XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Esceas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Esceas. Amosar todas as publicacións

venres, 29 de xaneiro de 2016

O almorzo da londra

A petición de quen comigo estaba aquel día, aí van quince imaxes  de dúas  series, escaqueadas, dunha londra almorzando anguías nas augas calmas do Lago de Lanzós.

Escusas por meter unha teima case persoal nun descorrer do noroeste do Nororeste, pero quen comigo estaba, logo de ver o recorte que anda por aí ao lado, non daba creto a que as fotos fosen tan malas como eu lle decía. Agora verá que son aínda peores.

Realmente son a crónica dun fracaso.

Pasa moito, pásame moito.

Éche o que hai.

















Finito o invento.

Supoñédeme  alivado de non ter ás canillas das neuronas adoecidas de relear coa confección da miña prosa ortopédica. Acertaredes.

A vosoutros presíntovos alixeirados de mente e aboiando no repouso mol da flor dunhas augas mainas. Né verdá?

Biquiños a feixes.

A mandare.


Nota marxinal. Efectivamente miña querida, fixen un lotazo de fotos pra fartar unha tarxeta lambona e estas son só unhas poucas moi poucas, pero pra amosar o nivel de fracaso son suficientemente elocuentes. Non me pidas sufrir máis. Gratia plena.

PAZ  E  PALABRAS

mércores, 12 de decembro de 2012

Xente nos xardós.




Mirando dende a fiestra da túa casa, podes chegar ás máis lonxanas estrelas. Este versos, de tradución libérrima,  conformadores da sustancia do décimo poema do Libro do Tao e reveladores coa velocidade da lús da verdade do poder  da quietude, viñeron o meu maxín dende as lonxanas illas da xuventude estoutro día de escuro inverno, pra suxerirme me acodase a ventá da casa, argallase un buguío con coxíns, cortinas e almofadas, e dende a mentireira sombra do interior da chambra, aproveitando un único e adecuado oco que pra os meus fins fixera entre tanto aparataxe defensivo, espreitase os acivros do meu pequeno tarreo, coa firme seguridade de que entre as súas pólas ben froitadas atoparíame  cun mundo de salvaxes exotismos cotiáns. 

O mal tempo, auga, vento, frío e escuridades  do inverno inspiraron outro tanto, ou máis, ca os versos do Libro do Tao a miña firme resolución de facer observación naturalista salvaxe dende o cuberto, ao quentiño, amolecidamente repousado entre almadraques e almofadas e  sen ter que moverme do marco da fiestra da miña casa: un ollo nos acivros, o outro nun cafeíño.


O rosario de santos que vai xa, quere dar a entender a importancia que pra a mantenza invernal da xente de pluma e froixel teñen os xardós dos acivros.

Agora que os xardíns das segundas residencias andan a conformar unha das implantacións de multidiversidade de especies botánicas exóticas máis aceleradas e importantes da Historia Natural de Galicia, de cuias consecuencias  temos que andar xa precavidos pra poder empezar a definir, os propietarios destes novos espazos botánicos poden axudar grandemente á sobrevivencia de especies habituais tan só prantando nos seus xardinciños da fin de semá, dous ou tres pés, se media ducia mellor, de froitadores acibros, de saborosos capudres ou de farturentos estripeiros. 

Será cuestión de gustos, pro eu non vexo máis fermosa unha buganvilla ben floreada ca un xardón rebentando, un capudre callado ou unha xesta chovendo agaceiros de ouro.

Será cuestión de gustos.

Aí quedamos.

































E desexando de todo corazón que as datas de festa que están a caernos, ía escribir esmagarnos, resulten o máis livianas posibles pra vós e toda a vosa xente, e sen saber de   mellores palabras pra poder expresarvos o meu agradecemento, que pedir que desfrutedes  da vida longamente con moita saúde e sorte, mándome calar.

Apertiñas, xente.


A mandare.




VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

Tordo e papuxa nun acibro.


...así é que, ben se entende, en sete días quedaran as pólas dos xardós case baleiras; velaí...


mércores, 15 de decembro de 2010

Petiscos de papuxa

Primeiros días de decembro. A un dos dous acibros do meu pequeno xardín achégase unha femia de papuxa das silveiras (... a lebre aniña no monte, a papuxa na silveira...) coa intención de petiscar un algo nos froitos xardos da árbore...

...dende a porta da cociña da casa, onde teño instalada, casualmente e por se acaso, a cámara no trípode, enceto a facerlle fotos coa vaga esperanza de facerlle algunha que aínda non dea noxo vela...
... nun minutiño, ou cousa así, fíxenlle unha xeira continuada de cliques, a ver se era quen de pillala nun rexistro guapo que me levantara o arruallo e me fixese parecer un fotógrafo, mercede que non quixo darme o ceo.
Tampouco nesta ocasión dei co rexistro que me enchera o ollo, pro xa no computador, revisando con calma a sucesión de fotos, na percura dalgunha que servise pra mirar pra ela, decateime de que, se de certo non había nengunha foto que fixera honra da ocasión...


...a continuada evolución do nervoso e aqueloutrado petiscar da papuxiña tiña máis interese naturalista que unha fotaza de chufa, xa que revelaba aos meus ollos iñorantes o traballo delicado e a técnica de peteirare da Sylvia atricapilla.

E amais ilustraba a importancia dos acibros para a alimentación dos paxariños e aves durante o tempo de inverno, onde os seus son os únicos froitos visibles, (mentras durou a semán das neves e saraibas, merlos, tordos, papuxas e demais deixaron completamente baleiro o outro acibro, un aquel máis alonxado das casas, que ate daquela gabábase de pólas calladas de xardós).


E non direi máis. Déixovos na compaña da papuxiña e do seu petiscar, na seguranza de quedardes mellor entretidos con esta secuencia que coas miñas verbas, que ate a min me fatigan.
Por outra banda as imaxes falan soas e explícanse por si mesmas, folgando da miña prosa ortopédica, máis imaxinativa ca descritiva.
Ogallá, este petiscar da papuxa, sexa do voso gosto.


E eiquí, en canto lle caeu a semente ao chan, deu por rematado o posado e estando xa ao tanto de min e da miña cámara, colleu aire e mandouse fóra.
Se non me fixeches unha boa foto é que non tes nen idea, pareceume entenderlle dicir no seu rechouchío ao pasar por riba do cinamomo. (Pero non podo asegurar unha tradución exacta: ía voando coma un raio, que mirara ao gato da casa, e falaba cun sutaque estresado).
E máis nada, miñas e meus, quedade coa miña obrigación para con vós. Moitas mercedes.
A mandare.

Nota marxinal: Efectivamente, xardón, aplicado ao froito do acibro, é unha licencia literaria persoal fundamentada nos apelativos xardo, xardón, sardón...que por moitos lugares da Galizia se lle dá ao acibro, Ilex aquifolium, e mesmo, por similitude de froito, chaman xarda ao Ruscus aculeatus, a xilbarda, xilbardeira ou mesquita da que xa se falou neste bló. Dei en buscar o nome do froito pero non dei con el en ningures, así é que, pensei, se os loureiros dan as lorbagas, por que non podería o acibro, sen menoscabo de intelixencia nen galeguidade, dar xardós ?. Sáibase.