XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Terra Chá. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra Chá. Amosar todas as publicacións

xoves, 19 de xullo de 2012

Avetardos cativos (II)

Velaí vén unha entradiña pra darlles  outra volta aos avetardos cativos da Terra Chá. Non foron poucas as veces que poiden voltar a tentar botarlles un ollo. Nalgunha das campas xa non se lles oe, non sei se por teren emparellado, e andaren  noutros trafegos, ou por ter desaparecido por cousa das segas aceleradas das inmensas e velocísimas tractoras coas que hoxendía se traballan os tarreos da Chá. Nalgún campeiro de Goá aínda se escoita a súa voz, pro a herba moi medrada e a  discreta condición dos avetardos cativos non me deixan ollalos.

Vaianse con vós estas imaxes de hai un tempo, (ben se ve que daquela o mainzo  aínda andaba despuntando; arestora xa ergue media vara) dun macho reclamante nalgunha campeira da Veiga do Pumar, na que hoxendía tampouco se lle escoita. Dende dentro do coche, apoiando no caurel da ventaíña e aproveitando que saeu uns minutiños das herbas da dereita pra facerse ver ou sentir máis lonxe, fíxenlle medio cento de fotos apuradas, das que as menos malas son as que teño o atrevemento de amosarvos.

Cando menos, aparentan  algo mellores cás que poiden rexistrar na entrada que pasou. (Por se queredes reollar).

Sen outras verbas, velaí van elas:












E desta volta nada máis. Non atopando argumento que me fixera desdicir da oportunidade de nomear aos Tetrax tetrax coma avetardos cativos, manteño esta miña teimosía. A oportuna aclaración de X. Otero sobor de lles chamaren por algures sisois, non fun quen de dar atopado confirmación, pesia a ter preguntado a variadas persoas pola Chá adiante. Seguirase  á percura.

A hipótese de se o nome da parroquia de Santalla de Sisoi, poidera ter  relación coa ave que nos ocupa, pode descartarse de todo punto. Meu ben querido amigo Alvaro Porto Dapena, cadeirádego emérito da Universidade da Coruña, con quen teño a honra de compartir paseos e lerias, pronúnciase por un antropónimo xermánico dos que poderíamos atopar tantos e tantos exemplos por Galicia adiante e se pola Chá, aínda máis. Na mesma líña é a opinión de Cossue, pseudónimo do mantedor do bló de estudos semánticos, Flor na area que o supón un xenitivo do nome propio xermánico Sesoi e aporta, en achego que a baixo vai, varios extractos de documentos medievais que o confirman.

Mil de mil mercedes enchan as vosas horas, miñas donas, meus señores; que todo vaia moito ben.

A mandare.



Nota marxinal: esta é unha entrada que tiña programada pra se editar o domingo no medio do día. Pra daquela se todo ía ben andaría fóra de portas. Ao parecer as consecuencias inevitables da analfabetez dixital dun servidor dispuxeron que a entrada non se editase. Imos ver se agora, xa intramuros, son quen de publicar esta case reliquia.


Achegos:
a) Un estudo da posible orixe toponímica de todas e cada unha das freguesías da Terra Chá, no que, xa que logo, estúdase Santalla de Sisoi; do magnífico bló de estudos lingüísticos Flor na area.

martes, 10 de xullo de 2012

Lagarteiro patirroibo nas gándaras de Guitiriz



Servidor de todos vostedes, ben se sabe, é un iñorante convencido de non saber senón que nada sabe. O caso que lles vou contar, non sei se con máis pouca vergoña que abundancia de caradura, ilustrará ás craras o meu pouco saber e o meu moito atrevimento ao manexar un bló de natureza.

Corría o mes de maio do ano 2011. Era unha tarde de orballo pechado do domingo día 29. Unha pura mera mesta enchoupaba o aire e anagaba as roupas vestindo o día dunha escuridade de chumbada vella. Víñamos de volta das queridas terras da Chá onde pasáramos unha fin de semá sen outro pensamento que gozar dos recendos primaverais da Galicia estendida. As mercedes que  a Chaira nos quixera ofrecer pra encher o ollo e alivar a alma, serían as obrigas que, dunha outra volta,  lle quedaríamos a deber.
Tiñamos xa a idea de rematar a estancia. Por un aquel de aproveitar mellor as poucas luces dos últimos minutos dun serán de domingo, esa tristura pálida, endereitámonos ate as gándaras de Guitiriz: ate o que queda delas.  Só por ver de levar unha última ñáñara da Chá prendida nos fíos da lembranza.


De saír do cochito nen pensar. O neboeiro orballento pasaba xa de mera mesta e agora era unha auguiña maina e tépeda que máis serviría pra darse unha ducha  que pra darmos  un paseíño. Deixámonos, por iso, ir indo amodo  polas pistas molladas, botando un ollo ao mundo ao traverso dos vidros embafados. Buscábamos, por dicir que tiñamos un plan, unhas barreiras. Alguén, o día anterior en Riocaldo, nos contara que nelas se podería botar un ollo a algunha cousa de interese.

Pola pista adiante, debaixo dun paraugas, viña camiñando unha señora. Quixemos saber se nos podería endereitar. De barreiras non sabía nada pero... "area andaron xa hai tempo quitando...  por alá adiante se seguides dereitos pola pista." Dereitos seguimos, as pistas da Chá pouco recurvean, cara adiante fomos. Pro as barreiras non soubemos atopar. Conformaríamonos xa que logo coa paisaxe degradada das que nun tempo foron as fermosas Gándaras de Guitiriz, que así e todo gardan aínda sobranceiros espazos de enxebreza.


Quen comigo vai repara nun peneireiro que preside a tarde de orballo dende o outo olláparo dun poste de madeira que sostén o cableado do teléfono. Achegámonos amodiño ate unha distancia prudencial. O lagarteriro bótanos unha ollada displicente e ao facer algo de ruído co motorciño das ventaíñas, mándase a voar e vaise un par de postes pra diante. Mainamente, achegámonos de novo ata il, pro agora coas ventaíñas xa a medio baixar, malia que algo de auga nos entre no coche. Déixanos quedar a unha distancia moi razoable, pra sere unha rapina. Vaia, é moi mansiño, consinte miralo sen medo, falamos quedamente entre nós.


É un peneireiro raro, comento, paréceme algo máis pequeno e de cores máis apardadas, roxizas ou laranxadas ca os que miramos de vez en cando por acó. Seguramente sexa unha crianza nalgunha das súas fases de froixel, penso e digo. Ata me parece tere cara de rapaciño. O lagarteiro está ben lindo na vertua do poste.  De vez en cando  mira pra nós de coma de quen, e segue a esculcar a campeira por se algún despistado rato, musgaño, teupa ou o que, dera en asomar o fuciño. 
A orballada alivaba. O aire facíase máis limpo. O ollo chegaba máis lonxe. Poderíamos baixar un pouco máis as ventaíñas sen nos anagar e mirarnos máis as craras.


Sen saír do coche tómolle todos os rexistros que podo e ate lle fago un par de vídeos. Está bastante perto e aínda, pesia a luz dificultosa, penso en poder facer algunha foto que non estea mal de todo. Desfrutamos. Amilagrámonos da súa mansura. Dámoslle as gracias co pensamento e amodiño, moi amodiño, pechamos de novo as ventaíñas: que volveu o orballo callado, agora cun vento que nos asegura que traerá choiva. O nubeiro xa non é gris: é preto. Ponse a chover. Con sabencia galega. Que ben sabe chover a nosa terra! Aínda penso que é o que mellor sabe facer.
O lagarteiro marcha e nós tamén. Hai que volver prá casa, baixar as fotos, colocar cada rexistro no seu cartafol e repasar o aprendido. Vou ledo: os arquivos do Falco tinnunculus, van seren ampliados cuns rexistros dun noviño manso e confiado que andaba enseñorando os postes do teléfono das Gándaras de Guitiriz, voume falando a min mesmo mentres me achego a Xermade pola cavorcada e esbandallada estrada.


E aló, no fondal insondable do misterioso adentro do disco duro haberían de quedar adurmiñados, se non fose que hai uns meses, repasando o bló de José Miguel Alonso Pumar, (como se botan de menos as túas ensinanzas!) dei cunha entrada do 3 de xuño do ano  2008 no que dá conta, e amosa fotografías, da presenza dunha femia de  Falco vespertinus, unha lagarteira patirroiba, pola Veiga de Pumar que descubrira unhas horas atrás o ollo infatigable e preciso de Ricardo Hevia. 
O corpo deume unha volta. Mi madriña! Se este é o que miramos por Guitiriz hai un ano e pensábamos se sería unha crianza de tinnunculus! E vén resultando sere un raro peneireiro euro-asiático, moi pouco visto por acolá! Se serei mazaroco! 

O lagarteiro patirroibo cría nunha longa faixa territorial que vai  das chairas centroasiáticas ate a Ucraína,  chocando algúns poucos en Alemaña ou no sur de Suecia, sempre arrimándose ás beiras dos bosques ou de grupiños de árbores, nas pólas dos que gusta criar. Migra cara o hemisferio sur africano pra pasar o inverno nos territorios de Bostwana, Zambia, Namibia, Sudafrica, ou o Delta do Okawango, ese espazo mítico da natureza africana máis enxebre.

Ao voltar pola primavera ás súas áreas de cría tense comprobado que  algúns exemplares gustan de subir a norde  arrimados  ao Mediterráneo. Algúns de entre estes, soben pola Península Ibérica e moi pouquiños, fabas contadas, pasan por Galicia.  Un destes raros peneireiros era a femia que fotografamos en Guitiriz. Na ampla Terra Chá ulen xa os recendos familiares da paisaxe das infindas chairas euroasiáticas. Hanse sentir na casa.


Só sabemos que nada sabemos. Esta verdade meridiana, que debería acompañarnos día  a día pra librarnos das maladías feroces da soberbia e a vaidade, pode que me dea unha lección nova ao amosarme que este lindo paxaro que agora penso sere un lagarteiro patirroibo, veña resultando ser calquera outro. Mesmamente o noviño que pensei de primeiras. Nunca se sabe. A prudente sabiduría dos sabios me aconselle.

Mil gracias mil, miñas e meus. Se habitualmente resulta misterioso o seguimento que facedes deste bló que non fala linguas imperiais, nen trata de fútbol, sexo ou rexoube, agora, que a escravitude capitalista nos concede uns intres de liberdade vacacional,  que aínda ocupedes as horas dos vosos días en reollar este bló (no canto de surfear cos beizos un mar de escumas de cervexa ou asistir dende a escuridade dunha sombra fresca   a un concerto de paxariños, quen sabe se alguén ademáis entre nubes fragantes de incenso), non podo consideralo senón un miragre marabilloso.
Por tanto, moito obrigado quedo.

A mandare.




Redegrafía:
a) A ficha do patirroibo, na Galipedia, en premendo.
b) A colección de fotos de Biodiversidade Virtual, acó.
c) Pra ollar a entrada de 3 de xuño do 2008 no que José Miguel Alonso Pumar, presenta ao Falco vespertinus da Veiga de Pumar.  Galicia Birding.


sábado, 2 de xuño de 2012

Avetardos cativos na Chá


Tetrax tetrax, a avetarda cativa se seguimos a denominación primeira do mestre Eladio "...la avetarda mayor y la avetarda menor. Esta última viene a Galicia en el verano, y es casi del tamaño de una gallina, de color pardo ceniciento, de mucha carne y de plumas cortas. Para huir de algún peligro se sirve casi siempre de la carrera en vez del vuelo". (Eladio Rodríguez González (1958-1961) Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Vigo) que ao mellor recolle a voz do estradense Marcial Valladares (1884): "Avutarda menor ó pequeña (Otis tetrax). Esta última viene á Galicia anualmente y es del tamaño de una gallina, color pardo, salpicado de negro" ou o sixón se preferimos a voz empregada por Leandro Carré Alvarellos, é unha ave emblemática da fauna galega que cada vrao, en número coreño, chega a aniñar á Terra Chá, á Limia e, disque, ás Brañas de Xestoso entre a Estrada, Forcarei e Silleda.
Advertírame meu bo amigo Miguelanxo que detectara algún avetardo cativo, reclamando territorio polas amplas campeiras herbosas e chairas da Veiga de Pumar e que, se tiña unha tarde dispoñible, poderíamos deixarnos arrolar polo entrallado labirinto de pistas da Chá por ver de mirar, ou ao mellor tan só sentir  o reclamo, dos avetardos pequenos que seica chegaran, un outro ano, a emparellar e aniñar pola fermosa chaira luguesa, ese paraíso para os sentidos.
Os avetardos pequenos eran unha débeda, unha carencia, unha malformación na miña cultura naturalista, por outra banda moito cativeira de máis. Por unhas razós ou outras nunca lles poidera botar un ollo. Considerados pra a Galicia en perigo de extinción, son unha especie mítica, pra min esquiva, coa que dubidaba, este ano tamén, poder disfrutar da vida aproveitando as horas dos días na  súa contemplación amodada.

Os xenerosos amigos de Numenius, informáranme adecuadamente de datas e espazos posibles e levaba xa, sen dúbida axado e aqueloutrado, catro visitas á Chá camiñando sen présa -o paso ao pé, o ollo ao lonxe- os seus camiños longos, baleiros de humanos, cheíños de xente silvana, sen outro resultado ca un mundo de sentidas observaciós fermosísimas: o voar sinoso da gatafornela; o andar esgalichado das cegoñas; o piar en triduos do pantallás, a fantasía de forma e cor dunha bubela, o milagre cazador dun picanzo rei; o poderío dun falcón; o peneirar do peneireiro; o cucú do cuco; o outo canto de gloria dun laberco...e tantos, tantos outros máis... mais dos avetardos cativos, ren de ren.
Este ano tampouco ha  ser, dei en pensar. A Chá é moita, os avetardos poucos e o tempo dispoñible por veces  menos. Sendo aves que arriban ás campeiras agrícolas chairegas (na hora moi viradas a produción de herba e mainzo forraxeiro) nun número moi pequeno, (dise que non máis de 20 machos cantores) e quedando só entre nós os meses que van demediando maio a primeiros de outono  (marchan daquela ás súas areas de invernada no centro sur da Península Ibérica, onde se concentran as maiores poboaciós mundiais) non imaxinaba poder tratar con eles tampouco este ano. Cando teña que ser será, díxenme por consolarme coa habitual dose de fatalismo doméstico de consumo diario.
Enténdese que daquela pouco tardase en me dispor a citarme co meu amigo Miguelanxo: asegurábame que precisara unhas campeiras onde dous días atrás  ollara a un macho de Tetrax tetrax despuntando a súa cabeciña escura, preta e gris, entre o verdoso mar de herbas dunha campa da Chaira pra facer notar ás femias o seu reclamo breve, discreto, pouco máis ca o seco estalar dun tímido tastarabás. Imos cando queiras, resposteille sen lle deixar acabar de falar, e se pode ser mañá mellor que pasado, urxinlle coa présa propia dos  degoados e defamados.
Meu amigo endereitounos, coa habelencia propia dun desentrañador de xeroglíficos exipcios, polo entrallado e confuso labirinto de pistas alcatranadas da Chaira. Entramos por esta pista, deixamos pasar outras dúas, chegamos a un novo cruce cun cruceiro e colleremos á esquerda, pra logo volver á dereita: así máis ou menos, pois en realidade o entrecruce de pistas e camiños foi un pouco máis complexo e pra min imposible poder explicalo sen marearvos e marearme. O caso é que coa precisión, pra min máxica, dun guepeese de últimísima xeración arriboume á mesma campeira que el visitara e poiden escoitar o mesmo reclamo que el sentira e ver ao mesmo macho cantor que el mirara tres días atrás. Aleluias e albízaras, meu amigo!
Ese primeiro e ilusionante avetardo da miña vida é o que nas  imaxes de riba se ve: alá andaba el no medio da campeira recén segada, lonxe, facéndose oir, emitindo de cada poucos segundos o seu reclamo case instantáneo, logo de erguer o colo, engolar o pescozo e percutir o aire cun movimento espasmódico semellando un repoludo látego de plumas. Unha gozada pra este neófito en asuntos de avetardos cativos.
 O aire, a favor, arrastraba o son pola face das herbas e mandabaio lonxe, a onde andábamos nós, agachados tras das árbores do lindeiro, escrutando cos prismas o ancho campeiro e discutindo coa moita distancia e o pouco pulso a posibilidade de facer un rexistro gráfico decente. E así entretidos, na gloria, chegou de pronto dende o mar de herbas abaneadas da campeira da dereita, o son, agora xa inconfundible, doutro reclamo: Aleluias e albízaras, meu amigo! Outro sixón!.
Efectivamente outro avetardo cativo andaba a buscar parella dende o medio e medio da súa campeira. Contan, que sei eu, que os machos chegan primeiro que as femias, e escollen cadaquén o seu propio territorio de canto e dominio, dende o que chaman por elas, que andarán a chegar. Nesta época son solitarios e cada un anda no seu mocear. Cando sexan elexidos polas femias poderán facer, ao caer a tarde, a súa rolda de amor vaidoso e os seus saltos de namorado: andará que andarse con ollo, por ver se temos a sorte de nos regalaren lance tan peculiar. Agora que xa nos coñecemos, por que  non?
Pro aínda nos quedaba unha pequena sorpresa dupla agardando por nós en calquera sementeira de alcacer. Unha parella de sixóns, dous machos, chegan voando ate unha campeira que repasábamos na rebusca dalgún outro.  Miguelanxo, non sei se intuíndo ou adiviñando, dáme o cante: Aí veñen dous revoando!  Reflectindo o sol da tardiña enche o ollo, non me atrevo a dicir que o ceo, o dobre borrón de brancura volandeira que nun intre se pousa no medio e medio da herba. Aleluias e albízaras, meu amigo! Dous avetardiños xuntos!.
Tumbado nunha pequena outura do pé da campa, procurando pasar desapercibido, rexistro como podo a ocasión. Ambos os dous quedan un ao lado do outro. Andan arrodeándose. Logo sepáranse. Camiñan un tras do outro, non moi aqueloutradamente. Parecerían perseguirse con elegancia e tranquilidade. De repente parecen axocarse e aceleran o paso. E de súpeto, no mesmo intre en que deixo de gravar, póñense a revoar un tras do outro. Desaparecen. Ao pouco, un deles regresa só. Ao outro xa non o miraremos máis. Asistimos a unha discusión polo dominio do territorio?
Quédese a dúbida pra resolver por mentes máis sabias. Reste con nós a lembranza duns intres gozosos con toda a ilusión memorable das primeiras veces. Os avertardos cativos xa están, un outro ano, pola Terra Chá. Que sexa en boa e venturosa hora. Nosoutros non andamos lonxe. Malo será que non teñamos outra ocasión pra dilucidar esa e outras tantas cuestiós que temos pendentes. Agora que encetamos unha conversa non será cousa de xente cunha educación deixar de falarnos. Por min non ha ser. Prometo unha prudente discreción.

E nada máis hei  dicir, disculpándome pola moi escasa calidade das imaxes, que a excesiva distancia non xustifica, e agradecéndovos, miñas e meus, a vosa fidelidade inexplicable a esta fiestra natural de xentes e verbas nosas,  deséxovos que moi venturosos e felices días enchan os anos da vosa vida, e agardo que sexan moitos e en paz: na paz do páxaro, que decíamos de cativos polo noroeste do Noroeste.
A mandare.




VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV
Avetardos cativos
Despós de Data:  X. Otero ben de facerme chegar, nuns tan xentís coma amables comentarios que abaixo podedes ler, a existencia entre as xentes naturais da  Terra Chá, do termo sisoi para chamar ao Tetrax tetrax. Infórmanos que unha señora faloulle que anos atrás había "bandos enormes" de sisois, precisándolle que sabían bastante ben. Na hora de redactar a entrada, eu tivera xa en conta o termo sisoi como posible, ao ser consciente da existencia en Cospeito da parroquia de Santalla de Sisoi, e certamente remirei a orixe deste termo alá onde poiden chegar, pro certamente pouco, mellor nada, dei andado. De seguro que por carencias personais. Así é que,  en non chegando a ningures, non engadín sisoi as voces nominativas do Tetrax tetrax. Este bló, sábese, ten certa querencia polas voces populares antes ca por outras, e deste xeito sisoi  quedará engadido dende xa ao meu particular dicionario chairego que agardo poder reafirmar con novas testemuñas, que sempre serán ben recibidas e moito máis agradecidas. X. Otero, mil gracias mil, e non atopando forma mellor de expresarlle o meu agradecemento, subo un novo videomínimo dos sisois, que co permiso de todos os lectores quixera adicarllo especialmente a vostede, pregándolle me disculpe a paupérrima calidade do mesmo, que dende logo no é refreixo da que vostede merece. A mandare, miñas e meus.

Parella de sisois nalgunha campa da Chá.
E ei deixarvos estes achegos por se queredes botarlles un ollo:
a) Un artigo en Ardeola (Nº 55) de Francisco Arcos e Rafael Salvadores, sobor da situación da avetarda pequena na Limia;Premer.
b) Toda a magnífica e extensa información de Vertebrados Ibéricos á distancia dun clic.
c) A ficha correspondente ao Libro Rojo de Las Aves. Acó.