XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 23 de xuño de 2016

Pintafontes

A contemplación dos indovindos da vida nas pozas da Serra de Paredes a cotío ofrécelle  a servidor oportunidades de aprendizaxe e de observación inusuais. Estoutro día poiden presentar as pouco ordinarias imaxes da depredación dun cazo de anfibio, que supuxeraio de Discoglossus galganoi, por parte de catro notonectas sp. pero logo de visitar as augas con Xabi Prieto e confirmarme a presenza de cando menos tamén Rana temporaria e Alytes obstetricans, xa non sei eu. Aí vai outra imaxe, por si houbera alguén capaz de confirmar.


Os notonectas son os amos da flor da auga. Nada que aboie, ou se pouse, ou caia nas pozas está libre do seu poder depredador. Quen puido sufrir a trabada das mandíbulas deste heterópetro dá fe da dor intensa que produce. Por exemplo este díptero, unha ectophasia ao meu parecer, moi mal fotografado, pero suficiente pra poder documentar o carácter depredador das notonectas na faz das augas capeladas. Ollade.



 E velaí vai estoutra: unha enallagma chapada por unha notonecta:


Paréceme raro que a notonecta poidera cazar á gaiteiriña. Supoño que poda ser un acto de consumo de calaza, (castelá carroña) dalgún cadáver caído nas augas. A abundancia de enallagma nestas augas pode darlle aval a presunción.


Na hora, os exemplares metamórficos de anfibios andan a saír das augas perfectamente conformados e, cun pouco de sorte e un ollo entrenado no seu discernemento, non é o meu caso, poden ser apreciados sen maiores problemas, mesmo no intre de sairen das augas pra encetar a probar a súa respiración pulmonar. Contemplade estes dous mínimos exemplares de Rana temporaria.


Mercedes sexan dadas ao ollo sabio de Xabi Prieto, por quen poiden apreciar a saída das augas deste recén emerxido de Lissotriton helvéticus, o pintafontes que ha de dar contido imaxinario a este discorrer de hoxe. Nunca tal mirara. Dá gusto ver esta cousiña amarelada en sienas e laranxas.  Dá gusto ver á vida vivir.


Visitar estas augas acompañado de Maese Prieto, mestre hipersensible, permite sentir como treman de emoción as pedras cando son abaneadas pola enxebre ilusión infantil deste  naturalista fogueado en mil batallas que aínda hoxe se exalta ardorosamente de pasmo emocionado ao ver saír das augas "...un metamórfico de helveticus!!"

Que envexa tanta paixón.

Que sexa por moitos anos, amigo Xabi.



Os días calmos e soleados, nos que as augas non se avolten coa marusiña do vento, días raros nesta outitude, son perfectos pra observar tranquilamente dende unha distancia prudencial o discorrer cotián destes anfibios. E mesmo tentar rexistrar algunha imaxe do seu ir e vir diario.



O mestre Xabi Prieto debagaba pacientemente os seus coñecementos inmensos do mundo anfibio por encima da cabeciña testán deste aprendiz que non deixaba de asombrarse de que poidese recoñecer aos boscai pola punta caudal esbrancuxada, que rebuscase na columna de auga as larvas de marmoratus, que ollase a fuga a todo filispín dun cazo e dictaminase: alytes, sen dúbida; que ollase unha freza a un kilómetro e de coma de quen diagnosticase: discoglossus

Aprendín máis de recoñecemento da vida anfibia nesta mañá que en toda a miña vida. 

A serio.



Por el souben que a protagonista desta  secuencia é unha femia de helveticus, pintafontes palmado, capturando a un pequeno insecto que aboiaba polas augas; con arroutiño final incluído.



Os pintafontes palmados son excelentes nadadores e dá gusto poder miralos tranquilamente desenvolvéndose nas augas; contemplar os seus movimentos de brazada; ollar como se achegan á flor da auga nadando en vertical; como xiran e se retorcen sen esforzo...ausentes da nosa contemplación, inadvertidos da nosa presencia, que acomodada a unha distancia prudencial pode ver e fotografar os seus degoiros cotiás tranquilamente.



As imaxes que acompañan este discorrer son todas, menos dúas, do mesmo exemplar; unha femia rexistrada  na tardiña dun destes días atrás. A calidade non é extraordinaria, pero suficiente pra servidor poder disfrutalos no acomodo do fogar; estudar as diferencias anatómicas entre machos e femias e aprender algo destes fermosos anfibios veciños nosos.



Lissotriton helveticus, o pintafontes palmado, leva este nome por teren os machos e en época de cío, os dedos das extremidades inferiores unidos por unha membrana, en Cangas chámanlle teasa, que lle axuda a sere un moi bo nadador, rápido e áxil. Nas femias esta teasa é moito menos aparente e só na calma da casa se pode apreciar a súa existencia moi reducida. Sobor de todo se damos en comparala coa dos machos. Ollailos.




O helveticus é especie existente en toda Galicia, menos nas illas, e faise máis abondoso no norde, rareando a súa presencia canto máis ao sur nos vaiamos achegando, desaparecendo prácticamente no sureste da provincia de Ourense. Nas pozas da Serra de Paredes, afortunadamente, ten unha poboación cumprida.



Non moi esixente en canto á claridade das augas, as pozas quedadas, ou de augas moi lentas, son as súas favoritas. Gústalle que exista vexetación polas ribeiras onde a femia ha de ir poñendo os ovos; calcúlase que entre 300 e 450 por tempada. 



Debería ter por iso asegurada a súa pervivencia neste novo hábitat acuático e extraordinario que está a xurdir na Serra da Capelada, e a canda a el a numerosa comunidade biolóxica que está emerxendo e criándose nas súas augas, que deberían ser protexidas inmediatamente. 

Impedindo nengunha outra aportación de entullos de obra, pública ou privada, de restos portuarios, ou calisquer outra varredura que se queira ir deitar. 




E impedindo e non autorizando a extración de pedra pra construción da estrada que leve as masas turísticas "...aos cantís máis outos de Europa".

O fomento turístico, ese residuo  do fraguismo. 

A longa sombra da noite travestida de luz de progreso.

Mexo de triste risa.



Velaí vai rematado por hoxe un novo discorrer polo Noroeste do Noroeste. Ogallá fose do voso proveito. Ogallá. 

Así non me hei sentir tan extraño, tan raro, tan solitario. 

Apertiñas totus meus.

A mandare.


Nota non tan marxinal: Por tanto e tanto este discorrer de hoxe vai adicado á Xabi Prieto, polas mil leciós dese día, polas de tantos días e por facerme estremecer de emoción ao sentirme anagado do seu entregado amor filial. 


PAZ E PALABRAS






domingo, 19 de xuño de 2016

Pasan os días, quedan as luces.

As horas, coma os días, vanse e non volven. Deixaias ir. 

As luces quedan; prendidas da memoria, enfiañadas as lembranzas, sustanciando o tempo. 

Fágase a luz. 

Encete o tempo  seu percorrido pola memoria das horas fuxidas.


A pica do outomonte, Anthus spinoletta, cría polas abas de Herbeira e, nas pozas da Serra de Paredes, déixase ver sen problema. Non sempre cerquiña, claro, pero por alí anda, unhas veces no alto dos desmontes, outras polas beiras das augas. A abundancia de bichería ofrécelle moitas oportunidades de mantenza. Unha colega. Os dous andamos aos bechos. Ela pra se manter, eu por saber do que ela se mantén.




A mosca peneireira, Epysirphus balteatus, é un dos posibles petiscos da pica do outomonte. Velaí a ela sorbendo o zucrezume dunha Sagina merinoi, esa linda floriña endémica que abonda na nosa contorna e leva con maxencia arruallada o apelido do ilustre Pai Merino, xesuíta nado en Lerma, Burgos, coétaneo de López Seoane e o primeiro grande estudoso científico da botánica galega.




Centranthus calcitrapa, é planta que se deixa ver abondosamente polos nosos areeiros. A do santo é de Esmelle, e pareceume unha hipocrómica, quero dicir un exemplar rebaixado de cor, incapacitado pra acadar as lindas tonalidades rosáceas e avermelladas propias da especie, pero lucindo un blancor atractivo que prendeu de lonxe a miña ollada. A abundancia de Rumex bucephalophorus, a labaza vermella das areas, visteu o fondo da imaxe de agradables tonalidades cálidas. 




Un anaco mínimo do areeiro de Esmelle. Azoutado por unha luz cenital, este Sympetrum sanguineum, lizgaira libeliña, repousa acollida a unha polica florida da labaza vermella das areas, Rumex bucephalophorus precisamente. Refrescan tanta luz e ardor as follas carnosas e crasas da vexetación do areeiro, entre as que distingo as amplas e vizosas de da Calistegia soldanella e paréceme apreciar as máis curtas e agudas do Crithmum maritimun.



Velaí a casa xardín da pildoriña dos marouzós. Pouco traballo lle leva ao Charadrius alexandrinus a fabricación do niño. Un mínimo esforzo pra formar un pequeno cabedelo nas areas. Á vista dos depredadores o niño pasa desapercibido. Tres ovos, tres pedricas. Ao seu redor un xardín: Eringium maritimun, Leontodon taraxacoides, Calistegia soldanella, Ammophilla arenaria, Limonium sp. A eleción da zona exacta  requirelle, en troques, requintados coñecementos de socioloxía veraniega humana: non saber elexir os espazos lonxe da invasión de toallas e as súas mascotas pode condenalos a morte.




Aí o equipo de homes callados, duros, afeitos a soportar  horas de observación e vixianza, chova ou ferva, a lidiar coa soberbia perrumana e a desidia social. Liderados por Maria Vidal entregan as súas horas de lecer en protexer, vixiar e estudar, pra mellor saber facer, á coreña colonia de pildoriñas dos marouzós que aínda dá en aniñar nas nosas praias. Zoólogos, naturalistas, funcionarios, pozos de tenrura amorosa que acollen, na cunca quentiña das súas maos inmensas de corazón, aos cativos de Charadrius alexandrinus pra ceibalos sen eiva nos arredores da súa casa xardín, nalgún marouzón da praia de Esmelle. Hai homes así. Os homes.






Andaba servidor rexistrando a vida das pozas da Serra de Paredes. Algo se movía pola flor da auga. Xiraba e daba voltas. Dende a miña outura e mala vista, non precisaba que cousa era aquela rareza xiradora de cores brancas. Asentei a galla e enfoquei como poiden aquela danza. Na casa poiden estudar tranquilamente as imaxes. Sorpresa: catro notonectas sp. estaban depredando un cazo de Discoglossus galganoi. Apresado nas catro direccións do espazo non tiña moitas posibilidades de fuga. A cor branca non era máis que a cara oculta, e por min nunca vista nen fotografada, dos notonecta, eses heterópteros acuáticos que sempre nadan de costas. Podía apreciar agora a forma acuodinámica do seu corpo. Aprendendo sempre. Feliz aprendiz.




Días atrás figurou neste bló un macho ben fermoso de Iberolacerta monticola. Vén agora unha femia a asomar o seu corpo escamoso as fiestras do noroeste do Noroeste. Ollaba pra nós, eu non andaba só, dende unha distancia prudencial. Os toelos descarnados do pedregullo debían devolverlle unha agradable caloriña, naquel serán soleado. Francamente estaba moi interesado en estudar humanos. Teño pra min que era a primeira lección da asignatura. Atentiña si que estaba. Non sei que poido aprender.





Engádame esta imaxe. Un diminuto exemplar, non máis dun centímetro, de noviño de Rana temporaria, digo tal sen moito argumento, apousaba na mouga molida de xebras e burbullas da beira dunha poza das varias da Serra de Paredes. Dende a outura da galla, digamos a dous metros, non percibía a súa presenza. Das burbullas xa non digamos. Un bo amigo sinalábame coa punta dunha herba a súa posición. Alí encadrei e enfoquei. No visor xa se me deixaban ver. Na pantalla de silicio gocei moito da revelación da textura de xebra e aire esferificado na que repousaba esta crianza batracia.


A luz pode ser ben fermosa se se conforma coa materia verdosiña das azas dunha Pontia diaplidice, a noiva da mostarda, brincando de flor en flor polas pólas dun cirsium. Era unha mañá de xuño nas beiras do Río Miño ao seu paso por Ombreiro, parroquia do Concello de Friol, por onde me deixei conducir por quen me quixo levar. Son guiadiño.



Sobor das espadanas que se inclinaban sobre as augas do Miño, un grupo de Calopterix virgo entretiña o paso da vida nos seus quefaceres vitais: tomar o sol, mirar  de algo pra petiscar, axocar asegún a quen, mirar de facerse querer por asegún quen. As femias, ollai o santo, parecéronme particularmente verdes e procurei rexistrar tanta verdura. Non sei eu se dei.



Nalgún pasteiro dalgún lugar da Terra Chá de Outeiro de Rei volvín a encontrarme coa extraña beleza das Serapias cordigera, a orquídea da cor do sangue callado. Sempre me gusta volver a vela e botarnos un ollo. Elas eran cerca dunha ducia e acompañábanse dunha D. maculata. Eu tampouco estaba só. Estaban elas e ela. 



Bruco, brugo, burgo, pollo das verzas, mourillón, croco, pedreiro e tamén, influenzado polo castelá, pulgón. Non é moito este bló de presentar brucos. Algunha ca outra imaxe si teño rexistrado, e a verdade é que me gustan as ilustraciós que ofrecen de xente amoreada, confusa, en diversos estadíos de desenvolvemento, atarefados no seu quefacer cotián, ausentes do ollo de calisquer mirón. Cousa diferente é que poda discernir a que especie, xénero ou familia pertencen. Por vir ao conto dicir que a planta nutricia era Vicia benghalenssis
Se nada sei de nada, de brucos, menos ca de nada. En aprender algo ando. De momento o vello nome de seu. Bruco, do latin brucus.





A parruliña lavanca leva a súa rolada á escola das augas do Río Miño, no seu pasar polas ínsuas das terras de Rábade. Gardabaia nas beiras do río, ao abeiro da vexetación, vizosa, abondosa, e ensináballes a sair escopetadas ate as espadanas do medio do río ao achegárense a eles dous inmensos sanbernardos e as súas inmensas donas, catro sacas de colesterol ao sol. Navegaban entre as sinuantes herbas dos ranunculus e o fermosísimo veo de flores co que o Miño celebra a entrada do sol no seu esplendor.


E por alí andaba tamén esta Aglais urticae, que por uns intres forneceume da ilusión de sere unha Nymphalis polycloros, ate que os amigos de Lepidópteros de Galicia me fixeron caer da burrada. Sempre se agradece sentir o duro cemento da realidade na cueira das miñas orgullosas neuronas. Obrigado. Vaia polas ánimas dos vosos defuntos este discorrer de hoxe, meus mestres garimosos. Amén.

E deixemos a cousa por hoxe acó.

Mil gracias mil, miña xente.

A mandare.

xoves, 16 de xuño de 2016

Gaiteiras e libeliños



Dándose de conta que se non o galego, si os galegos, somos dados a chamar a cada quen polo seu xénero e por exemplo non dubidaríamos en decir a paporroiba, se souberamos que é unha femia, que ese é outro cantar, ou se ás vacas sen medo lles chamamos touras, eu,  tan destemidamente coma calquera outro compatriota, dou en trastocar o xénero habitual de libeliñas e gaiteiros, e arríscome ao sorriso conmisarable dos sabios, poñéndome a discurrir hoxe sobre gaiteiras e libeliños. Que habelas, hainas e hainos.


Estes días de aí atrás, aproveitando ventos calmos e días solleiros, poiden ir documentar a  biodiversidade emerxente que está a facer revivir a paisaxe desoladora e descarnada  das pozas residuais  que dende hai anos se formaron na canteira abandoada da Serra de Paredes. 

Visito de cada pouco este espazo da desfeita. 



Aí, na máis cumprida exemplaridade da virulencia humana, nesa dor de pedra esnaquizada, nesas barreduras de entullo de obra, ao mellor tamén pública, a vida rebrota entre o pedregullo e enceta a trasmudar un territorio da soidade nun espazo vital único e extraordinario: unhas pequenas lagoicas de augas, por veces fondas, situadas nunha xeografía sen par de rochas ultrabásicas, non moi lonxe do mar e si moi cerca do cume de Herbeira, esa paisaxe de ningún mundo.





Entremedias dunha flora extensa,  endemismos botánicos tal Sagina merinoi ou Linaria aguillonensis, réptiles, Iberolacerta montícola,  anfibios, Discoglossus galganoi,  as tres especies de pintafontes presentes en Galicia, ou paxaros extraordinarios tal a laberca dos corniños e a pica do outomonte, Anthus spinoletta,  teñen xa colonizado  estas augas, que a desidia humana e a fortaleza de Natura están a converter nun laboratorio biolóxico a ceo aberto que debería ser protexido de modo inmediato se a sociedade tivera a sensibilidade natural necesaria pra empurrar  das vontades dos políticos furnocráticos. 



Sementemos natura na infancia: non temos outro futuro.


Ata cinco especies de odonatos teño documentado nesas augas. Imos botarlles una olladiña a tan lizgairos e lindos depredadores con alas.

Cecais o máis abondoso sexa Enallagma ciathigerum. Nestas data omnipresente. As imaxes de gaiteiriñas que veñen acompañando ate acó este discorrer correspóndense todos con esta especie. Mirádea saída do fondo das augas nas que viviu toda a súa existencia de larva, aganchando por calquer herba, as dos carrizos lisas e resistentes son favoritas, e alí por primeira vez na súa vida coñece os espazos aéreos nos que desenvolverá a súa corta existencia de ser voador.




Pero antes deberá transformarse en gaiteiriña, rachar a coraza quitinosa da exuvia na que transmudou e agardar acomodada a que o hemolinfa circule con soltura polo seu corpo, as azas collan consistencia e o corpo pouco a pouco vaia cambiando das pálidas tonalidade hialinas, tan elegantes e discretas, ate as impactantes  cores  que tanto nos gustan a tantos.



Fortalecido e conformado o seu corpo, antes ainda de fardárese do fermoso azul celestial propio de tantas especies de odonatos, ha de mandarse voar patrullando sen folganza o seu territorio, rebuscando algún pequeno insecto do que manterse e, fundamentalmente, unha parella reproductiva. Os odonatos no sexo non son delicados. Os machos, agresivos, andan a captura dunha femia a quen podan prender coas súas pinzas anais. Unha vez capturada, non han de soltala ate obligala a xirar o seu corpo e a contactar os seus aparatos reproductores, que na femia está ao final do abdome e nos machos ao principio: velaí as razós da extraña formas de acoplamento que sempre nos ten sorprendido.



Pra logo, en moitas especies de odonatos os machos non lle arrean á femia, e presa polo pescozo, oblígana a ir poñendo os ovos fecundados co seu esperma polas pozas adiante. Voando en tandem, ela prisioneira, van dun lado ao outro poñendo un ovo acó e outro aló, e pra daquela son doadas de ver, achegándose as herbas da beira onde prefiren ovopositar antes ca en augas profundas.



Sympetrum fonscolombei, outro dos libeliños documentados nas pozas da Serra de Paredes, ten o mesmo comportamento reproductivo, sendo, polo que poiden observar moito máis inquedo e imparable no seu traballo ovopositor, non deixando de revoar nunca e achegándose a flor da auga só un intre pra que a femia poña o ovo entre a molida mouga de xebras.



Sympetrum fonscolombii presenta un clarísimo diformismo sexual no que os machos presumen dun rechamante colorido encarnado que practicamente ocupa toda a superficie do seu corpo, ollos e faciana incluída. 



As femias, menos  rechamantes, son máis difíciles de localizar e nas poucas ocasiós en que se me presentaron non fun quen de facerlles unha fotica medio decente. Documentei pola contra abondosamente aos machos, dos que hai que dicir que teño imaxes deles polos areeiros do noroeste do Noroeste  mesmo en xaneiro. Unha ledicia velos pousados nas areas no corazón do inverno. Non é o caso destas imaxes que son todos exemplares das pozas da Serra de Paredes, onde é doado  botarlles un ollo ou facerlles unha foto da que non vaias a ter  moita queixa.



Comportamento reproductivo similar as dúas especies anteriores teño observado en Pyrrhosoma nymphula, unha gaiteiriña linda e atractiva coa que o ano pasado no Forgoselo disfrutei de lo lindo ollando como un numeroso grupo de parellas en tandem ovopositaba, ao tempo, entre a vexetación dos regos calmos dese particular e extraordinario espazo endorreico que é a Serra do Forgoselo. 



Na Serra de Paredes só observei un exemplar, suficiente en todo caso pra documentar que tamén el, habita entre as herbas, as augas e os ceos deste singular espazo húmido. Velaí  vai el.


As femias de Anax imperator, aésnido de gran tamaño, polo contrario ovopositan en solitario entre as herbas prósimas á ribeira. Velaí van algunhas imaxes dunha femia poñendo os ovos entre as follas do Potamogeton natans, planta doceacuícola  que xa ten colonizado algunhas das pozas da Serra de Paredes. Unha verdadeira delicia poder rexistrar e fotografar a femia deste aésnido. A ver se noutra ocasión se nos deixa ver o macho, presumindo da súa brilante e fermoso farda azul e negra.





Debo dicir que todas as especies que van documentadas neste discorrer foron gravadas o mesmo día. Voaba tamén ese día polas augas un libeliño grande, incansable, poderoso coma todos os aésnidos que non sabíamos recoñecer en voo. Unha grande mancha azul no principio do abdome era un sinal que supoñíamos podería ser característico e definitorio pra intentar unha identificación a posteriori. Afortunadamente, durante uns intres pousou  nun ribazico, entre os restos dos entullos desaprensivos de restos de cordaxes mariñeiros. 


Alí estaba: era un Anax parthénope. Un libeliño realmente atractivo e que levabamos tempo coa ilusión de observar e rexistrar. Anax parthénope fora documentado en Galicia por primeira vez no ano 2011 en documento que publican Emilio Martínez, Genaro da Silva  e Cosme Damián Romay dando as primeiras citas para a nosa terra deste poderoso aésnido sureño que parece estar en claro progreso de ascensión cara o norde.

Primeiras citas que inchuían a tres exemplares observados en San Andrés de Teixido. Esta nova cita, non moi lonxe das anteriores vén a confirmar a pervivencia, se non o asentamento, da especie ao noroeste do Noroeste e a importancia que estas augas latas da Serra de Paredes deben ter pra a consolidación dunha poboación estable de Anax parthenope na nosa bisbarra.

Velai quedan as imaxes documentais da presenza de cando menos cinco especies de gaiteiras e libeliños nun espazo puntual novedoso: as pozas da Serra de Paredes. Engadirlle a variadísima flora que aí se está a consolidar, mesmo as leñosas salix e ulex,  a presencia de tres especies de pintafontes,  a abundancia de cazos de Discoglossus galganoi,  a numerosa presenza de Iberolacerta montícola e a de numerosas aves e páxaros que visitan regularmente as súas augas, amén dunha rica variedade de artrópodos, pra empezar a considerar a serio a necesidade dalgunha forma de protección destas augas que evite o aporte de entullos contaminantes (alcatrán, cordaxes, plásticos...etc) e permita a consolidación dunha micro zona natural de grande e orixinal valor ecolóxico, pois como todos sabemos estes espazos acuáticos son o núcleo de creación da maior riqueza en biodiversidade.

Nas nosas maos está.

Mil gracias mil, miñas donas, meus señores.

A mandare.




Achegos:

1) O PDF de Chioglossa no que se describen as primeiras citas para Galicia de Anax parthenope. Ler.



PAZ E PALABRAS