XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

martes, 23 de abril de 2024

Os seres diminutos...




...que conformamos o comando de resistencia pacífica do Movimento Vitalista das Terras do Mundo, de frente e por dereito, sen taparse, dando o peito e coa verdade por diante, comunicamos 

Nada máis antiecolóxico. 
Nada tan devastador. 
Nada máis contaminante.
Nada tan envenenador.
Nada máis aniquilador. 

Nada máis destrutivo da viva diversidade. 
Nada tan asolador, arrasador e afogante. 
Nada máis horroroso, insensible, egoista e mortífero. 
Nada tan empobrecedor, triturador e humillante, 
 
Nada máis mortífero, fatal, funesto e letal. 
Nada tan absurdo, insensato, irracional e disparatado. 
Nada máis triste, doloroso, agre e amargo. 
Nada tan necio, sandio e estúpido 

Nada máis aflictivo, luctuoso e amargo. 
Nada tan  nocivo, hostil, perverso e asasino. 
Nada máis odioso, repulsivo e execrable.
Nada tan noxento 
 
como as guerras que armades os humanos.




Dende o intre non tan lonxano en que  os humanos vos apoderástedes do mundo é afirmástedes que era o voso mundo, coa soberbia abominable dun ser superior, coa cobiza dun ser mísero, non deixástedes, non deixades, non deixaredes, de matarvos, asasinarvos, arrasarvos e destruir a todo e a todos, a todas e a todo. Ás infancias inocentes, aos anciáns desvalidados, aos enfermos impedidos, aos prados das flores, os ríos das troitas, os montes das bestas, os fraguíos do loberno, as campeiras das lavercas, as árboredas dos rechouchíos, os prados das grileiras, a terra das miñocas, e a todas as vidas dos vivos . 

E facédelo sen caridade nin vergoña, coa desfachatez dos macarras ensoberbecidos. 

Sen pena do sufrir que provocades, burla burlando, decides que sodes cimeira da creación, especie insuperable. 

Homo sapiens vos chamástedes.

Xa hai que ter callo.

Sapiens... se aínda dixérades ignorens.







É unha araña quen fala, unha chinche quen denuncia, un saltarete quen laia, unha orquídea quen lamenta, un cempés quen non  cree, unha herba quen se asusta, un paxariño quen proclama, un verme quen toma a voz e a palabra pra dicir  que non ten a culpa un ruso, que non ten a culpa un ianqui, que non foi cousa de nazis, nin cousa de comunistas, nin desvarío anarquista nin tolemia de beato muhaidin, nin é desfase nin cabreo dun pelanas. Son as fronteiras do mundo,  os macro nacionalismos rampantes, os micro nacionalismos minguantes, as tres relixións do Libro, as ansias imperiais, as que combaten entre si, as que guerrean para si, as que se destrozan entre si e esbandallan todo,  cegados e guiados pola ambición de poder e os degoiros de  mandar e poder, de poder asoballar ao outro coma o outro me asoballaría a min.  





É unha miñoca quen toma a voz e fala, dende o adentro da terra na que vive, dende o profundo do humus que  a todos nos sostén: non hai máis patria que a terra que nos fornece nin outra nación máis verdadeira que a Vital da que vivimos. Son eu a miñoca soterrada quen afirma, sen ter dúbida algunha, que...

....mentres existan fronteiras onde se comprimen os vellos estados nacionais, mentres existan imperios expansivos, mentres o capitalismo financiero especulativo domine aos gobernos do mundo, mentres esa ONU vosa das miserias vosas sexa unha tapadeira miserable dun club privado de dominadores de vontades e riquezas, mentres vosoutros e vosoutras non decidades ser unha soa é única nación universal, regulada por unha Constitución Única e mentres as tres relixións do Libro segan a practicar a violencia como norma, lei e razón de existencia, mentres non nos convirtamos nunha única nación de vidas compartindo unha soa patria universal e vivamos unha relixiosidade de paz e amor en concordia, as guerras, as miserables guerras da vosa miserable historia de guerras, esas, as guerras vosas non acabarán nunca. Ao contrario, en razón do incesante aumento do poder destructor das vosas armas, cada día, cada hora, estará máis proxima a ameaza dunha Apocalipse  Antrópica.

Dun xeito materialista inevitable.

Son eu, a miñoca dos tarreos, quen  na hora presente ten a honra de ser a portavocía do Movimento Vitalista das Terras do Mundo, eu, a miñoca que vive á rastreira, quen esixe  da proclamada intelixencia racional humana que se rinda a evidencia sensible da ineludible necesidade de constituirnos de inmediato nunha única nación mundial  de seres vivos.

Por unha Constitución Universal de Vida. 

Polo sentidiño natural.






Somos  nosoutras as percebellas que arriba  estamos e as que abaixo vimos as que agora collemos alento e falamos. Diloir as fronteiras, aceptar unha única lei universal, un goberno mundial é a única esperanza posible pra construir un mundo en paz e a beneficio de todos. Non hai outro camiño. Non lle chamedes Utopía. Chámadelle Esperanza. A serio: é a vosa última oportunidade.  De seguir así, humanas bacterias naturófagas a destrucción da vosa historia aproxímase. Nosoutras seguiremos. Os insectos resistiremos á vosa violencia como resisitimos cataclismos telúricos na nosa historia que se conta en eras. Vosoutros, soberbios engreídos, recén chegados á Historia de Gaia, desapareceredes entre os laios de horror dos lamentos necios. A vosa violencia, a vosa sandia iñorancia,  a vosa falta de sabiduría levaravos a desaparición: seguir así, bacterias naturófagas, non facer caso: xa vos falta menos. 

As trompas do apocalipse están afinando o seu ronco oubeo de exterminio. 

Tocan de finado.






Nosa ben querida e pouca xente:

Nos tempos que corren, nos que a intelixencia sensible mandouse mudar de universo e as negras nubes da  iñorancia brutal sombrean a este mundo coa friaxe da súa alma escura, os seres diminutos que conformamos o comando de resistencia pacífica do Movimento Vitalista das Terras do Mundo, habitantes que somos dun pequeno curruncho ao noroeste do Noroeste da Galicia, recoñecendo de lonxe que eisalades o doce perfume do bálsamo das almas en paz, agradecemos que viñerades connosco ate acó e pregamos aos milagres dos días que vos aleden as horas con farturas de paz e saúde. 

Amar e ser amados. 

Graciñas.

A seguir sendo bos que guapas xa sodes. 







PAZ  E  PALABRAS
 

venres, 5 de abril de 2024

Para Elías, ave do paraíso do meu pequeno mundo.


Un día dun ano destes que pasaron, á caída da tarde, de entre unhas inesperadas nubes alaranxadas daquela seranciña tépeda con ouros de setembro, chegou dalgún lugar do ceo, que eu non era quen de precisar, a melodía  borbollante dunha ave, un cantar de flauta clara e rego de monte fresco, unhas engaiolantes harmonías de sereas aladas con recendos de anís e sabor ao mel. Unha lambada. Unha ave exótica escapada, pensei... e que ben canta!! Ilusionado, lembrei o loro de mil cores e a cacatúa berrallona que tempo atrás nos viñeran visitar.



Levanteime amodiño, collín os prismáticos e a cámara. Tal un musgaño de Hamelin engaiolado, expectante, fun tras dos ecos sonoros do cantar da paxariña. Con calma e prudencia temerosa, para non escorrentala, pasei o túnel de sombras que aperta á laranxeira co cinamomo e abrín a cancela con mimo, por medo extremo a sentir rechíar a carabilla enferruxada. A ave misteriosa seguía a cantar  feliz. Daba gusto. 



Arrimeime à parede da caseta e camiñando cauto pola serventía do rueiro, amodiño, amodiño, funme achegando ao muro cativo que linda  coa finca do Mógharo. Por alí adiante tiña que estar. De por alí viña o canto. Nalgures andaba. Da paxariña ocultábanme un castiñeiro, un pesegueiro, unha parra verdescente e unha figueira callada de avésporas e figos pingóns. Era por iso o estío  do ano. 



O cantar discontinuo, tal que encelándome,  agora chilreante, agora silencio mudo,  tiña que vir de non moi lonxe das árbores. De algo máis adiante. Ao mellor dalgún tellado das primeiras casas da rúa  Fernando Lago. O páxaro do paraíso tornou rechouchíar con forza. Estirei o pescozo levando os ouvidos nos ollos na dirección das suaves e gratísimas notas. Movín a cara con lentitude máxima. Non quería axocar aquela marabilla. 



Lenta, moi lentamente, deixando amosar o corpo, poiden alcanzar a ver, e admirar,  ao autor do canto: un moi querido alumno, grande gaiteiro, quen se houbo de fartar de rir ao descubrirme cos prismáticos e coa cámara, pois coñecendo tanto á miña afección cega polos paxariños, canto a miña xordeira musical definitiva, dende a ventá baixa da súa casa, fornecido só co xoguetiño sinxelo dunha frauta de barro e auga con forma de paxariño, e  escudándose, iso si, no seu talento musical innegable, el, que é tan bon gaiteiro e ao mellor por iso tan coñero, tramara e interpretara unha apegota acertadísima para que este escribidor poidese encarnar, alelado e deslumbrado, o párvulo papel de víctima estupefacta e chafada… Ola Rafa!!… Chamou por min encantado lucindo a súa máis trunfante expresión de galopín… Aquí me tes!! Facendo os deberes de música… exercicios… de cantos de Aves do Paraíso!! 



Botou unha sonora e feliz risada final e meteuse fervéndolle o riso no interior das sombras da súa casa. Aínda cheguei a escoitar a súa voz, victoriosa e encantada, saíndo do adentro do escuro: Mamá! Mamá! Rafa picou coma un pancho!! 



O meu pequeno mundo; tamén feito de amor e risas, de gaitas e artistas, de soños,  silveiras e aves do paraíso.




    A este texto gustaríalle que se soubese que está imaxinado por e para Elías, xente íntima do meu pequeno mundo, pasaxeiro de El tren de los sueños, amigo, admirado músico e entregado estudante en Artes Diversas, por demais. Non haberá fallo sendo alumno, como foi, de Consuelo do Mimo e fillo, como é, de Carmen DeLorenzo. Un artista futuro. No presente. 

Unha forte aperta Eli, benvido ao lío!!!.



    Miña ben querida e pouca xente, deixar xear... 

    ...que as negras sombras das horas,  non empanen  o cristal da vosa ollada...

    ...ser bós que guapas xa sodes.

A mandare.




PAZ  E  PALABRAS



(Esa breve redacción que antecedeu xa houbo quen descubriu que é un anaquiño curto, modificado gravemente, do texto do que algunha ca outra vez vou deixando caer algúns apartes e que se chama No meu pequeno mundo. Que tampouco habería ser moi difícil  de adiviñar).


xoves, 28 de marzo de 2024

ALTRI

Verdade é que una imaxe vale máis ca cen palabras. Verdade tamén é, que hai palabras que suxiren máis de mil imaxes. 

ALTRI. Velaí cinco letras que nos remexen na conciencia un serial de lembranzas visuais. De memorias pontevedresas, de recordos de contaminacións e evocacións pasadas de tufos ao lonxe durante toda unha vida, a nosa vida.

ALTRI. Unha película de horror que, incapaces  de despertar do pesadelo de Lourizán, vén agora a atormentarnos o futuro, que en soños imaxinamos limpo, emporcallando as nosas ilusións coa psicosis dun esbandalle de naturaleza nas terras de Ulloa de dimensións cataclísmicas alentado en directo co habitual cinismo propagandístico dos altavoces do negocio eucalitero. Os portavoces de sempre. Os púlpitos do sacerdocio do becerro do euro.

ALTRI. A monstrosa demostración, xa na hora innecesaria por mil veces repetida, de sermos un territorio vendido ao mellor postor, sexa alemán, francés, español, luso ou galego. Tanto ten quen ten tanto. Todos están no allo. Todos. A hidra das cen cabezas das élites monopolistas europeas. Unión Europea? Xa imos entendendo de quen vés sendo. 

ALTRI. Unha palabra extraña, asignificante, que desvela as purrucias putrefactas deste rexime político caducado, financiado por Alemania dende a primeira hora, adorado por corruptos e corruptores a quen chaman falsamente democracia. Democracia? Poder do pobo? Poder do demo, será. Se lle chamaras Furnocracia, aínda, aínda. Democracia falsaria, o truco burocrático-ideolóxico das élites trileiras para enganar e controlar ás xentes como nunca antes se fixera. Panfleto contra la democracia realmente existente. Gustavo Bueno.

Democracia, cracia do demo. Do escuro, oculto, traidor, asexante e conspirador satanás do carto podre que todo o apodrece. Democracia, risa me das. Gargalladas nervosas de medo pánico e sorrisos de Sardón. 

Non hei recurrir ao inacabable rosario de argumentos científicos naturalistas, evidentes e indiscutibles, que fornecen de pensamentos claros e xusticieiros a posición  de cordura e intelixencia de tantas xentes que dende a Ulloa estenden a súa lucidez natural enfróntándose a esta desaforada monstruosidade, esta traición política (pagada con euros europeos de todos), que se esconde tras do  anagrama ocultista das cinco letras de ALTRI e que nace enviciada polo beneficio avaricioso duns poucos e á miseria do deixaxear de moitos. 

Non ten moito interés repetir o que tantos e tan ben    denuncian. Xa se sabe, cantas máis razóns naturalistas e científicas teñas, menos corte che van dar, menos audiencia che van conceder. 

Non hai tanto que os servos dos amos, que a si mesmo se alcuman de partidos democráticos, provocaron, ou se o preferides convocaron, á cidadanía a unha outra xornada electoral; a festa da democracia chámanlle sen roibor,  por ver de decidir cal deles, ou cales deles, ocupaban o  Pazo de San Caetano, ese que forraron de moquetas para que nelas se amortiguen as pisadas destructoras dos insensibles e pesados pés de chumbo do poder,  dende hai tanto enferrados en zapatóns herdados.

Unha outra aburrida, carísima e inútil xornada electoral democrática. E cantas van? Servidor é un abstencionista crítico militante, que aborrecería que a súa honra, fama e bon nome, se o tivese, se vese lixugado por ser cómplice, partícipe, actor ou validador desta ritual prolongación do mando e ordeno  borbónico-franquista, esta, cuarentona xa, noite de corrutelas a quen o réxime realmente existente chama democracia sen que na súa cara dura se lle mova un músculo de verdade.

Pois ben: na última campaña electoral ningún deses partidos políticos,  servos dos amos, das elites, puxo derriba da mesa o debate do tema de ALTRI. Asombroso? Asegún. Os amigos que teño, os conocidos que conozo e a xente de paso que trato, (case todos adictos á furnocracia), facíanse cruces, fanse cruces, cando lles aseguraba completamente en serio que non habería de ir perder unhas horas dunha mañá de domingo en depositar o meu voto nunha furna para comprobar que a lei da gravidade segue activa.  Pero Rafael! É un momento crucial! (Espántense que todas as xornadas electorais coincidan sempre con momentos cruciais)  Como non vas ir votar?! Ir votar é importantísismo! Malpocados. 

Mira, pódesme dicir, díxenlle daquela a un amigo que sei que agora me está lendo, porqué na campaña ningún partido político  está poñendo o tema de ALTRI na palestra? Porqué non se está debatindo en campaña? Cómo queres que vaia votar sen saber o que pensa cada quen do tema máis importante que ten a nación pendente sobre  o seu futuro? Porqué non se debateu? Porqué non quixeron debatilo?

Porque ben sei que me estás lendo, pero ben sei que agora como antes non tes resposta. 

Nin Ana, nin Xosé Ramón, nin Afonso, nin Marta, nin outros que houbo, abriron a boca para dicir esta  é miña opinión sobre o tema de ALTRI. 

Todos mudiños. Silandeiros. Clamorosamente calados. Hai non moito máis dun mes que nos deron a entender, por nos confundir, por nos engadar propiamente, con que non existía ALTRI ou peor, que ALTRI era un tema insignificante indigno de ser debatido. 

Porqué?

Tanta coincidencia no silenzo foi casualidade... ou pacto de comenencias?

Algo cheira mal nas escaleiras de acceso as molidas moquetas de San Caetano.

Fede que imbra. 

Pero, daquela Rafael, nunca máis has de volver   votar?

Si home, perde coidado, non teñas medo que non hai fallo, eu hei de ir votar cando fagamos... un referéndum  por ALTRI.

Democracia? 

Imos ver se é verdade.

!!!!!   REFERÉMDUM  POR  ALTRI  !!!!!

Porqué non?

Pódesme dicir porqué NON?

Miña ben querida e pouca xente, eu por hoxe xa calo, seguir a ser bós que guapas xa sodes. 

PAZ  E  PALABRAS








domingo, 17 de marzo de 2024

Aos amigos do meu pequeno mundo.


(As palabras que se diolo quer han de vir son parte do pouco texto que se chamou e chama No meu pequeno mundo e que algúns dos amigos que comigo van teñen xa lido enteiro. O que é moi de agradecer. De vez en cando dou en ir poñendo anaquiños del neste o meu voso blogue e van aparecendo sen seguir a orde en que o texto está escrito; o que dende logo non ten importancia, por estar escrito sen orde, non sendo esas ordes caóticas e intuitivas coas que se goberna o corazón).



O meu pequeno mundo nalgúns días sorprendentes, despístase da escondida senda natural de tranquilidade por onde pasea a diario e trasmúdase inesperadamente nun balbordo rebuliceiro de amigos humanos exaltados, lixeiros, sorrintes, aledantes, unha refusía de ledicias que trastoca a paz acomodada da quietude do meu eido nunha xira de alegrías e marabillas, unha repichoca de muiñeiras, unha folía de amor á cedeiresa. 



Nunca sei moi ben cando e como se vai dar ese abrocho efervescente da festa das amizades. Ás veces avísanmo gaitas soando ao lonxe ou foguetería desconcertada. Outras é un familiar caritativo… Ti saberás que día é hoxe… non? Tantas veces unha chamada avisándome… Mira que vamos pra aí. Agrádame ese costume tan pouco burocrático dos meus amigos de apareceren sen eu saber, arrodeándome daquela de ughos, de apertas, de palabras, de risadas sen teito, de comomevás, de comochevai, de contos, de chistes, de rexoubeos, de falares e de historias de xente de lonxe. Ás veces moito de lonxe.



 Os meus amigos, a miña xente queridiña da alma, malpocados, chéganse dende o extranxeiro das arredadas terras nas que viven o seu desterro... Barcelona, Mallorca, Pontevedra, As Neves, Compostela, Madrid,  aínda Ferrol, e ao mellor tamén da rúa Ezequiel López ou da Praza Roxa. Veña quen queira cando queira de onde queira que veña. Nalgún tempo chegou a vir xente dende Londres e Newcastle, en anos idos onde o meu mundiño tiña un especial atractivo cosmopolita. Tempus fugit, déixaios ir. 



No  meu pequeno mundo, no que se crían  sombras fragosas e salvaxes e se dán herbas bravas habitadas de bechocos,  resgárdasen tamén quentes abrigueiras do nordés, abertas a sur, onde o sangue se acalora, leveda o espíritu pagán,  nace un tremor primitivo, un brinco sen inxirada levanta os pés da terra e argalla no ar un punto de danza que principia a facerse baila, nacendo un alento de troula e un berro de aturuxo na gorxa… xira en Fernando Lago!!  Aleluia!! Sursum cordam!!! Chegou a Festa !!! 



Sendo xentes de talento e bondade, amigos do foliar e  o muiñar, de pandeirar e xirar, de cantar e recantar, os meus amigos aparecen con guitarras, gaitas, clarinetes, acordeóns, pandeiretas, cervecicas,  empanada, caldeirada, viño branco, sardiñada, viño tinto, carne asada, cafeiño,  pitilliño,  chupitiño, e á postre,  si señor, un llintoni, por favor!. 



Cantar cantamos todos, uns ben e outros mellor, pero sempre coa alma grande, afinando de sentimento e levando o ritmo a pulsos de corazón. Eses  días, o meu mundo, pequeniño, múdase nunha  inmensurable patria sen fronteiras entre as areas da terra e os astros do ceo, un espazo aberto á irmandade universal de todas as xentes liberadas e cantareiras, esas patriotas da ledicia, esas voces ceives de tristura, esas as que sen medo  a comulgaren coa amistade, ughan e farrean con paixón amorosa, unha hora encima da outra, espíndose da negra sombra, engaiolando ás estreliñas da noite, axugando no peito unha soa voz para seguiren firmes cantando aos ceos no abrir do día, abrazados  ao sol das esperanzas, aquel que bica o orballo dos campos nas mañanciñas de San Xoán cando o aire aínda ule a borrallo, as fontes a auga de rosas, os beizos a fiuncho e a memoria a reina luisa




Até acó chegaron hoxe as miñas verbas. 




Palabras de hai anos, pero para min aínda  vivas, capaces de facerme sentir aos amigos, aos que están... e aos que xa  non están, que así son as cousas. As palabras, sen materia putrefacta que as solidifique, lixeiras sen o peso da carne, ánimas puras, sobreviven mellor ca nosoutros ao tempo, ese alquimista da trasmutación. As palabras, conservadas no sutil prebe da memoria sobrepasan o devir da historia encarnadas  en son de voz,  grafo de tinta,  tacto de braille ou bit de silicio. Aí, falsamente inertes dentro do seu disfraz de rutina,  son quen de rexurdir de repente diante do noso  entendemento revividas por un fulgor novo, un sentido incomprendido, un significado nunca antes entendido, inesperado, que nos explica, dános a entender, fainos lembrar, extrañar, comprender, sentir, chorar ou rir, dun xeito que nunca antes conocéramos, como se fora a primeira vez que as recibimos e acabara de encetarse unha nova vida en charte. 

Ás palabras, un respeto.

Teñen vida.

Propia.



Ser bós que guapas xa sodes, miña ben querida e pouca xente. Non perder as mañas. Non deixedes de vir a verme a este curruncho de nebras e vidas ao noroeste do Noroeste; a este voso pequeno tarreo arreado do mundo, a este apartado xardín silvestre aberto a todos, pechado a moitos.

Prometo estar agradecido.

Apertiñas.

A mandare.



PAZ   E   PALABRAS