XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Lepidopteros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lepidopteros. Amosar todas as publicacións

domingo, 11 de novembro de 2012

O verme da folla verde.

O verde verme estaba na acera.
Subino a unha parra que había ao pé,
tireille clicliclís por aquí e por aló,
recortei as fotos cun fotoxó, 
axusteinas senmodo cun retocador,
diminuinas ao xusto co fotopen, 
mandeillas a bloguer co insertar,
 premín sen medo en publicar... 
...e velaí van e velaí van. 

(Fandango bló do verme da folla verde)












Sinto non ter pista segura sobre quen poida ser o verme verde da folla verde. Agradécese por diante calisquer endereito que me leve a certo: pro máis se agradece saber que a  vosa amistosa ollada de seguro saberá disculpar a saída de tono deste deslaimado chiste verde.

E se non, como me habería de atrevere?

Mil gracias mil, miñas e meus; apertiñas.

A mandare.




xoves, 1 de novembro de 2012

Avelaíña ou colibrí?


Alguén, digamos un coñecido, ao que estes asuntos naturalistas interésanlle só na medida en que poidan conducir a unha soneca relaxada e pracenteira, hai xa tempo que me examinou, con sorna "galeguista" querendo saber se eu sabía algo do "colibrí galego". Por que ao mellor eu non o  sabía pro en Galicia había colibrís. Que cho digo eu, que o sei.

 Este coñecido, é un figura do meu rueiro.

Díxenlle que non, que cousa tal na Galicia, só existía nos documentais da segunda; dos que el tan ben coñece os seus  primeiros cinco minutos. 

Pois hainos! Este día atrás, vin un nas buganvillas da miña casa! Foi coma unha aparición. Chegou fungando. Parouse quietiño no aire,  botou unha lingua longa pra chupare dentro da flor e marchou ao momento. Pro puideno ver ben cando se parou. Era un colibrí! Ou no saberei eu!.


Naturalmente calquer afeccionado naturalista sabe xa que, a quen se estaba a referir o meu coñecido, era a Macroglossum stellatarum, unha fermosa pampurriña da familia dos esfínxidos que ten hábitos alimenticios moi similares aos colibrís tropicais. Sendo quen de suspenderse  no ar movendo as azas a velocidades incribles e así, distanciada da flor,  coa súa longa espiritrompa estendida, da en  chuchar os zumes gorecentes gardados no adentro das coroas florais máis  profundas. 

Certamente, traballando no ar, parece un colibrí de documental.

Ti o que viches foi unha bolboreta, susurreille regueifeiro.


O meu coñecido, escéptico cultural, nen sequera confiado ao principio universal do desconfíado: "do que oigas non creas nada e do que vexas a metade", turraba incesante... 

...que se lle aparecera  non había moito un colibrí, á caída da tarde, chuchando as flores dunha buganvilla;  e que si ao voar fungaba; e que dende logo el nunca tal cousa  mirara; e que era un paxaro pequeneiro, moi pequeneiro; e que tiña que ser, por forza, un colibrí; que ao mellor viñera nun barco ou que viñera de onde quixera, pro que habelos, habíaios... 

En alentando do discurso, deulle un grolo de ogro á caña, baleirouna toda e dixo:

Van unhas cañas a que era un colibrí? 


Coa tradición cultural tabernaria de discutirmos parvadas coa altanería vehemente dun Cadeirádego en Todo, viñeron a acabar, nun alustre, Google e os espazos wifi

Acheguei ao coñecido ate ordenador do bar, escribín Macroglossum stellatarum... e premín a percurar en Google imaxes.

Ese mesmiño é o colibrí que  eu vin! saltou trunfante, case taladrando a pantalla co dedo índice que apuntaba á primeira imaxe: unha Macroglossum stellatarium que aspiraba  unha flor de lavanda.

Acababa de gañarlle unhas cañas. Ao figura do rueiro.

Hai mañás nas que te levantas e non sabes o agradable que pode chegar a ser o día.


O meu coñecido, sempre en figura, fixo unha heroica resistencia posicional diante da aparición de centos de magníficas fotos (Ollar) da  curiosa volainiña nosa que tan ben asemella os xeitos do paxaro colibri... 

...Amitar amítase moito, pro o que eu vin tiña que ser un paxariño pequenico...turrou, dubidando  ...E dis que é unha bolboreta? ...seguiú, pro víndose a menos ...Na vida mirara cousa á maneira  ...dixo, xa derrotado ...Se non o chego a ver no ordenador nó crería nunca... afrouxou finalmente, sabendo que, diante  da superioridade infinita da sabedoría  de Google, el, podería dar o brazo a torcer honorablemente sen merma da traballada fama de invencible polemista de bar que acompaña as súas apariciós, nunca discretas, pola porta da taberna.

Por poder presumir da elegancia deportiva innata do perdedor, barrufou aos catro currunchos: Ponnos outras cañas!. Que pago eu!

Sendo o caso de non podermos,  de momento, informarnos por Google  de a quen lle toca pagar a quenda das cañas, tivemos que ser nós os que lle informásemos que aquela rolda, antes do apoño... xa era a súa! 

Quedáballe  aínda por pagar outra rolda: á saúde da Avelainiña  colibrí.

Inescusable.



Escusas prego, por este desvarío tabernario excesivamente íntimo. Para contrapeso de tanta letra vaga gustaríame que poidese servir a xeira de  imaxes que a seguir irán. Todas, están rexistradas en dous días consecutivos, á tardiña dos primeiros de setembro, nunha campeira degradada dos arredores do Lago de Lanzós, onde uns ben floreados pés de Echium eran, á caída do sol, tasca agradecida na que libaban ceareiras, tres ou catro avelaíñas colibrí.

Que existen. 

Claro que sí.














Sen máis palabras, miñas e meus, mil gracias mil, por tanto.

A mandare.



Nota marxinal: as imaxes da avelaíña colibrí non son dignas da vosa atención. Logo de dúas sesiós completas adicadas a tentar conxear no aire a esta fermosa volainiña, desistín de repetir tan frustante coma divertida experiencia: non pensei posible pra min e a miña cámara -non sendo unha casualidade asombrosa-  facer rexistros con mellor enfoque. Mágoa. Secomasí, non me queixo:  cheguei a mellores resultados dos que esperaba. Escusas, prego.


Despós de data: Veño de aprender esta fin de semama que pasou que o colibrí dá en ser chamado bicaflor. Fermoso e gráfico nome que descoñecía, pro que merece ser rexistrado aquí pra que quede constancia, e se non se modificou na entrada, foi por que modificaría todo o relato e o faría case incomprensible, pois na data en que se producíu a anécdota, nen o figura nen servidor sabíamos que o colibrí na Galicia porta a fermosura dun bico a unha flor. Iñorancia que en min desapareceu gracias as ensinanzas do mestre ornitólogo, e amigo, Cosme Damián Romay Cousido.


VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE  TV

Chíscala anovando as plumas no Río Condomiñas.

domingo, 25 de setembro de 2011

¡¡Charaxes jasius no Pico Sacro!!

 
Gosto de subir ao Pico Sacro. Alá as amplas paisaxes, que trazan unha diagonal da patria galega de Ancares ao Mar de Arousa, séntense diminuidas e entran todas na aperta dunha ollada. Pousados nos graíños de grao groso, de brancos cristais de seixo á vista, séntese pasar, a canda o  aire que marmuría lendas, a Historia de Galizia, cando non brisa, vento firme, senon vendabal. Sempre, o misterio non desvelado do Pico Sacro,  déixame un recendo de saber intuído. Por iso gosto de subir alá. Para aprender do aire que pasa.

 Esta mañá de domingo preguiceiro, fomos indo amodo, unha outravolta, á cimeira dos cumes de Lestedo. Unha limpa mañá do último vrao do ano. Quentiña. Briseira. Alumbrando os campos as merendiñas, Merendera pyrenaica, e adubiándoas a elas a eclosión setembrina das volvoretas: licénidos e lasionmatas, por ducias, algunhas brassicas, tres fermosísimas e aqueloutradas macaóns e de repente...quen é esa extraña fermosura que se acaba de pousar nas pedras?

¡Mi madriña! ¡Unha erbedeira! ¡Unha Charaxes jasius! Unha desas alfaias naturais que todo afeccionado ao naturalismo quixera atoparse algunha vez na súa vida. Unha desas ilusiós que nos move a saír a diario ao monte coa espranza de que, aparte as marabillas cotiáns, se desvele esa figuración extraordinaria, antes nunca vista, que nos reconcilie, poñéndoio en valor, co monótono discurrir dos días. ¡Unha erbedeira! ¡Mi madriña! ¡No Pico Sacro!
A erbedeira é un ninfálido de terras cálidas que habita os paises mediterráns alí  por onde se desenvolva a súa planta nutricia: o érbedo, Arbutus unedo. Xa que logo a súa aparición virá regulada tanto por unhas temperaturas cálidas, canto pola existencia da  principal fonte de alimentación das súas eirugas: as follas tenras e vizosas do érbedo. Na Galizia que eu soubera, só se tiña citado no sur das provincias de Ourense e Pontevedra. Como corresponde.

Daí a miña sorpresa de ver as erbedeiras pola cabeza do Pico Sacro. E digo as erbedeiras, pois con seguridade ollamos dúas, ambas con diferentes niveis de deterioro alar, e posiblemente unha terceira revoou pola parte de baixo do monte, xa perto do aparcadoiro. De que eu saiba a abundancia de esvedros (...si e tamén madroñeiraborrachín, fartabellacos, cómaro, borta, albedro, alolicos, erbado, sérvado, lolica, carajeta, irbideira, erbedeira, amoreleiro, borrachiños, caraxiqueiro e aínda morogueira), máis prósimos dase polo bosque de ribeira da fervenza do Toxa. Ao mellor aí hai agora un outro niño de Charaxes jasius. Convirá determiñalo pra poñer un pouco máis en valor eses montes. Quede acó a idea pra quen poda poñela a andar; e a cita pra quen lle intrese.
Ao noroeste do Noroeste nunca a mirei, e non foron poucas as horas que pasei pola Fraga dos Casás, abondosa en érbedos, perante os días do vrao de tantos anos, mirando para o alto das vizosas e amplas árbores, tentando descubrir contra do ceo as fermosas e rechamantes cores desta lindura. Pro ou non se da, ou nunca souben mirala. Nen eu nen meu amigo Xosé Manuel Pita, que tanto ilusionamos ambos os dous por vela revoar nas nosas leiras que hobemos de  prantar esvedros a eito por onde cadrou. Agora medrounos a espranza.
Así é que poder mirar durante horas dando voos moi curtos, (andaba moi mansiña e cansa seguro que por vella), cando non  pousada ao noso pe, a esta singular e extraordinaria volainiña, e  moito máis ao norde de onde pensaba algún día poder mirala, foi un presente das horas que servidor só pode intuir coma un outro dos misterios revelados na cimeira do Pico Sacro. Onde senon?
E irei deixando xear polo de agora, que este artigo, escribido coa présa dun  revoar escorrentado, non tiña outro aquel que poder compartir canto antes  con todos vós, miñas e meus, a aparición extraordinaria de dúas erbedeiras, senon tres, polos cumes de graíño do  Pico Sacro de Lestedo, terra de lestas: esa herba recendente que se estraba nas igrexas para lor de deuses e virxes.
E acó vén a despedida, que chegan as horas da retirada e ben sabedes que, en sendo de Cedeira, na praza hai papel de estraza e vai sendo hora de que cada quen se retire pra súa casa; que sexa con saúde, paz e felicidade e o que eu vos desexo .
Mil gracias mil, por tanto.
A mandare,


VideosMínimosDoNoroeste TV

Erbedeira, Charaxes jasius, no Pico Sacro.

Algúns achegos para andar mellor informados:
1) A páxina de ANABAM, naturalistas e ecoloxistas do Baixo Miño e o seu fermoso proxecto dun bosque pra unha volvoreta, premer acó.
2) Unha cita de valor naturalista: a chirimoia como pranta nutricia da erbedeira, acolá.
3) Unha cita  e dúas boas fotos, de agosto deste ano na arraiana  Oímbra, por Amadeo Pombo Eirin, premer

sábado, 16 de outubro de 2010

Dos nomes das bolboretas

Unha das palabras que para este disléxico máis problemas plantexa na hora da súa exacta escritura ortográfica é o termo bolboreta, que de sempre, seguramente por telo aprendido da Volvoreta de Fernández Flórez, dou en escribilo, para horror de amigos e gargallada de inimigos, con dúas uves: e aínda me vou quedando tan pancho cal ancho.
Certamente bolboreta é expresión que acadou un monopolístico éxito de uso tanto popular coma literario marxinando outras moitas posibles, que a grande riqueza léxica da lingua galega afortunadamente conserva, atesourada, na artesa das palabras de aldea. Unha das chaves coas que este esforzado escribidor abre de cotío dita arca é o Dicionario de dicionarios da Lingua Galega, unha obra magna coordinada por Antón Santamaría e que para máis, é de libre e doado acceso na Internete, e ao que, unha outra volta, retorno para pescudar no fondo fondal da súa extraordinaria capacidade lingüística o mundo semántico dos lepidópteros no idioma galego, que de seu leva, tan pegado á espalda coma o vello latín, o recendo da Natureza.
Dúas serían as fontes latinas principais do caudal dos numerosos termos que, nun ou noutro curruncho da Galizia, se viñeron usando para denominar aos moi diversos insectos lepidópteros que a rica biodiversidade do país galego deu en criar. Serían esas fontes as palabras latinas papilio por un lado e bullinare polo outro. Miremos os afillados que cadaquén deu en cristianar.

Do latín papilio pódense supoñer orixinarias as seguintes expresiós: barboleta, borboleta, valvoreta, polvoriña, bolboreta e tamén polvoreta.
Do latín bullinare, a ao traverso de bulla, na opinión de S. Buschnann, citado por Aníbal Otero Álvarez (1968), poderían derivarse estoutras: avuíña, avelaíña, avelaia, aveleia, aveleiña, velaia, veleia, ablaíña, velaíña, avelía, lavelaiña, volalla, voalla, voiña e ao mellor tamén voleiriña e volainiña e aínda velonia: Tes menos paraxe ca unha velonia, din por Beluso. De ser tal a orixe sería razoable escribilas sempre co b.
Conforman asimesmo un campo semántico notable aquelas verbas que amosan a similitude entre as bolboretas e as aves: pomba, e derivado de esta pampurriña e pambereta, palomiña, paxarela, galiña de Dios, poliña de Dios; e páxara, paxarúa e paxaría no galego do occidente asturián e aínda tamén pajariña (sic). Nome este último que se fai coincidente coa denominación popular da cedeiresa Fonte da Paghariña, o que tal vez nos poidese explicar un nome nunca entendido. Queda por último a denominación de galo, aplicada nalgures, Ogrove por exemplo, á Iphiclides podalirius

Hai asimesmo numerosos nomes especifícos para denominaciós máis particularizadas. Abelona, por exemplo, é o nome co que se denomina a certas volainiñas de gran tamaño. Poidera ser o caso desta Arginnis phaphia.

Meco é o nome co que pola aldea compostelá de Lavacolla se coñece, sen determinar a especie, ás bolboretas nouturnas. Poideran ser esta Pyraustra purpurata ou esoutra Thyatira batis.
Cuco chámanlle por Tabagón a toda lepi de fermosos e rechamantes cores, daí tamén o siñificado de cuco por fermoso e de cucar por presumir e cucada coma algo moi bonito. Podería aplicarse a moitas especies, a esta Aglais urticae ou a Papilio machaon e a Euplagia quadripunctaria que lle seguen.

Anxeliño chámanlle pola banda de Marín a calisquer clase de bolboretas. Na miña opinión por metonimia da crenza popular de que cando morre un anxeliño, un neno recén ou de poucos meses, virxe de pecado, a súa alma sube aos ceos baixo a forma dunha bolalliña. Ollai para estas tres anxeliñas: unha Callophris rubi, unha Lycaena phaleas e unha Pyronia titonus.

Boanova chámaselle a toda bolboreta branca, sen dúbida tamén pola crenza extendida de que as avelaiñas que se achegan na noitiña á lús se son negras anuncian morte e se brancas tran boas novas habitualmente escritas nunha carta. Aplícaselle con propiedade pola súa rechamante brancura á maioría das especies da familia dos piéridos. A seguir unha Antocharis cardamines, unha Pieris brassicae e unha Gonepterix rhamni.
Por xilve coñéceáse as volainiñas pequenas e amarelas que adoitan vivir polas ribeiras dos ríos e entre os matos do terreo. Poidera ser esta Rivula sericealis ou a Pseudopantera maculata ou a Ematurga otomaria, ou unha de tantas outras.Chinguro e irisoido, son nomes aplicados a certas especies azuis e negras que voan polas beiras dos ríos. Non teño dúbidas de que se han de referir o xénero Apatura e con seguridade a especie iris, fermosísima e irisada en brilantes tonos añís. Lamentablemente non teño arquivo de tal marabilla, así é que vos deixo unha imaxe dunha parente prósima, unha Limenitis camilla, a quen eu chamo a viuviña.

E aínda hai o nome xenérico de maricelda para poder ser usado no canto do moi traballado e xa un pouco desgastado de bolboreta. Poderedes chamarlle así a esta diminuta Thymelicus acteon.
E como sexa o caso de que o galego pertence aos galegos e as galegas, servidor dá, sen querer nen pretender, só porque lle nace e necesita chamar ás xentes dalgún xeito, en ir poñendo nomes propios a canto bichiño se move. Así ás Hiparchia alcione chámolles damasmouras, ás Euphrydia aurinia, xa se dixo noutra entrada, señoriñas, ás Melanargia, xa galathea xa lachesis, as de alivio e ás coleas dei en chamarlles xofrosas. E deste xeito, máis ou menos, voume eu apañando co mundo e comigo. Mirade esta Coleas crocea e decídeme se non é da mesmiña cor do xofre.
Falar en galego, non só me parece un dereito, se non, nos esmagantes tempos uniformemente globalizadores, unha obriga est-ética.

E nada máis miñas e meus, ate acó chegou este revoar de pampurriñas, que agardo non fose nen lixeiro nen pesado de máis. Quedades na miña máis agradecida consideración e na compaña desta Inachis ío, que agora ben o sabedes é toda unha cucada.
A mandare.








Despós de data: Resultaba verdadeiramente pesado ir dando as referencias puntuais de cada un dos dicionarios e dos autores que recolleron esta abondosa anada de palabras. Para un exacto coñecemento de cada, e asimesmo das zonas onde se recolleron, quería deixar o achego correspondente do Dicionario de dicionarios, que nunca saberei loubar e agradecer como se merece, para que quen quixer, se entretivese en ir recheando os ocos que a súa curiosidade intelectual lle esixise. Por algunha descoñecida razón, o endemoniado e enmeigado Blogger non me deixa pegar o que antes copia, e tereime que conformar con suxerirvos o acceso á páxina e buscar, nos termos en castelán, a palabra mariposa. Aí aparecerán. Escusádame, prego. Obrigado.
Despós de data: ao parecer desenmeigouse o blogger. Este é o achego_Que aproveite.
http//sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=mariposa&tipo_busca=castelan
Despós de data: As volainiñas son todas, (menos a Callophris rubi que é do Xurés e que por acó nunca a mirei), especies presentes ao noroeste do Noroeste. A Papilio machaon está rexistrada nos arredores do Castelo de Monterrei e a Aglais urticae na fronteira coas Asturias pola banda dos Oscos e Taramundi. Para que se saiba.