XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Serra da Faladoira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Serra da Faladoira. Amosar todas as publicacións

domingo, 28 de novembro de 2010

A primeira felepada

Chegou cedo este ano a neve. As abreguías do inverno, a primeira frieira do ano, meteron xa unha grande felepada. Iamos de Cedeira camiño á Ría de Ortigueira, por ver de adicar a mañá do domingo a mirar currunchos da ribeira, sen maior pretensión que folgar e desfrutar da natureza.
É o domingo día 28 de novembro e a mañá vai refriada e pola banda da Capelada preta, moi preta, vén anunciando unha prósima coriscada. En Cedeira está a saraibar. Por San Román cae xa auganeve. Chegándose á Carballa xa felepa de firme e subindo ao Campo do Hospital xa andan os campos branqueados.

A carretera vai cuberta de neve e a felepada vense vindo a máis. Felepa con forza, con felepas grosas que se estampan e escachan no parabrisas do coche. Estamos abraiados. Non agardábamos unha nevarada tan intensa e continuada, que parece non querer parar, e vai aos poucos espesándose.


Collemos todas as precauciós imaxinables e imos indo amodo, desfrutando da impensada novidade. Asegún pasan os minutos felepa con máis forza cada vez, e imaxinamos que na Capelada e na Herbeira a neve estará callada e o Caxado feito un manto branco.



Paramos a facer reserva de combustible e a fotografar a felepada sobre o Val do Mera e a ponte do tren. Un espectáculo.

En Mera de Abaixo, paramos para tomar un cafeiño quente e ademirar os cumes da Capelada xa esbrancuxados.

Na entrada do bar, nas lousas, atopamos un escarabello extraordinario e non moi doado de ver: un Typhaeus typhoeus macho, medio conxelado. Tirámoslle fotos e poñémolo ao abrigo, baixo unhas plantas e na terra.
Polo carrizal navegan seguros e confiados os alavancos e os asubións. A Ría de Ortigueira está xa a ferver de paxarada na invernía: unha regalía para a ollada.

Pasamos por San Claudio e tiramos rexistros dos cumes felepados...
.... e dos paseos confiados da parrulada, que desfrutan da Ría máis ca nós.

E tomamos a decisión de subir ao Caxado e aproveitar a ocasión de pasar un día na neve, gozando da oportunidade, imprevista e impensada, dunha nevarada callada.
As imaxes que seguen, máis ca unha reportaxe naturalista da felepada de máis cedo que servidor recorda (¿outra novidade climática?), son un exercicio de control da emoción: pasei a mañá coma un meniño con zapatos novos, brincando de acó para aló, tirando fotos coma un toliño, sen moito control dos axustes e deixándome levar pola ledicia do inesperado galano dun fermoso día de neve...e sol.










Si, de sol. Que logo da grande e extraordiaria felepada que visteu a Serra Faladoira de albo, veu a luz clara e limpísima do sol do inverno a encher todo de azul e color, e non nos deixou en todo o día.
Extraordinario noroeste do Noroeste, tamén se de clima falamos.
As Grañas do Sor, onde percuramos, e atopamos, noticias de Toribio recibiunos cunha festa de ledicia soleada e neve derretida.


E así pasamos as horas dos días dos domingos, consagrandoios á Señora Natureza.
E pouco a pouco, arrolando a canda os minutos, fomos baixando de novo á ribeira da marea, para coller o ultimo soliño do día e botar unha parrafada cos paxariños do mare. Cousas nosas.
E ata outra e mellor ocasión, miñas e meus. Coidarvos das abreguías, que chegaron con intención de quedarse, me parece. Non vos refriedes. Que as hostes afogantes do catarro e a gripallada non fagan morada en vós.
Obrigado.
A mandare.


domingo, 22 de agosto de 2010

Un lobo morto na Faladoira

Un bó amigo e lector habitual do bló ven de ter a amabilidade de nos ofrecer o testimonio gráfico dun lobo morto, presumiblemente por atropello pero deixa a ver, ao pé dunha das pistas da Serra Faladoira, que para serventía das andarabillas eólicas teñen entrellado todos os cotos da bisbarra.


O lugar chámase, non sei se será casualidade, Pena Lobeira e atópase non lonxe da estrada xeral que polo alto da Serra Faladoira vai dende As Pontes ate Ortigueira, a altura do paralelo de Ambosores. penso que xa dentro dos lindes do Concello de Mañón.
As fotos foron feitas o día 12 de agosto deste ano as dez menos cuarto da mañá o que da a entender que a morte debeu ser pola noite ou na alborada. Dúas horas máis tarde o corpo movérano fora da pista e alguén o deixou arrimado ao pé dun piñeiro tumbado.

Dalí a unhas horas o corpo desapareceu. Hai quen supón que ao mellor levado por Medio Ambiente, pois veuse a un todoterreo da Xunta circular por esas pistas. Sería mi conveniente dende logo terlle feito a autopsia para precisar as causas da morte. Se o levaron os servicios de Medio Ambiente agardamos que tal fixeran e poidase saber algún día as causas do falecimento deste exemplar.

Unha mágoa, unha perda sen reparación posible.

Especie totémica, histórica e mítica o lobo tivo de sempre presencia histórica ao noroeste do Noroeste. Existiu en Cedeira o cargo de Sarxento Maior de Lobos, encargado de cazar e dar morte a todo canto lupus andase polo monte. Arestora está desaparecido da Serra da Capelada. Testimonios de ataques este ano de lobos ao gado confirmáronse seren de cans non exactamente asilvestrados.

Agardemos que a poboación de lobos que de vez en cando se deixa ver pola Serra Faladoira, mesmo polo Forgoselo, poda seguir oubeando dende o alto dos cotos nas noites da invernía. Será santo e seña de que non todo aínda está perdido.

Moitas mercedes.

A mandare.

Nota marxinal: sinto ter que retomar o bló con esta triste nova necrolóxica, pero non sendo moito os testimonios que se poden recoller da certeza da presencia do lobo na bisbarra, este pareceume do maior interés. Gracias moi especiais aos amigos do bló e da Natureza que tiraron as fotos e as puxeron a nosa dispoción. Con lectores coma estes a existencia do bló vai máis que xustificada e demostran que un bló e máis dos visitantes ca do escribidor. De novo mil gracias mil, amigos.

martes, 27 de abril de 2010

Léngoas do loberno en flor.

Visitei este 25 de abril que pasou a colonia de Pinguicula vulgaris, léngoa do loberno para os amigos, que atopara o ano pasado nalgunha rebordela da Serra Faladoira. Quería saber delas, cómo lles fora, logo de tanto trafego de madeira, desbroces e fochancas como hai polos montes dende a desfeita do Klauss. E tiña moito interese en mirar se andarían xa floreadas. Debecía por non deixar pasar o ano sen retratalas en flor. Dende que dei con elas, son para min unha teima.

As léngoas do loberno son prantas carnívoras de elevados outores que na Galizia fóra da súa zona natural de expansión, Os Ancares e O Courel, teñen na nosa bisbarra as únecas outras poboaciós coñecidas. Sempre de poucos individuos e certamente moi raras de atopar. D'aí o interese teimudo.

A rebordela zumegante na que viven atópase afortunadamente en perfecto estado, -chorando auga amodiño, mirando a leste- e acó e aló vese renacer algún ca outro pé novo, as veces en grupo, coas follas carnosas e vizosas, do centro das que agroman novas follas ou os talos floríferos.



Tan só dous ou tres pés andan xa floreados pero a min fanme a mesma ilusión ca se fosen un cento: é a primeira vez que vexo a léngoa do loberno en flor. Un vello ensoño cumprido.
.

Animado pola boa estrela do día e a magnífica luz dun sol de domingo remirei con atención anovada outras moitas rebordelas, por se os fados das horas quixeran poñer nos meus ollos algunha outra colonia de pinguiculas.
E a non máis dun quilómetro, nunha escura e húmida parede arxilosa, amosóuseme unha ducia de pés noviños. Toda unha espranza. De seguro ten que haber outras máis.


Esta nova colonia de pinguiculas prendeu na rebordela dunha pista, nas paredes da cuneta, o que parece indicar razoablemente que deu en medrar logo da construción da pista, e ao mellor ao seu abeiro. Sábese que as léngoas do loberno gostan dos ribazos zumegantes, e os cortes das pistas, cando non van a pico de canteiro, ofrécenlles un hábitat axeitado.

É só unha opinión ao paso, claro, pero vai cimentada no feito de que as dúas colonias de Pinguicula vulgaris que coñezo aparecen nese ambiente.
Pro ao mellor só quero imaxinar que no corazón da desfeita hai unha semente de espranza.
Agradecido, miñas e meus.
A mandare.