XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 23 de outubro de 2022

O canto da boa pipa


Por camiñar a terra paso a paso entre silveiras

andando cos pes espidos tanta pedra esmagullada

zunando asubíos nas cimeiras, ferindo ao vento,

con letra cansa de arrastrarse por vieiros acabados

achego a miña alma nestes versos de verbas tan  usadas,

nesta hora en que morre o sol  e os sinos badalan de finado 

tanxindo a rebato, axando os aires, aqueloutrando... 

ondas de acordanza... que nada vale o que a paz e a calma valen 

para volver  sentir a invisible presenza da vulgar vida diaria,

a tranquila mudez dos días que pasan sen presa, nen apuro.

Zarandallos da historia  mintireira  que contan e contaron.


 Queres que cho cante outra vez?



P     or camiñar a terra paso a paso entre silveiras

A    ndando cos pes espidos tanta pedra esmagullada

Z    unando asubíos nas cimeiras, ferindo ao vento,

C   on letra cansa de arrastrarse por vieiros acabados

A   chego a miña alma nestes versos de verbas tan  usadas,

N   esta hora en que morre o sol  e os sinos badalan de finado 

T   anxindo a rebato, axando os aires, aqueloutrando...

O  ndas de acordanza... que nada vale o que a paz e a calma valen 

P   ara volver  sentír a invisible presenza da vulgar vida diaria,

A  tranquila mudez dos días que pasan sen presa, nen apuro.

Z  arandallos da historia  mintireira  que contan e contaron.




Sede bos que guapas xa sodes



Ao noroeste do Noroeste agora coma sempre,

PAZ  E  PALABRAS
cantamos.


(As miúdas e fermosas xentes que me dan o contracanto son todas elas parte da compaña diaria do meu pequeno mundo non sendo a labaza  e a araña das areas que ambas as dúas son do marouzón de Vilarrube; sáibase por se interesase)

mércores, 12 de outubro de 2022

Raposos



    As xentes do meu mínimo  mundo, a miña compaña corrente, andan moi aqueloutradas. Parecera que tiveran a rivixe. Andan axados sen nada nen ninguén que os acomode. Non me digas como é que se enteran das cousas que pasan lonxe do noso mínimo mundo pero o caso é que se enteran de todo, ou de case todo, e rexoubeiros como son, non deixan de opinar, falar e comentar de toda canta noticia chega a este arredado tarreo: e chegan moitas.

    Estes días andan alporizados emitindo polas antenas un rebulir continuo de ideas e ocurrencias conformadas en nano e micro ondas que teñen o aire do tarreo inzado dun  fervellasverzas de  interferencias, un boullón de emisións coleópteras, lepidópteras, dípteras, hemípteras e outras tantas e tan diversas,  que teñen ás de por si malpocadas redes güifis do meu rueiro deprimidas e transtornadas; e están tan enloradas que si buscas en Gugle Pedro Sánchez aparéceche a cara dun tal Putindemont. E iso non é nada: este día busquei Ao noroeste do Noroeste e saiume a portada do ABC cun quimérico Borbonieito publicitando: Masicola, mejor que Cocacola. Consuma producto nacional!!

    A causa de tanta inquietude entre as tranquilas xentes do meu pequeno mundo son os raposos. Tardei en darme conta, pero son os raposos. Hei de ter que explicar o que entendín. Resulta que dun tempo a esta parte apareceron paseando, descarados, pola serventía propiedade dos veciños da rúa Fernando Lago, en rigor a parte de atrás das mesmas  vivendas, un exército non escaso de seres bípedos pasmados, cos ollos esculcantes, a cabeza lixeiramente levantada en movimento curvo continuo, a percura de calquer detalle que chame da súa atención para inmediatamente facer aparecer diante dos ollos un teléfono que rexistre e transmita de inmediato -via instagran, feisbu, guasap ou o que -aquela rara e exótica proba da profundidade etnográfica dos seus ben elexidos tours turísticos, pola que entenden  Galicia Profunda e Máxica. En Madrid van a flipar. Mira que calle tan curiosa.


    É moi sabido que as dirixencias políticas -dende hai cincuenta anos polo menos- rendíronse, se non claudicaron, ate o poderoso influxo creativo dun persoaxe listo, moi laborioso, creativo, mal andado, comechón, de xenio difícil, de peor carácter, cacicón e mandarocas. Unha persoalidade alcumada, aldraxada, atacada, odiada, raramente recoñecida,  moi copiada e repetida, aborrecida polos compañeiros de profesión e reverenciada por millonadas de votantes cidadáns que recuncaron coa paixón das maiorias absolutas  entregándose luxuriosos á regaña da súa furna.  Este  ser asombroso, era unha quimera enfebrada entre un galego da Fraga e unha vasca de Iribarne. Deste monstro político díxose que na súa cabeza desmesurada, en fondo e forma, cabía un Estado. 

     Non descubrirei nada novo se digo que por influenza inspiradora e devanceira desta  quimera política, o Turismo -ineludible devorador de espazos naturais- desenvolveuse cunha puxancia "inasequible al desaliento" esbandallando as costás do mar, arrasando beiras de ríos, pisando cantís antes inexpugnables,  asfaltando turbeiras pra aparcar os buses recheos de humanidades turistizadas que se deixan transportar en madas sen número -e sen dor da pisada ecolóxica e do déficit de carbono- por avión, tren, barco ou móbil propio. Nunca deixei de escoitar aos políticos furnocráticos, esa peste sofista,  dicir que estaban a favor dun turismo respetuoso coa naturaleza pero nunca observei na súa conducta política nada diferente a unha permanente agresión  á Natureza (sexan paseos fluviais que arrasan o bosque primordio, miradores en espazos protexidos, vías ferratas, sendeirismo pisoteador de zonas vírxenes,  motonaves de todo fungar...etc, etc, etc)... presentados moitas veces, cínicamente, coma unha adecuación ou rexeneración medioambiental, outras veces coa coartada idealista, falsa e nunca comprobada, de que dando a coñecer protexerase mellor. 

    Ben ao contrario: é coñecemento comprobado pola intelixencia  que a mellor protección está no segredo.

    E tantas outras veces -cun argumento que sinten  de orde intelectual,  profundo e definitivo-  os desgobernantes  proclaman a necesidade de poñer en valor os recursos naturais,  queréndonos dar a entender que por si mesmo e tal cal está, así ao natural, a paisaxe, a flora, a fauna, a biodiversidade e a natureza non valen nada e convirá daquela poñela en almoneda pública pra que acade valor... facéndonos acordar, sen querer, aquel dicir castelán que só un necio confunde valor y precio

        A coartada turística. Ese fraguismo, ese franquismo inoxidable.



    Don Manuel Fraga Iribarne, esa asombrosa quimera española,  o visonario ideador da proliferación de parques eólicos, o adaíl do turismo, o pai do xacobeo, a mai do turismo rural, o  ogro da cidade da cultura, o fascista ministro franquista, o presidente democrático de Galicia, o inventor da festividade do Día das Letras Galegas, ese home capaz de mil imaxinancias... seguro que algunha vez soubo que algún día todos os gobernos adversarios acabarían utilizando algúns dos seus trucos pra poder trunfar tamén eles na política furnocrática e acomodarse por anos aos gustiños do poder; e así estaría firme que exaltarían, sen roibor nen rubido, a promoción turística coa vehemencia dos neófitos conversos nunha nova fe revelada. Extasiados, alelados,  abraiados diante dun colonizador recén chegado, non terían dor nen vergoña, por exemplo, de ir arrastrando o cu do paletismo pra regalarlle  rúas e plazas  aos capitalistas financiadores da serie Rapa,  disque, eu non o sei, sen cobrar siquera o mesmo imposto que paga a famosa veciñanza por poñer un andamio ou autorizándolles á súa comenencia, a facer ocupacións e desocupacións dos poucos aparcadoiros que nos deixa a beneficiada hostelería, expulsando os vehículos da famosa veciñanza sen aviso previo, furando casas sen autorización, ou ocupando o adro sen ter a educación e o respeto de advertir nen ao cura párroco nen á famosa veciñanza do rueiro que, algunha estando embobada, tamén ela se sintiu feliz de ser desprazada. 

    
    Chovía no mollado. Tiñamos experiencia de servidume. O vintetrés de agosto do ano 2016 La Vuelta Ciclista a España chegaba ao Alto da Herbeira. La Vuelta, coma todos os xogos de élite, non é un acto deportivo. La Vuelta é un macro negocio capitalista propiedade do francés Jean-Étienne Amaury, director xeral e máximo accionista de Amaury Sport Organisation (ASO) empresa familiar integrada no grupo Amaury propietaria asimesmo dunha moitedume de negocios "deportivos" fundamentalmente ciclistas (Tour de France, París-Roubaix, Liége-Baston-Liége...etc. etc, etc) pero que non despreza  as rentabilidades  do fútbol, da vela ou do motor: ao fin e ao cabo a familia Amaury é tamén propietaria do París-Dakar e do todopoderoso periódico deportivo francés L´ Equipe, que cada ano concede o Balón de Ouro.  Capos caporales do negocio, a familia Amaury.

    
    Imprevisiblemente, estando a Deputación da Coruña, e os Concello de Cariño e Cedeira en maos presumidamente esquerdistas -socialistas e nacionalistas- non só non dubidaron en financiar parte do negocio da poderosa familia francesa, senon que sepultaron co chapapote do desPrestixio a paisaxe e a turbeira da Capelada explaiando un enorme aparacadoiro de puro piche, pra que os Amaury tivesen o espazo alcatranado suficiente pra que a infinita troupe de maquinostros que carreta La Vuelta, asentase o seu negocio de tenderetes, podiums, camionazos, trailers, faixas, bandeiriñas, bolsas, gorricas...etc, etc. Todo ese mundo propagandístico de plasticallos rechamantes -satisfayers de neuronas infantilizadas- que  previsiblemente sería abandoado no monte e alagaría o ouzal como o inundou, con todo aquel horroroso salferido publicitario de lixo plastificado, colorista, regalado as embaucadas masas urbanitas e turísticas, que intres antes o axitaran con fervor e frenesí teledeportivo cumprindo servicialmente o seu necesario papel teatral de público entusiasta na liña de arribada. 
 
    En pasando La Vuelta, o monte da Herbeira era un pesadelo recordador do que algún día foron os montes da Candieira, cando alí estaba o barredureiro municipal. 

        En pasando La Vuelta, no monte da Herbeira quedou un cementerio de chapapote sólido, callado, moimenta imborrable do desPrestixio de quen tal fixo.  Nunca Mais... dixéramos? Me parece que este asfaltado de progreso é para Sempre Xamais. Ou casi.

        Seica o triste alzeimer advírtese por lembrar nidiamente sucesos de hai oitenta anos e esquecer os sucesos dos últimos tempos.

         Hai aí a quen lle interese a memoria histórica ecolóxica?


    Alguén imaxinará que os dispostos gobernantes progresistas esixirían as responsabilidades pecunarias pertinentes -vía multa por destrago, un supoñer- á familia capitalista francesa promotora, organizadora e gañanciadora do tal evento turístico, antideportivo e antiecolóxico chamado La Vuelta. Madialeva! Alcaldes, concelleiros, incitadores turísticos, xeoparquianos coa mentalidade conservacionista na Idade de Pedra  e voluntarios tal vez contrariados, conformaron un exército de xentes conxuradas e irmandadas contra o lixo  que amitando o espíritu e os modos nuncamásicos -armados de luvas, paus e bolsas negras- mandáronse polas abas do monte da Herbeira á caza e percura do plástico deitado. 

    
    En honra da verdade haberá que recoñecer que traballaron arreo e suorosamente, deixando o monte coma unha patena, facéndolle á familia Amaury o concienzudo  labor de  limpeza  do que ela se debería ter responsabilizado e, en consecuencia, financiado; e recoñéceselles tamén ao exército antilíxico o altruismo  gratuíto, liberal, propio dos amadores que asisten ao labor, non pola vil remuneración monetaria, senon pola difusa recompensa celestial que alumbra as esperanzas dos iluminados idealistas que militan nunha Boa Causa. 

    Os bos e xenerosos... e párvulos. Se o profesor Gustavo Bueno os chega a coñecer o seu catálogo de esquerdas poidera incluir un novo anaquel: as esquerdas parvivagantes os modernos servos -sen querer, nen saber, nen supoñer- do colonialismo moderno. Que por ser agora europeo e francés, e non español, non é menos colonial,  nen deixa de ser menos asoballador, nen lle importa máis o ser destructor da Terra.

     Da Nosa Terra no caso presente.

   
     Poderíamos apuntar dentro destes estimulados neófitos militantes turísticos ao ínclito xeólogo das ideas petrificadas, aos seus batallóns de pisoteadores do mundo, á súa cohorte de inxenuas damas, ás bandadas de logreiros negociantes explotadotes do natural que o sobrevoan tal voutres, e aos seus  -de momento- valedores políticos cazavotos. Todos xuntos algún ano conseguirán que a súa idea do Xeoparque Cabo Ortegal -exclusivamente  desarrollista e turística que non contempla ningunha norma de protección da biodiversidade, sáibase dunha santa vez- sexa avalada pola Unesco, esa organización -tan prestixiada entre as esquerdas extravagantes- transmisora dos desexos e da ideoloxía dese clube mundial privado de macronacionalismos imperiales  chamado ONU. 


    Para daquela todos deberemos rezar un responso pola iniciativa científica de Don Felipe Macías, cadeirádego emérito de Edafoloxía da universidade compostelana -este si eminencia científica recoñecida internacionalmente inimiga de aparecer nos medios a todas horas-  quen xa en 1987 publicara pola Diputación da Coruña A Capelada: Una alternativa para el uso y conservación de sus recursos naturales, onde defende a necesidade de considerar á zona dos cantís da serra como Reserva Integral, alonxada de usos turísticos, industriais, madereiros ou mineiros. Além de polémicas nas que involuntariamente se veu enredado sen el querer, Don Felipe Macías, a quen tratei de refilón en Compostela nos lonxanos anos universitarios, é un científico cunha produción internacional de primeiro nivel. Ao mellor farían ben os xeoparquianos, e os demais,  en lermos a súa proposta - redactada hai trinta e cinco anos!! - de creación da Reserva Integral, no canto de andar conducindo masas de aplastaterras sendeiristas por zonas antes vírxenes nunca pisadas sen dor de esmagar, como esmagaron, unha pequena colonia de Iris latifolia -que poidera ser a de máis baixa cota mundial da súa área de distribución- como así o comprobei persoalmente no sendeiro creado adrede pra acceder a maldicida plaia de Arenas Negras, esa cursilería de ferrolán cursi pra chamar polo Baiogal. Deturpando de regalo o léxico propio do cabo Ortegal.


    Non discuto, antes confirmo, o exitazo que todos tantos  negocios publicitario turísticos están acadando.  Si nos últimos anos, un con outro, o turisteo veu medrando con crecemento aritmético -para satisfacción socarrona de Leopoldo Rubido, cónstame-  estes últimos xullagostos Cedeira vivíu unha verdadeira invasión de aboiantes madas viaxeiras que acudirían ata este arredado lugar, digo eu,  por reclamos diversos, que si o clima menos caluroso, que si unha zona virxinal a propósito pra destragala, que si o balbordo das redes sociais,  que si a casualidade... que si tal, que si cal...saberá cada quen o seu por que. Non digo que non. Digo que varios destes seres divagantes cos que conversei confirmáronme que coñeceran Cedeira pola serie de televisión Rapa. 


    Como é ben sabido que case non saio fóra do meu rueiro, poiden aprezar coma xa contei, esa invasión turística na serventía da parte datrás das casas de Fernando Lago que propiamente son un condomiño privado -son realmente  as puras vivendas- que se veu ocupado case a diario por un discurrir de xentiñas alleas, desubicadas, co seu aquel de aleladas, co aire parvibobo habitual dun turista, que escudados na indulxencia que se lle concede a inocencia e a iñorancia, non lles importa invadir o adentro da túa casa. Todo sexa por un like.  As xentiñas do meu pequeno mundo, escarabellos, arañas, escudiños, carricantas, saltaretes, formigolas e tantas cantas  outras, nunca tal sintiran e sendo como son, sensibilísimas ás novidades, non paraban de se alarmar e alporizar e estaban cada día nun permanente estado de aqueloutramento nervoso; e con ese séptimo senso que posúen deron en perceber antes ca min que era o que pasaba: pasan raposos Rafael, espectadores da serie  Rapa, eses pasan. Non te enteras de nada, Rafael. De nada.



    A min e ás xentes do meu pequeno mundo estes raposos aboiantes non nos aportan nada diferente a unhas moi molestas incomodidades, unhas malazosías innecesarias. Eu que non son hostaleiro, nen tendeiro, nen accionista do Gadis, Eroski ou Día -os tres grandes gañadores, exportadores por certo do capital que xeneran- non podo, digo, por solidariedade coas miñas pequenas xentiñas e comigo mesmo, aplaudir nen alentar esta desaforada invasión de raposos que me deixa sen aparcamentos, leva as súas mascotas a defecar e ouriñar pola miña estreita rúa -e aínda diante das portas!!!- e a metérseme na casa... e fotografala!!! Que cosa más curiosa de calle estrechita. Esto no lo han visto nunca en Madrid. Alucinan en colorines. Fijo. Nos hacemos un selfie? 


        E mellor ha ser que vaia deixando xear que  teño asuntos de maior trascendencia cotiá dos que ocuparme: por exemplo ir conversar coa bichería do meu pequeno mundo coa que teño pendentes un par de debates nos que tanto aprendo. Nesta ocasión falaremos ao redor do magnífico libro de Don Gustavo Bueno Panfleto contra la democracia realmente existente que estes días pasados foi de lectura obrigatoria e  pracenteira ao pé dos acios de uvas da parra, que están fermosos, callados, con bagas grosas, vermellas, granas, negras, docísimas e saborosas que, aparte a min e as velutinas, gústanlles a un merlo leucístico co peito branco, un paporrroibo recén chegado e un monxo ben marelo, ben negro e ben peitudo; e alí no curruncho imos papando nelas amodo, concentrados na lenta lectura do libro que fai unha caricola moi culta, e vannos pasando as horas entre longuísimos turnos de palabra -as miñocas estiran os argumentos que da xenio oilas-  contaxiosas risas das carricantas que a todo lle afían punta, e as lizgairas lixeirezas líricas dunhas poucas bolboretas que ao mellor mestúranse coas badaladas das campás da torre da eirexa que agora, dende que Don Xacinto se fixo cargo da parroquia tocan  cada día con xusteza, duración e precisión electrónica. 

    Eu que son un nostálxico, ben se nota, non boto de menos os irregulares e imprecisos toques da última sacristana, que de ser de finado podían durar sete rosarios e medio... e máis recuncar.

        Éche boa a risa.


    Ata acó cheguei hoxe. Sabido é que moito máis lonxe do meu curruncho non sei ir. Non me queixo. Aos meus anos que se aveciñan á setentena só teño dereito a agradecer doutra volta as bondades que a vida tivo e ten comigo; é a menor delas non é a abondosa compaña de sabios bichiños que me engalanan cada día.
    
     Tenras apertiñas, miña pouca xente. Seguir a ser bos que guapas xa sodes. Ata outra mellorada, se diolo quer

    A mandare.





 PAZ  E  PALABRAS


DESPÓIS DE DATA:  Nesta ocasión hai dúas imaxes, a do felgo coa formiga e a da eiruga que non son de xente do meu pequeno mundo. Así coma así non son de moi lonxe. Dei a conversar con eles na Capelada, nunha ocasión desta primaveira en que fun botar un ollo a un exemplar de Huperzia selago que descubrirá non moito atrás. Haberá que volver a saber del: parecía empezar a ter clorose: vaia que algunhas policas empezaban a marelear.