XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Aves. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aves. Amosar todas as publicacións

sábado, 2 de xaneiro de 2016

Arceucha nos marmulos.


Silverio Cerradelo,  lingüista, veterinario, investigador, profesor universitario, (por certo, era compañeiro de labor na Universidade de Barcelona da recén acompañada filóloga cedeiresa Belín Labraña), está a desenvolver e crear un traballo formidable na axuda da estandarización e codificación precisa dunha lexicografía naturalista no idioma galego. Abaixo vai o achego ao seu traballo "Os nomes das aves en galego" trescentas páxinas, escríbese axiña escríbense non tan axiña, calladas dun coñecemento erudito da bibliografía referida aos étimos de aves. Impulsor definitivo e redactor asimesmo de "Nomes  galegos das bolboretas recomendados pola Chave", no que servidor tivo a honra de dar a lata, vai ofrecendo cemento e ladrillo,  mao de albanel e saber de arquitecto ao imprescindible traballo, se quixermos ter unha lingua moderna, de poder nomear en idioma galego as diversas especies dos máis importantes grupos biolóxicos. 

Tarefa nada fácil, inxente, en periódica revisión, na que todos os pasos e esforzos son sempre benvidos.

Estou convencido que o día que morran as palabras desaparecerán as especies.



Precisamente de Silverio Cerradelo aprendín que becada e becacina son dous castelanismos que non debían  incorporarse a lingua galega (1). Vaites, e eu que os escoitei toda a vida. Máis logo de rematar de ler as súas argumentaciós quedei convencido que becada e becacina, debedoras do catalá becacell e do francés bécassine, entran moi serodiamente na lingua galega por boca de cazadores, en pleno século XX. Becacina, eu teño memoria de escoitala xa nos anos 70, naturalmente a cazadores.


Lémbranos Silverio, que arcea, foi sempre o étimo máis extendido en galego pra denominar a Scolopax rusticola, detallando cea, galiñola, pitarola, pita das poulas e torda, coma outros étimos máis locais, e que pra chamar a Gallinago gallinago, Gallinago media e Lemnocryptes minimus, na cultura popular difíciles de diferenciar, manexáronse estoutros: narcexa, arceucha, arceolo, arciocho, agacho, agacha, aguaneta, agoneta, brañenta, cabra do aire, cabra louca, paxaro cabra e paxaro berrón


Arcea, sen modificación dende o galego medieval, confirmado polas escritas do inmenso Frei Martín Sarmiento e os dicionarios posteriores, é o étimo común galego de sempre aplicado a Scolopax rusticola, a mal falada becada, que a parte dos étimos xa devantes citados houbo de ser alcumada tamén, asegún onde e cando, de pita cega e galiña cega: debemos de pensar que por poseer o sangue frío e valeroso, ou a fría intelixencia, de non descubrirse botándose a voar se non a has de pisar. 



Pra as  outras especies, G. gallinago, G. media e L. minimus, a cuestión da estandarización dun étimo non é tema pechado. A lexicografía histórica como apreciamos arriba ofrece unha ampla variedade de posibilidades. Silverio Cerradelo logo dun razoamento imaxinativo propón elexir narcexa, por ir preñado, argumenta, do termo arcea, coa que se amita; do diminuinte exa, xa que gallinago parece unha scolopax cativa; e  da posibilidade de levar incrustado o prerromano nara, auga, en concordancia coa preferencia que amosan estas aves polos hábitats húmidos. Acredita por máis que o étimo presenta o valor engadido de asimilárese co portugués narceja.


Aguaneta é termo que goza de aceptación e posibilidades e ten defensores da súa idoneidade. Hai que dicir  que este nome  ten unha importante presencia nos dicionarios de lingua galega. Pero curiosamente nos dicionarios do século XIX aparece sempre como apelativo, ao tempo que aguadana e aguaneira... da rata dos canos!, Arvicola sp., e vai ser só a partir do dicionario de Leandro Carré Alvarellos (1931) que esa voz será equivalente a Gallinago gallinago. Equivalencia que será seguida polos redactores da maioría dos dicionarios siguientes.



Aguaneta, que (eu escoito  pronunciala  agua-neta cunha franca sonoridade castelá) é, na miña opinión, unha transcripción fonética literal moderna do medieval agoaneta, que tal parece debería de ser a escrita apropiada; do mesmo xeito que tantas outras voces da lingua galega, lembremos Régoa que todos dicimos Réghua. F.R. Tato Plaza na súa memoria de licenciatura do ano 1986 ("Léxico do libro das actas do Concello de Santiago 1416-1422) transcribe: "Iten petos et pegas et agoanetas a quatro coroados" (4). Velaí a petos, pegas e agoanetas a prezados na Galicia da Idade Renacentista e xa daquela co mesmo nome. Lingua clásica, o galego.  Doutra banda o prefixo agoa, non repugna á lingua galega, e, non sendo frecuente, secomasí alaga asimesmo o topónimo Agolada.



Existe aínda, comenta Silverio Cerradelo, o termo auganeta, empregado polo grande Alvaro Cunqueiro na súa obra "La cocina gallega", pra denominar á becacina. Ao parecer esta palabra non se recolleu nen empregou en ningún outro lado. Evidentemente non teño probas, pero todo me fai sospeitar que auganeta foi un exercicio de galeguización do termo aguaneta. Pero en tratando co infinito imaxinativo do xenio mindoniense, todo pode ser, mesmo que crease a palabra da nada ou que só na súa memoria sobrevivise a palabra perdida. Toda cunca é posible no alfar dun mestre cunqueiro.



Dende logo arceucha, arciúchaarciolo e arciocho parecen referir a unha arcea pequeneira e son perfectamente intelixibles e válidos. De ter que elexir quedaríame con arceucha. A parella léxica arcea, arceucha compitiría facilmente coa impostora becada, becacina. E así arceucha común, arceucha media e arceucha pequena poderían sen agobios denominar as tres especies de aves que andamos a comentar. Amais non parecería imprudencia establecer un grupo léxico entre os diversos nomes destas  aves que a parte seren da mesma familia teñen un parecido físico evidente.



Agacho e agacha fálannos ás claras dos seus costumes discretos e apousados, sempre apretadas contra a terra, encriptadas á perfección no tarreo, imperceptibles as que máis; como brañenta nos lembra o seu hábitat preferido, as brañas, onde se agacha encantada de poder disolverse entre as cores e as formas do ambiente. Agachadiza é, por iso mesmo,  o nome común de seu en castelá, por certo máis enfebrado en meseta que o provenzal becacina.



Cabra louca, cabra do aire, paxaro cabra... andan a falarnos da extraordinaria peculiaridade do seu "canto" que é producido mecanicamente por fricción co aire de dúas plumas especializadas, ao momento de deixarse caer en ángulo de 45º cara a terra, dende o alto do seu voo territorial. Ese son, de pouca duración, ten un evidente parecido co beo ou o tusir emitido polas cabuxas. Daquela, penso eu, podemos sospeitalas como "voces testemuña": a presencia destes étimos podería indicar que nesa bisbarra, nalgún momento histórico, aniñaron as agoanetas. 



Actualmente só se cita como aniñadora nalgunhas localidades de Ourense, na Baixa Limia arrimada ao Couto Mixto e certamente nun escaso número de parellas. Ao meu parecer o mapa de dispersión dos étimos anteriores podería ofrecernos unha ferramenta para coñecer antiguas áreas históricas de crianza. Seguramente como "étimos testemuña" poderíamos incluir, e por parecidas razós, o de paxaro berrón e a cucada léxica de zanfoneta recollida en "Vertebrados da Limia. Dende a lagoa de Antela aos nosos días" de Villarino, González e Bárcena (2002).


Na Península Ibérica só hai outras dúas pequenas colonias nidificantes, unha no Sistema Central, na Serra da Paramera, nos avesedos da provincia de Ávila, e outra en Portugal que das cen parellas censadas en 1976 pode que non teña hoxendía máis de dez parellas.(5) Escasísima e en perigo como ave nidificante en Iberia, pra ter unha oportunidade de ollar unha arceucha, ao noroeste do Noroeste, hai que agardar ao tempo da invernía, onde un apreciable continxente de individuos euroasiáticos se desplazan cara a o sur e aparecen polos humidais da bisbarra.


Pra daquela. ao mellor podemos ter algunha oportunidade de miralas. Traballa contra os nosos ollos o seu carácter tremendamente esquivo e reservado, e a nunca elevada cantidade de efectivos que recalan por estes arredados mundos, así como a súa asombrosa capacidade de encriptación co ambiente que lle permite ser invisible, mesmo que estea  pousada diante dos nosos ollos. Este ano case pisamos unha nas abas da Herbeira. 


Hase comprender a miña sorpresa ao percibir o dia 8 martes deste setembro que pasou unha arceucha no esteiro do río Condomiñas, entre a Ponte Vella e a Xunqueira, entre edificios e coches, encriptada nas sombras da orela esquerda. Poiden dar con ela o xoves e o venres desa mesma semá. O xoves graveina peteirando e refolgando o froixel, medio gardada entre as herbas enxoitas e o sol e sombra da ribeira, na zona do Pozo Redondo. Ao outro máis confiadísima, mirándome aos ollos de frente e deixándome facer, poiden compartir agradecido unha hora da súa vida mentres ela rebuscaba miñocas ou repoñia alentos ao abeiro dos acolledores e hospitalarios marmulos.



Marmulo é voz que a unha cedeiresa, ou cedeirés, debería serlle tan familiar coma chalana. Expresou sempre esas xebras escuras, verdapardadas, que, unhas con vexigas ou bochos e outras sen elas, practicamente recubren a totalidade das pelouros, que andan tapizando as areas do fondo do río. As coñecidas xebras do fucus. Fucus vesiculosus os que portan as características vexigas que todo cativo cedeirés se entretivo en estourar, propio de augas máis salgadas e mareiras  ca Fucus serratus, con follas moi dentadas e menos aboboradas, daí serratus,  e tamén Fucus spiralis, que tal me parecen as que se crían coas augas doces do río Condomiñas  así e todo, de moi difícil descernimento pra este lego que sempre deu en chamalas a todas coa palabra marmulos. Por entre elas andaba a arceucha que adorna este discorrer.



Xabier Rodriguez Vergara, cedeirés da anada do 1935, define así a voz marmulo no seu extraordinario traballo "Léxico mariñeiro de Cedeira": "Alga mariña que se cría nas pedras nas desembocaduras dos ríos, alí onde chega e se queda a preamar da marea morta ou nas partes onde lle custa montar esas pedras para riba da media marea viva". Extrañamente esta voz X.R. Vergara non a acompaña do correspondente termo científico, o que si fai noutras moitas. 


Marmulo, é palabra que recolle Mº do Carme Ríos Panisse na súa "Nomenclatura de la fauna y flora marítimas de Galicia.II. Mamíferos, aves y algas" , obra xa clásica a quen o paso do tempo revaloriza, na que o define: "Fucus serratus (L): Malpica, Sada, Miño, Mugardos (en esta localidad distinguen dos clases de marmulos. macho y femia), Cedeira, Pontedeume, Ares. Etim. Var. marullo"  Interesante esa dicotomía sexual mugardesa, que parece nomear a dúas especies de fucus diferentes. Ríos Panisse lembranos que Sarmiento recollera esta voz en Xubia: "Aquel bocho del mar sobre las piedras como el de La Barca, que creo es arneirón" Observarase que este étimo, coruñés enxebre, domina o arco ártabro e a costá lapatianca: de Malpica á Ortegal.(6)



Pra o xénero fucus Ríos Panisse recolleu unha farturenta ceifa de étimos e os seus correspondentes lugares, que teño o gusto de copiar: barmulo por Caión; barreduiro por Camariñas; bichoso por Vilanova da Arousa; bioche en Portonovo; bocheca en Muros e Lira; bocho, por Cangas, Cambados, Espasante, Bares, Sardiñerio, Carril, Portosín, Aguiño, Mogor, Laxe, Ribeira e Escarabote. borocho e bocho de mar por Portonovo; botella por A Guardia, Caminha, Panxón e Bouzas; brocha por Corme; brocho en Rianxo; buche en Cesantes; bucheco polo Ézaro; bucho en Muxía; carballa en O Grove; carrasca en Laxe; carromeiro por Bueu; carroucha en Escarabote; malboredo en Foz; malmoredo en Burela; marfollo rateiro por Rinlo, Ribadeo e As figueiras; marmilo por Mera; marrugho e rabo de golpe por Viveiro; mochecas por Abelleira; mochelo por San Cibrao e aínda trapo pola banda de Laxe.(6)

Marabillas da lingua galega, na que o máis lene sospiro  pronuncia palabras e voces coma no mar o vento arrotas e alentías.



Un amigo, fuxido en Catalunya de si mesmo, houbo de poñerse a chorar emocionado estoutro día cando logo dunha ausencia de anos, ollando o río, véuselle a cabeza a memoria dos marmulos que de neno rebentaba entre os dedos, e unha marusía de evocaciós patrióticas, entendede infantís, alagou o seu sentir de arriba abaixo como se lle caera encima de repente un chovasco de endorfinas enchoupadas de  saudades. Os marmulos, Rafael... os marmulos.. alá ninguén sabe o que son... marmuriaba, se non era un laio que rezara polo baixiño ...acórdaste que os poñíamos na cabeza como se fora unha peluxada? 

As palabras: o que somos, o que fumos, o que haberemos de ser. 

Nosoutros ou outros.


Mil gracias mil, miñas e meus. 

Que máis quixera eu que este desmesurado discorrer de voces que chaman pola xente da lama non adormecera o atento e desperto espíritu que a vosa mercede puxo a miña disposición ao principiar este faladoiro, mais teño medo que arestora sexa eu só a escribir e vós os outros andedes acomodados nunha prudente e intelixente soneca de soños gratos aboiada no nirvana das sabas brancas do Mundo Feliz:  folgada actividade que sempre será máis proveitosa e divertida que andar a debagar con impacencia os indovindos das dúbidas deste aprendiz de todo. 

Esa soneca xa me está levando a vida. Vou ver se dou con ela.

Ata outra mellorada.

A mandare.




Notas marxinais:

Agradecería de todo corazón calquera precisión oportuna que poidese confirmarme a especie de fucus concreta que vai acompañando a arceucha en case que todos os santos.

Gratia plena a Damián Romay Cousido por poñerme en camiño da zanfoneta. Obrigado meu.

Achegos:

1) "Becada e becacina, dous castelanismos que non deberían incorporarse a lingua galega" Un artigo clarificador de Silverio Cerradelo. Entrar

2) "Os nomes galegos das aves" Excelente traballo de Silverio Cerradelo profusamente documentado e razoado do por que de cada nome proposto. Ler

3) A voz aguaneta no DdD. Ollar

4) A voz agoaneta no DdD Medieval. Ir

5) Ficha do Ministerio para Gallinago gallinago. Premer

6) A voz fucus no DdD. Ollar


PAZ E PALABRAS

venres, 4 de decembro de 2015

A azulenta das cimeiras


Días de sol e gloria pola outa Herbeira. Extraños días de decembro con agradables temperaturas e tempo de nordés. 

A xenerosidade dos amigos fornecérame co coñecemento de que unha bandada de chorlitos dourados andaba a refolgar entre o extraño territorio do petoural de peridotitas, esa paisaxe de ningún mundo.  Alá fun, a ver se lles botaba un ollo. Botar boteillo, pero, sen que eu soubera o por que, deron en mandarse mudar de aires, colleron vento e liscaron todos eles en coordinada bandada voadora. Antes e cos axustes da cámara fóra de lugar, empanada de gaseosa, dei en facer algunha toma moi lonxana que non cubreu expectativas. Nen de lonxe. Velaí elas.


Polo bordo mesmo do descantil dúas familiares siluetas humanas, que recoñecín ao instante, camiñaban cos acenos certos de quen anda á rebusca do que non se quere deixar ver. Chegueime a eles. Con máis señas ca palabras, advirtíronme: Andan por acó as azulentas alpinas. Vente vindo.


As azulentas dos outos cimbros!!. O corpo deume unha volta. As azulentas alpinas, Prunella collaris, eran unha débeda pendente que tiña eu comigo e alí mesmo soupen que tería a oportunidade, por fin, de sere saldada. Hai un pequeno grupo familiar que anda petiscando sen folgar. Ven botarlles un ollo, intuía que me decían, mentres apuntaban co brazo extendido na direción que sinalaba o dedo, índice naturalmente.


Bendiciós da inmensa Herbeira. Por alí andaba un grupo de sete azulentas, atarefadas sen descanso no incesante labor de búsqueda de mantenza. Imparables, incansables. Movéndose sen cesar na percura de calquera petisco que lle ofrecera o ouzal capelado. Non paraban quedas nen un só intre.


Repasaban cada esfuracada, e hainas por centomiles, levantaban a tona buscando bichería agachada, agulleaban as bostas resecas, subían ás pedras, baixaban, desaparecían entre os turrós de herba, reaparecían máis adiante, daban un voo pequeneiro, pousaban e seguían a andar, traballando sen folgos: xa non sei eu se empuxados por unha adicción fiel ao boreo ou por unha fame de degoados que os mantiña en constante ferveduría laboral. Confeso que acabaron estresándome a ollada.



As azulentas papudas son confianzudas. Non teñen reparo en achegarse a poucos metros. Non lles pidas repouso, pero aproximar aproximan. Déixanse ver a gusto. Aínda que aparecendo e desaparecendo entre os croios e as herbas. Para min era a primeira oportunidade de botarlles un ollo atento, demorado... tranquilo. E abofé que mirei moito mellor ca fotografei.



Das azulentas papudas, ou alpinas, haberá que dicir que corren co nome de azulentas, pola linda cor azulina dos seus ovos e non, claro está, polas tonalidades do seu froixel. O apelido de papudas co que moitos adoitan chamalas, vai directamente entresacado do gracioso babeiro esbrancuxado, cun salferido de puntualidades negras, que adorna a súa gorxa.



O máis corrente apelido de alpina, explícase pola súa condición de páxaro residente nas máis outas cimeiras europeas: cría e vive entre os 1800  e os 3400 metros de altitude. Aí é nada. Na Península Ibérica súas meirandes poboaciós danse nos Pirineos e Picos de Europa, pero calquera requintado sistema montañoso (Sistema Central, Serra Nevada, Macizo Ibérico...) conta con poboaciós estables de cría. 


As únicas colonias galegas aniñan  no Macizo de Pena Trevinca, pero no inverno pequenas poboaciós, grupos ao mellor familiares ou case, aparecen por algús cumios do país. Na Serra do Galiñeiro e na Serra Capelada son invernantes regulares. Non fallan. No Cabo Ortegal son fáciles de ver, se un anda con tento, xa que  por veces andan a poucos metros de nosoutros, desocupados e desinformados visitantes, que chegándonos pra vermos natureza enxebre non somos quen nen tendoia diante dos ollos. O que non sabe é coma o que non ve. Ben cho sei.



Hai que decir en  descargo que pesia a fermosura e colorido que amosan estes paxariños, (se son ollados de perto  ou cos alongavistas ou contemplados en foto) no campo, coma case todo o mundo, son tremendamente discretos, nada rechamantes e facilmente se funden coas cores das pedras. Pra máis o seu carácter laborioso, inquedo, de camiñador a ras de terra non fai que sexan doados de percibir se un non presta atención. E aínda así. Ben que o sei!


Xente fundamentalmente das outas cimeiras de  terra adentro, fanse raras e extraordinarias de ver á beira do mar. Velaí outro aceno de orixinalidade da nosa serra. Son moi de apreciar as imaxes, (que os que saben conquiren) das azulentas das cimeiras petiscando entre as pedras e tendo ao fero Mar de Ortegal por decorado, escumando bruador ao escacharse contra as pedras escuras da costá. Eu non fun quen: entre serpentiniñas e uces e xa me conformo.



Mantéñense fundamentalmente de pequena bichería que son quen de atopar en pleno inverno entre as herbas e as regañas, pero non desprezan algunhas sementes de gramíneas que completan e amplían a súa dieta. Mesmamente tense documentado e observado o aproveitamento dos restos alimenticios de montañeiros.


As azulentas das cimeiras, en estando a traballar, dan voos moi curtos, de poucos metros, permitíndolle así  ao aprendiz de naturalista seguilos facilmente polo monte, sen fatiga maior das súas cada día máis escaralladas xogas, e desfrutar demodo dos seus indovindos cotiás invernantes na rebusca incesante da necesaria mantenza.



Raramente se pousaron en alcándaras outas e cando o fixeron, sempre por pouco tempo, ollaron pra min con máis curiosidade que temor. Daquela aproveitei pra tentar facerlles unhos retratos nos que me saíran ben guapiñas. Non me queixo, pero poido ser mellor. Bastante mellor.


De que eu saiba ninguén poido facer pola Capelada unha foto-documento dunha azulenta alpina anelada. Mágoa. Se algún día aparece algunha poderemos ter unha interesante noticia da área de orixe das Prunella vulgaris que visitan, un inverno si, o outro tamén, as cimieras dos cantís capelados. A ver se algún día.


Han quedar por acolá todo o inverno. Ao mellor alá para abril ou maio dan en marchar as súas zonas de aniñamento, que adoita ser no máis serodio da tempada, cando a neve foi derretendo. Ata daquela haberedes de ter algunha oportunidade de observalas. Comprirá que andedes atentos. 



Se tal facedes, unha das  xoias invernantes ao noroeste do Noroeste haberá de relocirvos no adentro do ollo e  unha raiola de beleza viva hase imprimir nos arquivos da memoria neuronal, pra facervos soñar, nas noites de quentura, coa frescura das cimeiras nevaradas, onde as azulentas capeladas andarán gozando o ardor do amor namorado, ese que rebenta cos saloucos dos gustiños nas noites do vrao calladas de estrelas.

Natureza pura.



Vai  rematando hoxe o conto.

Non sei se entre os lectores habituais, fóra paxareiros fóra naturalistas, habería alguén que soubera desta lindísima paxariña que todos os anos vén pasar o inverno a Capelada. Se así fose, gracias por permitirme aventar o neboeiro dese iñoro. Se non houbese caso, gracias por acompañarme ata acó e mil escusas pola mellorable calidade dos santos, que o feito de perder ese día as gafas no monte non xustifica. Hoxe non fun máis lonxe. 

Apertiñas, totus meus.

Mil gracias mil.

A mandare





Achegos:

1) A ficha de SEO Bird Life. Acó.
2)  PDF de dúas páxinas do MAGRAMA. Entrar.



PAZ E PALABRAS

venres, 27 de novembro de 2015

O Ano do Cuco

O cuco é xente que  rareou tanto a súa presencia que ao día de hoxe poder ter a oportunidade de botarlle un ollo  causa  agradable sorpresa celebrada con festas e risas de incredulidade. Eu hai moitos anos que, entre marzo e abril, cando o cuco sae do cubil, non escoito o seu cucú grato e divertido que nos corazós infantís, era santo e seña inequívoco de que o vrao, paraíso de infancias, víñase arrimando. E se falamos de poder botarlle un ollo, nos últimos tempos só lembro dúas ocasiós: una no Val de Moeche, haberá unhos dez anos e outra nas pradas da Espiñeira, onde mesmamente poiden facerlle unha foto de lonxe.

En troques neste ano de 2015, ata en catro ocasiós, miragre de miragres, tiven ocasión de falarlle: unha no Forgoselo, outra na Capelada e dúas nos Ancares, na Campa da Braña e nas pedreiras dos Tres Bispos. Velaí o porqué de ter eu declarado, para o meu calendario privado, a este ano do 2015, o Ano do Cuco.

Verdade é que as imaxes que lle poiden facer non valen nen un peso nen medio patacón, pero a min enchéronme de ledicia por poder atrapar a tan esquivo paisano en pleno borear diario, documentando un par de comportamentos moi difíciles de poder mirar.

Permitídeme partillalas.

A primeira delas ocurreu no Forgoselo, na media tarde do 27 de maio, andando eu máis entretido en fotografar gaiteiras e percibir ao cruzabicos, ca en esperar ver ao cuco. Un amigo naturalista, co que coincidín no monte,  con moi bon ollo ollo discriminador deu a alarma: O que se moveu aló no fondal... é un cuco!!  E aló ao fondal enfoquei os vidros, e aló no fondal estaba. Gardado na sombra, pousado na pola dun piñeiro, agachado baixo as carozas e as carumas  e sen perder baza de nosoutros. O cuco.


O cuco non dá confianzas. Principio primeiro de sobrevivencia na convivencia cos humanos: confianza cero. Sabe ben con quen se xoga o froixel.


Para poder arrincarlle unhas imaxes hai que alongar o zum a tope, acomodarse contra o tremor e encomendarse a Fortuna, a veleidosa, ca unhas veces si e case sempre non.


E logo no ordenador veña a traballar nos axustes  pra poder extraer daquela masa informe de cadradiños de bit unha ilustración suficiente honorable pra non morrer de vergoña ao ensinala. Velaí estas que acompañan, nada do outro mundo.


A segunda ocasión aconteceu na Capelada, á beira da pista que leva ao Campo da Armada e xa moi perto da encrucelada. O aprendiz de naturalista acompañaba a Xosé Gándara e Luis Dorado, dous fenómenos do naturalismo e a fotografía, polas pistas da serra na búsqueda de verdegames e orquídeas. 

Xosé percibe un algo que se move ao lonxe, entre pelouros, uces e piñeiros. Parece o cuco, di. E vai a canda a súa mai adoptiva... que non sei se non será unha chasca. Mi madriña, e eu sen enterarme de nada, apampanado  na posición de copiloto.

Os paxaros móvense, caen pra parte dabaixo do pasteiro e perdémolos. Aparecen de novo á beira da pista,  montados na aramiada que couta o pastizal das Lamas. Demasiado lonxe pra as marabillosas lentes reflex dos meus amigos, pero nunca o suficiente pra que o atrevemento da focal dunha compacta moderna non ouse facer unha refusía de fotos, máis que sexa co parabrisas entremedias. A ver que pasa e que sae.



Nada do outro mundo, unha imaxe lonxana e moi pobre do cuco. Mais ao amplar na pantalla....algo máis se ve.

 
O cuco ten o ollo virado cara a un insecto que chega voando: pola popa e a estribor. Non terá calidade, pero ten interés...natural.



Velaí vai a segunda toma.




O cuco xa se vai deixando caer pro lado de estribor, por onde o insecto, que se amita a un abellón,  vaino adiantando pola proa...



...non espera máis e zóupase polo bichiño sen perder chance...



Hase deixar caer entre as herbas e desparecerá uns intres. Pensamos telo perdido e comentamos a observación. Falo do extraordinario que é mirar o cuco pola Capelada. Ao pouco volvemos a velo, pousado nos arames, acompañado da mai adoptiva e cunha nova bicada no peteiro.



Agora non só podemos confirmar o bon ollo coñecedor de Xosé ao atinar  quen era a mai adoptiva...unha chasca. Amais, ao amplar na pantalla da cámara, apreciamos claramente que é o que acaba de cazar....unha bolboreta...


... unha pampurriña!!!... unha velenosa zigaena...  realmente... un inesperado documento. 

Pois vaia esfurriacada que vai apañar, comenta Xosé, as zigaenas sintetizan cianuro. Ben se ve que é un noviño sen experiencia


Seguro que aprendeu. Unha e non máis, dixo Santo Tomás. A vida, ese libro aberto adoecido.




A terceira observación deste ano aconteceu na Campa de Fieiró, nos arredores do albergue do Clube de Montaña de Ancares, o dia 27 de xullo. Nada especial. O cuco apareceu revoando, pousou nos cables do tendido teléfonico e deixoume facer uns poucos rexistros antes de mandarse mudar de alcándara: lonxe de min, da cámara e das ganas de seguilo. Digo cuco e seguramente era cuca, por amosar unhas cores máis pardas ca griseiras.

Que vaia ben, Cuca Culuca. Obrigado por te deixares mirar.




A carta ollada fotográfica aconteceu ao día seguinte baixo os Tres Bispos, por onde andaba pasando as horas entretido en mirar rebezos, paxaros, flores, pedras e ouricelas. O cuco, que pola pista covarcada aparecera varias veces, sempre fuxindo de lonxe,  xurdíu dun bosquete de capudres,  revoou dereito por riba dos arandos e, pousando nun repente, desapareceu fundido  nas pedras... onde está? .



Fago unha foto ao chou, á zona onde sei que pousou e desapareceu confundido.  Xa o buscarei na pantalla.


Ao moverme pra seguir o meu pasear, o cuco, a pesares de estar lonxe, levantouse axocado, deu un voo non moi longo, pousou encima das uceiras en flor e estendendo todo o seu plumaxe encriptouse perfectamente no puntear florido da Calluna vulgaris a ericacea á que na hora tocáballe florear. Inimaxinado comportamento. De non ser polos prismas non daría con el.



De pé, coa cámara  acomodada na galla de castiñeiro, que fora propiedade dun cazador de rebezos e que si el a utilizaba pra acomodar a escopeta eu recicláraia pra asentar a compacta, poiden facer co zum no tope algunhas imaxes  de tan inesperado e cuco proceder. Bendita galla. Dende aquela vai comigo a todas horas e volveuse un complemento indispensable. Gratia plena Marcial.


Seguro do seu encriptamento e confiado na lonxanía da miña posición, o canoro cuculo, permaneceu así, quedo, inmóbil, imperceptible, durante uns poucos minutos. Ou moitos, xa non sei eu, que alí na cama de uceiras o deixei. 

Parolando cos meus pensamentos, seguín a camiñar amodo, coma sempre, atendéndolle a todas as lecciós naturalistas coas que a Cátedra de Ancares me quixera alagar os sentidos. Que nunca son poucas.


E aí van quedando as ducias de imaxes que este ano afortunado lle poiden facer o cuco e que exaltaron a miña satisfacción persoal ata o punto da euforia suficiente pra ter declarado oficialmente, no meu calendario privado, a este ano, coma o Ano do Cuco ao noroeste do Noroeste. 


Aí quedan os documentos gráficos, miñas e meus. Nunca acadarán a calidade que National Geographic esixe  e menos aínda a que a vosa fidelidade merece, pero confésovos que a este aprendiz de naturalista, malpocado, provocáronlle marusías de satisfacción e alentías de gozo esplendoroso, por poder revivir, na intimidade do fogar, ao calor da luz da pantalla e ao frescor dunha cervexa perfumada con sativa, as horas de ledicia, folganza e pracer vividas nas longas andadas polo monte na rebusca de nada diferente a min mismo: o meu mundo, o mundo, o teu mundo, e as veces atópome conformado en flor, urcila, besbello ou nun pespunte de plumas nun mantelo de uces.

Apertiñas, miña xente.

A mandare.




Notas marxinais: 

Gaiteiras, que aparece no texto, é unha licenza persoal pra chamarlles as libeliñas miúdas, digamos Pyrroshoma nymphula, das que ese día no Forgoselo había ducias delas poñendo  ovos nas augas latas das campeiras e ás que fun quen de facerlles algunha foto que non desentonarían co nivel habitual de desenfoque deste blo. Calquera día.

A Cuca Culuca cucaba na pola... do teixo máis vello da miña parroquia... cucaba Culuca, cucaba na póla... do teixo máis vello da miña parroquia... ouvíredela antes de agora? Nunca te has de acostar sen escoitar algo máis. 

Unhos...velaí o artigo indefinido plural masculino da fala tradicional cedeiresa na que este blo quixera ser entendido. Ate o de agora non se veu utilizando pero, erro superado, non ha deixar de escribirse dende agora. Unhas e unhos: pola memoria sonora de quen me enseñou a falar. 

De ser eu un polemista, que ao mellor si, reñiría co autor do blo sobre a certeza de sere unha pampurriña a lepi que o cuco da Capelada levaba no biqueiro. A extensión do borrón encarnado, ao mellor excesivo pra zigaena, podería darme argumentos pra discutirlle se non sería unha Tyria jacobaeae,  a chamada voalla vermella Verdade é que esta é xente moito máis rara que zigaena, pero habela haina.

  
Achegos:

1) A ficha correspondente da SEO Bird Life. Entrar

2) As notas do Ministerio do Medio Ambiente. Premer

3) A clásica da Wiki. Adentro

4) Unhos interesantes comentarios sobre a bioloxía reproductiva do cuco. Augusto Prehl en Eskomedia. Ler

PAZ E PALABRAS