Vagha de mar doente. En Cedeira non se falou doutra cousa en todo o día.
Amenceu coas rúa López Cortón e a Praza Roxa cheas de areas, xebras e escumas calladas que non se diloiron en todo o día e a vista da marea daba medo: fervía a ría coa escumada dunha maretada da que había tempo que non se tiña noticia: de feito nunca se mirara a marea entrando por estas rúas.


Un run run de contos e disquedisques ía de boca en boca. ¿Que está a pasar? Cada ano de pouco para acó a natureza parece dar un salto adiante en furor e bravura e cando non son os ventos feros e loucos dunha cicloxénese, ese termo moderno, son as tolemias dunha maretada coma non se mirara.

Desgraciadamente tiven xornada laboral continuada e non dei pillado horas para ir rexistrar a vagha de mar por todas as costás da bisbarra, así é que me teño que conformar cunhas tristes, por malevas, imaxes tiradas despós de xantar, cando a marea subía, e ao remate da xornada laboral, cando xa baixaba.
Ao mediodía fun ao espigón, ese que din que é o culpable de non sei que, e fixen estas tomas do salseirazo remontando por riba. Faltaban dúas horas para a pleamar. Imaxinar.




Cara as seis da tarde, o mar xa se levara definitivamente a súa cota anual de area e deixara de regalo o grande chanzo de cada ano. ¿Volveremos a gastar dous millós de euros? ¿Hai que deixar que o mar traballe como queira e deseñe a plaia dun xeito natural? ¿É a primeira duna dun tamaño e forma natural, ou é un produto de deseño enxeñeiril ? ¿Tivo algunha vez o areal, denantes as intervencións dos enxeñeiros de Costas, unha formación de area tan outa e poderosa? ¿Está xa a cimentación das casas de Cedeira, por baixo da cota máxima das maiores pleamares? ¿Pero, de todo isto ten realmente a culpa o espigón?
Estas preguntas e aínda outras moitas escoitei nas conversas a pé de plaia. O que sei é que ninguén sabía nada en firme, non sendo que, iso si, todo o mundo sabía que, en firme, nunca nada se estudara.












E alí na caída da tarde andábamos todos plaia adiante, enchéndonos de lerias e fotos, mirando e moscándonos: cada vez cremos menos que disto teña a culpa o espigón e empezamos a sospeitar dun culpable diferente: dese no que non cre o primo do primo.E outros, noviños, felices e despreocupados, aproveitaban a collada e tiraban de paipo. Xuventude divino tesouro.
Non sei eu se non serán os máis sabios.
Agradecido.
A mandare



