XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Reptís e anfibios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Reptís e anfibios. Amosar todas as publicacións

sábado, 19 de decembro de 2015

Lagartas na súa murada


Nunha das miñas patrias, no Camiño da Ribeira, hai un muro vello, o muro da Caseta de Henriqueta, que me acompaña na lembranza dende que teño memoria. Aos devalos cara abaixo do meu tempo ponlles el rima asonante coas fírgolas e os furados que medran, ano a ano, día a día, hora a hora,  entre as súas pedras revellidas, nas que, ao mellor, sobreviven os restos dalgunha tégula román da antiga Uilla de Cassini, de onde derivaría, o mestre Alvaro Porto Dapena dixito nome do lugar de Vilacacín. 

Velaí o espazo e o tempo, esgazando, pra permitir ler, na caligrafía da historia das súas regañas, a voz metafórica de Quevedo: Miré los muros de la patria mía / si un tiempo fuertes ya desmoronados / de la carrera de la edad cansados / por quién caduca ya su valentía. 

As sombras da vida, que pasan, facendo e desfacendo luces, aparecéndose coma avisiós da lucidez no Camiño da Ribeira



A vella murada da Caseta de Henriqueta, ofrécese aos meus ollos en cada paseo  pra tentarme a apañar neles o trazo áxil e sixiloso, ou ben a sombra queda e inmóbil, dunha greada de lagartas galegas, Podarcis bocagei, que teñen neste mundo, a nosoutros parécenos vello e caente, un vizoso espazo ao que tal pra facer revivir e espalear, sexa por moitos anos, a súa fermosa fasquía de saurio xurásica. 



O muro, virando, preséntase a leste, vendabal e poñente. Perfecto daquela pra recoller canta enerxía solar o día queira ofrecer. Perfecto pra as lagartas se asolearen, recarguen as baterías e se adiquen a ver de pillar algunha bichería, mosca, moscón, escarabello, araña, eiruga, que teña a pouco acertada ocurrencia de ir repousar a este territorio, dominado pola  tiranía depredadora dos degoiros famentos das pequenas  Podarcis bocagei.



López Seoane, o grande naturalista ferrolán do século XIX sería o primeiro describidor da especie, á que considerou unha subespecie de Podarcis muralis e cristianouna co nome de Lacerta muralis var. bocagei. (2) O apelido bocagei  deullo o noso ilustre devanceiro ferrolán na honra do eminente zoólogo portugués José Vicente Barbosa du Bocage; e corre co nome de lagarta galega, máis propiamente sería galaica, por ser o antigo territorio da Gallaecia o seu solar único de existencia. Xa que logo un endemismo do noroeste ibérico. Sáibase.



Hai que valorar na súa xusta medida o riguroso criterio clasificador do noso paisano López Seoane, tendo en conta que só ben entrado o século XX se poido ir desensarillando a complexidade taxonómica dos pequenos lacértidos europeos, continuándose este labor aínda hoxe, adentro xa o século XXI, cando disque aínda persisten certas formas de status incerto e mesmo, pénsase, especies por describir dentro da Península Ibérica. (2)



Aínda máis. Habería que acougar ata o ano 1978 (Arnold e Burton) para que a nosa pequena lagarta galega fose considerada unha especie propia ben diferenciada e sería só a partir de 1981 (Pérez-Mellado) cando se iniciarían os seus estudos específicos. En principio consideráronse dúas subespecies propias P.b. carbonelli con poboacións no Sistema Central occidental e P.b. berlengensis, reducida ás portuguesas Illas Berlengas. Os estudos de Harris e Sá-Souza nos anos 2000, 2001 e 2002, precisaron finalmente que ambas as dúas subespecies eran en realidade unha soa e ben diferenciada a que se denominou Podarcis carbonelli. Velaí como e por que a lagarta galega quedou considerada unha especie monotípica.(2) 



En principio machos e femias son doados de diferenciar, aqueles máis verdes, estas máis pardas, sempre e cando acaden o status de adultos reproductores. De inmaduros e xuvenís a cousa cambia, amitándose todos á farda femenina, e saber diferenciar con precisión ambos sexos, no campo e a simple vista, non é tarefa doada, polo menos pra un servidor que se sinte incapaz absolutamente.



Lagarta pequena, de aspecto robusto e adaptada a numerosos hábitats, sempre moderadamente húmidos e frescos, soubo afacerse a matogueiras, areeiros (os modernos paseos de táboas dos marouzós viñéronlle se non ao pelo si á escama), beiras de camiño, muros e paredes de pedra, e, en xeografías mediterraneizadas, pensade en Ourense, aparece nos frescos fondos dos vales, nas beiras das augas ou nos ouzais de montaña.



Mantense de bichería miúda que caza con agación practicando a estratexia laboral da rebusca permanente e incesante, amosando unha velocidade notable no intre de zouparse sobor da víctima. Arañas e escarabellos serían parte fundamental da súa dieta, tentando atrapar dípteros pousados ou pequenas eirugas que poidera descubrir, as que non despreza.



Á súa vez vai ser depredada por ofidios sauriófagos cos que poda compartir hábitat. O peneireiro, por algo tamén chamado lagarteiro, Falco tinnunculus, é frecuentemente un depredador eficaz da lagarta galega. Servidor, polo menos dúas veces, puido ver aos merlos papando nestas pequenas lagartiñas. Unha nos arredores da Illa do Mera; outra nas táboas dunha das pasarelas do areal de Vilarrube.


Poucos recursos defensivos posúe a nosa pequena lagarta galega non sendo un asexar permanente de todo perigo (vede que en todas as imaxes non me perde ollo e iso que sempre andei fotografando a dous ou tres metros do muro), unha rapidez de lóstrego fundada nunha axilidade gabeadora envexable e a práctica da autotomía caudal: capacidade de desprenderse do rabo a vontade pra escapar dos depredadores. Non son poucos os exemplares que se ollan no monte coas trazas de teren practicado este mecanismo extremo de defensa.



Coma todos os seres co sangue frío as nosas pequenas lagartas dependen, e moito, da enerxía solar pra poder desenvolvérense con destreza na súa vida diaria. Se poden adoitan aproveitar todas as raiolas de sol que se ofrezan pra recargar os depósitos. Enténdese logo que os meses de maior actividade coincidan coa primaveira e o verán, pero mesmo nos meses do corazón do inverno, tal este decembro, se o sol e o sur se arriman, sexa fácil poder observalas fóra do cubil.



Iso me pasou este pasado día doce de decembro. Coma sempre que paso ao seu lado achegueime ao muro de Henriqueta a ver se casualmente podía ver algunha lagartiña. Había sol, había sur, habia caloriña e había lagartas. E non unha nen dúas se non un lotiño delas, eu calculo que miraría unhas dez ou doce diferentes, de diversos tamaños e sexos. Unhas asoleándose demodo; outras rebuscando por acó e por aló; aquela máis tímida, ou máis intelixente ou máis vella, asomando con recelo o fuciño. Mesmamente algunhas se encontraban con outras e poiden facer algunha foto onde entraran dúas. Que non sempre, non.



As do alto amitan dous machos xuvenís as de abaixo dúas femias noviñas. Pero deixa a ver. Algunha houbo que lle tirou unha trabada a unha mosca destemida. As menos famentas asoleábanse inmoveis, cos ollos pendentes de todo, outras, ás máis pequerrechas, ían e viñan parando pouco, mergullándose no fondo das herbas, deixándose caer por veces e desaparecendo no abaixo da selva de paletarias, entretendo así a miña mañá do sábado, ausente das horas, deixando arrolar o tempo, disfrutando dos indovindos das lagartas e da quentura do sol que me facía ferver as costas. Goceina, abofé.



Os que me viran alí parado, galla en pe, cámara en mao, foco nunha parede caduca, darían en pensar que o que nace raro vive raro e morrerá raro. Oportunamente, raro é sinónimo de escaso e uns poucos, uns poucos afortunados, son capaces de ser felices ollando os furados e recovecos dun muro caedizo, deslombado, arregañado, onde só eles son quen de encontrar tesouros marabillosos agachados en covas misteriosas defendidas por dragós mitolóxicos, celosos vixíantes dun mundo antigo e perdido, que se acovilla no máis adentro dunha vella murada escraquenada.

O vello muro da Caseta de Henriqueta, sen ir máis lonxe.



Xa non quedan muros vellos de pedra. Xa non quedan nen tan siquera muros de pedra que un día serán vellos. Valados de bloques, lindes de xergós, peches de formigón ou muradas enladrilladas, non sempre recebadas e raramente vistosas, viñeron a substituir ás esforzadas e fermosas paredes de pedra á vista. 

Máis que os nosos ollos, lamentaio a diminuida poboación de lagartixas do noroeste do Nororeste que  nos últimos tempos debeu sufrir un descenso significativo: xa non se deixan ver coma nalgún tempo. Que va. 

Ao fin son xente coma calquera outra: non tendo onde, ou de que vivires, emigras ou morres, sexas lagarta galega... ou siria.


Moito obrigado quedo con vosoutras, miñas lagartas, por darme tanto gusto tantas veces. De veras que si.

Ogallá que unhas faragullas dese pracer  poidan chegar aos ceareiros que andedes, poidera ser, a lerme agora mesmo. Daquela correspondería, mais que fose un pouquiño, á xenerosa mercede que me concededes ao acompañarme en cada xeira no meu divagante discorrer polo nororeste do Noroeste, que unhas veces avanza camiños, algunhas ulisquea flores e outras fala só, diante de muradas esmorecidas.

Cousa de tolos, de raros, de escasos. 

Apertiñas, miña xente, moita saúde e sorte.

A mandare.



Notas marxinais:

Todas as imaxes, menos o primeiro plano da cauda automotizada que se corresponde cunha lagarta do Ouzal retratada no  mes de agosto, fixéronse nos vellos muros da Caseta de Henriqueta. Todas elas, menos as fotos do macho descansando entre os vidros, que son do sete de abril, están rexistradas neste pasado día doce de decembro do corrente ano que parece  vai pasando.

Ao tempo ca os achegos que se acompañan andaron moi presentes nas miñas maos a Guía dos Anfibios e rçeptiles  galegos da Editorial Xerais da autoría de Pedro Galán, o Atlas dos anfibios e réptiles de Galicia da SGHN, editado no 2011 e coordinado por Moisés Asensi. En obriga.


Achegos:

1) Ficha de Vertebrados Ibéricos, a cargo de Pedro Galán, da Universidade da Coruña. Unha eminencia. Entrar

2) Ficha amplada de Vertebrados Ibéricos con numerosa información rigurosa e actualizada. Adiante



PAZ  E  PALABRAS

xoves, 26 de xullo de 2012

Enrana entre lentellas


Paréceme ter escrito nalgunha outra volta que na miña nenez xamais andei espido. Andei, iso sí, enrana moitas veces. A palabra espido aprendina de maior. Na fala cedeiresa dos anos 50 do século pasado (xa moi deturpada pesia a conservar recendentes fórmulas de enxebreza, velaí azoso), o termo que usábamos pra expresar que andábamos ausentes de roupa, no canto de espido, era andar enrana. Seguramente sexa unha perífrase: en rana, separando preposición de sustantivo, pro nos meus ouvidos infantís sempre apareceu debuxada coma unha soa verba: enrana. Da mesma maneira, espirse era poñerse enrana. Loxicamente a palabra rá ou rán, tíñamola substituído pola máis castelanizada rana. Os cativos andábamos ás ranas e non ás rás. Cousas da fala asolagada.


Velaí  as rás que ilustran esta entrada húmida, apropiada pra os días da calor, nadaren enrana, permítaseme a coña, entre as augas mainas e aquedadas de calquera curruncho da bisbarra pra ocasión cubertas da pequerrechiña folla ovada da Lemna minor, a lentella das augas, a lentelliña dos ríos.
A lentelliña do río é unha pranta acuática da familia das Lemnaceaes, que se atopa distribuída por case todo o mundo temperado, faltando tan só ao parecer no leste de Asia. Na Península Ibérica está espaleada por toda ela, falla en Albacete iso si, e na nosa bisbarra é absolutamente común en augas mainas e acomodadas, onde acada grandes taxas de medra en moi pouco tempo, volvendo decamiño á flor das augas nun continuo herboso de vivo color verde que é aproveitado polas rás pra se encriptaren perfectamente. De non moverse, por veces, tórnanse invisibles.

A lentella das augas é unha pranta na que non se diferencia talo e folla. Cada lentelliña é unha única planta da que baixa unha única raíz que a mantén, en todos os sentidos, aboiando na flor da auga. Asombrosamente esta diminuta especie  é  unha anxiosperma, quere dicirse que ten flor. Cada pranta-talo-folla ten unha flor masculina e outra feminina. A flor masculina ten un único estame e a flor feminina un único pistilo formado por un só carpelo. O froito, ten catro sementes que non son as responsabeis da súa extraordinaria proliferación en superficie, xa que a forma máis corrente de reprodución é a asexual por xemación, ao nacer do borde da pranta unha xema pequeniña que se separa da pranta mai, pra formare unha nova pranta-folla. Secomasí é  moi frecuente atopar agregados de dous ou catro prantas xunguidas.

Presenta por outra banda un interese notable dende o punto de vista evolutivo e ecolóxico, ao reducir dun xeito tan extraordinario o seu tamaño (Lemna minor é unha das plantas anxiospermas máis pequenas, só superada por Lemna minuta)  pra conquerir deste xeito unha notable capacidade de multiplicación por xemación, o que lle posibilita trunfar diante doutras prantas acuáticas ás que afoga e acovarda ao impedirlles recibir a luz necesaria e suficiente pra realizaren a fotosíntese.


A lentella das augas presenta  unha notable  capacidade de crecemento o que fai que estea no ollo de estudo dun amplo número de investigaciós científicas que ven nesta diminuta prantiña unha magnífica alternativa pra a alimentación de gandeiría diversa. Nefeuto a outa taxa de contido proteico, ata un 38%, e as súas boas condiciós de palatalización pra numerosas especies (porcos, vacas, parrulos) fai que ande en vías de experimetación  (ate o de agora con resultados moi positivos e espranzadores) cara a unha  alternativa máis natural e ecolóxica  aos pensos de alimentación animal.

Pro non é esta a única vía de ensaio e investigación que a lentelliña das augas anda a abrir entre a comunidade científica. Tense demostrado xa a súa grande capacidade de depuración de augas residuais e a súa capacidade de asimilación de metais pesados, moi especialmente mercurio. Anda así a experimentarse e a calculárense as súas posibilidades de utilización industrial neste eido, moi especialmente en determinadas comunidades mineiras sudamericanas, onde a minería ventureira e sen control  converteuse nunha ameaza clara pra a saúde de persoas e animais.






Así opina a investigadora colombiana María del Pilar Arroyave: "En el campo ambiental, se puede considerar como una especie valiosa en el tratamiento de aguas residuales, en la absorción de contaminantes, como complemento alimenticio para animales domésticos y para utilizarla en bioensayos con el fin de determinar el efecto negativo de sustancias tóxicas en el agua" e asemesmo "...
esta promisoria planta, la cual puede considerarse como una excelente opción para ayudar a lograr la sostenibilidad de los sistemas agropecuarios, disminuyendo tanto el suministro de insumos externos como la contaminación al medio ambiente. Su empleo en granjas y en plantas de tratamiento de agua en los municipios la convierte en un valioso elemento para la implementación de tecnologías limpias económica y ecológicamente sostenibles". Quen pensaría que tan pouca cousa minor dera en xerar espranzas tantas.

Vaiase quedando a cousa por acolá. Ao mellor agora quen lera este artigo, e non só mirara os santos, é quen de mirar con outros ollos a esta diminuta especie, que vén a amosarnos dunha outra volta a lección de que na natureza as espranzas poden non estar necesariamente acobilladas na inmensidade do tamaño.

O microcosmos e o macrocosmos son a mesma cousa: advertírannos xa  os mestres alquimistas antes ca os físicos nucleares e os cosmólogos, brincando de ledicia,  nolo confirmaran danzando en parella, tal que cuantos entrelazados, tras escoitar as harmonías concordadas do sutil son do bosón de Higgs.

MIl gracias mil, miñas e meus.

Moita saúde e sorte.

A mandare.


E van estes achegos:
a) O artigo, sempre de outo nivel, de Flora Ibérica, cos magníficos debuxos a plumilla aos que somos tan afeccionados. Pra ler.
b) Un artigo-resumo dunha investigación da Universidade de Barquesimeto, Venezuela, coas conclusiós sobor do crecimento da biomasa a partires de Lemna minor. Premer.
c) Interesante estudo introdutorio, ao xeito dun resumo amplo, das características principais da lentella das augas, da Escola de Enxeñería de Antioquía, Medellín, (Colombia). Clic de entrada.

xoves, 6 de outubro de 2011

A lagarta da serra.

As lagartas, tamén  os lagartos, con ese aire xurásico certo e esa ollada tenra e case suplicante, son sen dúbida das miñas xentes favoritas para tentar contemplar e mesmo  fotografar. Confeso terme quedado engaiolado co seu indovindo lizgairo, áxil, ingrávido, que me aleda a face de sorrisos admirativos e incrédulos, e malamente me permite ocuparme en   lles facer algunha foto.
Todas, elas e eles, lagartas e lagartos, xentesauria dunha fotoxenia salvaxe, evocadora de exotismos tropicais  antigos,  remexen no común das  ánimas, se  cucarandainas máis, conmovedoras pasiós terroríficas, e no ánimo do olláparo naturalista, en troques, levedan maretadas de lediciosos praceres perdidos, tal, poder desfrutar do antigo discorrer natural da vida espida, sen aditivos, sen colorantes...sen humanizantes.
Iberolacerta monticola, a lagarta da serra, vén hoxe a este bló fardada con todas as honras e maxencias esixidas as humildosas xentes do monte pra seren consideradas dinas de figurar nos máis prestixiosos catálogos conservacionistas dos tesouros  da biodiversidade. As poboaciós de lagarta da serra na Capelada, se coubera, máis aínda.
A lagarta da serra é un endemismo do noroeste ibérico que viña sendo considerado na súa área de expansión coma unha úneca especie que aparecía pola Galizia, Cordal Cantábrica, Sistema Central, Pirineos, Serra de Gata, Montes de León e Serra da Estrela en Portugal. A afinación dos estudos a nivel xenético e proteínico, deu en validar a diferenciación das diversas colonias, case que noutras tantas especies.
Deste xeito a poboación dos Pirineus definiuse como Iberolacerta bonnali, cos tres subespecies de seu, as poboaciós de Gredos e Guadarrama denomináronse I. cyreni, as de Serra de Gata I. matinezricai e as da Serra da Estrela, cantábricas e galegas, entre as que loxicamente entran as da Serra da Capelada, ficaron co apelativo tradicional de Iberolacerta montícola.  Considerando pra máis que as portuguesas son da subespecie I. monticola monticola, e as galegas e cantábricas I. monticola cantábrica: cousas da axitada ciencia da taxonomía, en estado permanente de definida indefinición.
A especie presenta un claro dimorfismo sexual, sendo os machos máis grandes e de aspecto máis robusto e teñen o dorso de coloración verde contra os tons pardorroxados das femias,  xardado en ambos casos con pencas negras que poden formar bandas polos laterais, aínda que os machos noviños teñan tamén a espalda parda. As crianzas, unha cucada, presentan un rabo azul e un aspecto fráxil incondundible. Característicos son os ocelos azuis laterais e axilares dos machos que lle confiren unha  farda linda e fermosa.
As poboaciós da Serra da Capelada presentan nos machos a distinción propia da coloración azul da gorxa, e por veces da cabeza. Característica esta única e especial, que define a raza propia das lagartas da Capelada e convérteas, aos meus ollos, nas máis fermosas das iberolacertas, e por outra banda diferéncianse tamén por ser quen de vivir na mesma ribeira mariña. Máis arriba vai a imaxe documental dunha femia adulta esculcando entre as madeiras do paseo da Plaia de Espasante. Neste mesmo bló xa se publicou a foto  doutro exemplar entre as pedras do peirao do cantil de Cortes: rebuscaba bichería entre as xebras da marea. Iberolacerta monticola cantábrica: a lagarta mariñeira. Na Serra da Capelada, si.
Especie considerada típica de alta montaña, gosta das pedreiras abondosas e amplas, estando especialmente adaptada para sobrevivir entre as regandixas e os coreños espazos entre elas. Xa neste  bló apareceu a imaxe dunha femia fotografada entre as morrenas glaciais de Os Tres Bispos, nos Ancares. Na nosa bisbarra ocupa unha diversidade de habitats: pola Capelada gosta das penedías entre uces, Os Carrís e Penedo Escuro por exemplo; dos areeiros da costá, ao abeiro dos paseos de madeira, tal na Plaia de Espasante; das ribeiras mariñas do cantíl, penso no   Peirao das Bolas da Enseada de Cortes, e asimesmo  vellos muros dos bosques de ribeira, na Illa do Río Mera por caso, e non faltan nas verticalidades destemidas da costá: teño fotos de exemplares pola banda da Espiña dos Gatos, baixando ao Cadro. Acolá ao parecer, por onde elas queiran.
Pesia a que non son moi difíciles de observar, para máis son moi curiosas e relativamente confiadas, cada día parecen ir diminuindo en número. Ao igoal que  con toda a vida salvaxe, a imparable extensión da influenza vírica humana anda ameazando a súa supervivencia. Parques eólicos, o desmadre das "actividades en contacto coa natureza" tal o sendeirismo iñorador, desaforado e salvaxe e o montañismo masivo; a construcción tola de infinitas e inútis pistas forestais; as repoboaciós masivas sen estudo previo; o furtivismo mineiro (...si, furtivismo mineiro, xa falaremos)... e tantas, tantas outras humanidades, o lume por caso, andan colocando a pervivencia  desta fermosa alfaia dos penedos nunha situación preocupante, que ameaza gravemente a sosegada vida tradicional  das fermosas lagartas da serra no Mundo Feliz da Capelada. Richini Richinoff, dixit.
Non extrañará saber, xa que logo, que está estrictamente protexida polo Anexo II do Convenio de Berna, que a Directiva Habitats declaraia especie de interés comunitario que require protección estrita e a lexislación estatal española consideraia "de interés especial", consecuencia todo este nivel proteccionista da declaración de Categoría Mundial UICN como "vulnerable" e na Categoría España UICN como "especie casi amenazada" no ano 2002. Saberemos conservar o noso patrimonio natural?
A mesma Xunta de Galizia, tan conservadora non tan conservacionista, advirtindo que algunhas das poboaciós recoñecidas de lagarta da serra viñeron declinando perigosamente, en casos mesmamente ate desaparecer, veuse na obriga de incluilas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas 2007 e otorgarlles a consideración de vulnerabeis. Moito máis vulnerabeis se pensamos que algunhas das poboaciós, Cabeza de Manzaneda por caso,viven illadas  e malamente poderán contactar e intercambiar xenes entre sí.
Servan estas letras e estas imaxes, case todas elas dun macho novo fotografado este ano, para lanzar un brindo á espranza. Un brindo a berros polo futuro das lagartas da serra. Un brindo a gorxa chea pola súa sobrevivencia. E fagamos algo máis.  Defendamos e protexamos os seus habitats: os penedos da malpocada Serra da Capelada, cada día  máis esbandallada e alterada. Brindemos, máis que sexa co viño amargo das horas, por elas, as lagartas da gorxa azul.

A de ir rematando no punto esta entrada lagarteira. Ogallá, coma as mareas do setembro, chegue riba de riba do voso corazón xeneroso, ao que  lle ei de quedar agradecido por acoller nel, co doce agarimo que sinto ao lonxe, estas  palabras bremanzosas.

Ata outra mellorada, miñas e meus.

A mandare.



Nota marxinal: van baixo do videomínimo unha  xeira de achegos nos que poderedes acceder, se queredes saber moito máis  das nosas lagartas, a un coñecemento científico rigoroso da súa bioloxía e problemática, da mao e a prosa dalgúns dos mellores especialistas do tema. Leitura proveitosa,  sen dúbida, animarvos.


VideosMínimosDoNoroeste TV
O petisco da lagarta.

Un achego a Enciclopedia Virtual de los Vertebrados de España, con rigorosas, amplas e actualizadas informaciós sobre a lagarta da serras, en premendo.

Estoutro a ficha en pdf do Atlas y Libro Rojo de los Anfibios y reptiles de España, pra achegar, premer.


E estoutro do Boletín da Asociación Herpetolóxica Española de decembro do 2006, no que Pedro Galán, herpetólogo do máximo prestixio, comunica a existencia das comunidades de Iberolacerta monticola da Serra da Capelada, nas que os machos presentan coloración azul na cabeza. Un documento imprescindible do naturalismo ao noroeste do Noroeste. Se intresa, premer.


Acó un artigo, do mesmo Pedro Galán e do ano 2005,  nun curso do IBADER, (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) sobor da situación e as ameazas da fauna herpetolóxica na Galicia. Simplemente a opinión dun dos máximos especialistas. En premendo. 

E un outro interesante artigo do mesmo Pedro Galán en MUNIBE, suplemento Nº27, sobre "Caracterización de las poblaciones de Iberolacerta monticola en el noroeste ibérico" si premedes.

mércores, 2 de febreiro de 2011

Dia Mundial dos Humedais... e tamén da Candeloria

Crou, crou, crou, crou... Olá xente sensible e intelixente. Permitídeme que me presente: son o rano Ranato, xente dun rego do arredor do Lago de Lanzós, e gracias a xenerosidade do Rafael, (...non sen un grande traballo de persuasión pola miña banda, todo hai que dicilo, porque hai que ver o reparado que é para isto de deixarlle escribir no bló a naide), podo dirixirme hoxe a vosoutros.
Verdade é que o Rafael tiña pensado organizar un comité representativo de todos os hérpetos e anfibios da bisbarra (...parece mentira que a súa idade, aínda ande con estas lerias de progrete).
Afortunadamente fíxome caso (...xa é ben raro que escoite a outro) e elixiume a min, ao fotoxénico e falangueiro rano Ranato para decirvos o que vos temos que dicir. E elixiu ben: estaría bonito todo un comité de bichería herpetolóxica nestas liñas, cacarrañando cada un na súa confusa fala mollada (...e iso os que falan, que moitos dan en calar e non che abren a boca, non sendo para comer, que para iso si que espabilan).

Deixádeme de lerias que vou dicir o que viña dicir. O caso é que hoxe día 2 de febreiro, Día da Candeloria, conmemórase o Día Internacional dos Espazos Húmidos.
Nas poucas augas que van quedando en estado enxebre, acollérase entusiásticamente a proposición de lles adicar un día aos nosos augares, cando no ano 1971 (...xa choveu, pero misteriosamente...¡moitos humidais enxoitaron dende aquela!) a Convención Internacional relativa aos Humedais, celebrada na cidade iraniana de Ramsar (...para abreviarmos Convención Ramsar) decidíu celebrar anualmente o día Mundial dos Espazos Húmidos na data do 2 de febreiro, día da Candeloria, festa galega da luz na que é tradición levar unha candeloria bendecida para a casa para nos protexer durante o ano dos tronadas, e data tamén sobranceira por dicirse que neste día casan os paxariños.

Xa que logo, cuarenta anos van, dende que aquel 2 de febreiro do 1971, nunha cidade iraniana á beira do grande Mar Caspio os estados do mundo, ( ...e non tanto as naciós, os pobos e nós as xentes), firmaron o Convenio Ramsar para a protección e a delimitación dos humidais. E si vinte anos non son nada, os cuarenta anos que aló van dende aquel Día da Candeloria do ano 1971, ao mellor, tristemente, foron dúas veces nada.
Estes días mundiais de calquera cousa non sei eu se valen para moito ou se valen para algo ou se non valen para nada. En todo caso, agora máis que daquela, fai moita falla que os humanos tomen en consideración ás augas doces do noso-voso mundo e as empecen a valorar coma un dos grandes tesouros naturais que convén protexer radicalmente, (...e ao mellor para facer rebumbio un día ao ano, aparecer un chisco no telexornal e dar que pensar a alguén, si poden servir, non digo eu que non: non quixera parecer un ecoloxista radical, ¡mi madriña! ¿que pensarían de min na miña poza?).
Porque verdade é que as augas doces do mundo, das que depende toda vida, non só a nosa, andan na altura en perigo crítico de desaparición. Aos humanos deulles de sempre, aloucada e destemidamente, por desecar canta poza. lameira, lagoa ou lago se lles cruzou por diante.
Por veces colleron a desculpa das maladías que aventaban os mosquitos que se crían nas nosas augas, outras dixeron que era para facer pastizais máis enxoitos onde o seu gado pacera máis acomodadamente, outras desecáronnas de todo para sementar patacas, moitas outras augas fóronas consumindo pouco a pouco, amodiño, xa para regar trigo, mainzo ou algodón, e aínda algunha outra sepultaron, para levantar encima un emporio de especulación inmobiliaria.

E así, dende que os humanos andan paseando a súa soberbia bíblica polo mundo, pouco á pouco, ano a ano, foron desaparecendo en todo o planeta miles e miles de zonas húmidas.
Por veces territorios cativeiros, dos que decían que "non valen para nada non sendo para criar bichería" e con esas enxoitaron as enchoupadas lameiras de tantas zonas de turbeira do ouzal da Galizia, volveron terras resecas e duras tantos carrizais das beiras dos ríos, (...todas as do redor da cidade de Roma, por exemplo, pero hai tantos), encanaron e entubaron regatos e ríos e nen unha herba medra ao seu redor, desperdiciaron con regos roubados todo o océano oculto da Mancha (...¡¡esas Tablas de Daimiel!!), fixeron desaparecer do mapa a famosa e grande lagoa de Antela, que a tanta xente de augaire acollía, (...e acabaran, xa lle falta unha mitade, co Lago de Lanzós, miña casiña, meu lar) e aínda... todo un mar inmenso, como o Mar de Aral, borraron da face da Terra.


Sei, porque o Rafael mo ten contado, que vós, meus sensibles e intelixentes amigos, non queredes ser cómplices de humanadas, se non que, ao igoal que nosoutros, sodes conscientes de ser xente, simplemente xente: do primeiro xen xurdidos, todos dun principio xenético formados.
Sendo así (... que non o dubido, faltaría máis), sei que comprenderedes o grave problema que temos a xente dos augares para poder sobrevivir e continuar a andar cacarrañando, con perdón, neste o noso querido mundo.

Moitas das nosas poboaciós foron xa exterminadas, (...nun xenticidio que por certo non ocupa portadas, seascaso algunha gacetiña), e numerosas especies están desaparecidas ou ao borde mesmo da extinción; resecación dos nosos hábitats húmidos (... ¿con que dereito natural - pregúntovos eu- mos enxoitan?); separación e fragmentación de poboaciós; contaminación química das augas que da en criar monstruosas malformaciós, (... é moi triste dicilo, pero cada vez máis nacen raniñas de cinco patas); extrañas maladías funxicidas para as que non temos defensas; influenza negativa do xa innegable cambio climático ou unha excesiva radiación ultravioleta, están poñendo aos nosos irmaos dos augares nunha delicadísima situación de sobrevivencia que require da unión de todas as vontades xentís para poder revertir tan triste situación.

Son eu xente de xenética máis optimista ca o meu amigo Rafael, que non lle ve solución ao asunto. Eu quero crer que no fondo da xente hai un xen de sabiduría adormecido que ha de recordarse un día e empezará a espabilarnos da suicida inconsciencia ecolóxica na que vivimos. Ha de facer falla para iso que abandonemos a antigualla ideolóxica do Humanismo e nos despertemos co esperanzador reloxio do Ecoloxismo que repenica xa o seu canto de lucidez nesta mañá da Historia, na que o calendario marca o día 2 de febreiro do ano 2011, Día da Luz Reveladora, Día da Candeloria, na que se casan os paxariños e nos augares soñamos espranzas líquidas.

Unha húmidez anaga, e fai brilar, os meus ollos.

Moi agradecido a todos vosoutros, e se mo permitides, un agradecimento especial para o Rafael, por me deixar parolar.

Quedo con vós na poza que queirades.

Ata vernos.