XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Plantas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Plantas. Amosar todas as publicacións

domingo, 24 de marzo de 2013

Omphalodes gallaecica, a embiguiña

Non me importará que me chamen chumbo. Insistirei en lembrar a "importancia excepcional" (en catalogación do Ministerio do Medio Ambiente) que prá conservación da biodiversidade ten a flora vascular das costás que van dende Cabo Prior ate Cabo Ortegal, Serra da Capelada incluída, ás que modernamente se deu en chamar Costa Artabra, que non abrangue totalmente, nen moito menos, o territorio histórico da treba dos ártabros.
Non me importará  me chamedes chumbo. Insistirei en lembrar algunhas das especies botánicas, que tanto por endémicas da nosa bisbarra ou raras e escasas noutrures, canto polo difícil equilibrio de sobrevivencia no que hoxendía resisten, forneceron o argumentario científico pra avaliar á Costa Artabra coa adxectivación de "excepcional": de entre toda a flora galega a primeira e de todo o ámbito peninsular español a quinta mellor puntuada.

Linaria aguillonensis, sulfatada sen piedade e sen cultura, por orde municipal nos muros do Castelo da Concepción, Crepis novoana, de presenza única a nivel mundial na Ría de Cedeira, os exemplares da que, existentes entre as pedras dos muros do Castelo, sufriron o mesmo tratamento biocida, Antirrhinum m. linkianum, fermosura sen par dos areeiros ártabros, Centaurea borjae, endemismo capelado de afortunada presencia mediática, Culcita macrocarpa, Vandenboschia speciosa, Hymenophillum wilsonnii e tunbrigense, e Woodwardia radicans, entre algún ca outra felga macaronésica máis, exemplifican, entre outros taxons, o valioso tesouro botánico do que Omphalodes littoralis sp. gallaecica, a especie que hoxe comentaremos non é a menos valiosa das súas alfaias.


Omphalodes gallaecica, permitídeme chamarlle embiguiña por derivare seu nome de ciencia do antigo grego, omphalos/embigo), é taxon  presente exclusivamente na provincia da Coruña. As súas mellores poboaciós atópanse nalgús areeiros ártabros do Concello de Ferrol, (Ponzos, Santa Comba, San Xurxo, Esmelle..) de onde desapareceron algunhas colonias; en certas zonas moi areentas da súa costá (Lobadiz);  nalgún ca outro punto da Costa da Morte  e Baldaio; en focos concretos de modarrós ben conservados da Península do Barbanza; e citáronse en Reinante (Lugo) e O Vao (Ogrove), e de que eu saiba, en ningures mais. Ben que se ten buscado por Corrubedo!


A embiguiña, é pranta da familia Boraginaceae, de discreta e humilde presenza e así, deitada entre nas areas dos marouzós, media tapada polas outras herbas, pasa desapercibida do mundo. Mesmo a lixeireza de cores da súa flor, branquiña con deslaimadas tonalidades azuis, non axuda a facer notar a súa presenza. Non reparan nela, por iso, os moitos visitantes habituais das praias: turistas, surfeiros, perrumanos, bicicleteiros...  pra todos parecera non existir. Ten un parente prósimo que en troques é  moi coñecido e abondoso, Omphalodes nítida, que aparece por todas as ribeiras dos ríos da bisbarra lucindo o seu puntual azul anil en cada primaveira. Velaí baixo a herba do sollo, esa curmá da embiguiña.

Omphalodes gallaecica, a embiguiña digo, é pranta anual, glauca, de follas espatuladas e lanceoladas, que anda a florear nesta hora entre marzo e abril,  pra rematar a finais de maio a súa vida vexetativa. As novas plántulas xerminarán  entre novembro e decembro, no seu hábitat preferencial: os marouzós grises, sendo capaz de colonizar rapidamente espazos alterados.

Irmá da embiguiña ártabra é a embiguiña francesa Omphalodes littoralis sp. littoralis, que se diferencia da nosa por ter un maior tamaño, ofrecer un porte máis poderoso e sobor de todo por ter a corola un intenso azul escuro e poder presumir dun maior tamaño. A discreción galega, ese matiz de distinción e elegancia.



Habitante dos marouzós fósiles e ben consolidados, pode atoparse tamén en zonas de cantil ribeirás aos que da en chegar unha boa cantidade de area. Polos modarrós andan en comunidade a canda a ela e entre outras Silene littorea, Viola kitabeiliana, Erodium cicutarium, Cerastium diffussum...e polos cantís areentos  poden andar perto dela Cloclearia dánica, Scilla merinoi, Thymus longicaulis ou, como se ve na foto de baixo Rumex bucephalophorus, a labaciña vermella da area.


Os seus talos adoitan andaren tumbados, estendéndose pola superficie do areeiro, sendo raro poder dar con algún que se manteña dereito. A flor aguanta moi poucos días, disque non máis de catro ou cinco, aparecendo de camiño o peculiar froito da embiguiña, unha clusa con azas dentadas.

Van ser estes dentes espiñentos das núculas os que permitan unha dispersión das sementes, e xa que logo a colonización de novas zonas de xerminación, gracias a se poder enganchar con eles aos pelos dos animais que pasasen ao seu pé: coellos ou raposos, por exemplo. Dise por iso que  teñen unha diseminación zoócora e tense comprobado de sere este o sistema de dispersión principal.
Falta lle fará dar con novos territorios de enraizamento. Considerada legalmente coa categoría de "en perigo de extinción" debido  a escasísima superficie total  na que aparece: non máis de 10 Ha pra a totalidade das poboacións galegas que é o mesmo que dicir que do mundo. Sumemos a este perigo que a embiguiña se desenvolve en traxectos turísticos frecuentadísimos e desprotexidos, en territorios nos que Tragsa-Costas adoitan facer obras de acondicionamento sen maior miramento e de vez en cando poideran sepultar algunha poboación: non é blogue-ficción, tal fixeron xa non hai tanto na Praia de Esmelle. 
Sabémolo todos e eles tamén.
Vai embora por acó rematando esta entrada. Ogallá fose do voso gosto e vos animase a dar un paseo coidadoso, respetuoso e atento, sei que non ha  ser doutra maneira, polos nosos "excepcionais" areeiros ártabros. 

Se xa sabedes por onde alumbran, pra manter un ano máis a amistade do recoñecemento, se ate o de agora non tivérades a fortuna de coñecela, pra ver de botar unha conversa de olladas,  que irá preñada con toda a emoción das primeiras veces. 

Agora empeza a florear, non  deixedes pasar a ocasión. Imaxino poucas cousas mellores pra pasar unha tarde de folgarío primaveral, que xogar o entretemento natural de ver de dar con esta pequerrecha, delicada e fermosa pinga de salseiro mariño callado en flor.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.




Achegos:
a) Documento en PDF do Ministerio "Áreas importantes para la flora amenazada española". Imprescindible.
b) "Las plantas endémicas y subendémicas de Galicia". Un estudio de F.J.Silva-Pando do ano 2008, publicado no BIGA Nº3. Entrar.


VIDEOSMINIMOSDONOROESTE  TV

Pildoriñas por Vilarrube.






¡¡¡ Quen non está indignado, está corrupto !!!
Por hixiene democrática: a corrupción á ducha da prisión. 
Por unha Constitución, federal, social, laica, republicana e dixital:
¡¡¡ CORTES  CONSTITUINTES !!!

xoves, 7 de febreiro de 2013

Do Nepal a Mera.

Unha das teimas medioambientais modernas máis graves, por estensa e irresoluble, e tan sobradamente coñecida coma desleixadamente iñorada, é o problema das numerosas especies alóctonas, quere dicirse de fóra de portas, que por un lado e outro do planeta andan a espalearse provocando un incontable número de situaciós conflitivas coas especies autóctonas, quere dicirse de intra portas, chegando en casos a provocar a desaparición destas e  creando danos importantes, quer ecolóxicos, quer económicos, quer sanitarios.


Non pretendo esmigallar nestes comentarios as razós da destemida tolemia invasionista que dun lado ao outro do planeta anda a producirse. As facilidades de comunicación internacional, unha economía da xardineiría cada día máis estendida, un abandono dos cultivos tradicionais e a irrupción de monocultivos intensivos, (aí están os eucalitos), a moda nefasta do coleccionismo e mascotismo exótico, as restauraciós de obras públicas, as medianas das autopistas... e tantas, tantas outras,  ensambladas todas elas por unha mala e escasísima, senón  nula, educación medioambiental provocaron que nas últimas décadas un rebumbio mesturador de especies diversas, de flora e fauna, por terra, mar e aire, invadisen e colonizasen espazos nunca antes imaxinados pola súa xenética primixenia.


Mimentas, tartarugas, cangrexos americanos, visóns, mapaches, peixes lúa, carpobrotus, loritas arxentinas, fungos de Oceanía,...e centos máis chegaron xa pra se quedar entre nós sen que se advirtan as posibilidades de poder parar esta destemida mesturanza.


Certo tamén que algunhas especies nosas, pénsese no toxo (lembrar) ou a Angelica pachicarpa (releer) andan a provocar situaciós económicas e ecolóxicas novedosas nas antípodas da nosa xeografía. Un mundo remexido e remesturado que se nos eidos culturais ofrece moitas posibilidades de diversidade (se non practicamos o papanatismo asolagador), no eido natural e medioambiental, anda a provocar  unha apreciable e tráxica diminución da biodiversidade a nivel local e mundial.



Calcúlanse en cerca de 1500 as especies alóctonas, chegadas de calquera parte do mundo e dos seus cinco continentes, que engrosan, ben falado, o exército invasor. Certo que non todas posúen o mesmo grao de perigosidade mediambiental, nen presentan as mesmas dificultades e custos de erradicación ou no mellor dos casos de minimización de danos. Non esixe a mesma valoración a presenza puntual do inocente parrulo mandarino ca a proliferación praguicida do cangrexo americano. Nen a exótica aparición ocasional da seta fedorenta presenta a mesma perigosidade ca a asoballante e afogante invasión de carpobrotus e mimentas.

Problemática que, lonxe de diminuir, ano a ano medra exponencialmente diante da aparición de novas especies invasivas que andan a naturalizarse con total tranquilidade ao abeiro dunha inexistente conciencia social deste complexo tema.


Quixera hoxe exemplificar o que ate o de acó vai referido co caso curioso dunha planta a que lle sigo os pasos dende hai catro anos.

Imos con ela.

Corría o decembro do ano 2009 e servidor andaba a recoñecer as freixas escumantes do Río Umia ao seu paso polo Concello de Caldas, na fouce de Segade. O serán era escuro, frío e húmido. O río, logo dunha estensa tempada de choivas e agaceiros, fervía a cachón, ruxía como un trono rouco, alongado, incesante e do seu seo saía unha neboeriña callada e mesta, que cal mera mesta mollaba as roupas e anagaba as terras. Unha fermosura natural  desafalazada, posuída da desacougante e atractiva beleza da violencia da Natureza desatada.

Non era polo ruído do cadoiro polo que ollábamos o río calados, era pola súa poderosa presenza de loucura espantosa.



Emocionados, enxordecidos, anagados e refriados fumos rubindo os camiños ate a estrada onde deixáramos apartado o coche. Un pouco antes de chegarmos, entre o pedregullo abandoado dalgunha obra pública, unha linda e pequeniña flor de agradables tons rosados,  floreando abondosamente nun mato rastreiro de follas avermelladas, chamou da nosa atención e obrigounos a deter a nosa andaina por mellor saber dela. 



Nun primeiro ollar éranos completamente descoñecida. Estábamos confusos. Parecía dende logo atoparse moi a gustiño nese hábitat degradado e pensamos nunha planta oportunista que tivera aproveitado con habelencia a ausenza doutras competidoras para prosperare con fartura e forza entre aquel deixado pedregullo de obra.

Dei en pensar, uns intres, que debería ser algunha planta propia do sur da Galicia que non tiña memorizado, pro parecéndome rara de máis (dende cando as plantas galegas florean en decembro?) matinei tamén se non sería algunha especie escapada dalgún xardín dalgún chalé,  ao mellor  de non moi lonxe.

Fíxenlle algunha ca outra foto e gardei nas memorias, na dixital e na neuronal, o seu  aspecto e detalles por se se dera o caso de ser quen, algún día, de ampliar coñecementos sobre esa planta de  tan folosiñas e lindas flores.



Unha moi querida amiga, con quen teño moitas débedas, regaloume nese mesmo Nadal a "Guía de Plantas de Galicia" de X.R. García, aumentando así os agradecementos debidos a súa xenerosidade  sen tasa. Ilusionado coma un cativo co galano dun xoguete estimado e desexado, fun ollando durante días e días, e coa lentitude do neno lambón que teme se lle acabe o chiculate, as follas do libro unha por unha: demorándome nas imaxes, estudando a estrutura do libro, lendo de vez en cando algunha ca outra descrición, deleitándome coa amplitude do catálogo, examinando ao libro con algunha especie coñecida... e tropezando na páxina 105, ilustración 220, dentro do xénero Polygonum da familia  Polygonaceae con Polygonum capitatum...a planta das ribeiras do Umia!! Albaricias!!



Un polygonum...curmán xa que logo do noso P. maritimum, tan abondoso en todos os areeiros do noroeste do Noroeste, do P. hydropiper que inza os camiños da fraga dos Casás en Cerdido ou do P. amphibium que fermoseaba a rexenerada lagoa de San Martiño de Mororuzos ate que desapareceu afogado polo potamogeton que  recubríu a face das augas...e parente asimesmo de toda canta labaza hai e haberá.

Transcribo de X. R. García: "Florece en marzo-setembro (vaia, ninguén é perfecto), en bases de muros (ás veces recubrindo todo o muro) e lugares secos. Procede do Nepal e emprégase en xardíns. Hai tempo que apareceu naturalizada no norte de Portugal e desde alí estase a espallar lentamente polo sur de Galicia"

Xosé Ramón García, debeu de escribir este texto no 2007, xa que a edición que eu manexaba era de novembro do 2008. Consecuentemente en decembro do 2009 cando a fotografei nas beiras do Umia, P. capitatum andaba xa rondando Caldas: bastante máis ao centro de Galicia có Sur. Víñase vindo ao norde.

Prometinme que o día que tropezase con ela polo noroeste do Noroeste daríalle entrada no bló, pra deixar constancia documentada de que acadara as latitudes máis nortadas da Galicia,  pra así acabar lindando, mar por medio, con Inglaterra.

 Nesas andamos.


Volvendo estoutro día de Cariño de fotografar a pildoriña moura, Calidris maritima, xa chegando a Mera, pareceume distinguir, ollando de esguello pola ventaiña do coche e entre a vexetación do ribazo, as cores e as maneiras, puntillosas e abondosas, da P. capitatum, a migradora nepalí que coñecera en Caldas e que algún día pensaba que podería aparecer pola bisbarra.



Por seascaso, chegueime a Mera, dei volta e aparcando nun librado da casa de enfrente poiden ir certificar a presenza de Polygonum capitatum naquela rebordela da estrada. Alí estaba, feliz entre carpobrotus, hedras, mentas e algún ca outro pé de Geranium robertianum  e asoballando aos careixós, Fragaria vesca, que parecen querer alumbrar.





Era o 20 de xaneiro do 2013 e pola firmeza e abundancia aseguraría que cando menos un par de anos levaba asentada nese mesmo ribazo. Ou se disemina nun alustre ou trouxérona pra adubiar o desmonte que pretendían consolidar co carpobrotus. Dúas invasoras e inzadoras no mesmo lote.





Nese mesmo ribazón, un pouco apartado do grupo principal, outros dous matos máis pequenos en extensión de  P. capitatum floreaban poderosos, callados, mestos e afogadores de calquer outra presenza botánica e ameazaban con aplastar a todas as herbas veciñas, declarando así a súa condición de especie asoballadora.


Velaí nas beiras do Río Mera, no arredado noroeste do Noroeste, a presenza delicada e silandeira dunha nova ameaza botánica que sen facer ruído e parecendo non molestar chegou ate nós dende as lonxanas e exóticas terras dos Himalaias do Nepal, esa Asia marabillosa, imaxinada na literatura das viaxes nunca realizadas, da que ela si soubo sair pra chegar ate acó.


Lamentablemente arestora a magnitude e extensión do invasionismo alóctono acada unhas proporciós tales  que o realismo impide considerar a posibilidade de desfacer o entorto. Debe de saberse que xa non nos queda máis opción que minimizar danos, procurar non multiplicar os efectos perversos de tanta diseminación xenética e na medida do posible frear a chegada de novas especies.



Non só por achegarse o problema a un tamaño e complexidade imposible de manexar sen un compromiso de inversión económico simplemente fabuloso, senón por non existir unha comprensión social de estarmos ante un grave problema medioambiental. 

Ao contrario, a presenza de moitas especies inzadoras e invasoras é considerada pola  iñorancia coma unha fartura de linda beleza: velaí os cartaces turísticos publicitarios da Mariña Luguesa nos que poñen a asoballadora e afogadora carpobrotus nun primeiro plano simbólico representativo das belezas naturais da Mariña. 



Desvarío que só se comprende sabendo que caste política nos desgoberna e imaxinando que ante a desfeita urbanística case total da primeira liña da costá,  o rechamante colorido invasor da flor do carpobrotus parece un reclamo máis conveniente que os cementerios de cemento de Barreiros.



Descontada de todo punto a posibilidade de retornar a un punto cero de enxebreza (se tal existise) e diante da expansiva aparición anual de novas especies invasivas, necesitamos unha conciencia social que impulse políticas medioambientais e lexislativas capaces de reducir danos e frear este desvarío louco de mesturanza destemida que inunda o mundo e pon en grave risco de sobrevivencia a numerosas especies e, particularmente, a valiosa  e fráxil riqueza botánica da Costa Ártabra, a única considerada "de importancia excepcional para la conservación de la biodiversidade" de entre todas as bisbarras galegas analisadas polo Ministerio do Medio Ambiente.

Que non se nos esqueza.

En obriga con todos vós, miñas e meus.

A mandare.




Achegos:

a) "Plantas Invasoras de Galicia. Bioloxía, distribución e métodos de control." Por Jaime Fagúndez e Manuel Barrada e editado pola Xunta de Galicia no 2007. Un  PDF de 200 pax. que convén ler e gardar no que se fichan algunhas (poucas) plantas invasoras na Galicia. Achegar.

b) "Atlas de las Plantas Alóctonas e Invasoras en España" Estudo amplo e moi documentado editado polo Ministerio do Medio Ambiente. Estudos, catálogos, atlas, fichas...Do mellor que eu coñezo. Imprescindible pra facerse unha idea cabal.  Entrar.


VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

Falcón vixiando o petoural da Herbeira

¡¡¡ O que non está indignado está corrupto!!!

Arestora 1.112.130 persoas levan asinada a campaña de petición de dimisión da cúpula do PP, iniciada polo cidadán Pablo Gallego García, que buscaba un millón de firmes.

Acadado nunha semán o seu obxectivo, a Marea da Dignidade segue a encher o mar.

Por se queres asinar e aínda nos sabes onde facelo,  faino acó.


Por hixiene democrática: a corrupción á ducha da prisión.

sábado, 12 de xaneiro de 2013

Barlia robertiana, a raíña do modarrón.



Gosto de ir por  Aguiño e Corrubedo. Do seu evocador recendo, tan prósimo pra un cedeirés, a percebe e xebra mariña. Das súas dornas encarnadas durmindo ao sol. Das súas costás baixas e amplas, escumantes e roncadoiras. Do paseo polo Carreiro. Da esculca polos seus modarrós. De perderme entre reais mundos fantásticos pola Punta de Couso, ese espazo de formaciós graíñas extraordinarias que nunca debeu esbandallarse co asentamento de tanto horror fabril: e aínda falla a depuradora de Ribeira, que aí vén.



Fronte  a Praia do Vilar deixo írense ás horas sentado nas pedras  ollando Corrubedo; escoitando o rumor da marea e o rosmar da xunqueira; respirando salseiros azuis de mar e de ceo; índose o meu  maxín lonxe coas gueivotas que mo levan mar adiante, alén da miseria dos días roubados. Alí sen agardar a nada nen a ninguén, eu acougo, mentres ti resolves misterios calizos nas curvaduras das cunchas. Nada espero: sei que acó todo chega. 

As espantosas marabillas que amilagran, tamén.







No mes de xaneiro de 2010, Xermán García Romai e Antonio Parada, dous amigos fotógrafos e naturalistas, regresan dunha xornada coma tantas outras adicada a retratar as aves da marea polo Parque Natural de Corrubedo. Pouco antes de chegar ao coche, unha penca de cor entre as herbas desverdecidas do modarrón chama a súa atención. 

Así o relata o propio Xermán no seu bló Natureza dixital: "Foi como unha fugaz e lene visión dunha espiga de flores rosadas, asociada no ollar inconsciente do naturalista, ó común satirión corpudo (Dactylorhiza elata), pero na que tamén, o propio inconsciente detectou un erro e fíxose unha pregunta: “un satirión corpudo florido en xaneiro?”






 Achéganse a onde estaba o alumbre floral e ven o talo en flor dunha orquídea de gran tamaño. Que orquídea é esta?, inquírese Xermán gromando xa nel a sospeita de estare diante dunha especie extraodinaria: esa mouta basal de follas anchas e amplas, ese outo e groso talo floral, esa floración densa... unha Barlia robertiana ?
 Só será no repouso do fogar, coa pantalla do ordenador a todo encher e as consultas pertinentes de Flora Ibérica cando Xermán confirmará estar diante dunha Barlia robertiana, a  grande orquídea da invernía. Imaxino a súa emoción.




 Comunica á sociedade científica galega o seu descubrimento e Elvira Sahuquillo (Guía das orquídeas de Corrubedo, Guía das orquídeas de Galicia) e Íñigo Pulgar (coautor das Guías de Plantas do Parque Natural de Corrubedo) confirman o seu achádego, asegurando sere a primeira cita validada da Barlia robertiana pra Galicia. Primeira e ate o momento única. Seica o Padre Merino a citara xa no vilar de Noceda (O Caurel) co nome de Orchis longebracteata, pro ao se perder o correspondente prego botánico a cita do eminente P. Merino hoxendía non se pode confirmar.


 Xermán e Antonio, convenientemente asesorados, han publicar o seu extraordinairo achádego no volume 19 da Nova Acta Científica Compostelana do ano 2011. O seu descubrimento adquirirá así o valor de permanencia indiscutible e confirmará o grande labor de rebusca de biodiversidade que unha recén forneada xeración de seriosos afeccionados ao naturalismo anda a desenvolver polos cimbros, fragas, areeiros e campeiras do pais, aligada ás autoridades científicas académicas e ás celeridades comunicativas da internete, conformando unha nova paisaxe de intercambio de información e  coñecementos do Medio Natural Galego que abren á espranza cancelas antes choídas.



 Hai que salientar que non só é a primeira cita da orquídea xeganta na Galicia, senón que pra máis, non hai colonia: é un exemplar único. Unha gloria dos moderrós do Barbanza. Os máis prósimos no mesmo hábitat areoso, cítanse en Asturias na Praia de Xago e na Beira Litoral en Portugal. Outras citas dos arredores danse nas outitudes de Trás-os-Montes e nas Asturias, case que sempre en terreos de calías, razón esta que explicaría as posibilidades dos areeiros galegos, co seu aporte de cunchas, pra criaren outros exemplares de Barlia robertiana: esta aparición do especimen de Aguiño, xustifica as espranzas de poder dar con outros  en calquera das grandes areas galegas. Ollo as flores de xaneiro nos marouzós.



 Xermán G. Romai editará con data de 2 de decembro de 2011 no seu recomendable bló Natureza Dixital (o achego vai abaixo) o relato do descubremento e posterior confirmación da existencia na Galicia da primeira cita de Barlia robertiana.
 Servidor, lector habitual do bló de Xermán leu con ledicia, e o seu aquel de envexa, o coñecedor relato e aproveitou tres oportunidades continuadas que tivo entre os meses de xaneiro e febreiro do ano 2012 de achegarse por Corrubedo pra intentar apreciar a rara beleza da grande orquídea de xaneiro. Pesia a ter bastante ben delimitado a zona por onde podería alumbrar non fomos quen de dar con ela. Imposible: Barlia robertiana, ao mellor polo extraordinario gasto que lle supón tan poderosa floración, en tarreos tan coreños, adoita asomarse con regularidade bianual.  E non tocaba no  inverno do 2012.


Tocaba no xaneiro do 2013. A xenerosidade de Xermán e Antonio e as precisas confabulaciós telúricas que urden a casualidade dos encontros nas bisagras do ano, concedéronnos o pracer de regalar o ollo coa maxencia contida do primeiro florear do varal da Barlia robertiana, a única, grande e ceive, raiña das saraibas de xaneiro. 



Acubillada ao abeiro das longas e mestas herbas do areeiro pouco  chamaba pola nosa ollada: non era máis ca un gromo poderoso e verdecido, case que sen cor algunha, non sendo unha ilusión malvarrosa por algures. Así e todo xa eisalaba poderío.



Sete días despois volveríamos a mirala. Protexida pola calma anticiclónica, levantaba xa o varal con confianza, e deixaba encender a cor dalgunhas flores, prometéndonos unha outa e fermosa piñoca floreada  sobranceando a súa prestanza por riba das verdegrises campeiras do areeiro na invernía. Raíña nun reino de friaxes.







Unha ledicia das horas. Cambiáramos unha estanza na luz certa das sequeiras zamoranas polas molladuras probables dunha costá galega en alerta laranxa, só crendo na posibilidade do milagre de tropezarmos coa  festividade floral dunha poderosa orquídea  invernal aledando a paisaxe de areas, graíños e ouricelas, co aturuxo lanzal do seu ergueito varal de flores. Tíñamoslle fe os milagres do Barbanza. Espranza polo coñecemento do Parque Natural de Corrubedo. Xermán e Antonio dispuxeron a xenerosidade caritativa. E a Barlia robertiana, señora das areas xeadas, a súa presenza espantosa.

 Non botamos de menos as sequeiras zamoranas.



Fica no intre esta entrada. Aos habituais agradecementos inescusables pra con vós, miñas e meus, que gosto de expresar a cotío, permitídeme que deixe acó confesado un obrigamento especial pra Xermán e Antonio, cos que quedo en débeda permanente e aos que nunca poderei agasallar suficientemente por tan cumprida xenerosidade coma tiveron connosco ao nos endereitar ao mesmo pé da Barlia robertiana, e permitirnos encher a artesa das lembranzas, por fin, con recordos imborrables desa misteriosa orquídea invernal do modarrón,  raíña entre areas e  saraibas, que mellora o mundo que coñecíamos.

Apertiñas, totus meus.

A mandare.

Fe de verbas: Teño as miñas dúbidas sobre a correcta escrita de modarrón. Verdade é que na páxina do facebook "Leyendas de Aguiño" do amigo Antonio Parada, escríbese modarrón pro a min paréceme ter sentido por Aguiño chamarlles "moderrós" aos areeiros consolidados con cabedelos outos e recubertos de herbas ou brións e que practicamente non evolucionan. Teño as miñas dúbidas, xa digo. Paréceme posible que esa (e) se pechase de máis e dese lugar a modarrón. Velaí porqué neste mesmo artigo escribise moderrón e modarrón, concepto que por certo é mi prósimo aos morouzos orteganos e aos marouzós cedeireses, verba que tamén se emprega no artigo coma sinónimo da totalidade do areeiro e que en Cedeira utilizamos xeralmente en plural: os marouzós. Imos ver se alguén de Aguiño, Corrubedo, Olveira, Carreira, Vilar, da Graña, ou doutrures, me libera de dúbidas. Anticipo agradecementos.

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

A Grande Dama da Area



Achegos:
a) A paxina de Xermán García Romai, Natureza Dixital, onde relata o achédego da Barlia robertiana. Entrar.
b) Fotofestival, todas as imaxes de Google. Premer.
c) Asturnatura, de primeira mao sobre as barlias asturiáns, esas veciñas. Acó.
d) Wikipedia, un inevitable.Entrar.
e) Flora Ibérica, un clásico coas fermosas ilustraciós clásicas.Ler.