XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Cariño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cariño. Amosar todas as publicacións

luns, 21 de xaneiro de 2013

Calidris marítima, a pildoriña escura.



Os ceareiros deste bló saben da miña querencia polas miúdas e delicadas pildoriñas. Non son poucas as ocasiós en que dei en falar delas. Mesmo dunha volta, non hai tanto, adiqueilles unha entrada  tentando estender o coñecemento do seu nome popular cedeirés: pildoriñas; étimo que comprende, dixérase, os diversos xéneros pequeneiros da familia scolopacidae: charadrius, arenaria e sobranceiramente aos calidris.



O xénero calidris, seguindo a ceifa de Aves de Galicia de Pablo Gutiérrez (ollar) que no punto coincide coa de Conde Teira, abrangue a catorce especies ben diferenciadas. Algunhas delas afortunadamente moi comúns e abondosas e de ollada frecuente e normalizada perante toda a tempada invernal que é cando estas miúdas e valentes xentes andan entre nós, invernando lonxe dos rigores das outas latitudes, case circumpolares, onde adoitan aniñar.


Calidris alba, a bulebule, C. alpina, a común, son pra un servidor, especies de observación anual recurrente e frecuente; C. canutus, a grosa, C. ferruginea, a ferruxenta, C. minuta, a pequeneira, e C. marítima, a escura, sendo asimesmo de presencia anual regular polas costás galegas, fánseme máis raras de observar. Á pequeneira, C. minuta, aínda non fun quen de chiscarlle o ollo do diafragma;  á escura, as únicas imaxes que lle dei rexistrado son as que acompañan estas verbas e pertencen á solitaria sesión fotográfica que lle poiden facer. Precisamente ontes. Habelas hainas, o caso e miralas.


As outras todas: bairdii, fuscicollis, mauri, melanotos, minutilla, pusilla, temmickii, tenuirostris, conforman unha misteriosa estadea de ectoplasmas fantásticos que ao igoal que  a Santa Compaña existir existen, pro ver non se lles ve. Habelas hainas, o caso é miralas.


Aproveitando un repouso do incansable temporal, endereiteime na mañá do domingo, ate as benqueridas ribeiras da marea cariñesa coa espranza de poder botarlle un ollo a algunha gueivota ou gaivoto polar que baixasen ate o nororeste do Noroeste, empurrados polos ventos de norde que acompañaron á última cicloxénese explosiva, esa nova modalidade do terrorismo cambio-climático que anda a encollernos os corazós dende a arribada monstrosa do Klauss, vai xa pra catro anos. (Os gueivotos hiperbóreos non aparecerían pola mañá, faríano pola tarde. (Ollar))


Nas areas da praia non había nada extraordinario que ver: as gueivotas de rigor, as cocas de toda hora,(Phalacrocorax sp.) as pegas do mar de garda permanente, (Ostralegus) os espantallos perrumanos (practicando con agación o seu deporte preferido de escorrentar ás aves da praia) e un vento frío, húmido e constante, que cando lle parecía ben acompañábase de labazadas de chuvieiras xeadas e mandábame poñerme ao cuberto do meu pequeno utilitario. Unha mañá coma outra calquera dun domingo de inverno ao noroeste do Noroeste. E Xabi e Paco, telescopios ao lombo, recorrendo toda a contorna da ría pra censar á totalidade das aves invernantes!. Que mérito, mi madriña! Que mérito!


No cortamar da plaia apareceron os amigos do grupo Calidris de Ortigueira, Luis, Antonio e Álvaro. Unha ledicia. O agarimo da súa cálida compaña e o saber certeiro que os acompañan haberían de requencer as horas da fría mañá de xaneiro. Caloriña humana na marea. Unha caroza, Alca torda, andaba amargullándose nos arredores do petoural. Asomou dúas veces, botoume unha sabia ollada desconfiada, amargullou e  mandouse lonxe saberá o demo pra onde. O día non se quería dar.


E non se habería de dar se Álvaro non reparase que ao noso pé, a tres metros, esfuracando entre a crácara das pedras do peirao, unha pildoriña escura, Calidris marítima por iso, traballaba co arrequecemento profesional dun mariscador incansable, rebuscando pequerrechicos seres vivos, moluscos ou  crustáceos, que dun modo asombroso atopaba, coa precisión dun láser cirurxán, entre as imposibles, senón inexistentes, regañas que a crácara cría na toneira das pedras da marea. Un espectáculo.


De carácter manso e acomodado, esta pildoriña escura aledou a mañá dos presentes permitíndonos facerlle todas cantas fotos quixemos, tolerando os clicliclís sonoros das lufadas das reflex, indiferente da nosa conversa, despreocupada da nosa presenza no outo das rochas e das enormes focais profesionais das cámaras. Seascaso botaba algunha ca outra ollada, desinteresada, pra  as pedras onde nos asentábamos e que coincidía, máis ben, cun certo revirar da súa cabeza pra mellor enfocar a súa ollada precisa nas diminuticas esfuracadas da crácara, onde se gardaban os ínfimos crustáceos que rebuscaba con ansia incansable e que, pra asombro dun servidor, atopaba de cada pouco. Non sei que me deixou máis espantado, se a fermosura moura da pildoriña ou a certitude de que naquela superficie parda e compacta, construída por centomiles de balanus apretados, aínda había espazo pra un mundo de seres invisibles que só se deixaban ver, un intre de nada, na punta do peteiro da pildoriña  denantes seren engulidos. 



O pilro escuro, nome oficial galego,  cría, xa se dixo, en outitudes circumpolares, árticas e sub-árticas, alá na alonxada Laponia norueguesa e finlandesa, na exemplar Islandia, e nas costás e tundras de Siberia e o Canadá, en números certamente apreciables que non  fan temer pola súa desaparición o que non impide que sexa ave protexida. Cada inverno, ao cubrirse de neve e xeo as súas áreas de crianza descende  ate  costás atlánticas menos frías apousándose en números elevados polas ribeiras da Gran Bretaña e do Mar Báltico e do Norde, descendo  polas costás norteamericanas mesmamente ate Carolina do Norde, xa nas proximidades da Florida.


Algúns poucos baixan ate as costás cantábricas, chegando mesmamente ate o norde de Portugal, ofrecéndonos daquela aos afeccionados naturalistas,  ocasión oportuna pra unha demorada e atenta observación sustentada na mansedume e ausencia de temor que amosa pra cos humanos. Tal o galano que nos ofreceu nesta  escura e fría mañá domingueira no cortamar da Plaia da Concha, do veciño e benquerido Porto de Cariño.


A pildoriña escura presenta moi pouca variabilidade de plumaxe entre o vrao e o inverno, parecendo ser algo menos escuro o seu froixel na tempada de cría. Asimesmo non presenta dimorfismo sexual resultando, xa que logo, practicamente imposible poder definir se este exemplar é macho ou femia. Igoalmente escasa é a diferenza entre xuvenís e adultos (un pouco máis escuros os noviños, parece ser) co que se me disculpará que tampouco saiba eu precisar a posible madurez deste exemplar, que pra máis, coma xa confesei, é o primeiro de observación longa e atenta e daquela o primeiro que fun quen de fotografar. Daí que o frío que me entolleitaba os dedos quedara esquecido pola emoción da hora. 



Évos o que ten o inverno:  que arrimada ás friaxes e ás anguieiras, ás coriscadas e ás xeadas aparece unha fermosa greada de xentes nórdicas, exóticas invernantes puntuais, que aledan os divagares dos afeccionados ás  cousas da Natureza, pra os que a apertura das portas do conxelador inverno é un  sinal gozoso da segura presenza de marabillosos milagres naturais que escolleron as ribeiras galegas do nororeste do Noroeste pra folgar e repousar, pra ir deixando xear os días escuros e mínimos do seu norde esbrancuxado, mentres acolá disfrutan da fartura marisqueira das nosas costás e dun tempo máis luminoso e menos refriado, máis verdescente e tépedo e moi poucas veces nevarado. Veñen pra máis, moitos deles, aportando unha lección de confianza e mansedume, de vontade na coexistencia pacífica que deberíamos saber escoitar. Iso polo menos me pareceu entender a min da silandeira linguaxe xestual desta linda pildoriña escura, valente e destemida, que me aledou unha  fríxida mañá de Cariño, que pasei moi a gusto arrimado as cálidas amistades dos Calidris, esas sabias xentes do norde.


Sexan benvidas en boa hora estas lizgairas invernantes. Acollámolas coa xenerosa hospitalidade que a nación galega sabe ofrecer a quen  busca nela acobillo, folganza e repouso. Coñezámolas, aprendamos a querelas e valoralas, respetémolas, pra que  cando retornen á terra que as veu nacer leven no peteiro   un canto, que aligado a natural ledicia de regresar á súa patria, entoe asimesmo unha cantiga agradecida  ás acolledoras costás galegas, as do salseiro recendente, a xebra criadora e a crácara farturenta.

Non me parece que vaian  ser os peores publicistas da Nosa Terra.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.




Fe de verbas: agación, na fala aghación, (interés extremo na realización dunha actividade); crácara (capa calcárea que recubre as rochas da marea  conformada pola aglomaración de cunchas externas de crustáceos do xénero balanus) e greada, na fala ghreada (conxunto de persoas ou xentes balbordantes, sobranceiramente infantís) son verbas de uso corrente na fala cedeiresa que a un servidor sáenlle sen esforzo nen pretensión e que só cando llo advirten recoñece que  tales voces non aparecen no Dicionario de Dicionarios, e por iso  fai esta fe de verbas, pra que se entendan fóra de portas e pra que algún día aparezan. Obrigado.



VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE  TV

Pilro escuro no cortamar da Praia da Concha, Cariño.

Achegos:
a) As fichas correspondentes do Congreso de  Ecoloxía de Augas Dulces, unha páxina do goberno Vasco.Entrar.
b) A páxina NatureGate. Ollar
c) A clásica de Asturnatura.Premer.

luns, 28 de novembro de 2011

En Carinno, gorullos á carón.

Pesia a garimosa e indíxena amizade con que os nativos de Cariño acollen a todos cantos forasteiros teñen o valor de achegarse a súa nordestada vila, o topónimo  non se desprendeu da facultade amorosa dos seus habitantes, proverbial sen dúbida,  senón dun antigo e supostamente primeiro poboador latifundista romano, Carinnus, que con moitas probabilidades adicaríase xa daquela á industria conserveira do peixe,  á súa salgazón e   transformación na famosísima e apreciadísima salsa garum, coa que todo o Imperio Romano aduvaba calisquer dos seus manxares, e  tiña na costá galega dos séculos II e III a máis importante rede industrial a nivel mundial da súa  elaboración: non existía ría ou pequena enseada galega que non tivese a súa fábrica de garum, que (...quen o dúbida?) era o mellor garum do mundo antigo. Calidade galega: ese as de trunfos na mao (...esa Danca!)   co que estamos, aínda agora, aprendendo a arrastrar.

Enténdaseme por que, xa que logo, e con todo o cariño do mundo, encetase esta entrada chamando Carinno ao noso querido Cariño. Cousas dun afectado pola Historia. Desculpas, prego. 



Por razós que non veñen ao caso dei en andar unha outravolta pola localidade que garda ao Cabo Ortegal. Rematados os engheinos que ate alá me levaron, fun dar unha volta pola praia da Concha, coa vontade de debagar os últimos raios do día entre as súas areas vermellas e na seguridade de que algunha xente de pluma e froixel andaría repousando á morna caloriña da última raiola do día.

Un pequeno grupo de seis gavitas, tamén chamadas garavitas, e por Cariño "ghorullos",  Haematopus ostralegus, andaba coma sempre repousando á carón da area e ao pé da marea. A luz era unha fermosura laranxa, o sol íase de cabeza ao trasmonte e a noite que xa se viña vindo parecía querer xear. A miña cámara, devagariño e como quen non quere a cousa, pediume facer unhas poucas fotos antes do sol  marchar, que sería logo.



E tiña razón. As garavitas (cando poñen o peteiro pra baixo parece que levasen garabata) son xentiña a que nunca ela lles tirara rexistros prósimos e a ocasión da luz doce, ben que pouca, parecía unha lambada de laranxada fotónica que o diminuto sensor da compacta quería degustar. Deille polo pau e deixeime eu tamén engaiolar pola posibilidade de extraer da luz do serán unha imaxe das gavitas cando menos linda e agradable, xa que de calidade non sería posible.


Na praia da Concha de Cariño raro se fai non lles botar un ollo aos gorullos. Eu penso que esta media ducia andan de garda invernal permanente e pouco se moven dela. Ofrecen así ocasión diaria de gozar das horas coa contemplación amodada e prósima da súa leda e fermosa farda, na que sempre ese ollo vermello da en suxerir lembranzas de pantasmas e avisiós.



De sempre foron xente a que me gustou mirar. Cando neno na plaia da Madalena de Cedeira, esa patria de xogos, daba en saber que chegaba o outono  verdá cando nas noites tépedas de finais de setembro ou primeiros de outubro sentía  dende a escuridade da miña cama, e  mesturado co frousar das arrotas,  o choqueletear cantareiro delas e dos mazaricos, que xa chegaran, eu que sabía de onde.

 ,

Agora sigo sen saber de onde é que veñen  cada outono. As garavitas crían en dúas grandes zonas europeas: as costás bálticas, noreguesas e do alto Mar do Norde, e nas amplísimas chairas da Rusia europea. Xente de amplitude de criterio: de mar a fóra e de terra adentro. Eu, ás que arriban por acó, supoñoias nacidas nas costás do norde. Pro seguro que algunhas ca outra chegan dende as estepas rusias.


Na hora á Plaia da Madalena, en Cedeira, non arriban, ou son moi raros  mazaricos e gavitas. Algunha ca outra pildoriña, xa pilros, xa píllaras; algún beirarríos; a colonia de papoias, Larus ridibundus, de toda a vida -entran xa pra xullo- as gaivotas de sempre; os gaivotos; algunha garza; algunha garciña, e de vez en cando algunha cousa extraordinaria que desfrutamos coa ledicia natural que producen as novidades inesperadas. Pro as gavitas que antes eran pan de diario fixéronse raras. En Vilarrube, pro caso, son mellores de ver.



Tranquilos e repousados, botando pouca conta de min que tampouco andaba cerca, adornaban a Plaia da Concha este pequeno grupo de noviños (son os que teñen un anel branco pola gorxa; de sexos non falamos: son pra min indescifrables) e veteranos, cando un fatico de gaivotas, escorrentadas por un perrumano e a súa familia se chegou a onde elas pra ver de alonxarse do can tolo e  do seu matrimonio esclavo.

E alí mesturadas unhas coas outras, as gavitas un aquel amoscadas, foron deixando pasar os últimos raios do sol, que pouco tardou en chegar ao trasmonte e mandar no fío da espiña da Miranda un relumbrón de ouro queimado que enchou o ceo de gloria e a terra de sombras de noite. O tempo do lus con fus principiaba.


Hora pra se recoller e gardar. Encetaba a xear coa primeira fuxida do sol. Hora da retirada. A luz e a caloriña eran idas. Hora da despedida. Das gavitas e de vós, miñas e meus, a quen as présas non poderán impedirme que vos dea as gracias máis sentidas dende a enorme distancia que hai dende estoutro lado da pantalla de vidro, que só polo aprezo se diminúe e  diloe en nada de nada.
Apertiñas.
A mandare.






VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV
Cegoña nalgún lugar da Chá.

Nota marxinal: Seguramente haberá que explicar a expresión Danca, que se usou no primeiro parágrafo desta entrada. Danca é o nome propio que en Cedeira se lle dá ao As de Ouros, en calisquer xogo da baralla. Descoñezo no punto se este mesmo apelativo se lle confire  nalgún outro lugar da Galizia. Pra o caso no Dicionario de dicionarios do Instituto da Lingua Galega non aparece. Pro iso non quere dicir que non debamos usar o misterioso nome de A Danca; ao contrario, por sabermos que ao noroeste do Noroeste, posición xeográfica obriga, se gardou un requintado tesouro semántico e expresivo da Lingua Galega, malpocada por maltratada e malusada, deberemos facer o esforzo de normalizar as nosas fermosas verbas. Xa o dixen noutra: mais que só sirva pra que o moderno percebeiro non sexa o legal e o percebelleiro tradicional o furtivo.

Despós de data: Paseando estoutro día polo malecó de Cariño dei en parolar cun vello patrón de pesca cariñés, xa xubilado que me revelou que o Haematopus ostralegus, corre por Cariño, eses son páxaros de inverno díxome, co gracioso nome de "ghorullos". Vén así a aumentar a lista de nomes vernáculos que  Cosme Damián Cousido nos envíou tan amablemente nos comentarios; e por outra banda deume a oportunidade, case me obrigou, a modificar o título da entrada e dúas líneas, pra acompasar as xentes  do noroeste do Noroeste coa súa fala natural. Saibase.

venres, 11 de novembro de 2011

Olladas no Cabo Ortegal

Viñérase a tardiña maina e queda, empurrada amodo por un  aire do Sur tépedo e recendente, que traía a canda el un nubeiro outo, máis branco ca gris, e unha luz crara, nada nos aires limpados polas últimas augas caídas. Dende a Garita da Herbeira, cabeza da Capelada, adiviñábase no fondal da luz, entre brétemas de humidade e salseiro, a sombra da liña da costá do Golfo Ártabro,  e no seu remate, separado de terra, entrevíase a silueta inconfudible da Sisarga Maior.

Artabria toda no adentro da cunca do ollo.
Imos ver coma anda o día polo Cabo Ortegal, pensei,  hai xa tempo que non vou alá... e aínda parece que hoxe, ao abeiro do pouco vento, e fóra da tempada de turistas, ha de dar en recríar  intres de repouso e folgar, sen outro balbordo ca o brúar escuro do mar, os acres gridos das gaivotas e a fala asubiante da brisa.
O Cabo Ortegal, o vello Promontorium Trileucum dos clásicos, agardaba por min, é un dicir, teso, pardo, arruallado, solitario e silandeiro.

Acodado no petril dos seus muros disfrutei de todo canto a vista me ofrecía: os cantís do Limo, polo que tantas veces temos gabeado, alá nunha mellor xuventude; os esgrevios aguillós eternos; a marea, na hora máis morta ca viva; a abra de Cariño, e a súa alfaia maior a Illa Malveira; e fuxindo cara a Leste, a escraquenada costá de Loiba, enmarcada ao fondo polo avance boreal da Estaca de Vares.

Recendos de Atlántico e Cantábrico na mesma uliscada.

O encadre perfecto para fornecer o arrolar das horas co manancial de  harmonía de sabérmonos na vertua xeográfica do noroeste do Noroeste: o Cabo Ortegal.


A ollada esvaraba pola flor das augas, entreténdose co paso, áxil e elegante dos mascatos que viñan todos do adentro da ría, pasaban ao rentes da Malveira e seguían a sur collendo entre os aguillós e endereitándose á Punta do Limo. Un galano pra os ollos.


Demasiado lonxe pra pensar en pillar unha imaxe nítida e crara do seu voar, divertinme en tentar acadar algunha foto xeitosa do seu paso ao pe das penas...



...contrastando coa escura beleza xeolóxica das dunitas e as ecloxitas, os chamados graíños negros, as máis antergas pedras do planeta...




...e a indiferencia das chíscalas, que repousaban no alto dun con ben estercado, abeirado a sur da Insúa Maior...





Os mascatos non deixaron de pasar en toda a tarde, ben que non en grande número. Coma sempre neles en grupos pequenos e espaleados, nos que se apreciaban algúns noviños. Por veces ían entre a Maior e os Tres Irmaos, por veces a norte do Cabalo e tantas outras entre a Insúa Maior e terra...


...daquela era cando tentábamos facer algunha foto...


...sabendo que a distancia era máis ca as posibilidades...


 ...pero confiando na salvaxe fotoxenia da costá pra regalarme algunha imaxe...


...e sempre, alonxado de min,  despreocupado de todo,  deixando ir indo, disfrutando das acariñas da brisa... na que de vez en cando viaxaba a voz da cincenta, quen véndome ausente do mundo, pousou ao meu lado...

Unha lanchiña mariñeira guiada por un cariñés destemido, veuse vindo a pescar ao medio e medio das rochas e a visitarme na miña ausente contemplación do mundo.

Para daquela a voz chiante dun falcón chegou aos meus sentidos, dende algún lugar agachado por debaixo das rochas do faro...


...e alí  esculquei cos largavistas as penas, coa vaga pro firme espranza de dar con el...


...que xa hai moito tempo que non lle voto o ollo a algún, e sempre foi xente da miña confianza e amistade...


 ...dende que anos atrás ía todas as tempadas a seguir a crianza dos falcós da Falcoeira, na abra do Campo do Castro, baixo da ermida do Corveiro.


Alí estaba. Distinguir a súa forma inmóbil, coma sempre no outo da pena, enchou de ledicia e satisfación a tarde no cabo e deulle ao día a leda dozura das visitas  inesperadas... e benqueridas.


Mais que soubera que a lonxanía era moita e as posibilidades dunha boa imaxe, en foco e nítida, eran realmente nulas...


...as ansias de levar comigo algunha imaxe da falcona, tal me parece pro pouco sei eu, leváronme a afirmar o pulso, asentar a cámara e mandar mil oraciós interesadas os numens das pedras.


O resto do traballo xa llo encargaría eu a fotoxó.
E aínda non me queixo duns e doutros.



 E logo dunhas ducias de fotos, vendo que non quería moverse pra darme outro perfil e que a tarde xa se viña caendo na noite, dei en irme mandando mudar, iso si, non sen antes aproveitar pra me despedir da Malveira, e ao tempo, e con tal ocasión,  de todos vós, miñas e meus, a quen desexo facerlle chegar o meu agradecemento por me acompañar de cotío. Apertiñas.

A mandare.



VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV
 Falcón e mariñeiro en Cabo Ortegal