XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

luns, 21 de marzo de 2016

Amigos en Ortigueira


Achégome sempre ao cais de Ortigueira coa espranza de veslumbrar de lonxe a  branca intelixencia do mestre Álvaro Polo. Cando tal se dá, sei que ao pracer de contemplar os indovindos da xente de augaire hei de axuntar o bálsamo grato da bonhomía e da sabia e prudente conversación do mestre e amigo, que aduba a transmisión de saberes cun permanente sorriso intelixente presidido por unha ollada franca fornecida de humildade franciscana. Condición de sabio.

Este outro día, tal cal outros moitos.


Alí, arrimados ao petril, conversábamos de pasos e contrapasos, de mobellas e londras, de mazaricos e arceúchas, cando deu en deixarse caer nas pelouras do malecó a bandada guapa de biluricos que ano tras ano, pra gozo de iris e pracer de pupilas, repousa todo o inverno no abeiro do vendabal que lle ofrece o peirao do cais.

Unhos vellos amigos orteganos, estes biluricos.


Están moi fermosos, dime Álvaro, andan xa a mudar a plumaxe e presentan un salferido de manchiñas negras moi bonito.

 Certo, moi bonito. 

  
E aproveitando que só teremos unhos poucos miles de rexistros deles, demos en tirarlles unhas ducias de clicliclís  por ver de aumentar, se coubera, o almacén inmenso de imaxes dos  biluricos de Ortigueira, eses amiguiños nosos de cada inverno. 

Ese consolo permanente nos días baleiros.


E para máis hai un bilurico escuro, dime Álvaro. Cal é? inquire o aprendiz de naturalista. Ese da cella clara e branca, o terceiro pola dereita do pequeno grupo desa pedra grande, ilústrame o mestre. Si! Ben que o vexo! 


Vaia, acaba de pousarse un Calidris alpina, di Álvaro, que parece ter un detector de azas nos ollos. Onde? pregunta o aprendiz, pasmado. Aí, no pico desa pedra, diante desoutro grupiño de biluricos, infórmame coa paciencia dos mestres calmos. Ollo e vexo. Unha linda pildoriña, abofé. 


Mentres a grisura do día non se tornou negrura certa e dela principiou a pingar unha choviscada fría que me fixo fuxir acovardado, aproveitei pra rexistrar ao bilurico escuro e a muda de froixel dos seus parentes, os Tringa totanus. Un par de ducias máis de fotos destes amigos non lle vai afectar a consistencia do disco duro, díxenme eu. Deixa a ver.















Acertando ao supoñer que tampouco a vós vos afectaría extraordinariamente en ningún senso a repetida contemplación das lizgairas formas dos biluricos, sempre en gracioso equilibrio a chiquilimpé, voume por hoxe despedindo agradecéndovos a continuada visita ao solar patrio do noroeste do Noroeste, ritual laico que profesades coa misteriosa fidelidade dos integristas radicais.

Mil gracias mil, miñas e meus.

Moita saúde e sorte, moita.

A mandare.



PAZ  E  PALABRAS

sábado, 5 de marzo de 2016

Á calor da cociña.

Ao noroeste do Noroeste, cando dá en chover non se acorda de alivar. Pasan as horas, os días, as semás, os meses (e se quere os trimestres) e veña  chover agaceiros, orballar sen fin, volver a chover... e a seguir chovendo... sen ter memoria de ter que escampar. A alma e a ollada collen daquela mofo e verdullo; e algunha anada hai que recrían briós e ouricelas. 


Vanse as horas amodas na lectura, no repaso, na escritura, que se fai nostalxia dos soles e das luces de colores. A saudade das ñáñaras garimosas das xentes do monte alenta no curruncho da alma donde enceta a inspiración a respirar. Mírase o mundo tras dos vidros vafarados. Andamos gardados na secura do fogar. Un día si, outro tamén.


Aí meus ollos buscan, tras das  fiestras, a conversa veciñal coas xentes do meu rueiro: os tordos, que xa non veñen aos acibros ao estaren estopelados, os merlos, as papuxas e os papuxos, os gorriós, o paporroibo, as cincentas, algunha lavandeira que en Cedeira chamamos laberca; ao lonxe déixanse caer estorniños, corvos e pegas e naturalmente mesmo ao pé andan as monxas que lles dicimos nosoutros e as que Galicia chama, ferreirolo, carboeiro, mazanzuco, bacachís, patachín, xaxapím, chincola... etcétera, etcétera, etcétera... e o mundo coñece por Parus major

E de cando en vez algunha sorpresa...






                      

No tellado da caseta, ao pé da casa, medra por si mesmo, eu deixoio, un xardín de felgas que cada ano vaise facendo máis fermoso. Nel, adoito deixar faragullas de pan, algun kigüi, maínzo que me regalaron, arroz se sobrou... en fin, unha miscelánea de sabores que son do proveito da xente salvaxe que, polo interés quérote Andrés, anda revoando, falando e cantando ao redor do meu pequeno mundo.








Entremedias  dos trafegos do fregar e do guisar, gozoia ollando o  ir e vir da paxarada entre as tellas e a selva de felgos. Desaparecendo rebulicieros detrás dalgunha fronda. Releando  por un déixame aí esa faragulla. Peteirando ou esculcando o aire e os seus perigos: as formas humanas e felinas, abondosas todas. Liscando ao primeiro movimento dalguén, ao ruído de abrir algunha porta ou ao toque inesperado das badaladas  da torre, que estando tan perto sempre parecen pasadas de decibelios.








Teño a cámara na mesa da cociña e a galla arrimada á parede. Dende a escuridade protectora do adentro, coa lámina de vidro das fiestras ben lustrada, tento poder fotografar algunha imaxe das xentes das leiras sen moverme do pé da caldeirada, que está encetando a ferver e xa recende. Fóra orballa e, de miragre, vai e escampa un pedaciño.

 Faise, algo, a luz. 








Á súa deliga suave, as xentes do meu rueiro vanse vindo ao tellado a repoñer as forzas e enerxías que lles dean unha oportunidade de sobrevivir nun mundo que día a día se torna máis  hostil, desavegoso e incerto. No pequeno tellado de felgas adoita haber mesa farturenta  e misericordiosa pra socorro de   famentos e necesitados. 












Pesia a pouca luz de inverno, aos vidros por medio ou a humidade de vafos e aire, o aprendiz de naturalista está moi contento do seu estudo de fotografía ao natural. Parécelle que conquire imaxes gratas e sinxelas que trasladan a idea de que  aínda no cotiá tellado da caseta da súa casa, pode revelarse  a beleza da vida natural e libre, esa nostalxia do paraíso perdido que lle conforma o sentimento máis persistente da súa sensibilidade humana. 



Parécelle, xa dixen. E tontamente feliz no seu parecer pasa as horas escuras dos días mollados e fríos do inverno observando o tellado de felgas e o seu entorno de roseiras podadas, nas que alumbra o borrón carmín da última rosa da anada pasada e se apousan tantas veces as paxariñas,  denantes brincar confíadas pra  o tellado da caseta a petiscaren defamadas nos saborosos froitos do bon carnaval



















E hoxe non voa máis lonxe  este discorrer íntimo. Se non foi máis alá do tellado da caseta, foi por non se atrever a sair da cociña da casa, ao acovardarse de orballos e agaceiros. Imos pra vellos, meu rei.

Apertiñas coa calor do lar.

Gratia plena, totus meus.

A mandare.



Notas marxinais: estopelar, que se usa arriba, era verba que usábamos de cativos pra indicar que perdéramos no xogo toda, ou case que toda, a provisión de material que utilizásemos, sobranceiramente utilizado ao xogar  ás bolas. Estabamos estopelados, cando perdíamos todas ou casi, as bolas coas que encetaramos a xogar. Non xogo máis que estou estopelado. No Dicionario de Dicionarios aparece este termo no Eladio Rodriguez, pero cun sentido moito diferente: "Rebosar uno  vida, salud y vigor". Nada que ver.

Monxas, e o étimo local cedeirés pra desinar a Parus major. Efectivamente tampouco aparece en nengunha das esculcas de étimos que se efectuaron por Galicia adiante. Quede acó recollido.

Saborosos froitos do bon carnaval, que vai resaltada no texto é unha tradución calcada dun verso cantadísimo en Cedeira, da antiga comparsa Os Eléctricos, que no ano 1917, ano en que chega a luz eléctrica á vila, argallaron unhas cantigas eufóricas que exaltaban, sen recato e innecesariamente, o localismo cedeirés asegurando que..."vamos hacer de Cedeira la capital y en San Andrés de Teixido, parque central."

As felgas do tellado, como xa sabedes son Polypodium vulgare, unha felga que no meu tellado amosa a súa máis cumprida vizosía no inverno, murchando e resecándose no vrao. 

O papagaio, Platicercus eximius apoñería eu, andou polo rueiro no verán do 2014. Sabía amitar o son dos gatos se non era a súa fala, e tiña ás corvexas do rueiro, Corvus corone,   amilagradas e preocupadísimas pola súa arribada. Valente e agresivo, o papagaio mantíñaias á raia, e xa ten mérito tratándose de corvexas que fan fuxir as rapinas máis fortes, máis aínda se pensamos que, ás veces, ate cinco delas andábano guipando dende as pólas máis outas das árbores da contorna. De onde saiu este papagaio e a onde se foi aos poucos días é algo que nunca puiden saber.

As pequenas e incipientes floricas brancas que van retratadas, máis como experimento a distancia ca outra cousa, pertencen a Cerastium diffusum, diría eu, unha cariofilácea que se da présa en florear. Como todas as outras, menos as do papagaio, están feitas dende o interior da cociña e cos vidros da fiestra por medio. Un par delas, ollar perspectiva, van feitas dende a ventá do piso. Xa digo un experimento, todas elas.



PAZ  E  PALABRAS