Non me importará que me chamen chumbo. Insistirei en lembrar a "importancia excepcional" (en catalogación do Ministerio do Medio Ambiente) que prá conservación da biodiversidade ten a flora vascular das costás que van dende Cabo Prior ate Cabo Ortegal, Serra da Capelada incluída, ás que modernamente se deu en chamar Costa Artabra, que non abrangue totalmente, nen moito menos, o territorio histórico da treba dos ártabros.
Non me importará me chamedes chumbo. Insistirei en lembrar algunhas das especies botánicas, que tanto por endémicas da nosa bisbarra ou raras e escasas noutrures, canto polo difícil equilibrio de sobrevivencia no que hoxendía resisten, forneceron o argumentario científico pra avaliar á Costa Artabra coa adxectivación de "excepcional": de entre toda a flora galega a primeira e de todo o ámbito peninsular español a quinta mellor puntuada.
Linaria aguillonensis, sulfatada sen piedade e sen cultura, por orde municipal nos muros do Castelo da Concepción, Crepis novoana, de presenza única a nivel mundial na Ría de Cedeira, os exemplares da que, existentes entre as pedras dos muros do Castelo, sufriron o mesmo tratamento biocida, Antirrhinum m. linkianum, fermosura sen par dos areeiros ártabros, Centaurea borjae, endemismo capelado de afortunada presencia mediática, Culcita macrocarpa, Vandenboschia speciosa, Hymenophillum wilsonnii e tunbrigense, e Woodwardia radicans, entre algún ca outra felga macaronésica máis, exemplifican, entre outros taxons, o valioso tesouro botánico do que Omphalodes littoralis sp. gallaecica, a especie que hoxe comentaremos non é a menos valiosa das súas alfaias.
Omphalodes gallaecica, permitídeme chamarlle embiguiña por derivare seu nome de ciencia do antigo grego, omphalos/embigo), é taxon presente exclusivamente na provincia da Coruña. As súas mellores poboaciós atópanse nalgús areeiros ártabros do Concello de Ferrol, (Ponzos, Santa Comba, San Xurxo, Esmelle..) de onde desapareceron algunhas colonias; en certas zonas moi areentas da súa costá (Lobadiz); nalgún ca outro punto da Costa da Morte e Baldaio; en focos concretos de modarrós ben conservados da Península do Barbanza; e citáronse en Reinante (Lugo) e O Vao (Ogrove), e de que eu saiba, en ningures mais. Ben que se ten buscado por Corrubedo!
A embiguiña, é pranta da familia Boraginaceae, de discreta e humilde presenza e así, deitada entre nas areas dos marouzós, media tapada polas outras herbas, pasa desapercibida do mundo. Mesmo a lixeireza de cores da súa flor, branquiña con deslaimadas tonalidades azuis, non axuda a facer notar a súa presenza. Non reparan nela, por iso, os moitos visitantes habituais das praias: turistas, surfeiros, perrumanos, bicicleteiros... pra todos parecera non existir. Ten un parente prósimo que en troques é moi coñecido e abondoso, Omphalodes nítida, que aparece por todas as ribeiras dos ríos da bisbarra lucindo o seu puntual azul anil en cada primaveira. Velaí baixo a herba do sollo, esa curmá da embiguiña.
Omphalodes gallaecica, a embiguiña digo, é pranta anual, glauca, de follas espatuladas e lanceoladas, que anda a florear nesta hora entre marzo e abril, pra rematar a finais de maio a súa vida vexetativa. As novas plántulas xerminarán entre novembro e decembro, no seu hábitat preferencial: os marouzós grises, sendo capaz de colonizar rapidamente espazos alterados.
Irmá da embiguiña ártabra é a embiguiña francesa Omphalodes littoralis sp. littoralis, que se diferencia da nosa por ter un maior tamaño, ofrecer un porte máis poderoso e sobor de todo por ter a corola un intenso azul escuro e poder presumir dun maior tamaño. A discreción galega, ese matiz de distinción e elegancia.
Habitante dos marouzós fósiles e ben consolidados, pode atoparse tamén en zonas de cantil ribeirás aos que da en chegar unha boa cantidade de area. Polos modarrós andan en comunidade a canda a ela e entre outras Silene littorea, Viola kitabeiliana, Erodium cicutarium, Cerastium diffussum...e polos cantís areentos poden andar perto dela Cloclearia dánica, Scilla merinoi, Thymus longicaulis ou, como se ve na foto de baixo Rumex bucephalophorus, a labaciña vermella da area.
Os seus talos adoitan andaren tumbados, estendéndose pola superficie do areeiro, sendo raro poder dar con algún que se manteña dereito. A flor aguanta moi poucos días, disque non máis de catro ou cinco, aparecendo de camiño o peculiar froito da embiguiña, unha clusa con azas dentadas.
Van ser estes dentes espiñentos das núculas os que permitan unha dispersión das sementes, e xa que logo a colonización de novas zonas de xerminación, gracias a se poder enganchar con eles aos pelos dos animais que pasasen ao seu pé: coellos ou raposos, por exemplo. Dise por iso que teñen unha diseminación zoócora e tense comprobado de sere este o sistema de dispersión principal.
Falta lle fará dar con novos territorios de enraizamento. Considerada legalmente coa categoría de "en perigo de extinción" debido a escasísima superficie total na que aparece: non máis de 10 Ha pra a totalidade das poboacións galegas que é o mesmo que dicir que do mundo. Sumemos a este perigo que a embiguiña se desenvolve en traxectos turísticos frecuentadísimos e desprotexidos, en territorios nos que Tragsa-Costas adoitan facer obras de acondicionamento sen maior miramento e de vez en cando poideran sepultar algunha poboación: non é blogue-ficción, tal fixeron xa non hai tanto na Praia de Esmelle.
Sabémolo todos e eles tamén.
Vai embora por acó rematando esta entrada. Ogallá fose do voso gosto e vos animase a dar un paseo coidadoso, respetuoso e atento, sei que non ha ser doutra maneira, polos nosos "excepcionais" areeiros ártabros.
Se xa sabedes por onde alumbran, pra manter un ano máis a amistade do recoñecemento, se ate o de agora non tivérades a fortuna de coñecela, pra ver de botar unha conversa de olladas, que irá preñada con toda a emoción das primeiras veces.
Agora empeza a florear, non deixedes pasar a ocasión. Imaxino poucas cousas mellores pra pasar unha tarde de folgarío primaveral, que xogar o entretemento natural de ver de dar con esta pequerrecha, delicada e fermosa pinga de salseiro mariño callado en flor.
Mil gracias mil, miñas e meus.
A mandare.
Achegos:
a) Documento en PDF do Ministerio "Áreas importantes para la flora amenazada española". Imprescindible.
b) "Las plantas endémicas y subendémicas de Galicia". Un estudio de F.J.Silva-Pando do ano 2008, publicado no BIGA Nº3. Entrar.
VIDEOSMINIMOSDONOROESTE TV
Pildoriñas por Vilarrube.
¡¡¡ Quen non está indignado, está corrupto !!!
Por hixiene democrática: a corrupción á ducha da prisión.
Por unha Constitución, federal, social, laica, republicana e dixital:
¡¡¡ CORTES CONSTITUINTES !!!