XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta As Forcadas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta As Forcadas. Amosar todas as publicacións

domingo, 6 de novembro de 2011

A londra das Forcadas

Pasei a mañá do sábado de  vagar polas beiras, arestora demasiado enxoitas e baixas, do encoro de As Forcadas. Levaba a canda a cámara a espranza de poder botarlle o ollo a aguia peixeira que de vez en cando déixase ver de pescantina pola flor das súas augas.

Non levaba na cabeza mirar á londra, xa que sempre andou lonxe de máis pra as miñas posibilidades fotográficas. Así é que en canto mirei remexer as augas cun borbolleo especial, brincoume o corazón: Aí andaba a londra! Na mesma ribeira!



Agacheime como poiden pra mirar de ter unha posición azosa e discreta e encetei a tentar pillar unha imaxe da londra nos intres brevísimos en que se amosaba ao aire. Claro que unha cousa e querer e outra poder. Non tirei malos abstractos do borbolleo.


E aínda algún ca outro rexistro dun corpo extraño, húmido e esbarante que, cun aire de lama loída,  por momentos revirábase e retorcíase,  moi entretido co seu ir, vir e rebulir e  co seu aparecer e desaparecer rapidísimo. Cheguei a pensar se non sabería xa que eu andaba por alí e se entretiña en bacilarme.


Non sei cantas fotos de augas remexidas e borbollas aboiantes tirei ata dar cun rexistro da cabeciña da londra fora das augas. Non será grande foto, pro outra mellor dunha londra non tiña. Xa me ía conformando e levaba o fardel da ledicia ben cumprido. A miña primeira foto da londra. Ía sendo hora.


E para logo chegouse á beira, a repousar nas pedras...debaixo xustiño de onde eu andaba anicado! Tremei coa emoción da oportunidade e premei do botón: unha non mala foto das polas dos salgueiros desbrozados pola máquina quedou inmortalizada na tarxeta da cámara. A borrosa presencia pantasmal da londra tamén.  As torpezas do nerviosismo e a precipitación facíanme chamarme de todo menos fotógrafo. Así que a respirar a fondo, acadar templanza e buscar enfoque.


De cambiar de posición nen soñalo. En canto me sentira mover volvería as augas e... se eu te vin de ti xa non me acordo. Conformaríamonos, xa que logo, cos rastros das polas sempre que poidesemos enfocar algo á londra. Calma e sorte. Algo se habería de rexistrar.


Algo era algo. Polo menos xa lle vía os bigotes e o ollo quedaba ben á vista. Naturalmente a sombra coloreada das polas dos salgueiros tamén andaban na foto, pro a neboeriña de cor non parecía desagradable de todo. A londra non sabía de min. Despreocupada do mundo deste humano asexante, sacudíu con forza toda a súa pelexa pra enxoitala un chisco. A foto habería de sair movida, pro o encaixe da dentadura, aínda con falla de foco, parecía  ilustrar ben a súa salvaxe ferocidade. Algo era algo.
E.... ou eu me movín, ou ela escoitou o clik, clik, clik da cámara. Pro o caso é que mirou pra arriba amilagrada e xa definitivamente mosqueada. Aproveita que está queda e sigue premendo botón, Rafael... deixa a ver cando tes outra oportunidade coma esta, díxenme.

 
Procurei anicarme un algo máis, por ver o imposible de me agachar agora que xa me descubrira e tirei unha ráfaga de tres fotos aproveitando que levantaba a cabeza mirando pra min  con moita curiosidade, escaso temor e o seu aquel de fastidio.


E outras imaxes non me deixou facerlle. En rematando o sonsonete do clikear da cámara deu media volta, e coa rapidez e axilidade do inmediato desapareceu no fondo das turbas augas do encoro, mergullándose, agora sen deixar saír borbollas; e aló ao lonxe, perto da outra ribeira, logo dunha grande espera, apareceu de novo un intre e tornou presto a desaparecer nas augas ate unha mellor ocasión.

 
E alí na ribeira me quedei. Contento pola visión fermosa e prósima da londra, pro amolado por non saber tirar, en tan boa collada, mellores fotos ca estas vidradas imaxes, que logo dos pertinentes retoques e recortes, teño o atrevimento de subir a este  bló.
Do probado espíritu liberal, paciente e xeneroso dos lectores e visitantes do noroeste do Noroeste, sei que podo agardar a benevolente sanción caritativa habitual.
Mil gracias mil, por tanto.
A mandare.

sábado, 1 de outubro de 2011

Garzalba por Vilaboa

Anda na hora o vraociño de San Miguel deslumbrando de luces e calores as terras do noroeste do Noroeste. Aprovéitanse as poucas horas de lecer que deixan os trafegos dos días para aventar as preocupaciós da vida na contemplación simple, irreflexiva, do mundo. Mirando por ver.
Así andando sen buscar, só por que había tempo que non ía ao encoro das Forcadas, deixeime caer por Vilaboa. Por ver se se miraba algo.
 E mira si, había algo. Hai algo. Unha Egretta alba, unha garzalba pra os amigos, andaba pola beira, despreocupada do mundo, rebuscando bichería variada polas augas, demasiado verdelladas de xebra, da parroquia de Vilaboa.
Cando lle pareceu oportuno remontou por riba das árbores e foi indo cara a nordés, e eu tras dela. Dúas mulleres, en mirándome con prismas e cámara, endereitáronme. "O páxaro grande e branco foi para o campo de fútbol" "Ese por acó nunca se veu". Eu son da mesma idea. De non o ter mirado nunca por Vilaboa. Pro seguro que xa outros o teñen mirado. Hai moito oculoxista.
E alá andaba a garzalba, de centrocampista cortador. Sen deixar pasar bichería. Un escáncer, e ao mellor outro, e algo patudo,  algo así coma unha rá, fóronlle entrando no papo. Parece mentira, pro en aquel campo de xogo, pillou máis mantenza que en todo o tempo que a vin andar polas augas do encoro. Se coñece que ben sabía a onde ía. Unha profesional da bichería, que dúbida caibe?. 
Naquel medio tempo de mañá que botei á sombra das gradas do campo de Vilaboa, sen pensar e sen querer, desfrutei dun dos encontros de primeira máis interesantes dos últimos meses. Unha partida cara a cara cunha das garzas que menos se deixan ver por estas terras. Certo que todos os anos cae unha ca outra, pro tan encima da xogada, poucas veces.
E cando ela quixo,  foise indo aos poucos cara a sebe, colleu aire, remontou os eucalitos e foise pra outra campeira. E alí acabou a conversa,  e encetou a rematar tamén estoutra. Quen queira botar unha parrafada de olladas coa garzalba, vaia  dare unha voltiña por Vilaboa. Malo será que non ande aínda por alí.

E co agradecemento de sempre por estardes noutro lado do telón de teclas, miñas e meus, imos ir deixando xear por hoxe.
Que dure o vraociño de San Miguel.
A mandare.

VideosMínimosDoNoroeste TV


Garzalba nas terras de Vilaboa


Nota marxinal: Non había só algo polas Forcadas. Había moito. Anda por alí a aguia peixeira, os mergullós cristados, parrulada de alavancos e zarcetas, chíscalas en abondosía, beirarríos, o pequeno e o grande, Miguel Fernández debeu dar a cita, falcós pequenos, polo menos tres, unha becacina, o rei martín que chaman picapeixe en parella, e tamén un  Chylidonias niger e un Chylidonias leucopteros este último con pouquísimas citas na Galizia, según se comenta na páxina de Pablo Gutiérrez con fotos de moito mérito como é costume. E algunhas fochiñas, e mergullonciños e moita libeliña e unha temperatura deliciosa. Para volver agora mesmo. Imos logo.