XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Capelada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Capelada. Amosar todas as publicacións

venres, 4 de decembro de 2015

A azulenta das cimeiras


Días de sol e gloria pola outa Herbeira. Extraños días de decembro con agradables temperaturas e tempo de nordés. 

A xenerosidade dos amigos fornecérame co coñecemento de que unha bandada de chorlitos dourados andaba a refolgar entre o extraño territorio do petoural de peridotitas, esa paisaxe de ningún mundo.  Alá fun, a ver se lles botaba un ollo. Botar boteillo, pero, sen que eu soubera o por que, deron en mandarse mudar de aires, colleron vento e liscaron todos eles en coordinada bandada voadora. Antes e cos axustes da cámara fóra de lugar, empanada de gaseosa, dei en facer algunha toma moi lonxana que non cubreu expectativas. Nen de lonxe. Velaí elas.


Polo bordo mesmo do descantil dúas familiares siluetas humanas, que recoñecín ao instante, camiñaban cos acenos certos de quen anda á rebusca do que non se quere deixar ver. Chegueime a eles. Con máis señas ca palabras, advirtíronme: Andan por acó as azulentas alpinas. Vente vindo.


As azulentas dos outos cimbros!!. O corpo deume unha volta. As azulentas alpinas, Prunella collaris, eran unha débeda pendente que tiña eu comigo e alí mesmo soupen que tería a oportunidade, por fin, de sere saldada. Hai un pequeno grupo familiar que anda petiscando sen folgar. Ven botarlles un ollo, intuía que me decían, mentres apuntaban co brazo extendido na direción que sinalaba o dedo, índice naturalmente.


Bendiciós da inmensa Herbeira. Por alí andaba un grupo de sete azulentas, atarefadas sen descanso no incesante labor de búsqueda de mantenza. Imparables, incansables. Movéndose sen cesar na percura de calquera petisco que lle ofrecera o ouzal capelado. Non paraban quedas nen un só intre.


Repasaban cada esfuracada, e hainas por centomiles, levantaban a tona buscando bichería agachada, agulleaban as bostas resecas, subían ás pedras, baixaban, desaparecían entre os turrós de herba, reaparecían máis adiante, daban un voo pequeneiro, pousaban e seguían a andar, traballando sen folgos: xa non sei eu se empuxados por unha adicción fiel ao boreo ou por unha fame de degoados que os mantiña en constante ferveduría laboral. Confeso que acabaron estresándome a ollada.



As azulentas papudas son confianzudas. Non teñen reparo en achegarse a poucos metros. Non lles pidas repouso, pero aproximar aproximan. Déixanse ver a gusto. Aínda que aparecendo e desaparecendo entre os croios e as herbas. Para min era a primeira oportunidade de botarlles un ollo atento, demorado... tranquilo. E abofé que mirei moito mellor ca fotografei.



Das azulentas papudas, ou alpinas, haberá que dicir que corren co nome de azulentas, pola linda cor azulina dos seus ovos e non, claro está, polas tonalidades do seu froixel. O apelido de papudas co que moitos adoitan chamalas, vai directamente entresacado do gracioso babeiro esbrancuxado, cun salferido de puntualidades negras, que adorna a súa gorxa.



O máis corrente apelido de alpina, explícase pola súa condición de páxaro residente nas máis outas cimeiras europeas: cría e vive entre os 1800  e os 3400 metros de altitude. Aí é nada. Na Península Ibérica súas meirandes poboaciós danse nos Pirineos e Picos de Europa, pero calquera requintado sistema montañoso (Sistema Central, Serra Nevada, Macizo Ibérico...) conta con poboaciós estables de cría. 


As únicas colonias galegas aniñan  no Macizo de Pena Trevinca, pero no inverno pequenas poboaciós, grupos ao mellor familiares ou case, aparecen por algús cumios do país. Na Serra do Galiñeiro e na Serra Capelada son invernantes regulares. Non fallan. No Cabo Ortegal son fáciles de ver, se un anda con tento, xa que  por veces andan a poucos metros de nosoutros, desocupados e desinformados visitantes, que chegándonos pra vermos natureza enxebre non somos quen nen tendoia diante dos ollos. O que non sabe é coma o que non ve. Ben cho sei.



Hai que decir en  descargo que pesia a fermosura e colorido que amosan estes paxariños, (se son ollados de perto  ou cos alongavistas ou contemplados en foto) no campo, coma case todo o mundo, son tremendamente discretos, nada rechamantes e facilmente se funden coas cores das pedras. Pra máis o seu carácter laborioso, inquedo, de camiñador a ras de terra non fai que sexan doados de percibir se un non presta atención. E aínda así. Ben que o sei!


Xente fundamentalmente das outas cimeiras de  terra adentro, fanse raras e extraordinarias de ver á beira do mar. Velaí outro aceno de orixinalidade da nosa serra. Son moi de apreciar as imaxes, (que os que saben conquiren) das azulentas das cimeiras petiscando entre as pedras e tendo ao fero Mar de Ortegal por decorado, escumando bruador ao escacharse contra as pedras escuras da costá. Eu non fun quen: entre serpentiniñas e uces e xa me conformo.



Mantéñense fundamentalmente de pequena bichería que son quen de atopar en pleno inverno entre as herbas e as regañas, pero non desprezan algunhas sementes de gramíneas que completan e amplían a súa dieta. Mesmamente tense documentado e observado o aproveitamento dos restos alimenticios de montañeiros.


As azulentas das cimeiras, en estando a traballar, dan voos moi curtos, de poucos metros, permitíndolle así  ao aprendiz de naturalista seguilos facilmente polo monte, sen fatiga maior das súas cada día máis escaralladas xogas, e desfrutar demodo dos seus indovindos cotiás invernantes na rebusca incesante da necesaria mantenza.



Raramente se pousaron en alcándaras outas e cando o fixeron, sempre por pouco tempo, ollaron pra min con máis curiosidade que temor. Daquela aproveitei pra tentar facerlles unhos retratos nos que me saíran ben guapiñas. Non me queixo, pero poido ser mellor. Bastante mellor.


De que eu saiba ninguén poido facer pola Capelada unha foto-documento dunha azulenta alpina anelada. Mágoa. Se algún día aparece algunha poderemos ter unha interesante noticia da área de orixe das Prunella vulgaris que visitan, un inverno si, o outro tamén, as cimieras dos cantís capelados. A ver se algún día.


Han quedar por acolá todo o inverno. Ao mellor alá para abril ou maio dan en marchar as súas zonas de aniñamento, que adoita ser no máis serodio da tempada, cando a neve foi derretendo. Ata daquela haberedes de ter algunha oportunidade de observalas. Comprirá que andedes atentos. 



Se tal facedes, unha das  xoias invernantes ao noroeste do Noroeste haberá de relocirvos no adentro do ollo e  unha raiola de beleza viva hase imprimir nos arquivos da memoria neuronal, pra facervos soñar, nas noites de quentura, coa frescura das cimeiras nevaradas, onde as azulentas capeladas andarán gozando o ardor do amor namorado, ese que rebenta cos saloucos dos gustiños nas noites do vrao calladas de estrelas.

Natureza pura.



Vai  rematando hoxe o conto.

Non sei se entre os lectores habituais, fóra paxareiros fóra naturalistas, habería alguén que soubera desta lindísima paxariña que todos os anos vén pasar o inverno a Capelada. Se así fose, gracias por permitirme aventar o neboeiro dese iñoro. Se non houbese caso, gracias por acompañarme ata acó e mil escusas pola mellorable calidade dos santos, que o feito de perder ese día as gafas no monte non xustifica. Hoxe non fun máis lonxe. 

Apertiñas, totus meus.

Mil gracias mil.

A mandare





Achegos:

1) A ficha de SEO Bird Life. Acó.
2)  PDF de dúas páxinas do MAGRAMA. Entrar.



PAZ E PALABRAS

venres, 27 de novembro de 2015

O Ano do Cuco

O cuco é xente que  rareou tanto a súa presencia que ao día de hoxe poder ter a oportunidade de botarlle un ollo  causa  agradable sorpresa celebrada con festas e risas de incredulidade. Eu hai moitos anos que, entre marzo e abril, cando o cuco sae do cubil, non escoito o seu cucú grato e divertido que nos corazós infantís, era santo e seña inequívoco de que o vrao, paraíso de infancias, víñase arrimando. E se falamos de poder botarlle un ollo, nos últimos tempos só lembro dúas ocasiós: una no Val de Moeche, haberá unhos dez anos e outra nas pradas da Espiñeira, onde mesmamente poiden facerlle unha foto de lonxe.

En troques neste ano de 2015, ata en catro ocasiós, miragre de miragres, tiven ocasión de falarlle: unha no Forgoselo, outra na Capelada e dúas nos Ancares, na Campa da Braña e nas pedreiras dos Tres Bispos. Velaí o porqué de ter eu declarado, para o meu calendario privado, a este ano do 2015, o Ano do Cuco.

Verdade é que as imaxes que lle poiden facer non valen nen un peso nen medio patacón, pero a min enchéronme de ledicia por poder atrapar a tan esquivo paisano en pleno borear diario, documentando un par de comportamentos moi difíciles de poder mirar.

Permitídeme partillalas.

A primeira delas ocurreu no Forgoselo, na media tarde do 27 de maio, andando eu máis entretido en fotografar gaiteiras e percibir ao cruzabicos, ca en esperar ver ao cuco. Un amigo naturalista, co que coincidín no monte,  con moi bon ollo ollo discriminador deu a alarma: O que se moveu aló no fondal... é un cuco!!  E aló ao fondal enfoquei os vidros, e aló no fondal estaba. Gardado na sombra, pousado na pola dun piñeiro, agachado baixo as carozas e as carumas  e sen perder baza de nosoutros. O cuco.


O cuco non dá confianzas. Principio primeiro de sobrevivencia na convivencia cos humanos: confianza cero. Sabe ben con quen se xoga o froixel.


Para poder arrincarlle unhas imaxes hai que alongar o zum a tope, acomodarse contra o tremor e encomendarse a Fortuna, a veleidosa, ca unhas veces si e case sempre non.


E logo no ordenador veña a traballar nos axustes  pra poder extraer daquela masa informe de cadradiños de bit unha ilustración suficiente honorable pra non morrer de vergoña ao ensinala. Velaí estas que acompañan, nada do outro mundo.


A segunda ocasión aconteceu na Capelada, á beira da pista que leva ao Campo da Armada e xa moi perto da encrucelada. O aprendiz de naturalista acompañaba a Xosé Gándara e Luis Dorado, dous fenómenos do naturalismo e a fotografía, polas pistas da serra na búsqueda de verdegames e orquídeas. 

Xosé percibe un algo que se move ao lonxe, entre pelouros, uces e piñeiros. Parece o cuco, di. E vai a canda a súa mai adoptiva... que non sei se non será unha chasca. Mi madriña, e eu sen enterarme de nada, apampanado  na posición de copiloto.

Os paxaros móvense, caen pra parte dabaixo do pasteiro e perdémolos. Aparecen de novo á beira da pista,  montados na aramiada que couta o pastizal das Lamas. Demasiado lonxe pra as marabillosas lentes reflex dos meus amigos, pero nunca o suficiente pra que o atrevemento da focal dunha compacta moderna non ouse facer unha refusía de fotos, máis que sexa co parabrisas entremedias. A ver que pasa e que sae.



Nada do outro mundo, unha imaxe lonxana e moi pobre do cuco. Mais ao amplar na pantalla....algo máis se ve.

 
O cuco ten o ollo virado cara a un insecto que chega voando: pola popa e a estribor. Non terá calidade, pero ten interés...natural.



Velaí vai a segunda toma.




O cuco xa se vai deixando caer pro lado de estribor, por onde o insecto, que se amita a un abellón,  vaino adiantando pola proa...



...non espera máis e zóupase polo bichiño sen perder chance...



Hase deixar caer entre as herbas e desparecerá uns intres. Pensamos telo perdido e comentamos a observación. Falo do extraordinario que é mirar o cuco pola Capelada. Ao pouco volvemos a velo, pousado nos arames, acompañado da mai adoptiva e cunha nova bicada no peteiro.



Agora non só podemos confirmar o bon ollo coñecedor de Xosé ao atinar  quen era a mai adoptiva...unha chasca. Amais, ao amplar na pantalla da cámara, apreciamos claramente que é o que acaba de cazar....unha bolboreta...


... unha pampurriña!!!... unha velenosa zigaena...  realmente... un inesperado documento. 

Pois vaia esfurriacada que vai apañar, comenta Xosé, as zigaenas sintetizan cianuro. Ben se ve que é un noviño sen experiencia


Seguro que aprendeu. Unha e non máis, dixo Santo Tomás. A vida, ese libro aberto adoecido.




A terceira observación deste ano aconteceu na Campa de Fieiró, nos arredores do albergue do Clube de Montaña de Ancares, o dia 27 de xullo. Nada especial. O cuco apareceu revoando, pousou nos cables do tendido teléfonico e deixoume facer uns poucos rexistros antes de mandarse mudar de alcándara: lonxe de min, da cámara e das ganas de seguilo. Digo cuco e seguramente era cuca, por amosar unhas cores máis pardas ca griseiras.

Que vaia ben, Cuca Culuca. Obrigado por te deixares mirar.




A carta ollada fotográfica aconteceu ao día seguinte baixo os Tres Bispos, por onde andaba pasando as horas entretido en mirar rebezos, paxaros, flores, pedras e ouricelas. O cuco, que pola pista covarcada aparecera varias veces, sempre fuxindo de lonxe,  xurdíu dun bosquete de capudres,  revoou dereito por riba dos arandos e, pousando nun repente, desapareceu fundido  nas pedras... onde está? .



Fago unha foto ao chou, á zona onde sei que pousou e desapareceu confundido.  Xa o buscarei na pantalla.


Ao moverme pra seguir o meu pasear, o cuco, a pesares de estar lonxe, levantouse axocado, deu un voo non moi longo, pousou encima das uceiras en flor e estendendo todo o seu plumaxe encriptouse perfectamente no puntear florido da Calluna vulgaris a ericacea á que na hora tocáballe florear. Inimaxinado comportamento. De non ser polos prismas non daría con el.



De pé, coa cámara  acomodada na galla de castiñeiro, que fora propiedade dun cazador de rebezos e que si el a utilizaba pra acomodar a escopeta eu recicláraia pra asentar a compacta, poiden facer co zum no tope algunhas imaxes  de tan inesperado e cuco proceder. Bendita galla. Dende aquela vai comigo a todas horas e volveuse un complemento indispensable. Gratia plena Marcial.


Seguro do seu encriptamento e confiado na lonxanía da miña posición, o canoro cuculo, permaneceu así, quedo, inmóbil, imperceptible, durante uns poucos minutos. Ou moitos, xa non sei eu, que alí na cama de uceiras o deixei. 

Parolando cos meus pensamentos, seguín a camiñar amodo, coma sempre, atendéndolle a todas as lecciós naturalistas coas que a Cátedra de Ancares me quixera alagar os sentidos. Que nunca son poucas.


E aí van quedando as ducias de imaxes que este ano afortunado lle poiden facer o cuco e que exaltaron a miña satisfacción persoal ata o punto da euforia suficiente pra ter declarado oficialmente, no meu calendario privado, a este ano, coma o Ano do Cuco ao noroeste do Noroeste. 


Aí quedan os documentos gráficos, miñas e meus. Nunca acadarán a calidade que National Geographic esixe  e menos aínda a que a vosa fidelidade merece, pero confésovos que a este aprendiz de naturalista, malpocado, provocáronlle marusías de satisfacción e alentías de gozo esplendoroso, por poder revivir, na intimidade do fogar, ao calor da luz da pantalla e ao frescor dunha cervexa perfumada con sativa, as horas de ledicia, folganza e pracer vividas nas longas andadas polo monte na rebusca de nada diferente a min mismo: o meu mundo, o mundo, o teu mundo, e as veces atópome conformado en flor, urcila, besbello ou nun pespunte de plumas nun mantelo de uces.

Apertiñas, miña xente.

A mandare.




Notas marxinais: 

Gaiteiras, que aparece no texto, é unha licenza persoal pra chamarlles as libeliñas miúdas, digamos Pyrroshoma nymphula, das que ese día no Forgoselo había ducias delas poñendo  ovos nas augas latas das campeiras e ás que fun quen de facerlles algunha foto que non desentonarían co nivel habitual de desenfoque deste blo. Calquera día.

A Cuca Culuca cucaba na pola... do teixo máis vello da miña parroquia... cucaba Culuca, cucaba na póla... do teixo máis vello da miña parroquia... ouvíredela antes de agora? Nunca te has de acostar sen escoitar algo máis. 

Unhos...velaí o artigo indefinido plural masculino da fala tradicional cedeiresa na que este blo quixera ser entendido. Ate o de agora non se veu utilizando pero, erro superado, non ha deixar de escribirse dende agora. Unhas e unhos: pola memoria sonora de quen me enseñou a falar. 

De ser eu un polemista, que ao mellor si, reñiría co autor do blo sobre a certeza de sere unha pampurriña a lepi que o cuco da Capelada levaba no biqueiro. A extensión do borrón encarnado, ao mellor excesivo pra zigaena, podería darme argumentos pra discutirlle se non sería unha Tyria jacobaeae,  a chamada voalla vermella Verdade é que esta é xente moito máis rara que zigaena, pero habela haina.

  
Achegos:

1) A ficha correspondente da SEO Bird Life. Entrar

2) As notas do Ministerio do Medio Ambiente. Premer

3) A clásica da Wiki. Adentro

4) Unhos interesantes comentarios sobre a bioloxía reproductiva do cuco. Augusto Prehl en Eskomedia. Ler

PAZ E PALABRAS