XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 27 de marzo de 2025

VAN DESFACER CEDEIRA??????!!!!!!!!

 

  Estou preocupado. Moi preocupado. Profundamente preocupado. Deveras. 

    Chegaron a min de rebote noticias dun plan diabólico que ao parecer estase a piques de escomenzar a poñer en marcha. Polo pouco que oín consiste en:

    Levantar e estirar un muro malecón de mais de 80 metros...imaxinades???... desde máis ou menos o remate da ponte nova ata enfrente  dos xardíns de Pénjamo... aplastando a plaia, encaixonando o esteiro do río, modificando á ría, o discurrir das augas, destruindo a paisaxe histórica, ese ben cultural de pobos civilizados, e alterando gravemente e de xeito irremediable!!!! a Reserva Mariña da Ría de Cedeira. Ou cegos, ou tolos, ou parvos.

    Parece ser que se quere crear unha curva de plaia por enfrente a plaza Roxa, parece ser, polo pouco que oín, que información non circula moita, ou a min non chega. Silenzo administrativo e xordeira institucional.

 

    Non acaban acó as diabólicas ideas, xa se sabe que o demo non dorme, van a desfacer os marouzós!!!!!!! esa patria xeográfica, lingüística... e ata sexual dos de Cedeira...a serio...

    ...pretenden desfacer os marouzós!!!!... torar todas as árbores, achairar o espazo, poñer o muro de puntais de madeira ao pé da carretera e aparentar un paseo marítimo a pé de plaia, que pretenden rechear con area... traída da Coruña!!!!!!!!! un monumental despropósito naturalista, paisaxístico e histórico que, polo que vou sentindo,  forma parte dun lento proxecto inconfesado de eliminación paulatina do legado de Leopoldo Rubido, un alcalde irrepetible.

    Parece ser, polo pouco que sei, que é  un proxecto vello, que anda circulando dende hai anos polas tagheas administrativo burocráticas desta falsa democracia de mofa e escarnio que padecemos...un proxecto no que ao parecer as motivacións medioambientalistas alegadas polos incitadores eran un copipegado dun proxecto alleo!!!!!  Que xa foi alegado e rexeitado en varias ocasións polos pertinentes informes. Non me extraña, con toda a razón e con evidencias de sobra.

    Pero parece ser que na última resurrección do despropósito, non se deberon  presentar as habituais alegacións, non me digades por que porque non o sei, e a perversidade urbanística, callada de turísticas fragancias, veu o ceo aberto para zouparse, vaise zoupar, derriba de Cedeira e trastornala. Nunca mais será a Cedeira na que nos criamos. Nunca. Se non é que vén Dios e o remedia.

    Que timo de Democracia!!! A famosa veciñanza que tantas bocas enche a tantos non pinta nada. Nada de nada. Ren de ren. Votádeme, tragade e calade. Que timo de Democracia. Unha usina de dictaduras cuatrianuais.

    Se houbera vergoña e democracia, esixiríamos, de inmediato: a PARALIZACION TEMPORAL DESTE DESATINO mentres nos damos un tempo para o estudo, a reflexión e a decisión.

    Cedeira debe esixir UN REFERENDUM POPULAR no que logo de se informar polo miúdo de que se vai facer e sobre todo.....PORQUE se vai facer??

    ....tanto mal ten o que hai agora??? 

    Canto vai costar a destrución de Cedeira??? Millós de euros, seguro, un bo peto de millós. A que cuenta van ir parar??? Supoño que neste desfalco de democracia é a pregunta máis inmediata que se lle ocurre a calquera. Da resposta depende, claro está, a comprensión das razóns urbanísticas desta desfeita paisaxística, histórica e da memoria, que, todo o dá a sospeitar, escuros contubernios constructeros pretenden impoñernos. 

    Este despropósito contra Cedeira, (de xente extraña e de momento descoñecida) só o pode parar a cidadanía cedeiresa. 

Orgullosa, en pé, digna, firme e segura da razón que a anaga.

    PARALIZACION TEMPORAL INMEDIATA.

 Jose de Vigo, Pablo de Foz e Xulio de Cribeiro poderian mostrarnos que son Políticos de Cedeira e deter temporalmente este experimento urbanístico.

   

 PERIODO DE INFORMACION E REFLEXION PÚBLICA. Explicado con detalle o proxecto e valorado pola cidadanía, poderíase xa que logo convocar e celebrar unha consulta.

     

REFERÉNDUM VINCULANTE, 

entre a cidadanía cedeiresa para que a democracia  por unha vez faga honra do nome e encetemos entre todos a buscar novas maneiras civilizadas de resolver os problemas e conflitos utilizando unha ferramenta vella: o voto individual.

Estou preocupado. Moi preocupado. Profundamente preocupado.

Apurádevos a facer as últimas fotos da Cedeira Bonita.

Se esta tolada non se paraliza de inmediato, quédalle pouco.

O que se vai a perpetrar  VAI SER IRREMEDIABLE.

Van parir á Cedeira Adefesia


Merece a pena parar, pensar e decidir. 




Nas maos de todos queda. Facer circular a idea canto poidades. Esixir o dereito a votar... e xa veremos o que pasa..... pero por si acaso, adiantádevos a facer as últimas fotos da Cedeira Bonita.

A maquinaria deconstructora vai empezar a roer a ría XA MISMO.

Seguir a ser bos que guapas xa sodes.

Apertiñas a feixes, miña ben querida e pouca xente.

Eu xa falei.



PAZ  E  PALABRAS


Despós de Data (29-3-25): Non teño certezas, vaia non o creo, que exista unha planificación meditada de Damnatio Memoriae da obra de Leopoldo. Pero será polo tempo que pasa que todo o manda mudar ou polo que,  verdade é que sensiblemente, un ano con outro, van desaparecendo e vanse modificando algunhas das súas realizacións, a veces non para peor, a Plaza 18 de decembro antes dos Cabalos, outras manifestamente  mellorables, caso da biblioteca López Cortón. E coma estes dous seguro que vós mellor ca min saberedes dalgún máis. Seguro.

Estou sorprendido da molestia que supuxo en algúns amigos, o calificativo de irrepetible. Houbo quen o entendeu coma un eloxio,  cando en realidade é unha vulgaridade de nivel premium. Irrepetibles somos todos. Son acaso o único rariño afeccionado a ler dicionarios? Non me extrañaría, abofé. 

En todo caso, se houbo alguén que se sinteu molesto, doído ou até é posible ofendido, ofrézolles, e agradecería que aceptasen, as miñas escusas. Gratia plena.

Unha última: os comentarios só se publican cando servidor acepta que se publiquen. Para iso antes debe lelos e entender que non hai nada ofensivo, insultante ou delictivo no que se escribe. Este non é un espazo público é un espazo privado aberto en público. Xa se advirte na testeira. Máis se caibe, por que os meus comentaristas non adoitan ter a fineza de asinar as súas opinións. Será por prudencia, este es un país libre pero que no te vean, cantaba Ketama, será por timidez, será por despiste ou saberá o demo por que, pero aos meus comentaristas, defender  coa sinatura a súa opinión  cóstalles caro.

A mandare, miña xente.

Despós de Data(29-3-31): Mea Culpa. Recibín un correo de Pablo Moreda, o señor que neste momento está de alcalde, decepcionado e un punto molesto, por chamalo Pablo de Foz. Mea culpa. Ofrézolle, e agradecería que aceptase as miñas escusas públicas se se senteu ofendido ou doído de calquer modo ou maneira. Lonxe de min pretender ferilo do modo que fora. Se así foi, ben que o lamento. Escribín tal  por que concordase con Jose de Vigo, a quen, se por un raro acaso se sente tamén disgustado, pídolle, fervorosamente por ser un amigo a quen estimo deveras, que me perdoe. E xa postos non quero facer de menos a meu primo Xulio, que se se sinteu molesto, non o creo pero razóns hainas, por dicir que é de Cribeiro, tamén, e de corazón, lle pido que me escuse.

Graciñas aos tres pola comprensión e liberalidade.

E ben sabedes que con alma, corazón e vida, vos daría as gracias se parásedes este lamentable proxecto. Nin que dicir ten. Non é verdade que agora xa non se poda facer nada. Mentres non empece, ou non vaia moi adiantado, sempre se pode parar. 

Graciñas. A mandare.

Despós de data (01-4-25): Mea culpa. Confésome culpable de vivir aillado, sen ver televisión, nin ler periódicos nin os papeis de propaganda que me meten no buzón; nin gasto feisbu, nin instagram, nin tintok. Nada, non sendo o guasá e o meu blogue. Nin teño moito trato con humanos, non sendo a familia, algún veciño que sobrevive ou algún amigo que moi raramente aparece a visitarme. Mea culpa. Vivo así feliz en soidade acompañada, mergullado no estudo da obra de Martín Sarmiento, escribindo algo sobre algo e editando este blogue, que ate o día de hoxe tiña os máis dos seus lectores fóra de portas. Mea culpa. 

    Un deses comentaristas anónimos do blogue, o nº 7, con moitas razóns acaba o seu amplo, razoable e ben argumentado comentario, que agradezo e estimo, dicindo que a ignorancia é o maior perigo de Cedeira. Poidera selo. Eu mesmo me acuso  de deixar xear e confiar coma un inxenuo naif en que os gobernantes que  votei haberían de defender as ideas polas que os votei. Son culpable de vivir retirado e seguir sendo un inocente  pánfilo.

     Verdade é que cando de rebote me contaron por riba o que se pretende facer, entroume un forte desasosego, e sen poder calmar o ánimo fun escribindo este descorrer  que por unha vez están a ler os de Cedeira. 

    Acepto a  responsabilidade de deixadez no que me corresponda, pero ninguén me poderá acusar de saber o que pasaba e calar a boca. De ningún modo, por respeto a min, a Cedeira e a liberdade de expresión. Á proba deste descorrer me remito.

    Foi enterarme e as tres horas estaba escrito, editado e publicado. Unha arroutada impulsiva nacida no corazón e na decepción. Nada extraño a servidor, que si de seu é calmo e tranquilo padece de maretadas de vehemencia. Ben as coñece, e nunca deixarei de disculparme con ela, a miña moi estimada e admirada Mª Xosé Rodríguez, quen foi a mellor concelleira coa que tratei nunca -e teño tratado con moitos e algúns  como Emilio Ramonde ou Xosé Antonio García moi bós- e quen sen dúbida sería unha magnífica alcaldesa futura para Cedeira. Un capital político cedeirés por ideas, talante, intelixencia, cultura e personalidade. 

    Un amigo nacionalista, a quen lle agradezo a chamada e a conversa franca de lado a lado,  houbo de chamarme  dicíndome que "se me foi a pinza", pero, logo dunha hora parlando, iso foi o único no que acabamos discrepando pois para min esa fuxida de pinza chámase arroutada paixonal, así llo concedín en privado como agora o fago en público. Foi el quen me informou de que houbo unha soa alegación, e deume unha alegría saber quen foi o alegante, que por este acto eximiu a Cedeira  da ignominiosa imaxe de tragar sen abrir a boca.

 Lor a quen o merece.

A mandare.

        















xoves, 20 de marzo de 2025

MARÍA DA FONTE , 22 de marzo, das GALAICAS BRAVAS, o día.

    Corre o ano 1846. O goberno lisboeta de María II, edicta unha lei sanitaria do ministro Costa Cabral que obriga soterrar aos mortos lonxe dos vilares e das igrexas, nos apartados e modernos cemiterios recén construídos. Esta lei, que vén acompañada dunha xeira de taxas e requisitos burocráticos antes inexistentes na Gallaecia do Sur vai ser considerada un ataque frontal aos seus costumes e dereitos relixiosos  por canto, nas súas crenzas galaicas, os defuntos, as almiñas, a parroquia de mortos, sempre presente, de non repousaren no campo santo que abraza á igrexa matriz, estarían  indefensos, isolados, perdidos nos alonxados cemiterios. 
    O 22 de marzo, ha ser soterrada Custodia Tareixa, vicinha do lugar de Simaês, freguesía de Fonte Arcada, concelho de Póvoa de Lanhoso. As normas novas obrigan  a ter que usar o  cemiterio. Alí estarán presentes o Comisario de Saúde que certificará o óbito e o párroco que cobrará o "Billete de enterramento" e as taxas "de covato". Custodia vai ter que ser soterrada polo imperativo da lei e coa forza do estado contra as tradiciós e as crenzas da vella Gallaecia. O imperativo da Lusitania lisboeta.

    Mal souberon todo isto, as mulheres da freguesía,  fornecidas de chantós, fouces e ferramentas, uteis de   guerra, botáronse aos camiños dispostas a non consentir, fora como fora, o enterro de Custodia no cemiterio moderno. O médico, o padre párroco e os catro coveiros enterradores diloíronse en nada diante daquela avalancha femenina de decisión inapelable que inundou o camposanto. Desapareceron. Catro mulheres, decididas, colleron o cadaleito e con todas as outras ao rabo viñéronse vindo de volta ao mosteiro, onde, en terra santa e sen esperar polos servizos relixiosos do párroco, non fora ser o demo, elas mesmas por elas mesmas lhe deron sepultura á súa vicinha. Non sen rezarlle un responso.


    Custodia Tareixa foi soterrada como é debido.

    Vestida coa saia vermella tradicional, portando unha cruz na mao e unha pistola ao cinto, á fronte do enterro marchaba María Angelina, irmá do zapateiro de Simaês, a única daquelas  revolteiras que leva un arma de fogo. De 20 anos, e aparenza robusta, falan crónicas, ía coma todas as outras dando vivas á Raiña e morras aos Cabrais e as Leises Novas.

    O 24 de marzo, as modernizadoras autoridades, amoladas pola insurreción das mulheres dispuxéronse a impoñer a lei   e a demostrar quen era quen mandaba. Apareceron correxidores e gardas para castigar ás cabecilhas da revolta. Hai redadas polas aldeias. Prenden a Joaquina Carneira, a María Custodia, a María Motas e a María Vidas. As autoridades, pretenden, por riba, ir  exumar o cadavre de Custodia e carretalo pola freguesía adiante para volvelo entullar no cemiterio.


    As campás das igrexas dobran os sinos repenicando con forza. Están chamando ás mulheres da contorna a defender o repouso eterno de Custodia. Centos de mulheres atouradas, "armadas de fío e roca" poetizarán  as cantigas, en menos do que canta un galo, escorrentan aos correxidores e espantan aos catro ou cinco coveiros desenterradores presentes.


        Custodia Teresa seguirá a durmir no camposanto.

    O día 27 de marzo, a Joaquina Carneira, a  María Custodia, a  María Motas e a María Vidas, van ser levadas diante do xuíz. Coa concencia exaltada polo éxito recente córrese a voz polas freguesías: hai que ir liberar ás companheiras apresadas. Na manhá dese novo día, e outra vez ao aviso dos sinos, xúntanse as mulheres no Cruceiro: as memorias din que por milheiros. Todas xuntas, un exército temible. Sen medo nin temor de ninguén atacan o edificio da prisión. Destragan e derruban as portas, toman o mando, e liberan ás súas compaheiras. Joana María, mulher nova de entre 18 e 20 anos, figura na Historia por dar as  machetadas primordias contra as portas da cadea.


   Coas bravas galaicas non hai lei de fóra que poida.

    As mulheres, para concelebrar a súa victoria absoluta xúntanse en xira maior no largo da Fonte. Alí, a María Luiza Balaio taberneira e hospedeira, tén cantina e convida a beber por garrafas, xerros ou copos a quen quixer. A festa das mulheres é festa rachada. As agudas gorxas aturuxantes das mulheres minhotas celebran con ledicia eufórica a liberación das presas, disfrutando con bailas, cantos, ughos e berros de... Morte aos Cabrais!!!! Viva a Raíña..!!! e tamén, e aínda moito máis repetido... Vivaa Maríaaa da Fonteeee!!!... obrigándose con educación coa taberneira... que convidaba ao viño.


   Dende aquela, o nome da taberneira ecoa nas lendas.


   Os periódicos das cidades dan noticia que unha tal María da Fonte é a capitana a quen todas vitorean. Vai ser así coma este nome pasará a designar, estimulada pola iñorancia amarelada e confusa da lonxana prensa lisboeta, a lideresa inexistente da espóntanea revolta de mulheres. En pouco tempo, aventado pola fama mediática, acadará cumios míticos e  fantásticos. María da Fonte tornarase un ser ideal, unha pantasma invisible e inaprensible. Inalcanzable para as autoridades. Han ser moitas as mulheres que nun caso ou noutro van ser acusadas, ás veces autoacusadas, de seren cada unha delas a  capitana  María da Fonte.


  Non moitos días a seguir, na vicinha freguesía de Galegos, as mulheres tiran adiante, firmes, coa súa revolta cultural. Contra das advertencias do correxidor, enterran "en chao debido" a Francisco Lage. As autoridades, alarmadas pola persistencia, continuidade e extensión da rebelión, ordean deter as cabecilhas. Buscan con particular énfase a unha tal María da Fonte, ao parecer capitana. Só prenderán a Josefa Caetana quen, pesia a ser unha coñecida  de toda a vida, mesmo das autoridades, declarará que ela é...  María da Fonte.  No punto vai ser conducida ao cárcere. Arreada polos camiños da serra por seis gardas con uniforme oficial, Josefa Caetana vai prisioneira para a cadea da Pôvoa do Lanhoso.


   Onde lle chaman a serra do Carvalho centos de paisanas, boas coñecedoras dos camiños do monte, armadas con paos, fouces, ouciños, coitelos, machadas, galletas e  algunha arma de fogo, téndenlhe o paso á comitiva militar que conduce á Josefa Caetana. Saíndo de súpeto do monte ao camiño, unha greada desafalazada de mulleres, ughando e erguendo armas,  rodea  á sorprendida comitiva militar. Que non pode dar un  paso. Os seis gardas non son nada  diante da agresiva vontade armada daquela moitedume aturuxante. Liberdade ou masacre, non hai outra.


    Josefa Caetana, "María da Fonte", é liberada.


    Estes desacatos serán só o xermolo. A revolta das mulheres da Gallaecia bracarense, non fixo máis que encetar. Continuará e medrará ate chegar a ser un fenómeno social e histórico. A raíña María vai ter que destituir ao ministro Costa Cabral. Para daquela a revolta  vai ser manipulada a comenencia dos poderes políticos de moito lonxe, ocupados na confrontación entre as ideas conservadoras do antigo réxime e as liberais modernidades republicanas do século XIX. Unha delas os cemiterios arredados. 

    

     Pero esa xa non é a historia de María da Fonte.


     Joana María Esteves, Joaquina Carneira, Josefa Caetana, María Angelina, María Custodia Milagreta, María da Fonte do Vido, María da Mota, María Luiza Balaio, María Vidas...velaí  encarnada en calquera delas á mítica capitana María da Fonte. Avisión invisible e inaprensible, espíritu inspirador, alento mítico. María da Fonte non foi unha mulher precisa. Foi unha moitedume avoltada de mulheres rurais, aldeanas, labregas, que lle puxeron a proa ao mundo e a Historia,  en defensa do seu sentir cultural e en rebeldía contra a malcriada modernidade de progreso, ofensiva coa tradición, que non respeta nin tan siquera o sagrado dereito ao repouso  en camposanto.


     María da Fonte. Nese nome de mulher acobillouse o moderno e persistente lendario minhoto da heroína feminina liberadora de vilas e cidades, verbo a Inés Negra de Melgaço,  a Deu-la-deu Martin de Monçao ou as bravas mulheres de Castro Laboreiro que un día fixeran ceacuar as tropas españolas.


    María da Fonte eran todas e non era ningunha.


    Mater Galaecia,  acorda  da Ausencia de Ti.



Miña ben querida e pouca xente, seguer a ser bos que guapas xa sodes. Apertiñas. A mandare.



PAZ E PALABRAS






As sete mulheres do Miño. O Zeca Afonso. Non se diga máis.




O Vitorino, o Luis Pastor e a música do Zeca.
 Irmandade na televisión da Galicia.

BiBa a Ramboia!!!Con esas dúas Bes galegas, orgulho do pobo e da fala minhota. Aí están os nosos.


A Ramboia Galega, a alma revertendo de unidade popular galaica. 

Chega a hora

As paisaxes son raianas case todas elas.
 Non se diferencian terras. 
Mater Gallaecia, a Nosa.

domingo, 9 de marzo de 2025

Excm. Sr. Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia:

Estimado Sr. Román Rodríguez González: 

    Escúseme o inusual vehículo de comunicación  que intento establecer con vostede. Son consciente das poucas posibilidades que tén este tan raro como pouco usado método de poder chegar a contactalo. Tanto por producirse ao traverso dun blogue minoritario residente nun espazo bital arredado ao noroeste do Noroeste de Galicia, canto pola seguridade de que as súas preocupacións, non lle permiten o lecer de vagamundear polos espazos da internet. 

    Aínda así, que podo perder con intentalo?

O tempo que tarde en redactar as sintaxis dos meus desexos. 

Estimado señor:


Eu, Rafael López Loureiro, mestre xubilado teño a honra de me dirixir a vostede ao traverso deste escrito para instar da súa consideración esta outra suxerencia:


Que a Consellería de Educación e Cultura que vostede dirixe e coordina teña por ben ordear que o Día do Naturalismo Galego, 9 de marzo, natalicio de fr. Martín Sarmiento, se integre dentro dos contidos curriculares educativos do ensino galego a todos os niveis.



Non descoñece vostede que dende o ano 2023 as asociacións naturalistas e ecoloxistas de Galicia (SGHN, Habitat, Adega, Verdegaia, Feg, Amigos da Terra) e as máis prestixiosas institucións culturais de Galicia (Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, Academia das Ciencias de Galicia e Centro Superior Investigacións Científicas) ao mesmo tempo que numerosas outras asociacións sociais e culturais, a canda personalidades académicas, artísticas e profesionais do noso país entenderon como oportuno e ben acaído adicar un día anual de recoñecemento ao escuro labor de estudo e protección da biodiversidade de Galicia que realizan os anónimos pero realmente existentes naturalistas do noso pais.



Tampouco iñora vostede que as institucións, asociacións e asinantes, en acto solemne celebrado o día 1 de marzo do 2023 na sede do Consello da Cultura Galega, presidido por dona Rosario Álvarez, acordaron  sinalar ao día 9 de marzo, día do natalicio do pai Sarmiento, galego grande,  coma Día do Naturalismo Galego. Así  ao recoñecer ao naturalismo de Galicia en data tan acaída queríase vindicar e exaltar a figura senlleira de fr. Martín Sarmiento, galego xenial,  devanceiro dos estudos naturalistas e adaíl primordio na petición de estudos regrados de Historia Natural,  si primarios tamén universitarios.



Sabe vostede mellor ca este destemido servidor, que o coñecemento da Historia Natural é parte alicerzal da Cultura dun país. Xa o dicía o noso padriño Martín Sarmiento: “Sin un más que mediano conocimiento de la historia natural y sin saber mas que la mayor parte de los nombres de sus mixtos, sus especies, diferencias, y algunas propiedades, ninguno me persuadirá que es erudito ni que sabe lengua alguna"



Sendo así non se entenderá como suxerencia inadecuada ou destemida que o coñecemento do traballo sabio dos naturalistas galegos, o labor primordial de Martín Sarmiento e a extraordinaria riqueza en biodiversidade de Galicia, poidan chegar ás aulas do país, resaltados co prestixio que confire unha data oficial recoñecida no curriculum escolar. Até parecería consecuencia da orde natural dos sucesos que se integrase dentro do proceso educativo.



De acollerse esta data senlleira entre as ensinanzas, estou seguro que a educación en Galicia camiñará un outro paso adiante, tranquilo e firme, na percura dos fins de modernidade, galeguidade, e recoñecemento da nosa biodiversidade. Obxectivos que con certeza tampouco son alleos aos intereses da Consellería de Educación.



É por tanto, polo que teño a confianza de que este petitorio ha de atopar un espazo garimoso  nas  súas reflexións e na súa sensibilidade e ao seu tempo, ha florear nunha senlleira data educativa que situada ás portas da primavera acompañará á lingua e á natureza  outras mil máis.



Escusándome polas molestias que lle poidera ter ocasionado  e agradecéndolle a súa liberal atención despídome de vostede, quedando este blogue e a miña persoa ao seu dispoñer.


Atentamente.


Rafael López Loureiro.


Miña ben querida e pouca xente, aí vos deixo esta instancia para que cada quen faga o que entenda oportuno. Se alguén tén a maneira de facerlla chegar ao señor Conselleiro e lle parece oportuna, saiba con anticipo que tén os meus agradecementos expresados.

Se outro alguén quere copiar e pegar e facela instancia persoal ou colectiva ten non só o meu permiso, maís aínda o recoñecemento admirativo e agradecido pola disposta resolución que unicamente esixiría trocar o meu nome polo pertinente.

Se algún alguén máis quixera republicala, espaleala e multiplicala dos xeitos e maneiras que entenda conveninentes, de  tal modo que co debido respeto se aumenten as posibilidades de acadar  audiencia co señor conselleiro, benvidas sexan todas e cada unha das iniciativas.

Miña ben querida e pouca xente que pasedes un bon Día do Naturalismo, vivindo en paz acaroados ao corazón da xente que vos quere; o que non é pouco.

Seguir a ser bos que guapas xa sodes.

A mandare.

PAZ E  PALABRAS





Mil primaveiras máis
 para a paz, a lingua e a natureza.