XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Alfaias Ártabras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alfaias Ártabras. Amosar todas as publicacións

domingo, 15 de abril de 2012

Huperzia selago, ao fin.



O feito comprobado de que este blo non se renove coa lixeireza que os seus ceareiros merecen non debería levar a  pensar que un servidor o teña deitado no esquezo. Ao contrario, non hai día que non me doa non  poder anovalo con maior e mellor frecuencia. Pro o caso é que  os trafegos dos días son moitos, as obrigas das horas máis e os necesarios intres de folganza e acougo, inescusables.

Arriscando a que esta excusatio non petita, acusatio manifesta, direi que son moitas as teimas que se me van acumulando na carpeta de borradores e apuntes: mobellas, peneireiros, gaveiras e cons, flores do marzo marzal, memorias do Caurel, da Enciña da Lastra, dos Montes do  Invernadoiro e tantas, tantas  máis,  andan empurrándose as unhas ás outras, apretuxándose entre si, querendo cada unha saír á luz antes ca as outras e facendo cada unha o que pode pra gañar a miña motivación e darme a forza necesaria pra investir a tarde de calquera sábado escurecido na redacción dunha nova entrada que de continuidade a este o voso bló.

Porque deixar de andar polo monte non deixo. As Alcaias da Ribeira Chá, esa ironía marabillosa de vertixe e historia, a Devesa da Rogueira do Courel, e a súa secuencia de andares botánicos, ou os Abismos do Chao do Limo poiden repasalos amodo nos últimos tempos e en todos fixen abondosa recollida de aprendizaxes.


Precisamente no Chao do Limo, ao pé da garita, nunhas penas de serpentiniña, entre as regañas coreñas das súas anfractosidades, deu en presentarse diante dos meus ollos o bálsamo curativo dun laio vello: catro pés de Huperzia selago, (un humilde e raro taxon da pteridoflora de outa montaña, felgos ou así pra nos entender), encenderon días atrás na miña ollada, inesperadamente, a ledicia venturosa que florea na ialma ao se relevare á luz diáfana do real, cos súas cores, seu tacto, seu recendo, o que ata  daquela non era máis ca un escuro e pantasmal coñecemento libresco tantas veces degoirado.
 Unha   doce embriaguez cenestésica asolagoume o entendemento e estampou nos meus beizos un  amodo sorriso  de fresca ledicia de primaveira  que iría comigo todo o día; e que de cando en vez volve a visitarme. A Huperzia selago, por fin, me falou.


Huperzia selago, é unha das dúas únicas representantes das Lycopoidae que se atopan presentes na Galizia. Planta típica da outa montaña, ten presenza continuada todo ao longo da rexión cantábrica e pirenaica, ben que con localidades moi espaleadas e de poucos  individuos. A colonia do regato Buitrera na provincia de Segovia, a 1400m de outitude, considérase unha extraordinaria rareza do Sistema Central e representa o límite sur da especie dentro da Península Ibérica.


Na Galizia aparece de preferencia na Serra dos Ancares e na Serra da Capelada, e en ambos os dous territorios con individuos escasos. Ofrecéronse asimesmo dúas citas en lugares diferentes: unha no Monte Galdo en Viveiro polo Padre Merino, e outra no Monte Caxado, no Concello de As Pontes, polo malogrado Xabier Soñora a quen sempre deberemos agradecer as moitas citas, descriciós e descubrementos que da botánica do noroeste do Noroeste fixo na súa desgrazadamente curta vida, ben que moi prolífica.


Pode que non sexa ocioso lembrar que tamén Huperzia selago, ten na Serra da Capelada as poboaciós a máis baixa cota de toda a súa área de distribución. Concretamente estes exemplares que iluminan e refrescan estas prosas apareceron algo abaixo da cima do Limo, aproximadamente a 550 m. Velaquí outra especie de outa montaña que ten na nosa serra o seu fogar máis mariñeiro.

 
Taxon que ten unha ampla distribución mundial, aínda que sempre rareado, que inclúe zonas temperadas e frías do Hemisferio Norte e da Macaronesia, e tamén Australia, Tasmania e Nova Zelanda, está considerado case en todas partes planta rara, que entra frecuentemente na categoría de en perigo ou vulnerable dada a escasez de especímenes e a distancia das  colonias entre si.


A abundancia en alcaloides da huperzia convirteia nunha especie fortemente tóxica, que nos provocaría mareos, esvaíos, gómitos, esfurriña e fala farfulleira, se tivésemos a ocorrencia de andar pacendo nela. Como nen ela é moi abondosa, nen a amitación alimenticia das cabuxas é moi frecuente, vai ser raro vermos un intoxicado por huperzia. Agardo.


E sendo como é verdade que todo veleno, na dose adecuada, é remedio, non extrañará que  na antiga menciña tradicional china se utilizase unha planta da mesma familia, Huperzia serrata, entre o vademecum diario de apoio ás maladías do sistema nervoso o que  moveu na última década a ciencia positiva occidental a buscar e investigar nos seus principios activos.


Nos últimos anos son numerosos os artigos científicos (e abaixo dende os  achegos habituais pódese acceder a algúns deles), que se publicaron para dar conta das investigaciós arredor da Huperzina A, substancia sintetizada nas huperzias, que despertou, con repeniques de gran negocio, o interese da industria farmacolóxica occidental por sere un inhibidor potente, selectivo e de moi baixa toxicidade, da acetilcolinesterasa  o que a convirte nunha candidata prometedora pra ser un remedio eficaz da terrible enfermidade de Alzheimer e tamén  un protector frente ao gas nervoso, ese horror químico que  tanto teñen utilizado,  calada, ilegal e inmoralmente, determinados exércitos. Aí é nada.


Establecido o seu interés como substancia farmacolóxica, as liñas de investigación actuais xiran arredor da posibilidade da súa produción en grande escala. Sendo en estado natural  as huperzias  plantas escasas como xa se dixo, e sintetizando moi poucos miligramos de Huperzina A cada unha delas, e sabedores todos da elevadísima incidencia entre as lonxevas poblaciós modernas do mal de Alzheimer comprenderase que os esforzos investigadores da Industria e Universidade de numerosos países, (non sei se a galega tamén), vaia na dirección de conseguir unha producion industrial suficiente e rendible.


Investigaciós sobre as posibilidades de reprodución in-vitro; indución artificial de estímulo dunha maior produción de Huperzina A en exemplares de Phlegmariurus squarrosus, outra huperzial, ou elaboración de estratexias pra conquerir unha maior produción natural, son algunhas das prometedoras e esperanzadoras liñas de traballo que anda a seguir arestora a comunidade científica internacional. Unha espranza.

A mesma coa que hoxe quero rematar no punto esta entrada: a de sabermos que un tesouro botánico, xa que logo farmacolóxico, se agacha na nosa serra.

E unha reflexión: o coidado, a proteción, a permanencia do noso cabdal botánico, da nosa natureza en estado enxebre, non só é unha obriga moral e cultural, senón unha obriga pra coas cencias da saúde.

Que na hora aínda haxa autoridades que se dediquen a fumigar con herbicidas o patrimonio natural común (¡esas paredes do Castelo da Concepción onde se criaba Linaria aguillonenssis e Crepis novoana!) non só é unha demostración de incultura e falta de educación medioambiental, senón unha lamentable lección de pouco respeto á saúde pública e de cega iñorancia  politiqueril. Xa estamos afeitos. Ou ao mellor xa estamos fartos.

Moito obrigado quedo por andardes aínda  aí.

A mandare.



E han de quedar estes achegos:
1) A cita clásica e primeira de Soñora e Ortiz, Notas Pteridológicas de Galicia II en   Acta. Bot. Malacitana, 1988. Premer.
2) Unha cita do lembrado  Xabier Soñora en Notas pteridológicas de Galicia IV, dando conta dunha comunidade de Huperzia selago no Monte Caxado. Premer.
3) Un artigo do especialista en pteridoflora Javier Amigo, do ano 2005, "Los helechos en el noroeste ibérico y su interés para la conservación". Sabencia pura.
4) Ficha de Euzkadi.NET sobor da presencia e distribución deste taxon no País Vasco.De interese.
5) A cita de 1984 de Rico Hernández e Romero Martin en Anales Jardín Botánico Madrid da localización dunha colonia na outa cabeceira do regato Buitrera,  Cerezo de Arriba, Segovia, unha das máis meridionais de Europa. Premer.
6) Unhas fotos de huperzia en BIGA. Para ver, premer.
7) Achego a páxina de farmacoloxía  Science Direct, (está en inglés, traduce Google), onde poderedes ter acceso, previo pago de 27 dolares por cada PDF, a unha ampla biblioteca de artigos sobre a bioquímica das huperzias e os licopodios, e as súas posibilidades médicas. Eu, e a miña economía, conformámonos cos resumos e un pescudeo petisqueiro de acó por aló. Interesante.
8) Outro da mesma páxina sobre a situación actual de declive da especie  pola recoleción abusiva de huperziales na China e as propostas de solución. Acó

Nota marxinal: De entre a numerosísima camada semántica que a inventiva galega, senón o humor, soubo crear pra denominar o irse por si mor das evacuaciós de ventre líquidas e frecuentes, a saber: cagarría, cagarriola, foira, esfoira, zurricha, correntía, correnza, reira, cámara, esbarrufa, esborreca, furrica, furricaina, furruqueira, cisca, cisqueira,  andar de vareta, cirluada, calieira e sicha, un servidor elixiu a que aportou en 1885 Luis Aguirre del Río: esfurriña. Paréceme ter escollido a máis lixeira e graciosa... e a menos olorosa. Está utilizada ao falar dos efectos do  veneno da huperzia.

domingo, 20 de febreiro de 2011

Campanula rotundifolia, outro arruallo noso.

 Unha das alfaias botánicas das que o noroeste do Noroeste pode arruallarse coa cabeza ben outa, unha desas xoias raras e escasas de fermosura definitiva é  a linda flor azulina que vai decorando estas líneas: a Campanula rotundifolia, rotundifolia, a campaíña dos penedos.
 A Serra da Capelada, en moi contados puntos e cada día máis espaleados, é a única zona da Galizia (Xosé Ramón García, Guía das plantas de Galicia, Vigo 2008), na que alumbra esta lindura silvestre que cada vez que se ten a fortuna de mirar, enche para sempre o líquido fondo do ollo cun mar de relembranzas que non han de poder ser esquecidas.
Tal, polo menos, lle pasou a un servidor que tropezou con ela, como con tantas outras, camiñando á ventura dos intres nunha serán do vrao polos esgrevios montes capelados, sen buscar nunca nada, pro encontrando sempre moito: xenerosidades que a terra arrotreba  dá a quen por ela amodo vai.
Todos os anos, dende aquel serán de xullo, agardo ter a fortuna de poder botarlle un ollo e regalarlle aos meus arquivos fotográficos (esa paixón por rexistrar un mundo que sei que se nos vai a pancadas dunha estupidez que cada día se certifica máis crudamente) algunha outra mostra da existencia, da pervivencia, de tan valiosa alfaia ártabra, requintada xoia do tesouro botánico galego, que, entre escuras nebras de maltrato, esquezo e iñorancia, se garda unicamente na arca da Capelada.
Pro só doutra volta puiden dar con ela. Tristemente estes novos e poucos pés, arrexuntados e prendidos ao pé dunha desas abundantísimas pistas inútiles (non sendo para o beneficio de quen as abre) desapareceu ao ano siguiente, non sabería dicir eu se por cousa do repentino namoramento dun humano  que  de cotío demostran o seu amor cortandoias;  se por cousa dos coñecedores especialistas que saben moi ben donde han de ir  buscar as especies que andan a  faltar nas súas colecciós ou nos seus herbarios; ou por cousa de que a todos nos chega a hora biolóxica. Certificando con estas imaxes a súa sana  vizosía, o sentidiño, esa outra rareza, permite descartar esta última opción.
A campaíña dos penedos é planta perenne (Xosé Ramón García, dixit), con rizomas horizontais dos que nacen os talos floríferos. Posúe follas basais acorazonadas, pecioladas e pequenas, e follas caulinas alternas e lanceoladas. Gusta de florear na forza do vrao, sendo xa que logo as datas centrais do estío as mellores para poder botarlles unha ollada.
Non sei se será  información pertinente lembrar que a sinatura dos describidores desta especie leva o nome dos moi coñecidos botánicos GUITIÁN & al. 1985; SOÑORA & al. 1995; CASTROV.(Coord.) 2001, o que se quere deixar rexistrado nesta páxina coma homenaxe de sentido e agradecido recoñecemento a todos eles, e a tantos outros científicos galegos, por abrirnos as portas ao coñecemento  da nosa propia casa, o noroeste do Noroeste.
Desfrutade respetuosamente coa contemplación,  na flor da terra,   deste valioso taxon botánico. Encher o peito coa satisfacción de saber que son unha exclusividade, no que a Galizia se refire, das terras de serpertiniña da Capelada. Pensar que poden quedar con nós para sempre se sabemos coidar o monte e non deixamos esbandallalo. Imaxinar que ao lado de tantas outras fermosas alfaias ártabras son a seguranza económica do turismo do futuro, se non o son xa do presente. Recoñecer o estado crítico, de arrolo sen freos rumbo ao escidio, no que viaxa a Serra da Capelada. Asumamos que temos a obriga de gardar,  traspasar  e mellorar o legado que a nós nos deixaron. Teñamos sentidiño, esa especie mental tan rara de atopar.
Restan polo de agora moitos outros, requintados e escasos, especímenes capelados, xa botánicos, xa faunísticos, por darse a coñecer neste o voso bló. Algúns, como era o caso desta campaíña, turran dende hai tempo por lles dare acollida, outros andan aínda no monte sen ter rexistro adecuado deles, Huperzia selago, por exemplo. Os días son poucos e os trafegos moitos. Así é que se vai facendo camiño ao teclear, e aos poucos, con máis pausas que présas, imos estendendo o que imos aprendendo, coa certeza italiana de que qui va piano, va lontano.
Moi agradecido miñas e meus, a todos vós, aos que me ledes, aos que me mirades, e, moi especialmente, aos que me comentades.
Quedade con Natura, xente.
A mandare.


Imos ver se dei amañado os problemas de enlace cos achegos:

Unhas excelentes fotos da campaiña dos penedos, a canda a outras xoias botánicas galegas,  aparecen nesta  "Contribución a la iconografía de la flora vascular de Galicia" de J.L.Camaño, publicado en Boletín BIGA 2007, e accederedes a elas premendo  Acó .

Unha fermosa lámina clásica na páxina da Wikiespecies poderedes  vela, premendo Acolá.

E aínda un bon  lote de excelentes fotografías neste achego da güeb dos BIGA (Biodiversidad en Galicia) apareceran diante dos vosos ollos con so premer eiquí.



VideosMínimosdoNoroeste
Maretada no Porto de Cedeira


domingo, 23 de xaneiro de 2011

A reliquia de San Andrés

Agachada das perigosas olladas humanas, sobrevivindo entre as regañas das pedras do chao e dos muros, resiste milagrosamente en San Andrés de Teixido unha, cada día máis escasa, colonia de Erodium maritimun, unha agulliña, unha xeraniácea, unha humildísima herba pequerrechiña que quixo Deus criala ao pé da hermida do santo.
A agulliña mareira, este Erodium maritimun pois, é unha planta escasísima e cunha historia triste de maltrato e desidia ao seu redor. Ata hai poucos anos coñecíanse en España, só tres colonias: unha en Sá Dragonera, nas Illas Baleares, outra ao redor do Faro das Illas Cíes, e estoutra de San Andrés de Teixido, da que hoxe falamos.

Sabíase da existencia histórica dalgunhas outras pola banda da Guarda, nas beiras do Miño, ena plaia de Cesantes, en Redondela, pero constatárase a súa desaparición e extinción. Perda valiosa e irreparable, coma toda vida perdida. Máis a valorar, se coubera, polo feito de sere a agulliña mareira escasa asimesmo a nivel europeo, aparecendo as colonias veciñas máis prósimas, e sempre de poucos individuos, na Bretaña francesa e na Irlanda. Especie rarificante, de poboaciós ailladas entre sí e de non moitos exemplares, exténdese por contadas localidades mediterráneas e outras poucas atlánticas.
No ano 2005 a colonia existente nas Illas Cíes, todo un Parque Nacional, co seu sistema de xestión, tan caro coma ao parecer pouco eficaz, veuse afectada gravisimamente polas obras de acondicionamento do enlousado dos arredores do faro á conta da Autoridade Portuaria de Vigo de quen depende, e alí quedou sepultada para sempre e considerouse definitivamente perdida. Quedaba só a resistente poboación de agulliñas do mar de San Andrés de Teixido: unha reliquia. A verdadeira reliquia de San Andrés.
Non extrañará a ninguén, con estes antecedentes explicados, que a agulliña mareira teña todas as consideracións protectoras legais en regla ao ser considerada Especie en Perigo Crítico de Extinción. Tanto na lexislación europea, coma na española ou na galega. En todas.

Afortunadamente para a especie, no ano 2007, ao se gañar para o dominio público á propiedade da Illa de Sálvora e facer nela a catalogación de especies presentes, apareceu unha numerosísima colonia de miles de exemplares, se os meus datos son concordantes co real. Toda unha grata sorpresa. E igoalmente, en rebuscas posteriores á desaparición da colonia das Cíes, Jaime B. Blanco-Dios, dá a coñecer a presenza de 16 exemplares nos cantís do propio faro. Algo é algo.


Tan agradables novas non deberían facernos pensar que as agulliñas de Teixido son agora menos dinas de protección e seguranza. Ao contrario. Nos últimos anos a agulliña mareira tivo un descenso notable no número de exemplares. Habitando no limbo do descoñecemento e da iñorancia pública, (sen merecer xamais un comentario nas abondosas publicaciós "máxicas", turísticas ou históricas sobre Teixido que na bisbarra se teñen publicado), anda arestora esmorrendo aos poucos, perdendo ano a ano algúns exemplares.

As obras de acondiconamento urbano acometidas en Teixido no ano 2005, cambeando todo o empedrado tradicional (nas regañas do que sobrevivían un bo número de exemplares), por outro de pedra foránea asentada en cemento, e realizadas sen un estudo previo das poboaciós de agulliña, supuxeron unha perda elevada de efectivos.

Igoalmente neste pasado ano de 2010 realizáronse obras de acondicionamento arredor da hermida co fin de evitar as humidades que entraban pola parte de atrás da capela e poñían en perigo a conservación, (de por si e polas intervenciós eclesiásticas xa moi deteriorada), das pinturas do século XVI que se atopan ocultas ao público detrás do retábulo.



Deixadas estas pequenas agulliñas da mao de Deus nas maos dos humanos, entre eles a do señor cura que anda posuido da teimosía anual de remendar a obra do Creador a base de fumigar con herbicidas os muros de arredor da eirexa (costume tan pouco caritativa coa biodiversidade, como coa saúde pública), arestora veñen perder efectivos ano tras ano sen que autoridades e veciños saiban, ou queiran, conservar e protexer tan valioso legado natural.

No Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, auténtica biblia do estado da cuestión, e publicado polo Ministerio do Medio Ambiente, relaciónanse xa estes problemas que vimos de citar como as máis graves ameazas para a supervivencia da especie no entorno de San Andrés de Teixido. Textualmente dise o seguinte: "La población de San Andrés de Teixido -refírese a poboación de agulliñas- está en el seno de la localidad y su entorno, la elevada afluencia de visitantes, así como las labores de acondicionamiento de caminos y muros (desbroces y aplicación de herbicidas) afectan a la especie". Non o digo eu, dío o Ministerio.

O lamentable caso da actuación nas Illas Cíes, coa conseguinte eliminación en días ou horas da única colonia alí coñecida, debería servirnos de exemplo e lección na que aprender con que extrema facilidade se elimina un tesouro biolóxico, vital xa que logo, e debería de advertirnos do exquisito coidado que deberemos poñer todos, pero as autoridades as primeiras, en calisquer actuación que acometamos que implique destrución de vida: xa sexa camiñar polo monte, desbrozar territorio ou construir paseiños.
As fotos das agulliñas que ilustran estes comentarios van tiradas en anos diversos e todas en San Andrés de Teixido. Acredito que cada ano vexo como van desaparecendo exemplares. Sei que ao mellor esta entrada non vai tan entretenidamente ilustrada coma outras, e ao mellor tanta repetición de agulliñas aburre. Pero leva un obxectivo: dalas a coñecer para ver se axudan a nacer na conciencia da cidadanía, na do cura tamén, a posibilidade da súa protección mor do seu coñecemento. Dio-lo queira.

E levan tamén outro obxectivo un pouco máis temerario e aloucado: ao mellor alguén coñece outra localidade, non moi lonxe de por acó, onde as agulliñas se dean con total naturalidade e poida darse o caso de que en mirando estas fotos exclame: "¡Vaia polas ánimas, tanto mérito e destas hai cantas se queira nas lousas do adro da miña parroquia!"

Atrévome a zoupar esta mensaxe no adentro da entrada, e ao océano bital do noroeste do Noroeste, pois hai tres anos andando eu en San Andrés a facer algunhas das fotos que ilustran este artigo, unha muller amilagróuseme toda e díxome: "Con esas plantas facíame meu avó un xogo cando eu era nena, alá en San Román"
E así, coa ilusión esperanzada do naúfrago, vai hoxe deixándose rematar esta entrada. Ogallá sirva de algo. Se algunha autoridade civil toma nota, algunha eclesiástica estende a súa caridade e algunha cidadanía amplía ideas, marabilla de marabillas. E se por riba de todo, alguén da conta dunha nova poboación, por pequerrechiña que sexa, desta humildísima agulliña mareira, este servidor de todos vostedes quedaravos eternamente agradecido, miñas e meus. E se non tamén.
A mandare.


Nota marxinal: Quixera poder achegarvos algúns enlaces e referencias bibliográficas que teño arquivadas, pro hai tempo que blogger non me deixa pegar aquilo que windows me deixa copiar, e así é que lamentablemente vai esta entrada coma outras moitas xa, orfa de referencias. Ben que o sinto. Madialeva, quen estivese interesado en ampliar coñecementos só ten que escribir en Google o nome de Erodium maritimun. Un mundo de achegos aparecerán de inmediato.
O que non aparecerá será un coñecedor, ameno e aleccionador artigo asinado polos eminentes botánicos Roi Carbajal, Miguel Serrano e Santiago Ortiz na revista Quercus relatando polo miudo o triste caso da desaparición da agulliña mareira nas Illas Cíes. Toda unha lección de botánica en dúas páxinas que eu recibín no meu correo gracias á amabilidade dos autores. Mil gracias mil, Miguel.

Despós de data: Veño de observar, ao revisar a edición, que hai dúas imaxes, a terceira e cuarta foto, que aínda que os meus arquivos dan diferenciadas son exactamente a mesma ou tanto se amitan que son igoais, para máis a terceira vai sen virar. Pura pranghana. Desculpas prego.

sábado, 19 de xuño de 2010

A Flor de San Xoán

Velaí, para asombro de todos, a espectacular fasquía da Iris latifolia, esa rareza de outa montaña, unha outra máis, que florea a finais do mes de xuño polos cantís da Capelada.

Iris latifolia, campea nas outas pradas pirenaicas e cantábricas, tamén do Sistema Central, estendendo as súas poboaciós ata os máis soerguidos campeiros das montañas galegas orientais e achégase sen medo as terras capeladas para establecer eiquí o límite de distribución occidental.




A Flor de San Xoán é o nome, non recollido ata o de agora na literatura botánica, co que as xentes, e moi especialmente os cativos e as cativas de Teixidelo, lle daban cando ían recollelo no solpor da noite de San Xoán.

Terían que apañalo logo do solpor do sol, pois era cando a flor collia a virtú: a virtude de protexer as súas casas dos perigos meigos cós que esa noite sagra estaba misteriosamente preñada.



Baixaban a brincos dende o seu pequeno rueiro de antigas e vellas casas de pedra ata as campeiras vizosas, agachadas polo cantil, onde andaban certos que haberían de dar con elas. Collían catro ou cinco flores cada quen e volvían decamiño, denantes a noite caer, para as súas casas.
Poñíanas nos ocos que sempre habería entre as pedras das casas, arredor da porta principalmente, e para logo farían o borrallo e nas brasas asarían, coma todo o mundo, patacas, e brincarían o lume e dirían: "Fora meigas da miña casa" ou aqueloutro de "Para que non me trabe nen cadela nen can" ou calisquer outro esconxuro da noite esa, a do San Xoán do solsticio.
Sei estes contos por boca da Señora Socorro, de Teixidelo, a quen agradezo moito as paroladas que mantemos arrimados ao muro, unhas veces cando vou para baixo, outras cando veño para arriba, e que veñen así a amplar o catálogo das tradiciós da noite de San Xoán incluíndo entre as herbas a utilizar esta rara e fermosa flor do cantil capelado.


Que noutrures chaman lirio azul, sendo certamente do mesmo xénero iris ca espadana marela de cada regueiro noso de cada día, o Iris pseudacorus, pero non convirá chamarlle espadana azul, pois a Flor de San Xoán, ten a folla ben diferente, non plana, coma unha espada, se non revirada cara adentro, coma unha corda.

Mirara eu esta fermosa planta por primeira ves, amilagrado e sorprendido, por encima do peirao da Masilla, baixando para o Cadro e daquela, xa van anos, fixéralle un par de fotos en película analóxica o meu amigo Domingo. Tan amilagrado e sorprendido coma min.

Dende aquela primeira e virxinal aparición poucas veces máis tiven ocasión de tropezar con ela: polos altos do Limo, un pouco a nordés da Lagoa e nalgún outro curruncho, sempre con poboaciós coreñas e diminuidas, e sempre sorprendéndome e amilagrándome a rexia fermosura anil desta nosa flor de lis.
Non coñezo ningún outro cantil ou territorio onde a Flor de San Xoán se dea coa xenerosidade con que alumbra polas peadas abas de Teixidelo: un espectaculo de luces azuis parolando co mar e co ceo.


Desprotexidas, descoñecidas, abandoadas e deixadas da mao dos eufóricos trazadores de pistas e carreiros. Non é coña: non hai tantos anos fixeron unha pista por encima delas. E non me refiro á vella para o desguaze do barco, senón a outra. Para que, non se me alcanza.
Imos agardar que o furor municipal pola construción de sendeiros de sendeirismo (¡que praga, señor, que praga!) non as chimpe ata a enxebre costá de Teixidelo, pero ao mellor é moito imaxinar. Teño entendido que están dispostos a axudar a desbrozar un carreiro por todo o alto do cantil. Dende Cabo San Vicente ata Escandinavia. Falo en serio.

Pero ate que tal pesadelo se vaia facendo realidade terán que pasar moitas eleciós e mentres tal monstruosidade non arriba, sigamos desfrutando da pouca costá enxebre que nos vai quedando e sigamos a soñar con que poidamos deixar un mundo vivible e non somentes paseable.


Rematarei esta entradiña, xa ao mellor un poco costa abaixo, con tres rexistros gráficos de primeiros de xuño dunhas Iris latifolia sorprendentes. Sorprendentes por atopárense na Illa do Río Mera, ao nivel do mar: nunha outra demostración da extraordinaria orixinalidade botánica do noroeste do Noroeste, esa Macaronesia perdida.

E así se queda a cousa por hoxe, miñas e meus, cun recendo de selva e un alento de espranza, de azul e verde vestida.


Moi obrigado con vós.

A mandare.