As lagartas, tamén os lagartos, con ese aire xurásico certo e esa ollada tenra e case suplicante, son sen dúbida das miñas xentes favoritas para tentar contemplar e mesmo fotografar. Confeso terme quedado engaiolado co seu indovindo lizgairo, áxil, ingrávido, que me aleda a face de sorrisos admirativos e incrédulos, e malamente me permite ocuparme en lles facer algunha foto.
Todas, elas e eles, lagartas e lagartos, xentesauria dunha fotoxenia salvaxe, evocadora de exotismos tropicais antigos, remexen no común das ánimas, se cucarandainas máis, conmovedoras pasiós terroríficas, e no ánimo do olláparo naturalista, en troques, levedan maretadas de lediciosos praceres perdidos, tal, poder desfrutar do antigo discorrer natural da vida espida, sen aditivos, sen colorantes...sen humanizantes.
Iberolacerta monticola, a lagarta da serra, vén hoxe a este bló fardada con todas as honras e maxencias esixidas as humildosas xentes do monte pra seren consideradas dinas de figurar nos máis prestixiosos catálogos conservacionistas dos tesouros da biodiversidade. As poboaciós de lagarta da serra na Capelada, se coubera, máis aínda.
A lagarta da serra é un endemismo do noroeste ibérico que viña sendo considerado na súa área de expansión coma unha úneca especie que aparecía pola Galizia, Cordal Cantábrica, Sistema Central, Pirineos, Serra de Gata, Montes de León e Serra da Estrela en Portugal. A afinación dos estudos a nivel xenético e proteínico, deu en validar a diferenciación das diversas colonias, case que noutras tantas especies.
Deste xeito a poboación dos Pirineus definiuse como Iberolacerta bonnali, cos tres subespecies de seu, as poboaciós de Gredos e Guadarrama denomináronse I. cyreni, as de Serra de Gata I. matinezricai e as da Serra da Estrela, cantábricas e galegas, entre as que loxicamente entran as da Serra da Capelada, ficaron co apelativo tradicional de Iberolacerta montícola. Considerando pra máis que as portuguesas son da subespecie I. monticola monticola, e as galegas e cantábricas I. monticola cantábrica: cousas da axitada ciencia da taxonomía, en estado permanente de definida indefinición.

A especie presenta un claro dimorfismo sexual, sendo os machos máis grandes e de aspecto máis robusto e teñen o dorso de coloración verde contra os tons pardorroxados das femias, xardado en ambos casos con pencas negras que poden formar bandas polos laterais, aínda que os machos noviños teñan tamén a espalda parda. As crianzas, unha cucada, presentan un rabo azul e un aspecto fráxil incondundible. Característicos son os ocelos azuis laterais e axilares dos machos que lle confiren unha farda linda e fermosa.

As poboaciós da Serra da Capelada presentan nos machos a distinción propia da coloración azul da gorxa, e por veces da cabeza. Característica esta única e especial, que define a raza propia das lagartas da Capelada e convérteas, aos meus ollos, nas máis fermosas das iberolacertas, e por outra banda diferéncianse tamén por ser quen de vivir na mesma ribeira mariña. Máis arriba vai a imaxe documental dunha femia adulta esculcando entre as madeiras do paseo da Plaia de Espasante. Neste mesmo bló xa se publicou a foto doutro exemplar entre as pedras do peirao do cantil de Cortes: rebuscaba bichería entre as xebras da marea. Iberolacerta monticola cantábrica: a lagarta mariñeira. Na Serra da Capelada, si.

Especie considerada típica de alta montaña, gosta das pedreiras abondosas e amplas, estando especialmente adaptada para sobrevivir entre as regandixas e os coreños espazos entre elas. Xa neste bló apareceu a imaxe dunha femia fotografada entre as morrenas glaciais de Os Tres Bispos, nos Ancares. Na nosa bisbarra ocupa unha diversidade de habitats: pola Capelada gosta das penedías entre uces, Os Carrís e Penedo Escuro por exemplo; dos areeiros da costá, ao abeiro dos paseos de madeira, tal na Plaia de Espasante; das ribeiras mariñas do cantíl, penso no Peirao das Bolas da Enseada de Cortes, e asimesmo vellos muros dos bosques de ribeira, na Illa do Río Mera por caso, e non faltan nas verticalidades destemidas da costá: teño fotos de exemplares pola banda da Espiña dos Gatos, baixando ao Cadro. Acolá ao parecer, por onde elas queiran.

Pesia a que non son moi difíciles de observar, para máis son moi curiosas e relativamente confiadas, cada día parecen ir diminuindo en número. Ao igoal que con toda a vida salvaxe, a imparable extensión da influenza vírica humana anda ameazando a súa supervivencia. Parques eólicos, o desmadre das "actividades en contacto coa natureza" tal o sendeirismo iñorador, desaforado e salvaxe e o montañismo masivo; a construcción tola de infinitas e inútis pistas forestais; as repoboaciós masivas sen estudo previo; o furtivismo mineiro (...si, furtivismo mineiro, xa falaremos)... e tantas, tantas outras humanidades, o lume por caso, andan colocando a pervivencia desta fermosa alfaia dos penedos nunha situación preocupante, que ameaza gravemente a sosegada vida tradicional das fermosas lagartas da serra no Mundo Feliz da Capelada. Richini Richinoff, dixit.

Non extrañará saber, xa que logo, que está estrictamente protexida polo Anexo II do Convenio de Berna, que a Directiva Habitats declaraia especie de interés comunitario que require protección estrita e a lexislación estatal española consideraia "de interés especial", consecuencia todo este nivel proteccionista da declaración de Categoría Mundial UICN como "vulnerable" e na Categoría España UICN como "especie casi amenazada" no ano 2002. Saberemos conservar o noso patrimonio natural?
A mesma Xunta de Galizia, tan conservadora non tan conservacionista, advirtindo que algunhas das poboaciós recoñecidas de lagarta da serra viñeron declinando perigosamente, en casos mesmamente ate desaparecer, veuse na obriga de incluilas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas 2007 e otorgarlles a consideración de vulnerabeis. Moito máis vulnerabeis se pensamos que algunhas das poboaciós, Cabeza de Manzaneda por caso,viven illadas e malamente poderán contactar e intercambiar xenes entre sí.
Servan estas letras e estas imaxes, case todas elas dun macho novo fotografado este ano, para lanzar un brindo á espranza. Un brindo a berros polo futuro das lagartas da serra. Un brindo a gorxa chea pola súa sobrevivencia. E fagamos algo máis. Defendamos e protexamos os seus habitats: os penedos da malpocada Serra da Capelada, cada día máis esbandallada e alterada. Brindemos, máis que sexa co viño amargo das horas, por elas, as lagartas da gorxa azul.
A de ir rematando no punto esta entrada lagarteira. Ogallá, coma as mareas do setembro, chegue riba de riba do voso corazón xeneroso, ao que lle ei de quedar agradecido por acoller nel, co doce agarimo que sinto ao lonxe, estas palabras bremanzosas.
Ata outra mellorada, miñas e meus.
A mandare.
Nota marxinal: van baixo do videomínimo unha xeira de achegos nos que poderedes acceder, se queredes saber moito máis das nosas lagartas, a un coñecemento científico rigoroso da súa bioloxía e problemática, da mao e a prosa dalgúns dos mellores especialistas do tema. Leitura proveitosa, sen dúbida, animarvos.
VideosMínimosDoNoroeste TV
O petisco da lagarta.
Un achego a Enciclopedia Virtual de los Vertebrados de España, con rigorosas, amplas e actualizadas informaciós sobre a lagarta da serras, en premendo.
Estoutro a ficha en pdf do Atlas y Libro Rojo de los Anfibios y reptiles de España, pra achegar, premer.
E estoutro do Boletín da Asociación Herpetolóxica Española de decembro do 2006, no que Pedro Galán, herpetólogo do máximo prestixio, comunica a existencia das comunidades de Iberolacerta monticola da Serra da Capelada, nas que os machos presentan coloración azul na cabeza. Un documento imprescindible do naturalismo ao noroeste do Noroeste. Se intresa, premer.
Acó un artigo, do mesmo Pedro Galán e do ano 2005, nun curso do IBADER, (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) sobor da situación e as ameazas da fauna herpetolóxica na Galicia. Simplemente a opinión dun dos máximos especialistas. En premendo.
E un outro interesante artigo do mesmo Pedro Galán en MUNIBE, suplemento Nº27, sobre "Caracterización de las poblaciones de Iberolacerta monticola en el noroeste ibérico" si premedes.