Aveiro. Dende 2013 traballa divulgando o valor e a importancia da natureza a través das súas ilustracións en proxectos de divulgación científica. Colabora con centros de investigación do CSIC, musos e universidades. É autora e coordinadorado Manual de iliustración científica de Ilustraciencia, editado en 2022 por GeoPlaneta; ademais de ilustradora de varios títulos en galego para a divul gación da natureza entre o público infantil, como Os nosos bosques e Os nosos mares, editados por Miudiño ou Canto cosmos, recentemente editado por Edicións Embora"

Á parte, Clara Cerviño foi dos primeiros artistas e científicos en amosar o seu apoio ao Día do Naturalismo Galego. Ao noroeste do Noroeste, non o esquecemos. 

O obradoiro por outra banda é gratuito e dispón de 20 plazas que se han de adxudicar por riguroso orde de inscripción que se abrirá o vindeiro e xa próximo luns día 26 de febreiro as 10:00 horas. Pra unha máis ampla e precisa información e pra poder inscribirse, premer acó.

E hoxe pouco máis. Servidor e os bichiños e planticas, non todos do meu pequeno mundo que hoxe me acompañan neste discorrer informativo, desexámosvos un moi feliz e vindicativo Dia do Naturalismo, poñéndonos á vosa disposición pra todo aquelo que nas nosas maos estivera, un supoñer: informar das actividades que teñades pensadas orgaizar arredor do 9 de marzo e que queirades dar a coñecer dende este o voso blogue. 

A mandare.

Apertiñas, miña ben querida e pouca xente. Facédeme un favor se podedes: concelebrar dende as vosas redes sociais, reunións familiares, farradas de amistade ou na soidade dos vosos pensamentos o Día do Naturalismo Galego, até chegarmos a conquerir que todos os días do ano sexan días de vida e natureza plena.

Seguir a ser bós que guapas xa sodes.

PAZ  E  PALABRAS


Próximamente, na rúa. 












martes, 13 de febreiro de 2024

O Día do Naturalismo Galego vai cumplir un ano.



O próximo día 9 de Marzo o Día do Naturalismo Galego vai estar de aniversario; vai cumplir un aniño.  Un recén nacido, como aquel que dí. Que cumpla moitos máis e que vostedes os conten. Nacer é fácil, máis difícil é cumplir cen anos. Pero pra chegar a cen hai que ir de un en un. Niso andamos.


Cónstame que son varias as actividades que unhas ou outras asociacións eco-naturalistas, e algunha ca outra institución, andan armando pra concelebrar con ledicia e vindicación data tan senlleira como noviña: terá por iso andares calmosos e prudentes. Non son eu quen pra adiantar o que sei que cada quen anda pensando: na súa hora xa o anunciará e presentará quen deba de facelo.


Si podo adiantar, e fágoio con moito gusto, que a Editorial Embora, pra celebrar a efeméride, anda preparando en formato de libro clásico a edición dun texto, de quen me fago autor responsable  e cuxa portada vai enriba destas verbas que leva por título: "Martín Sarmiento o primeiro naturalista, introdutor do amorodo en España e breve historia da domesticación do careixón, Fragaria vesca chamado" Longo titular inspirado adrede no estilo discursivo do Padre Sarmiento. Sáibase. 


O texto entralla tres argumentos que se van enrocando entre si ao longo das algo máis de cento trinta páxinas do libro. A sabermos:  unha vindicación de Martín Sarmiento como autor naturalista e como o primeiro intelectual que máis e mellor defendeu a necesidade dos estudios de Historia Natural en España; unha demostración de cómo Sarmiento vai ser o  introdutor do cultivo do amorodo moderno: aspecto este da súa biografía que ata o presente non se sinalara de modo algún; e ao tempo, e ao longo do texto vaise ofrecendo o que o título promete: unha biografía histórica de como se chega dende o careixón do monte ao amorodo comercial moderno. 

A coidada edición que está a preparar Embora Edicións, pequena editorial ferrolana independente de multinacional algunha, opa, vaise acompañando dalgunha ca outra ilustración de época: manuscritos caligráficos  de Sarmiento, retratos deste e de Joseph Quer, debuxos de Le Voyage au Mer du Sud de Frézier, outros de Gómez Ortega, de Ramón de la Sagra ou de Celso de la Riega... Santos que alén aledar o ollo satisfan ao espíritu degustador de cultura. É de agradecer e agradécese.


Malia que o texto está escrito no infausto ano de 2020 (e por iso puido servir de fundamento en 2023 á argumentación da comenencia de adicar como Día do Naturalismo Galego o natalicio de Sarmiento) recolle as máis novedosas aportacións á historiografía -edición completa da Obra de 660 pregos ou a edición de Henrique Monteagudo Conjetura sobre las orcas y otros cetáceos - e ao tempo, como non podía ser doutra maneira, presenta xa a recepción por parte da cultura e da sociedade galega do Día do Naturalismo Galego; asunción que puido oficializarse con todas as honras na sede do Consello da Cultura Galega o día 1 de marzo do ano pasado.Vosoutras e vosoutros, miña ben querida e pouca xente, axentes primordiais, sabedes mellor ca ninguén como é que foi posible.


Así é que no meu pequeno mundo andamos moi atarefados. Non so cos labores de edición e revisión do texto, senón coas componendas e amaños que inevitablemente cada ano hai que encarar no tarreo ao pasar o inverno: acomodar as herbas, ouciñar, queimar as vellumes, cambiar macetas, listar alcoubes, defender algunha planta que non quero que me desapareza, un supoñer as euforbias dulcis, os tártagos, os careixós... e repoñer os obxectos esbandallados polo tempo e os temporais.


Os días xa se veñen arriba e as primeiras flores alumbran primorosas anunciando primaveras: violetas, allicas, prímulas, acedas... e ao seu redor xa se ve a nacente bichería do ano: algún escarabello -unha Chrysolina americana chuchaba este día no romeu- os brucos atacaban o último capullo da roseira da tempada pasada, mosquitos e mosquitas pequenicos e pequenicas van e veñen, un paporroibo anda todo o día vixiando o meu labor que lle levanta miñocas gorentosas. Ao fin, a vida que volve sen terse ido nunca, non sendo pra mandarse durmir na invernía.


E eu voulles facendo algunha ca outra foto  que de momento fican gardadas nos soños da memoria dixital. A xentiña que me acompaña neste discorrer de hoxe, que só quixeran advertirvos da prósima arribada do Día do Naturalismo, 9 de marzo, está fotografada en anos pasados ao tempo que estudaban comigo a obra de Martín Sarmiento. As dúas orquídeas son do morouzo de Cedeira, coma  a barbantesa é do monte de San Antonio de Corveiro. Non van sair só os privilexiados do meu pequeno mundo!!.







E hoxe vaise quedando acó este discorrer anunciador e lembrador. Anunciador dun libro na honra do padriño Martín Sarmiento que se os trasnos da imprenta non se poñen á contra  estará á luz do día e a ollo de lectoras ao fin deste mes de febreiro. E lembrador de que pra primeiros do mes que vén o naturalismo galego vai poder festexar o primeiro aniversario da xornada anual que exalta a súa existencia e vindica o seu labor xeneroso. Sexa por moitos anos.


Tenras apertiñas, miña pouca e benquerida xente. Seguir a ser bós que guapas xa sodes. A mandare.



PAZ  E  PALABRAS