XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Mamíferos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mamíferos. Amosar todas as publicacións

venres, 29 de xaneiro de 2016

O almorzo da londra

A petición de quen comigo estaba aquel día, aí van quince imaxes  de dúas  series, escaqueadas, dunha londra almorzando anguías nas augas calmas do Lago de Lanzós.

Escusas por meter unha teima case persoal nun descorrer do noroeste do Nororeste, pero quen comigo estaba, logo de ver o recorte que anda por aí ao lado, non daba creto a que as fotos fosen tan malas como eu lle decía. Agora verá que son aínda peores.

Realmente son a crónica dun fracaso.

Pasa moito, pásame moito.

Éche o que hai.

















Finito o invento.

Supoñédeme  alivado de non ter ás canillas das neuronas adoecidas de relear coa confección da miña prosa ortopédica. Acertaredes.

A vosoutros presíntovos alixeirados de mente e aboiando no repouso mol da flor dunhas augas mainas. Né verdá?

Biquiños a feixes.

A mandare.


Nota marxinal. Efectivamente miña querida, fixen un lotazo de fotos pra fartar unha tarxeta lambona e estas son só unhas poucas moi poucas, pero pra amosar o nivel de fracaso son suficientemente elocuentes. Non me pidas sufrir máis. Gratia plena.

PAZ  E  PALABRAS

venres, 11 de decembro de 2015

Corzos, carrachas, bacterias e a maladía de Lyme.


O día  2 deste mes a páxina da Universidade de Santiago vén de informar que a neuropediatra Mª Esther Vázquez López, médico adxunto no Hospital Universitario Lucus Augusti, recén deu lectura a súa tese doctoral que baixo o título "Estudo da enfermidade de Lyme na area sanitaria do Hospital Universitario Lucus Augusti e a súa relación coas poboacións de corzos parasitados por Ixodes" e logo de ser escoitada polo tribunal examinador mereceu o calificativo de cun laudem

Xa que logo información científica fresquísima, (recendendo aínda a laboratorio e monte) e a que quixéramos comentar neste discorrer.



A maladía de Lyme, "...é unha patoloxía infecciosa e multisistémica que no home presenta un espectro de manifestacións diverso, fundamentalmente a nivel cutáneo, neurolóxico, reumatolóxico ou cardíaco"(0) "Esta enfermidade foi describida por primeira vez en Europa no 1909 como "eritema crónico migratorio" e en Estados Unidos en 1975, na localidade de Lyme (Connecticut) de onde tomou o seu nome actual. No 1985 aislaríase o seu axente causal, a bacteria Borrelia burgdorferi"(2) Doenza emerxente que nos últimos tempos anda a incrementar as taxas de infección entre a cidadanía, sen chegar a ser nen moito menos un andazo xeneralizado, motivo polo que o Sergas e as autoridades sanitarias do Estado andan estudiando as derivas da súa incidencia e os motivos da súa emerxencia polo menos dende o ano 2000.(3)



A maladía de Lyme está provocada por bacterias do grupo das chamadas borrelia, razón pola que a esta doenza coñéceselle tamén co nome de borreliose "...a investigación realizada por Vázquez López posibilitou que se identificaran por primeira vez en Galicia seis xenoespecies de borrelia das cales cinco son patóxenas para o home e atópanse entre as de maior interese como causantes da endermidade de Lyme" (0)



En esencia os mecanismos vectoriais desta doenza son sinxelos de entender: as borrelia están presentes nos organismos de pequenos roedores, o furonciño con prevalencia, paxariños ou reptis onde andan a chuchar sangue as larvas das carrachas do xénero Ixoides. As bacterias pasan así o sangue das carrachas que farán de reservorio e vector. No seu ciclo vital as carrachas ixodes pasarán de larva a adulto, en catro fases, adoitando cambear de hóspede buscando animais de maior tamaño. A cada novo hóspede as carrachas inocúlanlles as bacterias borrrelia. No final adulto do seu ciclo adoitan infestar animais de gran tamaño, entre eles os corzos. 



A tese da Doctora Vázquez López, comproba "que existe unha correlación positiva e significativa entre a taxa de incidencia da enfermidade de Lyme e a densidade destes rumiantes silvestres" (0) A mesma doctora "comproba que hai outros factores que interveñen na infección das carrachas Borrelia, polo que entende necesario realizar estudos máis amplos que permitan a súa identificación." (0) 



A emerxente maladía de Lyme afecta de modo bimodal a poboación:  a) aos menores de entre 5 e 9 anos, idade pediátrica, e b) aos maiores de sesenta e cinco anos.(5) As razós desta dimodalidade están por ser coñecidas. Igualmente a poboación afectada, e ten toda a lóxica, é practicamente poboación rural, con moi poucos casos de infectados residentes en urbes, nos que se comprobou que participaran en actividades de contacto coa natureza. Existe asimesmo un vencello demostrado entre a humidade ambiental e a existencia da enfermidade de Lyme, explicado por que as bacterias borrelia, anoxando a secura, prefiren ambientes húmidos. 



Os mapas de distribución da enfermidade, elaborados polo Sergas (sempre observados co escepticismo de sabermos que non están todos os que son; persoalmente sei de dous casos que no entraron nas estadísticas) advirten dunha maior prevalencia no norte de Galica, zona de maior humidade, especialmente na provincia de Lugo e a súa montaña, conquerindo en casos taxas elevadas (3,8 por cada mil no caso de Ourol) que nos fala da existencia dun serio problema de saúde pública a nivel puntual. (5)



Afortunadamente a maladía de Lyme ten tratamento eficaz con antibióticos e diagnosticada na súa primeira fase, non vai ocasionar molestias maiores, que poderían verse agravadas, nunca con consecuencias fatais, de ir deixando evoluir a taxa e a diseminación de bacterias dentro do organismo.



A demostración académica de existir unha vinculación entre as poboaciós de corzos e a borreliose de Lyme, ofrécenos aos olladores da natureza unha imaxe actual dos cambios e as interrelaciós sociolóxicas permanentes entre natureza e sociedade. A abundancia de corzos e de xabaríns é un factor moderno, de non máis de trinta anos, que a súa vez hai que vencellalo coa arborización de interés industrial, caótica e ultraliberal do territorio galego, coa desaparición da agricultura e cos novos xeitos de xestión da caza que se introduciron nas últimas décadas.



A aparición de casos da doenza de Lyme entre as xentes urbanitas, poucos afortunadamente de momento pero susceptibles de aumentaren, hai que relacionalo coa moda tan publicitada de saír ao monte a facer actividades turísticas. Compre sabermos o que hai. As autoridades sanitarias xa recomendan efectuar as saídas ao campo levando roupa clara, que cubra todo o corpo e aplicando un repelente de insectos a roupa e pel e unha revisión a concencia antes entrare nos coches. Unha información diáfana previa a todos os participantes, digo eu, non sería cousa a desprezar. Inescusablemente se estas se realizan durante o tempo de primavera e vrao, estaciós nas que as carrachas ixodes están activas.

Remato por hoxe este breve discorrer, que non tivo outro obxectivo que dar a coñecer os resultados dunha investigación recientísima e advertir das mudanzas ambientais que se van producindo lentamente diante dos nosos ollos, presentando os finos vencellos que se crían entre os diversos axentes naturais e sociais na altura dos tempos. Unha zooloxía postmoderna, corzos e porcos, una arborización selvática e descontrolada con eucolitos e piñeiros, métodos novedosos de xestión da afección cazadora e as modernas actividades ociosas urbanitas, sendeirismo e trail, vannos explicando todas elas, observadas no seu conxunto interrelacionado, o repuntar dunha rara doenza vella, a maladía de Lyme da que ao mellor empezamos a escoitar falar a partir de agora.

Ao noroeste do Noroeste xa conversamos do tema.

Mil mercedes, miñas e meus. Se ata o de agora andamos tranquilamente polo monte malo será que non sexamos quen de seguir disfrutando dos seus camiños. Coñecer pra mellor prever nunca será cousa peor. Digo eu.

Apertiñas.

A mandare.



Notas marxinais: 

Se de cotío este bló tenta discorrer coa prudencia debida, nun tema que afecta á información sanitaria, moito máis. Recomendo encarecidamente  a visita e lectura aos achegos que van vencellados acó abaixo. Deles van entresacadas as informaciós que se comentaron e dende logo están mellor e máis ampla e correctamente  tratadas ca neste discorrer. 

Especialmente interesante ao meu parecer  o artigo "A enfermidade de Lyme en Galicia (2000-2013)" do Boletín Epidemiolóxico de Galicia, de xullo do 2014. Recomendar igoalmente o Informe sobre o Estudo da Enfermidade de Lyme en GaliciaInforme final . Com só ambolos dous obtense unha impronta rigurosa do estado da cuestión ao saber do SERGAS.

Os números que se intercalan entre parentese polo medio do texto, son unha especie de notas a pé de páxina que nos conducen a cada un dos achegos de onde se entresacou a información. Obrigado.

Souben da tese da doctora Vázquez López, polo feisbu de José Otero, o que me estimulou a recoller algún ca outro dato máis sobor deste tema, e a quen quero agradecer dende acó me abrise os ollos a un tema do que descoñecía absolutamente todo. Obrigado.

Confeso ter sido moi escéptico ao respecto das enfermidades transmitidas por carrachas, tema do que sempre escoitara badaladas, seguramente por cousa de estar afeito a, sen querer eu, volver pra casa con máis dunha chantada na pel, quedar alí presente chuchando en min varios días ata facer aparecer unha chamativa  roibez delatora e nunca ter sentido síntomatoloxía nengunha. Pero sexa por caso de andar achegándome a idade xubilar de risco ou por que o medo é libre, de pouco pra acó ganeilles respeto. Moito.


Achegos:

0) Noticia da páxina da USC da presentación da tese de Mª Esther Vázquez, Ler.

1) Información da Biblioteca Nacional de Menciña dos EEUU. Entrar.

2) Artigo na Wiki. Premer.

3) Informe sobre o Estudo da Enfermidade de Lyme en Galicia. Informe final.Da Rede Galega de Saúde Pública. Ollar

4)  Prevalencia de enfermidades transmitidas por carrachas (ixoidae) que afectan os rumiantes en Galicia e estudo dos factores de risco.Ir.

5) A enfermidade de Lyme en Galicia (2000-2013). Boletín epidemiolóxico de Galicia. Xullo 2014. Saber.

6) Borrelia burgdorferi e a enfermidade de Lyme na Microbewiki, enciclopedia dixital aberta especializada en microbios. Entrar.


PAZ E PALABRAS

domingo, 6 de novembro de 2011

A londra das Forcadas

Pasei a mañá do sábado de  vagar polas beiras, arestora demasiado enxoitas e baixas, do encoro de As Forcadas. Levaba a canda a cámara a espranza de poder botarlle o ollo a aguia peixeira que de vez en cando déixase ver de pescantina pola flor das súas augas.

Non levaba na cabeza mirar á londra, xa que sempre andou lonxe de máis pra as miñas posibilidades fotográficas. Así é que en canto mirei remexer as augas cun borbolleo especial, brincoume o corazón: Aí andaba a londra! Na mesma ribeira!



Agacheime como poiden pra mirar de ter unha posición azosa e discreta e encetei a tentar pillar unha imaxe da londra nos intres brevísimos en que se amosaba ao aire. Claro que unha cousa e querer e outra poder. Non tirei malos abstractos do borbolleo.


E aínda algún ca outro rexistro dun corpo extraño, húmido e esbarante que, cun aire de lama loída,  por momentos revirábase e retorcíase,  moi entretido co seu ir, vir e rebulir e  co seu aparecer e desaparecer rapidísimo. Cheguei a pensar se non sabería xa que eu andaba por alí e se entretiña en bacilarme.


Non sei cantas fotos de augas remexidas e borbollas aboiantes tirei ata dar cun rexistro da cabeciña da londra fora das augas. Non será grande foto, pro outra mellor dunha londra non tiña. Xa me ía conformando e levaba o fardel da ledicia ben cumprido. A miña primeira foto da londra. Ía sendo hora.


E para logo chegouse á beira, a repousar nas pedras...debaixo xustiño de onde eu andaba anicado! Tremei coa emoción da oportunidade e premei do botón: unha non mala foto das polas dos salgueiros desbrozados pola máquina quedou inmortalizada na tarxeta da cámara. A borrosa presencia pantasmal da londra tamén.  As torpezas do nerviosismo e a precipitación facíanme chamarme de todo menos fotógrafo. Así que a respirar a fondo, acadar templanza e buscar enfoque.


De cambiar de posición nen soñalo. En canto me sentira mover volvería as augas e... se eu te vin de ti xa non me acordo. Conformaríamonos, xa que logo, cos rastros das polas sempre que poidesemos enfocar algo á londra. Calma e sorte. Algo se habería de rexistrar.


Algo era algo. Polo menos xa lle vía os bigotes e o ollo quedaba ben á vista. Naturalmente a sombra coloreada das polas dos salgueiros tamén andaban na foto, pro a neboeriña de cor non parecía desagradable de todo. A londra non sabía de min. Despreocupada do mundo deste humano asexante, sacudíu con forza toda a súa pelexa pra enxoitala un chisco. A foto habería de sair movida, pro o encaixe da dentadura, aínda con falla de foco, parecía  ilustrar ben a súa salvaxe ferocidade. Algo era algo.
E.... ou eu me movín, ou ela escoitou o clik, clik, clik da cámara. Pro o caso é que mirou pra arriba amilagrada e xa definitivamente mosqueada. Aproveita que está queda e sigue premendo botón, Rafael... deixa a ver cando tes outra oportunidade coma esta, díxenme.

 
Procurei anicarme un algo máis, por ver o imposible de me agachar agora que xa me descubrira e tirei unha ráfaga de tres fotos aproveitando que levantaba a cabeza mirando pra min  con moita curiosidade, escaso temor e o seu aquel de fastidio.


E outras imaxes non me deixou facerlle. En rematando o sonsonete do clikear da cámara deu media volta, e coa rapidez e axilidade do inmediato desapareceu no fondo das turbas augas do encoro, mergullándose, agora sen deixar saír borbollas; e aló ao lonxe, perto da outra ribeira, logo dunha grande espera, apareceu de novo un intre e tornou presto a desaparecer nas augas ate unha mellor ocasión.

 
E alí na ribeira me quedei. Contento pola visión fermosa e prósima da londra, pro amolado por non saber tirar, en tan boa collada, mellores fotos ca estas vidradas imaxes, que logo dos pertinentes retoques e recortes, teño o atrevimento de subir a este  bló.
Do probado espíritu liberal, paciente e xeneroso dos lectores e visitantes do noroeste do Noroeste, sei que podo agardar a benevolente sanción caritativa habitual.
Mil gracias mil, por tanto.
A mandare.

domingo, 18 de setembro de 2011

Rebezos nos Ancares



Andamos días atrás os fermosos camiños de Ancares pra pasare o día  facendo o roteiro que  dende o albergue do Clube de Montaña vai ate o alto dos Tres Bispos e  dando a volta polas Campas de Brego e Deva, descende o fondo fondal da canle do Rego da Vara pra logo, e aos poucos, entre sombras e fontes, ir rubindo entre reviravoltas cobregantes ate tornar a ampla pista de inicio.



Non buscábamos nada especial, se non tan só, na altura do ano, o milagre  serodio dunha doce xanciana floreada, unha Gentiana lutea var.aurantiaca, e se os deuses das penedías querían ter con nós un detalle, que nós agradeceríamos enchendo os aires de loubanzas ás súas mercedes, aínda poderían deixarnos ver, máis que fose aló ao lonxe, algún ca outro rebezo, deses que dende hai anos tornaron a colonizar, mor das repoboaciós, os esgrevios cotos que a primeiros do século pasado viron desaparecer a vella raza dos rebezos cantábricos. E se non se daban, sempre nos encherían os ollos, ate rebordar de beleza, as extraordinarias vistas do máis cumprido mato galego: as fragas dos montes da estrema oriental luguesa. Ferventes de verdor: ferverdescentes. Cousa linda.


Marabillas das mañanciñas do agosto en flor revoaban ao noso pasar, dacó pra aló, entretendo e amodando o  camiño, que ía lonxe, pro levaba encomenda pra todo a xornada, e sendo o Día da Patrona e coa luz limpa do sol nos cumes, todo eran folganzas e repousos, e alonxadas de nós quedaban as présas dos trafegos  amargos dos días de labor. Gozámola co zafrán de ouro e melocotón da Lycaena virgaurea, a meniña dourada.

E abofé que o camiño que outros farían en poucos minutos nós eramos capaces de facelo en horas. Parados na contemplación dun besbello, tentando retratar unha volainiña lixeira ou divagando atrevidamente se tal ou cual silueta de ave era ou non  unha aiga rei. O meu compañeiro de andaina, non direi quen, ollaba con certeza a aiga rei e regalábame os ouvidos con requintadas explicaciós de non sei que ángulo de incidencia das ás co corpo que a facían característica e inconfundible. Eu non o dubidaba, pro a silueta escura andaba moi  aló ao lonxe, polo outo azul das divindades ornitolóxicas e a min cadrábame máis na raseira de ollo disfrutar cunha Dipsacus fullonum, unha dipsacácea á que todos chamamos carcancha ou cardencha  e que cada día se fai máis rara de ver, pois tórana pra aduviar floreiros. Humanidades.



Polas abondosas morrenas glaciais, memoria mineral do xeo doutras Eras, daban en andar soleándose algunhas ca outras lagartas. Non moitas. Requentadas ao sol do mediodía do agosto, co depósito enerxético a reverquer e con abondosa bichería alada e miúda que papar, non era fácil dar coa ocasión de lles sacar un retrato para mirar de saber quen era quen. A do santo de baixo  amítaseme a unha femia noviña de Lacerta monticola, pro que vou saber eu.


E quen andaba tamén chuchando, seguramente elementos salinos e minerais, polas faces griseiras  das pedras da morrena, era esta estrugueira ou ortigueira, Aglais urticae, unha pamboreta tamén cada día máis rara de ver, cando en tempos foi das máis comúns e abondosas. Sen dúbida os herbicidas, eses velenos atroces, usados e vendidos con total liberdade e falla de control, cando non utilizados a caneiro aberto polas autoridades, son os responsables da diminución do seu número ao querer erradicar a súa pranta nutricia: a estruga ou ortiga. (Na percura dun rexistro gráfico decente da ortigueira houben de levar unha boa zoupallada entre as inequilibradas pedras onde revoaba. As divindades das cimeiras gardaron do meu equilibrio. Oro pro elas).


Este bombilideo, (pra nos entender: unha mosca que amita a un abellón) deu en considerar o cosmopolita niqui do meu amigo experto en aigas coma o mellor lugar de apousamento, e alí quedou quedo, deixándome facerlle unha boa xeira de fotos que se non sairon mellor enfocadas, sería tanto por cousa da miña torpeza canto polo terror tremoroso do meu amigo, a quen enganei coa broma perversa de tere no lombo un estraño exemplar de velenoso himenóptero que ameazaba con facer rebentar dun aguilloazo o seu teso espiñazo,  no tan recheo de colesterol coma o meu.



O xénero Eringium comprende na Galizia a algo máis de media ducia de especies das que seguramente a máis coñecida delas, cando menos pra nós, pescos da beiramar, é o Eringium maritimun, o cardo azuliño das plaias. Xa non é tan sabido que estes eringium non  pertencen en realidade á familia dos cardos, dise dipsacaceas, se non  á das umbelíferas. Xa que logo, son parentes do pirixel, do fiuncho, das anxélicas ou da cicuta. Aínda que efectivamente non o parezan. Por Ancares anda, en non escaso número, o Eringium duraiei, un endemismo destas montañas que sería raro non o fotografar co seu himenóptero de garda. E como nos pasou a nós, cantas veces  o retratamos, havos de pasar a vós. De certo.




Dificilmente o noso paso podería ser apurado con tanto que tiñamos pra mirar. A fermosura inédita dun enorme acibreiral, gris e azul entre a luz e a sombra, engaiolado pra sempre na memoria, retivo o noso andar e deixou a nosa ollada entretida en fornecer a conversa de argumentos gozosos, mentres o tempo ía esvarando amodo, e o corpo, quedo, ergueito,  esquecido, era un escravo dos ollos que non o deixaban camiñar mentres eles, paseniño e  mainiño, folgaban demodo polas abas dos montes fervedescentes.

De pura casualidade fomos chegando ao alto, sen querer case, pasiño a pasiño, de bolboreta en pamboreta, de volainiña en pampurriña, de conversa en faladuría, de riso en sorriso; gozando dos amores das erebias, das linduras dunha Lycaena tithurus, da diminuta fraxilidade poética da Coenonimpha arcana, ou das campas rebentando -se non centos, si  miles-  de pés de  abrótegas e xancianas, todos eles como era de esperar na hora, secos, froitados, sementados. Pro ningún estalando en  flor. Na altura do ano era o que compría.



 Acreditarei que as sagradas divindades das cimeiras andaban ese día a camiñar a canda a nós. Certo que nas bravas pedras acantiladas de baixo Os Penedois, andaba entre pacendo, folgando e mamando unha manda non pequena de rebezos que entre crías e adultos eran algo máis dunha ducia. A simple vista non eran nada, nen tan siquera unha penca de cor avermellada entre as rochas grisas, pro cos prismas e a cámara podíanse  vislumbrar e disfrutar. Sentados na cabeza dos Tres Bispos, deixamos correr o tempo, disfrutando dos rebezos, diminutos ao lonxe, e da paisaxe grandiosa, que metía no ollo media Galizia e medio León. Ponferrada e Lugo, nun chiscar de pálpebras. As divindades da serra andaban con nós. Baixábamos xa, embebecidos de beleza aínda, cando sen eu querer nen agardar, un berro naceu na miña gorxa: ¡¡Xancianas en flor!!



Verdade é que non era senón unha soa, e que o plural sobraba pro a ledicia da sorpresa, traspasoume coma o alustre do lóstrego cruza os ceos e moveu no meu corpo unha maretada de agradabilísimas endorfinas: o impensado e inesperado, si grato, emborracha de euforia incontenible, e, ao igoal ca unha  droga, crea unha viaxe volandeira estratosférica. O meu amigo experto en aigas tivo a caridade de me volver a poñer os pés na terra: ¡Volve en ti!¡Non berres tanto que a vas  murchar de medo! Tiña razón. No monte que fale o vento. E a beleza silandeira da flor. Silenzo, fala a xanciana:


Voz de laranxa en sazón, ouro que nace da seiba,  estalo de cor e paixón...  a flor da xanciana, entre o verdor novo das urces e as follas reviradas e rechumidas da carqueixa e un  recendo ao que é enxebre e verdadeiro: A beleza é verdade e a verdade é beleza. Só isto saberás deste mundo e só isto necesitarás saber. Un galano das divindades do monte. Oro pro elas.


Pouco máis lle podería  pedir   ao día. Aos poucos unha outra manda de rebezos deixouse ver, agora non tan lonxe e máis numerosa e agrupada, nas campas do alto Val do Río Burbia, xa en terras de León. Pesia a non andaren perto de nós, agachámonos tras dunhas uces para velos mellor, que sempre, aínda de moi lonxe, se amosaron desconfiados e atentos.  Poidemos comprobar que pacían as follas crasas da mouta basal da xanciana. Enchoupados de ledicia, cando os rebezos se foron movendo e marchando, fómola indo tamén nós, pasiño a pasiño, que o camiño que restaba era moito. Unha Atrhoolopha pennigeraria, penso que era ela, veunos a despedir dos cumes dos Tres Bispos. Xente cunha educación.


Había aínda por diante un camiño de volta longo e malazoso, que se metía ás veces por pasos do gado  baixo as uces e os piornos,  empedregullado, malo de pisar, un camiño que dende o cume dos Tres Bispos nos levou ao fondo do Rego da Vara, acompasando ás augas no seu arrolar, entre  calladas sombras  de acibros e vizosías de castiñeiros mozarrós.  Unha camiñada que me fixo súar, que me deixou sen hidratos e sen folgos, que me levou e me trouxo ao seu antollo, que nas maniotas do día que veu me descubriu músculos descoñecidos, pro que nunca, nunca, deixou de regalarnos unhas paisaxes abraiantes e unhas xentes singulares.
Pra volver. Cantas veces se poida. Sempre en Ancares.



Remata no punto esta andaina coa espranza de que a súa lectura non vos faga súar o que a min me fixo caxir o andala e o escribila; e  se  certo é, non falou moito de rebezos, verdade é que cando menos vai toda ela rebozada en rebezos.
Se aínda andades aí, moitas obrigas me quedan con vós pola vosa compaña e paciencia. De certo que si.
Apertiñas miñas e meus.
A mandare.


VideosMínimosdoNoroeste TV


Xancianas floreando en agosto