XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Macaronesia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Macaronesia. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de abril de 2011

No corazón da escura verdescencia...

 ...das selvas macaronésicas do noroeste do Noroeste. Velaí, no santo de cima, agrisallada pola brétema poirenta do serán e atacada pola praga eucaliteira,  un dos últimos currunchos de mato enxebre da bisbarra.
A el nos encamiñamos estoutro día para comprobar a pervivencia nas súas beiras de dous felgos macaronésicos extraordinarios: Culcita macrocarpa e Hymenophyllum tunbrigense, respectivamente o de frondes máis longas e poderosas e o máis diminuto de todos, non máis ca un brión dos que recobren as penas.
E ao tempo avaliar o grao de conservación dos seus habitats: tíñamos tristes noticias de que afeccionados ao trial ou enduro ou algo así, deran en andar facendo  "deporte" polo monte arriba.
Nas augas do val do río, nas beiras húmidas dunha cuneta da pista, andaba esta rá vermella...
...revoando, releando por unha branquiverdosa femia, andaban dous fermosos machos limón...
...pousada na punta dunha póla dunha árbore, estaba esta Nymphallis antiope, unha fermosa barboleta con poboaciós moi escasas, un verdadeiro achádego, unha sorpresa, unha ledicia...
 ...e as anemones, mapoulas do río, aínda alumbraban as beiras, esta pareceume unha trifolia, pro deixa a ver, tres follas tiñas...
Afortunadamente non encontramos restos recientes de práctica de "deportes" destrutores máis alá da zona de pistas e camiños, e pouco á pouco fumos indo rego adiante e arriba, amodo e con coidado esquisito, mirando moi ben onde poñíamos os pés, entrando con reverencia relixiosa na escura tebra verdescente, dun dos últimos templos das selvas macaronésicas do noroeste do Noroeste...
 ...que neste rego cría importantísimas colonias de Allium victorialis, na hora aínda sen a flor floreada...
 ...e tamén de Polygonatum odoratum e  Luzula silvática, dúas fermosas herbas cada día máis raras de ver.
Algunhas das súas ribeiras andan recubertas de Woodwardia radicans, ese espectacular felgo da Era Terciaria, que sobrevive na nosa terra dende que, hai centos de millós de anos, esta era un mesto bosco tropical.
Grupos de trombós brancos, Narcissus triandus, adornan as beiras, por acó e por aló...
 ...e suaves molidos de brión recrean ironías sobre arte moderna nos vellos toros das árbores abatidas,  coroadas de sarandiños frolidos...
 ...e festucas, anemones, narcissus, violas, luzulas, aliums, xacintos bravos, saxífragas, brións, felgos, sarandiños,  van conformando, nun acordo perfecto, a verdescente escuridade...
... á sombra dos loureiros, carballos, acibros, pradios, salgueiros, abelairas, ameneiros, freixos, albedros... que  medran vizosos ao compás do rego  continuo da humidade,  que ascende dende a auga escumante das fervenzas bruantes, ledas, de seguidas...
...que non han de deixarnos en todo o camiño, enchendo  os nosos ouvidos dun baldordo remuiñante e húmido, pracenteiro e grato, madialeva non ser o maino marmurío dun regato, se non o  fero ruxir dun dragón sinuoso, destemido de voráxines bravas...
...que só se amansan nas ribeiras frolidas, de dondas penas refeitas, as molladas escuridades das que, se alfómbran cun tapete de verdescuros campiños do diminuto felgo que buscamos: Hymenophyllun tunbrigense, ao fin.
Non son poucas as penas, e as cortizas vellas dulgunhas árbores, nas que aparece este diminuto e valiosísimo felguiño tropical, protexido, incluído na Lista Vermella coa categoría de Vulnerable; de presenza rara ou moi escasa en toda a súa área de difusión, dende os Trópicos e  as Illas da Macaronesia ata algúns puntos do oeste da Irlanda e da Gran Bretaña, recibindo  o seu nome da localidade inglesa de Tunbrigde Wells, onde se debeu de citar por primeira vez.
Este felguiño require uns condicionamentos biolóxicos moi estritos, de humidade permanente e temperaturas suaves no inverno, acompañado de rochas acedas nas que poder desenvolverse e enraizar, e con carencia particular de nitróxeno. Na nosa bisbarra  con numerosos nichos biolóxicos nos que poderen medrar críase asemesmo, no Río Seixo da Capelada, o Hymenophyllum wilsonnii, sendo a única localización coñecida para a Península Ibérica. Todo un arruallo do noroeste do Noroeste que deberíamos de coidar e preservar defendendo os seus hábitats: as escuras selvas dos regos esgrevios.
Os hymenophyllum son un amplo grupo de pequenos felguiños que reciben este nome mor da  composición de  hymen, lámina, membrana ou maimiña, con phyllon, folla, o que nos refire á extrema delgadez das súas frondes que con toda facilidade deixan traslucir a luz, ainda a moi pouca dos escuros currunchos que ocupan. Mirade e vede.
O Hymenophyllum tunbrigense cría os soros que conteñen as esporas en inclusios (esporanxios) que se dan no arranque das frondes e andan protexidos por unhas valvas dentadas e características, como se pode apreciar nas imaxes que a seguir van, conqueridas con máis fortuna que talento.


E satisfeita a  teima e a obriga de rexistrar cumpridamente aos felgos fílmicos, polo delgado da fronde digo, seguimos o noso recoñecemento da bravía canle do rego, que non deixaba a cada pouco de amilagrarnos con algunha deliciosa aparición.
Velaí cima de texto ao Carabus gallicianus, un endemismo galego que pouco á pouco ve restrinxidos os seus territorios, pro que neste rego amosábase de cada pouco, dándonos a entender que ten que ter poboaciós activas e abondosas. Outro motivo máis pra defender as singulares selvas macarónésicas do noroeste do Noroeste.

Un couto da enxebreza. Un territorio singular e único. Unha xeografía da exuberancia e a vizosía. Un espazo de valores bioxeográficos extraordinarios. Unha matria da beleza que se abría ao noso paso sen deixar nunca de ofrecernos o galano xeneroso da contemplación do paradiso perdido.
Un paseniño de cadencias antigas, de recendos vellos que ulían á máis necesaria modernidade: a de salvagardar estes mínimos currunchos de pureza para dende eles, e das súas sementes de vida, facer agromar un mundo novo que coute ao esmagante e empobrecedor eucalital nos seus xustos termos:  que sen deixar de dar economía aos humanos, permita tamén  darlle vida á xente.
Paréceme a min que se ao eucalital se lle impide o enraizamento en determinados ambientes, se se deixan determinadas zonas para o desenvolvemento do bosque propio -a sen par selva macaronésica-, se somos quen de rexenerar determinadas concas fluviais e tornalas en todo o esplendor do ser quen foron, (que as imaxes que acompañan esta entrada permiten aventurar) outro niño económico haberíamos de crear: o do turismo ecolóxico de calidade. Ese mesmo que anda a criar negocios sostibles e de futuro en tantas outras comunidades: que ofrecerían o que non teñen por poder ter o que nós temos: unha natureza única, orixinal, de biodiversidade requintada,  extra-ordinaria e por iso mesmo privilexiada.
Librar á nosa terra do liberalismo economicista que anda a permitir a salvaxe e incivilizada invasión eucaliteira de todos cantos eidos (bosques fluviais, regadíos, beiramares, ouzais...) poidan ser prantados e asoballados, ofreceranos unha oportunidade de intelixencia e haberanos de dar posibilidades futuras de desenvolvemento que, de seguir coa actual política liberaloide, veríamos toradas,  ao facermos desaparecer   unha das máis requintadas herdanzas de riqueza natural que se poideran concebir. Sentidiño: iso que tanto se demanda. Ao mellor por escaso.

E entre laios do espíritu e bruídos dos rego, entre brincos de auga e chanzos de brión, apareceron diante dos nosos ollos, revelados na escura verdescencia, os primeiros pés de Culcita macrocarpa e a  brilante claridade das súas frondes inmensas.
Encostados a unha fervenza escumante para poderen ser regados pola humidade permanente, que tanta falla lle fai a esta felga, os poucos pés desta ameazada, e moi protexida especie, (endemismo iberico macaronésico), extendían as súas amplas frondes polos aires do bosque, destemidos da altura e temerosos da directa luz solar, da que non gostan: dánse por iso mellor nos regos que miran a norde.

Cerca de  coarenta pés deste xigantesco felgo  poidemos recontar, algúns deles co correspondente laciño rosa luminiscente dos botánicos universitarios que os andan a estudar. Na hora, as culcitas, están a levantar as novas frondas. Unha espiral de espranza. É un espectáculo natural único contemplar o tamaño, a densidade e  a fortaleza anovada destas pólas novas, vizosas e punxentes. Que o sexa por moitos anos.

Con eles enchendo o ánimo, repousamos ao carón dos felgos, pousados nas follas vellas dos carballos, merendando algo nós e merendándonos a nós as carrachas. Ulindo de cerca á pequerrechiña flor do sarandiño, que enchía o chan todo canto a vista daba, fomos deixando pasar, cos ollos entrepechados e os sentidos abertos,  a luz escura do mato de fóra adentro, enchoupándonos a ialma de verdescentes lembranzas e a memoria de recendos de humus umbroso, froitador e antergo.
Intres  nun paradiso, nunha illa da felicidade, nunha macaronesia.
Era a hora de virse vindo.


Amodo e coa mesma calma respectuosa e relixiosa coa que subíramos, retomando a observación deste mundo perdido pola face do revés, outro é sempre o camiño de volta, sen présas, que o mundo ha seguir xirando tolo, fúmonos despedindo, con bicos de palabras faladas en voz baixa, deste curruncho de xeva coa ilusión de sabermos que todo aínda non está perdido e reconfortados coa espranza optimista de agora sermos quen de imaxinar unha resurrección de todos nun paradiso  verdeluz.

Onde nós pasáramos uns intres que poideran ser eternos.

E ao chegar abaixo todo acabou onde empezou: unha maneira coma outra calquera de rematar a andaina e esta entrada, co agradecemento de sempre por me acompañar, e tamén me acompasar, nos meus paseniños macaronésicos.
Mil gracias mil, miñas donas, meus señores.
A mandare.


Despós de data: Debe saberse que estou moi obrigado con Miguel Fernández, galego das Alpujarras, por me ensinar este fermoso curruncho da miña terra que eu descoñecía. E en débeda permanente por tantas outras cousas, que el sabe e ninguén máis ten por que saber. Unha forte aperta, meu amigo.

Despós de data: obrigado a unha ensinanza de Juan Manuel Tojeiro que me aprendeu, nun comentario que podedes ler, a palabra sarandiño coma a da fala tradicional capelada aplicada ao Vaccinum myrtillus, (arando noutrures), dei en cambear, e sobrancear en cor azul, arandeira  por sarandiño. Que se saiba: a nosa fala sempre por diante. Mil gracias mil Juanma, nada máis fora por esta verba este bló xa estaría xustificado.

VídeosMínimosdoNoroeste
Culcitas e hymenophyllums

Achegos:
a) Para ampliar algo máis do hymenophyllum premer acó.
b) Todo o mundo das imaxes de Google sobor do hymenophyllun en premendo.
c) A ficha do Libro Rojo de la Flora vascular amenazada para a culcita eiquí.
d) Todo o mundo de imaxes de Google para a culcita si premes.
e) Con perdón, dous achegos a entradas deste mesmo bló acó e acolá.


Nota marxinal: Veño de ler no diario El País a noticia de que durante o mes de marzo apareceron mortos polas costás cantábricas centos de galos de mar (Fratercula arctica). Non sei se o que apareceu en Vilarrube  figura nesas estatísticas. En todo caso agora sabemos que non foi un caso illado, se non un outro dun  andazo do que de momento non temos unha explicación coherente. Só miles de vítimas inocentes. Ollo ao piollo. Podedes ler a noticia do xornal madrileño  acolá.

luns, 22 de novembro de 2010

Fragas, os eidos da bremanza.

Fiz Vergara Vilariño, (Santalla de Lóuzara, 1953-1997) publica en 1990 un fermoso e desacougante libro, Os eidos da bremanza, co que gañará o Premio da Crítica. Nese libro, que alguén calificou de terrible, debágase polo miudo, coas emas dos dedos de cada verso, ese inquedante sentimento da bremanza, entre cuias letras vai inclusa unha xeografía anatómica completa da alma en soidade e ao mellor tamén toda unha literatura.

Co debido respeito, e para cantar a súa memoria polo noroeste do Noroeste adiante, dei en tomar emprestado o título do seu libro para encabezar estas letras, pois ao meu pouco parecer cádranlle ao xustiño ao triste devir soidoso e declinante dos boscos de fraga neste curruncho céltico, na hora invadido e esmagado por un callado, mesto, universal e empobrecedor eucolital.

Bremanza: inquietude, aqueloutramento, desespero, desasosego, impacencia. Tales son os sentimentos que provoca a situación do bosco propio na hora presente, reducido á retallos coreños, e aos que, día a día, á calada e á traición, arríncanlle anacos de territorio para deixalos convertidos en agachados currunchos de autoctonía e ao mellor aínda avergoñados de ser.
Abonda con mergullarse entre as vizosas frondes da fraga para sentir nacer a bremanza nese indefinido espazo do espíritu que levan en condomiño o corazón e a alma. ¿Por que toramos tanta beleza? ¿De que estamos feitos para cambear o ouro polo metal ruín? ¿Como sería fermoso ese mundo antigo de fragas cuberto? ¿Canto lle queda a estas poucas fragas antes a motoserra vir a roxir e roer?
Ao noroeste do Noroeste fixeron medrar, á conta de esbandallar as valiosísimas selvas macaronésicas milenarias, o máis cumprido e tupido eucolital de toda Europa. Para satisfacción da contaminante e enveleñadora industria papeleira, que nos mira coma aos malpocadiños e pobres indíxenas que aceptan o troco do ouro polo brillo do vidro, e dalgunha desnortada comunidade de pseudo progresistas da esquerda nacionalista, que interpretan á perfección o papel de parvos necesarios: ufanos e arruallados de viviren no máis importante bosque de eucolitos do continente. Amáis editan do seu peto un dvd para proclamalo. Criaturas.

Os Casás, Camparado, Río do Forte, O Pereiro... as Ribeiras do Mera e do Xubia, a canda as do Sor son os nomes dos territorios nos que resisten, heroica e malamente, (ao abeiro case que sempre das peadas abas dos cantís ribeirás, de dificultade extrema para as motoserras e os tractores humanos) os últimos sospiros das fermosísismas fragas macaronésicas da Galizia, que un día cubriron cun cobertor de ouro laranxa a vella face ártabra e arrotebra da xeografía do noroeste do Noroeste.
Hoxe, anagada e embrutecida a vista polo exclusivo cincento verdescuro do eucolital, borrada da memoria e da experiencia visual a fasquía da dourada fermosura outonal e a vizosa verdescencia da primavera, as fragas son para tantos cidadáns, iñorantes de si, un mundo fabuloso, mítico e alleo, e para outros, os conscientes adoecidos de seren, un eido da bremanza.


Na hora, sáibase, Galizia está a vivir, amparada no abandono do mundo agrícola, un renacer agromante dos seus mundos forestais. Bravos fraguíos ventureiros e inmensos piñeirais e eucolitais de deseño andan a convivir por toda a xeografía da Galizia. Non exactamente con harmonía senon máis ben confusa e mesturadamente alborotados: algunhas veces con pequenas pro esperanzadoras e voluntariosas cortiñas de souto, plantadas entremedias do asoballante eucolital, ese mesmo que pouco a pouco vai enchendo a beiramar toda.
Só nas orelas dos ríos e nas súas peadas riveiras, díxose, sobreviven espantadas da insensible brutalidade humana as últimas (ogallá que non as derradeiras) esperanzas do renacer da natureza ártabra e arrotebra máis enxebre. Eidos da bremanza, xa que logo.
Nen as cegadoras Fragas do Eume, -ese mentirán exercicio de autocomplacencia publicitaria- se libran do asoballador avance do eucolital: difícil se fai para calquera poder observar ou fotografar o afamado maior bosque atlántico europeo sen ver entrallados entre as peadas abas do seu territorio, ou coroados seus cotos, polas amargas filadas das repoboacións conscientes de eucolito. Caaveiro, niño de tristes bremanzas.

Só aló onde a vista do humano non chega e a súa cobiza e soberbia non alcanzan, volve medrar ventureira, leda e rufa a Natureza trunfante. Casos se ven onde logo de anos de deixadez e soidade o monte tornou a rexenerarse en plenitude de enxebreza. A fraga do encoro da Ribeira, no Eume, no Concello das Pontes, é un caso modélico. Con tristura digo tamén que agora que se deu a coñecer, as autoridades xa dan en abrir un camiño turístico. Non tardarán en poñerlle barandillas e pasarelas de madeira. Ao tempo. Eidos da bremanza.

Secomasí quixera atopar motivos para a esperanza. Fóra de portas por veces vense traballos de respeito e rexeneración encomiables que, madialeba, hai que loubar e ponderar coma merecen e hai que pensar neles coma ese raio de luz sabia que quere vir a aledar e clarexar os escuros e bremanzosos tempos que andamos a vivir.
Certo que son poucos e cativos, pero cada vez máis míranse acó e aló exercicios de recuperación do bosque natural, que serán seguramente voluntaristas pro confirmadores dunha tendencia. O máis prósimo que eu coñezo, por parte da Xunta de Galicia, na Serra da Faladoira. Unha luz de verde esperanza.

Son moitas as fragas que nos últimos anos caeron tumbadas pola cobiza, e toradas polo poder humano. Vin desaparecer enteira a Fraga de Seixas, nas Somozas, e medrar onde ela estare o basureiro dos residuos tóxicos da Galizia toda; diminuir a trabadas de motoserra e estulticia, ate a agonía, as Fragas de Ribeira do Río Xubia, ao paso entre Moeche e As Somozas; reducirse a moi pouco a Fraga dos Casás, paradigma dos boscos de ribeira; urbanizar, previa desfeita das máquinas excavadoras, con paseiños de xabre de seixo as Fragas do Sor; esnaquizar por completo as Fragas do Casón (¡mesmo lle puxeron miradores e barandillas no Pozo do Inferno!) e permitir profanacións incribles nas Fragas do Eume (ensaios fondo á ferro, e a escape libre, de carreiras de rallis, paseos de quads, creación de pistas anchísimas e reasfaltado de outras...etc).

Pesia a tal desfeita xeneralizada deberemos ter confianza, non en nós, humanos ensoberbecidos, se non na Natureza, que turrona e paciente non se deixará vencer con facilidade pola infección vírica humana e de seguro argallará, se non anda a facelo xa, a maneira de desfacerse da infecta proliferación da doenza vírica.
Sabios científicos afirman sen dubidalo que tan só uns poucos centos de millós de humanos sobrevivirán á hecatombe que inevitablemente provocará a Natureza, (e que xa empezamos a detectar), para librarse da momentánea presencia -en eras xeolóxicas considerada-, deste organismo infeccioso, autochamado Homo, que lle anda causando ferintes eivas e profundas dores, para poder así proseguir logo o seu tranquilo debalar eterno polos espazos siderais, sen a molestia da pezoñosa especie errónea que burla burlando deu en chamarse a si mesma sapiens, e imaxinouse a imaxe dun Deus eterno. Malpocadiña.
Fique por hoxe acó esta entrada preñada de bremanza.
Imaxinemos que vaia inspirada polos escuros e chumbentos días de novembro que andamos a vivir, mes das ánimas defuntas, e que máis cá lúcida intelixencia, deba a súa condición desesperanzada aos delirios depresivos do seu autor.
Imaxinade que todo canto acó se dixo non se corresponde coa realidade real senón coa febril imaxinación fantasiosa dun humano delirante, a maxinación de quen crédemo, só lle dá para maxinar que logo desta lectura non necesitaredes ración dobre de Prozac.
Obrigadísimo totus meus; imaxinade, prego.

A mandare.

Nota marxinal: efectivamente algunhas das imaxes están tiradas non exactamente ao noroeste do Noroeste. Como xa sen dúbida recoñeceríades as fotos de río son do bosque de ribeira do Río Mandeo, coto de Chelo arriba. Poderían ser do Mera ou do Sor, dos que teño fermosas imaxes, pero decidín meter imaxes do Mandeo, do que tanto gosto e no que tanto gostei, probando a lixeira e saborosa acedez dos seus arandos, alá polas esgrevias bravuras da Cal dos Arados. Sei que me desculpades. Mil gracias mil.