XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Coleópteros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Coleópteros. Amosar todas as publicacións

xoves, 22 de novembro de 2012

Falando de cascudos

Da grandísima capacidade lúdica da cativería galega dalgún tempo,  maormente campesiña e mariñeira, ha de dar conta cumprida o Catálogo do Briquedo Tradicional e uso lúdico da Natureza, que co cedeirés nome de Tastarabás, ten xa elaborado, e non debería de tardar en saír do prelo, o benquerido amigo Antón Cortizas, arruallo noso. Xa me tarda. Nel, seino ben, Antón vai presentar a máis grande colleita de enredos e xoguetes da historia da etnografía galega. Non deixará, por iso, de incluír case que todos os xogos e diversiós naturais que os cativos facíamos con follas, froitos, pedras ou bichería. A Natureza o mellor espazo lúdico e formativo. Non han de fallar xa que logo os enredos cos cascudos.


Os cascudos, é o nome tradicional que "En Galicia, especialmente en el campo, reciben este nombre los insectos coleópteros que tienen los élitros crustáceos, como la vaquita de San Antón, los cárabos y otros". Así definía a Academia Galega en 1913 esta voz definindo cascuda, deste outro xeito: "Cucaracha, corredera. Insecto bien conocido, de la familia de los blátidos. Encuéntrase dentro de las casas, oculto durante el día, en los desvanes, en las rendijas de las paredes, debajo de los muebles, etc. Sale de noche, recorriendo con extraordinaria rapidez las habitaciones y especialmente las cocinas, en busca de alimento". De cascudos e non de cascudas iranse  ensarillando hoxe as palabras desta entrada.




Vaquita de San Antón, é nome tradicional por España e Iberoamérica adiante pra chamare a xoaniña ou rei-rei, Cocinella sp., e os escarabellos  dos que pretendo dicir algo son os que por noutrures chaman escarabajos sanjuaneros, Melolontha sp., os cascudos por antonomasia da nosa infancia. 



Chegaban as tardiñas prácidas de  xuño, cos seus santos Antón e Xoán, e os choupos e marouzós da Plaia da Madalena eran un rebulir zoante de ducias e ducias de cascudos que andaban de acó pra aló revoando de árbore en árbore: a paceren, a buscar parella e a tentar fuxir do falcón cativo, Falco subbuteo, que por veces en número apreciable aparecían por riba do mundo pra reclamaren a parte correspondente daqueles saborosos petiscos grosos que o areal de Cedeira criaba abondosamente. Algúns destes cascudos aparecían polas areas da praia ou polas lousas da vila, (daquela Cedeira tiña as rúas empedradas!!!) e os rapaces, moito máis que as rapazas, pillábamolos pra darlles un uso moi diferente do gastronómico.


Apreixado o cascudo entre os dedos  matapiollos e furabolos agachábamolo no fondo da mao, que se pechaba sobre si nunha puñada folosa, ampla e escura na que se remexía o cascudo, raspando coas suas patas a faciana da mao, cun pouco agradable rebulir desesperado que paraba en canto lle pechábamos o espazo e sentía sobre os seus élitros, encoirados e pardos, a ameaza tanxible dun posible, máis sempre impropable, esmagamento.

Daquela só había que buscar á vítima: propiamente unha cativa.

Elexida ela, achegábamonos ao seu lado treidoramente sorrintes e amables, moitas veces covardemente ventaxistas  polas costas, e cun movemento rápido, metíamos a mao que apreixaba ao cascudo entre os seus cabelos, abríamola nun intre mínimo, e alá  deixábamos ao cascudo, enlorado entre os pelos da cabeza da nena,  e en moito menos tempo do que se conta o becho xa se agarrara, coa vontade cega da liberdade, o tremor do medo e as moitas posibilidades das súas patas artelladas, aos pelos das cativas, que  mudaran nun basilisco de maldiceres e acenos entolecidos, anoxadas de ter entre a súa fermosa e coidada melena, a un bichudo  noxento, que sabían difícil de desenlorar, pro aínda máis adoecidas e alporizadas, por ter sido vítimas, doutra volta un ano máis, dun acto de abuso prepotente do bicho masculino infantil, que canto máis elas toleaban, máis daba el en rir a gargalladas. 

E ao mellor daqueles aires viñeron outros temporais.



Melolontha é xénero que pertence á familia scarabeidae  e o exemplar que anda ilustrando esta entrada, ao meu parecer, debe ser da especie hipocastanei, unha femia por demais. As imaxes van rexistradas non moi lonxe da miña casa, no Camiño da Ribeira, a mediados do mes de xullo deste ano que se vai indo. Deume ledicia tropezar con el: había tempo que non falaba con  nengún e ambos pasamos uns minutiños gratos nunha conversa de vellos coñecidos lembrando  o enredar rebuldeiro da cativería de hai máis de medio século, por un inmenso areal de marouzós enxebres que fervían de vida salvaxe e  que aplastaron con cemento, ladrillo e prazas-roxas.

Os humanos chámanlle progreso: sendo así, a min atoparédesme no regreso.


Cos fíos saudosos da memoria, que se enmadeixaron nesas falas vagariñas dunha tarde do vrao cun  vello amigo cascudo, tentei urdir hoxe as liñas desta entrada coa ilusión de facer chegar, dende o tempo que se me foi, un sospiro de espranza na sobrevivencia desta especie, que, coma tantas, váisenos pra non volver.

Deámoslles unha oportunidade: máis habitat e menos flufenoxurón.

Saúde e sorte pra todos, miñas e meus.

Mil gracias mil por me dares soporte: por me soportar.

A mandare.



Despós de data: Tiven o atrevemento de lanzarme a clasificar este exemplar como Melolontha hipocastanei, conscente das dificultades de precisar con exactitude xénero e especie en tribu tan difícil. Se alguén da en pensar que estamos diante de calquera outra especie (Anoxia villosa por exemplo tería tantas ou máis posibilidades), agradecería un mundo que me corrixise. Só sei que nada sei, e de coleópteros menos que nada. Obrigado.

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

Voutre e niño de corvos, nalgures da Faladoira



venres, 2 de xullo de 2010

Lytta vesicatoria, a perigosa viagra clásica.

Este fermoso escarabello de cor verde esmeralda, e provocador de fermosísimas irisaciós multicolores, é unha Lytta vesicatoria, unha cantaria ou cantárida, a que polo sur de Ourense, (Elixio Rivas Quintas, dixit) chaman rala, Está fotografado no bosque de ribeira do primeiro correr do Río Casón, na Capelada, onde certamente non é moi abundante (só o mirei unha ves, esta na que lle poiden roubar estas imaxes..¡ e como corría!). Pertence a familia Meloidae, o mesmo, quen o diría, que a máis coñecida aceiteira, Meloe violaceus, que ao mellor non parece tan fermosa. Non sei. a estética e unha cousa moi persoal. Mirade á aceiteira:

Lytta vesicatoria vive de preferencia en territorios cálidos, de aí que na nosa bisbarra sexa excepcional. (Nunha recente visita ao Xurés, subindo a Fencha da Corga, poiden ver algúns deles afanosamente esfuracando niños na terra. desgraciadamente ás fotos comeunas o demo que asexa sempre tras calquer rexistro dixital. Ollo con el). A cantaria, vexetariana, mantense, coma boa polífaga, de numerosas especies arbóreas, de entre as que os freixos e as oliveiras serían favoritas. Coma a maioría da familia meloidae, posúe un poderoso veleño, a cantaridina, que ten un grande poder vexigatorio, dái o nome científico.
Cos escarabellos resecos e machucados, obtíñase un pó acastañado con iridiscencias e amargo, pó de cantaria, con efectos médicos coñecidos dende a antiguidade. Xa Hipócrates e Aristóteles falaron deles, describindo as erupciós cutáneas, grandes vixigas, que producía na pel e propoñendo o seu uso, nas doses adecuadas, para contrarrestar as infecciós das feridas da pel, xa que supoñían que o líquido das vexigas arrastraría o mal. Inxerido por vía oral amosaba os seus efectos veleñosos provocando gómitos, mareos, cagadela, irritaciós de ril e vexiga e mesmo grandes hemorraxias internas. En doses mínimas, e ben calculadas, produce un priapismo inmediato.


E sería esta capacidade para provocar unha erección intensa e prolongada do pene a que lle concedería a este fermoso escarabello un lugar destacado na Historia. Foi sen duda o afrodísiaco máis utilizado ate o século XVII, onde se veu vindo a menos polos numerosos casos de envelenamentos producidos, e ao mellor polo novo clima moral no que foi entrando a Humanidade.


Faríase famoso polo mundo adiante co nome de "Spanish fly", a mosca española, e no século XVIII, volvería a ter o seu momento de gloria formando parte dos ingredientes dos moi coñecidos caramelos Richeliu. O Marqués de Sade faría uso abusivo dos mesmos e aínda se veu perseguido pola xustiza, con toda razón, por provocar a morte de dúas mozas tras facerlles inxerir, agachado en bombóns, pó de cantaria.

Pero sen dúbida a víctima máis famosa por consumo desaforado de este perigoso afrodisíaco sería o Rei Fernando de Aragón, a quen Historia acabaría coñecendo, irónía vai, coma O Católico. Home de gostos carnais, tería cinco fillos coa súa lexítima, Isabel de Castela, e un impreciso de bastardos con numerosas amantes. Á morte de Isabel, esta deixa o Reino de Castela e os seus soxuzgados, o Reino de Galicia entre eles, en herdanza da súa filla Juana, alcumada " La Loca". Pero Fernando, baseandose na tolemia de Juana, accede a rexencia ate que a nobleza castelá, pouco amiga xa da aragonesa-catalana maniobra e conquire para o esposo de Juana, Felipe o Fermoso, o control de ámbolos dous reinos.

Retirado Fernando, viuvo, aos seus dominios percura unha nova esposa que lle de un fillo de seu que poda así legalmente herdar os dominios aragoneses, independientemente dos de Castelá. Casa con Germana de Foix, coxiña, regordiña, apasionada no folgar e de familia fecunda e longa, calidade esta última que será a determiñante para a súa elección, tanto coma a súa condición de sobriña do rei francés Luis XII. Fernando está xa cerca dos 53 anos e Germana ten 18. Os seus refolgos amatorios faranse famosos en todas as crónicas reais. Na consecuencia dos que terán un fillo, Juan, que de non morrer sería nomeado rei independiente de Aragón e cambiaría a Historia de España.

Co mesmo interés que nos primeiros anos os refolgos dos esposos reais seguirían en anos vindeiros. Cóntase que o segredo de tal ardor amatorio, en idade na que forfosamente as forzas minguan, residía nos preparados de testículo de touro con pós de cantaria que consumía o rei Fernando e que sabiamente lle preparaba a súa esposa francesa. Cóntase tamén que sería a consecuencia dunha enchente, sobredose diríamos hoxe, que o Rei Fernando, con 64 anos, "después de holgar" din que din as crónicas, se empezou a atopar mal e xa nunca máis se recuperaría. Jerónimo de Zurita conta que sería por cousa do "feo potaje que la reina le hizo dar para más habilitarle, que pudiese tener hijos"
E pouco máis, miñas e meus, agardo do recoñecido bo sentido dos lectores deste bló que ninguén se adique á caza das fermosas cantarias para matalas de fame, machucalas no morteiro e consumir o seu amargo pó: 0,03 gramos de cantaridina rebentan a un home, e por riba diso, ao mellor, no poden pechar a tapa do cadaleito.
Escusas, prego.
A mandare.

E deixo estes achegos:
Un estudo resumo dos envenenamentos e picaduras producidos por invertebrados. Moi ameno e instructivo. Recomendable:
A inevitable referencia da wiki;
Para mellor coñecer a historia de Fernando de Aragón e a cantaria:

xoves, 24 de xuño de 2010

Alicornio....

... e aínda tamén escornabois, vacaloura, carrouxa e licorne, son nomes tradicionais que se teñen recollido por Galizia adiante, para apelar ao Lucanus cervus, ese fantástico coleóptero, da familia Lucanidae, un dos máis recoñecidos e seguro que dos menos vistos desa abondosa orde de insectos polos que Natura parece ter unha querencia particular.
Machos e femias son moi diferentes, presenta xa que logo un dimorfismo sexual claro, sendo recoñecibles inmediatamente os machos polas grandes, agresivas e ameazadoras queixadas que lle dan unha fasquía inconfundible. As femias pola súa banda, téñenas máis recortadas e poden ser confundidas con moita facilidade con exemplares de Dorcus parallepipedus, especie que cando menos para os meus ollos é moito menos frecuente: non a vin nunca.
O alicornio é especie vexetariana, que se mantén, comendo coma un esfameado, da madeira de árbores caducifolios, carballos sobranceiramente, durante os cinco anos da súa vida de verme nos que chega a medir cerca de 10 cm, e da seiva desas mesmas árbores, e aínda do zume de froitas pasadas, durante os quince días ou o mes escaso en que vive coa forma de imago. O tempo xusto para atopar parella e reproducirse.

O escornabois chega nesta fase de adulto a acadar un tamaño considerable, de entre 3 e 8 cm, e mesmo cítanse exemplares de 10 cm. É por iso o coleóptero de maior tamaño de toda Europa, o que unido o aspecto terrible que lle confiren as súas desenvolvidas e recortadas queixadas fai que a primeira ves que o miramos nos percorra certo tremor temeroso. Sobre todo se de cativos.
A vacaloura, coma a gran maioría das especies animais salvaxes (menos as oportunistas que saben sobrevivir á conta dos humanos), está ao noroeste do Noroeste en franca regresión. A esmagante e empobrecedora República Eucaliteira na que, (por cousa da cobiza economicista que tanto agrada ultimamente aos neoconversos progresistas ao liberalismo), se transmudou a nosa bisbarra, -patria das valiosas e enriquecedoras fragas macaronésicas- teno condenado á desaparición, ou a unha sobrevivencia testemuñal en currunchos perdidos.

A carrouxa deberá aproveitar outras zonas da Galizia (nas que o bosque autóctono parece estar retomando espazos mor do abandono dos traballos agrícolas e de ir así moitas veces deixando medrar o monte), para asegurárese a súa presencia no futuro e seguir a ser ese inacabable manancial de tradiciós e contos que de sempre xurdiron da faguda apariencia das súas queixadas.



Que se houberamos de facer caso da cultura popular terían propiedades milagreiras: coma facer levedar o pan, si se mete un pedaciño no medio do amoado, ou protexer aos porcos si se remexe a lavadura cunha mao que leve un anel feito cunha delas; e tamén sandadoras de maladías varias coma o goxo, pasandoia por encima da parte infectada e logo de lavar a queixada con auga e óleo, ou o tangaraño, raquitismo malformador dos nenos enganidos, noutrures tangaranidos, ou aínda coma antídoto das picaduras das cobras, e mesmo remedio eficaz contra o mal de amores. Máis propiedades, coma se ve, que Pepe Bono e o Aloe vera xuntos.

Rematarei por esta ocasión indicando que o historiador Rafael Usero, mestre deste mestre, ven de darme a coñecer dous interesantísimos datos que pola súa novidade e interés non me resisto, co seu permiso que agradezo infindo, a dárvolos a coñecer.
O primeiro é un documento do ano 1598, o testamento do cura de Cedeira, Gonzalo da Fraga, no que se indica que entre outras propiedades valiosas posúe un olicornio. O segundo é outro documento, neste caso do ano 1667, no que se recolle entre a toponimia da parroquia de San Román o Monte do Ullicornio.

Cada quen tire as súas conclusiós. Seguramente o olicornio do cura de Cedeira, tan preciado coma para aparecer no testamento, referirase a un chavello de xabarín, que engarzado en plata na súa base, recibe propiamente o nome de alicornio, e sempre foi moi estimado nas meigalladas polas súas propiedades milagreiras e sandadoras. Del. por similitude, debeu tomar o nome a queixada do Lucanus, e logo por metonimia o insecto mismo. Está comentado amplamente no Diccionario Enciclopédico de Don Eladio Rodriguez.

O Monte do Ullicornio, podería dar en pensar nunha fraga especialmente abondosa en Lucanus cervus onde se podería facer fácil provisión de queixadas de vacaloura. Pero ao mellor alí apareceu morto un porco de tan grande tamaño que os seus chavellos deron nome ao monte. Ou tal ves alguén encontrou alí un valioso e antigo alicornio fermosamente engastado en plata labrada, de tan grande beleza e rareza coma para deixar a súa pisada na memoria da toponimia. Quen sabe.


E pouco máis lle queda a esta entrada, non sendo confirmar a súa vontade de ser unha outra mostra da naturalidade con que na Galizia se ensarilla a Cultura Tradicional e a Natureza, e confesar que vai feita un pouco máis á presa que de costume. Ben sei que se nota. Desculpas, prego.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.

Despós de data: Tameirón, Ourense, Concello de A Gudiña, ano de 1949. Un cativo da Cedeira mariñeira está a pasar alí, nun mundo antípoda e exótico, na pura diagonal da Galizia, oito meses da sua vida acompañando a seu pai, destinado mestre na escola da aldeiña. As horas do serán pasan longas á lus do carburo e ao agarimo do pote da casa-pensión onde se hospedan. Dolores Macías, a hospedeira, é amiga da fala e dos relatorios. O neno, de memoria prodixiosa, fascinado, non perde conto e non esquecerá palabra. Na hora, a señora Dolores cóntalles que coñece ben a vida mariñeira xa que cando ela era nena vivira nalgúnha vila pesqueira do sur de Pontevedra. E que en certa ocasión, ao pouco de instalárese a súa familia a vivir en Tameiron, un home feirante, un mercachifres, un embaucador bufariñeiro, chegou pola aldea vendendo marabillas. A nena Dolores asomara á fiestra da casa e alí abaixo o latricante de feiras pregoaba, con voces e berros, diante da estupefacta audiencia aldeán, as infinitas bondades dos moitos e fabulosos alicornios que dicía levar en venta. Dolores Macías, ao ver os alicornios que quería vender o bufoneiro, berrou inocente: " ¡Mamá, mira este señor!... ¡Vende patas de centola e di que son alicornios!" Naquel intre no que, sin a nena Dolores sabelo, se reencarnaba unha outra vez a parábola do traxe novo do emperador, a audiencia aldeana foise desenganando e desaparecendo, ao compás da expresión chafada do chiolante enganador, sen labia xa para rebatir a verdade da sabencia mariñeira, expresada coa pureza da inocencia infantil. Correría o ano 1905.

No ano 2010, no tardo lusconfús do 24 de xuño, aquel neno que escoitou en 1949 a historia dos beizos da súa protagonista, rememorouna de repente e contouma a min, que lle acababa de agradecer, compartindo uns viños, o galano da súa sabiduría sobre ullicornios, olicornios...e o territorio da ecebra, que esa será outra.

Gracias, señor Usero.


E van estes achegos:


Da wiki galega: http://gl.wikipedia.org/wiki/Escornabois

De Asturnatura: http://www.asturnatura.com/especie/lucanus-cervus.html

Do Dicionario de dicionarios: http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=alicornio&tipo_busca=lema

mércores, 6 de xaneiro de 2010

Eurynebria complanata: as últimas boqueadas.(II)

Déronme os Reis na mañá de Vilarrube. Fora alá para remirar o ciño que hai xa tempo mudou o moi concurrido e cada día máis atafegado Lago de Lanzós polos recunchos máis amplos e abrigosos do esteiro do Río das Mestas, pero non perdín a ocasión de repasar a liña da marea para ver se tiña a sorte de dar con algún carabello. Déronme os Reis na mañá de Vilarrube: ¡ 11 carabellos, 11 ! A cifra máis alta que nunca contara.

Unha cantidade moi estimable e un raio de espranza. Vilarrube amósase así, unha outra vez, coma un espacio natural de valor extraordinario. Que hai que recoñecer. Que hai que coñecer. Que hai que respetar.

Déixovos cos retratos deses once exemplares. Ao mellor divirtídesvos pescudando se algún deles ten o mesmo "código de barras" que algún dos outros editados na entrada anterior. Entretido niso ando eu.

Velaí van eles.











Casualmente nesta última imaxe un Talitrus saltator, arriba un pouco á esquerda, acompaña a Eurynebria complanata. Ambos repousaban debaixo da mesma madeira.
E así queda a cousa por hoxe.
Con once espranzas máis ca ontes.
Saúde e sorte.


Nota marxinal: Para encartar adecuadamente esta entrada compre entendela coma un epílogo da inmediatamente anterior, de data 27 de decembro, Eurynebria complanata (I). Digoio para os que chegueran a esta sen saber da outra. Excusádeme. Obrigado.
Despós de data: Pablo Carballo, da sección de entomoloxía do grupo naturalista Hábitat, citado no artigo, ven de observar nun amable e conocedor comentario, que as fotos 2ª e 4ª son do mesmo exemplar. Certamente ten razon e, pedindovos escusas e agradecendo a Pablo, encarecidamente, o interés con que mirou as fotos e a precisión da súa corrección, deixo o artigo, tal cual se editou, para que conste o erro, que ao mellor divirte, e entendendo amáis que con esta aclaración ao pé non hai lugar á confusión.

domingo, 27 de decembro de 2009

Eurynebria complanata: as últimas boqueadas. (I)

Lamentablemente non se me lembra o nome daquel premiado co Nobel, que sendo inquerido sobre do que el, cos seus profundos estudos, nos podería dicir sobre a natureza da Divinidade, respondeu que o único que podía afirmar era que Deus tiña unha desconcertante afección polos coleópteros.



Nefeuto, a orde das coleópteras, os escaravellos de toda a vida, é a máis diversa de todas as ordes de seres vivos pluricelulares: aproximadamente 360.000 especies diferentes. Árdelle o eixo. Abellas, avésporas e formigas, as himenópteras, con 200.000 levarían a presea de plata na orde das preferencia divinas; e as lepidópteras, as bolboretas de cada hora, con 160.000 especies ocuparían o terceiro posto nas afeccións creativas da Criadora: para un total de seres vivos coñecidos da orde de 1,5 millós. Suponse que o número verdadeiro podería estar arredor dos 7-10 millós de especies diferentes. A grande maioría extinguiranse sen sabermos nunca delas.

Na hora esta aborbollante diversidade de vidas está a declinar. Moitas destas criaturas están arestora en serio perigo de pervivencia. Cada día máis exténdese a certeza de estarmos a vivir, aceleradamente, unha desaparición masiva e brutal de especies, unha hecatombe natural superior a calquera outra das Eras Xeolóxicas anteriores, mesmo a do impacto do meteorito do Iucatán que disque acabou cos dinosauros. E todo nun alustre: o da Historia dos humanos sobre a Terra. Chámanlle a Sexta Extinción Masiva de especies. Moi mal chamado: sería máis preciso o Primeiro Exterminio Masivo. Pois é a primeira aniquilación de moitedumes de especies causada, non por un cataclismo natural, senon pola acción directa e reflexiva, aloucada, chulesca, destemida e soberbia dunha outra: alcumada a si mesma de sapiens, para maior burla da sabiburía. E estámolo vivindo, causando, co corpo presente e a alma ausente.

Uns poucos exemplos de exterminio de grandes animais, no decurso dos derradeiros 10.000 anos da historia dos humanos, abondaría para dar, aínda á intelixencia máis inapetente, unha idea cabal do que estamos a vivir: o mamute, o oso e o león das covas, o rinoceronte laúdo, o pequeno hipópotamo de Creta, os elefantes ananos de Chipre, Malta e Sicilia, o ciño xigante de Malta, a capibara enorme de Sudámerica, os grandes leóns de Norteamérica, os castores xigantes americanos, o bisonte europeo, o tarpán, o lobo marsupial de Tasmania, o otario de Xapón, a vaca mariña de Steller, o dodo das Illas Índicas, a alca xigante do Atlántico Norte, a cotorra de Carolina ou as encebras da Península Ibérica son tan só unha pequena mostra da hecatombe que a especie Homo sapiens está executando. (Os patéticos desesperos por reproducir e enseñar en choídos de zoolóxico a especies técnicamente extintas, tal o panda xigante da China, feito símbolo da esperanza conservacionista, non fan senón aumentar a expresión dramática da traxedia biocida que estamos a consumar).

Traxedia biocida que según os datos da UICN (Unión Internacional para a Conservacion da Natureza) afectaría a un de cada catro mamíferos, a unha de cada oito aves, a un de cada tres anfibios, e por primeira vez, triste orixinalidade, a un elevadísimo número de especies vexetais: a 70 de cada 100 das plantas. Nin máis nin menos. Non posúo datos do cálculo para artrópodos, pero é de supoñer que anden máis ou menos en forquiñas similares.

Un caso rechamante e nos últimos anos de fonda preocupación no mundo entomolóxico é o da Eurynebria complanata, o carabello das mareas, o orixinal e lindo caraboide que anda entre parágrafos ilustrando estas verbas.

Eurynebria complanata, o carabello das mareas, é un curioso animaliño que vive nas plaias e areeiros, xusto entre as lindes da marea agachado frecuentemente entre as madeiras, xebras e mougada diversa que deixa o mar na liña da area. Dise por iso dela que é halófila, con gusto polo saliño, e mesmo chega a figurar nalgunha ca outra guía de animais mariños. Con toda a razón. É de habitos fundamentalmente noturnos, horas nas que sae a cazar o seu alimento favorito, Talitrus saltator (a pulga brincadora das plaias que antes dábase por millós en cada areeiro e hoxe faise tan rara de ver). No verán, outra orixinalidade, suspende as súas actividades e mantense en estivación, son por iso os meses de inverno os mellores para poder ver a este fermoso, orixinal e escasísimo coleóptero, da familia dos cárabos e do xénero nebria.

Eurynebria complanata, extende, ou extendía, as súas poboacións, polas plaias mellor conservadas dunha ampla zona xeográfica paleártica que vai dende Irlanda e o sur da Gran Bretaña, ata as costás africanas do Magreb e as mediterráneas occidentais. Ano a ano baixando alarmantemente as súas poboacións, chegando a extremos críticos e en casos inviables xa ecoloxicamente. As causas hainas que buscar nas alteracións dos hábitats nas plaias e nos marouzós: a moderna limpeza sistemática dos achegos do mar, tantas veces por mecanización agresiva e profunda, provoca non só a eliminación física de exemplares senón a desaparición das posibilidades de mantenimento das poboacións de Talitrus saltator, a pulga da plaia, o seu alimento favorito, e asimesmo a imposibilidade de atopar madeirames vellos: os seus acobillos perante as lucidas horas do dia.

Na Galizia tense constatado xa a diminución brutal dos efectivos poboacionais do carabello da marea. A asociación naturalista ANABAM, do Baixo Miño, leva unha década estudándoio nas plaias galegas de Camposancos e da Garda e nas portuguesas de Vilanova de Ancora, constatando o seu declive incuestionable; o que os moveu a solicitar a súa inclusión no catálogo galego de especies ameazadas, sendo rexeitada a súa petición, (incomprensiblemente se un pensa en termos ecolóxicos, comprensible se un decide en termos de posibilidades de turismo especulativo) por parte da Dirección Xeral da Natureza, recién estreada no novo goberno galego.

Tamén o grupo naturalista HABITAT ten encetado no ano 2009 unha investigación de campo nas plaias da Costa da Morte.

Ao noroeste do Noroeste teño prospectado os areeiros de Morouzos, en Ortigueira, A Madalena en Cedeira, de Vilarrube en Vilarrube, O Rodo e o Baleo en Pantín, e A Frouseira en Valdoviño. Arestora só tiven a sorte de poder velos en Morouzos e Vilarrube. Sempre moi poucos exemplares: 4 en Morouzos o ano pasado, 7 en Vilarrube, hai uns días, pero que están na liña de escasez dos atopados noutras areas galegas. Pero cando menos aínda se pode dicir que nas nosas plaias agáchanse, sobrevivindo malamente, algúns dos últimos, ogallá que non derradeiros, carabellos das mareas.

Fállanme dende logo moitas plaias e recantos por visitar onde sospeito que esta nebria poida ter os seus niños ecolóxicos e poida aínda andar vivindo tan rufa e resalada coma noutra hora calquera. A plaia da Concha, a de Fornos, as plaias de Loira, a de Santa Comba, a de Doniños, a de San Xurxo, a costa de Lobadiz e Punta Penencia ou as marxes interiores do complexo intermareal do Río Mera, son lugares onde non percurei a presenza do carabello da marea.

De certo nalgúns outros currunchos do noroeste do Noroeste ten que andar cazando pulgas este fermoso caraboide que se non lle quixésemos arrimar outro mérito sempre poderemos dicir del que foi o inventor do código de barras xa que se acredita que non hai dous pares de élitros iguais.

E nada máis por hoxe. Desexando que os galanos das gracias dos días enchan as horas do voso vivir, voume mandando fóra agradecendo coma sempre que me deixedes seguir escribindo para vós.

Apertiñas, totus meus.

Nota marxinal: Ana M. Campos Gómez e Francisco Novoa Docet, publican en 2006 e dentro do Servizo de Publicacións da Universidade de Compostela, Los Carabidae de Galicia, Catálogo, Distribución y Ecología, ofrécendose nel os datos de exemplares recollidos nas plaias galegas que serían estes: Corrubedo, 6; Laxe, 1; Louro,1; Cabalar, 4; Coira,1; Esteiro,1; Traba,4; Illa de Arousa, 1; e Illas Cies, en días diversos: 5, 5, 4, 1, 1. As cantidades prospectadas ao noroeste do Noroeste están en liña, como dixemos, coa rareza xeral das plaias galegas.

As citas previas de exemplares desta especie que veñen explicitadas, non inclúen nen a Morouzos nen a Vilarrube: así coa publicación desta entradiña complétase e amellórase en algo o mal coñecido catálogo de distribución da Eurynema complanata nas plaias galegas. Algo é algo.

Deixo uns aghegos que han de completar as moi coreñas informaciós que van inclusas nesta entrada:

A páxina da ANABAM, Asociación Naturalista do Baixo Miño, da mellor información enrede sobre o carabello da marea: http://www.anabam.org/eurynebria_complanata.html

Para saber de insectos en xeral:
http://entomologia.rediris.es/introento/08cuantos_insectos_existen_en_la_p.htm

Para o caso irlandes:

http://www.jstor.org/pss/25537679

Un estudio monográfico de moito interés sobre as poboacións francesas e italianas, vai en inglés:
http://rchn.biologiachile.cl/pdfs/1996/4/Colombini_&_Chelazzi_1996.pdf

Sobre a Sexta Extinción, o artigo da Wikipedia:
http://es.wikipedia.org/wiki/Extinci%C3%B3n_masiva_del_Holoceno#Extinciones_prehist.C3.B3ricas

E tamén este outro:
http://www.biodiversidadla.org/content/view/full/44353





venres, 23 de xaneiro de 2009

TRYPOCOPRIS PIRENAEUS var. CORUSCANS

Non importara que se saiba que, dende que de cativo argallaba carreiras de escarabellos da pataca, compitindo co meu irmao sobre quen era mellor entrenador, teño cos escarabellos un cariño especial. Con todos, gózoa mirando para eles. Pero se tivera que escoller un entre todos, non o dudaría: Trypocopris pirenaeus var. coruscans, a xoia da braña.



Este fermoso e espectacular becho -seguramente coñecido de todos, " quen o ve xamáis o esqueze"- pertence a familia Xeotrupidae da que non se dan máis de 40 especies en Europa. Na miña colección só teño a catro deles. De seguro, ao noroeste do Noroeste, hai moitos máis. A ver se un día se deixan caer.

Geotrupes stercorarius paseándose polos altos da Herbeira, as once e media da mañá do 23 de agosto do ano pasado.


Geotrupes mutator, atopado morto en Fernando Lago, Cedeira, o 4 de maio do 2008.
Trypocopris pirenaeus, exemplar da especie nominal, un pouco máis grande e moi diferente de coloración, uniforme, escura e mate, ca variedade coruscans... á que só lle pode cadrar ben o adxetivo galego... coruscante.
Engadado eu tamén de sempre por esta xoia da braña, cada vrao alento polo intre en que ei de tropezar con él pois afortunadamente é relativamente frecuente na nosa comarca, e non hai ano que falle.




Case que sempre miraba a exemplares solitarios, pasando ao meu lado voando con presa, fungando, relocindo coa raiola as súas cores, algúns mortos polas pistas e de vés en cando algún pousado, sempre co seu aquel de derreado, sen moitos folgos paa remontar. Así é que un día de agosto do 2006, despóis de seguir a brincos a un que pasou voando polo meu lado, e chegarme a onde aterrara, tiven un encontro bonito...


...na campeira, a metro e medio de onde aquel pousara, máis de duas ducias da miña xoia das brañas, afaenábanse arredor dunha bosta de vaca, uns tentando chegar a ela, outros furando, activos, sen folgar, arrequecéndolles...


... simplemente non o podía creer... as oportunidades de observar a vida natural espida son un galano dos días e son raras e poucas... senteime á caron da herba durante horas e poiden gozala...


No adentro da bosta, con códea reseca ao sol e molo húmido, tantos ou máis escarabellos remexíanse sen parar...algúns pirenaeus nominais víanse tamén entre tantos coruscentes...


... agora podía comparar a gusto a uns e outros...tamaño...formas...cores...faceres...

Nas horas que pasei ao pé da obra, moitos outros foron chegando polo aire...case ningún aterraba ao lado...a metro ou metro e medio case sempre, para ter que facer logo un penosísimo camiño entre uhna selva de herbas...

...ata chegar a ansiada meta onde se refuciñában con ganas buscando a súa parte do pastel...

...que era todo un ferve-ferve de élitros coruscantes, lustrosos, tan increiblemente loídos que salían do corazón do esterco tan limpos e relocidos coma entraran...

... ningún andaba parado...todos indo de acó para aló...trafegando sen folgar.

De vez en cando algún cortaba ou refacía un pedazo de bosta e arrastrábaia lonxe, a cousa dun metro, onde a metía nun furado, o seu niño,tapandoio as veces...

...cómo é que chegaban alí todos eles ?...porqué a aquela palastrada e non a outra ? ...cómo é que sabían dende lonxe que alí se xuntarían?... habería máis bostas-asambleas pola serra ?...cántas ?...no mesmo día ? ...?
Alleos as miñas iñorancias, que aínda son, mansos e confíados, sempre ao deles, non facían caso de min nen dun estafilínido (Ontholestes murinus, apoñería), que se dedicaba á caza, sen piedade e sen crueldade, das lambonas mosquiñas dos defecos.
Sei que será difícil poder volver a vivir unha escea parecida, por iso estimo en máis a gracia que un día o monte quixo ter en min: a convidada a unha farrada inesquecible nun día moi especial: o 17 de agosto do ano 2006.
Sí, o día da Xira das Festas da Patrona. Aquel día, na Capelada, tomei unha bufa de bichos. Laida. Aínda me dura.


Agradecido, (miña posible media ducia de lectores).