XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

sábado, 30 de setembro de 2023

Os consolos da solda consolda

    

        No meu pequeno mundo criouse un pequeno curruncho de Ajuga reptans, en galego vello solda consolda,  que, se se ollaba dende a súa altura,  amitaba un fermoso bosque exótico de arboriñas de flores azuis, por veces lenemente sonrousadas e nazarenas, un mato comprido que alá polo mes de abril consolou á miña ollada do triste desacougo invernal de vivir sen as alegrías dunha flor.

    

    Dicir que no meu tarreiño criouse, é verdade e é mintira. É verdade que se criou, pero non sería intelixente pensar que se criou el soliño sen que a miña intención non lle botase unha mao dende  un par de anos atrás polo menos. 

    

    Un día incerto de hai dous ou tres anos avistei que un pequeno talo de solda consolda erguíase apurado e solitario entremedias das follas das espadanas e no medio dalgúns Ranunculus repens, a herba belidacompetindo con algunhas ca outras herbas das que o meu pequeno mundo é farturento: Arum maculatum, por exemplo,  a quen por estas terras arredadas, de lingüistas tamén,  chamamos herba xiganta

    Aquel pequeno talo, que parecía irse afogar entre tanta competencia, deu en sobrancear un algo por riba da tona da terra e eu dei na idea de mirar se botándolle unha mao, quer dicirse si librando o seu redor doutras herbas de poder inzador, un supoñer o Geranium robertianum, a herba de San Roberto, da que o meu tarreo é farturento podería ter algunha posibilidade de medrar e estender os seus talos reptadores pola tona do tarreo do meu pequeno mundo.

    Vaia se aproveitou a collada!! Nestes dous últimos anos, facendo boa a súa condición de reptans, estendeu os seus talos verde vizosos, ocupou un pequeno espazo por debaixo do acibro onde se fixo a herba dominante e ao chegar o mes de abril os talos floríferos da solda consolda  con confianza e sen medo medraron fermosos e déronlle o meu pequeno mundo cor, beleza e mantenza.

Da cor e da súa beleza aproveitámonos as olladas humanas. Co néctar de ledicia das súas flores os lindos abellonciños fungadores fixeron festa diaria si ao sol si a sombra.





    
    Sobre dese cento de talos en flor de solda consolda levantouse nos días de abril un espazo azul e malva que me deu consolo e repouso, olladas a centos e saberes sen conto que traían co vento caricias de airiños lixeiros. Nunca teña menos.


    E no punto remata este breve, brevísimo discorrer. Un consolo volver ao noroeste do Noroeste. Volver á vosa beira. Que sexa por moitos anos e vostedes os conten todos.

    Ser bos que guapas xa sodes.

    A mandare miña ben querida e pouca xente.



 PAZ  E  PALABRAS

(Despois de data: Non teño esquecido o blogue, non o vaiades pensar, téñoio presente todos os días. O caso é que estou liado con outros temas dos que se todo vai indo ben en breve poderei verme liberado e poderei retomar o blogue coa mesma intermitencia habitual. Máis que sexa con máis imaxes que frases: os vosos ollos e as vosas neuronas sei que o han de agradecer. Escusas).