XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 27 de febreiro de 2011

Aquilegia vulgaris, paxariñas... ¡¡en febreiro!!

Sorprendente dato de fenoloxía, na miña modesta e iñorante opinión o feito de aparecere unha paxariñasAquilegia vulgaris, plenamente floreada e vizosa a 24 do mes de febreiro. Dei con ela nos marouzós de Vilarrube, en tarreos abertos e areeiros, rodeada de herbas secas. É  a máis ceda observación da paxariños que fixen na bisbarra. Da súa aparencia plenamente desenvolvida deberíamos concluir que iniciou a súa floración, cando menos unha semán atrás: a mediados de mes, en pleno inverno. Sorprendente, ao meu parecer.
A paxariñas é herba fermosa, lanzal, de grande porte e ben plantada que chama da atención e recolle as olladas de quen pasa. Adoita  alumbrar nos campos a primeiros de abril, ou coma moi cedo a finais de marzo. Esta tempada polo que se ve, todo vai un aquel adiantado: as eirugas da procesonaria, que inzaran os piñeiros da Plaia de Cedeira, abandoaron os niños ¡a mediados de xaneiro!, cando adoitan facelo ao remate do inverno.Teño video e fotografías rexistradas.

Herba que gusta de deixarse ver en moitos habitats, pro parece amosar unha preferencia especial polos prosimidades das augas, sendo fácil vela medrar nas mesmas beiras dos ríos, dende os primeiros días de abril, ata ben entrado  o vrao.


De flor fermosa e orixinal, con cinco sépalos petaloideos e cinco pétalos que se xuntan formando unha corola tubular, posuíndo cadanseu esporón, revirado pra riba e recurvado pra dentro, conferíndolle un aspecto característico.
Planta que foi de antigo moi usada en menciña tradicional polas suas propiedades diuréticas, sudoríficas e desecantes tanto pra facilitar os partos canto para baixar as febres ou sandar do ardor de gorxa, entre outros moitos usos; veu perdendo a súa utilidade polas propiedades tóxicas que posúe, desaconsellándose totalmente o seu uso doméstico.

Na Galizia danse dúas subespecies (vulgaris e dichroa) diferenciadas fundamentalmente polo tamaño da flor, pro servidor non deu nunca diferenciado unha da outra. Recolectada pra xardinería os floristas obtuveron dela numerosas variedades de cor, entre elas a de cor rosa, que o mellor saltou de novo ao campo e anda hoxe aparecendo polas beiras dos camiños. A de abaixo é de Moeche, pro mireina tamén en Vilanova dos Infantes, en Ourense. No Xurés dánse  dun escuro azul nazareno.

Aínda que o seu nome máis corrido é paxariños, eu prefiro chamarlle paxariñas, por telo sentido e para deixar os paxariños para recoñecer as flores do xénero linaria, co que asemesmo corren, e evitármonos confusiós; pro se alguén quere darlle calquera dos nomes que se recolleron, aí van os que aparecen na Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, de E. Losada, J. Castro e E. Niño: bonetes, enxertina, escornacabras, fardillos, fidalguiños, herba dos pitos, herba pombiña e soldados. Non hai queixa. Onde escoller tedes: o voso gosto, o meu contento.


E acó remata a xogada.
Desexando que desfrutásedes destas fermosas flores, todo un espectáculo floral, e que cando chegue o tempo da súa floración  lembredes que xa a mediados de febreiro deran en alumbrar nas canas resecas das herbas do marouzón de Vilarrube, voume despedindo de todos e todas lembrándovos aquela despedida da cativeiría cedeiresa que dicía: ¿Que hai na praza? ¡Papel de estraza!... Que cada quen se retire pra a súa casa. Pois iso.
Moi agradecido. 
A mandare

E van estes achegos:
O primeiro da páxina de Biodiversidade en Galicia, coma sempre unha xeira de boas fotos,   acolá
O segundo de  Asturnatura,  acó
Estoutro do Herbario Virtual do Mediterráneo da Universitat des Illes Balears, eiquí


VideosMínimosdoNoroeste
Actitis hipoleucos no Río Condomiñas

venres, 25 de febreiro de 2011

Corzos ao lonxe



Por ver de calmar os desasosegos das horas desfrutando da impensada xornada primaveiral que nos regalou o febreiriño tolo  (xa volverán as abreguías, xa), dei en pasar a tardiña  deixándome ir indo amodo por entre as herbas e as areas de Vilarrube: mirando como xa revoan as pampurriñas, (unha fermosa Polygonia C-album  andaba rifando entre as  flores primeiras dun louro cunha Pararge aegeria); escoitando a linguaxe dos paxaros, esa metáfora do coñecemento hermético; ulindo os recendos a humidade da auga que quedou apozada logo dos agaceiros das últimas choivas, ou esbarando a ollada desatenta, esquecida de min e de todo, polo espello limpo da flor das súas augas, que se estiraba na última luz do día.
Ía  servidor coa tarde, deixando xear.

Devalando os pensamentos sen pensar, (esa sorte de meditación intrascendental da que nacen as ideas creativas  máis orixinais e fecundas), entre os  próximos plans de Costas para facer a Rexenaración Medioambiental de Vilarrube, (terror pánico o nome e os antecedentes: non hai tanto toraron toda a toxeira do marouzón co mesmo argumento)  e as lembranzas do malpocado aspecto  dos montes da República Eucaliteira, que avanza xa, imperial, ate as Asturias Medias (andara eu no  dia de ontes por Tras da Costa e a desfeita que os agresivos e pouco considerados métodos de extracción do eucolito provocan na terra -fochancas, lixugaduras, fealdade- virárame o ánimo) viñan ensombrecendo o meu aceno ao compás do serán: escondíase o sol tras da negra sombra eucaliteria do Pericoto de Pantín.
Daquela, iluminándome a faciana,  apareceu entre as herbas entralladas do chan o sorriso de xofre e blancor dun amarelle bravo, esa  certeza de primaveira, esa espranza. 

Reconfortado o ollo,  levantado o nubeiro da alma (¡que doado!¡un algo de beleza, por favor!), entretido o espíritu na contemplación das fondas pisadas dun raposo na area esponxada, fóronme levando os meus pés ate o carrizal do esteiro do  Río das Mestas e alí dei en lembrar unha recente conversa co sabio Rafael Usero, mestre e amigo, sobre o pleito que sostiveran no século XVIII durante 35 anos (do 1752 ao 1787) os veciños de San Fiz de Esteiro e os de San Martiño de Vilarrube polos dereitos sobre a corta dos xuncos, daquela de grande utilidade e valor para o gando. Pleito que se tivera que dilucidar nas máis outas instancias xudiciais do Estado, nada menos ca na Real Chancillería de Valladolid, o equivalente ao Tribunal Supremo actual, e no que acabaron dándolle a razón aos veciños de Vilarrube.  
E alí, ao pé das súas disputadas canas, e ao lonxe, moi ao lonxe, nacendo das sombras grises que anuncian a noite, alumbraron os brancos cus de tres corzos.
É sempre un galano para os ollos e un motivo de ledicia para o espíritu, poder mirar o tranquilo discorrer da vida da xente ceibe. Souberon decamiño de min. Fitáronme coa ollada analisadora e decidiron que aquel humano estaba lonxe de máis para ser motivo de preocupación. Deixáronse ir amodiño.
Un macho e dúas femias. Estas recoñecidas polo pincel que lles sae do borrón branco, espéculo  tamén, e aquel polos corniños, que aínda andan recubertos do liber. Acomodados, tranquilos, o macho mesmo se deitou un pedazo a folgar, e só de cando en ves, botaban un ollo na dirección  onde eu andaba: a galiña nos catro reás.
Mágoa da pouquísima lus que lle quedaba ao día. Tanto coma das  coreñas condiciós fotográficas de quen suscribe e da lonxanía dos corzos. Mágoa, gustaríame poder amosar mellores imaxes. Pro terei que conformarme e solicitar a comprensión que a vosa liberal condición, de seguro,  me concederá. Aí quedan unhas moi poucas instantáneas libradas das moitas que lles fixen e que case todas houben de borrar. E estas, se tivera vergoña tamén deberían ir ao reciclaxe.





Rematemos acó esta deslaimada entrada entrallada nas últimas luces do día. Vaia polas ánimas.
 Co santo dunha abruñeira floreada en esplendor, máis xa no fusco ca no lusco, quero agradecervos de todo corazón o voso xeneroso seguimento.
Apertiñas, miñas e meus, moita saúde e sorte.
A mandare.





VideosMínimosdoNoroeste

Corzos no esteiro do Río das Mestas



(Se alguén me demanda porque este video, de pulso alborotado, lle provocare unha forte dor de cabeza, ao tempo que mareos e algunha vertixe perigosa, saiba que non prosperará o inquérito pois xa agora se lle advirte dos seus posibles efectos pra saúde, e así cada quen accederá ao seu visionado baixo a súa persoal responsabilidade. Dixen).

domingo, 20 de febreiro de 2011

Campanula rotundifolia, outro arruallo noso.

 Unha das alfaias botánicas das que o noroeste do Noroeste pode arruallarse coa cabeza ben outa, unha desas xoias raras e escasas de fermosura definitiva é  a linda flor azulina que vai decorando estas líneas: a Campanula rotundifolia, rotundifolia, a campaíña dos penedos.
 A Serra da Capelada, en moi contados puntos e cada día máis espaleados, é a única zona da Galizia (Xosé Ramón García, Guía das plantas de Galicia, Vigo 2008), na que alumbra esta lindura silvestre que cada vez que se ten a fortuna de mirar, enche para sempre o líquido fondo do ollo cun mar de relembranzas que non han de poder ser esquecidas.
Tal, polo menos, lle pasou a un servidor que tropezou con ela, como con tantas outras, camiñando á ventura dos intres nunha serán do vrao polos esgrevios montes capelados, sen buscar nunca nada, pro encontrando sempre moito: xenerosidades que a terra arrotreba  dá a quen por ela amodo vai.
Todos os anos, dende aquel serán de xullo, agardo ter a fortuna de poder botarlle un ollo e regalarlle aos meus arquivos fotográficos (esa paixón por rexistrar un mundo que sei que se nos vai a pancadas dunha estupidez que cada día se certifica máis crudamente) algunha outra mostra da existencia, da pervivencia, de tan valiosa alfaia ártabra, requintada xoia do tesouro botánico galego, que, entre escuras nebras de maltrato, esquezo e iñorancia, se garda unicamente na arca da Capelada.
Pro só doutra volta puiden dar con ela. Tristemente estes novos e poucos pés, arrexuntados e prendidos ao pé dunha desas abundantísimas pistas inútiles (non sendo para o beneficio de quen as abre) desapareceu ao ano siguiente, non sabería dicir eu se por cousa do repentino namoramento dun humano  que  de cotío demostran o seu amor cortandoias;  se por cousa dos coñecedores especialistas que saben moi ben donde han de ir  buscar as especies que andan a  faltar nas súas colecciós ou nos seus herbarios; ou por cousa de que a todos nos chega a hora biolóxica. Certificando con estas imaxes a súa sana  vizosía, o sentidiño, esa outra rareza, permite descartar esta última opción.
A campaíña dos penedos é planta perenne (Xosé Ramón García, dixit), con rizomas horizontais dos que nacen os talos floríferos. Posúe follas basais acorazonadas, pecioladas e pequenas, e follas caulinas alternas e lanceoladas. Gusta de florear na forza do vrao, sendo xa que logo as datas centrais do estío as mellores para poder botarlles unha ollada.
Non sei se será  información pertinente lembrar que a sinatura dos describidores desta especie leva o nome dos moi coñecidos botánicos GUITIÁN & al. 1985; SOÑORA & al. 1995; CASTROV.(Coord.) 2001, o que se quere deixar rexistrado nesta páxina coma homenaxe de sentido e agradecido recoñecemento a todos eles, e a tantos outros científicos galegos, por abrirnos as portas ao coñecemento  da nosa propia casa, o noroeste do Noroeste.
Desfrutade respetuosamente coa contemplación,  na flor da terra,   deste valioso taxon botánico. Encher o peito coa satisfacción de saber que son unha exclusividade, no que a Galizia se refire, das terras de serpertiniña da Capelada. Pensar que poden quedar con nós para sempre se sabemos coidar o monte e non deixamos esbandallalo. Imaxinar que ao lado de tantas outras fermosas alfaias ártabras son a seguranza económica do turismo do futuro, se non o son xa do presente. Recoñecer o estado crítico, de arrolo sen freos rumbo ao escidio, no que viaxa a Serra da Capelada. Asumamos que temos a obriga de gardar,  traspasar  e mellorar o legado que a nós nos deixaron. Teñamos sentidiño, esa especie mental tan rara de atopar.
Restan polo de agora moitos outros, requintados e escasos, especímenes capelados, xa botánicos, xa faunísticos, por darse a coñecer neste o voso bló. Algúns, como era o caso desta campaíña, turran dende hai tempo por lles dare acollida, outros andan aínda no monte sen ter rexistro adecuado deles, Huperzia selago, por exemplo. Os días son poucos e os trafegos moitos. Así é que se vai facendo camiño ao teclear, e aos poucos, con máis pausas que présas, imos estendendo o que imos aprendendo, coa certeza italiana de que qui va piano, va lontano.
Moi agradecido miñas e meus, a todos vós, aos que me ledes, aos que me mirades, e, moi especialmente, aos que me comentades.
Quedade con Natura, xente.
A mandare.


Imos ver se dei amañado os problemas de enlace cos achegos:

Unhas excelentes fotos da campaiña dos penedos, a canda a outras xoias botánicas galegas,  aparecen nesta  "Contribución a la iconografía de la flora vascular de Galicia" de J.L.Camaño, publicado en Boletín BIGA 2007, e accederedes a elas premendo  Acó .

Unha fermosa lámina clásica na páxina da Wikiespecies poderedes  vela, premendo Acolá.

E aínda un bon  lote de excelentes fotografías neste achego da güeb dos BIGA (Biodiversidad en Galicia) apareceran diante dos vosos ollos con so premer eiquí.



VideosMínimosdoNoroeste
Maretada no Porto de Cedeira


luns, 14 de febreiro de 2011

Fóra de Portas: Unhas horas na Chá.

Na Chá de Alba, a de estendidas agras e terras enchoupadas, alindadas por fileiras de carballos e entralladas por longas e azosas pistas polas que non canta xa ninguén, nen sequera o eixo do carro de Manuel María, que lle levaba a colleita pra casa e a herba pro gando e que feito da cerna do carballo e o freixo facíase no ar rechouchío pra espantar as  señardades que as soidades da chaira crían. Van tamén as  terras da Chá, coma todas outras da Galizia, baleirándose de xente e van quedando aos poucos os agros deixándose a monte, sementándose tantas veces de piñeiros e eucalitos.
Pro a Chá e terra anchurosa e farturenta onde  os campos amplos de praderías abertas e mainceiras extensas conviven aínda co bosque de seu, e con gandaríos turbosos e lamacentos, conformando unha  fermosa paisaxe única,  de acusadísima personalidade propia, cinguida de protectores valados en pedra, de laxas ben traballadas, nos que Historia, Tradición e Natureza agardan ao paseante tras de cada codo do camiño para regalar, sen pretensiós, lúcidas e engaiolantes lecciós de vida, claras explicaciós do ser na Galizia da altura.
Íamos, coma sempre, sen rumbo fixo e sen plan preconcebido, buscando os roteiros do noso camiño máis nos recendos do aire e nas sorpresas do andar, ca na previsión exacta e inútil do porvir. Demos así coa moi interesante mámoa das Rozas das Modias, esquecida de autoridades, que conserva  case  todos os ortostatos do seu dolmen, do que falta a tapa, e poden aínda admirarse neles os trazos das antiquísimas decoraciós serpentiniformes que seguramente algún día foron polícromas.
Non moi lonxe da Vila de Alba, no lugar da Croa, nome que debe falarnos da presenza antiga dalgún castro ou mámoa, detalle que os veciños cos que falamos mentras adecentaban a pista non souberon adiantarnos, atopámonos con este ausente cruceiro, (do que si nos souberon informar que os ladros lle roubaran a cruz), chantado na encrucelada de vellos camiños chairegos, que na hora son pistas alcatranadas, ao lado do que lle arrimaron unha esbandallada marquesiña comida pola silveira, que por caridade hacia a ollada de todos vostedes non quero deixar ver.
Se algún plan levábamos en mente, ao tempo ca unha visita de lecer as lagoas e augas latas da Chá, era unha rebusca dos fermosos camposantos chairegos, que a escasa imaxinación estilística chama neogóticos, pro que a nós parecíannos e parécennos, unha das mellores e máis orixinais expresiós da portentosa creatividade popular galega, nun orixinalísimo estilo que diríamos modernista cecais, se non fose o caso de seren anteriores en tempo e forma. Digo que se algún día me explican que o xenio cristianista de Gaudí visitou a Chá antes de deseñar a Sagrada Familia explicaríamonos onde se semillou o xermolo inspirador da súa admirable creatividade desbordante. Mentres o de Goiriz xa foi declarado Monumento Histórico Artístico, outros, con méritos semellantes, esmorecen e deixanse reformar (desformar, propiamente) por autoridades, civís e eclesiásticas, ausentes de sensibilidade. Conxunto Monumental Histórico Artístico deberían ser declarados todos eles, pois forman unha unidade de estilo  xeográfico que lle confire á Terra Chá unha das súas máis requintadas e orixinais formas da expresión artística: unha poética eufórica e leda do Alem, única, (alonxada da tópica tristura escura) que se caligrafía en pedra de graiño  co  trazo elaborado dos mellores mestres canteiros. Na foto, o exemplar contraluz do Igrexario de Buriz.

Polas abas occidentais da Terra Chá deixámonos perder sen agobios entre o labirinto de pistas, unhas veces rumbo a leste, outras a sur, acolléndose os ollos nas cortiñas de herba gandeira onde pacían os animais, mansos e quedos, sen presas...
...ou revoábanas as corvexas, Corvus corone, entre bandadas numerosas e inquedas de pimpíns que ían, a cada pouco, dos carballos aos campos, e dos campos aos carballos,  sempre lonxe de nós, sen nos deixar miralos a gusto e aínda menos facerlles con xeito un rexistro lembranzoso...
...ao contrario ca esta cachena (¡que lembranzas do Gêres!) e o seu touro, fermosísimos ambos os dous, que andaban pechados no seu cortello enlamado e miraban para nós con firmeza e seguridade, transmitindo todo o arruallo de quen se sabe tocado pola gracia de tan outa e sobrecolledora encornadura.
De pista en pista, indo un pouco a sur case sempre, achegámonos á lagoa de Riocaldo. Na hora en calma do ano, un espello alisado e azul, de augas profundas e quedas, no que se debuxan, ben definidas, e ao mellor mellor contrastadas, todas as árbores da ribeira, salgueiros, ameneiros, bidos e carballos...
... e polas que se pasean, uns por acó outros por aló, uns cerca, outros ao lonxe, media ducia de mergullós cristados, Podiceps cristatus, que nos aledan os ollos e a mañá, pois non contábamos con  eles...
... e moito menos con poder miralos coa farda nupcial xa conformada e a algunha parella, lonxe de nós para tristura da cámara, bailando a súa excitante danza acuática de namorados: a  amorosa fermosura do mundo natural que advirtira xa a Candeloria recén pasada, na que, díxose, "aproclámanse os paxaros"
Fumos deixando Riocaldo, logo de gravar aos mergullós e as arañas patinadoras que nos sorprenderon coa súa extraordinaria rapidez deslizándose pola alisadiña flor da auga  e deixando tras de si un ronsel, agudo e definido, de delicadas ondiñas  que se abrían na faz do lago ao seu pasar : unha ledicia.
A seguir, que as cegoñas andan esperando por nós.

Un paisano, ferrolán, chairego de adopción, que levaba o neto ao colo, endereitounos a un lugar, entre Alba e Noche, onde ao pé da casa, non moito por riba do ladrar e o ir e vir de media ducia de cans, no alto dun salgueiro que os donos da casa retallaran adrede para a ocasión, as cegoñas fixeran seu niño. Se non o chego  mirar non o crería nunca, e se non me viñese coa foto non me crería nunca ninguén.


As cegoñas non andaban no niño, andarían tan a gusto cebándose polas campeiras, húmidas, amplas, de bichería feraces, que conforman a maioría do territorio chairego. Afortunadamente hoxendía as cegoñas son unha visión e unha presenza normal en moitas zonas da Chá. O raro é xa non dar con elas.
Os chairegos aprecian á cegoña e colléronlle moito cariño, e mesmo presumen delas. Non fan mal nengún e da gusto velas, diranos un nativo co que conversamos no alto do centro de interpretación da Lagoa de Cospeito, mentras ollamos as augas. Xa van pasando algunhas o ano enteiro por acó e tirando cara a Castro de Rei hai seis ou sete niños, uns cerca dos outros, comentaranos mentras tentamos distinguir unha garzalba, Casmorodius alba, que anda metida entre as canaveiras.
Teremos a oportunidade de rexistrar esta familiaridade entre as cegoñas e as xentes da Chá, que se respetan, que se agradan e que se deixan en paz, como debe  ser, os uns aos outros e cada un aos seus trafegos.  E na caída do día no solpor que dá paso ao luscofusco, aínda fotografaremos os achegos de cariño da cegoña e o cegoño ao volveren ao fogar, ao  doce fogar da Chá acolledora.
Pro antes, cando xa as sombras se debuxaban alongadas, teríamos que ir chegándonos cabor  Cospeito, dando voltas e reiravoltas polas moitas pistas, polas abertas chairas  das terras de repoboación no que a política de colonización franquista transformou os montes en mao común, quitándolles a propiedade aos seus lexítimos propietarios de toda a vida: os veciños parroquiais, e entregándollas aos colonizadores traídos de terra allea. Aínda doe na memoria das xentes. Comprobámolo nas conversas.
Campos cerealistas e campeiras gandeiras nas que trasmudaron ao monte bravo e que hoxe son acobillo de bandos infindos de estorniños, que debuxan nubes escuras no aire, marabillosa e misteriosamente harmonizadas e acompasadas no seu discurrir, e, cando se queren nas árbores, debuxan na imaxinación unha froitosa anada de carozas escuras.
E non andan voando sós, que van a canda eles bandos, aínda agora numerosos, de pitos da neve, que aledan a ollada e entreteñen os nosos minutos observando a  súa fermosa fachendía irisada,  con esa  exótica elegancia de dandi que sempre portan, aínda rebuscando miñocas.
Pro de cantas cousas aprendimos e vimos na Chá, nada nos deixou tan abraiados como a revelación (ao dar unha reviravolta do camiño e contemplar as campeiras, ao contraluz do sol baixo)  de que a chaira toda... ¡é unha xigantesca arañeira!
Restrebas sin fin, campeiras, gandaríos...toda a superficie andaba na hora entrallada por unha finísima rede de invisibles fíos de arañas, algúns movíanse ceibes dun cabo, e  practicamente non deixaban herba, pedra ou cana  de maínzo segada, sen a súa correspondente fía de arañeira, dispostas para apañar aos numerosísimos mosquiticos que, eles tamén, só se apreciaban ao contrasol. A Chá mirada ao contraluz volvíase unha alfombra de luz refulxente. ¡E desaparecía ao xirar a ollada! Marabillosa maxia chairega.
Cospeito, a lagoa, agardaba por nós con toda a fermosura da vida en plenitude repousando na calor das últimas e douradas luces dun serán morno e plácido do febreiro, preludio e anuncio de primaveiras en flor.


Centos de parrulos, culleretes, alavancos, zarcetas, porróns e chíscalas a ducias, enchían os canos, abondosos en auga e vexetación, entonando entre todos unha sinfonía acordada de benzóns agradecidas a acertada xestión deste espazo, que estivo enxoito en anos aciagos e que na hora é unha das grandes zonas de repouso e fortalecemento da vida salvaxe do norte da Galizia.





Que diferenza coa desnortada política de abandono, de acoso e derribo mellor, que as autoridades medio ambientais, se existen, andan a practicar no Lago de Lanzós ou de Valdoviño, na hora un erial transformado, coas vexetaciós propias desaparecidas, cos fondos ermos de vexetación, e coa maioría dos parrulos missing, aínda as duras fochas o abandonaron, e tan só unha malpocada representación de limícolas segue arestora alí a cando as sempiternas gaivotas e as chíscalas que xa non queren o lago para pescar anguías, senon para enxoitar as alas na inmensa plaia que agora é.
E para aledar o día definitivamente, a garzalba deixouse ver en plenitude. E mentres conversábamos destas cousas coas xentes que se achegaban á caseta de observación, (non só afeccionados á Natureza, tamén veciños do lugar e aínda xubilados ferroláns que concordaban coa visión do actual Lago da Frouseira e dicían non entender o que pasaba con el) poidemos observar e rexistrar detidamente os indovindos cotiáns da garzalba, (Casmorodius alba pra ciencia).
Alí, cos ollos facendo gozar ao espírito, dilucidando entre os infinitos matices da luz rosácea e dourada do solpor, fomos esmorrendo tamén  un pouco nós, co día e co mundo, que xiraban cara as tebras da noite, regalándonos a cada pouco luces máis e máis fermosas, máis calmas e quedas, máis mansas e mainas, nas que se acomodaban as  siluetas dos parrulos, só escorrentadas polo cominar do azor, e recoñecendo outra vez que con días callados de horas plenas coma  este, sentirse  esmorrer cabor da noite era a máis natural forma de vivir, santo e seña de ter gozado a vida a pleno sol e  a caneiro cheo.

Remato no punto este pasar paseniño polas fermosas e personalísimas terras da Chá, das que tanto desfrutei en tan poucas horas. Prometinlles non tardar en volver, e con máis vagar. A Chá, arrimada ao noroeste do Noroeste é por tanto a súa extensión natural a sureste, e  hoxendía está ao cabo da caricia da mao.

Se hai alguén que logo de chegar ate acó aínda lle quedaran azos para dar unha volta atenta polas chairas, saiba que vai visitar unha Reserva Mundial da Biosfera, que por tal declarou a Unesco as terras do Miño, do Parga e do Támoga, e sen dúbida acertou de pleno.

 Sei que non dei transmitido nen a centésima parte das emociós, das sensaciós e das belezas de todo orde que ascenden, como o bafo nunha aira húmida que quence ao sol, da farturenta Terra  Chá. Desculpas, prego.

Mil gracias mil por seguir aí.

A mandare.





VideosMínimosdoNoroeste

 Garzalba na lagoa de Cospeito