XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

martes, 30 de decembro de 2008

DIAS DE DIARIO 29 de decembro de 2008

 
Plaia do Baleo, pola mañá.
O Baleo nesta mañá de decembro, estaba gris e quedo, morno tamén. O mar, vivo, pero azoso. Os ceos querendo azulear. Daba gusto.

Tres rapaces xogaban coas arrotas; no fondo entre as pedras dous homes buscaban percebes.


Cada quen ao seu: uns a argallar coas alentías, outros a escaparen delas.

Un día coma tantos outros, un día de diario, nas plaias do noroeste do Noroeste.

Nas lixugadas e emporcalladas plaias do Noroeste: letrina final da voluntade insobornable do mar de devolver o noxo a quen o produce.


¡¡¡ Estes días vense invadidas por millós, (sí, sí, millós) de diminutas bolicas dun plástico duro e brancuxo que ocupa, do mesmo modo que se ve nas fotos, a línea toda de deposición da marea dos areais de Pantín e o Baleo !!!
Sepultadas no areeiro, quedarán con nós.
¿ Nunca máis, dixeramos?

luns, 29 de decembro de 2008

MAQUIAVELICAS ANDARABILLAS


( O que a seguir vai é un texto vello, do 2000. Pero hoxe non vexo razós para modificalo. Se acaso ampliaría o retrato aos capitalistas de pazo e albariño. E escribiríao sen tanta rabia. Me parece. )
MAQUIAVÉLICAS ANDARABILLAS


A enorme cabeza de Manuel Fraga, na que din caibe todo un Estado, debe de producir nesas sonecas de pulpo, lacón e queimada, uns pesadelos atroces, xigantescos, de dimensiós tan colosais que só un devorador saturnal de soños e ilusiós colectivas coma o seu posuidor será quen de deglutir, dixerir, e máis tarde transformar en proxecto político, coa mesma despreocupada tranquilidade coa que o hipopótamo adormecido arrouta os seus pavorosos ronquidos.

Houbo de ser nun destes pesadelos de papancia popular onde a enorme e sen par cabeza concibíu unha das ideas máis oníricas, delirantes e perversas da historia do surrealismo político: a aloucada e destemida proliferación de parques eólicos que, cal coroas de espiñosas andarabillas aspadas, andarían a torturar e sacrificar á enxebre toneira dos cumes da Terra, deformando, coa horrible estética dun calvario draculiano, a fermosísima paisaxe herdada e esbandallando os escasos currunchos, bravos e turbos, reinos da uz e da laberca, que pola súa altitude e lonxanía permañecían aínda ceives da invasión de eucalitos e varreduras.


O Plan soñado era a ilusión de todo político: aparentemente moderno, aparentemente ecoloxista, aparentemente criador de riqueza, aparentemente aparente ¿quen habería de ousar opoñerse a el? Os do Bloque nesta ocasión non dende logo: escorados de sempre pola banda do oportunismo, agora que andan a facer un master apresurado de corrección política, haberían de coidarse moito de emitir unha valoración pouco oportuna; do PSOE non habería que ter medo, afeito polo felipismo a desbordar ao PP pola dereita, seguramente pediría ampliar por dous o número de andarabillas; do movemento ecoloxista habería que preocuparse tanto coma da Santa Compaña: existir existirá, pero ver non se lle ve...e... a ciudadanía galega hai moito, moito, moito tempo que erguemos as maos arriba, baixamos os pantalós aos nocellos e puxémonos a cantar aquilo de chámame gorrión, amor, pero bótame trigo que trago con este e aquel outro destrago.


Máis ou menos así as cousas, os grandes accionistas capitalistas das empresas eléctricas arroutan de satisfacción incontenida ao ver brincar, (¡ a golpe de subvención pública, a tantos millós por desfeita¡) a frecha dos seus beneficios cara arriba, arriba, máis arriba ... mentres, puro habano en boca, peluco de ouro en punto, barreira taurina á sombra, cean en restaurantes de luxo, durmen en camas de cinco estrelas ou... sestean adormecidos debaixo das aciñeiras das súas enormes fincas latifundistas sureñas, de natureza virxe, onde nunca consentirán que se instalen “esos feísimos y ruidosos molinillos, tan desagradables”.

E non só a nosa querida Capelada sofre arestora o crecemento desmesurado de pistas, –serviles serventías dos xigantes eólicos-, a roturación innecesaria de terras virxes, a presencia de incordiantes casetiñas de ladrillo, as perigosas líneas de alta tensión, a contaminación acústica do incesante runrún dos “silenciosos” fedellos ou a esmagante mole da escondida subestación de transferencia, asentada, sen perdón de dios, sobre dúas mámoas que os servicios arqueolóxicos consiguientes, non souberon advertir, senon que A Barbanza, O Xistral, A Coriscada, A Faladoira toda, O Monte Caxado, O Forgoselo...e tantas e tantas outras serras, que conforman asombrosamente a práctica totalidade dos montes da Galizia (exceptuando Os Ancares, O Courel e o Xurés que quedan como museo-escaparate), sofren nestas horas a máis aberrante transformación da súa Historia, tanto na súa paisaxe como nas súas condicións ecolóxicas ata niveis difícilmente recuperables e en moitos casos temémonos que prácticamente perdidas. O caso do Monte Cadramón, 1057 m., no corazón dunha serranía de lobo e turba, pradería de montaña, carballeiras de cine, bosques de acibro e neves de primavera, que veu medrar ao seu redor un inmenso campo de andarabillas e ten unha delas chantada no seu mesmo cume, e todo un símbolo e unha metáfora deste maquiavélico proceder antinatural.





Hoxe, máis ca nunca, sinto a dor e a verdade das palabras de León Felipe : “Ya no hay locos en España, ya no hay locos./ Se murió aquel manchego, / aquel estrafalario fantasma del desierto /... / ¿ Cuándo se pierde el juicio? / Yo pregunto: ¿cuándo se pierde, cuándo? / Si no es ahora, que la justicia / vale menos que el orín de los perros.

Non teño eu a fortaleza nen o valor idealista dun cabaleiro andante, pero do exemplo noble e cego daquel “estrafalario fantasma del desierto “ tomo eu a inxirida necesaria para, sen máis armas que a palabra e a carraxe, zouparme ao aire contra o que agora sí, non son muiños, que nada moen, senon que son un exército ruín de xigantescas andarabillas, de monstruosas quimeras maquiavélicas construidas pola cobiza deghoada para non respetar nada: nen patria, nen solar, nen terra, senon só ao mesmo becerro de ouro que xa o xudeu Moisés anoxara no Sinaí.
¡Pobre Galizia, vendida por trinta e tres moedas de aspadelata á logronería do capitalismo !

Rafael López Loureiro, primavera do ano 2000

ÁLBUM DE CROMOS DÍPTEROS ( Syrphidae)

Os sírfidos son unha familia de dípteros, (moscas, máis que menos) de tamaño grande e de cores e deseños vistosos. Nestas grandes moscas abundan os marelos e os negros, cores aposemáticas, avisadoras dun veneno que elas en realidade non teñen: practican a táctica do mimetismo batesiano, técnica que consiste en simular ser o que non se é: perigosas avésporas. E funciona. Sobre todo con/en humanos.
Confeso que dende cativo non lles tiven moita simpatía ás moscas. Parecíanme feas, porcas e demas. Só agora, de vello, ao tratar á familia dos sírfidos, reconcilieime con elas.

Velaí van.
Milesia crabroniformis, a raíña do fiuncho.

Milesia crabroniformis, con 3,5 cm. de ala a ala, é o sírfido de maior tamaño da comarca e o máis rechamante de cores. Vése voar de preferencia polas mañás e á caída da tarde, ben entrado xa o vrao. Anda pacendo polos fiunchos, donde é bon mirar se queremos velo.



Epysirphus balteatus, repousando na herbadouro, Ranunculus repens.
Epysirhus balteatus é un dos máis comúns e abundantes. Moi fácil de observar: voa durante todo o vrao, por todos os sitios e a todas as horas do día.



Eristalis tenax sobre crepis sp.

Eristalis tenax, máis apagado e discreto, de corpo groso e robusto. Moi abundante en todo habitat ... campos abandonados... beiras de camiños... silveiras. Voa durante todo o vrao.


Eristalis taeniops, nas pallas da vexetación do Lago de Lanzós.
Eristalis taeniops, é posible nas ribeiras húmidas de augas paradas. Non chama a atención sobre os fondos onde se pousa. É o único sírfido europeo que ten os ollos raiados.





Eristalis arbustorum en Vilarrube, sobre Menta suaveolensEristalis arbustorum é asimesmo frecuente, aínda que en menor medida que tenax. De colores vivos e elegantes ten as alas manchadas en dorado cun centro negro.
Helophylus trivittatus, no encoro das Forcadas.

Helophilus trivittatus é especie de ben entrado o verán. Atópase nas ribeiras húmidas con chapuceiras. Gusta de voar nas horas centrais do día.

Helophilus pendulus,na silveira, Rubus ulmifolius.
Helophilus pendulus, comparte xénero, hábitat e horarios co anterior, véselles revoar polos mesmos lares, se anda un, raro que non ande o outro.





Syrphus ribesii, repousando á paparrandona.
Syrphus ribesii, e un gran sírfido de porte elegante e calmado. Non é doado de ver se un non anda por zonas húmedas, con arborado e campeiras amplas. O Val de Moeche, por exemplo. E aínda así. Fácil de recoñecer.



Magnífico exemplar de Volucella zonaria nas herbas do camiño.

Volucella zonaria é moi fácil de recoñecer polo intenso contraste cromático. Sírfido anchote, de apariencia robusta, que gusta das cunetas e das rebordelas das pistas.



Scaeva selenitica e Merendera montana, o último vrao, o primeiro outono.

Scaeva selenítica. Sería para min imposible distinguila das outras dúas especies de scaeva que poden andar por aquí. Esta foto foi determinada por Miquel Carles-Tolrá de Insectarium Virtual. Mercedes para él e para todos os bene-factores de IV.

sábado, 27 de decembro de 2008

ALBUM DE CROMOS COLEÓPTEROS ( Coccinelidae)

Os rei-rei, as xoaniñas, as "mariquitas". A familia dos Coccinelidae. Coleópteros de tremendo éxito popular, hoxe e sempre; mirados con simpatía e agarimo e tratados cun raro respeto: ausente total no que respecta a outras familias de insectos. Rei-rei, chamámoslles en Cedeira, (xoaniña é palabra moderna, aprendida máis ben nos libros do estandard normativo e mariquitas é castelanismo, ou pareceo), sen diferenciar entre os diversos xéneros e especies: adalias, coccinelas, theas ou propilaeas... todas eran rei-reis.

Son coleópteros de pequeno tamaño ( mínimo en platynaspis), posúen cores agradables e aduvían os élitros con puntos habitualmente negros. Resultan difíciles de identificar por amosar bastante variabilidade na coloración, dentro dunha mesma especie.


Carnívoras, aliméntanse de pulgos de toda clase, tanto na fase de larvas, canto na de escarabello; só uns poucos son vexetarianos ou comen fungos ( mildiu). Son, por iso moi azosos en silvicultura. Adoitan facerse os mortos cando se ven asustados e botan un líquido cheirento e amarelado por un poro situado entre o muslo e a tibia, é hemolinfa, sangue e líquidos


Seguramente ao noroeste do Noroeste o número de especies multiplique por 5 ou 6, ás nove que están na miña colección. Xéneros coma halyzia, adonia, calvia...de seguro teñen representantes, pero polo de agora nin eu din con eles nin eles deron conmigo, (que as veces voando tropezan con un).


Larva e eclosión do imago, (non consigo recoñecer a especie). O punto coral vermello é unha carracha, que seguramente anda xa buscando roerlle a crácara o escarabelliño recién salido. Mundo cruel.



Adalia 2-punctata, fotografada nas hortensias da terraza do Pinzón. Moi variable no seu cor, existindo individuos negros con puntos vermellos. Común, pode invernar activo dentro dalgunhas casas, no monte adormece baixo das cáscaras o nos brións.



Adalia 10-punctata, de debuxo moi variable, e máis fácil de recoñecer pola cabeza. Esta estaba sobre unha mesa do Areal de Morouzos. Común, pero non moi abundante.



Coccinella 7-punctata, o rei-rei de sete puntos, é a que con máis facilidade se pode topar un ao dar unha volta por calquera lado. Considerana benefactora por ser devoradora de pulgos. Os pulgos non pensan o mismo. A veces, no monte de uces, vese unha gran eclosión delas, poiden ver centos delas nas Alcaias da Ribeira Chá, e a ducias, a vendabal da Garita do Limo




Coccinella 9-punctata, o de nove puntos xa é máis raro de ver. Nesta ocasión sobre unha labaza.




Cocinella 11-punctata, unha soa observación de esta especie. Un exemplar por demáis moi cuquiño marcando un anel pálido arredor dos puntos.



Propylaea -14 punctata, común, e asimesmo non abundante. Téñoa vista no Sarridal, polo Camiño da Ribeira e no areal de Vilarrube. Non é moi exclusiva co habitat. Nos tempos que corren máis lle vale.



Platynaspis luteorubra, non é nada fácil de ver por ser diminuto. Nen as manchas vermellas se distinguen a simple vista e menos aínda o fino pelusiño que o recobre e o diferencia de especies afíns (chilocorus, exochomus).




Thea 22-punctata e, afortunadamente, bastante común e aínda que tampouco en grande número, pode verse en habitats e plantas diversas. Nos xardíns parece estar moi a gusto, pero fotografei un na trasduna de Vilarrube.



Esta é a colección de fotos do meu anaquel de rei-reis. A ver se algún día aumenta.

venres, 26 de decembro de 2008

ÁLBUM DE CROMOS VOLVORETAS (Ninfálidos)

As ninfálidas forman unha das familias máis vistosas. Xeralmente dun tamaño destacable e de cores e debuxos rechamantes, moitas delas son fácilmente recoñecibles. Mantendo aínda alguhnas especies poboacións estimables, fanse por iso máis doadamente visibles. Pero outras parecen estar en serio perigo: Aglais urticae, só puiden vela unha vez nos últimos catro anos, no Forgoselo; Nymphalis antiopa, cada día máis rara, ten, que eu saiba unha pequena colonia nos freixos, planta nutricia, do Río das Somozas...pero andan tumbando...deixa a ver o que dura; Polygonia c-album, e Boloria dia , non se deixan ver moito pero habelas hainas. As demáis, de vez en cando, vanse vendo.



Vanessa carduii



Vanessa atalanta


Polygonia c-album


Nymphalis antiopa



Limenitis camilla


Inachis io





Euphidrias aurinia





Boloria dia






Argynnis paphia




Aglais urticae

Aglais urticae fotografeina no Forgoselo; Argynnis paphia nas Somozas e en Trasmonte, Cedeira; Boloria dia, no Rego de Loureiros, Moeche; Euphrydias aurinia no Areal de Morouzos,Ladrido, e no Rego de Loureiros; Polygonia c-album , Limenitis camilla e Nymphalis antíopa no Río das Somozas; Inachis io, na xunqueira do Río Condomiñas, Cedeira; Vanessa atalanta, no Ponte da Cardeal, Río Mera e, finalmente ,Vanessa carduii no Areal de Morouzos, Ortigueira e nas Cubelas, Cedeira.


mércores, 24 de decembro de 2008

Jenaro Dalda e o Lago de Lanzós



Jenaro Dalda González, ecólogo, publica en 1968 e no Nº1 da revista Botánica complutensis, "Estudio fitoecológico de la Laguna de Valdoviño, en La Coruña". Tropezar con el rebuscando por Internet foi unha verdadeira sorpresa e unha revelación. Leelo, unha ledicia e unha delicia continuadas. Descoñezo de todo punto se hai algún outro traballo científico monográfico adicado a estudiar a ecoloxía do lago. Éste, pola cantidade e calidade dos datos que aporta ( non só en botánica e ecoloxía se non tamén en xeomorfoloxía), e pola perspectiva que ofrecen os anos transcurridos desde a súa redacción, ten, hoxendía, un interés extraordinario.

Interés, para min, dende a primeira páxina, na que Jenaro Dalda transcribe a ficha correspondente a " Albufera de la Frouxeira" incluida dentro do " Catálogo de los lagos de España" de Luis Pardo e editado en Madrid no 1948. Nela lese: " Sinonimia: Lago de Valdoviño o de Lanzós" ¡ Lago de Lanzós! ¡Naturalmente! ( O resoar do pasado mítico de Lanzarote do Lago... a antiga fábrica de gaseosas Lanzós... os propios indíxenas de Lago que nunca o foron de Lagoa...). As augas creando a fermosura da elegancia literaria: Lago de Lanzós, naturalmente. A palabra poética rexenerada. Nunca máis a funcionarial, burocratica e pseudocientífica "Lagoa de A Frouxeira".


Aprendo que á "isleta de la margen oriental" chámanlle Lapela... que no lago, de escaso fondo, hay un chamado Pozo do Cura no que " la profundidad es grande"...que comunica co mar por unha canle pola que "... antes, en la pleamar podían entrar por el las barcas, pero hoy ya no tienen acceso"... que ten os fondos con vexetación, " rodeándola en parte espeso juncal" ... que é frecuente a quisquilla e abundantes as "palmípedas y zancudas".


E agora transcribo literalmente: "Pesca: Se pesca mucha trucha y reo, de 2 a 3 Kg.;
bastante anguila y angula y no poca lubina. Y solla. La riqueza ictiológica hace esté muy poblada de nutria, habiéndose capturado unas 40 en 1943; el cestón y la fisga son las artes nás empleadas. Caza acuática: Muy comunes son diferentes especies
de patos y zancudas, viéndose anualmente el cisne,
habiendo sido cazado alguno en dicha localidad por los deportistas que frecuentan tan excelente cazadero. Muchos azulones anidan en el juncal vecino".




O estudo de Jenaro Dalda permite seguir a evolución do sistema lagoa-areeiro e os cambios que a intervención humana introduciu na súa ecoloxía. Rabea de actualidade. Para Jenaro Dalda o sistema artificial de desaugue, ( acredita que introducido na ecoloxía da Lágoa 30 ou 40 anos antes do seu estudio), provocou cambios drásticos na bioloxía do lago, ao trastocar moi seriamente os niveis de caudal. Escoitémosllo explicar a el:

"...el canal de desagüe o emisario de la laguna, no permanentemente abierto. En efecto, dicho emisario, al disminuir su caudal durante el estiaje, y en consecuencia la fuerza de arrastre de su corriente resulta periódicamente cegado por la acumulación de arenas que producen las mareas y los vientos de componente norte. Al producirse este hecho comienza a elevarse el nivel de las aguas en la laguna, que acaban cubriendo totalmente el suelo del juncal y zonas marginales, hasta que con las primeras lluvias de otoño la subida creciente del nivel amenaza inundar los cultivos circundantes, en cuyo momento los propietarios de dichos cultivos practican nuevamente la apertura del canal de desagüe, volviendo las aguas a su nivel acostumbrado".








"Deberemos aclarar que este régimen de la laguna es puramente artificial y viene practicándose desde hace unos 30 ó 40 años. En régimen natural de desagüe, sin intervención humana el nivel del agua en la laguna es superior al actual en unos 40 ó 50 cm, y al superarse este nivel se produce el desagüe permanente por la cresta de la duna litoral originándose así un canal de posición distinta, aunque casi paralelo, al que en la actualidad sirve de emisario intermitente. Esta implantación de régimen artificial ha sido consecuencia de la continua extensión centrípeta de los cultivos alrededor de la laguna hasta alcanzar niveles que resultan facilmente amenazados por las aguas, tan solo con que se produzcan crecientes mínimas".


"Como consecuencia de este regimen artificial de desagüe, al disminuir el nivel de la laguna y por tanto su superficie al ser el desagüe más bajo, se favorece la extensión de la duna litoral hacia el interior de la laguna, lo que perceptiblemente se observa en las modificaciones de su suelo crecientemente arenoso así como en la pérdida sensible de profundidad en las aguas,con la consiguiente influencia sobre la vegetación del fondo."



"las modificaciones del nivel natural de las aguas que su aplicación ocasiona debemos atribuir sensibles modificaciones en la naturaleza zonal del suelo. En efecto, hemos podido informarnos de que cuando la laguna desaguaba por otro punto y a mayor nivel, su superficie era mayor y su suelo menos arenoso. Ahora, al quedar en seco mayor superficie del flanco sur de la duna resulta la arena más facilmente transportable por el viento, ya que se encuentra más disgregada por la pérdida de humedad, con lo que se favorece su movimiento hacia el Sur, principalmente con los vientos de componente norte propios de la estación más seca. En consecuencia ha disminuído la proporción de limo, arcilla y materia orgánica en el fondo de la laguna, que se va rellenando de arena, con lo que una de las especies vegetales presentes, Potamogeton peatinatus L., ha visto reducida su área de presencia a los últimos rinconesde la orilla sur y algunos canales del juncal".




"...con dicho sistema de desagüe las variaciones de nivel son bruscas y extremadas. La salida por el emisario artificial es más rápida y consume mayor caudal; en consecuencia las corrientes son más vivas en todo el sistema, habiendo desaparecido las aguas estancadas y por tanto su flora característica. La importante disminución de precipitaciones en la estación seca hace que la capa freática descienda sensiblemente en la zona del juncal quedando en seco amplias zonas durante el resto del año encharcadas; y en fase opuesta, todo el conjunto resulta anegado al cerrarse el emisario, con aumento de nivel superior a un metro, permaneciendo así hasta que se practica nuevamente la apertura,en cuyo manento la succión de salida provoca corrientes de tal fuerza que arrastran y desarraigan numerosas plantas que comenzaban a establecerse a favor de condiciones propicias. De tal forma, se interrumpen o alteran ciclos de vegetación que sin duda modificarían la fisonomía dél conjunto, y probablemente, se estabiliza la evolución de las series en etapas intermedias que pueden ocasionar facies, e incluso sucesiones secundarias más o menos permanentes".


Elegante lección de ecoloxía dun mestre, límpida explicación demostrativa. Que rabea actualidade: este outono, tal describira Jenaro Dalda, a apertura do canal de desaugue arrastrou e desarraigou unha duna enteira. O s ecoloxistas fixeron a oportuna denuncia. Ata a do ano que ven. Se Medio Ambiente quere.
Igoal que 30 ou 40 anos antes do ano 1968, 40 ou 50 anos despóis, seguimos a facer o mesmo: desfacer.

Confeso non saber nada sobre Jenaro Dalda González. Que publica en 1969-70 un artículo titulado "La naturaleza maltratada", na revista Nº 5-6 do Instituto José Cornide. En 1972, nas Monografías da U. de Santiago nº 14, " Vegetación de la cuenca del Río Edo. Cuenca alta del Mandeo". En 1978 e publicado polo Icona " Los efectos del fuego en la vegetación forestal de Galicia" .
E nada máis sei, non sendo que polo que del aprendín, sei que é un mestre, meu.
Este e o enlace para o seu traballo. É un PDF de follas ¡ mecanografadas!, ten dúas fotos do lago, e os debuxos duns croquis e un mapa.
http://dialnet.unirioja.es/servlet/oaiart?codigo=904138
Paga a pena.