XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 3 de xullo de 2022

Petiscando no fiuncho

Tempo de fiuncho e rosas, de augas criadoras e poucos calores. No meu pequeno mundo medran este ano, con forza e vizosía,  algúns pés  de fiuncho que por naceren en territorio privativo  e de respeto están ceibes da matarrasa anual de gavias e rebordelas que os munícipes mandaricas cada primavera ordean con paixón caza votos e sen compaixón pola vida silvestre; e medran lonxe tamén das fouciñas piadosas que os segan sen misericordia pra amosar a súa piedade cristián estrándoas polo chan ao paso das santísimas procesións corpuscrísticas.

O fiuncho é ben necesario pra desenvolvérense as bolboretas macaón, esa fermosa papallona, esa linda pegariña, que  pesia a quedar cada ano  con menos xente segue a verse revoar cada primavera. Hoxendía hai quen as cría na casa, non é tan difícil nin tan caro conseguir ovos por internet, ou na aula pra estimular o gusto e amor pola vida silvestre das cabeciñas escolinas que andando o tempo haberán de chegar a ser, quen o sabe, alcaldesas, concelleiras, ministras ou xefas de goberno. Coa esperanza que nas criaturas medre tanto amor a vida silvestre coma ao voto cautivo, polo menos.

Queden acó estas imaxes dunha eiruga de macaón petiscando con moito gusto nunhas policas de fiuncho. Dende logo poideran ser moito mellores e moito mellor definidas, pero servidor chega a onde chega, non moi lonxe, e se ascaso parece chegar a algures podedes, sen medo a errar, dicir que o mérito é da cámara.




Ogallá os ventos dos días espantaren os feros gochos das bestas que ameazan a vida en paz de todos. Ogallá un raio de sabedoría poida aniñar algún día na conciencia das sociedades pra recriar  un foco de luz que faga fuxir as sombras calladas de morte, medo e violencia que escurecen o vivir de cada día, de cada hora, de cada intre. Ogallá algún día non fixerán falla estes ogallás. Ogallá.

Ata outra mellorada, miña xente, seguir a ser bos que guapas xa sodes. 

Apertiñas totus meus.

A mandare


PAZ  E  PALABRAS




 

xoves, 9 de xuño de 2022

Pinchocarneiros

    Velaí vén a mínima embaixada da colonia dos saltaretes do meu pequeno mundo. Besbellilandia pinchando. Pinchando, daí pincho-carneiro. Pinchar, sinónimo de dar un chouto, de brincarmos,  voz vella, de sentido desudado. Dar un pincho-carneiro  era enredo primario, elemental, bincadeira do enrocarse sobre un mesmo pra regalarse unha reviravolta do mundo. Xogo revolucionario. Coma toda a infancia. Toda revolución aspira a unha idílica sociedade infantil inocente. Soña convivir nun paraíso. Coa sen vergoña de ser un animal espido. Un cativiño en rana.


    Fernando Vênancio fala dela. Da voz pinchar, digo. A Fernando Vènancio non se lle quere  ler. Por dicir verdades simples, obvias, de pata de banco, poidera ser. Por falar con cordura elemental primaria, poidera ser. Por ser un lingüista portugués que mostra que o portugués naceu do galego e non do latín, tamén poidera ser. Por lembrar que os portugueses  lusos lisboetas do século XV e XVI, deixando de lado á súa vella e labrega mai matriz galega acolléronse a centos de modernas e trunfadores palabras casteláns, tamén poidera ser. Por ser un científico realista e non un especulador ilusionista; poidera, poidera. Por dicir o que sempre se soubo: que un idioma galego-portugués non existiu nunca e que esa inventio imaxinouse no século XIX; pois, tamén poidera ser. 


       Compre ler, de sermos xente orgullosa de si, o magnífico libro Así naceu unha lingua que por vontade do autor e co seu agradecemento explícito, a galeguista editorial Galaxia publicou en Lingua Galega. Copio ao insigne Fernando Venâncio: "Por estraño que pareza, eses textos (está a se referir á poesia medieval galega e a poesía medieval portuguesa) comezaron a ser coñecidos só a partir de 1820. Xurdiu daquela en Portugal o problema de designar a lingua en que estaban escritos e os lingüistas portugueses inventaron a designación "galego-portugués". Entendían que sendo Portugal, na época de tales textos un Estado xa independente, non podían chamar a aquel idioma o que realmente era: galego".

"En suma, escribe Fernando Venancio, cando a nación portuguesa xurdiu, alá polo ano 1140, a súa lingua, o galego, era xa adulta, apta para todos os usos da vida diaria e para a expresión cultural. Nela narrábanse historias, nela soaban cantigas. Foi ese, pois, o idioma do noviño Portugal" 

Rabean as neuronas ao escoitar falar aos discutotodo patrios, da dicotomía pugnaz entre o galego-español, din uns querendo descalificar e o galego-portugués, din os mesmos pretendendo afirmarse en linguas patrias imaxinadas. Guerra de alcumes. Con iso pasan os días moi entretidos uns cantos. Algúns, mesmo se fixeron profesionais do dicotomizar.

    Pero mentres, teimosamente, pasan os anos e o galego-galego, ese vinculeiro do latín galaecico, esa lingua vella de urces e cambas, vai pouco a pouco asentándose, caladamente, sendo acollido cada día máis por un público novo, por novas xeracións de familias normais que tornan a falarlle galego galego con orgullo aos seus fillos; véxoias e escóitoias. 


       Sigue Fernando Venâncio: "A realidade é pois esta: o galego foi durante séculos a lingua dos portugueses. E por que? Porque non había outra. Como ficou dito, só contra o ano de 1400 se iniciou un fenómeno coñecido como a "desgaleguización" do portugués. Esa desgaleguización formaba parte dun proceso destinado a dotar dun idioma propio á sociedade portuguesa, agora gobernada desde Lisboa". A inescusable política influenciándoio todo. "Houbo un acontecemento político cheo de consecuencias: a vitoria militar portuguesa sobre Castela que foi sentida como unha victoria do sur contra o norte: o norte portugués, mais igualmente Galiza, dous territorios daquela intimamente ligados polo modo de vida, a mentalidade e incluso  por relacións familiares, sobre todo na clase da nobreza" 

    Escribe Venâncio: "En Lisboa mandaba agora un rei apoiado por unha clase media de comerciantes, artesáns e fillos segundos da nobreza anteriormente privados da herdanza paterna. Toda esta xente sentía como se dixo os usos lingüísticos do norte como anticuados, expresión dun mundo que perdera o control da Historia. Importaba, pois, liberarse das marcas do norte". Velaí a fonda galeguidade portuguesa: avergoñándose de si. Malpocados.

    Quen como quen escribe gustare de viaxar pola Galaecia Portugalesa, por estradas  cuaternarias, de aldeia en aldeia, falando con todos, dunhas cousas e doutras, poderá percibir que esta irmandade está afortunadamente viva e agardando poder ser formulada en termos de recoñecemento político. Na hora están a xermolar movimentos de vindicación autonómica do norte portugués galaécico fronte do asoballante dominio luso lisboeta. Aí están os nosos irmaos bracarensis. Esa é a nosa xente.

    Deixádeme constar acó a memoria da Señora Gloria con 90 anos e seis meses en 2010, cidadana da localidade promiscua de Cambedo, quen, falando con nosoutros no largo central da aldeia, relatounos sen présa os sucesos da mal chamada e pouca coñecida batalla de Cambedo. Triste suceso de amarga memoria do día aquel no que o exército portugués rodeou e atacou con bombas e canóns a súa pequena aldeia por se atopar nela, escapados de Franco, catro republicanos galegos, parentes da xente do vilar, entre eles  da señora Gloria, aos que a prensa, a policía e o exército acusaban de asaltar o autobús de Braga. Os escapados galegos, ao sentir os morteiros que caían sobre as casas da aldea, e pra que parase o ataque, botáronse ao monte buscando a raia, que alá no País Promiscuo, non está máis de trescentos metros das casas. Só pra atoparse nos lindeiros da fronteira coa Garda Civil Española que en perfecta acción orquestada co exército portugués acribillou a uns e detivo a outros. Mais eles eran honestos, dicíanos a señora Gloria. Eu dos españois perçebo tudo, aos que nâo perçebo nada é aos castellanos. Pra ela os españois eran os seus parentes galegos de Oímbra. 

    Como expresaba certa faixa vindicativa colgada dos balcóns de Chaves: "Por sermos galegos, non nos obriguen a ser españois". A bo entendedor.


    Mais agora, somos, estamos a ser, unha nación orgullosa e firme que por primeira vez na súa historia posúe centos de miles de compatriotas capaces de escribir, ler, estudar e gobernar en galego-galego; unha lingua moderna, elegante, precisa, comunicativa, eficaz e de seu. Unha nación que se abre ilusionada ao futuro coas mesmas palabras e formas que mamou na casa, no rueiro e que acolleron  ao espíritu de Sarmiento, á lírica de Rosalía, á voz de Curros, o pensamento de Castelao, os relatos arraianos de Méndez Ferrín, ou a prosa de auga clara de Carlos Casares. Por primeira vez na nosa historia a  nación  empeza a saber de si, a estar orgullosa e chufona de si, de ter sido, por dicir algo ao pasar, o primeiro reino cristián da Europa medieval, nunca engulido nin sometido ao dominio árabe. Xamáis. Nin toda España nin todo Portugal poden dicir o mesmo.

    Un país enteiro que está acordando a si mesmo e que non necesita, nin quere, nin lle nace, ter que dicir madronho, poidendo escoller entre esbedro, albedro ou érbedo; nen ter que comer carapaus podendo comer xurelos; nin quer ser pequenito podendo ser pequeniño, e se foi aló non quere dicir fuí, sabendo dicir fun. Porque a norma ortográfica non é siñificativa: é só un grafo. Son as verbas o que importa. As palabras:  a voz, a alma, o corpo da lingua, o seu sostén, sustancia e sentir. O galego, pra cando Portugal a necesitar, garda a máis anterga herdanza das palabras na súa arca dos primordios, labrada en madeira latina, entrallada por ferraxes xermánicas e adobiada con ouriversarías celtas.  

    O galego galego que sabe á galego... a que bon pan de mestura sabe!!.

    E sabe, ben que sabe, que a matria de todos as falas e fonías portuguesas,  brasileiras, angolesas ou caboverdiáns, ben o saben os de Burela, está  en Galicia, lar do Galego, a lingua que os afillou  a todos eles. Na hora, está a despertar a nación galaica que sabe se extende polas galicias, as asturias, os bierzos e por  terras xabresas, miñotas e trasmontanas: esa é a nación que hoxe desperta. A nación que sabe que pra ser quen ten que ser, non necesita ser castelá dos Madriles nen lisboeta da Lusitania: abóndalle con ser galaica da Galaecia. 

    Unha colectividade orgullosa que  acolle cun sorriso de irmaos, e por baixo dos seus bigodes, o berro de afirmación colectivo minhoto... BiBa a ramBoia!!! crida da que se soerguen, fonando efusivas, esas tres bes galegas fronte as tres normativas uves fricativas luso lisboetas.  Que leveda de emoción ao saber que no Bierzo, e nas Asturias o galego resiste bravo, firme e baril. Unha nación que se amilagra ao saber que a comunidade de orixe galega do Val do Xálima, extremeño da Extremadura, raioto co verdadeiro Portugal luso, seguen a falar como falo eu, que falei con eles en galego e eles comigo na fala galega do Xálima, e non en luso portugués lisboeta.

      Entrei xa hai ben de anos nun bar de San Martín de Trebello, Cáceres. Arrimeime a barra e preguntei en galego cedeirés de a diario: Teñen tabaco? O camarero, un home como de cincuenta e algo, ollándome atento, un tanto ao desconfío, dime: Aí ao fondo tes a máquina. Non a ves? Un outro home alto, ancho, forte, que estaba de costas, virouse pra min cunha cervexa na mao, miroume dende a súa altura e díxome: Ti eres galego, non.... Son, si señor,  desde que nacín... e usté é de Trebello? inquerín eu. Si señor, si, desde que nacín, respondeume cunha sorna coñera que se me facía familiar. O camarero, daquela, xa se meteu na conversa e dime: E logo usté de donde é?... Son de Cedeira...unha vila pequena ao norte de Ferrol, precisei por ofrecerlle algunha referencia a aqueles extremeños que falaban exactamente coma min. Daquela a cara do camarero, os seus ollos, a faciana toda, o sorriso iluminado, abríronse coma un sol e pregúntaronme, tremándolle a voz coa emoción: E aínda existe o Tres de Ouros? 

O home fixera o servizo en Ferrol e moito fora bailar ao Tres. Que non me mova máis se non foi verdade. 


    "Los portugueses quieren ser aborígenes y autóctonos, esto es, hijos de la tierra que nada tienen de otras naciones. Pero para probar esto han llegado al desatino de excluir a los gallegos. Ni lengua, ni nobleza, ni pobladores, ni conquistadores, nada, nada se les comunicó de Galicia. Y para hacer más ridículo todo cuanto embarran de papel sobre esto dicen que todo aquello lo tomaron los gallegos de Portugal". Estas palabriñas sabias deixounas manuscritas no século XVIII Martin Sarmiento, ese galego xenial, senón o máis xenial de todos os galegos, Mariño Ferro dixit. Por acó hai moito moderno urbanito alucinado coa vella alucinación lusitana. Moito snob picheliano.


    Por que un escritor da fronteira non se apunta ao reintegracionismo? Preguntoulle Ana Mosquera a Méndez Ferrín nunha entrevista que tivo a ben achegarme o  filósofo e galeguista de Sabucedo, o bo amigo Manuel Cabada; e contestou o mestre Ferrín: "Precisamente o reintegracionismo é unha perversión que non florece na raia. Eu non coñezo reintegracionistas raiotos, como din en Verín, ou arraianos, termo este que recuperou Manuel Rodrigues Lapa, o meu mestre. A el non se lle ocorreu nunca dicir que o galego tiña que desaparecer, aínda que se lle ocorrese outro disparate peor, polo que nos incomodamos, ou mellor dito me incomodei eu. Creo que el non se chegou a enterar porque eu lle tiña moito respecto. Escribiu nun ensaio infeliz que o galego estaba ben para falar, pero para escribir xa tiñamos en bandexa de ouro a lingua portuguesa con toda a súa finura e delicadeza e experiencia desde o Renacemento… Para que tiñamos que ensaiar formas novas da mesma lingua? E non é así, nós temos unha lingua que se esgazou e nós non temos a culpa. Ocorreu porque unha parte de Portugal se independizou na Idade Media, e fixo ben en facelo. Nós temos menos consoantes e vogais que os portugueses, e eles teñen polo tanto que escribilo con outros signos. Iso no que respecta á ortografía. O léxico é bastante común, pero a fonética é diferente. Non coñezo a ningún reintegracionista que saiba pronunciar algunha das consonantes portuguesas".




 
Respecto moito aos meus amigos lusistas. Sei da súa fonda galeguidade, aínda que non deixe de pensar que desenfocan; sei do seu compromiso militante que os leva a traballar arreo, ben que lamente que tanto esforzo non se enfoque á realidade que eu vexo; sei da súa raiba ao verse decamiño subdivididos en diversas reintegracións; sei dos seus laios por seguer a ser, logo de cuarenta anos de existencia, unha opción marxinal que non é aceptada pola nación; sei do seu importante aporte, pesia a todo, na conformación do ideario da Galicia moderna, aí queda a obra Carbalho Calero e velaí o magnífico dicionario Estraviz e asemade o seu ilusionante  e admirable proxecto educativo de escola privada A Semente, ben que tan desnortado, ao meu ver, que non puido callar non sendo en moi reducidas elites urbanas: as mesmas que de sempre se miraron máis o seu soberbio embigo ideolóxico ca a realidade pasada, presente e futura da nación.


Alguén razonable pode pensar que o lusismo lisboeta é unha opción realista, capacitada pra servir de vehículo comunicativo, comercial, educativo e de futuro pra a totalidade do país? Cales son os pasos estratéxicos deseñados polo elitismo lusófono pra convencer ao país? Se existen deberían revisalos: en cuarenta anos non conqueriron emocionar a nación. Por que será?


Poidera ser por sermos unha nación sensata e sabia que sinte, ou sabe, que o mundo luso, pura lusitania do sur, en Galicia, con toda propiedade é un mundo iluso. Por iso os escoita alisboetarse coma quen escoita chover, sen facer moito caso, deixando xear, coa resignación vedraña de quen escoitou moitas chovascadas. Xa escampará. 
 





Deixando xear e deixando ir arrolando este  pinchocarneiro, miñas donas, meus señores que a vida lles sexa franca e alonxada de todo tipo de virus, dos da sandia necedade tamén. 

Sexan vostedes bos que guapas xa son.

A mandare.




PAZ  E  PALABRAS


 Achegos: Por se houbera quen quixera ler a entrevista completa con Méndez Ferrín. De quen, neste punto, sería tamén oportuno ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega da Lingua. Ler

sábado, 26 de marzo de 2022

Eu digo que si

     Os abaixo figurantes, seres vivos habitantes do planeta que os humanos chaman Terra, queremos cuspir  palabras mudas contra o pavoroso poder destructor, aniquilante, que o  soberbio, e a vez sandio, ser existente humano foi quen de acumular insensata, necia... primitivamente, coa única utilidade de asustar a outros aniquiladores humanos coa delirante e louca idea de ameazar coa Destrución Absoluta... 

    ...de todos os humanos e de nosoutros todos os outros existentes e abaixo figurantes que queremos solicitar universalmente que se o obligue aos humanos a comprometerse ao abandono definitivo da guerra...

    ...gracia que os abaixo figurantes entendemos que deberá ir acompañada da inversión dos exércitos e a súa maquinaria en labores de paz e reconstrucción natural dos danos causados ao planeta pola cobizosa avaricia degoada dos humanos  existentes que nun dos seu moitos delirios de soberbia chamáronse a si mesmos Homo sapiens, sendo a única verdade que son un Homo ignorens...

        ...e petición esta que os abaixo figurantes, non sabendo precisar a que instancia debe ser dirixida, confían en que aquel que poidera ler este petitorio,  a faga expandir na súa concencia e a deixe descender ao seu adentro...


















    Sede bós meus amiguiños, que guapas xa sodes. Non son bós tempos para a intelixencia, o sentido común e o ir deixando xear. A fera estupidez dos feroces estúpidos ruxe. Non son bós tempos para pasear tranquilo. O alento halitóxico do monstro ocupa o aire que respiramos ao camiñar.

(Os figurantes teñen razóns, o Movemento Vitalista das Terras do Mundo tamén: o desarme mundial e unha Constitución Universal que o protexa é a única alternativa de futuro viable, en paz, concordia e evolución positiva: sin falsos progresos destructores. Teñen razóns e teñen a Razon. Eu digo que si)


PAZ E PALABRAS





venres, 4 de marzo de 2022

Esa palabra que nos falta


.....

nas tagheas a onde van os refugallos

busquei esa palabra que nos falta

no faiado, nos pazos, nos sobrados

mergullei nas sombras das feridas

nas ruinas das casas deslombadas

nos campos polo lume combatidos

no sorriso de mamá que foi borrado

busquei esa palabra que nos falta

na mentira repetida a todas horas

no razonado balbordo incomprensible

dos que falan sabendo que non saben

busquei esa palabra que nos falta

Para saber que vivo e que respiro

A cada hora, cada canto, cada día

Z umegan meus ollos o teu pranto

buscando esa palabra que nos falta

.....


Agora máis ca nunca, coma sempre

PAZ  E  PALABRAS



O Movemento Vitalista das Terras do Mundo lamenta que, coa velocidade dun misil, a realidade lle dea a razón cos crús razoamentos das sintaxes gomitadas polas bocanas dos canóns.



Contra os Macronacionalismos Imperialistas.



Non hai máis Nación que a Humana, nen outra Patria ca o Universo.



Por unha Constitución Mundial Única



Hoxe moito máis necesariamente  diáfana ca nunca.





Pra chegar, hai que empezar a andar



Pensa por ti: apaga a tele. 

Apertiñas miña xente.