XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

sábado, 19 de novembro de 2022

Frei Martiño, ese noso padriño.

   


O texto que ha de vir é tan só un brevísimo extracto dun máis extenso traballo ao redor dos aspectos naturalistas da obra de Martín Sarmiento: e moi en concreto do  descoñecido rol primordial que desenvolveu como introdutor do cultivo do amorodo en España que se entrefebra cunha biografía tal vez sorprendente do careixón, Fragaria vesca chamado.Texto que efectivamente está inédito e sen editor á vista. As miúdas xentes do meu pequeno mundo que tanto conviven a diario con Frei Martiño poucas veces coma nesta ocasión se sentiron tan felices de acompañalo. De veras)


    

    Se de certo o labor lingüístico, literario, bibliófilo e pedagóxico  de Sarmiento están estudados e editados, sen agotalos nen moito menos, non pasa o mesmo coa análise e difusión dos seus traballos estrictos de Historia Natural. Territorios estes cuasi virxinais nos que o estudo das aportacións e informacións que nos legou Martín Sarmiento conservan abondosos territorios abertos por explorar, ofrecendo, a quen quixera penetralos, amplos espazos de averiguación e investigación. Abofé.(1)


    Miguel Colmeiro y Penido, compostelán, director do Real Xardín Botánico dende 1857 a 1900,  apuntou a importancia primordial de Sarmiento como o grande valedor dos estudos de Historia Natural: “Sarmiento fue  seguramente en su tiempo el español que manifestó mayor entusiasmo por la Historia natural y deseaba que se estableciesen enseñanzas de una ciencia sobre cuya importancia tenía la más alta estima. Para él era la Historia Natural fundamento de todas las ciencias humanas… La mayor parte de los escritos de Sarmiento permanecen inéditos y entre ellos los relativos a las plantas”. (2)


    E a día de hoxe os escritos naturalistas seguen a permanecer inéditos ou case inéditos. Das moitas monografías disertativas que Martín Sarmiento adicou a mixtos naturais concretos, sorprendentemente hai moi poucas editadas. O profesor berciano canario José Santos Puerto editou a Disertación sobre el animal Zebra nacido, criado, conocido y cazado antiguamente en España en donde ya no se encuentra; José Luis Pensado, De los atunes y sus transmigraciones y sobre el modo de aliviar la miseria de los pueblos; e o pequeno texto, que ademais é fundamentalmente lexicográfico de “Mostajo en castellano, en León Asturias y Bierzo mostayo, en Liébana mostazo” (3) e Antolín López Peláez, en 1892, e precedido “de un ligero estudio” publica Discurso sobre la singularísima Piedra Negra de la Ara de Lugo. (4) En 1860, Antonio de la Iglesia publicará por fascículos, dentro de Galicia revista universal de este reino, a Historia Natural de Galicia ou Sobre los vegetales kali, sosa y barrilla.


    Pero non hai moito máis. (5)



Podería verse neste abeirar da análise e edición crítica da obra naturalista de Martín Sarmiento a persistencia da miopía tradicional pra todos os asuntos das ciencias naturais; e aínda poderíamos desconfiar de que hoxendía como en vida do sabio, seus afáns naturalistas sigan a sospeitarse coma a divagancia ociosa dun frade estrafalario. O feito incuestionable que a magna digresión De Historia Natural y todo tipo de erudición, obra sen par en toda a literatura europea, siga arestora pendente de edición completa, non parece desdecir o meu xuízo, por máis que nesa Obra de 660 pliegos haiba máis páxinas de todo tipo de erudición ca de Historia Natural


    Próbase tamén esta marxinalidade (6) e ao tempo ofrece unha explicación da mesma o feito de seren relixiosos, lingüistas, e pedagogos, xente de letras case exclusivamente,  os editores  e analistas críticos da súa obra. Pódese entender que a mesta códea de etimoloxía e cultura bibliográfica que enchoupa todas as disertacións de Martín Sarmiento, agrade máis a un ser letrado ca un físico natural, se non o espanta; pero inxertada tras da erudición libresca hai sempre unha arca de noticias naturalistas que esixen, pra un entendemento cabal, a súa lectura por ollos doctorados, si en ornitoloxía, si en botánica, si en zooloxía mariña; quer dicirse en ser xente de ciencias.(7)



  A disertación sobre o Páxaro Flamenco, onde se expresan ambute de reflexións sobor das migracións das especies; os amplos comentarios sobre o varamento de 213 candorcas en Zumaia, que de ser lidos en hora teríannos aforrado ese divagar por paranoias otánicas de sónares electrónicos; os esclarecementos arredor do rinoceronte e o unicornio; do mono papión e o timo do home sátiro; as interesantes noticias do loberno, lubicán, lobo rabaz ou cerval que permiten conxeturar sobre a existencia de Lynx lynx na Galicia do Século XVIII; a longuísima sobre a seixebra, a trunfante sobre a carqueixa, ou a listaxe de especies foráneas introducidas en España, primordial en estudos de aloctonía vexetal….e tantas outras, son un territorio inexplorado, pleno de sabedoría e coñecementos de vangarda no seu tempo (si, tamén de inxenuas ideas, de utopías imposibles, de imaxinacións divagantes, de comprensibles erros…) que está agardando polas achegas analíticas e críticas dunha nova anada de xentes de ciencias que sitúen o labor naturalista, divulgador e conservador de Martín Sarmiento no xusto aprezo que merece este devanceiro de modernidades. (8)

 


    “Falta carbón y leña porque se corta y no se planta. Faltan carnes, porque por ser más regaladas las crías, se comen y se apuran. Falta el pasto, porque faltando la leña en tantas cosas se arrancan para la lumbre hasta las mismas raíces de todo combustible. Faltan los pescados en el mar porque se desprecian las leyes de la veda, que se pusieron justamente en favor de la cría. Faltan en los ríos porque con la cal, coca, torvisco y con otros inicuos medios de pescar, se pesca todo de un golpe. Faltan en los ríos los pescados que a ellos debían transmigrar desde el mar, transitando por alguna ría, porque a la avaricia humana se le tolera impunemente que pueda usar de todos los medios que impiden a ese género de pescados transmigrar según su instinto” (9)


Quen no seu tempo?


    En Galicia existe hoxendía unha magnífica xeración de científicos naturalistas que está a realizar un traballo xeneroso -máis altruista que cobrado-  silandeiro e rigoroso, á prol do coñecemento, da conservación e da supervivencia da biodiversidade de Galicia. Estas anadas novas de  sabios naturais están a facer realidade o petitorio histórico de Martín Sarmiento, trescentos anos van, de algún día existire no país unha man chea de aletófilos que camiñasen seus carreiros, congostras, ruelas e montes pra estudar en profundo e en extenso a historia natural de Galicia. Naturalistas que ademais de preparados científicamente están fornecidos de amor a Galicia e preocupados polo seu futuro natural. Seino ben. Trato con algúns, admiro a moitos e aprendo de todos.



Todos eles teñen en Martín Sarmiento un magnífico precursor, un labrador de serventías polas que hoxe camiñan senón azosamente, si con moitas menos rabuñadas das que os caritarían se Martín Sarmiento non desbrozara o espiñento silveirón da ideoloxía tradicional española, negacionista recurrente da validez e utilidade dos estudos de Historia Natural. Que inventen ellos! prolongou D. Miguel de Unamuno.



“En la inmensa Obra de Juan Bauhlno, no hay noticia de Galicia, si no por razón de un Colchico Gallego, que un Cónsul Inglés llevó a su País. He notado que muchos Mixtos, que en los libros se notan como raros, y producidos en paises remotos, son comunes en Galicia; y aun muchos de los vegetables Americanos nacen en caminos públicos al ayre descubierto, sin hypocaustos, ni hibernáculos. De los 30 vegetables curiosos, que se cultivan en Londres, y se estamparon en Norimberga, iluminados con sus nativos colores, que dió a luz M.Trew, y que poseo: el Martagon nace en los montes, el Pancracio en los arenales marítimos: la Blataria en los prados: el Lilio Narciso en las viñas de Galicia, en donde llaman Azucena de San Miguel; la Colocasia además de lo dicho, la Perslcaria, que Tournefort trajo de Tijflis; las Fresas que M. Frescier trajo de Chile; la Phytolaca; las Papas Americanas, las Camarinheiras de Amato Lusitano; el Cannacoro son muy comunes en Galicia y muy raras en otras partes”.(10)


    O naturalismo tén diante si a oportunidade, ía escribir a obligación, callada de orgullo propio, xustiza histórica e sentimento natural, de poder recoñecer en Martín Sarmiento un compañeiro adiantado, un devanceiro defensor dos estudos de campo de Historia Natural (el, que vivía nunha cela), un xenial espíritu fóra de serie no que encarnaría, mellor ca en ninguén, a honra de ser o padriño do naturalismo galego.

 

    

“…la falta de libros patrios, la falta de maestros, la falta de algunas cátedras, la falta de protección, la falta de caudales, y la sobra de los que censuran y se mofan de los que se dedican gratis á la Historia natural teniéndolos por poco menos que nuberos y nigrománticos, y con el menor desprecio por arbolarios, herbolarios, y alquimistas ó embusteros.” (11)


    

Padriño que non sería un santo celestial de mérito difuso, senón un freire vivo do Reino de Galicia, da boa vila, Pontevedra, un home laborioso a todas horas, infinito lector curioso, avogador de naturalismos, un sabio precursor de futuros silandeiro e humilde, que aprendía dos iletrados, da infancia, da ancianidá, que no seu tempo e sendo primeiro,  foi quen máis e mellor defendeu, que en España se instaurasen os estudos de ciencias naturais que hoxendía existen e nos que se formaron eses excelentes científicos naturalistas que traballan arreo a prol do coñecemento da historia natural, da defensa do seu medio físico e da conservación da súa viva diversidade. 


Frei Martiño, ese noso padriño.


 

    (Miña ben querida e moi escasa xente: rematou no punto esta oración gramatical prolongada que ao tempo que un laudo amoroso á figura sin par de Frei Martiño, tan descoñecida, quixera servir pra convidarvos ao faladoiro que o venres 25 de novembro, ás 7 da tardiña e nos espazos da Sociedade Galega de Historia  en Canido hei  dar, se todo vai ben, baixo o rótulo de Martín Sarmiento...o primeiro naturalista? Os breves asuntos que se anuncian nesta entrada han ser ampliados na medida das posibilidades que a minutaxe do parladoiro me conceda. Gratia plena. Sede bos que guapas xa sodes. A mandare.)




(1) Antolín López Peláez, “Los escritos de Sarmiento y el siglo de Feijoo” (1901)  (Páx 71-110)  adica o segundo capítulo do libro ao comentario das aportacións de Sarmiento á Historia Natural escribe: “Si quisiéramos ahora dar una idea detallada de la labor de Sarmiento como naturalista, tendríamos que alargar demasiado este capítulo: baste decir que además de los trabajos suyos que en él quedan citados, y de los que se refieren á física y matemáticas - la electricidad, huracanes y terremotos, la cuadratura del círculo, el problema sobre la longitud- escribió mucho sobre botánica é Historia natural en general y especialmente de Galicia y española, y dedicó sendos manuscritos a tratar singularmente del amianto, la malaquita, la fosforita , las pizarras dendrites, las pizarras con dibujos de arbolillos, plantas de Asturias, plantas de Toledo, vegetales exóticos, el azederach, el bangué, las agallas del roble, la corcova, la bardana, el carlo santo, el beleño, el laurel real, yerba del cabrón, árbol texa, el hiposcito, la grama olorosa, los hongos mucerones, la planta pata de buey, el mostajo, la manecilla, el árbol de la sangre de drago, el palo santo, orugas, pescados, cetáceos, atunes, ave del paraiso, palomas, pájaros picos, el burla pastores, el flamenco, el picatuerto, el palitoque, la cebra, el cíbolo, el cuervo, el rinoceronte, el miscornio, el lobo cerval, el papión y el perico ligero”. 


(2) Martín Sarmiento, considerado como naturalista y particularmente botánico. Miguel Colmeiro. Galicia Revista Universal de este Reino. Año III. Nº 10. 1862. Esta referencia é tan só un breve artigo de apenas dúas columnas, onde só se apunta moi pobremente a importancia de Sarmiento como naturalista. Só cita  o texto Discurso sobre la carqueija (sic) e refire vagamente ás outras produccións naturalistas de Sarmiento que Colmeiro coñecía polo listado editado polo Correo Literario de Europa pero das que parece descoñecer o seu contido. Ese brevísimo artigo, tan citado coma intrascendente, é só unha versión moi reducida da ficha correspondiente que o mesmo Colmeiro lle adicara a Sarmiento, catro anos antes, na súa obra La Botánica y los botánicos de la Península Hispano Lusitana. Madrid 1858. de cuia páxina 165 entresacamos a cita. Obra onde, amáis da biografía correspondente da páx 165, na súa páxina 590 refire puntualmente a grande maioría as obras escritas por Sarmiento referidas ao mundo natural.


(3) Escritos menores de Fr. Martín Sarmiento. José Luis Pensado. Cadernos de Estudos Galegos. XXXIII. 1982. 449-478. Dentro deste mesmo artigo vai incluída a lista de todos os libros de Historia Natural que posuía Sarmiento. A abrumadora presencia de obras de Carlos Linneo, o autor de lonxe con máis títulos, non casa nen medio ben coa tan publicitada adscrición de Martín Sarmiento, en exclusiva, ao método de Tournefort. Neste tema compre facer nova reflexión.


(5) Dentro das 193 referencias bibliográficas sobre a obra de Sarmiento, presentes na tese de Santos Puerto,(2002) só sete refiren, ben que algunas lateralmente, ao mundo da Historia Natural. O botánico Jesús Izco razoou sobre El proyecto de flora gallega; Francisco J. Fernández de Ana Magán e Mª Cristina Verde Figueiras trataron sobre A influencia do Padre Sarmiento na renovación da flora en Pontevedra; López Capont estudou Las ideas pesqueras del Padre Sarmiento; Xosé A. Fraga Vázquez analizou os Efectos en Galicia da renovación científica promovida por Sarmiento; a tese de Uxío Pérez Rodriguez Astronomía, matemática e o seu ensino na obra de Frei Martín Sarmiento,; a comunicación  El informe de Martín Sarmiento sobre las migraciones de los atunes en el estrecho de José Regueria Ramos ou os traballos das profesoras Rocío Ameneiros e Concepción Ourol, centradas no estudo da biblioteca científica do Padre Sarmiento. Estudos e investigacións todos eles que centran a ollada, máis nos seus aspectos matemáticos, ou astronómincos ca nos estrictamente da análese naturalista. E asimesmo, El P. Sarmiento, precursor de la Misión Biológica de Galicia, de Xosé Filgueira Valverde, La manzana camoesa y la pera urraca según el P. Sarmiento de Pablo Pérez Constanti e Feijoo e Sarmiento encol da baleia, de Henrique Chao Espina. E que se me dispense se queda, que quedará, algún traballo por referenciar, e ogallá sexa este, que non o  será, o menor dos defectos destas entrada.


(6) E tampouco parece desdicir esa marxinalidade o feito claramente comprobable de que no encomiable Proxecto Sarmiento patrocinado polo Consello da Cultura Galega dende o ano 2002, existindo seccións particularizadas de Patrimono Histórico, Antropoloxía, e Lingua, non exista nengunha adicada a Historia Natural, nen tan siquiera citada dentro da sección múltiple adicada a Ciencia, Técnica e Sociedade.


(7) Excepcional e exemplar  é o labor de María Álvarez Lires, Doctora en Química e profesora na Universidade de Vigo, quen nas últimas décadas publicou numerosos e esclarecedores traballos encol da relación de Sarmiento coas ciencias físicas, e moi particularmente coas Matemáticas, a Historia Natural e particularmente a Botánica. Alén do atrás referenciado da doctora Álvarez Lires coñecemos, aínda que non poidemos manexar todos: “A ciencia newtoniana na obra de frei Martín Sarmiento: unha interpretación orixinal” en Catálogo da exposición conmemorativa do Día das Letras Galegas. Diputación e Museo de Pontevedra. “Una figura preclara de la ciencia en España en el siglo XVIII: Fray Martín Sarmiento” en Collection de Travaux. International Academy os Science. A ciencia no século XVIII: Fr. Martín Sarmiento unha figura paradigmática, Universidade de Vigo (2002) e O papel das matemáticas na obra de Fr. Martín Sarmiento, Fray Martín Sarmiento y la Educación científica con Uxío Pérez e J. Lillo Bevía; e asimesmo, Las reflexiones de Fray Martín Sarmiento sobre la cuadratura del círculo; ”Unha excepción no discurso ilustrado da filosofía da ciencia sobre o xénero: Sarmiento(1695-1772)”, en Estudios de Historia das Ciencias e das Técnicas. Pontevedra (2001) “Sarmiento un científico da Segunda Ilustración” Universidade de Santiago de Compostela e asimesmo “As novas ciencias na obra de Frei Martín Sarmiento” dentro de Actas do Congreso sobre Frei Martín Sarmiento, Xunta de Galicia. Pontevedra 2002. Artigo este onde a doctora Álvarez Lires adica unhas páxinas a comentar os contidos botánicos da longuísima monografía (65 pregos aproximadamente 650 folios!!) Sobre a Seixebra.


(8 Que se é considerado referencia en Etnobotánica, con parecidos vimbios debe ser considerado un referente en Etnozooloxía, ou, xeneralizando, en Etnonaturalismo.


(9) Disertación sobre la decadencia de las almadrabas y la migración de los atunes. Fr. Martín Sarmiento. Lectura persoal do manuscrito          da Biblioteca Nacional de España accesible en rede na Biblioteca Digital Hispánica.


(10 “Carta sobre la Historia Natural escrita a un caballero rsidente en Londres” Martín Sarmiento en el Correo Literario de Europa. Henrique Monteagudo. Páx. 215. Compostela 2002.


(11) Los escritos de Sarmiento y el siglo de Feijoo. Antolín López Peláez . A Coruña. 1902. Texto extraído do Onomástico etimolóxico e Citado na Páx 97. Palabras de Frei Martiño que non son moi diferentes a estas outras que Bernardo ce Cienfuegos, o eximio botánico inédito deixou escritas no século XVII: “Está el conocimiento délas yervas tan desestimado, y abatido  que cierto que me corro muchas veces de decir que conozco alguna; porque me ha sucedido saber que en conversación como por burla, mofa, y escarnio algunos cultos, politicos, mirlados, filósofos de clausulas decoradas, bedijudos, pedantes, gramaticones meros, poetizantes; todos guedejas y petos, censores de libros, que no entienden, aunque los tienen en los estantes, como el librero, compuestos por ostentación y adorno, ó para venderlos y cambiarlos; quando se ofrece tratar de mí , ó nombrarme, aunque saben el nombre propio, por fisga, burla, y escarnio como tengo dicho, dicen, el herbolario”. Bernardo de Cienfuegos. Synopsis stirpium indigenarum Aragoniae. Ignacio Jordán de Asso y del Río. Massilia 1779.




PAZ  E  PALABRAS

FE DE SANTOS: As ilustracións antigas que acompañan este discorrer que ao mellor xa lestes non son, ben se entende, da miña autoría e van rebuscadas por entre  a arañeira dixital. A da cebra aparece na portada do estudo da familia Santos Puerto sobre a disertación de Frei Martiño que se comentou no texto. A fermosa ilustración do phenicóptero ou páxaro flamenco é da autoría de Ramón de la Sagra, coruñés eximio, e figura entre as varias da súa obra Aves de Cuba. A paisaxe na que se representan as almadrabas e as operacións industriais da captura do atún, non teño exacta lembranza de onde foi rebuscada, ao igual que o fermoso debuxo da adaba ou se queredes rinoceronte, do que sospeito poidera ser obra de Alberto Durero, pero constancia non teño nengunha. Sáibase e escúseseme, prego.




venres, 4 de novembro de 2022

FrouXeira... ou FrouSeira?


En memoria e a maneira de pouco homenaxe a Don Álvaro Porto Dapena, que en paz descanse, príncipe da lexicografía, fillo adoptivo de Cedeira, amigo.


 

   

     Unha das causas perdidas máis queridas do blogue Ao noroeste do Noroeste que me entreteño en entretecer, é a teima vella e persistente de vindicar o uso do topónimo Frouseira escrito co S, (tal cal a fala tradicional) que, sen que eu as chimpe ate aquelas razóns que o invalidaron, veu ser sustituido por decisión oficial coa implantación política da voz Frouxeira, escrita co X. Estou expectante por si algún día a Comisión de Onomástica da Real Academia Galega explica esa X e as razóns que a xustifican. Tárdame abofé.


    

    Meu amigo que en gloria està, Don Álvaro Porto Dapena,  cadeirádego na universidade da Coruña, -correspondente da Real Academia da Lingua Española, impulsor do dicionario De Cuervo,  do dicionario Coruña, lexicógrafo de sona internacional...etc, etc- vindicaba, defendía e usaba, como non podía ser menos nun rapaz de Narón, a voz que aprendera de cativo da boca da súa xente: Frouseira. Eu nacido en Cedeira no ano 1954, tampouco nunca outra cousa escoitei non sendo plaia da Frouseira, punta da Frouseira ou lago da Frouseira.



        Non foron poucas as veces que con Álvaro tratei do tema. De feito a nosa amistade principiou por falarmos de toponimia. Observábamos, ano a ano, como a presenza cada día máis abundante de numerosas escritas multiplicadas no mundo moderno por carteis, impresos, prensas, televisión, internet...etc, da grafía co X, estaba a provocar unha mudanza xeneralizada, como era esperable, na fala das xentes. Éramos conscientes de estar a observar un fenómeno lingüístico digno de ser atendido. Espectadores cun raro privilexio.


"De hecho antes de la década de los años setenta del pasado siglo nadie escribía ni pronunciaba con x nuestro topónimo, si exceptuamos —claro está— los mapas del Servicio Geográfico del Ejército” (1).



Álvaro coa súa sabiduría lingüística de primeirísima orde, adicoulle a esta voz unha especial atención en consonancia co experimento lingüístico e político social que se estaba producindo diante dos nosos ollos e entendementos. Polo menos dende o ano 2003, no que publica un breve artigo no Diario de Ferrol, intermitentemente (2) foi emitindo ao longo dos anos neste ou nestoutro dos seus traballos o seu diagnóstico sobre esta voz. Sirva de exemplo o seu imperdible Dicionario Toponímico do Concello de Cedeira, onde adica algún pensamento a esta voz. Finalmente no ano 2016 publica na revista de Estudos Mindonienses Nº 32, un amplo artigo, miucioso e diríamos definitivo: "Un topónimo valdoviñés: Frouseira, de FRONDA, que no Frouxeira de FLUXUS" (3)



"En el año 2003 me ocupé, en el Diario de Ferrol, de la etimología del topónimo valdoviñés A Frouseira o, como hoy se suele escribir -y pronunciar- A Frouxeira, precisamente para rechazar esta última grafía, según la cual dicho topónimo parecería relacionarse con frouxo "flojo", lanzaba yo la propuesta de que este nombre de lugar procedería de una hipotética forma latina "FRAGOSARIA", un vocablo relacionado con FRAGOR,-IS "fragor, ruido", en alusión al que, sobre todo en días de temporal, producen las bravas olas del mar al estrellarse contra el acantilado y la playa. Un año antes, en 2002, se había ocupado tambien del tema E.Bascuas, quien, entendiendo sin duda Frouxeira como forma tradicional - y en su persistente fijación de ver hidrónimos por todas partes-, proponía como étimo el lat. FLUXARIA, un derivado de FLUXUS (<FLUERE "correr, fluir") no en el sentido de "flojo" sino de "río o corriente de agua". Desconocía seguramente el sabio filólogo de Castroverde al plantear semejante hipótesis, que la grafía Frouxeira (junto con su correspondiente pronunciación con sibilante palatal) no era tradicional, pues respondía a una modificación llevada a cabo en tiempos relativamente recientes, sobre todo a partir de unas discutibles y discutidas opiniones-vertidas en la prensa local ferrolana- de un antiguo párroco de Valdoviño, D. Arturo Souto Vizoso, quien allá por los años sesenta del siglo pasado se mostraba partidario de que se dijera y escribiera Frouxeira en vez de la entonces generalizada Frouseira, que yo mismo, como nativo de la comarca ferrolana, pese a las recomendaciones oficiales sigo pronunciando y escribiendo de ese modo.



Apúntase neste artigo do 2003 a tese da posibilidade de ser FRAGOSARIA o antecedente de FROUSEIRA, e ao tempo sinalábase ao cura párroco de Valdoviño, D. Arturo Souto Vizoso -irmao do bispo auxiliar de Santiago Don Xosé Souto Vizoso- coma o primeiro escribidor e publicista da voz FrouXeira, nun artigo que vai publicar no Ferrol Diario e que sería contestado aos poucos días polo daquela popular periodista Eduardo Gómez Bellón, "Baltar". Poucas veces coma neste caso podemos recoñecer un topónimo de autor e precisar exactamente a data do seu nacemento. (4)



Desde luego es un hecho —repito— que hasta tiempos relativamente recientes nadie decía ni escribía Frouxeira, forma que hoy, por la presión ejercida por los poderes públicos con la no siempre bien entendida “normalización lingüística”, y los medios de comunicación, está prácticamente a punto de generalizarse. En un pequeño sondeo realizado recientemente por mí entre el vecindario de la zona he llegado a la conclusión de que en Valdoviño las nuevas generaciones se inclinan, lógicamente, por la forma Frouxeira, mientras que, entre la población mayor, aunque hay algunos que reconocen pronunciar el topónimo siempre con s, otros, sin embargo,  muestran vacilación, señalando como más correcta la forma con x. A medida que nos alejamos del centro de Valdoviño la situación cambia totalmente y así, por ejemplo, en Cedeira o en Jubia la gente sigue, en general, prefiriendo como única solución la forma Frouseira”(5)



Con Álvaro disfrutei de cando en vez, dalgunha ca outra excursión xeográfico cultural e algunha delas, particularmente arredor do 2012, pola contorna de Valdoviño buscando a pervivencia da voz frouseira, que ambos os dous sabíamos se gardaba na fala da xente de máis idade. Eran o que no texto el chama "un pequeño sondeo".

Contarei un explicador sucedido nun deses "pequeños sondeos". Álvaro Porto e servidor estábamos a percura de palabriñas nun bar de Lago, tomando un café e escoitando aos ceareiros da partida de tute. Álvaro, sáibase, fixera a súa tese doutoral, onde vai, sobre as particularidades do galego de Ferrolterra. Ao coller certa familiaridade cos parroquiáns preguntoulle a un señor de certa idade, un pouco sin vir a conto, como pronunciaba el... Frouseira ou Frouxeira? O da partida, que repartía cartas, quedouse un pouco parado e dixo coa rotundidade dun home leído ao que non vai vir pillalo nun renuncio un forasteiro... FrouXeira!! e ao decilo recalcaba o X enfaticamente. O caso é que intres antes mentres xogaba a partida despreocupado, por dúas ou tres veces pronunciara, falando das cousas deles FrouSeira... e nosoutros xa o escoitáramos.



Se Álvaro cos anos, atendendo esencialmente a voz medieval froxeram (6) (recopilada tanto na obra do Padre Flórez, La España Sagrada, canto na de Cal Pardo, Colección diplomática medieval), mudara a súa hipótese de 2003 e entendía agora que FROUSEIRA derivaría de FRONDIA, doutra volta desmontaba as posibilidades da opción FLUXUS, tese que sostivera Don Edelmiro Bascuas López no 2002. (7) O que nunca mudou Álvaro foi a sua idea de que a forma tradicional, histórica e respetable é FROUSEIRA:

Pero ¿cómo debe decirse y escribirse realmente: Frouseira, que ha sido siempre la solución más frecuentemente empleada, o Frouxeira, como quieren o parecen querer los “normativistas”? La solución, como es natural, no puede venir dada por una imposición caprichosa decidida por una autoridad política desde un despacho de la Administración, sino por el uso establecido por los propios hablantes y fundamentado, lógicamente, en razones de tipo etimológico…”.


    Non me parece este o espazo oportuno, nin tería eu os coñecementos necesarios, pra desmiuzar e resumir as etimoloxías propostas por Alvaro, que, de que eu saiba, nunca foron contestadas polos adaís de FrouXeira. Abondará con reproducir a conclusión con que o mestre remata o seu artigo: 

“Resumiendo, pues, todo lo dicho, lo que parece fuera de duda es que el topónimo  Frouseira es un derivado gallego, mediante el sufijo –eira, de la palabra frousa o frouza ‘vegetación baja o menuda’ o, quizás, por metonimia, ‘escoba o instrumento para barrer’, el cual deriva a su vez del latín vulgar FRONDIA ‘conjunto de ramas u hojas’. Es cierto que esta palabra produjo en primera instancia fronsa o fronza y, por lo tanto, para llegar a las variantes con u tuvo que producirse una vocalización de la nasal, fenómeno poco frecuente, pero nada extraño, pues ha dado lugar a otros dobletes, como Concepenido / Coucepenido, Conso / Couso, Conces / Couces. Por otro lado, lo más normal, desde luego, es que el grupo latino DI, cuando le precede una consonante, se asibile evolucionando a la antigua dental ç (luego s o z), aunque no es totalmente descartable que se convierta en x —de ahí las variantes, también existentes, fronxa y frouxa—, circunstancia que hace posible la forma Frouseira (la más normal desde el punto de vista de la fonética histórica), pero también Frouxeira, que es la que se está imponiendo en los últimos años por efecto de una —pienso que mal aplicada— “normalización lingüística”, contradiciendo así una larga tradición, que, salvo casos excepcionales debidos a desconocimiento del medio lingüístico y geográfico, ha preferido siempre la forma con S(8)


    Non se queda o artigo de Álvaro nunha exclusiva análese etimolóxica da voz, senón que avoga por acompañala co estudo, de Historia e Xeografía, que avale ou anule unha determinada interpretación ou reforce algunha outra. Nin que dicir ten que a etimoloxía ten que ter un fundamento na realidade das cousas:

Pues estoy convencido de que una investigación seria en el campo de la Toponimia no puede ni debe en modo alguno prescindir de los datos que la Historia, por una parte, y la Geografía, por otra, le ofrecen, ni, por supuesto, es posible hurtarnos a un análisis comparativo de las distintas referencias del mismo topónimo o de este con otros de la misma familia o campo léxico. Va siendo hora, desde luego, de que la  investigación en este terreno deje de consistir —como ocurre con frecuencia— en un mero divertimento consistente en construir, a partir de puras semejanzas fonéticas, hipótesis más o menos sorprendentes y verosímiles, sin otra base científica —¡cuando esta existe!— que unos, a veces rudimentarios, conocimientos de Fonética histórica junto con una buena dosis de osadía e imaginación”



Nesta línea o artigo analiza a presenza do topónimo ao longo da xeografía de fala galega (inclúe o lugar de Froseira en Asturias) nos mapas cartográficos históricos e nalgunha ca outra referencia histórica. Aínda así o tema dos arredores histórico xeográficos non puido agotalo nin moito menos. 


Atrevémonos neste artigo a aportar ao estudo do topónimo unhas achegas de rebuscas persoais pola historia da literatura galega,  e unhas moi interesantes referencias históricas comunicadas persoalmente por Don Rafael Usero García, Cronista Oficial de Cedeira



É propiamente admirable que a unica forma escrita presente en TODA a literatura galega con testemuños dende o Renacemento até o día en que o párroco Souto Vizoso promociona a voz Frouxeira, non sexa outra máis ca Frouseira (ou Frouseyra) a que sempre se escribiu e a que, xa que logo e por antecedencia, se falaba. Dicir que pesia a ser este topónimo ben escaso e raro na xeografia do galego -só existen cinco lugares así nomeados- dentro deles inclúense dúas realidade naturais notables e sobranceiras, o que permitiu que quedara constancia no galego escrito: o mar, punta e lagoa da Frouseira no concello de Valdoviño, espazo natural de privilexio e as  penas ou monte da Frouseira, no concello do Valadouro, formidable petoural e fortaleza do mariscal Pardo de Cela orixe dunha temática con continuidade literaria na historia de Galicia, a que eu atrévome a definir como o tema da Frouseira.



Teñamos a bondade de principiar esta esfola literaria lendo este moi coñecido romance anónimo do Século XV, en lor ao mariscal Pardo de Cela que co nome de "Pranto da Frouseyra" chegou ate nós e que representa o primeiro elo da sucesión de citas literarias do que dei en chamar o tema da Frouseira. Este anónimo renacentista unha das poucas mostras de literatura estética en Lingua Galega dos chamados Séculos Escuros: ben sabemos aqueles nos que a produción literaria na nosa lingua esmoreceu dramáticamente.


A min chaman Teodomira... Señora do gran tesouro... Por razón estrelecida... Xago neste Valedouro...

Mas tredor foi que un mouro... O vilao que me vendeu... Que de Lugo a Ribadeu... Todos me tiñan tremor... 

 De min a triste Frouseyra... que por treyzón son vendida... derribada na ribeira... ca xamais se veu vencida... 

Per treyzón tamén vendido... Jesus nosso Redentor... e por questes treydores...Pero Pardo, meu señor...

Vinte e dous foron chamados... os que vendido o han... non por fame de sustento... de carne, viño e pan.


Outro elo primordio do tema da Frouseira, escrito pouco tempo despois da execución  do mariscal,  "Relazón da carta xecutoria e copia de os que venderon á Frouseyra sita no Vale Douro en Galicia, a Mouço Mudarra Capitán do Rey Don Fernando", un memorandum de desagravios escrito polos familiares de Pero Pardo de Cela poucos anos despois da súa execución, na que xa desde o mesmo título podemos apreciar cal é a grafía utilizada.



José Villamil y Castro (9) nun artigo no que trata a figura de Pardo de Cela escribe: "...cuéntase como una prueba de lo poderoso que era, que había hecho construir un camino subterráneo desde la Frouseira al río, tan solo para llevar a beber sus caballos; y a puntos tan fabulosos elevan sus fuerzas que dicen tiraba una barra de hierro desde la Frouseira al Castro de Oro, casi una legua de distancia".


Doña Emilia  de Pardo Bazán, arredor do 1886, vai tomar esta figura pra escribir un drama histórico "El Mariscal Pedro Pardo" que deixará inconcluso pero practicamente rematado nun manuscrito orixinal que se garda na Academia Galega; neste nas acoutacións ao acto 1º escribe: "La escena pasa en una cámara del castillo de la Frouseira.." e nas do acto 2º: "La escena pasa en los subterráneos del castillo de la Frouseira". 


Manuel Amor Meilán,  escribe no seu ben coñecido poema "Galicia" publicado na revista do mesmo nome na Coruña en 1887 : "Y aquel gran mariscal que n´a Frouseira / Morreu pol-atreición... .... ¿Choras Galicia? / Nunca terás d´abondo / Bagullas pra choralo! / Cómo non ha ser fondo / O teu pesar !ohu patrea  si morreron / Con el a tua espranz´a tua groria / Y-un d´os héros máis grandes dá túa hestoria?



 Ramón Cabanillas no seu famosísimo poema En pé¡ Lembremos tan só os versos que pertinentes: " Validos de traidores / a noite de Frouseira / a patria escravizaron / uns reises de Castela".


Antón Villar Ponte, devanceiro de Viveiro, a canda o mesmo Ramón Cabanillas utilizaron esta mesma grafía Frouseira na obra dramática " O Mariscal"  que ten data de 1926.


Eduardo Rodríguez Losada, usará esta mesma forma gráfica na primeira ópera en lingua galega que co título de "O Mariscal" e decorados de Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo lémbrese, vai estrearse o 31 de maio de 1929 no teatro Tamerlinck de Vigo. Non son poucos os diálogos onde sempre aparece a escrita Frouseira.



Eduardo Lense Santar que publica os seus artigos en "El compostelano" nos anos 30 e van ser recollidos por Armando Requeixo baixo o título de "Etnografía Mindoniense" non deixará  de usar naturalmente a escrita Frouseira.  Estes textos son moi recomendables pra quen queira degustar un léxico tradicional con recendos de verdade vella: "N-a Frouseira aniñan as broites, os corvos, os peneireiros, os mouchos, as coruxas y-os bruós" Impagable ese feminino as broites e atractivamente misteriosos eses bruós que viven nas graíñas penas da Frouseira.


X. Pisón, M. Lourenzo e I. Pérez Blanco, naturais do pais do Valadouro bós coñecedores das historias e fala local, refiren nos seus "Contos do Valadouro" que ao se recoller o Mariscal pra súa "... torre da Frouseira cando comenzaron a asedialo por envexas os sicarios dos reis de Castelá, co beneplácito dos condes e do clero do País, que temían o seu poder crecente"


Na literatura de tradición oral da bisbarra do Valadouro, naturalmente o topónimo está igualmente vivo: "Se as penas de Oirán foran pan / as da Frouseira manteiga / os cotos do Cadramón / queixo de San Simón / e o Río Ouro viño mouro / Quen poidera co Valadouro!!


Máis non teríamos necesidade de ter que recurrir á rebusca bibliográfica se tan só conversaramos, como así fixemos xa agora hai unha ducia  de anos, con calquera veciño dos arredores do monte da Frouseira, que se amilagraban de escoitar pronunciar FrouXeira: "... por acolá non, señor... sempre Frouseira...  Frouseira de toda á vida". Hoxe poidera ser que a perversa influencia da publicidade normativizadora mandara á clandestinidade á tradicional e histórica penas da Frouseira suplantándoa pola legal e moderna Frouxeira. O castelo da Frouseira, daquela, definitivamente derrotado.



Deixemos as rebuscas literarias e leamos algúns documentos históricos ou textos de historiadores que debo á inestimables orientación de Don Rafael Usero, Cronista Oficial da Vila de Cedeira, agradecendolle acó as súas valiosas recomendacións e o poñer a miña disposición os seus arquivos, notas e ampla biblioteca. 


Vasco de Aponte (sic) coñecido historiador renancentista, aproximadamente ao redor de 1530 (11) escribe esta referencia histórica: "...y don Fernando de Acuña arto (sic) tenía que hacer porque tenía çercado a Pedro Pardo en Peña Frouseira". Texto que escrito case cincuenta anos despóis de morte de Pardo de Cela utiliza a mesma grafía, ou case, que xa vimos ao comentar o romance "Pranto da Frouseyra".


D. Joseph Cornide Saavedra, eximio investigador ilustrado no ano de 1764 publica a moi famosa e clásica nos estudos de Xeografía de Galicia "Descripción circunstanciada de la Costa de Galicia, y raya donde confina con el reino de Portugal" (12) de onde se copian as citas que seguintes: "Cerca de la Barra de este puerto (Foz) y al desembocar el río Masma se le junta el río Centín que tiene su origen al pie del monte de la Frouseira. "E en nota a pe de páxina, precisa: "Célebre Frouseira por tener en él un castillo el mariscal Pardo de Cela". Máis adiante ao describir a que hoxe chamamos Costá Artabra escribe: "Vuelve a correr la costa llena de peñas y se halla un arenal en que está la ría de la Frouseira. Desembocan en esta  dos riachuelos pequeños y de poca agua. La ría es bastante ancha pero de poca profundidad o extensión". Velaí o testemuño de todo un clásico escribindo a mesma grafía pra o monte do Valadouro coma pra o topónimo valdoviñés.


No Arquivo Histórico militar de Madrid (13) gárdase un orixinal manuscrito no que se pode ler: "Continuando la Costa con escarpados y peñas desde punta Curbeyro hasta Punta Robaleyra declina otra vez a formar coma una gran ensenada pero no muy entrante y todo el arenal con el nombre de Arenal de las Bacas o Playa de la Frouseira. Tiene de largo mas de un cuarto de legua y se termina en la Costa del Cabo de Portonobo". O mesmo Rafael Usero tamén el é da opinión que o topónimo debe escribirse correctamente como Frouseira, pois: "É a única forma en que aparece nos documentos históricos. En todas cantas descripcións da costa dos séculos XVII e XVIII sempre encontrei Frouseira".


Proba do anterior son os abondosos e excelentes  mapas e descripcións das fortalezas e baterías da costá galega na segunda metade do século XVIII obra do insigne enxeñeiro militar Don Miguel Hermosilla, nas que por repetidas veces e en obras diferentes escribe sempre Frouseira


Item máis: no magno e fermoso traballo cartográfico de Pedro Texeira de 1634 "El Atlas del Rei Planeta" aparece escrito Frouzela, xusto enfrente do que por daquela era aínda máis unha ría ca unha lagoa pechada polo areal, ben que, desgraciadamente a drobez das follas do libro na edición que teño en propiedade machaque o F e só se poda ler rouzela. Frouzela dimininutivo de frouza avalaría no primeiro terzo do século XVII, non sei se dicir definitivamente, a tese de Álvaro.



Presentada esta breve, máis siñificativa, esculca de toponimias, literaturas, cartografías e documentación histórica resumimos  o estado da cuestión:


1º) Ao longo da Historia (do século XV ao século XIX, onde intermitentemente aparecen as primeiras Frouxeiras en mapas do Exército e da Marina) a escrita tradicional será sempre ou case sempre Frouseira. Na segunda metade do século XX, a partir   da nunca ben explicada de que eu saiba decisión da Comisión de Onomástica nacida na inventio do cura Souto Vizoso, a histórica, tradicional e popular voz Frouseira vai a desaparecer condenada ao ostracismo senon ao furtivismo.


2º) A fala tradicional das xentes das bisbarras das Frouseiras, o Valadouro e Valdoviño, así como a súa literatura oral en contos refráns, decires...pronunciu sempre Frouseira e non Frouxeira.


3º) Con posterioridade aos anos oitenta do século XX, por influenza da numerosa escrita acartelada, subsidiada e ao mellor adubada dun hipergaleguismo erróneo ao tempo que aliada a incesante aparición nos medios de comunicación, Frouxeira foi adquirindo o monopolio exclusivo e acurrunchando na ilegalidade á voz popular, tradicional e histórica de Frouseira.


4º) Este despropósito multiplicaríase a partir do século XXI por cousa da popularización da internet e a súa corte de redes sociais. Á coñecida ironía do mestre Borges según a que a paternidade a imprenta e os espellos deberían estar prohibidos por repetir ad infinitum unha realidade imperfecta hoxe sen insultar á razón poderíaselle arrimar tamén a internet e as redes sociais. 



Pode entenderse sen esforzo o moito gusto que tería un servidor en poder acceder algún día ás argumentacións que se manexaron  pra se decidir pola forma co X. Serán seguro que si, sabias, coñecedoras e profundas, moi elaboradas e científicas. Non poderá ser doutro modo. Non se entendería que non desen cumprida resposta á rigurosa argumentación de Porto Dapena (14) Estou firme en que terá que ser unha resposta de alto e rigoroso carácter intelectual. Unnha gozada pra calquera afeccionado ás etimoloxías. Seguro. De outro modo non se podería xustificar sen existencia de irresponsabilidade dolosa que contra a Historia, a Literatura e a vontade popular do pobo galego se ilegalizase e se fixera proscrita e ate furtiva, a suave Frouseira e se legalizase e se gastasen os caudais públicos en publicitar e estimular a modernísima Frouxeira, esa inventio infeliz, máis trunfadora, dun párroco de Valdoviño nos tempos de Franco.


Non se me imaxine tan inxenuo como pra que chegue a pensar que a situación ten visos ou posibilidades de revirarse. Xa lle podemos ir botando unha area de sal á Frouseira.  Nin Álvaro nin eu nos fixemos nunca ilusións de que algún día se poidese producir unha corrección do que entendíamos e entendo un disparate.


A min a única esperanza aníñame en que ao fin e ao cabo rectificar é oficio de sabias e na Onomástica galega habelas hainas.



Sede bos que guapas xa sodes.


A mandare.



Notas ao pe


(1) Alvaro Porto Dapena. "Un topónimo valdoviñés: Frouseira de FRONDA, que no Frouxiera de FLUXUS". Revista de Estudios Mindonienses. Nº32. 2016.


(2) No 2008 publica na Revista Galega de Fioloxía o artigo "Topónimos costeiros da Ría de Cedeira" onde volve a emitir a súa opinión sobre Frouseira e Fragosaria.


(3) Este artigo é accesible e descargable en rede dende DIALNET.https://docs.wistatic.com/ugd/4dc129_ff2d1162740c4d81b164f50428.pdf.


(4) Rigurosamente, non foi Don Arturo o primeiro escribidor de FrouXeira. Antes ca el si figura esta escrita nalgúns mapas cartográficos da segunda metade do século XIX (antes desa data aparece case sempre Frouseira, hai algunha excepción de finais do XVIII), pero a súa incidencia na fala ou nas escritas foi realmente moi escasa por non dicir nula. Será don Arturo o seu primeiro valedor e sen dúbidas o influencer necesario con pátina de culturidade.


(5) Porto Dapena. Ed. Citada.


(6) Ano de 1156: "...perteneciente a un documento por el que el Papa Adriano IV toma bajo su protección la iglesia y propiedades de la sede mindoniense: Castrum quod dicitur Goia, cum possessionibus et hominibus ad ipsum pertinentibus Froxeram et Gallia, Monasterium Villaenovae cum Ecclesiis, hereditatibus et hominibus ad ipsum Monasterium pertinentibus" Porto Dapena. Ed. Citada. Páx 3.


(7) Edelmiro Bascuas López. "Bretoña, tierra de bretones, biortos y cavellas¿Cubelas o Covelas? A Frouxeira un arcaismo semántico". Revista de Estudios mindonienses. Nº18. Pax. 1035-1058. 2002.


(8) Porto Dapena. Ed. citada. 2016.


(9) José Villaamil y Castro. Semanario Pintoresco Español. nº8, páx 6. Data de 22/02/1857.


(10) Por se houbese alguén que poidese argumentar que estas frases están en castelán lea o artigo de Montserrat Ribao Pereira na Enciclopedia Virtual Cervantes, en pura lingua galega, onde  a autora emprega asimesmo a forma natural e tradicional: Frouseira, ao estudar este drama inédito da Pardo Bazán. htpps://www.cervantesvirtual.com/nd/ark/59851/bmck597


(11) Vasco de Aponte. "Recuento de las casas antiguas de Galicia". Edición crítica de José María Oro (et alt). Páx 253. 1986.


(12) D. José Cornide Saavedra. "Descripción circunstanciada de la Costa de Galicia y raya donde confina con el reino de Portugal". Edición de X.L.Axeitos. Edicións do CAstro. SAda. 1991.


(13) Arquivo Histórico Militar de Madrid, documento 0-4-86 folio 99.


(14) No tomo II, pax 767 dos Estudios de Toponimia Galega de Nicandro Ares Vázquez (2013), obra admirable, so aparece esta frouxa cita: "A Frouxeira parece parella do cast. flojera, que ten por base o lat. fluxus ´frouxo, débil, brando´ propiamente participio do verbo fluere ´fluir, manar (dunha fonte)´; pero IR-INDO, non sei con que autoridade trae "Frouseira s.f. Pebida de ouro ou prata que se encontra en ríos e minas" E digo frouxa por estar esta opción xa comentada por Don Edelmiro Bascuas e suficientemente contestada por Porto Dapena  que considera "un claro caso de homonimia o conflencia fonética a partir de étimos diferentes". Siñificancia por certo que non é exclusiva do dicionario IR INDO, que copia literalmente do Franco Grande (1972) e este do Ibañez Fernández (1950) e este a súa vez do Carré Alvarellos (1928), sin que como escribe Álvaro Porto: "ninguno de estos lexicógrafos cita autoridad alguna al respecto, limitándose a la pura definición, que -como es frecuente en lexicografía- van copiando unos de otros practicamente al pie de la letra"





PAZ  E  PALABRAS

Escusádeme que logo de ter rematado, é un dicir, esta entradiña dera a causalidade que Fortuna a veleidosa puxera diante dos meus ollos esta partitura de Marcial del Adalid, o Chopín galeguista que quixo nacer na Coruña. Leva por título Frouseira, triste Frouseira. Profética.


Tócaa doutra volta, meu amigo, que non sexa a derradeira.


Este discorrer de hoxe é o mesmo, ou casi, que outro que debería ter sido publicado hai tempo nunha revista que mo pideu coa esixencia de que tiña de prazo ate o día 31 de xuño que pasou pra entregalo. Sabendo como sei o desagradable que resulta pra un editor ter que lidiar coa falta de responsabilidade, puntualidade e educación de asegún que tipo de autor, entregueino coa debida anticipación un par de semanas antes da data límite, non sen esforzo, o seu punto de sacrificio e o traballo de afinación continuado que un artigo destas características esixe. Ao día de hoxe a revista non se deu aínda á luz. Parece ser que agarda poder andar nas maos dos posibles lectores, alá pra o vindeiro mes de decembro, meigas fora. Sabendo como sei que estas habelas hainas e que na falta de formalidade de asegún que autor cohabitan felices, adiántome a publicalo neste o meu voso blogue, coa espranza de que sirva de acto de esconxuro pra que comprendendo elas  a inutilidade das súas conspiracións máxicas se absteñan de impedir a saída as rúas da tal revista de nome incerto. Daquela cando menos este artigo poderá servir pra ir advertindo aos posibles lectores  que existe a posibilidade de poder leelo impreso en letra de molde: prósimamente, se os meigos da informalidade o permiten. A mandare.